Vega Martínez y Losada Juana de

Juana de Vega Martínez y Losada

Século XIX

Retrato de Juana de Vega (detalle)

A boa memoria dunha vida ben aproveitada

Non se pode dicir que a memoria de Juana de Vega tivese unha mala vellez. Xa en vida a súa persoa recolle numerosos recoñecementos, tanto oficiais e institucionais como xerados en contextos populares. Recíbeos con desgusto e, cando os acepta, logo de resistirse, faino con resignación e só para evitar a impresión de resultar desagradecida. A única excepción a esta regra autoimposta faina co título de condesa de Espoz y Mina, porque entende que se lle dá non por méritos propios, senón como un xeito de honrar a memoria do seu defunto home (como podemos imaxinar, tamén lle agradaría o de socia de honra da sociedade de Beneficencia Naturais de Galicia, a carón de Rosalía de Castro, na súa primeira xuntanza en xaneiro de 1872). O título de duquesa da Caridade, concedido en 1854 en premio ao seu traballo exemplar no andazo de cólera que barre A Coruña nese ano, só acepta recibilo logo da mediación do rexente Baldomero Espartero e da raíña Isabel II, aínda que case nunca o empregará; en cambio, a estatua que o Concello e a Sociedade de Artesáns quere erguer polo mesmo tempo na súa honra declínaa con tanta amabilidade como firmeza.

Nos xornais quedan mostras abondosas de gabanza ás súas obras benéficas e á súa filantropía, e tanto as moitas serenatas recibidas como a manifestación popular de dó con ocasión do seu pasamento en 1872 demostran que foi unha persoa moi querida polos seus contemporáneos. Non por acaso as «chambonas», as mulleres que gañan a vida coa venda de produtos de segunda man en modestas casetas na vila coruñesa, custean cada ano, na capela de San Roque, unha misa de cabodano na súa memoria (El Ideal Gallego, 25.06.1929).

Con estes vimbios era relativamente doado construír unha memoria positiva de dona Juana, valorada como pouco menos que unha santa laica: «paño de lágrimas de todos los desamparados», «ángel de la caridad», «bendita medianera entre la inagotable providencia de Dios y las congojas y las necesidades de los hombres», nas palabras alambicadas da prensa da época. Dúas décadas despois de falecer, o seu nome adoita aparecer no «panteón de galegas ilustres», sempre na excelente compaña de Rosalía de Castro, da súa íntima amiga Concepción Arenal e, en ocasións, de Teresa Herrera (todas con rúas na Coruña, o xeito máis recorrido de perpetuar a memoria de suxeitos entendidos excepcionais), unha triloxía de mulleres que engorda segundo pasa o tempo (Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Filomena Dato, María Barbeito, María Casares…) e que a intelectualidade patria valora como demostración da potencia creativa feminina da terra nai. Cando a referencia reborda o ámbito galego, as compañeiras non son menos escolleitas: Gertrudis Gómez de Avellaneda, Micaela de Silva, Ángela Grassi, Pilar Matamoros, Carolina Coronado, a vizcondesa de Jorbalán… Tanto na súa faceta de memorialista como de benfeitora e filántropa, a posteridade trátaa ben polo menos ata o comezo da Guerra Civil, pois durante a ditadura franquista apenas recibe atención: demasiado liberal para o canon do tempo.

A un coruñés como o era Juana, o avogado Narciso Correal, debemos o primeiro achegamento biográfico, coa publicación en 1909 de La Coruña benéfica del siglo XIX. Juana de Vega, que fixa para a posteridade a imaxe dunha muller sobria e serena, católica sen caer na beataría: primeiro amante esposa, logo coidadora nas doenzas do seu marido e, finalmente, viúva eterna encargada de presentar ao mundo unha imaxe excepcional do seu Francisco; entregada aos demais, en especial aos nenos e nenas orfos e ás mulleres desamparadas; filántropa excepcional, interesada na educación de infantes e adultos, mecenas das artes (aí está o seu apoio ao violinista Pablo Sarasate); moi ben educada, con paixón pola lectura e cunha intensa vida intelectual; un retrato que posteriores biografías amplían con novas achegas, mais que, no fundamental, é o que persiste ata hoxe.

Juana foi unha muller discreta en vida e tamén logo da súa morte. Non queda apenas ronsel da moita literatura epistolar que intercambiou con familiares e amigos, e se coñecemos algunhas das súas cartas (remitidas e recibidas) é porque así o quixo ela mesma. As que entendeu máis persoais agochounas á ollada curiosa da posteridade, caso das intercambiadas co seu marido ou con amizades tan achegadas como Concepción Arenal. Como lle confesa ao seu amigo Fermín Bescansa nos tempos difíciles de aia da futura Isabel II, en 1841, nada valora máis que a amizade e por nada do mundo querería que algo no seu comportamento puidese avergonzar os seus amigos, e iso faina moi coidadosa co manexo do material escrito que vai sobrevivir a ela. Nótase, por exemplo, no arranxo dos papeis do seu esposo, Francisco Espoz y Mina, hoxe depositados no Archivo Real y General de Navarra, ordenados e expurgados pola súa man (a mesma —estamos case certos— que redacta as memorias do navarro de Idozin), así como tamén nos que confía ao Archivo Histórico Nacional e na selección de cartas que inclúe no que serán as súas memorias póstumas, publicadas en 1910 grazas á iniciativa do daquela presidente do Goberno, o ferrolán José Canalejas. Nada queda ao azar, porque a nosa condesa ten un afiado sentido da historia e sabe que o futuro non sempre fala ben dos que xa non están.

