Porta de Carlos V Século XVI

Porta de Carlos V

Século XVI

Porta de Carlos V a finais dos anos 70

Un monumento político que acabou integrado no sentir popular como símbolo de identidade local

A Porta de Carlos V, Porta Maior ou Castelo da Ponte de Viveiro é un monumento arquitectónico civil de estilo plateresco erixido no século XVI e que constitúe unha das tres portas (canda a do Valado e a da Vila) que aínda perduran das seis que tivo no seu día a muralla que envolvía o recinto urbano da cidade.

Representa actualmente, mellor que ningún outro elemento arquitectónico, a identidade singular desta vila cantábrica do norte lugués. Xa en 1934, no Álbum de Lander escribía Antón Villar Ponte que, grazas a esa «artística y esbelta puerta almenada», Viveiro amosaba un peculiar testemuño «de que es pueblo de señorial abolengo».

A porta ten unha altura de nove metros e medio e está enmarcada por dúas semicolumnas xigantes que rematan en cadanseu pináculo. Consta de tres grandes corpos, separados por molduras. No primeiro, nas pendentes dun arco de medio punto con grandes doelas e case tres metros de luz, figuran dous escudos flanqueados por dúas pequenas columnas balaustradas, cuxos capiteis, con forma de cántaros, atravesan a moldura que delimita o primeiro corpo do segundo. O escudo da banda esquerda presenta cinco copóns e o da dereita, un león coroado rampante sobre unha ponte. Para uns, son, respectivamente, os escudos de Galicia e de Viveiro; para outros, é só o escudo de Viveiro presentado en dúas pezas heráldicas ou brasóns distintos, disgregados para gardaren simetría co van do arco. Nesta última hipótese, os cinco copóns poderían representar as avinzas asinadas pola vila cos seus señores tradicionais, os bispos de Mondoñedo, antes de obter definitivamente a condición de reguengo, no século XV.

Sobre o arco, xa no segundo corpo, é aínda posible detectar unha inscrición, se ben moi gastada. O cronista Donapetry propuxo esta lectura: «HÍZOSE ESTA P(UERT)A SIENDO COR(R)EGIDOR EL LICENCIADO CARASA DE TORDESILLAS». Por riba dela hai un escudo imperial con aguia bicéfala, flanqueado por columnas de Hércules e rodeado polo colar da Orde do Toisón. Ese escudo, que inclúe os brasóns dos diversos dominios imperiais, aparece coroado polo busto pétreo do propio monarca co seu cetro. Na parte superior aparecen catro medallóns con outros tantos bustos. Tense dito que representarían as catro liñaxes fundadoras da vila: Páez de Cora, Vizoso, Alfeirán e Galo. Outros interpretan, porén, que debe de tratarse de figuras da antigüidade clásica, dúas delas masculinas (Teodosio e o príncipe troiano Eneas) e outras dúas femininas (a esposa do citado emperador romano, Elia Flacila, e a princesa tiria Dido).

O terceiro corpo da porta, finalmente, presenta unha cornixa horizontal que consta de seis troneiras en forma de pechadura e, xa no cumio, un parapeto formado por tres pequenos pináculos (un no centro e os outros dous nos respectivos laterais) e por seis artísticas ameas con troneiras, relevos e, nas dúas do centro, dous bustos, que corresponden ao xeneral romano Publio Cornelio Escipión e ao seu encarnizado inimigo púnico, Aníbal. Este remate evoca adrede o aspecto propio dunha fortaleza medieval, o que axuda a entender a denominación popular de castelo.

