Memoria do teatro galego na Transición
A Transición marcou o futuro de Galicia en moitos ámbitos, e nas artes significou un punto de xiro fundamental. Alí naceu a idea do teatro galego contemporáneo e profesional. A través de entrevistas longas e detalladas, recollemos a memoria dos protagonistas que nos introducen nos primeiros proxectos e iniciativas. Un proxecto da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais dirixido por Tito Asorey coa edición audiovisual de Jairo Iglesias. Presentamos agora en aberto os primeiros dous episodios do proxecto.Os episodios
Anos 70: os inicios da profesionalización
Por todo o país foran xurdindo a partir dos anos 60 e 70 diferentes iniciativas teatrais que comezaron a callar en proxectos que buscaban a profesionalización. Desde a súa casa no Valadouro, Manuel Lourenzo introdúcenos na época. Xúlio Lago, Xerome Calero, María Xosé Porteiro, Eduardo Alonso, Luisa Merelas, Manuel Amenedo, Laura Ponte, Luma Gómez, Antonio Simón ou Cándido Pazó achegan as súas vivencias do ambiente, dos proxectos e dos conflitos da época.
As mostras de Abrente
A Mostra de Teatro de Ribadavia, entre 1973 e 1980, foi o gran espazo de encontro dos activistas das artes escénicas, e o foro no que se debatiron os camiños da profesionalización. Neste documental participan os integrantes do Abrente de aquela, como Luisa Escudero, José Luis Chao, a tamén actriz Rosa Álvarez, Isolina Rionegro, e actores e dramaturgos como Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Rabón, Euloxio R. Ruibal, María Costas, Manuel Amenedo, Manuel Guede, Mabel Rivera ou Antonio Durán Morris, entre outros
A institucionalización do teatro galego
Durante os primeiros anos da década dos 80 iníciase un proceso de construción autonómica que se traudce, no ambito teatral, nunha serie de medidas de apoio institucional ás artes escénicas. Este proceso estivo protagonizado pola xente do etatro que levaban exercendo unha profesionalidade incipiente desde o ano 1978. Neste documental participan figuras do teatro como Cándido Pazó, Eduardo Alonso, Luís Álvarez Pousa, Paco Oti, Moncho Varela, Mari Cruz Andrade, Xúlio Lago, Xerome Calero, María Barcala, Antonio Durán 'Morrís', Quico Cadaval, Salvador Forján, Luma Gómez ou Marcelino de Santiago "Kukas" entre outros.
As mulleres no teatro galego da Transición
Na historiografía do teatro galego da transición os homes ocupan un lugar predominante, en grande parte a causa da súa presenza en postos de poder, tanto político como artístico. Con todo, foron moitas as mulleres cuxa labor a prol da construción dun teatro galego foi esencial, e que moitas veces quedaron invisibilizadas ou tratadas como axentes secundarios dentro do proceso. Participan entre outras Mabel Rivera, María Barcala, Ánxela Abalo, María Costas, Casilda Alfaro, Rosa Álvarez, María Xosé Porteiro, Ánxeles Cuña, Isabel Rey ou Diego Bárcena entre outros.
Créditos
Unha produción do Consello da Cultura Galega
Coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega
Cristina Domínguez
Dirección
Tito Asorey
Fotografía
Jairo Iglesias
Pedro Tizón
Edición
Jairo Iglesias
Tito Asorey
Produción
Sara Rey