Frei Martín Sarmiento
Século XVIII
Lugar, imaxe e memoria.
Martín Sarmiento foi un personaxe coñecido xa en vida, ao menos nos círculos eruditos e na Corte real, preto da cal residiu desde os vinte e oito anos ata que morreu (1772). Nos anos finais e inmediatamente despois da súa morte, a súa figura foi tratada como a dun persoeiro ilustre cuxa memoria cómpre preservar. Desa época datan o retrato de Isidro Carnicero (1770), o modelo do gravado de Francisco Muntaner (1774) e o busto que modelou o escultor Felipe de Castro (1774), que pasaría á Real Academia de la Historia, e do que hai copia en escaiola no Museo de Pontevedra e en pedra no Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, en Santiago. As exequias funerais que lle organizou o seu convento foron as propias dun persoeiro de relevo e mesmo se recolleron nun volume (Oración fúnebre de frei Anselmo Avalle, 1773), mentres que a Universidade compostelá imprimiu un eloxio composto por José Labrada que se refire ao 1nome celebradísimo deste varón egrexio».
Igualmente, pouco antes de que dese o seu derradeiro alento, o seu grande amigo, discípulo e protector Pedro de Alcántara Guzmán, duque de Medina Sidonia, dispuxera a copia dos seus escritos, que se remataría en 1777 e enchería os dezaoito volumes da que coñecemos como Colección Medina Sidonia. Isto foi providencial, visto o desastroso destino que sufriría o seu arquivo persoal, atesourado na súa cela, como decontado se verá. Esta Colección deixou pronto de estar accesible, mais foi a fonte de dúas copias máis do conxunto dos escritos de Sarmiento, probablemente realizadas despois de 1780: a denominada Colección Dávila, que pasou á Biblioteca Nacional de Madrid, e a coñecida como Colección Los Heros, que foi dar á biblioteca da Real Academia de la Historia, tamén en Madrid. A pesar da súa inferior calidade, estas dúas coleccións, especialmente a Dávila, serviron ata moi recentemente de fonte principal para a maioría dos estudos e edicións dos escritos de Sarmiento. Deste xeito, elas alicerzaron a sona de grande erudito que nimbou a súa figura desde o seu pasamento.
O mesmo duque promoveu a publicación das súas obras, que se iniciou con Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles (1775), pero o proxecto fanouse e non tivo continuidade. Tan cedo como 1777, cando o frade bieito Juan Sobreira chega destinado ao convento de San Martín, «un mofador» ensinoulle os «desechos del Reverendísimo Sarmiento: algunas arrobas de papeles viejos», entre eles moitas cartas, que estaban «arrojadas por desidia o por desprecio al rincón menos limpio del convento». Despois de desbotar moitas cartas que lle parecían «nocivas», Sobreira arranxou quince volumes de papeis e regaloulle dous deles á Academia de la Historia, os únicos que chegaron a nós. Pola contra, a outro galego, o impresor Antonio Valladares de Sotomayor, editor do Semanario Erudito, débese a publicación, entre 1787 e 1789, dun importante feixe de escritos de Sarmiento, nunha tarefa só acompañada polo xornal erudito El Correo Literario de la Europa.
Sarmiento foi enterrado nunha capela do propio mosteiro. A comezos do século XIX, cando a súa memoria comezaba a esmorecer, aínda se preveu depositar as súas cinzas nun Panteón de Homes Ilustres españois, proxectado pero nunca concretado. A igrexa onde repousaban os seus restos foi derrubada en 1809, e estes foron trasladados ás casas consistoriais, para pouco despois pasaren á igrexa de San Isidro. En 1813 as cinzas foron levadas á parroquia do distrito de San Martín, coa idea de inhumalas nun panteón que se ía construír no cemiterio, mais a partir desa data pérdeselles a pista. A súa tumba no convento desapareceu ao ser arrasado o edificio para abrir una praza pública tras a exclaustración de 1835.
Mentres a memoria do sabio bieito se esvaía na Vila e Corte, en Galicia, moi especialmente en Pontevedra, mantíñase viva a través dos descendentes dos seus irmáns, nomeadamente dous dos netos da súa irmá María Bernarda, os irmáns José Vicente e Francisco de Paula Cousiño. O primeiro pintoulle un retrato ao óleo (1756?) que hoxe se exhibe no Museo de Pontevedra. O segundo, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, pretendeu escribirlle unha biografía, aínda que non a chegou a emprender, mais legou no seu testamento (1826) «diferentes cartas originales y otros papeles eruditos de mi tío el Rmo. P. Sarmiento, como así bien muchos apuntes para la historia de su vida». É probable que eses papeis fosen consultados por Xoán Manuel Pintos, daquela estudante de Dereito na Minerva compostelá.
Este ilustre pontevedrés, figura chave no Rexurdimento galego, inclúe n’ A gaita gallega (1853) unha acesa gabanza de Sarmiento, expreso inspirador da obra. Pouco despois e tamén na Boa Vila, el mesmo daría ao prelo a primeira edición impresa do Coloquio en coplas galegas, baixo o título Recopilación de muchas palabras, voces y frases de la lengua gallega (1859). Da forza con que se mantivo a memoria de Sarmiento en Pontevedra dá fe a adquisición, nese último ano, polo Instituto de Ensino Medio de Pontevedra doutro retrato do noso autor, réplica ao óleo do gravado de Carnicero, que hoxe se conserva no IES Sánchez Cantón. Daquela, intelectuais pontevedreses impulsores de publicacións como El País (1857), nomeadamente Xosé Rodríguez Seoane, pretenderon localizar e divulgar a obra do seu ilustre paisano.
De feito, na metade do século XIX renóvase en Galicia o interese por Sarmiento, concentrado nos escritos que teñen que ver co país, entre outros: Nacimiento y crianza de San Fernando en Galicia (editado por Juan Manuel Bedoya en 1849), cartas ao seu irmán Francisco Xavier e outros familiares (en Galicia. Revista Universal de este Reino, 1860-61), «Carta a Esteban Terreros sobre el origen de la lengua gallega» (publicada por Manuel Murguía en La Ilustración Gallega y Asturiana, 1880). Á calor do Rexurdimento, gaña importancia a figura do Sarmiento precursor do galeguismo e estudoso da lingua galega. Contra finais do século XIX salienta polo seu labor divulgador o clérigo berciano Antolín Sánchez Peláez, que incide na súa faceta galeguista. A el débense, ademais doutras obras, as monografías El gran gallego. Fray Martín Sarmiento (1895) e Los escritos de Sarmiento y el siglo de Feijoo (1901), así como as edicións de textos do noso autor contidas en volumes como Origen del nombre y casa de San Julián de Samos (1894), ou Las poesías de Feijoo (1899), que contén o Coloquio de 24 gallegos rústicos.
Xa no século XX, a atención enfócase máis e máis cara ao seu labor filolóxico. Así, publícase por primeira vez o Onomástico etimológico de la lengua gallega, en edición do bispo Manuel Lago González (1923), e unha serie de Escritos filológicos del Padre Sarmiento no Boletín de la Real Academia Española (1928-1931). Despois da Guerra Civil publícase en Bos Aires a primeira antoloxía do noso autor con textos sobre o idioma galego (Estudio sobre el origen y formación de la lengua gallega, 1943). Ese mesmo ano fúndase en Santiago de Compostela o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, creado polo réxime franquista como dependencia do Centro Superior de Investigaciones Científicas: así, o nome do noso sabio é empregado para lexitimar o espolio dos fondos do Seminario de Estudos Galegos. Dous dos principais impulsores desta institución, Xosé Filgueira Valverde e Francisco Javier Sánchez Cantón, revélanse nesa década e as seguintes como os principais estudosos da súa obra, igual que salientan as revistas El Museo de Pontevedra e Cuadernos de Estudios Gallegos, nas que veñen a lume, entre outros, o Viaje a Galicia de 1754-55 (1950) e o Sistema de adornos de escultura del Nuevo Palacio Real de Madrid (1956).
Nas tres últimas décadas do século pasado edítase a maior parte dos escritos lingüísticos de Sarmiento, desde a Colección de voces y frases gallegas (1970) ata o Onomástico etimológico de la lengua gallega (1999), grazas ao inxente labor de José L. Pensado, o seu editor máis prolífico e o seu estudoso máis significado. Por fin, a lenda nebulosa tórnase concreta realidade, e o verdadeiro alcance dos estudos filolóxicos do noso autor, moi especialmente sobre o galego, pode ser coñecido, xulgado e explotado na súa extraordinaria magnitude.
O avance no coñecemento e a valoración da obra sarmentina nas últimas décadas do século pasado poden avaliarse comparando o volume monográfico que lle dedica Cuadernos de Estudios Gallegos en 1972, cando o bicentésimo cabodano do autor, cos dous volumes de actas do congreso organizado polo Consello da Cultura Galega co gallo do tricentenario do seu nacemento (1995). O amplo abano de intereses de Sarmiento é agora o foco de abordaxes desde as ciencias naturais, as ciencias sociais, a pedagoxía, a historia da ciencia, a filosofía ou a biblioteconomía. Desde 1997 as tres universidades galegas editan o anuario Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación.
O tricentenario deu lugar tamén á organización de dúas exposicións, por iniciativa de Xosé Filgueira Valverde, e está na base da dedicación do Día das Letras Galegas de 2002 ao noso autor. Esta contribuíu enormemente a popularizar a súa figura e, con esta ocasión, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o Proxecto Sarmiento, cun espazo en liña aínda vivo (https://consellodacultura.gal/area2.php?arq=4023).
Pontevedra é a poboación onde está máis presente a memoria de Sarmiento. Non quedou en pé a casa onde morara, pero si o edificio do Colexio da Compañía, onde estudou. Este, convertido hoxe no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, está situado na rúa Sarmiento, un dos eixes da centro histórico da Boa Vila. Nesta hai tamén un Instituto de Ensino Medio que leva o seu nome. En non poucas poboacións de Galicia hai rúas dedicadas a Sarmiento, entre elas as catro capitais provinciais, Vigo, Ribeira, Narón, Sarria, Portonovo, Ribadeo ou Redondela. Non así en Vilafranca do Bierzo, onde se descoidou a súa casa natal ata a súa ruína, mais onde o noso frade dá nome ao Instituto de Ensino Medio. Que saibamos, non existe ningunha estatua na súa honra.
ÁLVAREZ BARRIENTOS, Joaquín (2024): «Martín Sarmiento en el panorama intelectual español del siglo XVIII», en Henrique Monteagudo (ed.), Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 13-40.
FILGUEIRA VALVERDE, José (1972): «El Padre Sarmiento en el Museo de Pontevedra», Cuadernos de Estudios Gallegos, XXVII, 77-113.
FILGUEIRA VALVERDE, Xosé / Xurxo LOBATO (1995): Frei Martín Sarmiento e a Galicia do seu tempo. Exposicións didácticas, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.
MONTEAGUDO, Henrique (2002-): «Introdución ás Obras de Martín Sarmiento», en Proxecto Sarmiento, en liña: (https://consellodacultura.gal/paxina.php?id=8499&tipo=paxina&arq=8499) [consultado 30/11/2025].
ORACIÓN fúnebre que… Fray Anselmo Avalle, predicador mayor del Real Monasterio de San Martín de Madrid dixo el día 7 de febrero de 1773 en las honras que dicho Monasterio celebró a la buena memoria de su famoso hijo el Rmo. P. M. Fr. Martín Sarmiento…: con varios elogios hebreos, griegos, latinos y castellanos, Madrid, 1773.
[PAPELES de Don Francisco de Paula Cousiño sobre Fr. Martín Sarmiento], mss., Universidade de Santiago de Compostela, Biblioteca Xeral, Fondo Reserva; ms. 599.

Bibliografía