Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 401 a 420 de 3707

Un gran coro infantil cantoulle á Xeración Nós en Ribadavia na oitava edición de No bico un cantar

 Un gran coro infantil cantoulle á Xeración Nós en Ribadavia na oitava edición de <em>No bico un cantar</em>

As palabras de Otero Pedrayo, Risco e Álvaro de las Casas resoaron nas voces dos trescentos cincuenta nenos e nenas que encheron o Castelo de Ribadavia na oitava edición de No bico un cantar. “Esta é unha actividade moi querida por nós. Programámola pensando nas nenas e nenos que son os protagonistas do día, para que sexa unha experiencia rica e inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade que a institución organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e mais coa colaboración do Concello de Ribadavia. O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou que este concerto, que pecha unha xornada de convivencia e o traballo de todo un ano, “adobía con acerto música, lecer e patrimonio”. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass. Ademais, anunciouse que a vindeira edición terá lugar en Rianxo con Castelao como protagonista, cando se fan 75 anos do seu pasamento.

Ler máis

Mellora a percepción social da ciencia en Galicia segundo o Observatorio da Cultura Galega

A ciencia e a tecnoloxía ocupan o noveno lugar entre os asuntos de interese para a cidadanía galega. A evolución deste indicador nas dúas últimas décadas é positiva, aínda que decae con respecto a 2018 e Galicia está 2,3 puntos por debaixo da media española na evolución histórica. Son algúns dos achados do documento de traballo Percepción social da ciencia e da tecnoloxía en Galicia, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento xa está dispoñible para a súa descarga.

Ler máis

O castelo de Ribadavia acolle este venres o encontro musical No bico un cantar

Máis de trescentos cincuenta nenos e nenas participan este venres na oitava edición de No bico un cantar. Unha cita que xunta música, literatura e mocidade nun encontro que arrinca pola mañá, coa chegada do alumando procedente dos conservatorios de música profesional de Galicia xunto coas escolas de música da zona, e remata co concerto (18:00 horas) no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia. Maximino Zumalave dirixe esta actuación organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), as consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Ribadavia. A escritora Rosa Aneiros é a mantedora deste acto ao que asiste a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o Conselleiro de Cultura, José López Campos; e o alcalde de Ribadavia, César Fernández. No programa destaca a estrea absoluta de Vos nova, peza composta para a ocasión por Aaron Siebert sobre texto de Otero Pedrayo.

Ler máis

O pensamento de Luísa Villalta centra a sesión de maio do ciclo Pensarmos

A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 30 de maio (18:00 horas), unha nova sesión do ciclo Pensarmos. Nesta ocasión, a sección coordinada por Celia Pereira Porto aproveitou que estamos no mes das Letras Galegas para programar unha actividade que permita afondar na figura da persoa homenaxeada: Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004). A poeta Eva Veiga será a encargada de achegarse ao pensamento da escritora coruñesa. A sesión desenvolverase de xeito presencial na sede da institución, pero tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

Ler máis

O Álbum de Galicia suma a entrada de Ramón Piñeiro, primeiro presidente do Consello da Cultura Galega

O Álbum de Galicia, a colección biobibliográfica do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada de Ramón Piñeiro (Armea de Abaixo, Láncara, 1915 – Santiago de Compostela, 1990) no ronsel do aniversario do seu nacemento, que se conmemora este venres 31. Filósofo, ensaísta, publicista e académico, o seu compromiso co dereito ao autogoberno do pobo galego e coa defensa da lingua e cultura propias erixírono como un dos principais referentes do galeguismo do século XX. Xosé Luís Pastoriza Rozas asina a entrada, na que destaca o seu papel na Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade en 1983, ano en que foi elixido primeiro presidente do CCG.

Ler máis

Unha xornada revisa os vinte e cinco anos da Illa das Esculturas

En xullo de 1999 inaugurábase en Pontevedra a Illa das Esculturas, un espazo natural próximo ao centro da cidade no que realizaron as súas obras algúns dos creadores máis importantes do mundo: Richard Long, Dan Graham, Francisco Leiro…., entre moitos outros. A Illa das Esculturas vinte e cinco anos despois é o título do encontro no que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) xunta as persoas que botaron a andar este proxecto, como Antón Castro, con outros creadores e xestores para facer unha revisión do que foi este cuarto de século e das posibilidades de futuro. Ramón Rozas coordina esta cita, que se desenvolverá na tarde deste mércores (a partir das 17:00 horas) na Casa das Campás. A xornada non se retransmitirá en directo, pero será gravada e posteriormente subiranse os vídeos ao web e ás redes sociais do CCG.

Ler máis

Trescentos cincuenta nenos e nenas cantan á Xeración Nós na oitava edición de No bico un cantar

O centenario da publicación do primeiro número de Nós, voceiro da histórica entidade, centra o programa da oitava edición de No bico un cantar, unha actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia. Máis de trescentos cincuenta nenos e nenas participarán neste encontro, que terá lugar no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia o vindeiro 31 de maio (18:00 horas). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación “a recuperación deste proxecto que se tivo que suspender por mor da pandemia, que xunta música, literatura e mocidade e co que contribuímos a crear un corpus musical coa encarga dunha composición, que nesta ocasión recae en Aaron Siebert e leva por título Vos nova sobre texto de Otero Pedrayo”. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez destacaron na rolda os traballos de preparación previos levados a cabo desde os conservatorios, mentes que o alcalde de Ribadavia, César Fernández, agradeceu a escolla desta localidade para lembrar a Xeración Nós. Maximino Zumalave, director do concerto destacou que “a música sempre se asocia aos días de festa, e precisamente isto é o que imos desenvolver este venres, unha gran festa que xunta a mocidade cantando na nosa lingua coa nosa música”.

Ler máis

Especialistas analizan o papel social das igrexas nos fluxos migratorios na Europa da posguerra

Asistencia humanitaria, actividades de lecer, tramitación de documentación... a asistencia social prestada polas diferentes confesións relixiosas durante os movementos migratorios producidos en Europa após a II Guerra Mundial tivo múltiples formas. Sobre elas afondaron especialistas de Italia, Francia, Portugal, Suíza e España na xornada Migracións, asistencia social e igrexas na Europa da posguerra organizada polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que se celebrou durante os días 23 e 24 deste mes de maio. Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega (AEG), subliñou na inauguración a atención que “dentro do CCG sempre se prestou á diáspora galega”. As intervencións pódense consultar desde o web da institución.

Ler máis

Publicados fondos documentais da Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires

A nova entrega de Memoria documental das sociedades da emigración galega , iniciativa que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), divulga a documentación pertencente á Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires. A sociedade foi creada pola colectividade de salvaterrenses na Arxentina co fin de axudar as e os compatriotas emigrados, así como de promover o desenvolvemento do seu concello natal. Entre os fondos documentais que se difunden neste mes de maio inclúense a acta de fundación da entidade, os libros de actas das reunións societarias, algúns dos seus balances e memorias, así como a correspondencia enviada e recibida.

Ler máis

A entrada da parteira Genoveva Vázquez Calviño incorpórase ao Álbum de Galicia

Genoveva Vázquez Calviño (Ponte Barxes, Bande, 1896 – Xinzo de Limia, 1971) exerceu como parteira nas zonas rurais de Ourense durante medio século, un labor polo que chegou a ser coñecida e respectada en toda a provincia. O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de incorporar a súa entrada cun texto asinado pola Asociación Escola Rural de Saúde da Limia.

Ler máis

Unha xornada analiza o labor asistencial das igrexas na Europa da posguerra

Migracións, asistencia social e igrexas na Europa da posguerra é o título da xornada que o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza os días 23 e 24 de maio na sede institucional. A cita, que ten como obxectivo analizar a axuda que prestaron as diferentes confesións para velar polo coidado das persoas emigradas e refuxiadas, reunirá diferentes especialistas de Italia, Francia, Portugal, Suíza e España. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará a xornada xunto cos seus coordinadores, Luís Domínguez Castro e José Ramón Rodríguez Lago. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

Ler máis

Genoveva Vázquez Calviño

Genoveva Vázquez Calviño

Nova entrada no Álbum de Galicia

Ler máis

Caligrafías musicais incorpora unha detallada intervención de Rogelio Groba sobre Béla Bartók

A complexa e fecunda personalidade de Béla Bartók (1881-1945) centra a conferencia que Rogelio Groba pronunciou a principios dos anos oitenta na Coruña, con ocasión do centenario do nacemento do compositor húngaro. Esta intervención, que forma parte do Fondo Ramiro Cartelle, é a nova entrega do proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que recupera bimestralmente conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego. A conferencia estivo acompañada de intervencións musicais e nela Groba destaca os trazos máis destacados da personalidade, biografía e carreira musical de Bartók.

