Castro de santa Trega Idade do Ferro e época romana

Castro de santa Trega

Idade do Ferro e época romana

Unha das cabanas reconstruidas en Santa Trega pola Sociedad Pro- Monte nos anos 1960

A citania de Galicia

Existen en el alto monte de Santa Tecla, los restos de un campamento romano, á los cuales se dá en el país el significativo nombre de Campo de Viriatho.
(Martínez Murguía 1901: 264, n. p. 1)


Galicia está inzada de montes sobranceiros que serviron de fitos e marcadores territoriais na organización simbólica da paisaxe desde a prehistoria. O seu papel como «monumentos salvaxes» (en palabras de Felipe Criado) foi sancionado por un temperán proceso de cristianización que levou á construción de santuarios na honra daqueles santos e santas máis queridos pola xente do país, como son os e as mártires paleocristiás. Exemplos soberbios destes montes sagrados son o de San Sebastián, nas terras do Deza; o San Trocado, no Ribeiro, ou o Santa Trega, na foz do río Miño. A todos eles subían as comunidades parroquiais con cadanseu pendón e no cumio desenvolvían prácticas rituais propias do sincretismo relixioso. En concreto, o culto a santa Trega chegou de Oriente, onde esta dona de Anatolia, seguidora de Paulo de Tarso, foi considerada a protomártir das mulleres e modelo da castidade feminina. Esta advocación foi potenciada tamén pola poboación mozárabe e espallouse pola Península Ibérica. No noso caso, santa Trega serviu para cristianizar un monte sagrado, un vello lugar de culto desde a época prerromana, polo menos. Avogosa dos males de ósos, a poboación mariñeira e labrega rubía polas abas do monte a honrar a padroa na súa festividade o 23 de setembro. A orixe da capela que coroa o monte remóntase ao século XII.

A tradición confirmou o monte de Santa Trega como o espazo sacro por excelencia para a poboación local, como adoita acontecer no litoral galego, con santuarios mareiros ergueitos sobre outeiros e montes por tras das vilas mariñeiras; unha sorte de cumio protector e referencia simbólica na longa distancia para os homes que andaban ao mar. Porén, neste caso, a súa transcendencia foi máis alá, ata converterse nun lugar de memoria de toda a comunidade galega. Isto aconteceu por mor da chegada da modernidade, a comezos do século XX, por tres vías: o progreso fomentado polos emigrantes retornados de América, a arqueoloxía como actividade científica e o turismo como política de Estado.

O everxetismo indiano foi o factor desencadeador da conversión do monte de Santa Trega nun referente identitario a escala rexional e nun ben patrimonial excepcional no noroeste ibérico. Este proceso non se pode entender sen dúas figuras transatlánticas senlleiras. En primeiro lugar, cómpre subliñar o papel desempeñado por Manuel Lomba Peña (1861-1933), emigrante de éxito, primeiro en Cuba e logo en Porto Rico, onde centrou a súa actividade no comercio de comestibles. Retornou a España en 1907 e en 1912 converteuse no primeiro presidente da Sociedad Pro-Monte de Santa Tecla. Esta entidade financiou as primeiras escavacións, dirixidas por Ignacio Calvo. Aquel proxecto arqueolóxico foi pioneiro en Galicia e permitiu demostrar o uso doméstico dos poboados fortificados da Idade de Ferro. Ata daquela unicamente se contaba co referente indirecto das escavacións de Martins Sarmento na citania de Briteiros. De feito, debemos sinalar que foi este eminente arqueólogo portugués o primeiro en apuntar a existencia dun xacemento arqueolóxico no Trega. Durante unha viaxe de lecer na praia de Âncora, Sarmento achegárase ás bisbarras galegas do Rosal e do Baixo Miño e comprobara in situ, o 13 de decembro de 1881, a presenza de restos de muralla e cerámicas nos noiros:

Monte de Santa Tecla (Galiza) –Evidentemente un monte fortificado, pois que se vêem ainda lanços de muralha, a descoberto, e taludes indicadores de outras ordens. Fragmentos de barro muito abundantes, encontra-se telha com rebordo. O ‘Hércules’ aí aparecido, que vi, é dum trabalho nada rude. Tem o cabelo cinguido por uma fita; na mâo esquerda duas cousas que podem ser pomos.

