Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 301 a 320 de 3707

Dúas xornadas visibilizan a importancia do Patrimonio Cultural Inmaterial

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle esta semana dúas xornadas (martes 5 e xoves 7), organizadas xunto coa Asociación Ponte nas Ondas...! e co concello de Santiago, no marco do Mes do Patrimonio Inmaterial. Dúas sesións que abordan o patrimonio inmaterial desde dous puntos de vista difernetes. A do martes a chégase ao oficio dos afiadores, mentres a dos xoves abordará a proxección global do Patrimonio Cultural Inmaterial. Ambas as dúas citas serán ás 17:00 horas e forman parte do Mes do Patrimonio que as tres entidades organizan entre o 17 de outubro, Día do Patrimonio Inmateiral e o Día do Patrimonio, o 16 de novembro.

Ler máis

O colectivo Rampla premia o Proxecto Sarmiento

O hotel Herbeira de Cedeira acolleu este domingo a entrega dos Premios Resilientes 2024, galardóns que outorga o colectivo Rampla. Entre os premiados desta edición, destacou o proxecto Sarmiento do Consello da Cultura Galega (CCG) na categoría de cultural. Tamén distinguiu a asociación de axudas a enfermos de cancro menor de Galicia (Asanog) na categoría social; a Jenny Pérez Bengoa, directora da academia de Street Dance Cedeiresa, no apartado de deportes. Por último, o traballo de Xosé Iglesias foi recoñecido no ámbito da natureza e do mundo do mar.

Ler máis

María Teresa Fernández, primeira profesora da facultade de Farmacia, entra no Álbum de Galicia

A carreira investigadora de María Teresa Fernández Rodríguez (Chantada, 1913-1973) viuse truncada pola Guerra Civil. Sen rematar o doutoramento, regresa á súa vila natal onde tivo unha Oficina de Farmacia e desenvolveu a súa vida profesional. Foi a primeira profesora na facultade de Farmacia, xunto con Celsa Pérez Moreiras, nunha praza na que non percibían remuneración económica pola docencia. A súa biografía entra hoxe no Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), asinada por María Isabel Fernández García.

Ler máis

Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras Españolas

O Consello da Cultura Galega (CCG) felicita a Manuel Rivas que vén de acadar o Premio Nacional das Letras Españolas. O xurado destaca que é autor dunha obra de “extraordinaria calidade narrativa que xunta forza emocional e beleza formal”. Na súa resolución pon tamén o acento na “solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega”

Ler máis

A institución rende contas no Parlamento e detalla a programación de 2025

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste mércores, 30 de outubro, na Comisión Terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3.333.267 euros, 126.711 euros máis que en 2023. Álvarez detallou que neste ano en curso, o CCG realizou 97 actividades, 18 publicacións, 44 informes (entre Informes de impacto ambiental, informes para a declaración de Ben de Interese Cultural e Documentos de traballo) e puxo en rede máis de 200 fondos documentais relativos ás súas áreas de traballo. Ao tempo, avanzou que para 2025 a institución estatutaria afondará na relación entre turismo e cultura; continuará afondando no impacto da intelixencia artificial na creación cultural e realizará unha exposición sobre o papel das mulleres na emigración. Os representantes dos tres grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.

Ler máis

O comisariado de exposicións centra a vindeira sesión de A arte en tempo real

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores 30 de outubro (17:00) unha nova xornada do ciclo A arte en tempo real centrada, desta vez, no traballo do comisariado de arte, as súas funcións, relación co resto de actores do proceso artístico e perspectivas de futuro. Esta sesión, que se pode seguir en directo desde o web e as redes do CCG, estará coordinada polo crítico e xornalista Ramón Rozas xunto coa xestora cultural Paula Cabaleiro e contará con voces expertas do oficio, entre as cales estará Santiago Olmo, director do CGAC.

Ler máis

Homenaxe ao traballo das artesás a partir da figura da Elena Ferro

“Antes de zoqueira fun feiranta e as feiras foron a miña universidade” apuntou Elena Ferro na entrevista que a xornalista Marga Pazos lle fixo no marco da xornada “Elena Ferro: Creatividade e arte na pel”. Unha cita organizada polo Centro de Documentación en Igualade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) que puxo o foco no traballo das artesás. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que “hoxe falamos de Elena Ferro e singularizamos nela que detrás de mulleres singulares hai outras redes de homes e de mulleres que permitiron a capacidade de transformación da artesanía aos novos tempos, do deseño tradicional aos novos mercados”. A xornada, que rematou cunha intervención musical de Guadi Galego, tamén deu voz a novas artesás.

