Sophias

Sophias

Serie web de ficción realizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para divulgar a figura e as ideas de mulleres filósofas ao longo da historia.

Marta e María son dúas compañeiras de traballo que nos seus encontros atopan sempre un motivo para filosofar sobre as ideas de mulleres que forman parte da historia do pensamento. Desde a Grecia clásica ata os nosos días, nestes sete capítulos abordan con humor, paixón e incluso misticismo as achegas de filósofas que pode que non estean nas conversas de corredor, pero que deberían.

Os episodios

CAPÍTULO 01 «Póker de sabias»




Existen as mulleres na historia do pensamento occidental? Existen, pero xa se sabe que quen reparte… En «Póker de sabias» repasamos algunhas das figuras da filosofía da época antiga e medieval, como Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen.

CAPÍTULO 02 «Iluminadas»




Na revolución de pensamento que supuxo a Ilustración existiron voces que reivindicaban que a muller fose tida en conta como suxeito social e incorporada en igualdade á nova orde social. E non, non foron Rousseau ou Kant, referentes deste Século das Luces, senón pensadoras como Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges.

CAPÍTULO 03 «A filósofa do sacho»




Pensadora e activista, Simone Weil faleceu cando tiña só 34 anos, deixando atrás unha obra extensa e profunda marcada pola revisión do marxismo e a mística. Pensaba dende a palabra pero tamén dende a acción, inspirada polas súas experiencias como obreira e membro da resistencia antifascista. Unha filósofa complexa da que queda moito por descubrir.

CAPÍTULO 04 «Movendo os marcos»




Recoñecería hoxe en día Simone de Beauvoir o segundo sexo en igualdade de condicións? Que pensaría dos avances na igualdade? E dos debates entre tendencias do feminismo? Dous cafés, un sofá e unha aplicación de citas serven ás nosas protagonistas para reflexionar sobre o legado da pensadora feminista máis coñecida da historia.

CAPÍTULO 05 «Hannah»




Un soliloquio introdúcenos no pensamento de Hannah Arendt, filósofa do século XX que reflexionou sobre a deriva social cara aos totalitarismos. Para ela, é o que facemos o que nos converte no que somos. E si, podemos deixarnos levar como nun ascensor, piso arriba e abaixo, pero a verdadeira liberdade está na acción e na busca de acordo… se o traballo nos deixa tempo, claro.

CAPÍTULO 06 «Cigarrón Butler»




Un xogo de capas narrativas e visuais con parada e fonda no Entroido galego. Esa é a proposta deste capítulo, no que se repasan as ideas de Judith Butler respecto á identidade sexual e os tipos de violencia, dous dos temas abordados por esta pensadora e activista contemporánea.

CAPÍTULO 07 «Cancelo Agra»




María Xosé Agra é a muller máis importante da filosofía galega. E non só polas achegas do seu pensamento, centrado na idea de xustiza e igualdade; tamén polo seu labor na documentación, investigación e divulgación dos movementos feministas e de diversidade de xénero en Galicia. Con ela pechamos esta serie de capítulos sobre mulleres filósofas.

Por que Sophias?



As filósofas son as grandes esquencidas da Historia do Pensamento e deben de entrar a formar parte do currículo escolar. Esa reivindicación foi o punto de partida co que un grupo de profesoras e profesores de Filosofía comezaron a traballar no verán de 2021 para darlle forma á idea de facer contidos audiovisuais para introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar, pero non so aí. As ideas e contributos desas filósofas merecían o recoñecemento e a transmisión nas aulas, mais tamén compartir os espazos da divulgación filosófica e da cultura popular.

E así naceu SOPHIAS, un proxecto do Consello da Cultura Galega co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, no que a través dunha ficción divulgativa se presenta unha escolma de autoras e dos temas e debates que abriron. Son mostra do seu xenio e capacidade para dialogar co contexto histórico e social, incluíndo o tema da exclusión das mulleres do espazo público e da creación de coñecemento. Hai moitas máis filósofas, pero escolléronse estas pola pegada do seu pensamento e pola súa actualidade para acompañar no proceso de pensar o presente. Fronte ao inmediato e a rapidez, é unha aposta polo repouso do diálogo. Pensar sempre é compartido.

FICHA TÉCNICA

Título: Sophias
Xénero: Ficción
Capítulos: 7
Duración: 5 minutos cada capítulo
Idioma: Galego
Intérpretes: Marta Pérez e María Roja
Produción executiva: Carme Adán
Guións: Cristina de la Torre, Carme Adán, Iolanda Martínez, Manuel Torres, Jorge Álvarez, María del Toro, Celia Pereira, Zeltia Laya, África López Souto
Dirección e montaxe: Cristina de la Torre
Fotografía: Pio Cribeiro
Son: Eloy Táboas
Produción: Consello da Cultura Galega co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero
Ano: 2022