Dolmen de Dombate
Neolítico
Un megálito ao servizo da nación de Breogán
No chan bergantiñán de Borneiro, na paisaxe agraria de cabazos, gándaras, agras e millo, sobrancea a arca prehistórica de Dombate. Foi lugar de refuxio para a xente labrega en tempo de nordés, saraiba e treboada. Acabou convertida nun fito senlleiro na memoria local, como sinala Matilde Mariño nun dos seus “poemas que non foron ao lume”:
No imaxinario popular era este un lugar de memoria da Mourindade, ergueito por xigantes ou mouras que carregaban na testa grandes pedras mentres fiaban, para construíren esta sorte de acobillo. Un hábitat mítico que era imaxinado como un lar, unha casiña ou casota, ou coma un forno (A Fornela de Vilaseco) como outras arcas do país (A Casota do Páramo na serra do Barbanza, ou O Forno dos Mouros en Ortigueira, por exemplo). Estes monumentos adoitaron ser cristianizados na Idade Media e mesmo o arqueólogo Felipe Senén recolle a lenda dun anacoreta que puido ter inspirado mesmo o microtopónimo desta anta de Dombate (“Dominus abbatis”).
O tránsito de fornela a dolmen foi protagonizado pola alianza decimonónica entre a Historia erudita, o anticuarismo e maila poesía do Rexurdimento. É neste contexto culto e urbanita onde se fragua o, agora si, dolmen de Dombate como soporte material icónico, como lugar de memoria da nazón galega. Vai ser o discurso provincialista o primeiro responsábel da utilizacion dos monumentos do pasado como evidencias lexitimadoras da unidade de Galicia como ente histórico. O pioneiro desta tendencia historiográfica foi José Verea y Aguiar quen co seu primeiro e único volume de Historia de Galicia (1838) chanta os alicerces do mito celtista como referente identitario do pobo galego. Para iso inspírase no emprego que a erudición francesa de carácter romántico fai das antigüidades galas. Dacordo con este paradigma, a raza céltica foi a artífice dos monumentos prehistóricos que inzan o noso país. Para Verea, os túmulos megalíticos son as tumbas dos guerreiros, mentres os castros eran santuarios.
Desde aquela, o dolmen e o megalitismo entran pola porta grande na Historia rexional como repositorio material da raza céltica galega e así é conceptualizado por outros autores como Leopoldo Martínez de Padín, Benito Vicetto ou Manuel de Saralegui y Medina. Para eles as pedras de abalar, os menhires e os dólmenes amosan o parentesco étnico entre Galicia, Irlanda, Escocia e Helvecia, na liña de autores como Bochat, Baxter ou Varé. En concreto, Vicetto aplica as ideas expresadas polo seu admirado Walter Scott no caso escocés, polo que os monumentos megalíticos tiñan unha función civil: conmemorativa (túmulos ergueitos en memoria dos heroes guerreiros), xudicial (pedras de abalar que servían para ordalías) ou de simple vivenda, nunca relixiosa.
Así pois, foi a Prehistoria imaxinada da historiografía romántica do Rexurdimento a que acadou divulgar e achegar á sociedade a importancia destes monumentos megalíticos. Por unha banda, Manuel Murguía será o artífice da consolidación dun relato hexemónico sobre os dolmens, en ausencia dunha investigación arqueolóxica de carácter científico naquela altura. Para iso, o home de Rosalía recorre, de novo, á obra dos investigadores franceses que definiron o pasado celta na nación francesa como referente identitario (Mortillet, Edwuards, Gobineau, Fustel de Coulanges, Viollet-le-Duc, Cartailhac, La Tour-d’Auvergne, Pictet, Chateaubriand ou Renan) para recrear o pasado prehistórico de Galicia.
