Nesta conferencia, pronunciada por don Ramón Otero Pedrayo na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, o 26 de xullo de 1959, o intelectual ourensán reflexiona sobre as relacións entre Galicia e a cultura europea.
Nós: De onte a hoxe
Non é posible comprender Galicia e a súa cultura sen a xeración Nós e o rico legado que deixou. O Consello da Cultura Galega recolle neste especial contidos producidos pola institución que dan conta da vida, obra e impacto dun grupo de intelectuais que entenderon Galicia como un proxecto integral. O centenario, neste 2020, da fundación da revista Nós, voceiro dese grupo de intelectuais, é un bo motivo para repasar a súa herdanza.Ao longo de 2020 incorporaremos ao especial novos materiais biográficos, documentais e de reflexión ao redor da revista Nós e a xeración que a ideou.
Álbum Nós
O Álbum Nós é unha colección dixital de biografías de persoas vencelladas dunha ou outra forma á revista Nós. Con esta iniciativa de carácter divulgativo, o Consello da Cultura Galega súmase neste ano 2020 ás conmemoracións polo centenario desta histórica cabeceira, un proxecto clave para a dignificación e modernización da cultura galega.-
Apaixonado republicano e comprometido galeguista, mantívose sempre fiel ás súas ideas José María Calviño Mariño naceu o 29 de agosto de 1892 na parroquia de Figueroa, no concello de Cerdedo. Era fillo de José Calviño Cabada e de María Dolores Mariño Beiro. Con pouco máis de dezasete anos, en 1909, emigrou á Arxentina e quizais foi naquel verán, antes de embarcar, cando coñeceu a Sofia Casanova e tivo a oportunidade de asistir á Semana Tráxica de Barcelona. Ao seu regreso, apenas un ano despois, aceptou un traballo como camareiro no Hotel Palace da Coruña, onde servía ás mesas de Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, María Guerrero ou Margarita Xirgú. Mozo inquieto e con vontade de aprender, ao saír de traballar asistía, no Kiosco Alfonso, ao faladoiro que presidía Rof Codina ao que tamén acudían Lustres Ribas e Blanco Torres. Alí trabou amizade con Álvaro Cebreiro e con Antón Villar Ponte e coñeceu ás principais figuras da Xeración Nós -Vicente Risco, Otero Pedrayo- e, segundo afirmaba, mesmo a García Lorca a quen admirou ata o final da súa vida. Asistiu á Asemblea Nacionalista de Monforte os días 18 e 20 de febreiro de 1922 onde parece que, na polémica entre cultura ou política, elixiu a liña defendida por Vicente Risco pois apenas uns meses despois forma parte da Irmandade Nacionalista Galega. Curiosamente, a finais de 1922, o seu nome aparece na delegación do pequeno grupo da cidade da Coruña onde, como é ben sabido, a maioría dos membros das Irmandades tiñan optado pola liña política. A ING da Coruña, encabezada por Antón Villar Ponte, inclúe tamén os nomes de Álvaro Cebreiro, Alfredo Canalejo e o do avogado Xosé Calviño Domínguez. Entre o 18 e o 19 de marzo de 1923, cando se celebra a V Asemblea das Irmandades, desta vez na Coruña, Calviño forma parte dunha minoría obreirista que promove un movemento cara ao proletariado urbano. Xunto a el están Xaime Quintanilla, César Parapar e Ramón Villar Ponte. Nalgún momento dos anos 20 debeu preparar unha oposición á carteiro urbano e conseguir unha praza en Lalín, onde se fai amigo íntimo do administrador de Correos, Antonio López Varela. Nestes anos coñeceu a Esclavitud Moure Moure coa que casa a comezos do mes de novembro de 1928, en Ourense. nunha cerimonia, na igrexa de Santa Eufemia do Norte, oficiada polo líder agrarista Basilio Álvarez, quen, ao rematar, pronunciou un discurso en galego. O padriño de voda foi Vicente Risco e asinaron como testemuñas Ramón Otero Pedrayo e Cuevillas. O matrimonio tivo varios fillos, entre eles María Dolores e Ángeles, afillada de Ramón Otero Pedrayo. Pese á familiaridade que parece unilo ao cenáculo fundador da revista Nós, ata onde sabemos, nunca publicou nela. Cómpre aínda así, deixar constancia de que no número 12 da senlleira publicación, aparecido o 25 de agosto de 1922, o nome de José María Calviño figura na
