A presidenta destacou que “se abre unha nova etapa e celebramos que se poña o acento na cultura, na lingua e na mocidade, tres ámbitos moi importantes para a sociedade galega”. Lembrou que, polo carácter asesor e consultivo da institución, está á disposición do conselleiro e do seu equipo para seguir traballando polos dereitos culturais do pobo galego.
O conselleiro asinou no libro de honra da institución e destacou a importancia da visita: “É unha mostra da boa relación institucional”. Tamén engadiu que “hai unha aposta clara por mellorar a relación coa lingua e a cultura en Galicia” e incidiu na importancia de tender pontes para “chegar a puntos de encontro”. Resaltou o bo momento da cultura galega e anunciou que “estamos en disposición de afrontar os debates que temos pendentes e, sobre todo, traballar en beneficio deste sector tan importante para Galicia dunha forma directa”. Tamén destacou o carácter transversal da cultura, que afecta ao resto de departamentos do Goberno galego.


