Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 581 a 600 de 3707

Comeza en Lubbock o IV Simposio Norteamericano de Estudos Galegos

Este xoves arrinca en Lubbock (Texas) o IV Simposio Norteamericano de Estudos Galegos que organiza a Asociación de Estudos Galegos que este ano leva por título “Camiño a Texas: unha morada galega na pradeira”. Unha cita coa que colabora o Consello da Cultura Galega (CCG) con conferencias e proxeccións.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 15 números do Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma quince números do Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas. A cabeceira, que é unha continuación do voceiro Galicia, publicouse en Bos Aires entre 1943 e 1944. Editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, tiña como obxectivo informar sobre a entidade editora e as sociedades que a integraban. Ademais, tamén incluía novas sobre Galicia e a colectividade emigrada.

Ler máis

Especialistas instan a repensar o modelo de xestión do territorio no foro Pensar o mundo dende Galicia

“Cómpre abrir o debate da ordenación do territorio, e facelo desde unha perspectiva social, cultural e tamén ambiental” apuntou a arquitecta Teresa Táboas no marco da xornada “Territorio, patrimonio e identidade”, a sétima sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Unha idea na que afondou o arqueólogo Agustín Azkárate, que engadiu que “non se pode recuperar un espazo sen documentalo e comprendelo”. A cita foi gravada e os vídeos pódense consultar no sitio web da institución. Ademais, abriuse a inscrición para a ultima sesión deste foro co que o CCG celebra o seu 40º aniversario. Titúlase “Modelos para unha economía da cultura” está coordinada por Xosé Carlos Arias e terá lugar o vindeiro 9 de novembro.

Ler máis

O foro Pensar o mundo dende Galicia propón este xoves unha reflexión sobre o patrimonio

O arqueólogo Agustín Azkarate e a arquitecta Teresa Táboas participan este xoves na xornada “Territorio, patrimonio e identidade”, a sétima sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o seu 40º aniversario. Rebeca Blanco-Rotea é a coordinadora desta cita, que pretende afondar dende unha perspectiva teórica e práctica en como se establece a relación entre unha sociedade o espazo que habita, unha reflexión pertinente no contexto actual no que se están a producir conflitos entre a protección das paisaxes culturais e a forma de implantar enerxías renovables. Xosé Manoel Núñez Seixas, coordinador do foro, e Rebeca Blanco-Rotea inauguran esta xornada, que se pode seguir en directo dende o web e as redes sociais do CCG.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Manuel Soto Freire

Manuel Soto Freire (Lugo, 1826 – Goián, Ferreira de Pantón, Lugo, 1897) foi un impresor de gran sona da cidade lucense. No seu negocio tipográfico publicáronse algunhas obras de Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Juan Antonio Saco Arce, así como o calendario agrícola Gaiteiro de Lugo e os populares Almanaques. Con Soto Freire, Lugo inaugurou “o seu máis estreito vencello co Rexurdimento das letras galegas”, afirma Xurxo Martínez González. El é o autor da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Declaración "Un seminario para saber de nós"

Declaración

O 12 de outubro de 2023 celebrouse a andaina coa que se conmemorou a fundación, cen anos atrás, do Seminario de Estudos Galegos na casa de Ortoño que fora residencia de Rosalía de Castro. Ao final do acto leuse, no campo da festa da parroquia, a declaración coa que as entidades organizadoras e participantes no centenario do Seminario de Estudos Galegos sintetizan o papel histórico e simbólico da entidade na construción da Galicia moderna. Pode consultar a declaración completa aquí.

Ler máis

O sector empresarial amosa unha maior sensibilidade cara ao galego aínda que mingua o seu uso

"O máis coherente para unha empresa que nace en Galicia, formada por galegos, con capital galego e cun Consello de Administración que fala galego é que a súa comunicación, as súas relacións internas e externas sexan nesta lingua", afirmou Pedro González, avogado e directivo de Leite Noso. Pero non todas as empresas teñen a mesma posición coa lingua, tal e como foron debullando responsables de diferentes empresas e entidades que participaron nos XXV Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacaron na inauguración a importancia deste foro, que este ano pon o foco no ámbito socioeconómico, un eido no que, pese as medidas adoptadas, se reduce o uso da lingua. Segundo as cifras achegadas polo investigador da Universidade de Santiago (USC) Miguel Guisantes entre 2003 e 2018 descendeu un 17% o número de persoas que falaban sempre en galego cos compañeiros e un 12,3% coa clientela.

Ler máis

Os Encontros para a Normalización Lingüística cumpren 25 anos cunha reflexión sobre vender en galego

“Economía, lingua e sustentabilidade” é o título da vixésimo quinta edición dos Encontros para a normalización lingüística que organiza este martes, 17 de outubro (9:45 horas), o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inauguran esta cita que pretende reflexionar sobre o papel do idioma no ámbito socioeconómico. Responsables de empresas e entidades como Daveiga, Espiga, Fegatur Vegalsa-Eroski, Deleite Cooperativa 57 ou Caixa Rural Galega, entre outros, achegarán as súas experiencias neste encontro presencial que tamén se pode seguir en directo a través do web e as redes sociais da institución.

Ler máis

Preséntase en Braga Como levar unha vida honesta , o manual para príncipes de Martiño de Dumio

“Que as túas opinións sexan xuízos” ou “Non finxas ser o que non es, nin queiras semellas máis do que es” son algúns dos consellos que figuran en Formula vitae honestae. Un compendio de ética natural que o monxe Martiño, bispo de Dumio, escribiu a petición do rei Miro cara o ano 570 e que o Consello da Cultura Galega (CCG) traduciu ao galego o pasado mes de marzo. Este éxito da Europa medieval do momento preséntase este venres en Braga nun acto en colaboración coa Universidade do Minho que inclúe dúas visitas comentadas polos escenarios biográficos e históricos ligados a el e o seu contexto cultural: Núcleo Museológico de São Martinho de Dume e São Frutuoso de Montélios.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Marcial Valladares

A Marcial Valladares Núñez (Vilancosta, Berres, A Estrada, 1821-1903) “o nome viñéralle dado en lembranza da batalla de San Marcial contra os franceses en que saíra vitorioso o pai, o avogado don José Dionisio Valladares, que desenvolveu unha intensa vida militar e política”. Así o Xosé A. Fernández Salgado, autor da entrada que hoxe se incorpora no Álbum de Galicia, colección de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

RESOLUCIÓN DEFINITIVA para a adxudicación das bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega

Procedemento bolsas proxectos de investigación 2023 (PR970B)

Ler máis

Especialistas destacan a contribución metodolóxica e o coñecemento que achegou o Seminario de Estudos Galegos

“O Seminario de Estudos Galegos (SEG) inaugurou unha nova forma de saber, ao introducir unha metodoloxía e un maior coñecemento global atendendo ao rigor científico” apuntou Francisco Díaz Fierros, coordinador do congreso Saber de Nós, na inauguración desta cita que convoca a destacados especialistas para ofrecer un balance do que significou este movemento no centenario da súa creación. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, destacou tamén a relevancia histórica desde grupo que mudou o coñecemento do país. A cita remata mércores cunha revisión as áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Sobre o SEG afonda tamén a nova entrega de Proxector, iniciativa que o CCG coa Universidade de Santiago de Compostela que nesta ocasión escolma doce vídeos vencellados ao movemento e os seus membros. A revisión do Seminario compleméntase o vindeiro 24 de outubro con outra xornada que ofrece unha análise en comparación con outros centros análogos no contexto hispánico.

Ler máis

Un congreso revisa o legado do Seminario de Estudos Galegos

“Saber de nós” é o título do congreso organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración de media ducia de entidades, que pretende facer balance da significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Justo Beramendi, Ramón Villares, Henrique Monteagudo son algúns dos participantes nesta cita que arrinca mañá en Santiago. Ademais, no marco desta celebración, o xoves terá lugar a festa popular coa que unha serie de entidades conmemoran a andaina que cen anos atrás deu lugar á creación do seminario.

Ler máis

A institución acolle a terceira das sesións do Welcoming Spaces Forum

A institución acolle a terceira das sesións do Welcoming Spaces Forum

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, saudou esta mañá aos participantes da terceira sesión dos "Welcoming Spaces Fórum" programa que se integra no proxecto "Welcoming Spaces". A profesora da Universidade da Coruña (UDC), Laura Oso, foi a encargada de inaugurar a xornada que debaterá sobre a chegada de inmigrantes a áreas rurais desde a perspectiva municipal, desde as ONGs, e das administración. "É unha satisfacción para nós acoller esta xornada que se integra dentro da nosa concepción ampla da cultura" apuntou a presidenta.

Ler máis

O impacto directo do galego no conxunto da economía supón 1.440 millóns de euros

O valor económico do galego é un documento pioneiro que achega, por primeira vez, o coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía de Galicia. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares; Melchor Fernández e Diana Fernández, profesores da USC e investigadores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) presentaron esta mañá os resultados deste informe que cuantifica en 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto (VEB) e 27.702 postos de traballo o impacto directo que o galego supón ao conxunto da economía de Galicia. O documento xa está dispoñible para descarga.

Ler máis

Manuel María entra no Álbum de Galicia

No día en que Manuel María (Outeiro de Rei, 1929- A Coruña, 2004) cumpriría 94 anos, a súa biografía entra no Álbum de Galicia. É unha referencia imprescindible no panorama literario da segunda metade do século XX, pola amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa temática. A súa entrada foi elaborada por Alberte Ansede, presidente da fundación que leva o nome do intelectual.

Ler máis

O rexionalista Andrés Martínez Salazar entra no Álbum de Galicia

Editor, arquiveiro e historiador, Andrés Martínez Salazar (Astorga,1846 - A Coruña, 1923) foi unha das principais figuras do rexionalismo galego, sobre todo no campo da cultura e como impulsor do rexurdimento literario do país. A súa entrada, que hoxe se inclúe no Álbum de Galicia, colección de biografías que elabora o Consello da Cultura Galega (CCG), foi elaborada por Alfonso Mato.

Ler máis

Dúas actividades profundan na música medieval a partir da figura de Martín Codax

Unha xornada científica e un concerto son as dúas actividades coas que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Redondela celebran este xoves, 5 de outubro, unha nova edición do ciclo “Seíam'eu... en San Simón”. O programa busca profundar na figura de Martín Codax, figura homenaxeada este ano co Día das Artes Galegas. A xornada terá lugar de mañá (a partir das 10:30 horas) na illa de San Simón, e contará con destacados especialistas para falar das voces e da arpa na música medieval. Titúlase “Ecos medievais: A voz e a arpa, testemuñas e transmisores da alma musical do pasado”, non se retransmite en directo, pero será gravada para logo subirase á rede no web do CCG. Pola tarde (19:30 horas), no auditorio a Xunqueira de Redondela, haberá un concerto no que terá lugar a estrea absoluta da reinterpretación das cantigas de Martín Codax feita por catro compositores galegos actuais.

Ler máis

Perugia acolle a mostra Afonso X e Galicia, que afonda na conexión galega do monarca

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, acompañada de Carlo Pulsoni e Marco Paone, codirectores do centro de estudos galegos da Universidade de Perugia;. Roberto Rettori, delegado de orientación, titoría e divulgación científica da mesma universidade; Ignacio Peyró, director do Instituto Cervantes de Roma e Leonardo Varasano, asesor de cultura da Comuna de Perugia, inauguraron esta mañá no reitorado da universidade a mostra Afonso X e Galicia. O proxecto expositivo poderá verse na cidade italiana ata o 13 decembro.

Ler máis

Subida á rede a publicación Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

A nova publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) chámase Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional e está editada por María Álvarez de la Granja e Marta Negro Romero. Este volume que xunta a investigación sobre a variación léxica coa presentación de proxectos educativos centrados na recolleita de vocabulario tradicional.

Ler máis