Así e todo, foi a apertura de infraestruturas viarias, e non a inquedanza científica, o detonante do achado de restos arquitectónicos vencellados aos castros nas décadas de 1900 e 1910. Así pois, a reutilización simbólica destes recintos como espazos rituais propios da relixiosidade popular supuxo a apertura de pistas de acceso ás croas onde existían capelas de gran devoción popular. Aconteceu en 1900 no castro de Troña (Mondariz, Pontevedra), onde indianos tamén financiaron o acceso á ermida do Doce Nome, e en 1913 coa estrada de acceso á ermida de Santa Trega.

Isto ocorreu nun momento fundamental no proceso de institucionalización da arqueoloxía no Estado español, cando se promulga a Lei de escavacións de 1911 e se crea no ano seguinte a Junta Superior de Excavaciones y Antigüedades, que será a encargada de autorizar e realizar as escavacións arqueolóxicas a partir dese momento. Esta entidade non concedeu valor ningún aos achados, como deixou consignado Julián López García no seu libro de 1927 La Citania de Santa Tecla o Una Ciudad prehistórica desenterrada. Apuntes arqueológicos:

Y si estas bellezas naturales no fuesen suficientes para llamar la atención de los que visitan tan encantadores lugares, la casualidad quiso que al roturar la carretera del monte, se descubriese en su cúspide las ruinas de un ignoto pueblo, que perezosamente va saliendo de entre los escombros que los siglos fueron amontonando sobre los restos de esa misteriosa citania, que si desapareció para siempre, dejó suficientes huellas de su paso para que los historiadores puedan adivinar la manera de ser y de vivir de los pueblos célticos de altura, a quien sin duda debe su origen […]
La Comisión de Excavaciones se negó a prestar su cooperación, fundada en que no existían en Santa Tecla ruinas arqueológicas, según el autorizado dictamen de un doctor en medicina, que la política había llevado a la presidencia de un organismo tan ajeno a su profesión.

A burguesía local e o pulo económico dos indianos de Porto Rico cubriron este baleiro institucional e protagonizaron un mecenado que se materializou en campañas anuais de escavación entre 1914 e 1923. A este respecto, a situación orográfica deste sitio arqueolóxico do monte de Santa Trega resulta determinante para a súa entrada na arqueoloxía galega e para comprendermos a súa notable repercusión nos ámbitos académicos. Deste xeito, no veciño Camposancos (A Guarda) sitúase o Instituto Santiago Apóstol, rexentado polos xesuítas (hoxe en ruínas). O equipo docente deste centro impulsou a pescuda sobre as industrias líticas do Paleolítico no Baixo Miño coas contribucións dos padres portugueses P. P. Cruz, Loussier e Jalhay. O clero de Camposancos (centro que deu nome á facies «camposanquiense») colaboraba activamente coa Sociedad Arqueológica de Pontevedra e co grupo ourensán dirixido polo presbítero Marcelo Macías (mestre de Otero Pedrayo, Cuevillas e Risco). Porén, a proximidade deste centro de investigación explica a implicación de eruditos eclesiásticos nos momentos inmediatos á descuberta dos primeiros restos no Trega. A este respecto, as primeiras notas publicadas débense a Juan Domínguez Fontela, chantre da catedral de Ourense, a Ignacio Calvo, sacerdote afecto ao Corpo de Arquiveiros do Estado e membro do Museo Arqueolóxico Nacional, e ao crego xesuíta Celestino García Romero.

Estes eruditos e anticuaristas botaron man das ideas-forza e dos tópicos manexados polo rexionalismo no seu achegamento á protohistoria, e utilizaron a arquitectura vernácula (as pallozas) e as citanias do veciño Portugal para interpretaren estes restos arqueolóxicos. Naceu, deste xeito, a citania de Santa Trega, que demostraba os catro postulados murguianos básicos: 1) a citania e as súas casas circulares naceron como consecuencia da invasión céltica; 2) as citanias do norte de Portugal e de Galicia pertencen á mesma cultura céltica, con idénticas arquitectura, cerámica e arte decorativa; 3) os trazos étnicos célticos perduraron nos costumes e no folclore galego, e 4) a conquista romana rematou coa independencia política de Galicia e destruíu o esplendor da citania. Esta arqueoloxía rexionalista asumía unha perspectiva etnicista e conectaba co ideario da loita anticaciquil e agrarista dos anos 1910 e 1920.

Tras o pulo inicial da Sociedad Pro-Monte, debemos subliñar o papel desempeñado por un segundo indiano tregófilo na consolidación de Santa Trega como lugar de memoria e recurso turístico a escala estatal e transfronteirizo entre España e Portugal. Estamos a falar de Manuel Álvarez Vicente (1857-1936), outro deses rapaces da Guarda que marcharon á procura do soño americano na illa de Porto Rico. En pouco tempo amasou unha fortuna traballando no eido da exportación do café, a banca e o transporte marítimo. Con 29 anos de idade decide retornar á súa vila natal, onde deixará un notable legado. Republicano, liberal e agnóstico, foi alcalde da Guarda na ditadura primorriverista e na II República e protagonista absoluto do asociacionismo da época. Así pois, promoveu o Círculo Guardés (1888), o Recreo Artístico Guardés (1890) e o Club de Artesanos (1920). Firme defensor do rexeneracionismo, débeselle a el a potenciación do monte de Santa Trega, a chegada de investimentos desde o Goberno central e a campaña publicitaria e propagandística que supuxo a visita do ditador Primo de Rivera e do príncipe de Asturias, Afonso de Borbón, en 1926.

Esta colaboración estreita entre elite local e Goberno central vai dar lugar a unha apropiación material e simbólica do monte de Santa Trega. En primeiro lugar, lévase a cabo unha intervención arquitectónica que monumentaliza os cumios do Facho e de San Francisco con miradoiros, bancadas, escalinatas, espazos abertos e un viacrucis que anticipan as posteriores escenografías nacionalcatólicas vencelladas a santuarios e cumios costeiros. En segundo lugar, o Estado desenvolve unha ambiciosa repoboación forestal que muda a fasquía do monte e supón a construción de todo un símbolo da modernidade: a casa forestal. Mentres que noutras paraxes galegas esta iniciativa dá lugar a conflitos entre comunidades e Administracións (coa destrución incluída destas casas de gardas), o Trega convértese nun proxecto-modelo que é rendibilizado tanto pola Sociedad-Pro Monte como polo Concello e o Estado. Finalmente, en terceiro lugar, estes anos 20 supoñen a consolidación deste lugar como recurso visitable tanto polo turismo de masas como polo turismo das elites luso-españolas. Como no caso doutros sitios arqueolóxicos (a cova de Altamira, por exemplo), o recentemente creado Patronato del Turismo promociona o monte a unha escala nacional e internacional. Non é casual que a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson visitase Santa Trega e que o monte («ruinas de una citania céltica») apareza na longametraxe documental Un viaje por Galicia (1929), financiada polas catro deputacións galegas para a súa exhibición na Exposición Iberoamericana de Sevilla.

Esta política de promoción levará parello un programa de posta en valor que conta xa co aval da arqueoloxía académica. O prestixioso catedrático da Universidade de Valladolid Cayetano de Mergelina liderará sucesivas escavacións arqueolóxicas (1928-1933) promovidas polo Instituto de Estudios Regionales da Universidade de Santiago de Compostela e nas que tamén se forman mozos do Seminario de Estudos Galegos como Sebastián González García-Paz ou Xosé Filgueira Valverde. Na década de 1930 Santa Trega é un emblema para a ciencia arqueolóxica, un exemplo paradigmático das citanias da entón alcumada (por Bosch Gimpera, Cuevillas e Pericot) «cultura norte dos castros». Nesa mesma década de 1930 detéctase un proceso de achegamento ao galeguismo por parte desa elite indiana local, que constituía máis do 60 % dos membros da Sociedad Pro-Monte. Deste xeito, non resulta nada anecdótico o encontro que en Santa Trega tivo lugar entre Castelao e Azaña e que foi fundamental para o decorrer do Estatuto de autonomía, segundo o historiador local Joaquín Vidal. O mesmo alcalde republicano, Manuel Álvarez, rematou afiliándose ao Partido Galeguista e faleceu en marzo de 1936. O seu cadaleito foi cuberto coa bandeira de Galicia. O golpe de Estado de xullo de 1936 truncou ese proceso de memorialización e domesticou o progresista everxetismo indiano. En 1937, en plena guerra, inaugurouse o obelisco na honra de Manuel Lomba Peña, coa axuda económica tamén dos emigrantes guardeses en Bos Aires.