Por outra banda, será o bardo Eduardo Pondal quen sacralice o celtismo como mito fundacional da nazón de Breogán a través da súa poesía. O dolmen de Dombate forma parte da paisaxe emocional do autor do himno galego e convértese no “model site” do megalitismo céltico. Velaí o seu poema de 1895 adicado ex profeso a este monumento:
Como ten sinalado Ramón Villares, Murguía consolidou definitivamente a identificación das orixes de Galicia co asentamento no territorio das tribos célticas, tese que será sostida invariablemente pola historiografía galega até mediados do século XX. Este paradigma interpretativo será espallado polo rexionalismo aquén e alén das nosas fronteiras, no plano cultural, literario e político. Así se explica que o poema de Pondal, no que o dolmen de Dombate é concibido como tumba dos guerreiros celtas, sexa replicado na emigración americana en 1927 (Revista “Alborada”, Bos Aires) por Cándido Pereira Santos en “Ó pé do dolmen de Dombate”:
Grazas á literatura o dolmen de Dombate acabará convertido no megalito icónico da cultura galega até os días de hoxe, nun proceso coetáneo e moi semellante ao acontecido co dolmen de Axeitos na península do Barbanza. As mencións e visitas de Ramón del Valle-Inclán e os poemas de autores da Xeración de 1925 como Xosé Otero-Espasandín tamén aumentaron a sona deste xacemento arqueolóxico barbanzónico.
O dolmen de Dombate comezará a deixar de ser un monumento druídico e céltico grazas á emerxencia e institucionalización da arqueoloxía galeguista na década de 1920. A visita do eminente prehistoriador Hugo Obermaier a Galicia (1922) a e a fundación do Seminario de Estudos Galegos (1923) suporá un avance notábel no coñecemento científico do pasado remoto do país. Mentres Florentino López Cuevillas lidera investigacións de campo para escavar necrópoles megalíticas no Barbanza e no Saviñao (monte da Morá, dolmen de Abuime) o Chan de Borneiro convértese en campo de experimentación desta Prehistoria da man de Salvador Parga Pondal e Sebastián González García-Paz. Mesmo a veciña Cidá de Borneiro é escavada polo Instituto de Estudios Regionales da Universidade de Santiago de Compostela, con Xaquín Lorenzo e outros xoves estudantes galeguistas. Aquel mozo Xaquín, aprendiz de etnógrafo, recolleu as cantigas improvisadas polos “mineiros” da Cidá de Borneiro, isto é, os canteiros e paisanos que escaravellaban no castro, e que non esquecían o dolmen de Dombate:
O dolmen de Dombate é recoñecido como un exemplo modélico do megalitismo atlántico neolítico e, para o caso que nos ocupa, é sancionado simbolicamente como lugar de memoria da Galicia preautónomica. En xullo de 1936 o Seminario de Estudos Galegos enceta traballos de campo dunha nova xeira comarcal desde Fisterra a Bergantiños. A prensa faise eco da que será a última fotografía de grupo do Seminario de Estudos Galegos, que coñecemos grazas á investigación de Iria-Friné Rivera Vázquez. A paraxe elixida foi, como non, o dolmen de Dombate. O 18 de xullo de 1936 o xornal El Compostelano publicou a derradeira crónica desta xeira: "No piñeiral de Dombate reúnense todos os expedicionarios para escoitar, en torno ao famoso dolmen, as estrofas reciamente cinceladas do cantor dos piñeiros. Alí, en medio dunha emoción relixiosa, remata esta VIII misión de investigacións. Pouco despois, os membros do Seminario dispérsanse citándose xa para a vindeira campaña".
Os nacionalistas galegos, artífices dun segundo Rexurdimento, ligaban o seu presente co pasado dos precursores románticos rexionalistas. Como escribiu Manuel María en “Versos do lume e do vaga-lume”:
As cantigas recolleitas en Borneiro por un mozo Xaquín Lorenzo formaban parte dun novo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, no prelo na imprenta de Ánxel Casal en xullo de 1936. As probas de imprenta foron destruídas polos falanxistas.