Ler máis

Proxeccións e conferencias celebran en Compostela o Mes do Patrimonio

Entre o 17 de outubro, primeiro Día internacional do Patrimonio inmaterial e o 16 de novembro, Día do Patrimonio desenvolvéranse en diferentes espazos de Compostela conferencias e proxeccións que conforman o Mes do Patrimonio. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, o presidente da asociación Ponte....nas ondas! (PNO!), Santiago Veloso; e o concelleiro de centros socioculturais, Xan Duro, presentaron esta mañá na sede do CCG o programa que remarca a importancia de conservar e compartir as prácticas culturais que forman parte da nosa identidade.

Ler máis

Visita da plataforma cidadá Queremos Galego

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu este venres ao voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego, Marcos Maceira, que asistiu acompañado de Elsa Quintas e Fátima Souto, dúas representantes desta entidade. No encontro trasladáronlle á presidenta do CCG as súas recomendacións, peticións e demandas perante os últimos datos que recollen a situación actual da lingua.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do Lar Gallego de Caracas

O Arquivo da Emigración Gallega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar ao proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega os fondos dispoñibles desta asociación da diáspora creada no ano 1945 e que perdurou ata 1960. O Lar Gallego foi unha institución pioneira dentro da colectividade galega no país, con eventos políticos e culturais. O CCG pon a disposición do público os libros de actas dende a súa fundación ata 1959, así como as actas das xuntas xerais de socias e un informe da Xunta Directiva. Toda a información está accesible no web corporativo da institución.

Ler máis

Aprobada a programación para 2025

O Plenario aprobou no serán deste mércores a programación para 2025. O vindeiro ano, a institución estatutaria atenderá ao impacto da intelixencia artificial na creación cultural. Ademais, analizarase a relación entre turismo e cultura desde diferentes perspectivas a través de informes, xornadas e outras actividades. A celebración do 75 cabodano de Castelao, a análise da situación da lingua, o patrimonio inmaterial e acción exterior destacan entre a programación da institución que preside Rosario Álvarez.

Ler máis

Caligrafías musicais céntrase na figura de José Arriola no seu 70 cabodano

O 24 de outubro de 1954 morre José Arriola (Betanzos, 1895-Barcelona, 1954), pianista prodixio do primeiro terzo do século XX. Con motivo do seu septuaxésimo cabodano, o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede a conferencia de Luis Mera Naveiras que ofrece unha panorámica da vida musical e familiar deste intérprete e compositor. É unha nova entrega do proxecto Caligrafías musicais, co que o CCG recupera conferencias de especialistas sobre figuras musicais destacadas do noso patrimonio sonoro.

Ler máis

A artesá Elena Ferro e os oficios protagonizan a vindeira sesión "De pioneiras e Andainas"

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) porá o foco na zoqueira Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces, 1975) coa xornada “Elena Ferro: creatividade e arte na pel”, dentro do ciclo “De pioneiras e andainas”. Será este xoves 24 de outubro (a partir das 09:45 horas) e nela revisarase a importancia dos oficios galegos desde a óptica feminista. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da xornada e do CDIF, Carme Adán, inauguran esta cita na que participa a propia Elena Ferro, a xornalista Marga Pazos, a escritora Brigitte Vasallo e tres das novas artesás galegas. A sesión rematará cunha interpretación musical de Guadi Galego. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través do sitio web e as redes da institución.

Ler máis

Unha xornada recupera o legado de Xohán Vicente Viqueira

“Xohán Vicente Viqueira (1886-1924) No centenario do seu pasamento” é o título da xornada que terá lugar o martes 22 de outubro (19:00 horas) no salón de actos da Casa Galega da Cultura, en Vigo. O evento, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), a Fundación Penzol e o Concello da cidade, afondará na produción e a vida deste intelectual galego. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, inauguran esta cita coordinada por Malós Cabrera, vicepresidenta da fundación. A asistencia será libre e gratuíta ata completar a capacidade.

Ler máis

O xornal estradense El emigrado incorpóranse ao Repertorio da prensa da emigración galega

O xornal El emigrado, editado pola Sociedad Hijos del Ayuntamiento de la Estrada en Cuba, xa forma parte do Repertorio da prensa da emigración galega, unha iniciativa do Arquivo da Emigración Galega (AEG) dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión súbense 57 exemplares editados entre 1923 e 1924. Nas súas páxinas colaboraron persoeiros como Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Villar Ponte, Antón Losada Diéguez, Basilio Álvarez ou Enrique Labarta Pose.