Ler máis

Música e palabra conflúen no Concerto das Letras Galegas que homenaxeou a Luísa Villalta

Música e palabra conflúen no Concerto das Letras Galegas que homenaxeou a Luísa Villalta

A celebración do Día das Letras Galegas arrincou coa décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, proposta musical e sonora do Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano contou co apoio do Concello da Coruña. Un concerto que conciliou a faceta musical e literaria de Luísa Villalta e no que se estreou a ópera de cámara Concerto para un home só a partir da obra teatral homónima da homenaxeada e composta por Federico Mosquera. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a familia Villalta Gómez e unha ampla representación da sociedade e da cultura galegas encheron o Teatro Colón. O concerto poderá verse este venres na segunda canle da TVG (23:13 horas), no marco da programación especial para o Día das Letras.

Ler máis

Entran no Repertorio da prensa da emigración galega varios números da revista editada pola sociedade de salvaterrenses na Arxentina

A Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, posteriormente renomeada como Asociación Residentes de Salvatierra de Miño en la República Argentina, puxo en marcha en 1946 unha revista para celebrar os seus vinte e cinco anos de existencia. Tras esta primeira época, retomouse a súa publicación en 1997 cunha cabeceira que mantiña os mesmos obxectivos que a súa predecesora: conmemorar os aniversarios sociais da entidade editora. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma aos seus fondos neste mes de maio un número da primeira época (1946) e cinco da segunda, publicados entre os anos 1999 e 2010.

Ler máis

Alejo Amoedo é nomeado membro do Instituto de Estudios Vigueses

O pianista e doutor Alejo Amoedo acaba de ser nomeado membro de número do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), institución dedicada á recuperación, divulgación e estudo de diversos temas relacionados coa cidade olívica e a súa contorna. O ingreso tivo lugar no serán deste 14 de maio nun acto desenvolto no Museo MARCO de Vigo. Amoedo é membro do Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG), vogal da súa Comisión Executiva e director do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG).

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a biografía da escritora e tradutora Xohana Torres

Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1929 – Vigo, 2017) consolidouse como unha figura fundamental da literatura galega contemporánea. Escritora e tradutora pioneira, cultivou diferentes xéneros, como a poesía, a narrativa, a literatura infantil ou o teatro. A través das súas obras foi quen de crear unha “voz propia, que se uniu á súa fonda defensa da lingua e da cultura galegas, así como do papel da muller na sociedade, en xeral, e na arte, en particular”, subliña Ana Abad de Larriva. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

O Concerto das Letras Galegas estrea mañá a ópera Concerto para un home só sobre texto Luísa Villalta

Literatura e música son dúas facetas vencelladas á escritora e violinista Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. As dúas conflúen no programa da décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano conta co apoio do Concello da Coruña. O Teatro Colón acolle mañá (xoves 16, 20:30 horas) esta cita, que corre a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi. No programa, alén dos compositores preferidos da homenaxeada, estrearase a peza Concerto para un home só, baseada na obra homónima de Luísa Villalta, que o CCG lle encargou a Federico Mosquera (A Coruña, 1986) para a ocasión. O concerto, de entrada libre ata completar a capacidade, tamén se poderá seguir en directo no web do CCG e nas plataformas da CRTVG.

Ler máis

A publicación das Letras homenaxea a diversidade creativa de Luísa Villalta

Luísa Villalta: entender para vivir é a obra coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe á celebración da figura homenaxeada nesta edición do Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou esta publicación, que “naceu como un espazo para o diálogo entre a obra de Luísa e un monllo selecto de persoas que, sendo referentes no sistema cultural galego, mantiveron en vida vínculos coa autora e a súa obra”. Pola súa parte, Dolores Vilavedra, coordinadora do volume, destacou que son unha colección de textos que “amosan ben a natureza intrinsecamente dinámica e expansiva dun corpus precursor e versátil como poucos na nosa historia”. A publicación foi presentada nun acto ao que asistiu a familia de Luísa Villalta, representada na mesa pola súa irmá Susana, quen agradeceu a homenaxe, e Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega (RAG), quen destacou que “este volume coincide coa achega diversa e comprometida da autora”. A obra xa está dispoñible para descarga no web do CCG.

Ler máis

Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira abordan a situación da arqueoloxía na segunda sesión de Vidas paralelas

O Museu Arqueológico do Carmo (Lisboa) é o escenario elixido para a segunda sesión de Vidas paralelas, formato que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Lisboa puxeron en marcha para poñer en valor figuras destacadas con traxectorias similares en Galicia e Portugal. Nesta ocasión, falarase de arqueoloxía con Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira, dúas figuras representantes dunha nova xeración de arqueólogos, con sólidas carreiras investigadoras arredor do patrimonio cultural fronteirizo. Xa se poden consultar no web do CCG as entrevistas previas que lles fixeron Xosé A. López Silva e Ana Tarrío, nas que ambos repasan as súas traxectorias profesionais. O coloquio presencial será o luns 13 de maio ás 17:00 horas.

Ler máis