A longa noite de pedra tamén se debruzou sobre A Fornela de Vilaseco, malia que foi o sitio prehistórico galego con máis sona nos eidos académicos internacionais (citado por Georg e Vera Leisner, Shee Twohig, entre outros) até que en 1975 o terreo onde se ubica o vello dolmen foi mercado pola Excma. Deputación Provincial de A Coruña. Como xa acontecera antes da ditadura, o novo contexto político da transición democrática e a configuración do Estado autonómico potenciaron unha arqueoloxía científica lexitimadora do feito diferencial galego. A asunción das competencias en materia de Patrimonio pola recén creada Xunta de Galicia favoreceu na década de 1980 un auténtico boom de proxectos arqueolóxicos plurianuais por todo o país. Comezaba tamén daquela a esbozarse unha política de posta en valor do patrimonio con vistas á definición dunha imaxe de marca turística de Galicia. Neste marco de usos públicos do pasado, como diría Enzo Traverso, o dolmen de Dombate foi mobilizado para acadar estes obxectivos. Neste senso, as escavacións de fins da década de 1980, lideradas por José Mª. Bello Diéguez deron uns resultados tan abraiantes que fixeron doada a promoción turística do lugar: Dombate converteuse desde aquela na “catedral do megalitismo galego”.
Aquelas escavacións de 1987-1989 amosaron como o túmulo cubría en realidade, dous dolmens, un máis pequeno e máis antigo, e outro máis recente e visíbel. Este último conta cun corredor orientado ao nacente do sol, no que se documentaron varios idoliños feitos en pedra. No interior da cámara megalítica rexistráronse pinturas esquemáticas en cores vermella e negra sobre unha base branca de caolín. Dacordo coas datacións de C-14 o Dombate recente foi clausurado contra o 2.700 antes da nosa era. Aínda así foi reocupado de xeito ritual na Idade do Bronce pola xente que trouxo o Vaso Campaniforme.
Na década de 1990 a administración Fraga, a imitación do que se estaba a facer noutras comunidades autónomicas, deseñou unha rede arqueolóxica galega que contemplaba a creación de catro parques arqueolóxicos, un en cada provincia, centrados nun período concreto. A Terra de Soneira e Bergantiños foron as elixidas para albergaren o Parque Arqueolóxico do Megalitismo. O proxecto contemplaba Dombate como eixo central deste dispositivo de promoción do Turismo Cultural. Finalmente, esta iniciativa non chegou a porto e foi a Excma. Deputación Provincial de A Coruña a encargada de deseñar un Plano Director de posta en valor con vista a protexer o dolmen de Dombate e erguer unha aula didáctica con réplica incluía do dolmen (na liña do que se fixera na cova de Altamira). Este ambicioso proxecto contemplou novas escavacións, dirixidas desta volta por Manuel Lestón, que permitiron documentar fogueiras rituais, gabias de delimitación e indicios que amosarían a existenza dun espazo doméstico moi próximo ao dolmen.
O 22 de marzo de 2011 foi inaugurado o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, tras un proceso periplo, non exento de polémicas, sobre todo referidas á aparatosa opción elixida para a cubrición do monumento megalítico. Dende aquela, o dolmen é visitado por milleiros de persoas cada ano e serve de recurso didáctico para a poboación escolar. Ningún outro megalito galego conta con este investimento de recursos por parte das administracións. Sen dúbida, esta circunstancia non obedece só ao interés arqueolóxico destas antas (ou antas, mellor dito) e ás súas pinturas, senón ao lonxevo proceso de patrimonialización que vimos reseñando neste texto. Primeiro foron a Historia erudita, a literatura do Rexurdimento e o celtismo do Romaticismo os que construíron Dombate como lugar de memoria da nación galega. De aí pasou a amplas camadas da poboación tanto en Galicia como na emigración. Despois, a ciencia arqueolóxica galeguista ao servizo do primeiro proxecto autonómico convertiu este xacemento no paradigma da arquitectura monumental do Neolítico galego. Literatura e ciencia alicerzaron o papel de Dombate como icona identitaria (“metafísica da nosa carne, do sangue espiritual noso”, en verbas de don Ramón Otero Pedrayo) que deseguido se espallou polos eidos da arte e do deseño, da man de Álvaro Cebreiro, Castelao, Urbano Lugrís, Díaz Pardo, LuÍs Seoane, Asorey ou Raimundo Patiño. Mesmo a emblemática editorial Galaxia que termou da resistencia cultural perante o franquismo titulou así unha colección de poesía.
