Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires Século XX

Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires

Século XX

Grupo de socios e directivos da Sociedad de Nogueira de Ramuín nun acto de apoio á República española, 1938

Onde se mantivo viva a memoria da República

Dende a primeira década do século XX a intensificación da corrente migratoria galega cara ao Río da Prata foi da man dunha diversificación do tecido de sociedades de axuda mutua, recreativas e culturais na capital arxentina, Bos Aires. Ademais das grandes asociacións de axuda mutua —das que a máis importante, o Centro Galego, non foi refundada ata maio de 1907—, da Casa de Galicia, constituída en 1919, e dos orfeóns, que en parte viñan da década de 1890, xurdiu un enxame de asociacións de ámbito microterritorial, que tiñan como ámbito de actuación e referencia a freguesía, o concello ou a bisbarra de orixe. A partir de 1904, cando xurdiu a primeira delas (La Concordia, dos naturais de Fornelos da Ribeira, Salvaterra de Miño), o número medrou de maneira exponencial: ata 1936 fundáronse en Bos Aires e arredores como mínimo 348 sociedades, das que o 31,6 % adoptaba como ámbito de referencia a freguesía, o 58,90 % o concello e o 7,75 % o partido xudicial.

O agromar societario, alén dos devezos de protagonismo dunha elite inmigrante e do localismo da inmigración, obedecía tamén a unha lóxica de natureza microsocial. Moitas asociacións xurdían en América como correlato, e mesmo como avanzada, da fundación e actividades das asociacións agrarias que tamén estaban a inzar en Galicia de xeito contemporáneo. Adoito, as asociacións parroquiais ou municipais emerxían para recolleitar fondos con destino a sociedades agrarias, periódicos anticaciquís e cooperativas gandeiras e agrícolas, así como sobre todo á construción e dotación de escolas primarias nos seus lugares de orixe. Alén da promoción da instrución para mellorar as oportunidades dos futuros emigrantes, as chamadas sociedades de instrución tiñan o obxectivo de artellar a sociedade civil nos seus lugares de partida e de facer da educación unha panca de emancipación social, para contribuír a forxar novas xeracións cidadáns e cidadás conscientes dos seus dereitos.

A elite inmigrante que participaba nas sociedades de instrución de Bos Aires recrutábase en parte entre comerciantes e empresarios de certo éxito. No entanto, tamén desempeñaron un papel fundamental os activistas sociopolíticos, de orientación tanto agrarista nas súas diversas vertentes (vencellada ao Directorio de Teis, á Acción Gallega de Basilio Álvarez e a outras iniciativas) como socialista. O feito de que en Bos Aires sobranceasen os inmigrantes procedentes da Galicia central e meridional, onde máis forza tiña a reivindicación de abolición dos foros, tamén contribuíu á maior radicalidade das demandas das asociacións galaico-porteñas, en comparanza coas cubanas. Foron un grupo de activistas adoito comprometidos co socialismo arxentino, procedentes na súa maioría do Baixo Miño, das bisbarras de Teo e Vedra, do Deza e do noroeste ourensán, os que se situaron á vangarda do movemento asociativo.

Dende a segunda década do século XX rexistráronse diversas iniciativas para artellar federacións comarcais de sociedades de instrución, comezando polas das bisbarras de Teo e Vedra; en 1919 naceu igualmente unha federación de asociacións da provincia da Coruña, xurdida do pulo da anterior, que editou o seu propio voceiro, Hércules. Porén, foron os núcleos do Baixo Miño (con líderes como o socialista Ángel Martínez Castro), do Deza (entre eles, o mestre socialista Antón Alonso Ríos), de Vedra (con Manuel Cao Turnes) e de Moraña os máis dinámicos. A comezos de outubro de 1921 nacía en Bos Aires, nun congreso ao que asistiron delegados de trece entidades en representación de 1780 asociados, a Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales da República Arxentina, cun credo agrarista e republicano, que amosaba ademais claras simpatías pola esquerda obreira. A nova entidade tirou do prelo a partir do ano seguinte un voceiro propio, El Despertar Gallego, que oito anos máis tarde se transformaría no semanario Galicia, cabeceira de longa tradición na diáspora galaica.

