Con música, baile e palabra o Consello da Cultura Galega (CCG), o Museo do Pobo Galego e o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG-USC) celebrarán o vindeiro 12 de xuño un acto de homenaxe para lembrar a figura de Dorothé Schubarth (Basilea, Suíza, 1944-2023). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a directora do ILG-USC, Elisa Fernández Rei, destacaron na súa presentación do programa o papel central que esta musicóloga e compositora suíza representou para o folclore galego. “É unha homenaxe que o pobo galego lle brinda a Dorothé polo seu traballo titánico e xeneroso”, apuntou Rosario Álvarez. Concha Losada destacou a importancia deste legado, que inspirou e contribuíu á música actual e que “todas as que colaboran neste inmenso agradecemento de todo o país o fan voluntariamente”. Pola súa parte, Elisa Fernández Rei engadiu que “o programa é unha festa na que lembraremos a muller, pero tamén escoitaremos a súa música”. Ademais, hoxe incorporouse a súa entrada biográfica ao Álbum de Galicia, a colección de biografías do CCG, escrita polo musicólogo Sergio de la Ossa.
Ler máis