Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 441 a 460 de 3707

A entrada do poeta Francisco Añón incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Añón (Boel, Outes, 1812 – Madrid, 1878) acadou un gran recoñecemento público como poeta de Galicia no século XIX cunha produción lírica que oscilou entre o costumismo ou tipismo e o compromiso patriótico, social e político. Premiado nos primeiros Xogos Florais da Coruña, erixiuse como “unha voz inaugural do Rexurdimento”, subliña Xurxo Martínez González. El é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Profesionais revisan a situación das mulleres na creación artística contemporánea galega

A afluencia de mulleres na arte constitúe un fenómeno emerxente. Os datos dispoñibles a nivel estatal empezan a amosar un achegamento á paridade (a feira de arte contemporánea máis importante de España, ARCO, acadou este ano o 40 % de presenza feminina), pero con moitos espazos aínda por igualar. A situación galega foi radiografada en 2015 no informe Arte + mulleres. Creadoras galegas, elaborado pola Sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinado por Marisa Sobrino. Coa intención de actualizar ese estudo e de coñecer de primeira man a situación actual, a Sección organiza a xornada As creadoras galegas no século XXI, na que participan artistas e responsables de museos e coleccións. A cita, coordinada por Rosario Sarmiento e Sofía Santos, terá lugar o mércores 24 de abril.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega suma seis números da cabeceira A Terra

A revista A Terra iniciou a súa andadura en 1920 como voceiro do Centro Gallego de Córdoba (A Arxentina). De carácter mensual, a publicación tiña como obxecto informar os integrantes da sociedade das actividades que esta organizaba, así como doutros asuntos que puidesen resultar de interese para a colectividade. Neste mes de abril, o Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma seis números desta cabeceira publicados entre os anos 1920 e 1921.

Ler máis

Un ciclo de debates organizado arredor da mostra As xeracións do Montserrat analiza os fluxos migratorios cara ao Reino Unido e Europa

Con motivo da mostra As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) exposto actualmente na Casa das Artes de Vigo, a rede de museos municipais do concello vigués organiza, en colaboración co CCG, o ciclo de debates Migracións galegas a Europa, entre memoria e historia. Este ciclo, que ten como obxectivo analizar os fluxos migratorios que se produciron cara á Europa de posguerra e a súa representación na literatura galega, desenvolverase nunha dobre sesión. A primeira delas terá lugar este xoves, 18 de abril, ás 19:00 horas. A segunda será o vindeiro 9 de maio á mesma hora. Ambas as dúas citas terán lugar de xeito presencial na propia Casa das Artes (Vigo) e non se poderán seguir en directo.

Ler máis

O Álbum de Galicia suma a biografía de Fernando Fraga Rodríguez

Fernando Fraga Rodríguez (Santiago de Compostela, 1922 – Nigrán, 2020) consolidouse como un dos pioneiros da oceanografía en Galicia. Investigador recoñecido a nivel internacional polas súas contribucións no campo da oceanografía química, participou en varias campañas no Índico e no Antártico, así como no noroeste de África e da Península Ibérica. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é da autoría de Xosé Antón Álvarez Salgado.

Ler máis

A lírica medieval centra a colaboración co XIV Congreso Internacional de Estudos Galegos

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, participou esta mércores en Braga na apertura oficial do XIV Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) que se celebra baixo o lema “Horizontes dos Estudos Galegos e /na Lusofonía”. No marco desta edición, o CCG desenvolveu ese mesmo día a mesa redonda "A interpretación do repertorio lírico-medieval hoxe: enxeñería e investigación coordinada por Rebeca Blanco-Rotea, vogal da Comisión Executiva e coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais. Ademais, a presidenta inaugurou a nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia, que afonda na conexión do Rei Sabio con Galicia.

Ler máis

A presidenta recibe a visita do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

A presidenta recibe a visita do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López. É a primeira visita oficial do conselleiro, membro nato do Plenario, tal e como regula a lei de creación da institución. Na visita estaban presentes Anxo Lorenzo e Valentín García, mentres que por parte do CCG asistiaron a vicepresidenta, Dolores Vilavedra, e o xerente, Marcelino Fernández.

Ler máis

A exposición Inventio Mundi chega a Castelló

A cidade de Castelló acolle unha nova itinerancia de Inventio Mundi, un proxecto expositivo producido polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia que documenta as consecuencias que o éxito da expedición Magalhães/Elcano tivo para Galicia. A mostra, comisariada por Ofelia Rey, inaugúrase este domingo, 14 de abril, ás 19:30 horas. O acto terá lugar na sala de exposicións do Edificio Moruno de El Grau, onde a exposición permanecerá ata o vindeiro 12 de maio.

Ler máis

Especialistas destacan o labor do Arquivo Sonoro de Galicia na conservación do patrimonio musical e oral do país

Especialistas destacan o labor do Arquivo Sonoro de Galicia na conservación do patrimonio musical e oral do país

“Desenvolver iniciativas como as do Consello da Cultura Galega e o seu arquivo sonoro son moi importantes para que a sociedade tome conciencia da importancia deste tipo de patrimonio e da súa necesidade de preservación”. Así o subliñou María Jesús López no marco da xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura, que se desenvolveu esta tarde na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG) e na que participaron tamén Xaime Estévez Vila e Beatriz Cancela. O director do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), Alejo Amoedo, inaugurou xunto cos coordinadora-técnica do arquivo, Cristina Pujales, destacou na inauguración o valor que ten o documento sonoro como “fonte de información primaria”, en tanto permite acadar “unha comprensión mais completa do noso pasado e presente”.

Ler máis

A entrada de Antonio Naveyra incorpórase ao Álbum de Galicia

Antonio Naveyra (Santiago de Compostela, 1909 – A Coruña, 1976) desenvolveu unha longa traxectoria vinculada ao teatro, unha disciplina en que sobresaíu como actor, director, escritor e adaptador. Ademais, realizou un destacado labor a prol da posta en valor do folclore galego a mediados do século XX. A súa entrada incorpórase hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), cun texto asinado por Ana Abad de Larriva.

Ler máis

Vidas paralelas arrinca en Lisboa cunha revisión das traxectorias de Leite de Vasconcelos e Martínez Salazar

José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923) foron dous pioneiros dos estudos filolóxicos en Galicia e Portugal, destacados polo seu compromiso, valía e legado, aínda que tiveron recoñecementos diferentes. Mentres o primeiro é ben coñecido, o segundo pasou desapercibido. Estiveron conectados a través dunha relación epistolar que foi analizada por outros dous recoñecidos filólogos contemporáneos, Ivo Castro e Henrique Monteagudo. Sobre estas semellanzas e concomitancias falarán este xoves en Lisboa (Faculdade de Letras, 18:00 horas —de Portugal—) na sesión inaugural de Vidas paralelas, proxecto que poñen en marcha o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Lisboa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará en Lisboa este ciclo, que terá carácter bianual.

Ler máis

Unha xornada aborda os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza este xoves, 11 de abril (16:30 horas) a xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura. Nela daranse a coñecer unha parte dos documentos sonoros que se atopan depositados no ASG, ao tempo que se analizará a importancia que estes teñen para enriquecer o coñecemento sobre a cultura e identidade galegas. Alejo Amoedo e Cristina Pujales, director e coordinadora-técnica do ASG, inaugurarán esta cita presencial, que se poderá seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada da fotógrafa María Cardarelly

María Cardarelly (Zaragoza, 1845 – ?, ca. 1915) foi unha fotógrafa pioneira ao erixirse como a primeira muller en ter un estudio propio en Galicia. Malia que só se dedicou tres anos á práctica fotográfica e que a obra que dela se coñece non supera a media ducia de orixinais, sobresaíu por capturar coa súa cámara “unha das personaxes máis relevantes da literatura e a sociedade do noso país como Rosalía de Castro”. Así o subliña Vítor Vaqueiro, o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega.

Ler máis

Unha xornada divulga os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza o próximo 11 de abril (16:30 horas) a xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura. Nela daranse a coñecer unha parte dos documentos sonoros que se atopan depositados no ASG, ao tempo que se analizará a importancia que estes teñen para enriquecer o coñecemento sobre a cultura e identidade galegas. A cita, que terá lugar de xeito presencial na sede do CCG, ten aberto o seu prazo de inscrición.

Ler máis

Comeza Vidas paralelas, proxecto que recupera a memoria de personalidades galegas e portuguesas

Vidas paralelas é o título do novo proxecto co que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa pretenden recuperar a memoria das semellanzas entre personalidades galegas e portuguesas nos diferentes eidos culturais. Trátase dunha iniciativa bianual que afondará en aspectos como a literatura, a arquitectura, o cinema ou o teatro nun formato dobre: web e presencial. A proposta inaugúrase cunha revisión cruzada das figuras de José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923), dous pioneiros dos estudos filolóxicos en ambos os países. Hoxe publícanse no web do CCG os vídeos que permiten coñecer estas figuras e ábrese a inscrición do coloquio presencial, que terá lugar o vindeiro día 11 de abril en Lisboa. Nel participarán a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto a Ivo Castro e Henrique Monteagudo, que afondarán na relación epistolar cruzada entre Vasconcelos e Martínez Salazar.

Ler máis

A mostra Luces de alén mar inaugúrase este sábado en Devesos

O proxecto expositivo Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia, promovido polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, inaugúrase este sábado, 6 de abril (19:00 horas), en Devesos (Ortigueira). O acto terá lugar no local da Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana. Nel participarán José Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira; Emilio Castro, presidente da Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana; Marcelino Fernández, coordinador técnico do Arquivo da Emigración Galega do CCG, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra, quen após a inauguración pronunciará a conferencia Luces de Porvir para Devesos. O refulxir escolar abafado pola intolerancia. A exposición permanecerá aberta para a súa visita ata o próximo 30 de abril.

Ler máis

A biografía de María Xosé Rouco Lamela entra no Álbum de Galicia

María Xosé Rouco Lamela (Vilalba, 1952 – Lugo, 2020) destacou polo seu labor pioneiro a prol da defensa dos dereitos das mulleres. Foi unha das impulsoras da Asociación Democrática da Muller Galega e a fundadora da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo. Cunha traxectoria profesional vinculada á atención do negocio familiar Calzados Camba en Lugo, ocupou tamén o cargo de vogal da directiva da Cámara de Comercio da cidade. No ronsel do 72º aniversario do seu nacemento, a súa entrada incorpórase ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Asina o texto Luz Darriba.

Ler máis

A presidenta inicia unha viaxe institucional a Salvador da Bahia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, continúa co seu programa de acción exterior cunha viaxe institucional a Salvador da Bahia. A súa axenda comeza este xoves, 4 de abril, coa inauguración no Museu de Arte da Bahia da exposición Afonso X e Galicia, o proxecto organizado polo CCG coa colaboración da Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense e Lugo, que continúa a súa itinerancia no Brasil. No marco desta viaxe a presidenta impartirá diferentes conferencias e manterá reunións coa colectividade galega e con membros da Assembleia Legislativa da Bahia.

Ler máis

O novo especial de Proxector recompila unha ducia de vídeos sobre arquitectura

“Arquitectura: ciencia, arte e construción social” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela reúnense unha ducia de recursos audiovisuais nos que se analizan as construcións do país desde tres puntos de vista: científico, artístico e social.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega divulga os fondos documentais das sociedades Hijos de Roupar, Progreso de Lousada e Roupar y Lousada

A nova entrega de Memoria documental das sociedades da emigración galega, iniciativa que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), publica os fondos documentais de tres sociedades microterritoriais creadas pola colectividade das parroquias de Roupar e Lousada (Xermade) emigrada na illa de Cuba. En concreto, póñense na Rede diferentes materiais pertencentes á Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Hijos de Roupar, á asociación Progreso de Lousada, Sociedad Cultural y de Socorros Mutuos e mais a Roupar y Lousada, Sociedad de Recreo y Beneficencia, resultado da fusión das dúas entidades anteriores.

Ler máis