A día de hoxe, a “catedral do megalitismo galego” é un dos elementos clave da promoción turística de Bergantiños e da provincia de A Coruña (cunha media de 25.000 visitantes anuais), un recurso didáctico inexcusable nos libros de texto de Galicia e un lugar facilmente identificable por toda a poboación do país. Sen Eduardo Pondal, seguramente, esta apropiación simbólica de Dombate como lugar de memoria da galeguidade, non tería acontecido.
AYÁN VILA, Xurxo e GAGO MARIÑO, Manuel (2012): Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI. Ames: Editora 2.0.
BELLO DIÉGUEZ, José María (1995): «Autoctonismo vs. relaciones em el Megalitismo Noroccidental: el caso de los monumentos de Dombate». En Actas del XXII Congreso Nacional de Arqueología (Vigo, 1993). Vol. I. Santiago: Xunta de Galicia; 25-32.
BELLO DIÉGUEZ, José María e ALONSO MATTHIAS, Fernan (1997): «Cronología y periodización del fenómeno megalítico en Galicia a la luz de las dataciones por C14». En RODRÍGUEZ CASAL, Antón (ed. lit.): O Neolítico atlántico e as orixes do megalitismo. Actas do coloquio internacional (Santiago de Compostela, 1-6 de abril de 1996). Santiago: Universidade de Santiago de Compostela; 507-520.
BELLO DIÉGUEZ, José María; LESTÓN GÓMEZ, Manuel e PRIETO MARTÍNEZ, María del Pilar (2011): «Dolmen de Dombate, entre lo funerario y lo doméstico». En PRIETO MARTÍNEZ, María del Pilar e SALANOVA, Laure (coords.): Las comunidades campaniformes en Galicia: cambios sociales en el III y II milenios BC en el NW de la Península Ibérica. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra; 179-192.
CARRERA RAMÍREZ, Fernando e BELLO DIÉGUEZ, José María (1997): «Las pinturas del monumento megalítico de Dombate: estilo, técnica y composición». En RODRÍGUEZ CASAL, Antón (ed. lit.): O Neolítico atlántico e as orixes do megalitismo. Actas do coloquio internacional (Santiago de Compostela, 1-6 de abril de 1996). Santiago: Universidade de Santiago de Compostela; 819-828.
CEBRIÁN DEL MORAL, Fernando; YÁÑEZ RODRÍGUEZ, José; LESTÓN GÓMEZ, Manuel; VIDAL PÉREZ, Francisco e CARRERA RAMÍREZ, Fernando (2011): El dolmen de Dombate. Arqueología, arquitectura y conservación. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña.
MARTÍNEZ MURGUÍA, Manuel (1865): Historia de Galicia. Tomo primero. Lugo: Imprenta de Soto Freire
PEREIRA GONZÁLEZ, Fernando (1998): O emprego da información arqueolóxica en Galicia: 1800-1922. Valga: Concello de Valga.
PÉREZ BUSTAMANTE, Ciriaco e PARGA PONDAL, Salvador (1924): «Notas de arqueología prehistórica galaica. Dólmenes de Dombate y de la Gándara (Coruña)», Boletín de la Bibloteca de Menéndez Pelayo, 6: 360-372.
