----

As xeracións do Montserrat achégase á emigración galega ao Reino Unido

Pilar, Mary, Andrés e Tito son algúns dos protagonistas do fluxo migratorio que levou máis de douscentos mil galegos e galegas cara ao Reino Unido entre 1960 e 1974. As súas historias, narradas a través de documentos, fotografías e outros obxectos desa diáspora, poden verse na mostra As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a importancia de coñecer o fenómeno migratorio para comprender a Galicia contemporánea e concretamente no período que conta a exposición “na segunda metade do século XX cando o fluxo virou cara a Europa (neste caso ao Reino Unido), e que de aí viñeron outros aires de frescura, outras novidades, outras tendencias de cambio”. Canda a ela o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, puxo de relevo a importancia da conservación do patrimonio vivo “as imaxes e relatos son fundamentais para comprender a historia da nosa terra”. Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, incidiu en que “non son só unha colección de imaxes e obxectos, senón un testemuño do sacrificio, da valentía e da esperanza dos emigrantes galegos que deixaron Galicia en busca dun futuro mellor”. O vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas situou a exposición no marco da área de traballo da institución do estudo e difusión do fenómeno migratorio. O escritor e xornalista Xesús Fraga é o comisario deste proxecto, que se pode ver no Kiosko Alfonso ata o día 14 de xaneiro.
<em>As xeracións do Montserrat</em> achégase á emigración galega ao Reino Unido

Fotografías de Alberto Martí e Manuel Ferrol, que retrataron nos portos de Vigo e da Coruña as partidas dos grandes transatlánticos; o boneco que Lourdes e Manolo trouxeron ao seu fillo Esteban; a primeira libra que gañou Pilar, ou a vaixela de Royal Gale que Mary mercou peza a peza semanalmente para o seu enxoval. Son pequenos obxectos cotiáns e recordos reconvertidos en material expositivo que ofrece unha ollada emocional da emigración galega. A exposición pretende recuperar a memoria daquelas persoas que tiveron que emigrar na segunda metade do século XX e, a través dela, documentar non só ese tránsito entre países e culturas, senón o contexto social, económico e afectivo que rodeaba aos que buscaban unha vida mellor.

O relato expositivo está artellado ao redor dos testemuños de emigrantes e de traballadores galegos da Compañía Trasatlántica Española. A través deles percórrese a época das viaxes destes barcos e coñécese o contexto laboral, a vida familiar e as arelas do retorno.

A emigración ao Reino Unido non foi moi numerosa cuantitativamente. Estímase que foron 240 o00 galegos en dúas décadas. Contaba con moitas características comúns ao fenómeno migratorio; por exemplo, moitos envíos de cartos que se conseguiron alí reverteron no país para mercar pisos, montar negocios etc. Para o comisario, “culturalmente foi moi importante porque traían modas, obxectos, discos dos Beatles…, cousas que non eran tan doadas de atopar, así como matrimonios mixtos con migrantes de diferentes profesións”. Ademais, neste fluxo migratorio hai tamén un cambio de paradigma, “moitas desas mulleres van independentes, sen ningún tipo de tutela”, destaca Xesús Fraga. “É unha emigración na que, por primeira vez, empezan a emigrar as mulleres en pé de igualdade cos homes. Moitas emigran elas soas, sen que estean casadas, sen que houbese ningún home…, e non saben moi ben onde van. E tamén son as que volven, casan e levan o home”, afirma.

Os protagonistas
A historia da mostra comezou, como a de tantos emigrantes, no Monserrat, transatlántico no que embarcaban no porto da Coruña. Mentres investigaba a súa historia familiar, Xesús Fraga descubriu que a súa nai “falaba moito do Montserrat e do Begoña, eran elementos simbólicos, como animais mitolóxicos, e notábase cando os emigrantes cos que contactei para reconstruír este relato, cando pronunciaban os seus nomes, facíano como algo doutra época, e a partir de aí localicei un emigrante, e de aí fun a outro. Fun compoñendo unha rede de conexión no que saíron estas historias, pero hai moitas máis”.

Na planta baixa da exposición hai quince mesas que recollen os testemuños de dezanove persoas, a maioría procedentes das zonas da Coruña, Betanzos, Ferrol e A mariña lucense, que permiten un calidoscopio emocional desta conexión de Galicia co Reino Unido. A memoria é tan rica e variada como os obxectos que se expoñen.

O Montserrat, construído en Baltimore en 1945 para a Armada dos Estados Unidos, era case xemelgo do Begoña, que tiña variantes na superestrutura, cunha cuberta menos. Tiña capacidade para 825 pasaxeiros e tivo unha longa vida chea de numerosas rutas oceánicas. A Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) cedeu para a mostra numerosos materiais que permiten que a memoria do barco tamén estea presente. No Kiosko Alfonso pódense ver obxectos de a bordo: postais, menús, caixas de mistos, vaixela e cubertos, carteis…, pero tamén materiais relacionados coa navegación: o caderno de bitácora e o diario de navegación, os planos de reparación en Astano, uniformes do persoal, fotografías do persoal a bordo, folla de servizos dos mariñeiros, libretas da Mariña Mercante… En febreiro de 1973 o Montserrat completou a súa última singradura co desembarco en Vigo de corenta e seis pasaxeiros procedentes de Inglaterra. Tamén está presente o documento da súa derradeira navegación, a que fixo o ferrolán Tomás Rodríguez Mosquera á fronte do Montserrat ata Castellón para o seu despezamento.


A planta alta amosa fotografías desa etapa a través dos obxectivos dos dous fotógrafos que mellor retrataron o fenómeno migratorio: Alberto Martí (1922-2017) e Manuel Ferrol (1923-2003). Algunhas das fotografías de Martí xa se puideron ver en Os adeuses, a exposición que amosou os últimos momentos da emigración galega a América e que o Consello da Cultura Galega puxo en marcha en 2010 con medio centenar de itinerancias por todo o mundo, entre elas a do Ellis Island Museum, o principal museo da emigración americana. Encaixa no marco dunha das liñas de acción prioritarias do Consello da Cultura Galega, como é o estudo e difusión da emigración galega, sobre a que profundaron outras mostras: Nós mesmos, que amosou o asociacionismo galego na emigración, ou Luces de alén mar, que contribuíu a visibilizar a importancia do legado da emigración no ámbito educativo.