O Consello da Cultura Galega (CCG) conmemorou este martes os seus primeiros vinte anos cun acto institucional presidido polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga, e ó que asistiu o titular do Parlamento, José María García Leira, xunto con autoridades e representacións da vida cultural, política, relixiosa, económica e universitaria de Galicia. No acto fixeron uso da palabra o Presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, e o titular da Xunta, Manuel Fraga, Presidente de Honra da institución cultural. Ademais procedeuse á presentación da edición facsímile do "Códice de Toledo" das CANTIGAS DE SANTA MARIA, do Rei Alfonso X "O Sabio", e inaugurouse unha exposición bibliográfica cos fondos do Consello. O cantautor Amancio Prada ofreceu un recital cunha escolma de Cantigas dos trobadores galaico-portugueses e de Alvaro Cunqueiro. Unhas cento cincuenta persoas estiveron presentes nestes actos conmemorativos. Previamente celebraron sesións ordinarias a Comisión Executiva e o Plenario do CCG. O Códice de Toledo foi presentado polo profesor Henrique Monteagudo, secretario do CCG. Ramón Castromil, vicepresidente da institución, presentou ó catautor Amancio Prada.
Ler máis