As sociedades que ingresasen na FSG habían ser galegas, republicanas e democráticas no seu funcionamento interno. Malia respectar a diversidade de opinións no seu seo, dende un comezo a Federación pronunciábase pola abolición dos foros, a laicización e democratización do ensino, e un reformismo social progresivo, a través do cooperativismo agrario e obreiro. A maiores, a FSG fixo gala dunha rexa vontade intervencionista na política galega, en apoio da pouco concreta revolución agraria, e esixiu aos agraristas galegos que se coordinasen e fundasen algo semellante a un partido agrario e que concretasen as súas propostas, servíndolles de espello. Engadía a iso un tépedo autonomismo. Algúns dirixentes da FSG, como Alonso Ríos, proporían máis adiante unha síntese de republicanismo reformista, socialismo e galeguismo progresista.

A influencia da FSG dentro da colectividade galaica de Bos Aires medrou de xeito paulatino, como amosou o crecemento do número de sociedades federadas. En 1925, incluía 33 entidades, que pasaron a 40 en 1927: representaban na altura o 27,39 % das 146 sociedades galegas existentes na capital arxentina. Porén, na política galega a FSG axiña sufriu un primeiro desencanto co agrarismo encabezado polo crego Basilio Álvarez, sobre todo dende a chegada da ditadura de Primo de Rivera en setembro de 1923. A postura acomodaticia dos agraristas galegos co Directorio Militar e mais os pactos locais levaron os agrario-esquerdistas porteños a procurar novos parceiros políticos. De aí que dende 1926 pasasen a apoiar a expansión da socialista UGT polo campo galego e a priorizar as relacións co PSOE, como se demostrou na solemne inauguración dun busto adicado a Pablo Iglesias na sede da FSG. En varias bisbarras, como o Baixo Miño, a FSG e entidades a ela adheridas, como o Comité Renovación de Ponteareas ou a Unión Progresista de Salvaterra de Miño, emprestaron o seu decidido apoio ao socialismo local.

Ao mesmo tempo, unha parte dos líderes republicano-agraristas da FSG achegáronse ao nacionalismo galego operante na colectividade emigrante dende uns anos atrás, vencellado ás Irmandades da Fala. A fracción posibilista do galeguismo porteño editaba dende 1924, en colaboración con activistas republicanos, a coidada revista ilustrada Céltiga, con líderes como o escritor Eduardo Blanco-Amor e o antigo sindicalista comunista Ramón Suárez Picallo. En decembro de 1925 varios nacionalistas incorporáronse á dirección da FSG e exerceron un forte influxo no seu voceiro de prensa. A FSG pasou así a abandeirar a galeguización do ensino nas escolas sostidas polos emigrantes e celebrou o Día de Galicia na data do 17 de decembro, cabodano da execución do mariscal Pardo de Cela. O sector arredista, pola súa banda, tamén ingresou como sociedade adherida á FSG co nome de Sociedade d’Arte Pondal, aínda que sería expulsado ao pouco tempo e reaparecería en 1930 como Sociedade Nazonalista Pondal.

A finais da década de 1920 debuxáronse nidiamente dous bandos enfrontados polo control da FSG. Dunha banda, un sector nacionalista, envorcado cara á esquerda, e doutra banda, un sector socialista e afervoadamente antigaleguista. Após diversas retesías internas, en setembro de 1929 consumouse a escisión dos socialistas, que ficaron cun maior número de sociedades, mais cun menor continxente de asociados, e abandonaron a sede federal na rúa Salta, 1185, para instalarse, despois dun tempo compartillando local co Centro Republicano Español, na rúa Bartolomé Mitre, 1281. Editou ademais un voceiro propio, Acción Gallega. A diferenza entre as dúas federacións no que atinxía ao reformismo social ou ao republicanismo era mínima, mais no plano nacional estaban moi arredadas: mentres a FSG galeguista, que se instalou na rúa Belgrano, 1732, apoiaba a causa do autogoberno de Galicia, se identificaba coa tradición galeguista das Irmandades da Fala e aspiraba a que en España se proclamase unha república federal, a federación da rúa Mitre optaba polo centralismo e rexeitaba calquera uso formal do idioma galego, considerado sinal de atraso. En xaneiro de 1932, a federación galeguista, que contaba con 19 sociedades e 3400 asociados, estabelecía na súa Declaración de Principios que Galicia era unha realidade nacional dentro do Estado español, con dereito á «más plena y absoluta soberanía» en harmonía co resto dos pobos da República. Converteuse ademais nun apoio circio do galeguismo político, primeiro da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e, dende finais de 1931, do Partido Galeguista (PG), do que ao ano seguinte sería entidade adherida. Pouco despois do 14 de abril de 1931, a FSG da rúa Belgrano enviou, ademais, representantes propios a Galicia, en parcería co Centro Galego de Montevideo, para participar na vida política do país. Dous deles chegaron a ser deputados galeguistas nas Cortes da República, tanto en 1931-1933 como en 1936, Suárez Picallo e Alonso Ríos. Pola súa banda, a federación da rúa Mitre mantívose firme no seu apoio ao PSOE, mais non tivo apenas influxo na política galega.