Ler máis

Exposicións, recursos e conferencias para celebrar o primeiro Día do Patrimonio inmaterial

Este 17 de outubro celébrase por primeira vez o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, unha efeméride que a Conferencia xeral da UNESCO proclamou en novembro de 2023. Esta conmemoración pretende poñer en valor a diversidade e a riqueza do patrimonio vivo. O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra esta efeméride con diversas accións. Dunha banda, acaba de presentar na rede un espazo web específico que reúne materiais da institución arredor desta materia. Da outra, organiza xunto coa asociación Ponte...nas ondas varias actividades que se desenvolverán no vindeiro mes. Entre estas, destaca a exposición que se pode ver no claustro de Fonseca da Universidade de Santiago. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o impulsor da asociación Ponte... nas ondas, Santiago Veloso; o concelleiro santiagues, Xan Duro, xunto co vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, inauguraron esta mostra que amosa os diferentes bens de patrimonio cultural inmaterial que hai en España.

Ler máis

A exposición Afonso X e Galicia chega á cidade brasileira de Curitiba

A mostra do Consello da Cultura Galega (CCG), Afonso X e Galicia, ábrese ao público no Prédio Histórico da Universidade Federal do Paraná, en Curitiba, este mércores 16 de outubro (GMT-3, hora de Curitiba). Valéria Gil Condé, en representación do CCG; xunto co reitor da Universidade Federal, Ricardo Marcelo Fonseca; e o director do Instituto Cervantes de Brasil, Juan Manuel Casado Ramos, son os encargados de inaugurar este proxecto expositivo que explora a conexión do Rei Sabio con Galicia. A exposición está comisariada por Antoni Rossell, da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e está producida CCG en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

Ler máis

Unha xornada analiza a época e o legado de José Rodríguez, o matemático de Bermés

A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizan este mércores na Igrexa da USC a xornada “José Rodríguez, o inicio da liña do tempo en Galicia”. Nela abordará o contexto histórico, científico e político deste persoeiro, nomeado Científico Galego do Ano pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e pioneiro da ciencia en Galicia. No evento intervirán, entre outras persoas, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático emérito da USC e Elena Vázquez Cendón, membro do Pleno do CCG e coordinadora da Sección. Despois haberá unha visita guiada á exposición sobre o matemático dentro do mesmo espazo.

Ler máis

Os XXVI Encontros para a normalización lingüística apuntan que o galego é minoritario nas exequias

Un exemplar do Cancionerio de Ajuda, o máis antigo e verificado dos cancioneiros da lírica galego portuguesa, presidiu a mesa dos XXVI Encontros para a Normalización lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Este libro, símbolo do período de esplendor da cultura galega, presentouse como fío de unión das diferentes confesións relixiosas que participaron nesta cita que puxo en evidencia o uso minoritario do galego nos ritos funerarios. Representantes das confesións relixiosas maioritarias que existen en Galicia (católica, evanxélica e islámica), xunto cos empresarios implicados en diferentes partes dun acto funerario...) destacaron que o galego esmorece nas exequias, aínda que vén na lingua un fío de unión e de concordia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez destacou na inauguración o carácter de nexo desta cita e avanzou que nos vindeiros días se presentará un documento coas conclusións. Pola súa parte, Valentín García, secretario xeral da Lingua, destacou a importancia do uso do galego nun momento tan familiar e íntimo como é un pasamento. Os relatorios foron gravados e as intervencións pódense consultar no sitio web e as redes sociais.

Ler máis

Complétase a serie audiovisual que documenta o teatro galego na Transición

Compañías afeccionadas, festivais ou xornadas de teatro... entre as décadas dos setenta e oitenta xurdiron diferentes iniciativas ao redor das artes escénicas que acabaron cristalizando no nacemento do teatro galego profesional. Para preservar a memoria dese período, o Consello da Cultura Galega (CCG) elaborou a serie documental Memoria do teatro galego na Transición. O proxecto complétase agora con dous novos episodios que se presentan este luns (16:30 horas) no marco dunha xornada encamiñada a reflexionar sobre este período crucial na historia cultural de Galicia e para afondar no proceso de recuperación e preservación da memoria escénica galega. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, acompañada por Cristina Domínguez Dapena, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG, e Inma António, presidenta da Academia Galega de Teatro, inauguran esta cita presencial que se pode seguir en directo polo sitio web e as redes da institución.

Ler máis