lista dos socios de número da sociedade Nós
ao lado dos de Pedrayo, Arturo Noguerol, Risco, Castelao, Losada Diéguez, Ramón e Antón Villar Ponte, Leonardo Rodríguez e Francisco Lamas. En 1931, José María Calviño, apoia desde as páxinas de El Pueblo Gallego, nas que colabora con asiduidade como corresponsal de Lalín, o «Manifesto del Comité Organizador de la Agrupación Lalín al servicio de la República», un coidado texto asinado o 15 de abril dese ano polo industrial Alfredo García, o médico Fernando Lalinde del Río, os avogados Manuel Mosquerol e Alfredo García e polo oficial de Correos Andrés Iglesias. Neste explícito texto inclúense unha ducia de postulados entre os que figuran:contribuír á consolidación do réxime republicano
, “esvaecer equívoco de incompatibilidade entre a República e o sentimento relixioso
, defender osprincipios e normas esencialmente favorables aos problemas do agro
e mais o compromiso deespertar o sentimento de personalidade rexional cooperando coas entidades galegas que actúan neste sentido
. Parece pois que Calviño, lonxe xa da Coruña, secunda a adscrición dos irmáns Villar Ponte ás organizacións agraristas. O 23 de xaneiro de 1934, participa na fundación do grupo lalinense do Partido Galeguista. Xunto a el están Manuel Noguerol, Xaime Arias, Xesús Iglesias Surribas, Siro García Guitián, Fernando e Plácido Goianes. Ánxel García, Luís Perez, Luis Villaverde, Salvador García, Celso Carrón, Xosé Otero (Laxeiro). Apenas un ano despois, incorpórase o mestre Xesús Golmar Rodríguez que en 1934 estaba destinado en Vilalba. Apartado de Correos durante a guerra, en xuño de 1940 concédeselle o reingreso tras unha excedencia voluntaria, obtendo destino en Vigo. Moi pronto consegue traslado ao Carballiño onde dedica ás súas forzas ao estudo do patrimonio local e, na medida do posible, a dinamizar a vida cultural da vila. En 1951 aparece á fronte de Ambiente. Órgano semanal de Acción Católica do Carballiño (1951-1954?). Unha coidada publicación que saía os domingos e incluía bastantes artigos en lingua galega e sobre a cultura e o patrimonio da contorna. Aínda que é unha revista de marcado carácter relixioso, en absoluto allea, naturalmente, ás ideas políticas propias do momento, a publicación ofrece certo pluralismo. Mostra do que dicimos é un artigo de Calviño, «Grata noticia. Nuestro idioma en la Universidad»; publicado en 1953, no número 81, no que saúda e loa o emprego do galego en ámbitos formais e cultos. Entre os colaboradores de Ambiente podemos destacar os nomes de Ramón Otero Pedrayo, Fariña Jamardo, José Luís López Cid, Ferro Couselo, Ángel Sevillano, Bautista Álvarez ou Pedret Casado, entre outros moitos. Nestes anos escribe tamén para o xornal ourensán La Región -
Erudito filólogo, bibliógrafo e pedagogo galegoNaceu en Pontedeume o 2 de xuño de 1888. Decidido desde novo á práctica docente, con apenas dezaseis anos abriu un centro educativo de primeiro ensino na súa vila natal. Converteuse pronto nun profesor cultísimo, modesto e serio e non tardou en destacar como investigador infatigable, dono dunha excepcional memoria. En 1906 publica os seus primeiros versos nos xornal El Eco de Puentedeume e na revista bonaerense Nova Galicia, e ese mesmo ano inicia por libre os estudos de Maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela, formación que rematará en 1909 con premio extraordinario. Pouco despois, en novembro de 1910, obtivo o primeiro posto nas oposicións ás escolas do distrito universitario de Compostela e accedeu como auxiliar á Escola Superior Graduada de Lugo, posto que compaxina co exercicio libre do ensino secundario. En 1917 oposita de novo e acada unha praza como inspector de Ensino Primario. Escolle destino en Ourense, onde reside durante máis de vinte anos e onde coñeceu a Elisa Pavón Rodríguez, con quen casaría en xullo de 1920.
Na cidade das Burgas establece amizade con Marcelo Macías, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Vicente Risco e outros membros do cenáculo ourensán. Proba do que dicimos é que en xullo de 1918, no último número de La Centuria, anúnciase un traballo asinado polo intelectual eumés. Neste época consolídase tamén a súa actividade xornalística. Convértese en colaborador asiduo de La Zarpa e Galicia, e en redactor xefe do Diario de Orense. Cos anos, atopamos a súa sinatura en El Norte de Galicia dirixido por Francisco Álvarez de Nóvoa; Vida Gallega, onde publica unha colección de versos baixo o título «Do meu feixe. Miudencias»; El Compostelano, El Correo Gallego, El Pueblo Gallego e La Noche onde dirixiu a páxina «Plumas y letras gallegas» e redactou unha columna de efemérides titulada «Galicia tal día como hoy».
A súa primeira colaboración na revista Nós leva a data do 15 de novembro de 1925. Trátase dos versos «Cantares», unha ducia de cantigas que forman parte da colección de 230 poemas cos que gañara o Certame celebrado en Lugo e que se publicarán ese mesmo ano en Ourense baixo o título Lóstregos. Cantares gallegos, con prólogo en verso, de Francisco Álvarez de Nóvoa. Na senlleira publicación atopamos ademais dous coidados artigos de carácter erudito que levan por título «Sobre o emprego do apóstrofo», aparecido no número 24 da revista, e «De certas adiciós, supresiós, troques y-enlaces de letras», recollido no número 25, correspondente ao 15 de xaneiro de 1926. Nos números 48 (1927) e 50 (1928) atopamos máis versos seus, esta vez baixo o epígrafe «Novos cantares».
En 1926, gaña un certame poético que se celebrara en Ourense para conmemorar o segundo centenario da publicación do Teatro Crítico Universal do Padre Feijoo. O texto premiado titulábase «Galicia». En abril de 1928, forma parte do Seminario de Estudos Galegos e participa na IV Asemblea da institución, celebrada en Pontevedra entre os días 7 e 9 de abril dese ano. Alí le un estudo sobre a ortografía galega coa que procura a creación dunha norma escrita unificada, froito desta intervención publicarase pouco despois, en Ourense, o caderniño Ortografía gallega. Bases para su unificación por Antonio Couceiro Freijomil con un apéndice del profesor Abelardo Moralejo, de la Facultad de Filosofía y Letras de Santiago. Pouco despois, Couceiro afástase dos homes do Seminario e do grupo máis activo culturalmente, parece que por discrepancias con Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey. Entre 1936 e 1939 trasládase a Compostela para traballar no reitorado. Neste mesmo período, foi nomeado colaborador da Oficina Técnica Administrativa de Depuración del Personal de Educación Nacional pero logrou que se lle eximise do desenvolvemento de función tan incómoda. Regresa a Ourense onde exerce ata 1942, nese ano trasládase á Coruña e alí fixa a súa residencia.
O 27 de xullo de 1941 ingresou, xunto a outros dezaoito académicos, na Real Academia Galega a proposta de Manuel Casás Fernández, presidente da institución, Ángel del Castillo e Alejandro Barreiro Noya. Naquela ocasión, o único discurso que se leu foi o de Fermín Bouza-Brey, La mitología del agua en el noroeste hispánico. En 1949 ingresa na sección de Paleografía e Diplomática do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Ao amparo desta institución publicará entre 1951 e 1954 en Bibliófilos Gallegos os tres tomos do seu, aínda hoxe imprescindible, Diccionario bio-bibliográfico de escritores, onde reúne máis de 4000 coidadas e documentadas biobibliografías de autores galegos.
Excelente conferenciante e recoñecido bibliógrafo, a súa biblioteca posuía máis de mil volumes de tema galego, centos de xornais e revistas antigas, e unha importante colección de manuscritos e notas das súas investigacións. Cordero Carrete e Paulino Pedret Casado adquiriron parte importante deste material para o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, onde se custodia na actualidade.
Antonio Couceiro Freijomil faleceu en Compostela o 9 de maio de 1955. ObraLa aceptación del dolor. Conferencia de la serie organizada por la Juventud Antoniana de Lugo, dada en la Escuela de Obreros, bajo la presidencia del Ilmo. Sr. Obispo de la Diócesis, el día 25 de marzo de 1914. Lugo, 1914. Lóstregos. Ourense, 1925. Ortografía gallega. Bases para su unificación / con un apéndice del profesor Abelardo Moralejo, de la Facultad de Filosofía y Letras de Santiag. Ourense, 1929. La Bandera de Galicia. (Colección de artículos que editan varios amigos y admiradores del autor). Ourense, 1930. El idioma gallego. Historia. Gramática. Literatura. Barcelona, 1935. Historia de Puentedeume y su comarca. Santiago de Compostela, 1944. Diccionario bio-bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela, 1951-1954.
BibliografíaVilariño Gómez, G. et al. (1990): Homenaje al polígrafo eumés Don Antonio Couceiro Freijomil en el primer centenario de su nacimiento (1888-1998). A Coruña: Deputación Provincial. Ferreiro, Charo e Inma Pena (coord.) (2005): Simposio sobre Antonio Couceiro Freijomil: actas do congreso realizado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Santiago de Compostela, o día 13 de maio de 2005. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura e Deporte.
-
Profesor, historiador, etnógrafo e antropólogo, impulsou a creación do Museo do Pobo Galego, que dirixiu ata o seu falecemento Antonio Fraguas Fraguas naceu na Insuela, en Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905. Comezou os estudos na escola pública da súa parroquia, e en 1918 pasou a unha escola de pago en Famelga (Aguasantas). Por entón os seus pais pensaron en emigrar co neno ao Brasil, onde xa estivera o pai, canteiro, mais o mestre de Famelga convenceunos para que o rapaz estudase Maxisterio. En xuño de 1919 fai os exames de acceso ao Instituto de Pontevedra, lugar que marcará non só a súa formación académica, senón tamén vital. Nos seis cursos que pasou nese centro tivo entre outros profesores a Antón Losada Diéguez, Castelao, Ramón Sobrino Buhigas, Daniel Fraga Aguilar e Alfredo de la Iglesia. Foi compañeiro de aulas de Sebastián González García-Paz, con quen fundou a Sociedade da Lingua, co obxecto de facer un dicionario do noso idioma. Sendo aínda estudante no instituto, en 1923 participou nun mitin na súa parroquia natal en defensa da candidatura ás eleccións xerais de Manuel Portela Valldares e do cotobadés Joaquín Núñez de Couto, profesor en Ourense. En setembro de 1924 comezou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licencia en xuño de 1928. No curso seguinte xa exerce como profesor no instituto de Santiago de Compostela, o actual IES Arcebispo Xelmírez I. Despois pasou a ser profesor auxiliar na universidade por traslado de Luísa Cuesta Gutiérrez, e en 1933 comezou a dar clase no instituto da Estrada. Foi proposto como socio do Seminario de Estudos Galegos en outubro de 1927. Fixo o seu traballo de investigación de ingreso no castro de Soutolongo, en Lalín, e ingresou no SEG o 5 de novembro de 1928. Semanas despois pasou a ocupar o cargo de bibliotecario da institución, e en novembro de 1932 pasou a facerse cargo da sección de Bibliografía, ao tempo que traballaba na catalogación e clasificación das bibliotecas Arcebispo Lago González e mais América na universidade, ás ordes de José María de Bustamante. A súa primeira colaboración en Nós é no nº 77 (maio de 1930), co extenso artigo «O Entroido nas terras do Sul de Cotobade», preparado para o SEG. No nº 87 (marzo de 1931) reprodúcese o texto «O culto ós mortos», conferencia pronunciada no Ateneo de Vigo. «Do folk-lore de Armeses-Listanco» (nº 96, decembro de 1931), é un texto de carácter etnográfico que inclúe descrición do patrimonio, ditos populares e un cancioneiro. A nai de Antonio Fraguas era de Listanco, onde coñecera o seu home, canteiro da Insuela, cando este fora traballar alí. En maio de 1932 participou nun mitin en Maside xunto con Otero Pedrayo, Castelao, Víctor Casas e mais Eleuterio González Salgado. No nº 108 (decembro de 1932) publica o artigo «As lêndas da Fonte Pormás», situada na Castañeda (Arzúa), lugar ben preto das Terras de Melide que investigou o Seminario de Estudos Galegos. Ademais, no nº 95 (novembro de 1931) comenta tres textos de autores portugueses: o estudo Traje á Vianesa de Cláudio Basto, o artigo O Cerôto de Fernando de Castro Pires de Lima, e sobre o relatorio «Aspecto sanitário da emigração no Minho», de José Gomes de Almeida Crespo. En 1931 asinou o Manifesto de Ezquerda Galeguista. Dous anos despois interveu en varias ocasións nun programa cultural radiofónico na emisora Unión Radio Galicia. En 1932 dirixiu o museo etnográfico do Seminario de Estudos Galegos, con sede en Fonseca, para o cal colaborara na recollida de pezas. Durante a súa estancia na Estrada, a partir de 1933, participou da vida política como secretario xeral do Partido Galeguista da vila. Esta militancia levouno a ser represaliado tras o alzamento nacional. Suspendido de emprego e soldo, viuse ademais obrigado a borrar con sosa cáustica unha pintada a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. Instálase na súa aldea natal, á que continuaba ligado malia vivir en Santiago de Compostela. De feito, o 12 de xullo de 1936 saíra o primeiro -e único- número de La Voz de Cotobad, periódico quincenal que dirixiu o propio Fraguas. Estivo medio fuxido, indo ao monte durante o día. En 1938 monta xunto ao crego Ramón Davila García unha academia en Santiago de Compostela, e é reposto na docencia en 1942, logo de cumprir a suspensión e conseguir avais de boa conduta. Pasou a facerse cargo da biblioteca do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, constituído en 1944 logo do desmantelamento polo réxime franquista do Seminario de Estudos Galegos. En 1948 doutórase na Universidade de Madrid, cunha tese sobre o Colexio de Fonseca. Foi nomeado membro de número da Real Academia Galega en 1951, ocupando a cadeira do finado Castelao. O seu discurso, Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán (As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade), foi respondido polo seu amigo Ramón Otero Pedrayo. Tras varios anos como profesor auxiliar na universidade compostelá, en 1950 aproba a oposición e acada a cátedra de Xeografía e Historia do instituto masculino de Lugo, onde vive anos de felicidade ao sentirse de novo libre. Na cidade das murallas colaborou co Museo Provincial e mais co Museo Diocesano e Catedralicio. En 1959 regresou a Santiago de Compostela para dar clase no IES Rosalía de Castro , onde exercerá até a súa xubilación o 28 de decembro de 1975, ao tempo que continúa de profesor auxiliar na universidade. En 1963 pasou a ser director do Museo de Santiago, que tiña a súa sede no convento de San Domingos de Bonaval, cargo do que dimitiu en 1985. Dirixiu tamén o Museo do Pobo Galego desde a creación do mesmo en 1977 até o seu falecemento. En 1994 legou a este museo a súa biblioteca persoal, de 12 937 libros e folletos, e 399 cabeceiras de publicacións periódicas. Faleceu o 5 de novembro de 1999, e foi soterrado en Boisaca. Tivo numerosos recoñecementos, como o Pedrón de Ouro en 1984, o Premio Trasalba en 1985 e o Premio Otero Pedrayo en 1992. En 1989 foi nomeado fillo adoptivo do concello de Santiago de Compostela, e en 1992 foi nomeado o segundo Cronista Xeral de Galicia, tras o falecemento de Emilio González López. Ao longo da súa vida publicou, ademais de varios libros, máis de 1300 artigos de temática diversa, que apareceron en xornais, revistas, publicacións especializadas, catálogos, pregóns e programas de festa. Nos seus escritos tratou a etnografía, historia, arqueoloxía, xeografía, arte e cultura popular, e foi tamén colaborador na redacción da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. OBRA O culto ós mortos (1931) Geografía de Galicia (1953) Historia del Colegio de Fonseca (1956) La Galicia insólita (1973) Lugo (1974) Manuel Murguía (1979) Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985) El traje gallego (1985) Aquilino Iglesia Alvariño: vida e obra (1986) Romarías e santuarios (1988)
Documentos sonoros do ASG
Escoita conferencias, homenaxes e entrevistas a membros da Xeración Nós.
Publicacións do CCG
Unha selección de publicacións do CCG sobre a Xeración Nós.
Roteiros
Coñece Galicia a través das súas letrasRoteiro Castelao en Pontevedra
Este roteiro percorre a cidade máis querida por Castelao, onde desenvolveu boa parte da súa actividade cultural e política.
Roteiro Castelao no Barbanza
Praias, monumentos, castros e espazos vitais definen este roteiro pola banda sur, a arousá, da comarca do Barbanza, onde Castelao pasou os seus primeiros anos.
RoteiroOtero Pedrayo no rural ourensán
O señor de Trasalba foi un grandísimo coñecedor das súas terras natais, entre o Ribeiro, a Serra Martiñá e os ríos Miño e Barbantiño. Este itinerario permítenos coñecer escenarios de enorme valor histórico e etnográfico vinculados a don Ramón.
RoteiroCarballo Calero
Entre a academia e a creación.