Comezou a edificarse en 1548, case unha década despois de que a vila padecese, en setembro de 1540, un pavoroso incendio que afectou numerosos edificios. Facíase, pois, para substituír unha anterior, construída (como a Porta da Vila) a comezos do século XIII, en tempos do rei Afonso IX de León, e que resultou seriamente danada polo citado incendio.
Paralizadas en outubro do propio 1548, aos poucos meses de iniciarse, as obras non serían retomadas ata o 15 de maio de 1554, semanas despois de que o corrixidor da localidade, Andrés Carasa (que non Canosa) de Tordesillas e os rexedores Alonso Páez de Cora, Gonzalo Sánchez de Vaamonde, Juan Ares Vizoso e Gutierre da Portela Pumariño, xunto co procurador Álvaro Polo, lograsen concertar, o 24 de abril dese 1554, as condicións de traballo cun mestre de obras, chamado Pedro e de apelido envolto en polémica paleográfica: Poderoso, Pedroso, Pedrosa, Poderosa…

Discútese se foi o mestre Pedro o autor do proxecto ou simplemente o executor material sobre os planos dun arquitecto do que se ignora a identidade. O detalle de que lle pedise a unha das testemuñas, Álvaro Díaz, que asinase por el o axuste da obra co consistorio fai pensar na súa condición de analfabeto, incompatible co grao de arquitecto. O feito de que os seus emolumentos (tres reais diarios) incluísen só media pousada leva a pensar que, non sendo natural da vila, residise nun punto non moi afastado dela.
Co mestre Pedro traballaron seis oficiais. Proporcionáronlle as pedras necesarias, por un importe de douscentos reais de prata procedentes das penas de cámara, os pedreiros Fernando de Cubas, Ruy Lorenço e Juan Lorenço, mentres que as ferramentas necesarias para colocar e labrar a pedra encargáronselle ao ferreiro Diego de Fojo por un importe total de dous mil marabedís.

O documento contractual indica que a obra tiña como obxectivo «hazer la portada en esta villa a la puerta de la puente». Non é casual a referencia, pois Viveiro levaba polo menos desde 1462 reconstruíndo a Ponte Maior, que cruza a súa ría de oeste a leste. A nova porta, nesta perspectiva, viña ser o broche de ouro desa importante construción viaria, xa que servía de transición e asemade acceso entre a citada Ponte Maior e a rúa Grande, que atravesaba todo o recinto de oeste a leste e chegaba ata outra porta da muralla, a do Valado, situada na parte alta da vila. Na actualidade, o primitivo percorrido desa rúa Grande está repartido entre varios espazos ben delimitados: a rúa María Sarmiento (así denominada desde 1891), a rúa Teodoro de Quirós (dita Pardiñas desde 1841 e dos Mártires de Carral durante a II República) e a rúa María de las Alas Pumariño (popularmente chamada «calexa das Monxas», por situarse nela desde 1601 o convento das concepcionistas). Na outra banda da ponte erixiuse a comezos do século XVII a capela do Eccehomo ou da Misericordia.

Diversos cronistas atribúen a iniciativa de erixir este monumento na honra do borgoñón á necesidade de agradecerlle a concesión dunha exención tributaria por un período de varios anos que permitise a reconstrución dos danos causados polo xa citado devastador incendio de 1540. Tal foi a tese que expuxo en abril de 1926 o subdiácono e erudito Noya González nas planas dos números 16 e 17 do xornal La Voz del Pueblo, que el mesmo dirixía. Foron o rexedor Ruy Maseda e o escribán Juan López Fuenpedriña os encargados de elevar ao emperador o correspondente informe da desgraza acontecida. Indica Donapetry que esa exención concedida foi prorrogada varias veces e o certo é que Carlos V abdicou no seu fillo Filipe II en xaneiro de 1556, case polo mesmo tempo en que se reiniciaban as obras da porta viveirense que había levar o seu nome.