O seu longo testamento é outra proba a maiores, e en si mesmo podemos lelo como un lugar máis da memoria de dona Juana, ata o punto de que a súa apertura, un 22 de xuño de 1872, foi incluída en El Eco de Galicia (22.06.1911) entre as súas efemérides galaicas. Resulta meticuloso e ordenado ata o extremo, e nel recóllese, con puntos e comas, o destino das súas rendas, diñeiros e propiedades. Para o que agora nos ocupa, o máis interesante é a creación dunha fundación destinada a converter a súa quinta de verán en San Pedro de Nós —A Carballeira— nunha escola teórico-práctica de agricultura na que formar capataces agrícolas. O proxecto tardará anos en callar por discrepancias técnicas e políticas coa Deputación Provincial (abre en 1878) e terá un funcionamento irregular e pouco ambicioso nas primeiras décadas do século XX. Bota o peche nalgunha data anterior a xuño de 1931, que é cando na asemblea das Caixas de Aforro de Galicia se solicita volvela abrir. Con todo, da man do seu padroado, rexorde con folgos renovados a finais do século XX e hoxe é o mellor contedor e propagador dos devezos agrogandeiros de Juana. Unha traxectoria sen tantos sobresaltos terá a escola gratuíta de nenas (pasado un tempo, tamén haberá outra de varóns), dirixida polas Irmás da Caridade, que se ergue en 1874 na mesma quinta da Carballeira, con presenza recorrente na prensa polos exames anuais que nela se realizan e que recrean periodicamente a faceta da preocupación educativa da condesa.

Foi a ollada aguda e, por veces, implacable de Emilia Pardo Bazán a que mellor detectou a «vocación política» de dona Juana, ata o punto de afirmar que «la pasión liberal llenó su existir». A súa actuación na xornada do 7 de outubro de 1841, no intento de rapto das infantas Isabel e Luísa Fernanda, reprodúcese a miúdo nos medios de prensa, obviamente con versións diferenciadas no que respecta á valoración do seu papel, que, porén e en xeral, se le positivamente e como unha mostra de valor e serenidade ante o perigo. Menos memoria hai da súa consideración como «primera dama del liberalismo progresista español», un cualificativo que debemos a José Antonio Durán con ocasión da conmemoración bicentenario do nacemento de Juana, en 2005, e que recupera definitivamente esa súa faceta política. O apoio ao fracasado golpe de Solís en abril de 1846, así como, máis en xeral, o seu papel entre os activos do liberalismo progresista coruñés e galego e as súas excelentes relacións coas elites da agrupación a nivel estatal (Espartero, Argüelles, Quintana, Gil de la Cuadra, Mendizábal, Olózaga…), máis ou menos coñecidos xa con anterioridade, recobran vigor nas investigacións máis recentes e serven para superar unha memoria tolleita, porque a participación feminina nun eido tan masculinizado como era o da política tiña mal compor nas versións máis canónicas e pudorosas da coruñesa.

«Tipo viril», «tipo celta irlandés», «signos de androgenismo», «poco de española, y aún menos de femenina», «baja, feúcha y sentimental», dun loito eterno a partir da morte do seu home, cun bigotiño que asoma por baixo do nariz, sen adornos, nin maquillaxe, nin cor nos beizos, e co pelo sempre recollido. Para Otero Pedrayo, nada menos que representante da «línea estoica en el pensamiento gallego», e para Martínez-Barbeito, unha cuáquera galaica. A imaxe é rotunda e fai fortuna, en boa medida porque resulta verosímil: como a súa íntima Concepción Arenal, representa para os seus contemporáneos e para comentaristas posteriores o exemplo dun temperamento e unha alma masculinos nun corpo de muller, contra o cal loita con roupaxes que agochan toda feminidade.

En realidade, coirazas, armaduras coas que tenta que observadores e críticos valoren os seus escritos e os seus actos por si mesmos, sen os condicionantes que a moral dominante impuña ás mulleres e aos seus supostos deberes e límites naturais.
O corpo embalsamado do seu home na vivenda da rúa Real e o seu corazón conservado nunha cunca de cristal (e, unha vez morta, ao seu carón na modesta tumba de Santo Amaro) ergueron de certo ruxerruxes e comentarios. Porén, a potencia da impoluta imaxe pública da condesa fai que a súa proxección cara ao futuro se faga con máis normalidade que a daquela outra Juana mal chamada a Tola. Apenas ninguén aproveita a situación para tachala de demente —agás nas xornadas duras de 1842, en plena loita antiesparterista— e a posteridade normaliza unha situación que con outra protagonista sería obxecto de comentarios morbosos. Tamén nisto, e con toda xustiza, Juana María de la Vega Martínez gozou de boa memoria.
Compartir: