Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 381 a 400 de 3707

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2024 pola que se nomea o tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro.

Oferta de emprego público de estabilización de emprego temporal

Ler máis

Arquitectos e restauradores do emblemático colexio monfortino da Nosa Señora da Antiga explican a rehabilitación nun encontro

O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos) é unha das obras arquitectónicas máis destacadas do Renacemento galego e toda unha icona do patrimonio cultural de Monforte de Lemos. O Consello da Cultura Galega organiza o 25 de xuño un novo Encontro Monográfico co Patrimonio Cultural no que se analiza os procesos de restauración e recuperación patrimonial do inmoble que incluíu un innovador proxecto de Educación Patrimonial asociado á proposta de declaración do Colexio como Ben de Interese Cultural (BIC). O encontro Intervencións patrimoniais no Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos): Pasado, presente e futuro está coordinado pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea e a especialista en Educación Patrimonial María del Mar Bóveda López.

Ler máis

As entidades da cultura galega realizan máis do 50 por cento da súa produción en galego

No sector da cultura hai ámbitos máis galeguizados que outros. Os que máis son os departamentos de cultura das administracións públicas, que desenvolven un 87,5 % das súas actividades en lingua galega e os que menos, as actividades de comercio de libros e publicación periódicas cun 25,2 %. Son cifras do informe A produción en lingua galega no ámbito cultural que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega (OCG), unidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), a partir de dous contidos específicos do Barómetro da cultura galega relacionados coa produción en galego das entidades da cultura en Galicia. Ademais, no informe os directivos das identidades enquisadas sinalan que debería aumentar a presenza do idioma e cultura galegos nos medios de comunicación e redes sociais, así como a promoción do consumo en galego de produtos e servizos destinados á infancia e mocidade.

Ler máis

A nova xornada 'Pensar con orgullo' presta atención á perspectiva da diversidade sexual e de xénero na programación cultural

Reflexionar sobre a "inclusión da perspectiva da diversidade sexual e de xénero nas programacións culturais de Galicia e a situación dos profesionais LGBT+" é o obxectivo da quinta xornada "Pensar con orgullo. Culturas e perspectivas queer" que se celebrará este xoves 20 de xullo de 2024 no Consello da Cultura Galega. A xornada está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CCG) do Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de María Fernández Sanjurjo.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega amplía o coñecemento sobre a Galicia medieval con dúas novas publicacións

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, presenta este venres (20:00 horas) no Instituto de Estudos Miñoráns, en Gondomar, dúas novas publicacións que permiten afondar no coñecemento da lingua galega medieval. Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531) , autoría de Xulián Maure (Vigo, 1941), e Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental, de Víctor Rodríguez Muñiz (Ramirás, 1982), son os novos títulos que se integran na colección Gallaeciae Monumenta Historica.

Ler máis

A biografía do escritor Xosé Manuel López Gómez, “Ardeiro”, incorpórase ao Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), suma a entrada do escritor galeguista e activista cultural Xosé Manuel López Gómez (Logrosa, Negreira, 1944 – Ferrol, 2007). Máis coñecido como “Pepe Ardeiro” ou “O Ardeiro”, tivo na literatura unha das súas grandes afeccións. Malia publicar traballos en prosa, destacou como poeta cunha obra marcada polo “intimismo, o compromiso social e patriótico, as viaxes, as lembranzas familiares e da terra matricial, as evocacións aos grandes poetas, a recreación da paisaxe, a soidade, o amor e desamor...”. Así o subliña o autor da entrada, Xosé Amancio Liñares Giraut.

Ler máis

Ferrol acolle a mostra As xeracións do Montserrat

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o presidente por delegación de Exponav, Ignacio Frutos inauguran este xoves en Ferrol (19:00 horas) unha nova itinerancia de As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. A mostra, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, pretende recuperar a memoria daquelas persoas que tiveron que emigrar a Reino Unido na segunda metade do século XX e, a través dela, documentar non só ese tránsito entre países e culturas, senón o contexto social, económico e afectivo que rodeaba aos que buscaban unha vida mellor. O comisario é Xesús Fraga e conta co deseño Pepe Barro, que será o encargado de facer unha visita guiada trala inauguración.

Ler máis

A cultura galega homenaxeou a figura e legado de Dorothé Schubarth

A cultura galega homenaxeou a figura e legado de Dorothé Schubarth

“Foi unha muller que se entregou á cultura galega, á que se dedicou en profundidade e que nos deixou un legado impagable” apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, na inauguración. A xornada está coorganizada polo CCG, o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Museo do Pobo, “tres entidades que representan moi ben o vínculo de Dorothé con Galicia e coa cultura galega” engadiu a directora do ILG da Universidade de Santiago de Compostela, Elisa Fernández Rei. Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, institución que acolle presencialmente a sesión apuntou que “fan falta moitas mans para debuxar o perfil poliédrico de Dorothé Schubarth”.

Ler máis

Francisco Llanos e a liñaxe viguesa de fotógrafos do estudio Llanos entran no Álbum de Galicia

Francisco Llanos Mas (Valencia, 1865 – Vigo, 1928) foi o fundador do estudio fotográfico Llanos, un negocio familiar que se estableceu na cidade olívica a finais do século XIX e que continuou da man do seu fillo Francisco Llanos Trápaga e do seu neto Ángel Llanos González durante máis dunha centuria. As tres xeracións cultivaron a fotografía de exteriores e de gabinete, aínda que destacaron no ámbito da foto-reportaxe e do documento. “Chegaron a construír unha das coleccións máis amplas das que hoxe dispón o patrimonio fotográfico histórico galego”, subliña Vítor Vaqueiro. El é o autor da entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Os problemas de preservación dos xardíns históricos centran a nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

“Xardíns históricos: a protección dun patrimonio cultural” é o título da nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC). A cita, organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), reunirá este martes, 11 de xuño (16:00 horas), diferentes especialistas para abordar os problemas de conservación e valoración dos xardíns históricos como bens culturais. Ricardo Varela é o coordinador desta actividade, que se desenvolverá presencialmente na sede institucional do CCG e que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

Ler máis

EXTRACTO da Resolución do 24/05/2024 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de catro bolsas de colaboración en proxectosde investigación

Procedemento bolsas proxectos de investigación 2024 (PR970B)

Ler máis

RESOLUCIÓN do 24/05/2024 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver

Procedemento bolsas proxectos de investigación 2024 (PR970B)

Ler máis

EXTRACTO de la Resolución de 24/05/2024 por la que se aprueban las bases que regirán la convocatoria pública de cuatro becas de colaboración en proyectos de investigación que se están desarrollando

Procedemento bolsas proxectos de investigación 2024 (PR970B)

Ler máis

RESOLUCIÓN de 24/05/2024 por la que se aprueban las bases que regirán la convocatoria pública de cuatro becas de colaboración en proyectos de investigación que se están desarrollando

Procedemento bolsas proxectos de investigación 2024 (PR970B)

Ler máis

Expertos e cidadanía urxen a definición dun modelo enerxético propio

Expertos e cidadanía urxen a definición dun modelo enerxético propio

“Estamos en crise enerxética, que se debe á non-adaptación do sistema enerxético aos límites da biosfera. E esta crise provoca pobreza nas economías domésticas e no ámbito empresarial”, apuntaba a profesora e investigadora Rosa Regueiro no relatorio que abriu a xornada “A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Durante dous días especialistas e investigadores, xunto con representantes de colectivos cidadáns implicados en procesos de implantación de enerxías renovables, defenderon a necesidade de definir un modelo de transición enerxética que respecte as comunidades locais, o territorio, a paisaxe, a biodiversidade e o patrimonio. A creación dunha zona franca para atraer a cadea de valor da enerxía, un sistema de tributación especial, a constitución dunha empresa pública de enerxía ou unha mellor planificación da ordenación do territorio son algunhas das medidas que se puxeron sobre a mesa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, incidiu na inauguración en que esta xornada se insire nunha liña de traballo continuada da institución, “preocupada pola perda da diversidade, a situación real do clima e as consecuencias que pode ter o modelo enerxético sobre o patrimonio e os valores culturais do pobo galego”.

