O tempo do wolframio Séculos XIX e XX

O tempo do wolframio

Séculos XIX e XX

Mina de wolframio de Casaio (Carballeda de Valdeorras)

Indicios de euforia nos anos da fame

Na exposición «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura», organizada polo Consello da Cultura Galega en 2016 coa finalidade de «construír un relato histórico do país», aparece un separador electromagnético de mineral empregado nas minas de volframio. A introdución deste aparello no top cen da identidade galega susténtase no alto valor simbólico que este mineral acabou cobrando na memoria histórica de Galicia.

Esa é a gran diferenza da memoria do volframio con respecto á de calquera outro mineral explotado no país, que se estendeu máis aló dos esperables recordos da poboación que habita as comarcas en cuxo subsolo abrollan as súas vetas, a saber: Valdeorras e Lobios, na provincia de Ourense; Trasdeza, na de Pontevedra; e O Xallas, Bergantiños e O Barbanza, na da Coruña. Evidentemente, hai enclaves onde as memorias se manteñen máis vivas e densas, xa sexa pola proximidade ás minas, que actúan como detonantes de rememoración, xa sexa porque funcionan museos, como o das Minas de San Fins, en Lousame, ou o Museo da Minería de Fontao, en Vila de Cruces. Pero a lembranza do volframio como tal non supón un fito de memoria local ou, se se prefire, é máis que a suma das memorias de Varilongo (no concello de Santa Comba), de Valborraz, tamén chamada «dos alemáns» (en Casaio, concello de Carballeda de Valdeorras), de Gomariz (no concello de Baltar), de Vilanova (no concello da Veiga) ou das mencionadas de San Fins e de Fontao, por citar algúns dos xacementos con máis sona.

O impacto social da pegada do volframio foi tal que pasou a formar parte da memoria histórica de Galicia, e iso é explicable, coidamos, por tres razóns. A primeira delas é que se trata dun recordo enraizado noutra memoria, a da Segunda Guerra Mundial, de aí que as lembranzas do volframio xurdan da man das narracións sobre nazis, cónsules, espías e tanques.

As acordanzas non cobren a totalidade do que sería a historia da explotación do volframio nos subsolos galegos. Hai minas, como as de San Fins, nas que pode documentarse actividade extractiva desde a Idade de Bronce, pero o aproveitamento do volframio parece que foi ben posterior. Para a época contemporánea este pode situarse nas décadas finais do século XIX; así, a finais dos anos 80 foi cando unha empresa belga iniciou traballos na mina de Fontao, interesada tanto no estaño como nas pedras de volframio que alí se podían atopar. Ben é certo que foi na primeira década do século XX, á calor do estalido da Primeira Guerra Mundial, cando se puxeron en valor por primeira vez os depósitos subterráneos, o que supuxo aumentar a explotación das vetas galegas, que non se caracterizan por seren especialmente ricas. Nese contexto, en 1914, abríronse as minas de Valborraz. A extracción de volframio en Galicia constitúe o que se coñece como «minería de ocasión», termo que indica que a obtención do mineral non resultaría rendible economicamente en condicións normais de demanda, pero que, nunha conxuntura específica que provoca a subida de prezos, cobra interese. Así, o período de auxe da minería do volframio en Galicia —e no conxunto da Península Ibérica— dátase entre 1935 e 1944 e foi propiciado polas necesidades derivadas da Segunda Guerra Mundial. Outro momento de incremento da demanda e do prezo foi a guerra de Corea (1950-1953), conflito responsable da división —que actualmente se mantén— da península en dous Estados que puxo punto final á condición de Galicia como territorio produtor desa materia prima. Xa que logo, só os contextos bélicos que impediron aos países tradicionalmente produtores de volframio, caso da China, poderen satisfacer o aumento da demanda explican o auxe dunha explotación a todas luces intranscendente doutro xeito en Galicia e mesmo no conxunto de España, onde a liña de xacementos se prolonga desde o noroeste cara ao arco Asturias-León e ás provincias castelás de Zamora e Salamanca, con continuación pola serra do Guadarrama e as estremeñas de Cáceres e Badaxoz.

Isto ten que ver con que o volframio ten como características principais a dureza, a densidade e o máis elevado punto de fusión (capacidade para soportar altas temperaturas) de todos os metais, o que o converte nunha materia prima con múltiples usos. En época de conflitos armados resultou especialmente apreciado porque as calidades descritas o facían capaz de blindar a punta dos proxectís antitanques e a coiraza dos blindados. Así se explica a súa transformación nun obxecto de desexo durante a Segunda Guerra Mundial. Conseguilo converteuse nun asunto de vital importancia para os dous exércitos en liza, o dos aliados e o do eixe. As disputas entre os gobernos de Gran Bretaña e Alemaña por conseguir minas e por comprar mineral son recordadas como a «batalla do volframio», como se dunha fronte de guerra se tratase, e esa memoria conferiulle a Galicia certo papel protagonista no taboleiro da xeopolítica e da economía mundial, fronte á usual asunción de territorio periférico e, polo tanto, falto de significación.

Tanto o Portugal de Salazar, o outro gran provedor de volframio, como a España franquista subministraron esta materia prima estratéxica á Alemaña nazi. No caso español, foi en razón da súa afinidade ideolóxica co fascismo e como mostra das estreitas relacións hispanoxermánicas, que se remontaban ao mesmo 1936, cando Franco recibira axuda militar durante a Guerra Civil, e continuaran co envío da División Azul española en apoio ao exército nazi; aínda que tamén atendendo a un práctico motivo económico: os de Hitler pagábano moi ben (cuadriplicaban o prezo oficial taxado). Este abastecemento provocou unha crise diplomática coas potencias aliadas, pois supuña unha flagrante ruptura da condición de neutralidade á que España formalmente se acollera. Rematou o episodio coa sinatura por parte de Franco dun tratado en 1944, con Gran Bretaña e os Estados Unidos, polo que España se comprometía a reducir as exportacións e a non continuar provendo a Alemaña.

A segunda razón aludida para explicar o impacto da memoria do volframio ten que ver con que se construíu —e transmitiu posteriormente— como un compoñente do relato da posguerra, e nel a memoria do volframio funcionou como un punto de fuga da realidade definida en termos de fame, miseria e medo. O volframio rememorouse por toda a xeografía galega porque actuou como válvula de escape dese tempo gris, creando no imaxinario un dos escasos recordos asociados á bonanza económica, de aí o sobrenome que lle quedou ao mineral: o ouro negro. Neste senso, a «batalla do volframio» convive na memoria coa «febre do volframio», expresión que ten servido para aludir ás riadas de xentes que se desprazaron ás minas para tentaren gañar a vida, xa como traballadores nos xacementos, xa como rebuscadores e vendedores ilegais. En 1943 rexístranse 7699 traballadores legais nas minas de volframio galegas e suponse que os sen contrato superarían esa cifra por moito.

O volframio aparece, pois, como causante do crecemento das aldeas próximas aos xacementos, nas que se multiplicaron os edificios para acoller poboación e darlle servizos e entretemento, ou mesmo do xurdimento de novas realidades residenciais, como os poboados edificados por parte das empresas para aloxar mineiros que poden verse en Fontao, Valborraz e San Fins, por exemplo. Pero tamén vai inevitablemente vencellado ao ilícito, no que ten que ver tanto co traballo como co seu comercio, xa fose pola vía do estraperlo ou mercado negro, xa fose pola vía do contrabando (coa fronteira internacional de por medio). Neste mercado ilegal de mineral sempre se dá conta de dous niveis diferentes: un pequeno negocio protagonizado por aqueles que temían o castigo por teren saltado taxas e lexislacións, e o gran negocio, no que participaban directamente as autoridades do réxime, os donos das empresas concesionarias e as elites económicas de maneira impune. Cando se trata do primeiro caso, a memoria remite a aventuras de pillos e agudas estraperlistas e contrabandistas, que eran quen de rachar co férreo control baixo o que a sociedade sobrevivía na altura e do que había boa mostra nas propias minas, onde, ademais de persoal de seguridade que trataba de evitar a entrada na mina de xente allea a ela e a saída ilícita de mineral, estaban, nalgúns casos, destacamentos da Garda Civil.

Soldos altos (máis para os homes que para as mulleres) e pagos en negro tiveron unha enorme influencia nas economías domésticas e comunitarias das zonas mineiras. Supuxeron unha entrada de cartos nada desprezable naqueles anos da fame, que a moitos lles permitiu garantir a supervivencia e a outros os catapultou a un nivel de vida impropio da súa condición social. A memoria da dureza da mina e a inseguridade no traballo nas galerías, das xornadas infinitas ás que sometían os presos coa promesa de redención de penas (en Casaio, por exemplo) ou das multas por estraperlar volframio convive coa duns mozos con moito diñeiro que non dubidaban en buscar diversión e facer gastos en ocio e bens que non eran de primeira necesidade. A vida nocturna dos sábados, os seráns en salóns de baile cheos, as altas apostas nas partidas de cartas e as sesións de cine son tan habituais como os testemuños sobre compras de gando e apeiros e as melloras nas vivendas con eses cartos froito de salarios ou da venda dunhas pedras daquel ouro negro.

A terceira e última razón que se pode esgrimir para explicar, e sobre todo para probar, ese grande impacto social e xeográfico da memoria do volframio é que dela teñen bebido un importante número de produtos culturais (véxase a bibliografía), tanto en formatos audiovisuais como en literatura (de toda natureza, desde a novela negra á banda deseñada, pasando por contos infantoxuvenís). Un numero importante de autores e autoras incorporaron os tempos da explotación do volframio en Galicia como un tema relevante e moitos partiron dos relatos orais das xentes coetáneas —pasando pola consabida ficcionalización na liña do western norteamericano mesturado co cine de espionaxe—, o que axudou a fixalos na memoria das persoas lectoras de xeracións seguintes. Na memoria actual quedan as brasas daquela memoria directa, pero xa modelada tanto polo esquecemento propio do avance do tempo e da perda de protagonistas como por esa ficción que da historia da extracción do volframio e da súa memoria se ten feito.

Bibliografía

BLANCO RAMOS, Carme (2016): O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963). Vigo: Xerais.
CABA LANDA, Carlos (1947): ¡Wolfram, wolfram! (La diplomacia en la bocamina). Bos Aires: Morata.
CABANA IGLESIA, Ana (2017): «Casi todo era negro: resistencias y puntos de fuga en torno al tráfico ilegal de mineral (Galicia, 1939-1945)», Cahiers de Civilisation Espagnole Contemporaine, 18.
CAEIRO, Antonio (dir.) (2003): A memoria nos tempos do wolframio. [Documental].
CARMONA BADÍA, Xoán (2003): «La minería española del wolframio, 1936-1954». En SÁNCHEZ RECIO, Glicerio e TASCÓN FERNÁNDEZ, Julio (eds.): Los empresarios de Franco. Política y economía en España, 1936-1957. Barcelona: Crítica, Servicio de Publicaciones de la Universidad de Alicante; 261-280.
CARRÉ, Héctor (2011): Febre. Vigo: Xerais.
CASAL, Simón (dir.) (2016): Lobos sucios. [Película].
DOMÍNGUEZ PÉREZ, Xabier e EVAN FREIJEDO, Alba de (2023): Segredos soterrados. Vigo: Xerais.
FARIÑA JAMARDO, José (1977): La balada del wolfram. Madrid: Editorial Magisterio Español.
FREIXANES, Víctor (2010): Cabalo de ouros. Vigo: Galaxia.
GARCÍA MAÑÁ, Luís (1999): As plumas do moucho. Vigo: Ir Indo.
GARCÍA REIGOSA, Carlos (2016): La venganza del difunto. Madrid: HarperCollins.
GARCÍA TATO, Isidro (2016): El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio. Madrid: CSIC.
GRANDÍO SEOANE, Emilio (2015): «No solo wolframio. Galicia, campo de juego de las redes de inteligencia durante la Segunda Guerra Mundial», Revista Universitaria de Historia Militar, 4(8): 101-117.
GRANDÍO SEOANE, Emilio e RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Javier (eds.) (2012): War Zone. La Segunda Guerra Mundial en el noroeste de la Península Ibérica. Madrid: Eneida.
GUERRA GARRIDO, Raúl (1984): El año del wolfram. Barcelona: Planeta.
HAYES, Carlton J. H. (1946): Misión de guerra en España. Madrid: Ediciones y Publicaciones Españolas (Epesa).
HOARE, Samuel (1977): Embajador ante Franco en Misión Especial. Madrid: Sedmay.
OTERO, Encarna (dir.) (2014): A luz do negro. O volframio da Brea e o poboado de Fontao. [Documental].
PIN BASANTA, Irene (dir.) (2019): San Finx 1960. [Documental].
PIÑEIRO GARCÍA, Ernesto (2017): «La influencia del wolframio en la literatura gallega», EcoLab, 21 de marzo. http://laboratoriodeecocr.wixsite.com/ecolab/single-post/2017/03/21/Influencia-del-wolframio-en-la-literatura-gallega
REBOLLEDO, Ainhoa (2015): Wolframio. A Coruña: Tandaia.
RODRÍGUEZ GALDO, María Xosé e LOSADA ÁLVAREZ, Abel (2004): «Producción española de volframio y “guerra económica” 1936-1945». En FONTANA, J. (hom.): Josep. Fontana: Història i projecte social. Reconeixement a una trajectòria. Barcelona: Crítica, Museu d’História de Catalunya; 1556.
RODRÍGUEZ GALDO, María Xosé e LOSADA ÁLVAREZ, Abel (2005): «El ciclo de creación de empresas mineras en Galicia vinculado a la demanda internacional de volframio». Relatorio no VIII Congreso de la Asociación Española de Historia Económica. (Santiago de Compostela, 13 a 16 de setembro de 2005).
RODRÍGUEZ GALDO, María Xosé e LOSADA ÁLVAREZ, Abel (2007): «Paternalismo empresarial y “desarrollismo”. Reflexiones sobre la construcción del poblado minero de Fontao», Revista Galega de Economía, 16: 1-22.
ROLLAND, Eduardo (2006): Galicia en guerra. Espías, batallas, submarinos e volframio: do desfile da Wehrmacht en Vigo á fuxida dos criminais nazis. Vigo: Xerais.
THOMÀS, Joan Maria (2010): La batalla del wolframio: Estados Unidos y la España de Pearl Harbor a la Guerra Fría (1941-1947). Madrid: Cátedra.
THOMÀS, Joan Maria (2022): «El wolframio. De cuando Galicia era un Near West». En DOMÍNGUEZ CASTRO, Luis (ed.): Entre o Terceiro Reich e os aliados. Galicia e a Segunda Guerra Mundial. Santiago: Consello da Cultura Galega; 117-133.
TRIGO ALONSO, Xosé e TRIGO ALONSO, Roberto Xosé (2016): Lobada. Operación Kartoffel. A Coruña: Deputación da Coruña.
TUDELA, Mariano (1994): Fiebre negra y otras historias. Madrid: Bitácora.
VALENZUELA OTERO, Ramón (1980): Era tempo de apandar. Madrid: Akal.
VARELA FERREIRO, Alberto (2020): Wolfram. Vigo: Xerais.


Compartir: