Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 641 a 660 de 3707

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora catro números da revista Vivero y su comarca

"Cada escuela que se abre, es una cárcel que se cierra". Unha frase de Concepción Arenal era un dos lemas da revista ilustrada que editaba mensualmente na Habana a sociedade "Vivero y su comarca". O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), inclúe este mes catro números desta publicación.

Ler máis

Preséntase na MIT un avance do proxecto audiovisual sobre o teatro galego da transición

Este venres, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), presentarase un avance do vindeiro proxecto audiovisual da institución, promovido desde a Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG). Chámase “Memoria do teatro galego da transición” e consiste nunha serie audiovisual arredor da recuperación da actividade teatral en Galicia nos anos setenta e oitenta do século XX. Estarán presentes a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Ribadavia, César Álvarez; a presidenta da Academia Galega de Teatro, Imma António Souto; a coordinadora da Sección de Música e responsable do proxecto, Cristina Domínguez; o director da MIT, Roberto Pascual, e Tito Asorey, director das dúas primeiras pezas audiovisuais do proxecto. Un día despois, o sábado 22, no marco deste proxecto, terá lugar un debate sobre a importancia da MIT no sistema teatral galego.

Ler máis

A biografía de Afonso X o Sabio incorpórase ao Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora esta semana a entrada de Afonso o Sabio, X de Castela e IX de Galicia-León. Henrique Monteagudo é o autor da entrada desta figura imprescindible para a cultura galega e nela descríbeo como “monarca das Letras Galegas medievais”.

Ler máis

Foro 'Feminismos en movemento'

Foro 'Feminismos en movemento'

13 de xullo de 2023

Ler máis

A institución renova o compromiso coa defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego no seu 40º aniversario

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu na mañá deste venres, 7 de xullo, o acto institucional co que celebrou o 40º aniversario da súa creación. “Renovamos o compromiso do CCG coa defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, dos seus dereitos á cultura, do seu dereito e obriga de arrequentar e transmitir a herdanza cultural”, expresou a presidenta, Rosario Álvarez, nun discurso en que fixo partícipes a todos os presentes. “Velaí un camiño que, por forza, temos que percorrer xuntos”, afirmou nun acto que tamén contou coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e presidente de honra da institución. Rueda puxo en valor o traballo desenvolvido polo CCG durante todos estes anos e comprometeu "o apoio do Executivo autonómico a seguir impulsando a creación e o talento galegos". Pola súa parte, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, apuntou que o CCG é unha “institución indispensable para o presente e para o futuro de Galicia”. Autoridades e representantes da cultura galega e da sociedade civil ateigaron a sede da institución nesta celebración.

Ler máis

Nova entrega do proxecto Sextina

O proxecto Sextina, que inclúe rarezas e documentos pouco coñecidos do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), inclúe unha nova entrega. Desta volta consiste nun folleto de seis páxinas, publicado con motivo da convocatoria das eleccións xerais do 28 de outubro de 1982. Nel, as organizacións asinantes recollen unha listaxe de esixencias relacionadas co traballo, a educación, os coidados, a saúde, a sexualidade e o lesbianismo, o divorcio, as agresións e o aborto.

Ler máis

O Álbum de Galicia suma as entradas de catro membros do Seminario de Estudos Galegos

No ano en que o Seminario de Estudos Galegos (SEG) conmemora o centenario da súa creación, o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) está a incorporar as entradas de diferentes membros vinculados coa institución. No día de hoxe súmanse á colección as biografías de Luciano Fariña Couto (1916-2011), Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971), Manuel Lago González (1865-1925) e Sebastián González García-Paz (1908-1967). Asínanas, respectivamente, Francisco Fariña, José Antonio Cantal, Xosé Ramón Fandiño e Adrián Estévez.

Ler máis

Lugo acolle a mostra que retrata a Galicia da Transición

O Vello Cárcere de Lugo acolle desde este mércores A intimidade da imaxe, mostra que percorre a Transición en Galicia da man das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a fotógrafa, Anna Turbau; a concelleira de Cultura, Turismo e promoción da Lingua, Tareixa Antía Ferreiro; e a comisaria, Margarita Ledo, serán as encargadas de inaugurar (mércores 5, 19:00 horas) esta nova itinerancia da mostra, que estará aberta ata o vindeiro 30 de setembro.

Ler máis

Nos últimos corenta anos duplicáronse moitos dos hábitos culturais da cidadanía, pero diminuíu o gasto público

Corenta anos de cultura galega en estatísticas é o último informe elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), que analiza a evolución da situación sociocultural neste período. O documento revela que se profesionalizou o sector cultural, pois duplicouse o emprego, e practicamente todos os indicadores sinalan que os hábitos e prácticas culturais dos fogares de Galicia e dos seus habitantes se sitúan por riba da media estatal. Porén, o gasto público en cultura minguou en todas as administracións. “Houbo unha mudanza significativa cunha tendencia xeral positiva e na que mudaron moito os hábitos da cidadanía” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do CCG na presentación do informe. Unha valoración na que incidiu Håkan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega, que destacou o incremento de fontes estatísticas neste tempo. O informe xa se pode descargar desde o web da institución.

Ler máis

Unha xornada analiza o patrimonio de percusión

“Este pandeiro que toco. O patrimonio de percusión nas mans das mulleres galegas” é o título da xornada que a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade da Coruña organizan para pór en valor o canto acompañado con percusión de man. A través de materiais audiovisuais, charlas, obradoiros e un concerto didáctico, a xornada explorará aspectos históricos e actuais desta arte coa participación de Xulia Feixoo, Carolina Vázquez e a agrupación Caldo, entre outros. A xornada terá lugar na Sala Cubo de Normal - Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña o vindeiro 1 de xullo a partir das 10:15 horas.

Ler máis

EXTRACTO da Resolución do 19 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade e se anuncia a súa convocatoria (código de procedemento PR970B)

Procedemento bolsas proxectos de investigación 2023 (PR970B)

Ler máis

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade e se anuncia a súa convocatoria (código de procedemento PR970B).

Procedemento bolsas proxectos de investigación 2023 (PR970B)

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Ana María Múgica Martínez

Ana María Múgica Martínez (Donostia, Guipúscoa, 1898 – Lugo, 1981) dedicouse profesionalmente á ensinanza, un ámbito en que destacou por converterse na primeira catedrática de Ciencias da Escuela Normal de Maestras de Lugo. “Foi unha ensinante moi activa e namorada da súa profesión”, destaca María Isabel Fernández García. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Novos recursos no Día Internacional do Orgullo

Co gallo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, a hemeroteca feminista A Saia, proxecto dependente do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), engade novas publicacións á súa colección. En concreto, póñense na rede o exemplar número 13 de S’homos e a totalidade dos números de Menlacex, dúas revistas de temática LGBTIQ+. Ao fío desta data, o CCG organizou tamén unha nova xornada do foro Pensar con Orgullo, na que se presentou o informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia. Elaborado polo Foro Identidades e Disidencias Sexuais do CCG, o documento está dispoñible para a súa consulta no web institucional.

Ler máis

O Plenario fai balance do segundo trimestre e incorpora a Xavier Queipo

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou no serán deste mércores unha sesión plenaria ordinaria. Nela a presidenta, Rosario Álvarez, deu conta do conxunto de accións do segundo trimestre, no que se levaron a cabo 34 actividades, das que o 46% se desenvolveron fóra de Santiago de Compostela. Ademais, fixo un balance do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que a institución celebra o seu 40º aniversario. Tamén se aprobou a incorporación de Xavier Queipo (Santiago, 1957) ao plenario do CCG na quenda de personalidades electivas.

Ler máis

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe o comité organizador das Xornadas Abrindo Camiño

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita dos responsables de diferentes entidades organizadoras das Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño, coas que o CCG colabora. Esta edición, a número 16, leva por título "Camiño de Santiago e emigración" e servirá de homenaxe á mestra galega emigrada en Cuba Andrea López Chao. As xornadas terán lugar en diversos espazos de Mondoñedo e Santaballa (Vilalba) entre o 30 de xuño e o 2 de xullo.

Ler máis

O ciclo Revisando a nosa arte analiza os inicios da banda deseñada galega

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes, 27 de xuño, ás 17:00 horas, unha nova sesión do ciclo Revisando a nosa arte. Baixo o título “Revisión histórica da banda deseñada galega: Xaquín Marín e Reimundo Patiño”, analizarase a figura destes dous ilustradores, considerados como os fundadores da banda deseñada galega. Coordinada por Manuel Quintana Martelo, a xornada contará cos relatorios de Miguelanxo Prado e Antón Patiño. A cita desenvolverase de xeito presencial na sede institucional do CCG, pero poderá seguirse en directo a través do web e as redes sociais corporativas.

Ler máis

A presidenta do Consello da Cultura Galega reuniuse coa alcaldesa de Santiago

A presidenta do Consello da Cultura Galega reuniuse coa alcaldesa de Santiago

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín. Na xuntanza abordaron cuestións relativas á actividade e necesidades culturais así como futuras vías de colaboración entre ambas as entidades. A presidenta asistiu acompañada de parte da Comisión Execuiva, o secretario Silvestre Gómez Xurxo e o vogal Alejo Amoedo, mais o xerente Marcelino Fernández.

Ler máis

Unha xornada analiza as bandas sonoras dos videoxogos

“Música e videoxogos dende Galicia” é o título da xornada que terá lugar este luns, 26 de xuño, ás 16:30 horas, na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Nela, diversos expertos analizarán as composicións musicais que acompañan os videoxogos e como estas condicionan a experiencia das persoas durante o xogo. Ademais, profundarase nas bandas sonoras que se compoñen en Galicia co fin de identificar os seus referentes, a existencia de influencias foráneas ou o emprego da lingua galega. A actividade está organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia do CCG e coordinada por Alejo Amoedo e Cristina Pujales. A sesión é presencial, pero poderase seguir en directo a través do web e as redes sociais corporativas.

Ler máis

Traducida ao galego Xogando co infinito, clásico que conta as matemáticas para público en xeral

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acaba de dar ao prelo a primeira tradución ao galego de Xogando co infinito. Trátase dunha obra divulgativa que escribiu a húngara Rózsa Péter hai oitenta anos arredor de conceptos matemáticos relacionados co infinito. “Escribín este libro para persoas con inquedanzas intelectuais que non son matemáticas […] para facerlles ver que as matemáticas e as artes non son tan diferentes entre si”, confesou esta pioneira da divulgación científica no prefacio da primeira edición. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, e o autor da tradución ao galego, Felipe Gago, presentaron na Aula Magna da Facultade de Matemáticas esta obra, que xa está dispoñible para descarga.

Ler máis