O académico e cronista Chao Espina, pola súa parte, contextualizou esa construción no clima de constante tensión bélica nas costas cantábricas que derivou do enfrontamento entre o emperador e os monarcas franceses Francisco I e Henrique II. Viveiro, ao igual que Ferrol e Muxía, foi obxecto dunha razzia por parte de navíos franceses en 1552. Por iso se emprenderon diversos traballos en puntos estratéxicos da ría para a súa defensa ante outro eventual ataque. No recanto noroeste da muralla, á altura dos chamados «alfolís do sal» e orientado cara ao mar, construíuse un pequeno forte dotado con tres canóns. Tamén se edificou un baluarte en Celeiro, coñecido como «torrillón de Lavandeiras», e dispúxose asemade unha batería con pezas de artillaría para ser atendida polos veciños de Grallal, Covas e Suegos, así como fachos, garitas e atalaias de vixilancia en diversos puntos.

Con todo, a fasquía da porta resulta máis artística-conmemorativa-honorífica que propiamente militar ou defensiva. A súa construción na honra do emperador tivo evidentes motivacións simbólico-políticas. A decisión formou parte, en primeiro termo, do reforzo do vínculo de unión/dependencia directa da vila coa coroa imperial hispánica, que hai que situar na dinámica de consolidación do modelo de monarquía «absoluta» e «centralizada». A orixe foránea, especialmente castelá, da inmensa maioría dos corrixidores designados para gobernaren a vila nesa centuria (e aínda nas posteriores), como é o caso do propio Andrés Carasa de Tordesillas e dos seus antecesores Juan Enríquez de Navarra e o burgalés Antonio Salamanca Polanco, resulta significativa neste sentido (advertiuno ben no século XVIII o Padre Sarmiento), como tamén o é que o reino galego estivese privado entón de voz e voto nas Cortes castelás, en favor de Zamora. Deste xeito, as relacións das elites institucionais viveirenses coa chancelaría valisoletana e cos distintos consejos da coroa castelá tiñan que facerse dun xeito cada vez máis dependente e clientelista e determinaron, entre outros aspectos, a substitución da orixinaria forma Viveiro por Vivero nos ámbitos oficiais e a súa implacable irradiación paulatina ao conxunto social, en clave diglósica.

A dedicatoria a Carlos V e a finalidade propagandística do escudo imperial no centro do monumento deben colocarse, igualmente, na perspectiva do xogo político adulatorio das elites comerciais da vila e dos clans familiares máis poderosos da tradicional oligarquía local para congraciarse co gobernante e poder influír nel, chegado o caso. Pola mesma razón, pouco antes de que se retomasen as obras de construción, Gonzalo Páez de Cora destinou o produto da venda dunha «carabela de sal» á celebración de «justas alabenida de nº emperador Carlos q.dealemania» aprobadas polo consistorio viveirense con data de 9 de decembro de 1553.

Eses segmentos privilexiados non quixeron conformarse con manifestacións de obediencia e fidelidade ao monarca condenadas ao efémero. Así, fronte ao frecuente recurso ás celebracións, en moitísimas outras localidades do vasto imperio, de xustas e festas, erección de arcos florais, salvas, desfiles e outras cerimonias de idéntico teor, optaron por consagrarlle un elemento monumental pétreo, artístico e intencionalmente imperecedoiro. O mesmo fenómeno vémolo no Arco de Santa María de Burgos (1535), na reconstrución da Porta de Guadalaxara de Madrid (1536), na Porta Nova de Bisagra en Toledo (1550) e na fachada da casa do concello de Tarazona (1557).

Será a comezos do século XIX cando o emblemático elemento arquitectónico que nos ocupa adquira unha nova significación como espazo de memoria, ao resultar un dos escenarios da resistencia da poboación contra as tropas napoleónicas que, procedentes de Ferrol e Mondoñedo, pretendían volver ocupar Viveiro o 18 de febreiro de 1809, despois dun primeiro intento protagonizado polo comandante Marssán.

Dous episodios dese momento histórico, retratado en crónica coeva e parcialísima polo gardián do convento franciscano frei José López, pasaron con forza ao imaxinario popular local: a morte heroica de Antonio Bas a mans dos franceses mentres protexía a fuxida dos seus conveciños cara ao monte e a lenda do chamado, desde entón, «Eccehomo dos Franceses», recollida por Ramón Villar Ponte (Licenciado Pravío). A imaxe, ao conmover o corazón dun mando napoleónico, evitou que se cometese un masacre contra os viveirenses que se refuxiaran na igrexa de San Francisco.

A medida que a centuria avanzaba, o desenvolvemento económico, demográfico e urbanístico imparable da vila foise proxectando con forza contra a constrición que supuñan os restos da vella muralla, xa moi desmantelada desde a centuria anterior. Froito desa dinámica promovéronse diversos derrubamentos (asemade relacionados co proceso desamortizador de bens eclesiásticos), como o do templo de Santiago (en 1840), no espazo da actual Praza Maior; o do convento e a igrexa dominica (en 1851), a carón da Porta da Vila, e, particularmente, o de tres das seis portas da antiga muralla: a de San Antonio, San Luís ou da Ribeira (derrubada en 1851), que se situaba no punto en que a actual rúa Margarita Pardo de Cela desemboca no barrio da Pescadería; a de Santa Ana ou do Alxibe (demolida en 1852), no final da actual rúa Pastor Díaz ou de Abaixo na súa saída cara á praza de Lugo, e, por último, a das Angustias ou da Ponte Labrada, no remate da actual rúa Irmáns Vilar Ponte. A picaña acabou con ela en 1861, aínda que en 1853 xa fora obxecto de demolición un baluarte da muralla adxacente.

Boa parte das pedras desas construcións derrubadas permitiron o primeiro empedrado das rúas de Viveiro e o comezo das obras do malecón ou dársena ao longo da fachada ribeirá, logo consolidado a comezos do século XX. O principal argumento para o derrubamento das tres portas xirou arredor da súa estreitura, que as convertía nun obstáculo para a entrada de carros e para a fluída circulación de transeúntes. Tamén se alegou que a súa desaparición melloraría a aparencia e o ornato da propia vila.

Ademais, sobre os solares adxuntos ás murallas edificáronse desde finais do século XVIII vivendas de nova planta, fenómeno do que dá boa mostra o chamado calexón do Muro, no barrio da Pescadería. As que substituíron a parte da muralla que daba á ribeira marítima e que flanquean hoxe a propia Porta de Carlos V adoptaron, por regra xeral, elementos arquitectónicos emblemáticos, como é o caso das balconadas con forxados e das amplas e luminosas galerías de madeira acristaladas, que identifican aínda hoxe a fasquía da vila, espellándoa na confluencia do río Landrove coas augas do Cantábrico.

O primeiro intento de derrubamento da Porta de Carlos V produciuse no ano 1856, ao argumentaren os membros do consistorio que propuxeron tal medida que «sobre no tener el más pequeño mérito artístico ni otra cualidad que lo haga digno de conservarse, presenta a la vista un aspecto que ofende al ornato público […] prescindiendo ya de que el Arco en cuestión se halla en estado completamente ruinoso y amenaza peligros para los transeúntes». Foi salvada in extremis ao recorrer un grupo de veciños perante o xefe político da provincia e negar este o permiso para efectuar a demolición.

Salvada desa primeira vaga destrutora, a Porta de Carlos V aínda tivo que aturar raiando xa o século XX un segundo intento de derrubamento, desta volta suxerido polo mozo Pedro Pérez Barreiro (P. P. W.), un dos colaboradores do xornal republicano Nueva Brisa, no que o futuro promotor das Irmandades da Fala Antón Villar Ponte fixo tamén as súas primeiras armas xornalísticas. Nun artigo inserido nun dos dezaseis números finalmente editados de Nueva Brisa, dos que só resulta accesible hoxe por hoxe o décimo, defendía P. P. W. a idea de derrubar ou trasladar [sic] a Porta de Carlos V en prol dun desenvolvemento urbanístico máis racional da vila. Nos artigos titulados «¡Qué barbaridad!», «A Nueva Brisa, sus cómplices y fautores» e «Muchas gracias», publicados nas planas do semanario católico-conservador El Eco de Vivero entre novembro e decembro de 1899, o subdiácono Jesús Noya González cualificaría a proposta de auténtica «necedad» e de «proyecto descabellado».

O monumento recibiu en 1913 ou 1914, segundo evocou o cronista Donapetry, a visita contemplativa do escultor Mariano Benlliure, do catedrático ovetense Fermín Canella e do embaixador arxentino Marco M. Avellaneda, que se desfixeron en eloxios. Por esas datas, aproximadamente, o fotógrafo local José Ínsua (Pepe da Mota) enviaba vistas de Viveiro e do monumento que nos ocupa, en particular, a diversas revistas da emigración americana, como El Eco de Galicia da Habana. Semellantes iniciativas non foron óbice para que as autoridades municipais autorizasen a instalación dunha torre metálica da empresa de José Barro na azotea do propio monumento, como parte da rede que subministraba fluído eléctrico á vila nos primeiros compases do século XX.

O 19 de febreiro de 1942 culminou o expediente iniciado en 1936 pola corporación viveirense presidida polo militante galeguista, odontólogo de profesión, Balbino Cerdeiras Rey, que morrería fusilado pouco despois en Lugo polos franquistas, para conseguir que a Porta de Carlos V fose declarada monumento histórico-artístico nacional. Na argumentación do correspondente decreto, asinado polo entón ministro de Educación José Ibáñez Martín, salientábase que «escasean en Galicia los edificios renacientes no religiosos declarados monumentos» e que a porta da antiga muralla viveirense resultaba «noble y elegante en sus proporciones» e por iso mesmo digna «de la protección del Estado».
No friso interior da porta instalouse inicialmente unha imaxe da Virxe dos Desamparados. Ao ser derrubada en 1876 na praza a chamada Casa Real ou do Corrixidor, a imaxe de san Roque que adornaba a súa fachada como copatrón da vila desde tempos medievais (en gratitude por librala dun andazo de peste) pasou a ocupar o retablo da porta. Esa nova presenza icónico-relixiosa suscitou algunha que outra anécdota. Así, durante a I República, as novas autoridades, lideradas por Salustio V. Alvarado, ordenaron desmontar ese retablo e gardalo nos baixos da casa do concello. A primeira medida do novo alcalde, Florencio Plá Sampedro, durante a Restauración borbónica foi mandar repoñelo. Ademais, o célebre gaiteiro das Negradas Choumín de Céltigos (Juan Gómez, 1823-1911), evocado por Villar Ponte, García Dóriga, Ramón Canosa e outros como figura emblemática das festas locais de entre dous séculos, interpretaba a Marcha Real sempre que pasaba por debaixo do arco desa porta, disque para «facer rabiar» a imaxe do santo de Montpellier, francés el, por non lle remediar eficazmente un mal de varices que padecía…

A presenza simbólica do monumento como sinal identitario da vila reforzouse a comezos do século XX, cando artesáns e artistas locais construían como decorado para as rúas, durante as festas, preciosas «arcadas» en madeira e papel que tomaban como modelo, máis ou menos fielmente, a propia Porta Maior. Deron así unha pauta icónica que seguirían logo as capas dos libros-programas, os carteis anunciadores etc.

Desfiles militares, musicais, reivindicativos e procesionais pasaron e pasan aínda con frecuencia, ben por diante, ben a través do arco da Porta de Carlos V, integrándoo así de continuo no vivir colectivo da vila. Para o protexer do tráfico rodado, foron colocados diante do monumento catro morróns artísticos de pedra de gran tamaño, unidos por cadeas. Durante algún tempo, a finais da pasada centuria, estivo habilitada como oficina de turismo unha pequena estancia na cara sur da porta, á que se accedía por medio dunha escaleira de caracol. O monumento ten inspirado, así mesmo, pezas de cerámica de Sargadelos (con deseño de Xosé Vizoso) e de Otero Regal, cubertas para non poucas revistas e libros de temática local, ambientación para algunhas pasaxes da novela A nova vida de Lois Tobío e mesmo algúns versos, como os escritos por Chao Espina, César Michelena Rebellón ou Noriega Varela:

Vila alegre, á túa entrada
(brioso rasgo d’esplendor),
máxica, ¡inmortal Portada!,
que outrora foi consagrada
ó Gran Rey-Emperador.

Nos últimos tempos, en sintonía con eventos doutras localidades (a Festa da Istoria de Ribadavia, o Arde Lucus etc.), Viveiro tamén tomou como pretexto a erección da Porta de Carlos V no século XVI para celebrar anualmente, desde 2009, un día de festa, denominada Feira Renacentista, que inclúe unha teatralización do —en realidade— nunca verificado desembarco do emperador Carlos V no areal de Covas, un desfile dunha comitiva con disfraces e traxes de época, a instalación dun mercado de artesanía e, finalmente, un multitudinario e entusiasta banquete popular que se celebra todo ao longo das rúas engalanadas do centro histórico da vila.

Bibliografía


Chao Espina, Enrique (1988): Historia de Vivero. Sada: Ediciós do Castro.
Crespo Prieto, Rosalía (1991): «El Castillo del Puente de Viveiro», Estudios Mindonienses, 7: 423-438.
Crespo Prieto, Rosalía (1992): «El Castillo del Puente de Viveiro (II)», Estudios Mindonienses, 8: 597-660.
Donapetry Iribarnegaray, Juan (1953): Historia de Vivero y su Concejo. Viveiro: Artes Gráficas Santiago.
Durán Villa, Francisco R. et al. (1986): Viveiro. Achegamento á realidade dun núcleo urbano galego. Santiago: Xunta de Galicia.
Fernández Pacios, Xosé R. (2009): «Viveiro nos anos 1808-1809». En A francesada en Viveiro, 1809. Viveiro: A. C. Estabañón; 51-83.
Galdo, Fausto e Díaz Martínez, Carlos (2005): A memoria de Viveiro. Álbum de postais. Vigo: Xerais.
García Oro, José e Romaní Martínez, Miguel (1990): Viveiro en el siglo xvi. Estudio histórico y colección documental. [Separata de Estudios Mindonienses, 5].
López Alsina, Fernando (1976): Introducción al fenómeno urbano medieval gallego a través de tres ejempolos. Mondoñedo, Ribadeo y Vivero. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela.
Lynch, John (2000): Carlos V y su tiempo. Barcelona: Crítica.
Nadal, Jordi (2001): España en su cénit (1516-1598). Un ensayo de interpretación. Barcelona: Crítica.
Novo G., J. Miguel (1997): Viveiro e as súas antigas murallas. Viveiro: Seminario de Estudos Terra de Viveiro.
Novo Güisán, J. Miguel e Martínez Arias, Luz M.ª (2012): Viveiro. Viveiro: Porta da Vila.
Pardo De Cela, Santiago F. e Adrán Goás, Carlos (2014): «Regidores del Concejo de Viveiro (siglos xv al xix)», Estudios Mindonienses, 30: 267-390.
Saavedra, Pegerto (1985): Economía, Política y Sociedad en Galicia: la provincia de Mondoñedo, 1480-1830. Santiago: Xunta de Galicia.
Tobío Fernández, Lois (1925): «Sobre la fundación del Colegio Seminario de Vivero», Boletín de la Real Academia Galega, 170-171: 52-58.
Tobío Fernández, Lois (1925): «Sobre la fundación del Colegio Seminario de Vivero (Conclusión)», Boletín de la Real Academia Galega, 172: 87-90.

Compartir: