f Aquilino Iglesia Alvariño | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Aquilino Iglesia Alvariño

Abadín, 1909 - Seivane de Vilarente (Abadín), 1961

Biografía

----

Aquilino Iglesia Alvariño

Abadín, 1909 - Seivane de Vilarente (Abadín), 1961

Autoria: Patricia Arias Chachero

DOI: 10.17075/adg.1985

Poeta culto, de corte clásico, influenciado polo saudosismo e as vangardas



Naceu no seo dunha familia labrega, o 12 de xuño de 1909, no pequeno lugar da Pedrosa, na parroquia de Seivane de Vilarente, non moi lonxe de Abadín. Estudou as primeiras letras na escola da Graña, preto da súa casa, e con catorce anos ingresou no seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, onde nos seguintes oito anos realizaría os nove cursos que lle permitiron recibir ordes menores.
Con apenas dezaseis anos publicou os primeiros versos, e a partir de 1926 colabora asiduamente en diversas publicacións periódicas como el Heraldo de Vilalba, Vallibria ou Vida Gallega. En Mondoñedo, onde recibe unha sólida formación, traba amizade cos mozos Álvaro Cunqueiro e Xosé María Díaz Castro, e asiste aos faladoiros que organiza Manuel Ledo Bermúdez, o Pallarego, aos que tamén acoden Trapero Pardo, Díaz Jácome e Lence-Santar. En 1927 asume a praza de profesor da escola da Graña de Vilarente, onde o noso poeta estudara sendo neno, e coñece a outra das grandes voces poéticas de Mondoñedo, Antonio Noriega Varela. A amizade e o trato fraternal co poeta da Montaña levarán a Iglesia Alvariño á casa de Ramón Otero Pedrayo, en Trasalba, onde Noriega exercera como mestre antes de instalarse na Graña.
Lector impenitente, con vinte e un anos publica o seu primeiro poemario, Señardá (1930), influenciado polo saudosismo portugués e a obra de Noriega Varela, custeado por Ledo Bermúdez e distribuído por Álvaro Cunqueiro. Reúne unha colección de cincuenta sonetos formalmente moi coidados nos que se transmite certa visión pesimista da vida.
En 1931 Aquilino deixa o seminario para facer o servizo militar en Ferrol. Alí cadra co mozo Ricardo Carballo Calero, que o convence para que pronuncie unha conferencia no Centro Obreiro de Cultura. O texto, titulado «Noriega Varela, poeta da Montaña», publicouse no número 110 da revista Nós. Antes Iglesia Alvariño publicara os poemas «No berce negro da noite» (15-III-1931), «In angore gaudium…» (25-VII-1931), «Meu corazón…» (15-III-1932), «Corazón ó vento» (15-IX-1932). Despois, asinará os versos «Poema» (13-IX-1933), «Cando teña 300 anos de alén» (13-I-1934), «Estuario interior» (X-1934) e «Na outa terra de estrelas» (VII-XII-1935); e as recensións sobre dous poemarios: O silenzo axionllado de Carballo Calero (X-1934) e Triángulo isósceles de Francisco de Fientosa (I-1935).
Rematado o servizo militar en 1933, e decidido a abandonar o seminario, instálase en Santiago de Compostela onde comeza traballando para Ánxel Casal como corrector da editorial Nós. Pouco despois, en setembro do 32, acepta a dirección de A Nosa Terra, xornal no que el mesmo colabora. Nestes anos ingresa no Partido Galeguista e na Federación de Mocedades Galeguistas. Como galeguista de corte cultural, na III Asemblea do Partido oponse ao pacto coas forzas políticas españolas e a partir do ano seguinte mantense dentro do PG defendendo posturas semellantes ás de Otero Pedrayo.
En xuño de 1933 deixa a dirección de A Nosa Terra e acepta, grazas á mediación do seu amigo Francisco Fernández del Riego, un posto no colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa, propiedade doutro membro do PG, Xosé Núñez Búa. O mozo, que acababa de publicar o seu segundo libro de poemas, Corazón ao vento (1933), afronta con entusiasmo as clases de Latín e Literatura Española nas que substitúe outro vello amigo seu, Xosé Crecente Vega. Este entusiasmo nótase tamén na súa poesía, menos desesperanzada e máis vitalista.
Acabado de chegar a Vilagarcía, participa activamente na vida cultural da vila e publica Nenia. Elexías verdadeiras de Antón Villar Ponte, Manuel Antonio, Luís Amado Carballo e un pequeno caderno con traducións dos seus alumnos do colexio, La canción del siglo. Residirá nesta vila do Salnés durante case quince anos, alí casará e alí nacerán os seus tres fillos. Alí vive tamén o inicio da Guerra Civil e, tras o exilio de Núñez Búa, merca o colexio León XIII xunto a Jesús Garrido, antigo secretario do PG vilagarcián.
Nos difíciles anos da posguerra o colexio sérvelle a Iglesia Alvariño para ofrecer un posto de traballo a algúns dos seus coñecidos antes da guerra, moitos deles represaliados e, a maioría, simpatizantes do ideario galeguista. Referímonos, por exemplo, a Xosé M.ª Díaz Castro, Celestino Noya, presidente da Deputación de Lugo en 1936, e mesmo a Francisco Lamas, alcalde republicano de Lugo, amigo persoal de Lorca, que tras ser liberado do terrible cárcere de San Cristóbal de Pamplona se instala en Vilagarcía.
Fóra das aulas o poeta participa en faladoiros cos seus amigos, entre os que figuran o enxeñeiro inglés Charles Lessner, afillado de Marx, Mariví Villaverde e Ramón de Valenzuela, o pintor Pesqueira e Severino González Lazán, propietario dunha pequena libraría en Vilagarcía, a Celta. Na trastenda deste lugar e aproveitando talvez as vellas máquinas do xornal agrarista Galicia Nueva, que ocupara aquel mesmo local antes da guerra, imprimiuse en 1947 Cómaros verdes, o primeiro poemario galego relevante tras o violento silencio imposto pola Guerra Civil.
En xaneiro de 1949, tras aprobar as oposicións que o convertían en catedrático de Latín, Aquilino abandona Vilagarcía de Arousa. Instálase durante uns meses en Lugo e moi pouco despois en Pontevedra, onde residirá ata 1954. Alí colabora con Celso Emilio Ferreiro na posta en marcha da colección Benito Soto. Hoxe sabemos que foi el quen se ocupou da publicación de catro dos volumes: o de Cunqueiro, amigo da infancia, o de Carballo, amigo desde os tempos do servizo militar, o de Manuel María a quen coñece en Lugo cando este aínda é estudante, e o de Luis Pimentel a quen tamén trata en Lugo. O traballo destes anos confirma a Iglesia Alvariño como un dos autores que máis traballou a prol da recuperación da nosa lingua tras o alzamento militar do 36.
O 16 de abril de 1949 ingresa na RAG con «A lingua dos poetas de Lugo», un discurso que responde Otero Pedrayo. Ese mesmo ano preséntase ao concurso de tradución que organiza Bibliófilos Gallegos cunha tradución dos Carmina de Horacio. Gañan o certame Celestino de la Vega e Ramón Piñeiro coa tradución do Cancioeiro da poesía céltica de Julius Pokorny, o que provoca malestar no poeta de Seivane, que entende que non foi unha tradución directa, como pedían as bases, senón que Celestino traducira do alemán ao castelán e Piñeiro do castelán ao galego.
Instalado en Compostela, inicia un período de moito traballo e intenso estudo. Mentres prepara a súa tese de licenciatura, colabora co Instituto Padre Sarmiento e segue elaborando e ordenando as papeletas dun dicionario ao que leva dedicados moitos anos. En 1960, publica De día a día (1960) e un ano despois, Lanza de soledá. Ademais, en 1961, aparecen na editorial Galaxia, o poemario Nenias (1961) e A comedia da oliña, unha tradución da coñecida obra de Plauto.
Aquilino Iglesia Alvariño morreu repentinamente o 29 de xullo de 1961.


  • Referencias

    • OBRA

      • Poesía

        • Señardá (1930)
        • Corazón ao vento (1933)
        • Contra el ángel y la noche (1941)
        • Cómaros verdes (1947)
        • De día a día (1960)
        • Nenias (1961)
        • Lanza de soledá (1961)
        • Leva o seu cantare (1964)



      • Traducións

        • Horacio, Carmina (1951)
        • Plauto, A comedia da oliña (1962)



      • Ensaios

        • Noriega Varela, poeta da montaña (1969)
        • A lengua dos poetas do Norte de Lugo (1964)





    • BIBLIOGRAFÍA

      • Arias Chachero, Patricia (2019): «A aventura de editar na posguerra e dalgunhas relacións de Aquilino Iglesia Alvariño cos homes da Benito Soto», Boletín da Real Academia Galega. A Coruña, nº 380, pp. 261-276.
      • Iglesia Alvariño, Aquilino (2011): Poemas castellanos 1936-1937; Lejana voz; Otros poemas. Seivane (Abadín): A Pedrosa. (Ed. non venal co gallo do cincoentenario do finamento do autor e en homenaxe á súa muller, Dolores Ferreirós Santos).
      • Rodríguez, Luciano (2009): O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
      • González Garcés, Miguel Ángel (1986): «Introducción», en Escolma de poemas de Aquilino Iglesia Alvariño. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, pp. 7-38.






Como citar: Arias Chachero, Patricia : Aquilino Iglesia Alvariño. Recuperado o 29/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1985

Obra de Aquilino Iglesia Alvariño

Artigo «Algo se lee. Libros de Galicia en 1955»

Artigo escrito por Aquilino Iglesia Alvariño, apareceu a páxina completa o 6 de xaneiro de 1956 en La Noche. Vai ilustrado con oito retratos, a maioría fotografías, outros debuxados ou pintados.

Fonte: La Noche vía Galiciana
Artigo «Las ferias de San Lucas»
Fonte: La Noche vía Galiciana
Recensión de A. Iglesia Alvariño sobre Crecente Vega

(...) En un cajón de la mesa en que estoy escribiendo hay algunas cartas y algunos versos no publicados de Crecente Vega que un día se publicarán.
Hoy sólo cabe este recuerdo del Poeta del Miño, allá en la Tierra Llana, donde los alisos se están vistiendo para una nueva primavera en el mismo silencio en que él se nos fué.

Artigo «Aquel poeta de “Codeseira”», aparecido en El Pueblo Gallego o 13 de abril de 1948

Fonte: El Pueblo Gallego vía Galiciana
Artigo «Dies festum»

Artigo aparecido en El Pueblo Gallego o 25 de xullo de 1933

Fonte: El Pueblo Gallego vía Galiciana

Ligazóns de interese

Aquilino Iglesia Alvariño. Letras galegas 1986 (TVG)

Vídeo do programa Letra a letra da TVG

Procedente do Álbum Nós

Videos


Lembrando a Aquilino Iglesias Alvariño Cómaros verdes
Procede do Álbum Nós

Artigos Aquilino Iglesia Alvariño

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Aquilino Iglesia Alvariño nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (7/1949) Galicia cada treinta días. Galicia [Bs As 1926]. (436), 14 .
Mencións: Camilo José Cela ; Aquilino Iglesia Alvariño ; Adolfo Torrado ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1959) Un diccionario gallego. Galicia [Bs As 1926]. (506), 15.
Mencións: Leandro Carré ; Aquilino Iglesia Alvariño ; Eladio Rodríguez González ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1960) Guía de escritores lucenses. Galicia [Bs As 1926]. (512), 17 .
Mencións: Daniel Cortezón ; Álvaro Cunqueiro ; Celestino Fernández de la Vega ; Manuel María ; Ánxel Fole ; Aquilino Iglesia Alvariño ; Uxío Novoneyra ; Nicomedes Pastor-Díaz ; Luís Peña ; Ramón Piñeiro ; Luz Pozo Garza ; Juan Rof Carballo ; Lois Tobío Fernández ; Luís Pimentel ; Antón Villar Ponte ;

Libros do ccg sobre Aquilino Iglesia Alvariño

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Aquilino Iglesia Alvariño nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde no día da súa Primeira Comuñón.
7 de setembro, 1960
2017 | Afonso Vázquez-Monxardín, Edición. Patricia Arias Chachero, Edición.
Libro
Coroación poética de Ramón Cabanillas.
1999 | Aquilino Iglesia Alvariño, Autoría. Ramón Nicolás, Limiar. Ramón Otero Pedrayo, Autoría. Paulino Pedret Casado, Autoría. Afonso Vázquez-Monxardín, Transcrición. Antonio Fernández Salgado, Transcrición.
Libro-audio