Xunta xeral do Reino de Galicia
Séculos XVI a XIX
O esquecido parlamento galego do Antigo Réxime.
Durante o Antigo Réxime, as provincias setentrionais da Coroa de Castela coincidentes hoxe coas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e mais Euskadi estiveron representadas diante do rei e dos seus consellos e ministros por unhas asembleas chamadas xuntas (juntas en castelán, a lingua empregada nos encontros e na documentación de todas elas). De feito, segundo os principios político-institucionais da época, encarnaban os seus respectivos territorios e, por iso, falaban como o Reino de Galicia, o Principado de Asturias, a Provincia de Cantabria, o Señorío de Biscaia, a Provincia de Guipúscoa e a Provincia de Áraba cando desenvolvían as súas reunións ou xuntas. Velaí a orixe do nome destas institucións.
As orixes, a composición e as atribucións das xuntas non eran as mesmas, pero todas elas dicían servir a Deus, ao rei e aos naturais na procura do ben común. Polo tanto, do mesmo xeito que fixeron outras asembleas representativas europeas nadas a partir da Baixa Idade Media (parlamentos, cortes, estados, dietas), auxiliaban aos monarcas no goberno, sobre todo aprobando axudas extraordinarias de diñeiro, fornecementos e tropas para a defensa da monarquía de España.
Polo que atinxe ao servizo dos naturais, as xuntas pedían ao soberano que rematase cos agravios e abusos cometidos polos ministros da coroa, solicitaban a rebaixa ou a retirada das contribucións consideradas daniñas e promovían medidas para o desenvolvemento económico, educativo e asistencial. Iso si, sempre segundo os criterios das elites que participaban nelas: os do mundo xerárquico estamental da desigualdade entre privilexiados (clero e nobreza) e non privilexiados (terceiro estado), encabezado polo rei.
En suma, as xuntas non foron órganos representativos democráticos e, logo de que os Borbóns minguaran as súas atribucións no século XVIII, desapareceron tras a revolución liberal iniciada en 1810 coas Cortes de Cádiz. Así, por mor da chegada e consolidación do Estado nación español (unitario e centralista) foron suprimidas definitivamente entre 1834 e 1876, ano de abolición do réxime foral vasco. Porén, cando co sistema constitucional de 1978 xurdiron os parlamentos autonómicos e, nos territorios históricos vascos, provinciais populares representativos, salvo o galego e o cántabro, todos eles adoptaron a vella denominación. Non obstante, o Parlamento de Cantabria tamén lembra a Xunta da Provincia de Cantabria, de modo que só a cámara galega esqueceu a Xunta do Reino como predecesora. Cómpre, entón, facer unha breve explicación dos motivos de tan rechamante desmemoria.
Pois ben, en 1834 tivo lugar na Coruña o derradeiro dos encontros da Xunta, integrada dende mediados do século XVI por sete deputados elixidos polos concellos das antigas sete capitais de provincia. Os sinais da súa próxima fin, comezando pola nova división provincial cuadripartita de Galicia de novembro de 1833, eran nidios; e mesmo o novo subdelegado de Fomento da Coruña pediu a supresión do deputado xeral do Reino na Corte, a voz da asemblea e dos intereses galegos en Madrid. Pero a causa que deron os deputados para explicar esta situación foi vitimista e simplista: o mal fado que acompañaba sempre as pretensións de Galicia.
Con todo, os mesmos vogais aínda deron outro motivo máis plausible: «de las antiguas Provincias de España que llevaron el nombre de Reyno y fueron Estados independientes», só Galicia carecía dunha historia do seu «Gobierno político» e nin sequera se coñecía a da propia Xunta. Probablemente foi don Pedro Ventura de Puga, un fidalgo liberal moderado e deputado por Ourense no encontro de 1834, o autor desa afirmación. Non en van, atopáronse entre os seus papeis unhas reflexións para quen escribise a historia de Galicia, e nese manuscrito fixo un breve resumo sobre as orixes medievais (a guerra «contra los sarracenos») e a traxectoria da Xunta. Amais, en sintonía coa historia das Cortes do crego e historiador liberal Martínez Marina, Ventura sostén que as amplas facultades das Xuntas de Galicia e Asturias diminuíron dende a chegada ao trono da casa de Austria e a derrota, en 1521, dos comuneiros de Castela na batalla de Villalar. A documentación do arquivo da asemblea, conservado no concello da Coruña, demostraría todo isto. Pero ese arquivo, un armario de 8 chaves, quedou pechado durante anos por orde da Deputación coruñesa, que non quixo facerse cargo del cando llo propuxo o consistorio herculino en 1837.
Curiosamente, as primeiras novas impresas da Xunta apareceron na historia da Guerra da Independencia publicada polo conde de Toreno en 1835. Alí, o político liberal asturiano, tras narrar o levantamento de Galicia contra Napoleón, aborda un episodio esquecido, mal entendido e tráxico na vida da asemblea: a asunción na súa calidade de Cortes, por mor do cativerio en Francia de Fernando VII, da soberanía e do goberno do reino dende xuño de 1808. Daquela, entre outras funcións, recrutou soldados, lexislou, recadou contribucións, selou alianzas con Gran Bretaña e os patriotas portugueses, concluíu unha federación con Castela e León e nomeou os xefes e oficiais do exército galego que foi combater aos franceses na Meseta. Así e todo, a decisión do xeneral británico Sir John Moore de fuxir de Napoleón reembarcando as súas tropas na Coruña rematou dramaticamente con esta etapa de goberno autónomo. Sen posibilidade de resistir, o mariscal Alcedo e a Xunta capitularon diante do mariscal Soult o 19 de xaneiro de 1809. Pero o peor foi que, mentres Moore se converteu nun heroe, a Xunta e todos os galegos foron aldraxados polas autoridades patriotas da Xunta Suprema Central de Sevilla pola rendición. Ai dos vencidos! Salvo Toreno, ata entrado o século XX, mesmo os historiadores galegos esqueceron ou non analizaron con equidade este momento histórico do que aínda hoxe non hai memoria popular nin institucional.
O seguinte estudoso que escribiu sobre o congreso das sete cidades foi tamén un político liberal foráneo: o polígrafo biscaíño Enrique de Vedia y Goossens. Vedia, na súa Historia y descripción de la ciudad de La Coruña (1845), que remata no ano 1800, non falou desa etapa, pero sostivo que as tarefas da Xunta eran o coidado da economía do «país» e buscar como satisfacer as «exhorbitantes» reparticións de contribucións gobernamentais.
En 1852, por fin, dous galegos, os avogados coruñeses José María Maya e Benito Pla y Cancela, na Revista Jurídica y Administrativa de Galicia, difundiron unha imaxe liberal e progresista da asemblea no século XVII, pois os seus deputados non eran señores feudais, senón representantes populares dispostos a defender o contribuínte. Deste xeito, creouse un mito ao servizo dos intereses políticos contemporáneos. Neste caso, para esixir do Estado centralista a «restauración de la vida provincial» galega. Un mito que medrou na Historia de Galicia de Benito Vicetto (1873), pois a Xunta pasou a ser un «cuerpo democrático» ata que no século XVIII, baixo os Borbóns, se converteu nunha «fantasmagoría». Porén, foi Manuel Murguía, o primeiro dos rexionalistas e pai do nacionalismo galego, quen levou ao cumio a súa gabanza: na segunda edición da Historia de Galicia (1902) afirma que era unha institución «nacional» xenuína, mentres que na contestación ao discurso de Antonio Sánchez Moguel (1889) e na conferencia diante da Lliga de Catalunya (1889) a cualifica de «Cortes», e di que non só votaba e repartía impostos e soldados, senón que tamén tiña nas súas mans o goberno do «país» a comezos do século XVI.
Esta imaxe dun corpo representativo popular, mesmo con capacidade gobernativa, seguiu viva entre os galeguistas nas primeiras décadas do século XX. Pero cando Daniel Castelao abordou o tema da Xunta en Sempre en Galiza (1944), a mutación do rol do vello parlamento foi radical: fronte ao «sobrado optimismo» dos «tradicionalistas» (Murguía e Vicente Risco) sobre as funcións da asemblea, considerouna «o consabido órgao que aínda hoxe se utiliza por comodidade en algunhas colonias, para enchufar n-él o tubo absorbente do imperio». Con todo, o ilustre rianxeiro cría que se ben foi un órgano subordinado á Coroa, a Xunta «mantiña en símbolo vivo a existencia legal de Galiza». E, por outra banda, utilizouna para advertir do perigo de crer que, como sucedeu coa recuperación do voto en Cortes, obxectivo central do Reino ata que o acadou en 1623, os problemas de Galicia habían ser solucionados co Estatuto de autonomía de 1936.
Marxinada, como argumento reivindicativo do galeguismo na segunda metade do século XX, a Xunta tampouco tivo mellor fortuna no campo da historiografía. A primeira monografía (Juntas del Reino de Galicia. Historia de su nacimiento, actuaciones y extinción) apareceu en 1962 e foi obra dun bibliotecario, arquiveiro e profesor de secundaria de orixe valenciana, pero pontevedrés de adopción: Enrique Fernández-Villamil Alegre. Manuel Fraga Iribarne, daquela director do Instituto de Estudios Políticos e prologuista do estudo, ponderou a súa importancia e considerou as deputacións provinciais galegas «legítimas sucesoras» da asemblea; mais ningunha delas, agás polo patrocinio da publicación, se interesou pola Xunta nin tampouco foi considerada a súa herdeira.
Agora ben, Manuel Fraga non esqueceu as Cortes do Reino de Galicia cando abandonou a política española e decidiu entrar na autonómica. Así, en 1989, considerou á asemblea o «primeiro ensaio de autonomía galega... dentro do Estado Moderno». Certamente, esas palabras non tiveron repercusión institucional; no entanto, ao longo dos 15 anos de goberno do líder conservador, apareceron estudos académicos que situaron a asemblea no seu contexto histórico. Tal foi o obxectivo do primeiro libro sobre o tema publicado en galego (A Xunta do Reino de Galicia no final do Antigo Réxime, 1993), xurdido dunha memoria de licenciatura que remataría cunha tese de doutoramento lida na Universidade de Santiago e publicada en 1998; en palabras de Domingo García-Sabell, un «revulsivo para refuga-la virtualidade do infortunio colectivo» de Galicia.
Por outra banda, en xaneiro de 1995, o presidente Fraga fixo o prefacio do primeiro volume dun ambicioso proxecto para publicar as actas do congreso das antigas capitais de provincia e outra documentación complementaria. O motivo era evidente: encarnara a «personalidade política» do pobo galego durante a Idade Moderna. Emporiso, a edición das actas, iniciada polo profesor Antonio Eiras Roel e finalizada baixo a dirección do profesor Miguel Romaní Martínez en 2010, non se atopa íntegra na meirande parte das bibliotecas e arquivos galegos. Tampouco recolle o decisivo período de xuño de 1808-xaneiro de 1809 no que a Xunta gobernou. O mal fado?
En calquera caso, malia todo o escrito e feito por dar a coñecer a súa historia, a Xunta do Reino segue a ser ignorada pola maioría da poboación galega e polas dúas principais institucións autonómicas das que foi un antecedente: o Parlamento e o actual órgano colexiado de goberno, a Xunta.
Autor da ilustración: Juan Fernández Guinda.
Bibliografía
ACTAS (1995-2005): Actas de las Juntas del Reino de Galicia. [Edición dirixida por Antonio Eiras Roel]. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia-Consellería de Cultura, Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, vols. I-XV.
ACTAS (2008-2010): Actas das Xuntas do Reino de Galicia. [Edición dixital dirixida por Miguel Romaní Martínez]. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia-Consellería de Cultura e Deportes-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, vols. XVI-XXVII.
ARTAZA, Manuel M.ª de (1993): A Xunta do Reino de Galicia no final do Antigo Réxime, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza.
ARTAZA, Manuel M.ª de (1998): Rey, reino y representación. La Junta General del Reino de Galicia, Madrid, Consejo Superior de Investigaciones Científicas / Escola Galega de Administración Pública.
ARTAZA, Manuel M.ª de (2012): «Fulgor y muerte del Reino de Galicia», en Manuel M.ª de Artaza Montero / Manuel Estrada Sánchez (eds.), Entre monarquía y nación. Galicia, Asturias y Cantabria (1700-1833), Santander, Editorial de la Universidad de Cantabria, 11-32.
ARTAZA, Manuel M.ª de (2015): «Federalismo instintivo y federalismo de oportunidad: la Junta Soberana de Galicia, León y Castilla», en Arsenio García Fuertes / Francisco Carantoña Álvarez / Óscar González García (eds. lits.), Más que una guerra: Astorga y el noroeste de España en el conflicto peninsular (1808-1814), León, Junta de Castilla y León, 489-504.
FERNÁNDEZ VEGA, Laura (1982): La Real Audiencia de Galicia, órgano de gobierno en el Antiguo Régimen (1480-1808), A Coruña, Deputación Provincial.
FERNÁNDEZ-VILLAMIL Y ALEGRE, Enrique (1962): Juntas del Reino de Galicia. Historia de su nacimiento, actuaciones y extinción, Madrid, Instituto de Estudios Políticos.
FRAGA IRIBARNE, Manuel (1989): Galicia onte, hoxe, mañá, Santiago de Compostela, Fundación Alfredo Brañas.
MÁIZ SUÁREZ, Ramón (1984): O rexionalismo galego: organización e ideoloxía (1886-1907), Sada (A Coruña), Ediciós do Castro.
MAYA Y BARRERA, José María (1852): «Importancia y decadencia de la Junta general del reino de Galicia», en José María Maya y Barrera / Benito Pla y Cancela, Revista Jurídica y Administrativa de Galicia, t. I, 257-264.
MURGUÍA, Manuel (1974): «Orígenes y desarrollo del regionalismo en Galicia», en Manuel Murguía, Política y sociedad, Madrid, Akal, 57-82, 69-76.
RODRÍGUEZ CASTELAO, Alfonso Daniel (2000): Sempre en Galiza. [Edición crítica coordinada por Ramón Máiz]. Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia / Universidade de Santiago de Compostela.
VEDIA Y GOOSSENS, Enrique (1975): Historia y descripción de la ciudad de La Coruña, A Coruña, Instituto «José Cornide» de Estudios Coruñeses.
VICETTO, Benito (1873): Historia de Galicia, Ferrol, Establecimiento lito-tipográfico de Taxonera, t. VII.