PONDAL, Eduardo (1895): O dólmen de Dombate. A Coruña: Imp. y Lib. de E. Carré.
RENALES CORTÉS, Juan (1996): Celtismo y Literatura Gallega. La obra de Benito Vicetto y su entorno literario. Santiago: Xunta de Galicia. [2 vols.]
VEREA Y AGUIAR, José (1838): Historia de Galicia. Primera parte, que comprende los orígenes y estado de los pueblos septentrionales y occidentales de la España antes de su conquista por los romanos. Aprobada por la Academia de la Historia en el año de 1832. Ferrol: Imprenta de D. Nicasio Taxonera.
VILLARES PAZ, Ramón (2000): «A obra de Murguía como historiador». En QUIROGA BARRO, Gabriel (coord.): Murguía e o Arquivo do Reino de Galicia. A Coruña: Xunta de Galicia; 162-176.
VV. AA. (2019): Antoloxía de Dombate. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña.
YÁÑEZ RODRÍGUEZ, José (2022): «El Dolmen de Dombate. Puesta en valor y conservación de un monumento megalítico singular», DePlano, 46: 4-8.
AYÁN VILA, Xurxo (2011): «Dombáter». ArqueoNeixón, 21 de outubro.
GONZÁLEZ GARCÍA, César; VILAS ESTÉVEZ, Benito; LÓPEZ ROMERO, Elías e MAÑANA BORRAZÁS, Patricia (2018): «Domesticating Light and Shadows in the Neolithic: The Dombate Passage Grave (A Coruña, Spain)», Cambridge Archaeological Journal, 29(2): 1-17.
LÓPEZ GÓMEZ, Felipe-Senén (2016): «A aldea de Borneiro, compendio da Historia galegal», La Opinión, 2 de outubro.
SANTACANA MESTRE, Joan (2015): «Dombate: lo que no pudo ser», Didàctica del Patrimoni Cultural, 29 de abril.
Pondal pasou por aquí
e xa che chamou o dolmen,
pero ninguén de Dombate
sabía dese nome.
Porque agora o Dolmen
brilla como unha estrella,
pero naqueles tempos
Era a Casiña da Fornella.

“Entónces eu deixando
Ámbas rendas flotantes,
Pensoso iba cuidando,
Pla Viqueira salvage,
Nos nosos ja pasados,
Nos celtas memorabres,
Nas suas antigas glorias,
Nos seus duros combates,
Nos nosos vellos dólmens
E castros verdexantes”.
Como ten sinalado Ramón Villares, Murguía consolidou definitivamente a identificación das orixes de Galicia co asentamento no territorio das tribos célticas, tese que será sostida invariablemente pola historiografía galega até mediados do século XX. Este paradigma interpretativo será espallado polo rexionalismo aquén e alén das nosas fronteiras, no plano cultural, literario e político. Así se explica que o poema de Pondal, no que o dolmen de Dombate é concibido como tumba dos guerreiros celtas, sexa replicado na emigración americana en 1927 (Revista “Alborada”, Bos Aires) por Cándido Pereira Santos en “Ó pé do dolmen de Dombate”:
“Ti Dolmen de Dombate, meu velliño!
Regalía esquencida no val Bergantiñán
Ond’os druidas e bardos deixaron seus recordos
Da raza máis forte que pisou seu chan”.
Grazas á literatura o dolmen de Dombate acabará convertido no megalito icónico da cultura galega até os días de hoxe, nun proceso coetáneo e moi semellante ao acontecido co dolmen de Axeitos na península do Barbanza. As mencións e visitas de Ramón del Valle-Inclán e os poemas de autores da Xeración de 1925 como Xosé Otero-Espasandín tamén aumentaron a sona deste xacemento arqueolóxico barbanzónico.
O dolmen de Dombate comezará a deixar de ser un monumento druídico e céltico grazas á emerxencia e institucionalización da arqueoloxía galeguista na década de 1920. A visita do eminente prehistoriador Hugo Obermaier a Galicia (1922) a e a fundación do Seminario de Estudos Galegos (1923) suporá un avance notábel no coñecemento científico do pasado remoto do país. Mentres Florentino López Cuevillas lidera investigacións de campo para escavar necrópoles megalíticas no Barbanza e no Saviñao (monte da Morá, dolmen de Abuime) o Chan de Borneiro convértese en campo de experimentación desta Prehistoria da man de Salvador Parga Pondal e Sebastián González García-Paz. Mesmo a veciña Cidá de Borneiro é escavada polo Instituto de Estudios Regionales da Universidade de Santiago de Compostela, con Xaquín Lorenzo e outros xoves estudantes galeguistas. Aquel mozo Xaquín, aprendiz de etnógrafo, recolleu as cantigas improvisadas polos “mineiros” da Cidá de Borneiro, isto é, os canteiros e paisanos que escaravellaban no castro, e que non esquecían o dolmen de Dombate:
“En Borneiro hai boas mozas,
en Vilaseco a flor de elas,
en Dombate son chorosas
e no Briño micaelas”.
O dolmen de Dombate é recoñecido como un exemplo modélico do megalitismo atlántico neolítico e, para o caso que nos ocupa, é sancionado simbolicamente como lugar de memoria da Galicia preautónomica. En xullo de 1936 o Seminario de Estudos Galegos enceta traballos de campo dunha nova xeira comarcal desde Fisterra a Bergantiños. A prensa faise eco da que será a última fotografía de grupo do Seminario de Estudos Galegos, que coñecemos grazas á investigación de Iria-Friné Rivera Vázquez. A paraxe elixida foi, como non, o dolmen de Dombate. O 18 de xullo de 1936 o xornal El Compostelano publicou a derradeira crónica desta xeira: "No piñeiral de Dombate reúnense todos os expedicionarios para escoitar, en torno ao famoso dolmen, as estrofas reciamente cinceladas do cantor dos piñeiros. Alí, en medio dunha emoción relixiosa, remata esta VIII misión de investigacións. Pouco despois, os membros do Seminario dispérsanse citándose xa para a vindeira campaña".
Os nacionalistas galegos, artífices dun segundo Rexurdimento, ligaban o seu presente co pasado dos precursores románticos rexionalistas. Como escribiu Manuel María en “Versos do lume e do vaga-lume”:
“O Dólmen de Dombate
É mao e colo tenro
Para que nel se refúgie
O home cos seus medos
E os seus sonhos”.
As cantigas recolleitas en Borneiro por un mozo Xaquín Lorenzo formaban parte dun novo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, no prelo na imprenta de Ánxel Casal en xullo de 1936. As probas de imprenta foron destruídas polos falanxistas.
A longa noite de pedra tamén se debruzou sobre A Fornela de Vilaseco, malia que foi o sitio prehistórico galego con máis sona nos eidos académicos internacionais (citado por Georg e Vera Leisner, Shee Twohig, entre outros) até que en 1975 o terreo onde se ubica o vello dolmen foi mercado pola Excma. Deputación Provincial de A Coruña. Como xa acontecera antes da ditadura, o novo contexto político da transición democrática e a configuración do Estado autonómico potenciaron unha arqueoloxía científica lexitimadora do feito diferencial galego. A asunción das competencias en materia de Patrimonio pola recén creada Xunta de Galicia favoreceu na década de 1980 un auténtico boom de proxectos arqueolóxicos plurianuais por todo o país. Comezaba tamén daquela a esbozarse unha política de posta en valor do patrimonio con vistas á definición dunha imaxe de marca turística de Galicia. Neste marco de usos públicos do pasado, como diría Enzo Traverso, o dolmen de Dombate foi mobilizado para acadar estes obxectivos. Neste senso, as escavacións de fins da década de 1980, lideradas por José Mª. Bello Diéguez deron uns resultados tan abraiantes que fixeron doada a promoción turística do lugar: Dombate converteuse desde aquela na “catedral do megalitismo galego”.
Aquelas escavacións de 1987-1989 amosaron como o túmulo cubría en realidade, dous dolmens, un máis pequeno e máis antigo, e outro máis recente e visíbel. Este último conta cun corredor orientado ao nacente do sol, no que se documentaron varios idoliños feitos en pedra. No interior da cámara megalítica rexistráronse pinturas esquemáticas en cores vermella e negra sobre unha base branca de caolín. Dacordo coas datacións de C-14 o Dombate recente foi clausurado contra o 2.700 antes da nosa era. Aínda así foi reocupado de xeito ritual na Idade do Bronce pola xente que trouxo o Vaso Campaniforme.
Na década de 1990 a administración Fraga, a imitación do que se estaba a facer noutras comunidades autónomicas, deseñou unha rede arqueolóxica galega que contemplaba a creación de catro parques arqueolóxicos, un en cada provincia, centrados nun período concreto. A Terra de Soneira e Bergantiños foron as elixidas para albergaren o Parque Arqueolóxico do Megalitismo. O proxecto contemplaba Dombate como eixo central deste dispositivo de promoción do Turismo Cultural. Finalmente, esta iniciativa non chegou a porto e foi a Excma. Deputación Provincial de A Coruña a encargada de deseñar un Plano Director de posta en valor con vista a protexer o dolmen de Dombate e erguer unha aula didáctica con réplica incluía do dolmen (na liña do que se fixera na cova de Altamira). Este ambicioso proxecto contemplou novas escavacións, dirixidas desta volta por Manuel Lestón, que permitiron documentar fogueiras rituais, gabias de delimitación e indicios que amosarían a existenza dun espazo doméstico moi próximo ao dolmen.
O 22 de marzo de 2011 foi inaugurado o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, tras un proceso periplo, non exento de polémicas, sobre todo referidas á aparatosa opción elixida para a cubrición do monumento megalítico. Dende aquela, o dolmen é visitado por milleiros de persoas cada ano e serve de recurso didáctico para a poboación escolar. Ningún outro megalito galego conta con este investimento de recursos por parte das administracións. Sen dúbida, esta circunstancia non obedece só ao interés arqueolóxico destas antas (ou antas, mellor dito) e ás súas pinturas, senón ao lonxevo proceso de patrimonialización que vimos reseñando neste texto. Primeiro foron a Historia erudita, a literatura do Rexurdimento e o celtismo do Romaticismo os que construíron Dombate como lugar de memoria da nación galega. De aí pasou a amplas camadas da poboación tanto en Galicia como na emigración. Despois, a ciencia arqueolóxica galeguista ao servizo do primeiro proxecto autonómico convertiu este xacemento no paradigma da arquitectura monumental do Neolítico galego. Literatura e ciencia alicerzaron o papel de Dombate como icona identitaria (“metafísica da nosa carne, do sangue espiritual noso”, en verbas de don Ramón Otero Pedrayo) que deseguido se espallou polos eidos da arte e do deseño, da man de Álvaro Cebreiro, Castelao, Urbano Lugrís, Díaz Pardo, LuÍs Seoane, Asorey ou Raimundo Patiño. Mesmo a emblemática editorial Galaxia que termou da resistencia cultural perante o franquismo titulou así unha colección de poesía.
A día de hoxe, a “catedral do megalitismo galego” é un dos elementos clave da promoción turística de Bergantiños e da provincia de A Coruña (cunha media de 25.000 visitantes anuais), un recurso didáctico inexcusable nos libros de texto de Galicia e un lugar facilmente identificable por toda a poboación do país. Sen Eduardo Pondal, seguramente, esta apropiación simbólica de Dombate como lugar de memoria da galeguidade, non tería acontecido.
Bibliografía
AYÁN VILA, Xurxo e GAGO MARIÑO, Manuel (2012): Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI. Ames: Editora 2.0.
BELLO DIÉGUEZ, José María (1995): «Autoctonismo vs. relaciones em el Megalitismo Noroccidental: el caso de los monumentos de Dombate». En Actas del XXII Congreso Nacional de Arqueología (Vigo, 1993). Vol. I. Santiago: Xunta de Galicia; 25-32.
BELLO DIÉGUEZ, José María e ALONSO MATTHIAS, Fernan (1997): «Cronología y periodización del fenómeno megalítico en Galicia a la luz de las dataciones por C14». En RODRÍGUEZ CASAL, Antón (ed. lit.): O Neolítico atlántico e as orixes do megalitismo. Actas do coloquio internacional (Santiago de Compostela, 1-6 de abril de 1996). Santiago: Universidade de Santiago de Compostela; 507-520.
BELLO DIÉGUEZ, José María; LESTÓN GÓMEZ, Manuel e PRIETO MARTÍNEZ, María del Pilar (2011): «Dolmen de Dombate, entre lo funerario y lo doméstico». En PRIETO MARTÍNEZ, María del Pilar e SALANOVA, Laure (coords.): Las comunidades campaniformes en Galicia: cambios sociales en el III y II milenios BC en el NW de la Península Ibérica. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra; 179-192.
CARRERA RAMÍREZ, Fernando e BELLO DIÉGUEZ, José María (1997): «Las pinturas del monumento megalítico de Dombate: estilo, técnica y composición». En RODRÍGUEZ CASAL, Antón (ed. lit.): O Neolítico atlántico e as orixes do megalitismo. Actas do coloquio internacional (Santiago de Compostela, 1-6 de abril de 1996). Santiago: Universidade de Santiago de Compostela; 819-828.
CEBRIÁN DEL MORAL, Fernando; YÁÑEZ RODRÍGUEZ, José; LESTÓN GÓMEZ, Manuel; VIDAL PÉREZ, Francisco e CARRERA RAMÍREZ, Fernando (2011): El dolmen de Dombate. Arqueología, arquitectura y conservación. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña.
MARTÍNEZ MURGUÍA, Manuel (1865): Historia de Galicia. Tomo primero. Lugo: Imprenta de Soto Freire
PEREIRA GONZÁLEZ, Fernando (1998): O emprego da información arqueolóxica en Galicia: 1800-1922. Valga: Concello de Valga.
PÉREZ BUSTAMANTE, Ciriaco e PARGA PONDAL, Salvador (1924): «Notas de arqueología prehistórica galaica. Dólmenes de Dombate y de la Gándara (Coruña)», Boletín de la Bibloteca de Menéndez Pelayo, 6: 360-372.
PONDAL, Eduardo (1895): O dólmen de Dombate. A Coruña: Imp. y Lib. de E. Carré.
RENALES CORTÉS, Juan (1996): Celtismo y Literatura Gallega. La obra de Benito Vicetto y su entorno literario. Santiago: Xunta de Galicia. [2 vols.]
VEREA Y AGUIAR, José (1838): Historia de Galicia. Primera parte, que comprende los orígenes y estado de los pueblos septentrionales y occidentales de la España antes de su conquista por los romanos. Aprobada por la Academia de la Historia en el año de 1832. Ferrol: Imprenta de D. Nicasio Taxonera.
VILLARES PAZ, Ramón (2000): «A obra de Murguía como historiador». En QUIROGA BARRO, Gabriel (coord.): Murguía e o Arquivo do Reino de Galicia. A Coruña: Xunta de Galicia; 162-176.
VV. AA. (2019): Antoloxía de Dombate. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña.
YÁÑEZ RODRÍGUEZ, José (2022): «El Dolmen de Dombate. Puesta en valor y conservación de un monumento megalítico singular», DePlano, 46: 4-8.
Recursos na Rede