O segundo gran fito no decorrer deste monte como lugar de memoria é a actuación integral sobre o sitio arqueolóxico levada a cabo pola Sociedad Pro-Monte entre os anos 1952 e 1972, en consonancia coa política turística de «Spain is different» desenvolta polo Ministerio de Información e Turismo de Manuel Fraga Iribarne. É agora cando Santa Trega se abre ao turismo de masas, con autobuses inzados de entusiastas do turismo de sol, praia e miradoiro. Desde 1917, o Museo de Santa Trega actuaba de simple centro de recepción de visitantes e almacén de obxectos descontextualizados. En 1965 levouse a cabo a reconstrución in situ dunha das estancias circulares con vestíbulo no coñecido como Barrio de Calvo (I) e en 1972 fíxose o mesmo con outra cabana do Barrio de Calvo (II). Nacía así unha imaxe icónica do espazo doméstico da protohistoria galega, que rapidamente se estendeu aos manuais escolares da EXB, ao mundo dos cómics e á cultura popular. Así mesmo, desde entón, forma parte da caixa de ferramentas básica para a promoción do tópico da Galicia céltica, máxica, meiga.

A chegada da autonomía vai ter un impacto semellante ao experimentado polo dolmen de Dombate como repositorio da memoria da comunidade. Nun momento en que cómpre alicerzar o feito diferencial galego, a arqueoloxía académica renuncia ao paradigma céltico e modela unha nova visión sobre os castros. Os celtas pasan a ser galaicos e o Trega pasa de citania a poboado galaico-romano, da man de arqueólogos como Antonio de la Peña Santos (Museo de Pontevedra). O barrio escavado polo seu equipo na década de 1980 foi consolidado e aberto ao público, aínda que o relato científico non callaba na poboación visitante, fiel crente na natureza céltica das ruínas, unha idea que inspira aínda hoxe o delirante merchandising nas tendas arredor do hotel-restaurante-miradoiro. Cada verán, na tradicional Festa do Monte, na fin do mes de agosto, os xornais fanse eco das tensións entre o modo popular de apropiación das ruínas (comidas campestres nas cabanas castrexas) e o discurso proteccionista patrimonial de científicos e burócratas. Do mesmo xeito, o formato de visita rápida (foto no miradoiro, compra de souvenirs e uso do baño) dá lugar a equívocos, como o que nos contou o guía turístico Leonardo González hai uns anos. Coa celeridade imposta polo operador turístico, un grupo de portuguesas xubiladas axeonlláronse diante de relevos castrexos expostos nunha vitrina. Confundiran o museo… coa ermida de Santa Trega.

No século XXI a Deputación de Pontevedra fixo un novo esforzo para reactivar a investigación arqueolóxica. Os novos datos, fornecidos pola reescavación do coñecido como Barrio Mergelina, levan a considerar a vella citania como un oppidum con orixes na Segunda Idade de Ferro e unha fonda remodelación coa chegada de Roma. Así mesmo, este apoio institucional rematou por consagrar o monte de Santa Trega como a icona (canda o castro de Baroña) do pasado protohistórico de Galicia, como se pode apreciar en cada edición de Fitur e nunha manchea de campañas turísticas de promoción das Rías Baixas. A día de hoxe, este monte é o segundo lugar máis visitado de Galicia tras a catedral de Santiago de Compostela. Segundo as cifras oficiais, en 2024 recibiu un total de 295 000 turistas. O confín dos verdes castros pasou do himno galego a formar parte do imaxinario colectivo no conxunto do Estado español.

A Sociedad Pro-Monte desapareceu oficialmente en 2020 por decisión xudicial e os seus fondos pasaron ao Padroado Municipal do Monte de Santa Trega. Máis dun século despois, o legado dos indianos da Guarda segue vivo. Desde Porto Rico, as ideas de progreso souberon redescubrir o pasado protohistórico de Galicia. Curiosamente, un dos mozos arqueólogos que escavou nos anos 30 en Santa Trega, Sebastián González García-Paz, membro do Partido Galeguista, marchou ao exilio a esa mesma illa caribeña. Chamado a liderar a arqueoloxía universitaria do noso país, o fascismo levouno á Universidade de San Juan, onde organizou un seminario de estudos a imitación do Seminario de Estudos Galegos. Tras o seu falecemento en 1967, parte do seu arquivo foi doado ao Museo de Pontevedra. Entre os seus papeis transatlánticos, figuran os debuxos de cabanas e cerámicas castrexas do Trega, a citania de Galicia.

Bibliografía


Álvarez Vicente, Manuel (2012): O Tecla. Bruxelas: Orfeu. [Ed. or. española de 1926].
Calvo Sánchez, Ignacio (1924): Monte de Santa Tecla en Galicia. Memoria que acerca de los trabajos realizados en 1922-23. Madrid: Imprenta de la Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos.
Carballo Arceo, Luís Xulio (1989): Catálogo dos materiais arqueolóxicos do museu do Castro de Santa Trega: Idade do Ferro. Pontevedra: Deputación de Pontevedra.
García Romero, Celestino (1916): "Una visita al Santa Tecla" , Boletín de la Real Academia Gallega, 104: 169-177.
López García, Julián (1927): La Citania de Santa Tecla o Una Ciudad prehistórica desenterrada. Apuntes arqueológicos. A Guarda: Imp. Casa Táboas.
Martínez Murguía, Manuel (1901): Historia de Galicia. Tomo primero. A Coruña: Librería de Don Eugenio Carré. [2.ª edición].
Martínez Tamuxe, Xoán (1983): Citania y Museo Arqueológico de Santa Tecla. Santiago: Servicio Central de Publicacións da Xunta de Galicia.
Mergelina y Luna, Cayetano de (1944-1945): "La Citania de Santa Tecla" , Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología, 11: 13-54.
Peña Santos, Antonio de la (1986): Yacimiento galaico-romano de Santa Trega (A Guardia - Pontevedra). Campaña 1983. Santiago: Xunta de Galicia.
Peña Santos, Antonio de la (1989): "Algunas precisiones sobre el poblado galaico-romano de Santa Tegra (A Guarda)" . En Actas do I Congreso Gallaecia (A Guarda, novembro de 1988). A Guarda: Servicio de Publicacións da Deputación Provincial de Pontevedra; 153-164.
Rodríguez Martínez, Rafael María (coord.) (2017): Viaxando pola Historia. 100 anos do MASAT (1917-2017). A Guarda: Concello da Guarda, Padroado Municipal Monte Santa Trega.
Rodríguez Martínez, Rafael María (2018): "Re-excavando Santa Trega (A Guarda, Pontevedra). Nuevos datos y conclusiones del Barrio Mergelina" , Férvedes. Revista de Investigación, 9: 107-116.
Sarmento, Francisco de Gouveia Martins (1999): Antíqua. Apontamentos de Arqueologia. Guimarães: Sociedade Martins Sarmento.
Villa Álvarez, Joaquín Miguel (2004): La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (1.ª parte: 1912-1928). La presidencia del indiano puertorriqueño Manuel Lomba Peña. A Guarda: Padroado Municipal Monte Santa Trega.
Villa Álvarez, Joaquín Miguel (2014): La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (2.ª parte: 1928-1939). El patronato del Monte Santa Tecla. A Guarda: Padroado Municipal Monte Santa Trega.

Santa Trega na Rede


Portal multimedia Trazas de Pontevedra (Deputación de Pontevedra)
Páxina web do Museo Arqueolóxico de Santa Trega.
Colección de postais turísticas antigas de Santa Trega (1912-1920). "Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. La Guardia (Pontevedra). Objetos Arqueológicos. 15 postales. 2 Ptas.", en Galiciana.
Villa Álvarez, Joaquín Miguel (2012). "Conferencia Centenario da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla", Centenario das “Festas do Monte” (1913 - 2013) - A Guarda (18 de outubro).
Rodríguez Martínez, Rafael María (2024): "Indianos, jesuitas y arqueólogos. 110 años de excavaciones arqueológicas en el yacimiento arqueológico emblemático de Galicia: Santa Trega (A Guarda, Pontevedra)" . Palestra no webminario La investigación arqueológica: del pasado al futuro (14 de xuño de 2024). Instituto del Patrimonio Cultural de España.
Alonso, Luis R. (1929): Un viaje por Galicia. [Documental].
Compartir: