Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 221 a 240 de 3707

Proxeccións e materiais para conmemorar o 8M

O Consello da Cultura Galega (CCG) traballa arredor do movemento feminista e da situación das mulleres de xeito permanente e continuado ao longo de todo o ano a través do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), entre outras actividades. Con todo, arredor da data 8 de marzo, Día internacional das Mulleres, desenvólvense algunhas accións concretas para reforzar e visibilizar esta liña de traballo. Coma vén sendo habitual, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, prográmanse audiovisuais que foron producidos ou dirixidos por mulleres no ciclo Olladas de muller que cumpre 13 edicións e arrinca este mércores 5 (Filmoteca de Galicia, A Coruña, 18:00 horas) coa última película de Margarita Ledo Prefiro condenarme. Ademais, a Hemeroteca Feminista A Saia sobe á rede unha nova cabeceira para contribuír a divulgar os fondos dos movementos feministas e LGTBIQ+ na historia contemporánea. As entradas do Álbum de Galicia deste mes de marzo están todas protagonizadas por mulleres.

Ler máis

O Son do Camiño consolídase como un dos principais eventos do país segundo o Observatorio da Cultura Galega

O festival O Son do Camiño (12,7%), Manuel Rivas (5,7%), o Culturgal (4,7%), Fillas de Cassandra (4,2%) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2024, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación “Calo y Viduido”

En agosto de 1920 un grupo de emigrantes en Cuba procedentes das parroquias veciñas de San Xoán de Calo (Teo) e de Santa María de Biduído (Ames), deciden crear unha sociedade para, entre outros fins sociais, financiar a construción de escolas na súa terra natal. Documentación desta sociedade chamada "Calo y Viduido. Sociedad de instrucción, recreo y socorros mutuos" forma parte da nova entrega do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, co que o Arquivo da Emigración Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), visibiliza fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega

Ler máis

O foro participativo propón un modelo educativo piloto e voluntario co galego como lingua vehicular

Unha medida piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros) coa finalidade de ser implementada para compensar a menor presenza social do galego. Esta é unha das ideas centrais que se propuxeron no marco da xornada “Educación e socialización”, coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha o proceso Un país coa súa lingua. Foro participativo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que “abrimos un debate para propiciar consensos no marco do noso labor asesor e consultivo e pedimos que todo o país estea unido en favor da súa lingua”. Pola súa parte, a vicepresidenta do CCG e coordinadora do proceso, Dolores Vilavedra, explicou que “en outubro teremos un documento final con propostas concretas de aplicación inmediata”. O foro continúa o 20 de marzo, cunha mesa coordinada por Alba Nogueira e co título “Administración, xustiza e servizos públicos”.

Ler máis

O escritor e xornalista Valentín Lamas Carvajal entra no Álbum de Galicia

Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906) foi, ademais de poeta e narrador, xornalista de oficio que “actuou sobre a cultura galega do seu tempo e moi consciente do seu papel de promotor de ideas de restauración cultural no seo do pobo”. Así o asegura Afonso Vázquez-Monxardín, autor da entrada que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega. Nela define a Lamas Carvajal como “o cuarto pé do Rexurdimento”.

Ler máis

A educación abre Un país coa súa lingua. Foro participativo

“A educación e a socialización” é o tema da mesa coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) abre este xoves (16:00 horas) o proceso Un país coa súa lingua. Foro participativo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, e o coordinador desta sesión, Nel Vidal, son os encargados de inaugurar esta primeira xornada, que busca propor medidas concretas sobre o modelo educativo no que se adquire a competencia da lingua galega na infancia e na adolescencia, en relación con outras dinámicas e espazos para a socialización. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través do sitio web da institución e da canle de YouTube. O foro conta con diferentes formas de participación para que a cidadanía poida achegar as súas propostas en calquera momento do proceso.

Ler máis

Estréase en Arzúa un documental que homenaxea as cociñeiras

Lucía Freitas, Ana Portals, Consuelo Rodríguez Ribadulla e María Xosé Sanmartín Rodríguez son catro mulleres cociñeiras e innovadoras. Elas protagonizan “Saberes e sabores. Mulleres que alimentan a vida”, unha peza audiovisual dirixida por Encarna Otero e realizada pola Comisión Técnica Imaxes e Voces do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez; o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; Encarna Otero mais o equipo técnico e as protagonistas asisten este martes 25 de febreiro en Arzúa (capela da Madanela, ás 19:00 horas) á estrea deste audiovisual, que pretende servir de mostra do traballo anónimo e invisible das mulleres no mundo da cociña. Ao remate haberá unha actuación musical a cargo de diferentes integrantes da agrupación local “O Bringuelo”.

Ler máis

O ciclo Arte en tempo real revisa o papel dos museos e coleccións

“Museos e coleccións” é o título da cuarta xornada do ciclo Arte en tempo real que organiza este mércores 26 de febreiro (16:30 horas) a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que coordina Paula Cabaleiro. O director da Fundació Foto Colectania de Barcelona, Pepe Font de Mora; a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve e o director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Xoán Pastor Rodríguez, son algúns dos especialistas que asisten a esta cita que analiza a estrutura do sistema artístico. Rosario Sarmiento e Sofía Santos coordinan esta xornada presencial e que pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.

Ler máis

Unos años de emigración en Buenos Aires, novo volume da colección Clásicos da emigración

Unos años de emigración en Buenos Aires é o título do novo libro da colección Clásicos da emigración coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración, recuperan obras destacadas da emigración galega. Nesta ocasión achegan a edición facsimilar da primeira obra en prosa do xornalista ourensán Luis Sánchez Abal (?-1957), acompañada dun estudo crítico a cargo dos historiadores Xosé M. Núñez Seixas e Ruy Farías Iglesias. O volume xa está dispoñible para descarga no sitio web do CCG.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada das Cantareiras de Cerceda

Adolfina Casás Rama e mais a súa sobriña Rosa foron dúas labregas e cantareiras da Vila da Igrexa (Cerceda). Nunca actuaron para o público xeral, só para familiares e veciñanza, ambas foron entrevistadas por Dorothé Schubarth para o Cancioneiro Popular Galego. Son tamén algunhas das cantareiras recoñecidas neste 2025 co Día das letras Galegas. O Consello da Cultura Galega (CCG), no marco do seu proxecto Álbum de Galicia, acaba de subir a entrada biográfica que recolle o seu legado. Foi escrita por Richi Casás, neto e afillado das cantareiras.

Ler máis

A educación e socialización abre Un país coa súa lingua. Foro participativo

O Consello da Cultura Galega (CCG) abre hoxe a inscrición para a mesa Educación e socialización a primeira das sesións que conforman Un país coa súa lingua. Foro participativo. A mesa está coordinada por Nel Vidal e Dolores Vilavedra e analizará o vindeiro día 27 de febreiro (a partir das 16:00 horas) o papel do ensino en lingua galega en relación con outros espazos para a socialización e como se pode favorecer a transmisión interxeracional en lingua galega. A cidadanía pode participar achegando as súas propostas en calquera momento do proceso a través dun formulario habilitado no web así como en cada unha das sesións, ben de maneira presencial, ben a través da emisión en directo da xornada en streaming. O foro, coordinado por Dolores Vilavedra, elaborará un documento propositivo con medidas concretas e prioritarias para avanzar na recuperación do vigor do galego.

Ler máis

A paisaxe abre un novo ciclo para pensar o territorio

O Consello da Cultura Galega (CCG), a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, inaugura neste ano un novo ciclo para repensar o territorio. O proxecto chámase Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural (ETTPC) e estenderase ao longo do bienio 2025-2026. Cada dous meses haberá unha xornada de dous días que permitirá escoitar o relatorio de especialistas sobre as diferentes materias propostas máis un debate con expertos galegos. O ciclo arrinca mañá (mércores 19 e xoves 20, ambos os dous ás 17:00 horas) cun encontro sobre a paisaxe. Teresa Nieto, Carlos Amoedo e Rebeca Blanco-Rotea coordinan este ciclo presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega amplíase coa revista Vivero en Cuba

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de febreiro novos números de Vivero en Cuba, publicación oficial da Sociedade de instrución "Vivero y su comarca". Sociedade que naceu coa vontade, segundo os seus Estatutos, de “construir edificios para escuelas en todas las parroquias de los Ayuntamientos de Vivero, Orol, Muras, Riobarba, Jove y Cervo, y crear una escuela de Artes y Oficios”.

Ler máis

As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'

As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'

Ler máis

Unha xornada reflexiona sobre a medicina personalizada

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Fundación Xenoma Galicia, organizan este xoves, 13 de febreiro (16:30 horas) a xornada “Proxecto Xenoma Galicia” que trae a especialistas para falar das oportunidades que nos ofrece a medicina personalizada, así como da posta en marcha da iniciativa. A xornada, organizada por Anxo Carracedo e María Brión, ten as prazas esgotadas pero pode seguirse a través do web do CCG e das redes sociais da institución.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora unha nova entrada de Castelao

“Xenio e figura da nación galega”. Así define Henrique Monteagudo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) na entrada que acaba de elaborar para o Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Nela fai un percorrido sobre a biografía do recoñecido intelectual, artista plástico, escritor e dirixente político, ao que considera “un referente indiscutido do galeguismo e do nacionalismo, un clásico das letras galegas e unha das figuras máis representativas da Galicia contemporánea”.

Ler máis

Profesionais do sector da danza preparan un informe e instan ás administracións a un apoio estable

Representantes de diferentes iniciativas independentes de artes do movemento e performativas que existen no país, así como responsables do sector público vencellados a este sector reuníronse este mércores no Consello da Cultura Galega (CCG), no marco dunha xornada coordinada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais co apoio da Fundación María Jose Jove, para demandar un maior apoio ao sector. “É unha xornada especial que procura un espazo de encontro” afirmou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación desta cita que tamén forma parte dun itinerario de traballo que rematará a finais de 2025 coa elaboración dun informe deste sector.

Ler máis

O especial Proxector achégase ao patrimonio inmaterial das nosas festas

Antroido, entroiro, entruido, entrudio... son moitas as formas para designar a unha das manifestacións máis sobranceiras do noso patrimonio cultural inmaterial: o entroido tradicional. A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), escolma este mes unha ducia de vídeos para achegarse ás diferentes formas de celebración baixo o título “Cando o pobo vai de festa: celebracións e patrimonio inmaterial”.

Ler máis

Unha xornada analiza diferentes iniciativas das artes do movemento

A Casas Vella, Residencias paraíso, Atopémonos bailando.... son varias as iniciativas independentes que existen en Galicia de apoio á danza e ás artes performativas e do movemento. Todas elas estarán presentes na xornada “Iniciativas independentes de apoio á investigación e creación en danza e artes performativas en Galicia” que se desenvolve este mércores (9:30 horas) e que pretende visibilizalas, reflexionar sobre o seu impacto no territorio e a súa relación coa política cultural pública, tanto local como estatal. A sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Fundación María José Jove, organiza esta cita coordinada por Natalia Balseiro, Susana González e Caterina Varela. A cita é presencial e pode seguirse en directo desde o web do CCG.

Ler máis

A institución expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Xosé Vizoso

O Consello da Cultura Galega (CCG) expresa o seu fondo pesar polo pasamento do artista Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950- Brión, 2025), figura destacada das artes gráficas en Galicia. Na madrugada do sábado ao domingo finou este prolífico cartelista, muralista, escultor e ilustrador de libros. A súa obra destacou polo seu poderío visual e a profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega. Ten unha ampla traxectoria como deseñador e ceramista en Sargadelos e, entre os seus recoñecementos, destaca o Premio Nacional de Escultura que recibiu en 1968.

Ler máis