Ler máis

Unha xornada homenaxea o legado de Dorothé Schubarth, figura fundamental para a música tradicional galega

Con música, baile e palabra o Consello da Cultura Galega (CCG), o Museo do Pobo Galego e o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG-USC) celebrarán o vindeiro 12 de xuño un acto de homenaxe para lembrar a figura de Dorothé Schubarth (Basilea, Suíza, 1944-2023). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a directora do ILG-USC, Elisa Fernández Rei, destacaron na súa presentación do programa o papel central que esta musicóloga e compositora suíza representou para o folclore galego. “É unha homenaxe que o pobo galego lle brinda a Dorothé polo seu traballo titánico e xeneroso”, apuntou Rosario Álvarez. Concha Losada destacou a importancia deste legado, que inspirou e contribuíu á música actual e que “todas as que colaboran neste inmenso agradecemento de todo o país o fan voluntariamente”. Pola súa parte, Elisa Fernández Rei engadiu que “o programa é unha festa na que lembraremos a muller, pero tamén escoitaremos a súa música”. Ademais, hoxe incorporouse a súa entrada biográfica ao Álbum de Galicia, a colección de biografías do CCG, escrita polo musicólogo Sergio de la Ossa.

Ler máis

O novo especial de Proxector recompila unha ducia de vídeos didácticos sobre os arquivos

“Arquivos: conservar a memoria para mellor difundila” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os doce recursos audiovisuais que se escolman nesta ocasión buscan dar a coñecer algúns dos arquivos de referencia en Galicia, profundar nas súas funcións e nos servizos que prestan, así como pór en valor os documentos que neles se custodian. Con este especial o CCG súmase ao Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora anualmente o 9 de xuño para promover a importancia deste tipo de institucións.

Ler máis

Especialistas de diferentes ámbitos analizan o proceso de implantación das enerxías renovables

A enerxía solar, a eólica…, en resumidas contas, as enerxías renovables son o futuro ante a crise do actual sistema enerxético. Sobre o seu modo de implantación e as diferenzas entre o que acontece en España e no resto de Europa, así como sobre a necesidade de conciliar o impacto a nivel económico, social, patrimonial e ambiental, falarán desde mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) unha ducia de expertos e expertas. A xornada titulada “A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade” está organizada polas seccións de Pensamento, de Patrimonio e Bens Culturais e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará esta cita presencial, que poderá seguirse en directo desde o web e as redes sociais da institución.

Ler máis

A oitava entrega do proxecto Sextina pon o foco na actividade feminista a prol da legalización do aborto

Aborto. Corenta anos de mobilizacións é o título do recurso que se acaba de incorporar á Sextina, proxecto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) que divulga semestralmente documentos pouco coñecidos pola súa antigüidade, tipoloxía ou procedencia. A publicación presenta unha achega cronolóxica e documental sobre as actividades que levaron a cabo diferentes agrupacións feministas para reclamar a legalización e gratuidade do aborto desde a década dos setenta ata o ano 2014. Carteis, pancartas, adhesivos, fotografías e referencias documentais son algúns dos materiais recompilados nesta monografía, que xa está dispoñible para a súa descarga no sitio web corporativo.

Ler máis

O Arquivo Sonoro de Galicia participa na xornada “Transformando a música en patrimonio”

O patrimonio sonoro centra este venres, 31 de maio, a xornada titulada “Transformando a música en patrimonio” da Biblioteca de Galicia, institución cabeceira do sistema de bibliotecas da nosa comunidade. Na cita, dirixida a profesionais e persoas interesadas en saber como funcionan as institucións da memoria, analizarase a situación actual deste tipo de patrimonio. O Arquivo Sonoro de Galicia participa cun relatorio titulado “Arquivo Sonoro de Galicia: fonte para o estudo da nosa identidade”.

Ler máis