Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 321 a 340 de 3707

Os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística abordan a lingua nos ritos funerarios

A importancia da lingua escollida para os ritos funerarios de distintas confesións relixiosas, a súa pegada cultural e antropolóxica e a nosa relación con ese momento a través da nosa lingua será o eixo central dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. A cita, titulada Vivir e perdurar na nosa lingua, terá lugar o vindeiro martes 15 de outubro (9:45). A xornada é presencial pero pode seguirse en directo no sitio web do CCG e as súas redes.

Ler máis

Expertos destacan as dificultades dos emigrantes que retornan

"Os números de migrantes non palían o envellecemento da poboación nin tampouco axudan a reverter o despoboamento do rural", afirmou Antía Pérez Caramés, unha das tres coordinadoras do seminario celebrado hoxe, baixo o título Os retornos da emigración galega: unha ollada multidisciplinar. Organizado polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), profesionais da historia, demografía e socioloxía analizaron as características, perfís e o impacto social e económico das persoas emigrantes que regresan a Galicia. Na inauguración, o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, destacou o traballo que a institución leva realizando na análise deste fenómeno desde hai un cuarto de século. Xunto con el, Begoña Solís Domínguez, subdirectora xeral de Retorno da Xunta de Galicia, salientou que "o retorno é unha oportunidade para Galicia, porque incorpora redes de contactos que poden xogar un papel clave". Os relatorios foron gravados e pódense consultar no web corporativo e na canle de YouTube.

Ler máis

A vida do compositor Antonio Paz Valverde incorpórase ao Álbum de Galicia

Antonio Paz Valverde (O Porriño, 1937-2022) foi un destacado compositor e director de coros. É autor de máis de 158 pezas, entre música relixiosa e cancións que partían de poemas de autores como Manuel María, X. M.ª Álvarez Blázquez, Cunqueiro ou Pimentel. As súas composicións asentábanse na idea de crear unha música contemporánea cunha identidade galega manifestada basicamente na lingua. Fundou a Coral Polifónica do C.R.C. do Porriño e o Orfeón Porriñés, cuxas gravacións tiveron gran repercusión internacional. A biografía, elaborada polo músico Xosé Ramón Paz Antón, súmase ao Álbum de Galicia, colección de biobibliografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Un seminario analiza o retorno da emigración galega

O Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro documental do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza este xoves 10 de outubro (9:30 horas) o seminario “Os retornos da emigración galega: unha ollada multidisciplinaria”, no que se abordan as características, perfís e impacto social e económico das persoas emigrantes que regresan a Galicia. A xornada, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, pretende poñer o foco nas condicións de retorno dos emigrantes á luz dos resultados de investigacións recentes cun panel de expertos que abordará as diferentes caras do fenómeno. O vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, e a subdirectora xeral do Retorno, María Begoña Solís Domínguez, inauguran esta actividade coordinada por Belén Fernández Suárez, Antía Pérez Caramés e Raúl Soutelo. O seminario pódese seguir en directo dende o web corporativo e as redes sociais do CCG

Ler máis

Antonio Paz Valverde

Antonio Paz Valverde

Nova entrada no Álbum de Galicia

Ler máis

Comeza en Verín un ciclo para afondar na vida e pensamento de Eloy Luis André

O psicólogo clínico Xosé Ramón García Soto foi o encargado de abrir as “Xornadas Eloy Luis André” coas que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Verín, se achegan á figura deste pioneiro da psicoloxía en España. A coordinadora da Sección de Pensamento do CCG, Celia Pereira, e a concelleira de cultura de Verín, Samanta Barreira, inauguraron este ciclo que programa todos os xoves de outubro unha sesión para profundar na vixencia do legado deste pensador.

Ler máis

Unha xornada en San Simón analiza a xestión dos lugares da represión franquista

Que facer cos espazos da represión franquista no día a día? Esta é a pregunta que profesionais de diferentes lugares da península tratarán de responder na xornada A xestión dos lugares de memoria da represión franquista. A cita ten lugar este venres 4 de outubro (a partir das 10:30 horas) na Illa de San Simón e está organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Redondela. A xornada ten cuberta as prazas e non se retransmite en directo, pero os relatorios serán gravados para subirse posteriormente ao sitio web da institución.

Ler máis

Presentado o documental que se achega á historia da recuperación da zanfona

A zanfona é un dos instrumentos icónicos da recuperación da música tradicional, un símbolo identitario que nos conecta co período medieval. A súa historia está chea de conexións e confluencias que agromaron nos anos setenta e que permitiron a época dourada vive hoxe. Este camiño recente é o que conta Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, o novo proxecto audiovisual promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG) que se presentou no serán deste xoves no Museo de Belas Artes da Coruña. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do museo, Ángeles Pena Truque, presentaron este traballo xunto co seu director, Ramón Pinheiro e dous dos protagonistas, Miro Casabella e Pablo Quintana. O documental realizado pola aCentral Folque e a produtora audiovisual Aqueladas xa se pode ver no web do CCG.

Ler máis

Un libro homenaxea a José Rodríguez, o primeiro científico galego internacional

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaban de sacar do prelo José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime, persoeiro nomeado Científico Galego do Ano en 2024. O volume foi presentado esta mañá na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; o editor, Juan José Nieto Roig; e varios dos autores da publicación. Xa está dispoñible para descarga no web do CCG.

Ler máis

Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición

Este documental estuda o proceso de recuperación da zanfona, durante os anos da Transición democrática, como parte do proceso de construción dunha nova identidade musical galega. Coa conducción de María Xosé Porteiro, destacadas figuras da música tradicional galega explican como viviron o proceso de recuperación deste instrumento ao tempo que se incrementaba o interese pola recuperación do patrimonio cultural do país.

Ler máis

A biografía do poeta e tradutor guitiricense Díaz Castro súmase ao Álbum de Galicia

Xosé María Díaz Castro (Os Vilares, Guitiriz, 1914 – Lugo, 1990) foi un poeta e tradutor autor, entre outras obras en galego, de Nimbos (1961) e Nascida d’un soño (1947). Este persoeiro foi tamén tradutor ao castelán de autores como Rimbaud, Chesterton, Eliot, Whitman e Schiller. Cando se cumpren 34 anos do seu pasamento, a súa entrada incorpórase ao Álbum de Galicia, colección de biografías de figuras destacadas de Galicia promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG). O autor do seu texto biográfico é o crítico literario e investigador Armando Requeixo.

Ler máis

A nova entrega de Proxector achégase á figura do matemático José Rodríguez González

“Trigonometría: medindo o mundo con ángulos” é o título da nova entrega de Proxector, especial do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) que recompila material audiovisual para a docencia. O protagonista desta edición é o matemático José Rodríguez González (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) ao ser a figura homenaxeada do Día da Ciencia en Galicia deste 2024. Ao fío desta celebración, o CCG, a USC e a Real Academia Galega de Ciencias presentarán este xoves 3 de outubro (12:00 horas) en Santiago o libro José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime.

Ler máis

Chus Pato, Otero Pedrayo e Rafael Dieste incorpóranse ao proxecto Seara no Día Internacional da Tradución

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos. Esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de Chus Pato, Rafael Dieste e Otero Pedrayo que se irán distribuíndo no web e nas redes do CCG ao longo desta semana.

Ler máis

Unha xornada analiza o legado musical de Risco e María del Carmen Fernández

Literatura, historia e música terán lugar mañá en Allariz, sábado 28 (10:00 horas) na xornada “A música ten ondas coma o mar”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Vicente Risco Vicente Risco. Unha cita que versará sobre o legado musical do autor e a da súa dona, María del Carmen Fernández Gómez. A xornada non se emite en directo, pero será gravada para logo subirse a hemeroteca web do CCG. Samuel Diz e Xosé Rodríguez son coordinadores desta xornada que inaugura a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta da Fundación Risco, Celia Pereira; a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid Fernández, e a directora do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón Costela.

Ler máis

Regresa o ciclo Pensarmos cunha xornada de análise sobre o conflito entre Israel e Palestina

A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) retoma este xoves 26 de setembro (18:00 horas) o seu ciclo Pensarmos. Esta sección, coordinada por Celia Pereira Porto, porá o foco no actual conflito entre Israel e Palestina baixo a pregunta “é posible a paz?”. Contará cun coloquio entre o xornalista Josep Gisbert e o investigador e profesor universitario Juan Manuel Trillo, ambos moderados polo analista político e avogado Xoan Antón Pérez Lema. A sesión é presencial na sede da institución, pero tamén se pode seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais do CCG.

Ler máis

Súbense á rede fondos documentais da Agrupación Artística Gallega da Habana

A Agrupación Artística Gallega da Habana, creada no ano 1919 e hoxe en activo, é esencial para entender a difusión da música e do teatro galegos en Cuba. Algúns dos fondos desta entidade conforman a nova entrega do especial web Memoria documental das sociedades da emigración galega que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e xa dispoñible no web da institución.

Ler máis

A institución celebra en Lisboa o Día Europeo das Linguas

O 26 de setembro é o Día Europeo das Linguas. Unha iniciativa que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra no marco da colaboración co Instituto Cervantes, o Euskal Etxepare Institutua e o Institut Ramon Llull. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, participa este mércores, 25 de setembro (18:30 horas) no acto que acolle o Instituto Cervantes de Lisboa. No propio día da celebración, xoves 26 (16:00 horas), a presidenta asiste ao acto conmemorativo que terá lugar en Madrid no Congreso dos Deputados.

Ler máis

O fotógrafo pontevedrés Joaquín Pintos incorpórase ao Álbum de Galicia

Joaquín Pintos (Vigo, 18881-Pontevedra, 1967) foi un fotógrafo pontevedrés retratista de persoeiros e eventos relevantes na Galicia de comezos do século XX, como Alfonso XIII, Daniel Castelao ou Montero Ríos. Artista multipremiado, tamén tocou os traballos nas minas de volframio en Vila de Cruces ou a interpretación en imaxes do poema de Curros Enríquez, A Virxe do Cristal. “Insírese na primeira liña dos grandes clásicos da fotografía galega”, destaca Vítor Vaqueiro, autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Ábrese un ciclo para analizar o estado actual da arte en Galicia

A Sección de Creación de Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) comeza un novo ciclo de xornadas encamiñado a coñecer o estado actual da arte no noso país. Chámase Arte en tempo real e comeza este mércores 25 (17:00 horas) cunha revisión á situación dos artistas. Suso Fandiño, Tono Carbajo, Mónica Alonso e Diego Santomé participan nesta cita coordinada por Carmen Díaz Cacheda. A xornada é presencial e pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.

Ler máis

Visita do ministro de Cultura

Visita do ministro de Cultura

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu no serán deste martes a visita do ministro de Cultura, Ernest Urtasun. No encontro abordaron a importancia de establecer vías de colaboración para fomentar a promoción e defensa dos valores culturais. Urtasun asinou no libro de honra onde destacou a ”misión do ministerio na protección da diversidade lingüística e cultural”.

Ler máis