Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 761 a 780 de 3707

Marilar Aleixandre e Laura Fernández protagonizan a primeira sesión do ciclo EscriturAs

“Transgresoras e exitosas. De malas mulleres a señoras que non son Santa Claus” é o título da sesión coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) abre o ciclo EscriturAs. Esta iniciativa busca reflexionar, desde unha perspectiva feminina e feminista, sobre os cambios experimentados nos discursos artísticos, xornalísticos e intelectuais durante os últimos anos. A primeira sesión, que terá lugar mañá, 7 de marzo (18:00 horas), xunta a Marilar Aleixandre e a Laura Fernández para conversar arredor da posibilidade de lograr o éxito desde a disidencia. Modera este diálogo Inma López Silva, coordinadora da actividade xunto con Rexina Rodríguez Vega. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Ler máis

O ciclo Olladas de muller amosa o audiovisual máis recente feito por mulleres

Atender á creación galega pero tamén a destacados traballos do cine español e internacional recente protagonizados e dirixidos por mulleres é o obxectivo do ciclo Olladas de muller, que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG), a través do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), xunto coa Filmoteca de Galicia. A súa undécima edición comeza este venres, 3 de marzo, na Coruña. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez e Jacobo Sutil, director de Agadic, xunto coa directora do CDIF, Carme Adán, e a coordinadora do proxecto, Encarna Otero son os encargados de inaugurar este ciclo, que arrinca co documental de Nina Menkes Brainwashed, o cal aborda o abuso e a discriminación dos corpos femininos no cinema.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do cantautor Suso Vaamonde

Suso Vaamonde (Ponte Caldelas, Pontevedra, 1950 – Vigo, 2000) destacou, no panorama musical galego, por ser un dos cantautores máis comprometidos na loita pola defensa do seu pobo e da súa lingua. De feito, foi un dos primeiros en musicar as obras dos poetas da terra e en reivindicar a poesía galega e o vencello da literatura co pobo. Ademais, fixo importantes achegas á música infantil e mesmo contribuíu á súa renovación. Fernando Fernández Rego é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Profesionais destacan nunha xornada a evolución da lei en materia de violencia de xénero

A situación mudou moito nos últimos anos e avanzan as melloras en materia de violencia de xénero. E as cifras así o reforzan. As denuncias interpostas por mulleres subiron un 7% no último ano. Pero a normativa tamén ten eivas e atrancos. Sobre iso falaron diferentes profesionais e técnicos no Consello da Cultura Galega (CCG) na xornada “Violencias machistas: análises e retos”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a complexidade deste tema “no que cada vez que pensamos que temos unha resposta, atopamos outra pregunta que nos convoca, que nos fai pensar e que require que busquemos unha contestación”. Destacou o labor do Consello da Cultura Galega para abordar estas cuestións dende perspectivas diferentes, xa que semella que “non ten fin o problema da violencia exercida contra as mulleres, nin os problemas e os retos cos que nos imos atopando de maneira continuada”. Pola súa banda, Carme Adán, coordinadora da xornada xunto con Paz Filgueira, apuntou a importancia desta actividade para “construír colectivamente máis coñecemento a respecto das violencias”, ámbito no que “temos moito camiño feito a través da lexislación, dende o movemento feminista e dende o pensamento feminista”. Paz Filgueira engadiu que o espírito destas xornadas é o de realizar “unha avaliación para que se coñeza a situación e a evolución en materia de violencia de xénero”.

Ler máis

Varias entidades promoven o 9 de marzo, data do nacemento de Martín Sarmiento, como o Día do Naturalismo Galego

Martín Sarmiento foi o primeiro estudoso da natureza de Galicia. Por iso, o naturalista Rafael Loureiro iniciou unha campaña para declarar que o día do nacemento de Sarmiento, o 9 de marzo, sexa o Día do Naturalismo Galego. “É unha vindicación do naturalismo galego, das persoas que levan moitos anos estudando e traballando en prol do noso medio, pero tamén para dar a coñecer a obra de Martín Sarmiento”, asegurou Loureiro no acto de presentación. Cosme Damián Romay leu o comunicado conxunto de todas as entidades implicadas sobre a proposta civil que busca poñer a atención na importancia da natureza. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou o apoio do CCG a esta proposta, que “nace do tecido do naturalismo galego”. Juan Lema, presidente da Real Academia Galega de Ciencias, e mais os representantes de diferentes entidades de ciencias e humanidades participaron no acto de presentación da iniciativa.

Ler máis

Unha xornada analiza os avances e retos lexislativos na loita contra a violencia de xénero

“Violencias machistas: análise e retos” é o título da xornada que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 28 de febreiro (10:30 horas), na sede da institución. Nela, revisaranse os avances que se produciron nos últimos cinco anos desde a ratificación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e analizaranse os camiños que se abren coa aplicación de novas leis como a do “Só si é si”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e as coordinadoras da actividade, Carme Adán Villamarín e Paz Filgueira Paz serán as encargadas de inaugurar esta cita presencial, que amén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais do CCG.

Ler máis

O Xacobeo, as Tanxugueiras e o filme As bestas, principais eventos da cultura galega en 2022 segundo os xestores culturais

A programación cultural do Xacobeo (22,3%), as Tanxugueiras no Benidorm Fest (21,1%) e os concertos do Son do Camiño (10,4%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2022, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da quinta entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

A programación das Letras lembra o destacado papel de Fernández del Riego

A programación do Consello da Cultura Galega (CCG) para esta edición do Día das Letras Galegas busca recoñecer tanto a faceta poliédrica de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010) como o seu inesgotable traballo en prol da cultura do país. As actividades, presentadas esta mañá na Cidade da Cultura xunto con todas as institucións implicadas na celebración, seguen fieis ás liñas de traballo habitual do CCG: o concerto institucional como antesala festiva ao Día das Letras, unha publicación facsimilar con estudo crítico e un web que concentra todos os recursos que o CCG ten sobre a figura homenaxeada. A presidenta, Rosario Álvarez, destacou que Del Riego foi “un intelectual e activista cultural de xenerosa e inesgotable entrega a Galicia e unha figura moi querida por toda a sociedade galega”. O Concerto das Letras Galegas (16 de maio, Teatro Afundación Vigo) correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia e do Coro de Cámara Rías Baixas, e no programa destaca a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto, así como a interpretación de A miña burriña, peza moi querida por Fernández del Riego.

Ler máis

O foro Pensar o mundo dende Galicia comeza cunha xornada sobre a desinformación

Analizar o sistema comunicativo actual, o papel da información e os perigos da desinformación é o principal obxectivo da xornada “A información no mundo da posverdade”, a primeira das oito citas do foro Pensar o mundo dende Galicia co que o Consello da Cultura Galega (CCG) reflexiona sobre o papel presente e futuro da cultura no corenta aniversario da institución. Remedios Zafra (Zuheros, Córdoba, 1973) e Emili Prado (Cospeito, 1953) son as figuras que encabezan esta primeira sesión, que poñerá sobre a mesa a loita profesional e académica contra a desinformación. A xornada está coordinada por Xosé López, desenvolverase o 9 de marzo e ten aberta a inscrición.

Ler máis

As biografías de Juan Antonio Saco Arce e Manuel Rodríguez Alonso entran no Álbum de Galicia

Juan Antonio Saco Arce (Alongos, Toén, 1835 - Ourense, 1881) e Manuel Rodríguez Alonso (A Groba, Ribadavia, 1952 - Pozuelo de Alarcón, Madrid, 2015) comparten o feito de que foron destacados lingüistas. No caso de Saco Arce, foi o autor da primeira descrición gramatical científica do galego, a Gramática gallega. Mentres, Rodríguez Alonso sobresaíu pola súa actividade filolóxica e divulgativa, entre a que se conta a produción de dicionarios, gramáticas e libros de texto. Asinan as súas entradas no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), Xosé A. Fernández Salgado e Héitor Mera, respectivamente.

Ler máis

Nace Caligrafías musicais que recupera conferencias sobre o eido musical galego

Rosalía de Castro foi unha irrepetible figura literaria, pero tiña tamén unhas calidades innatas para a música. Sobre esta faceta menos coñecida da autora de Follas novas fala outro erudito, Filgueira Valverde, na primeira entrega de Caligrafías musicais, o novo proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Cada dous meses rescataranse conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego que permiten revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical do país.

Ler máis

Rosario Álvarez recibe á nova delegada do CSIC en Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita de Carmen González Sotelo, nova delegada institucional do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones científicas) en Galicia. Na xuntanza analizaron os proxectos que existen en marcha entre ambas as dúas entidades e novas iniciativas para o futuro.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Cidade Autónoma de Bos Aires promoverán a cultura galega na capital arxentina

Preservar e difundir o legado cultural, histórico e artístico da colectividade galega de Bos Aires é un dos cometidos do protocolo de colaboración que acaban de asinar dixitalmente a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e Emmanuel Ferrario, vicepresidente primeiro da Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires. O convenio, resultado dunha relación bilateral mantida no tempo entre ambas entidades, posibilitará a realización de novas accións, entre as que destaca unha exposición que afonda na relación de Castelao con Arxentina.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 18 números da revista Acción Gallega

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), completa a totalidade dos números que conforman a cabeceira Acción Gallega. A publicación, editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, tiña como fin principal informar sobre a propia Federación e as sociedades que a integraban. Ademais, incluía artigos e comentarios para dar conta da situación en que se atopaban España e Galicia tras a Guerra Civil. Os 18 exemplares que se incorporan neste mes de febreiro supoñen o total dos números que publicou a cabeceira baixo o nome Acción Gallega durante o ano 1944.

Ler máis

Redondela acolle Os adeuses, mostra que amosa os últimos momentos da emigración galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, inauguraron esta mañá na localidade a mostra Os adeuses. Trátase dunha exposición que documenta os últimos momentos da emigración galega a América a través de 51 fotografías realizadas por Alberto Martí nos portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Estará aberta ao público no Multiusos da Xunqueira ata o 28 de febreiro e chega a Redondela logo dunha itinerancia por numerosos destinos de España, Portugal, Brasil e Estados Unidos.

Ler máis

O Álbum de Galicia suma a biografía de Paz López Facal

A traxectoria da mestra Paz López Facal (Toba, Cee, A Coruña, 1938 - Vidán, Santiago de Compostela, 2020) incorpórase ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). Muller comprometida co seu labor docente, puxo en práctica algunhas das teorías pedagóxicas máis modernizadoras e promoveu unha aprendizaxe de carácter experimental. Ademais, foi “activista na sociedade e na cultura que habita en favor da xustiza”, apunta Berta López Villamel. Ela é a autora da súa entrada no Álbum de Galicia.

Ler máis

Regresan os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural cunha sesión sobre o patrimonio da Transición

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co grupo de investigación Hispona da Universidade de Santiago de Compostela, organiza mañá, 14 de febreiro (10:30 horas), unha nova sesión do ciclo Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Baixo o título “Recuperando o patrimonio da Transición democrática”, búscase analizar e dar visibilidade a todo ese patrimonio cultural xerado durante o período histórico da Transición e consolidación democrática. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección, Rebeca Blanco-Rotea, e o coordinador da xornada, Emilio Grandío, inauguran esta cita presencial, que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega destaca “A cultura e novo mundo novo”, conferencia de Isabel Pires deLima

Isabel Pires deLima (Braga, 1952) é unha recoñecida académica de Literatura de Lingua Portuguesa que foi ministra de Cultura de Portugal (entre 2005 e 2008). En 2010 participou no seminario interdisciplinar “O(s) sentido(s) da(s) Cultura(s)” do Consello da Cultura Galega (CCG) cun relatorio titulado “A cultura e o novo mundo novo”, no que instaba a desenvolver unha nova e máis ambiciosa acción para o sector cultural. A súa intervención difúndese no marco dun proxecto de recuperación de relatorios pronunciados no CCG co gallo do seu corenta aniversario.

Ler máis

Dous dos capítulos das Sophias chegan a Allariz este sábado

“A filósofa do sacho” e “Cigarrón Butler” son dous dos capítulos do proxecto Sophias, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe a divulgar o pensamento de mulleres destacadas da historia. Os dous proxectaranse este sábado en Allariz (Fundación Vicente Risco, 12:30 horas) nunha actividade na que participan Carme Adán, responsable do proxecto e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), e Celia Pereira, presidenta da Fundación Risco e coordinadora da Sección de Pensamento do CCG. Tras a proxección haberá un coloquio co público.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega leva ao Serán dos Namorados de Toutón o proxecto Axudádeme a cantar

Este sábado celébrase unha nova edición do Serán dos Namorados, unha festa que ten lugar no concello de Mondariz arredor do 14 de febreiro e da que se fala no primeiro dos capítulos do proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) Axudádeme a cantar. Ata alí desprazaranse as tres responsables do audiovisual, Renée DePalma, Xulia Feixoo e Carme López, que manterán un coloquio co público tras a proxección (19:00 horas).

Ler máis