O estalido da guerra civil española e o feito de que Galicia caese en pouco tempo en poder dos rebeldes levou a unha rápida reunificación de ambas as dúas federacións arredor da defensa da República fronte á rebelión militar, un programa social reformista e a defensa do Estatuto de autonomía de Galicia plebiscitado en xuño de 1936. Galeguistas e socialistas conviviron de novo dentro da organización, que se caracterizou polo seu compromiso coa República, organizou mitins para recadar fondos e enviar subministracións, participou en diversas iniciativas xunta organizacións da esquerda arxentina e colaborou coa embaixada da República española na Arxentina, non sen problemas cos gobernos autoritarios de Agustín P. Justo e Roberto M. Ortiz, veladamente favorábeis aos franquistas. Iso provocou un esmorecemento temporal da reivindicación galeguista, patente no compromiso do escritor Eduardo Blanco-Amor coa República. Ao remate da Guerra Civil, tamén a FSG acubillou as actividades da Central Gallega de Ayuda a los Refugiados, publicou no seu voceiro listaxes de refuxiados republicanos galegos nos campos de internamento franceses e recadou fondos para acoller varios deles na Arxentina en 1939-1940.

A derrota da República non provocou a desbandada dos emigrantes comprometidos coa súa defensa. A FSG mantivo unha alta afiliación (8000 afiliados e 53 asociacións en 1947) e, a finais de 1942, grazas en parte ao feito de que as entidades adheridas xa non enviaban recursos a Galicia para soster escolas, puido mercar unha casa señorial no bairro de San Telmo na súa sede actual (Chacabuco, 955), ademais de crear unha sociedade anónima (Alborada). Tamén adquiriu un predio lindante en 1947 e máis tarde un campo nas aforas (Punta Chica). Politicamente, a FSG seguiu a ser un escenario no que galeguistas e socialistas mantiñan unha continua lea, alternando períodos de colaboración con outros de aberta retesía. En xeral, e aínda que os galeguistas porteños mantiveron a súa influencia no semanario Galicia e nas directivas da FSG, nomeadamente entre 1945 e 1950, a FSG converteuse a cada máis nun baluarte da causa da República española e da esquerda obreira. Non foi alleo a ese proceso a súa acollida dalgúns exilados republicanos, así como as crecentes desavinzas entre os dirixentes federais e mais os galeguistas, sobre todo coa chegada (ou retorno) de varios exilados —Alonso Ríos, Alfonso R. Castelao, despois Suárez Picallo— dende 1938-1940. A estratexia seguida polos nacionalistas, consistente en promover a fusión de sociedades de instrución en centros provinciais, contribuíu a afastar de maneira progresiva o galeguismo da Federación, mesmo durante a fase da presidencia do galeguista moderado Antonio Alonso Pérez. O divorcio faríase moito máis patente a partir da morte de Castelao en xaneiro de 1950.

Dende 1950 domeou na FSG o sector comunista-socialista, comandado por Gerardo Díaz. Ao mesmo tempo, as relacións da entidade co Goberno do xeneral Juan Domingo Perón dende 1946 foron difíciles. A entidade tentaba manterse neutral na política interior arxentina, como todas as entidades inmigrantes; porén, o seu rexo compromiso antifranquista facíaa sospeitosa aos ollos do Goberno peronista, pois a Federación era unha sorte de illa na que moitos inmigrantes desconformes co rumbo do réxime desenvolvían actividades antifranquistas. A situación non mudou despois da caída de Perón. En 1957 o Goberno militar interveu a Federación, aproveitando as desavinzas internas entre comunistas e galeguistas, aos que se unía un sector republicano que se definía como anticomunista. Porén, dende os anos sesenta e ata finais do século XX, a FSG pasou a ser domeada polos sectores comunistas, de maneira paralela ao devalar da súa influencia no seo dunha colectividade inmigrante que viu apouvigar a súa relevancia numérica, consonte o fluxo migratorio de posguerra chegaba á súa fin.

O recambio xeracional nas asociacións galegas era cada vez máis limitado, e iso reflectiuse tamén na FSG. De 11 550 afiliados en 1960 pasou a 4750 en 1988, cando o número de asociacións federadas caera a vinte, moitas delas con existencia só nominal. Ao comezar o proceso de transición en España logo da morte de Franco, a FSG tentou recuperar algo do seu protagonismo de 1931; porén, as propostas de enviar unha delegación a Galicia para contribuír ao proceso autonómico, expresadas entre outros polo artista e editor Isaac Díaz Pardo, residente na Arxentina varios anos atrás e vencellado por un tempo á Federación, non acharon resposta. Nin a colectividade galega de Bos Aires tiña o peso sociopolítico e económico de outrora nin a sociedade galega agardaba ren das colectividades emigrantes, a diferenza de 1931. A maiores, a transición e o proceso autonómico en Galicia solapáronse con anos difíciles na política interior arxentina. Os anos da ditadura militar (1976-1983) supuxeron para a Federación outra dura proba, obrigada a manter as súas actividades en mínimos baixo a sombra da represión. Non por acaso, despois de 1983 algunhas madres da praza de Maio de orixe galega xuntábanse no seu local, entre as que salientou Dionisia López Amado, natural de Cedeira.

Así e todo, a Federación subsistiu e persiste ata o día de hoxe como unha das entidades máis antigas e emblemáticas da diáspora galega, ademais de como un lugar de memoria do pasado socialmente comprometido da colectividade galaico-porteña e mais da súa importancia na política galega. Seguiu sempre a manter o seu cuño de esquerda, con matices: dende comezos do século XXI, o nacionalismo de esquerda gañou posicións no seu seo, e algúns dos seus dirixentes máis carismáticos nesa altura, como Francisco Lores, exerceron a representación do Bloque Nacionalista Galego na Arxentina. Ao mesmo tempo, a alma republicana hispánica da entidade seguiu vixente, cun peso simbólico que sempre foi maior e máis fondo que o influxo da cultura política do nacionalismo de esquerda refundado en Galicia dende os anos sesenta, que na diáspora americana tivo un eco moi escaso. Aínda que se viu obrigada a desprenderse dalgunhas das súas propiedades, na FSG xurdiron iniciativas culturais vencelladas á segunda e terceira xeracións de inmigrantes galegos, como o grupo de folk Xeito Novo.

Na actualidade, a histórica sede da FSG na rúa Chacabuco, 955, acubilla o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA), coa axuda das institucións da Galicia territorial, e terma tanto da memoria da inmigración galega na Arxentina como do patrimonio documental da propia Federación e de moitas das entidades que a conformaron, cuxos armarios no segundo andar gardaban as pegadas de décadas de actividade societaria e de interacción social e cultural con Galicia. Ademais das sedes do Centro Galego e de varias entidades locais que aínda subsisten, a FSG segue a ser testemuño dun tempo no que Bos Aires era a capital de Galicia, a cidade da que partiron recursos, ideas e soños para o país de orixe dos emigrantes, e onde se mantivo ergueita a reivindicación da restauración da República, cando na Galicia territorial xa caera no esquecemento.

Bibliografía


CRISTÓFORIS, Nadia de (coord.) (2011): Baixo o signo do franquismo. Emigrantes e exiliados galegos na Arxentina. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
DÍAZ, Hernán M. (2007): Historia de la Federación de Sociedades Gallegas. Identidades políticas y prácticas militantes. Bos Aires: Biblos, Fundación Sotelo Blanco.
FARÍAS, Ruy G. (ed.) (2007): Buenos Aires Gallega. Inmigración, pasado y presente. Bos Aires: Comisión para la Preservación del Patrimonio Histórico Cultural de la Ciudad de Buenos Aires.
NÚÑEZ SEIXAS, Xosé M. (1992): O galeguismo en América, 1879-1936. Sada: Ediciós do Castro.
NÚÑEZ SEIXAS, Xosé M. (1998): Emigrantes, caciques e indianos. O influxo sociopolítico da emigración transoceánica en Galicia (1900-1930) . Vigo: Xerais.
NÚÑEZ SEIXAS, Xosé M. (ed.) (2001): La Galicia Austral. La inmigración gallega en la Argentina. Bos Aires: Biblos.
NÚÑEZ SEIXAS, Xosé M. (2014): Las patrias ausentes. Estudios sobre historia y memoria de las migraciones ibéricas (1850-1960) . Oviedo: Genueve Ediciones.
PÉREZ PRADO, Antonio (2007 [1973]): Los gallegos y Buenos Aires. Bos Aires: Corregidor.
VILLARES, Ramón (2019): Galicia. Una nación entre dos mundos. Barcelona: Pasado & Presente.





Compartir: