Pilar, Mary, Andrés e Tito son algúns dos protagonistas do fluxo migratorio que levou máis de douscentos mil galegos e galegas cara ao Reino Unido entre 1960 e 1974. As súas historias, narradas a través de documentos, fotografías e outros obxectos desa diáspora, poden verse na mostra As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a importancia de coñecer o fenómeno migratorio para comprender a Galicia contemporánea e concretamente no período que conta a exposición “na segunda metade do século XX cando o fluxo virou cara a Europa (neste caso ao Reino Unido), e que de aí viñeron outros aires de frescura, outras novidades, outras tendencias de cambio”. Canda a ela o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, puxo de relevo a importancia da conservación do patrimonio vivo “as imaxes e relatos son fundamentais para comprender a historia da nosa terra”. Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, incidiu en que “non son só unha colección de imaxes e obxectos, senón un testemuño do sacrificio, da valentía e da esperanza dos emigrantes galegos que deixaron Galicia en busca dun futuro mellor”. O vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas situou a exposición no marco da área de traballo da institución do estudo e difusión do fenómeno migratorio. O escritor e xornalista Xesús Fraga é o comisario deste proxecto, que se pode ver no Kiosko Alfonso ata o día 14 de xaneiro.
Ler máis