----

Música e palabra conflúen no Concerto das Letras Galegas que homenaxeou a Luísa Villalta

A celebración do Día das Letras Galegas arrincou coa décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, proposta musical e sonora do Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano contou co apoio do Concello da Coruña. Un concerto que conciliou a faceta musical e literaria de Luísa Villalta e no que se estreou a ópera de cámara Concerto para un home só a partir da obra teatral homónima da homenaxeada e composta por Federico Mosquera. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a familia Villalta Gómez e unha ampla representación da sociedade e da cultura galegas encheron o Teatro Colón. O concerto poderá verse este venres na segunda canle da TVG (23:13 horas), no marco da programación especial para o Día das Letras.
Música e palabra conflúen no Concerto das Letras Galegas que homenaxeou a Luísa Villalta

“Amadísimo público, señora condesa, ilustres espectadores. Grácias, grácias”. Con estas palabras comeza a obra teatral de Luísa Villalta e que Alejo Amoedo, secretario do Consello da Cultura Galega, recuperou tamén para iniciar a súa presentación do concerto. Unha homenaxe pola que desfilaron “o teatro, a poesía, a cidade alta, Bach, Vivaldi, o violín, o compromiso social, todas elas marcas da identidade de Luísa Villalta”, segundo destacou Alejo Amoedo. O concerto foi retransmitido en directo polo web do CCG e a súa canle de YouTube, así como polas plataformas da CRTVG (agalega.gal e agalegaaudio.gal).

Estrea absoluta sobre unha rareza de Villalta
O programa arrincou co Concerto grosso para dous violíns, op. 3, número 11, RV 565 de Antonio Vivaldi, un dos compositores favoritos de Luísa Villalta. Seguiulle a primeira estrea da noite, a obra 𐐒B - Bachian reflex. Präludium und fugue do compositor albanés Edmond Buharaja. Unha proposta actual que dialoga coa obra doutra das figuras de referencia da homenaxeada: Joahnn Sebastian Bach (1685-1750). O músico albanés, ben coñecido no panorama musical da Coruña, titulou a obra cos dous B invertidos en referencia ao diálogo entre a súa obra e a de Bach (Bach-Buharaja).

Estas dúas pezas prepararon o momento álxido do concerto: a estrea de Concerto para un home só. Monodrama para baixo-barítono, violín e grupo instrumental de Federico Mosquera, sobre texto de Luísa Villalta. “Unha peza que eliminou texto da obra orixinal, que foi recortada e adaptada para poder ser cantada”, segundo explicou o propio compositor. Un proceso, ao longo de catro meses, en continuo diálogo co seu irmán Daniel, encargado de poñerlle voz e que foi adaptado para a súa medida vocal. “Penso que Luísa Villalta tería gustado moito deste proxecto, porque no seu legado queda claro que ela tiña intención de facer algo que fundira música con outros xéneros” apuntou Mosquera. Tamén destacou a importancia de facer unha ópera en galego, que é unha tendencia que está en alza con autores como Juan Durán ou Fernando Buide, entre outros, e que permanecerá no repertorio de música en galego.

Villalta publicou en 1976, nos Cadernos da Escola Dramática Galega o Concerto para un home só. Unha rara incursión na dramaturxia que aborda o monólogo reflexivo dun violinista que se ve na obriga de anunciar ao público a imposibilidade de continuar o concerto coa Partita número 2 para violín só de Bach por mor da rotura das cordas do seu instrumento. Daniel Mosquera púxolle voz ao home do texto de Villalta que dialoga co seu violín no escenario, no que tamén participou o actor Xosé Barato. A escenografía correu a cargo da empresa As dúas e punto.

Os irmáns Mosquera pensaron esta ópera para un só cantante (baixo-barítono) e ensemble mixto instrumental de cámara, integrado por oito instrumentos (óboe, clarinete, fagot, trompa, viola, violonchelo, contrabaixo e percusión) capitaneados esta noite polo violín de Florian Vlashi. O Concerto rematou, como é habitual nesta proposta literaria e musical, coa interpretación do himno galego.

Ademais, o CCG ten previsto que a celebración do Día das Letras Galegas se estenda máis alá do 17 de maio. Por iso, o vindeiro día 30 (18:00 horas) está programada na sede da institución unha conferencia arredor do pensamento de Luísa Villalta. Forma parte do Ciclo Pensarmos e contará coa participación da poeta e actriz Eva Veiga, que dialogará co tamén poeta Francisco X. Fernández Naval.

O Concerto das Letras Galegas
É a segunda vez que o Concerto das Letras Galegas se celebrará na Coruña, cidade que acolleu en 2016 a homenaxe a Manuel María a cargo de Milladoiro. Esta proposta deseñada polo CCG comezou en 2011 en Santiago de Compostela, cunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. En Pontevedra celebráronse tres edicións: a primeira en 2012 para lembrar a Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 coa conmemoración de María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses e en Ourense en 2017 coa homenaxe á figura de Carlos Casares. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. A edición de 2021 levouse a cabo en Vigo, en homenaxe a Xela Arias; a de 2022 tivo lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista, e en 2023 volveu a Vigo para conmemorar a Francisco Fernández del Riego.