Nós: De onte a hoxe

Nós: De onte a hoxe

Non é posible comprender Galicia e a súa cultura sen a xeración Nós e o rico legado que deixou. O Consello da Cultura Galega recolle neste especial contidos producidos pola institución que dan conta da vida, obra e impacto dun grupo de intelectuais que entenderon Galicia como un proxecto integral. O centenario, neste 2020, da fundación da revista Nós, voceiro dese grupo de intelectuais, é un bo motivo para repasar a súa herdanza.

Ao longo de 2020 incorporaremos ao especial novos materiais biográficos, documentais e de reflexión ao redor da revista Nós e a xeración que a ideou.

Álbum Nós

O Álbum Nós é unha colección dixital de biografías de persoas vencelladas dunha ou outra forma á revista Nós. Con esta iniciativa de carácter divulgativo, o Consello da Cultura Galega súmase neste ano 2020 ás conmemoracións polo centenario desta histórica cabeceira, un proxecto clave para a dignificación e modernización da cultura galega.

Ver Álbum Nós

  • Cándido Fernández Mazas

    Artista multifacético, Cándido Fernández Mazas foi un dos ilustradores máis anovadores da revista Nós O culto e multifacético artista que foi Cándido Fernández Mazas naceu en Ourense o día 17 de decembro de 1902 e faleceu prematuramente, cando inda non cumprira os 40 anos, o 15 de novembro de 1942 en Pedrouzos (Castro Caldelas). Fernández Mazas, como Maruja Mallo, Colmeiro, Álvaro Cebreiro ou Arturo Souto, forma parte da coidada e prestixiosa nómina de artistas mozos que renovan con entusiasmo e acerto a arte galega de comezos do XX. As súas ilustracións, de trazos sinxelos e definitivos, encheron centos de páxinas das nosas publicacións desde comezos dos anos 20. Autodidacta e lector infatigable, sendo aínda un neno pero xa un destacado debuxante, comezou a estudar arte con profesores particulares en Ourense, onde moi pronto entendeu que as técnicas e a pintura tradicional debían ser superadas. Na mocidade, trabou amizade con Eugenio Montes e cos irmáns De las Casas, especialmente con Augusto, dos que sempre se gabaría de ser amigo. En Ourense coñece ademais a Xavier Bóveda, Francisco Luís Bernárdez, Jacinto Santiago, Afonso Monxardín e outros intelectuais anovadores e con inquietudes modernizadoras. Con apenas vinte anos publica as súas primeiras colaboracións no Diario de Galicia, en El Pueblo Gallego e, en 1923, na vangardista revista Alfar. Pouco antes, en 1922, dous anos despois de que aparecese o primeiro número da revista Nós, realiza un par de ilustracións para a revista que dirixía Vicente Risco onde, co tempo, inclúe un par de textos líricos: «30 F», introducido por uns versos de Rimbaud, o 26 de xullo de 1926, e «Gorigori do tempo» o 25 de xullo de 1930. Máis tarde, colabora con El Pueblo Gallego, co xornal agrarista La Zarpa, e con outras publicacións como a Gaceta de Galicia ou La República, que dirixía o seu amigo Jacinto Santiago. Desprendido e de trazo fácil, asinou obras baixo os pseudónimos de “Dichi”, “Fer-mazas” e “Xohán Rafael”, e ilustrou os libros de moitos dos seus amigos como a colección de contos que se abre con O vello mariñeiro toma o sol (1922) de Eugenio Montes, La luna, el alma y la amada (1922) de Xavier Bóveda, Kirdegarten (1923) de Francisco Luís Bernárdez ou IV melodía. Desfíe de campesiñada galega (1935), de García Paz. A finais de 1924 a Deputación de Ourense concédelle unha bolsa de estudos que lle permitirá ao ano seguinte instalarse en París durante varios meses. Na capital francesa comparte estudio co pintor Cossío, entra en contacto cos movementos vangardistas que cobraban forza naqueles anos e ten a oportunidade de tratar a figuras tan relevantes do momento como Tristan Tzara ou Miguel de Unamuno. A viaxe modificará definitivamente a súa concepción da arte e a súa forma de pintar. De regreso a Ourense funda co seu amigo Augusto M.ª Casas, a efémera editorial Galaxia, que só publicará dous coidados volumes. Ao ano seguinte, 1927, unha nova bolsa permítelle instalarse de novo na capital francesa, onde coñece os surrealistas e continúa aprendendo sobre arte. En 1930 comeza a pasar longas temporadas en Madrid, onde cadra con Fernández Mazas e onde ambos asisten ás famosas tertulias de La Granja del Henar e Pombo. Por aqueles anos coñece á actriz Martarita Xirgú, quen o marca profundamente e a quen dedica o único libro que publicou en vida, Santa Margori (1930), unha anovadora peza teatral. O éxito desta obra desencadea unha homenaxe pública que se celebra no Hotel Miño de Ourense, o venres 27 de xuño dese mesmo ano. Nesta ocasión loan publicamente o traballo do mozo vangardista Ramón Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas, Luís Fábregas ou Jacinto Santiago. Coa chegada da República apoia publicamente o ideario republicano e participa en diversos actos nos que se defende con entusiasmo o Estatuto. No verán de 1933 colabora coa Misión Pedagóxica que dirixía Rafael Dieste e da que formaban parte Otero Espasandín, Ramon Gaya e Sánchez Barbudo. Con eles viaxa pola costa galega, deseñando carteis e escenarios de obras teatrais, realizando lecturas dramatizadas e monicreques para as obras. En setembro dese mesmo ano organiza exposicións da súa obra na Coruña e Santiago. Sensible e inconformista, procura sen descanso un ideal de beleza afastado do barroquismo e centrado no esencial. Antes da guerra, en 1934, participa como intelixente crítico de arte en P.A.N. (Paseantes, Andantes y Navegantes), a revista que dirixía Otero Espasandín, onde cadra cos irmáns Dieste e con Alberto Fernández Mezquita entre outros. Durante a contenda, exerceu como topógrafo e demostrou, unha vez máis, a súa habilidade como debuxante. Nestes anos colaborou na publicación anarquista Umbral e en El Combatiente Rojo do Partido Obrero de Unificación Marxista, que dirixía o seu amigo Eugenio F. Granell. Antes de rematar a guerra desertou, detivérono e pasou cinco meses no cárcere de Valencia, de onde o sacou o seu pai, militar no bando nacional. Regresou a Ourense, á casa familiar en Castro Caldelas, onde viviu retirado e faleceu pouco tempo despois. Segundo diversos testemuños deixou títulos inéditos como a novela Terras de señorío e o poemario Aleteia. Moitos anos despois da súa morte, en 1976, o seu irmán Armando comezou a recuperar a súa memoria. Sería a partir de entón cando se comezou a publicar parte da obra que deixara inédita, entre ela, a obra teatral Los cuernos disparatados, escrita un ano despois que Santa Margorí, postumamente publicada por Ediciós do Castro, xunto a un texto incompleto, La leyenda de don Juan. Comedia del 40, escrita en 1932.

    • Referencias
      • OBRA
        • Santa Margorí. Parábola en tres escenarios (1930)
        • Santa Margorí. Los cuernos disparatados (1981)
      • BIBLIOGRAFÍA
        • Fundación Caixagalicia (2002): Cándido Fernández Mazas. Vangarda, militancia e esquecemento 1902-1942. A Coruña: Caixa Galicia.

  • Ramón Cabanillas

    Ramón Cabanillas Enríquez, coñecido coma o "poeta da raza", é un dos autores máis relevantes da literatura galega da primeira metade do século XX Naceu no barrio de Fefiñáns o 3 de xuño de 1876. Comezou os estudos eclesiásticos en Santiago de Compostela, no seminario de San Martiño Pinario, onde permaneceu entre 1889 e 1893. Traballou como funcionario no seu concello natal, ao tempo que dirixiu o quincenal El Umia (1907) e o decenal El Cometa (1910), ambos de tendencia anticaciquil. Entre setembro de 1910 e xuño de 1915 estivo emigrado en Cuba. Alí abrazou a causa do galeguismo, especialmente da man de Basilio Álvarez, con quen se posicionou a favor do agrarismo, e de Xosé Fontenla Leal, un dos promotores da Real Academia Galega, quen o animou a que escribise en lingua galega. En Cuba publicou as súas primeiras obras: xa en 1910 o poema «Lonxe» na revista Suevia, e despois os libros No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). De volta a Galicia, traballou como secretario no concello de Mos, Moaña, Cuntis e Redondela. En 1917 publicou Da terra asoballada, que continúa a poesía social dos seus primeiros volumes, pero xa vai aparecendo Galicia como suxeito colectivo. Implicouse no proxecto das Irmandades da Fala e colaborando de forma habitual no periódico A Nosa Terra. Participa nas tres primeiras Asembleas Nacionalistas de Lugo (1918), Santiago de Compostela (1919) e Vigo (1921). Nesta última é designado xunto con Vicente Risco, Xohán Vicente Viqueira e mais Antón Villar Ponte como encargados dun relatorio para a uniformidade no idioma. Porén, non asiste á Cuarta Asemblea (Monforte, 1922) tras a ruptura das Irmandades e o seu posicionamento a carón do galeguismo máis conservador de Vicente Risco. Antón Villar Ponte, implicado na posta en valor dun teatro galego moderno, encargoulle dúas obras. O 22 de abril de 1919 o Conservatorio Nacional da Arte Galega estreou na Coruña A man da Santiña, unha comedia amorosa protagonizada por personaxes fidalgos. En 1920 Cabanillas rematou O mariscal, publicado en 1926, baseada na vida de Pedro Pardo de Cela. O 31 de agosto de 1920 ingresou como membro de número da Real Academia Galega, a proposta de Francisco Tettamancy y Gastón, Florencio Vaamonde Lores e Eladio Rodríguez González. O seu discurso «A saudade nos poetas galegos» foi respondido polo propio Eladio Rodríguez. En 1927 foi elixido, xunto con Armando Cotarelo Valledor, membro da Real Academia Española como representantes das letras galegas. Ingresou en 1929 cun discurso sobre Eduardo Pondal. Entre 1921 e 1924 viviu en Madrid, onde foi correspondente do periódico ourensán La Zarpa. En 1924 comezou a traballar como administrador no balneario de Mondariz, propiedade de Enrique Peinador, quen custeara varias das publicacións do escritor cambadés. Nesta etapa seguiu escribindo: de 1926 é o poemario Na noite estrelecida, con presenza de elementos do ciclo artúrico, de 1927 é A rosa de cen follas, onde recupera o seu lirismo intimista. Ramón Cabanillas publicou nove escritos na revista Nós, case todo textos poéticos. No número 8 (decembro de 1921, dedicado por completo a Irlanda) publícase un poema seu ao país irmán, e no número 18 (xullo de 1923) aparece un soneto adicado ao apóstolo Santiago. Nos números 20 (agosto 1925) e 25 (xaneiro de 1926) publica dous longos poemas, «As pombas do perdón» e «A espada Escalibor». No número 42 (xuño de 1927) aparece un texto lido dous meses antes no Seminario de Estudos Galegos: «As romaxes de Nosa Señora da Franqueira», onde conta a súa experiencia como peregrino ofrecido. No número 81 da revista Nós (setembro de 1930) publica un poema, lido no banquete que se celebrara na Barxa o 25 de xullo dese ano. Poemas seus aparecen tamén abrindo os números 88 («Xoquín», abril de 1931), 90 («O relembro do clan», xuño de 1931) e 91 («Romances da frebe», xullo de 1931). Esa foi a súa derradeira colaboración coa publicación. Foi por entón, pouco despois da chegada da Segunda República Española, cando rompeu co galeguismo. Apoiou, ao igual ca Basilio Álvarez, os diversos gobernos presididos por Alejandro Lerroux. Cando tivo lugar o alzamento nacional de 1936 estaba en Madrid. Desde alí trasladouse a Valencia, onde retomou o contacto con Castelao, mais en 1937 regresou a Cambados. Xa con sesenta e un anos, cun fillo falanxista e outro republicano, traballou como secretario interino en diversos concellos, como Meis, Silleda, Dozón ou Moaña, e recibiu diversas denuncias polo seu pasado galeguista. En xaneiro de 1944 estreouse en Cambados o seu poema dramático A ofrenda ás fadas no portal de Belén. Logo duns anos de silencio, retoma o activismo coa publicación de diversas obras, inaugurando respectivamente os catálogos de Bibliófilos Gallegos con Camiños no tempo e de editorial Galaxia coa antoloxía Antífona da Cantiga. En 1954 publicou Da miña zanfona na colección Xistral, e aínda publicaría outros dous libros antes do seu falecemento, o 9 de novembro de 1959. Nese mesmo ano vería a luz en Bos Aires a súa obra completa. OBRA Poesía No desterro (1913) Vento mareiro (1915) Da terra asoballada (1917) O cabaleiro do Sant Grial (1922) Estoria do bendito San Amaro que foi chamado no mundo o Cabaleiro de Arentéi (1925) Na noite estrelecida (1926) A rosa de cen follas (1927) Camiños no tempo (1949) Antífona da cantiga (1951) Da miña zanfona (1954) Versos de alleas terras e tempos idos (1955) Samos (1958) Teatro A man de Santiña (1921) O mariscal (1926)

  • Álvaro de las Casas

    Polémico intelectual e escritor, Álvaro de las Casas foi o fundador da organización xuvenil Galeguista UltreyaNaceu en Ourense o 2 de xullo de 1901. Era irmán do poeta Augusto M.ª Casas, fillos ambos de Antonia Blanco Nieto e do avogado José Casas González. En 1910 iniciou os seus estudos no instituto de Ourense onde coincidirá con profesores como Losada Diéguez, Joaquín Núñez de Couto e Marcelo Macías. Ao rematar o ensino medio, matricúlase na Facultade de Filosofía e Letras de Valladolid, onde pronto comeza a súa actividade xornalística, asinando textos no Heraldo de Madrid, en Vida Gallega e no Diario de Ourense, entre outros. Licenciado con Premio Extraordinario, imparte sen soldo, entre o outono de 1921 e a primavera de 1922, a materia de Historia de España Antiga na mesma facultade onde estudara. En marzo dese mesmo ano, redacta para o Diario Regional de Valladolid, unha serie de artigos sobre a guerra de Marrocos na que participa como oficial voluntario.
    A finais de 1922 instálase en Madrid coa vontade de doutorarse. Comeza entón un período de grande actividade pública que o levará a relacionarse co máis selecto da aristocracia española e mesmo con parte da familia real. Católico convencido, monárquico e ben relacionado asume, en 1928, a dirección da Biblioteca de Estudios Gallegos que acaba de poñer a andar a Compañía Ibero-Americana de Publicaciones. Inspirándose na Biblioteca Gallega de Martínez Salazar, imprentarán traballos ben documentados, en español, sobre Galicia e a súa realidade. As Irmandades da Fala apoian a colección acabada de crear e De las Casas reforza ou retoma o contacto cos intelectuais galeguistas; Cuevillas, Risco e Otero, entre eles. A primeira obra que publica a citada biblioteca será Antología de la lírica gallega do propio De las Casas; a seguir, aparecerán Paisajes y problemas geográficos de Galicia, de Otero Pedrayo, La literatura medioeval en Galicia de José Mouriño, Aportaciones a la historia de Galicia de Marcelo Macías e Índice de utopías gallegas, de Correa Calderón.
    Os anos na capital cadran tamén cun intenso traballo a prol da lingua e da cultura portuguesas e coas primeiras colaboracións na prensa galeguista. En agosto de 1925 aparece «Penedos» o seu primeiro poema en A Nosa Terra e, en decembro dese mesmo ano, «Chorai, chorai o pe d´a Dolorosa» na revista Nós; na que colaborará até 1933 con achegas de diferente temática, tanto en prosa como en verso. Na altura aparecen tamén as súas primeiras novelas curtas en galego; O xardín do castelo de Vidre (1926) e Ladaíña (1927), ambas na colección Lar, con portada de Camilo Díaz Baliño.
    Pouco despois, en 1928, aproba as oposicións que o converten en catedrático de Xeografía e Historia. O seu primeiro destino, no instituto de Fregenal de la Sierra (Badaxoz), onde exercerá durante dous cursos (1928-1930), daralle a oportunidade de poñer a andar o xerme do que máis adiante será un proxecto educativo baseado na experimentación e na interacción coa contorna.
    O 5 de maio de 1929 ingresa no Seminario de Estudos Galegos e, nesa mesma época, abandeira en Ourense a campaña que procura a creación dun museo etnográfico, dun museo de arte moderna e dunha gran biblioteca. A súa integración no galeguismo político será paulatina pero tallante. A esta circunstancia contribuirá, non pouco, o seu traslado, en outono de 1930, ao instituto de Noia. O ano da súa incorporación laboral en Galicia, nace Alaúda, iniciativa editorial que parece continuar o labor de Galaxia, creada en Ourense en 1926 polo seu irmán Augusto M.ª e por Fernández Mazas. O novo selo editorial publica un total de seis volumes, dous de Otero Pedrayo –Morte e resurrección e O mesón dos ermos- e catro do propio Álvaro de las Casas. Entre eles, Sulco e vento (1931) o seu primeiro poemario en galego que reúne unha trintena de composicións, e Xornadas de Bastián Albor, especie de diario dun fidalgo, ambientado nos meses que preceden á II República.
    O seu labor literario na nosa lingua complétase cunha colección de pezas teatrais, redactadas con vontade propagandística para dar a coñecer a ideoloxía galeguista. A este grupo debemos adscribir A morte de lord Stuler (1929), un drama poético ambientado na Galicia do século XIV, Pancho de Rábade (1930) que aborda o tema da saudade e a desgaleguización, Matria (1935) poema patriótico en dous actos, Rechouchío (1936) e a comedia didáctica, Mitin (1936).
    A actividade nos anos que seguen será intensa. Participa no xantar da Barxa, forma parte da primeira directiva da Asociación de Escritores Galegos (1930), asina, en Compostela, o manifesto nacionalista e republicano «Ezquerda galeguista fálalle ó país» (14-VI-1931) e ingresa no Partido Galeguista no mesmo ano da súa fundación (decembro de 1931). A militancia non dura. Apenas un par de anos despois, dáse de baixa pois considera que a organización é pouco arredista e crea Vanguarda Nazonalista Galega (1933). O 3 de marzo do 33, convidado pola FUE, pronuncia no paraninfo da Universidade de Santiago o polémico discurso «Verbas aos mozos galegos. O momento universitario» que lle valerá un expediente administrativo que será, finalmente, sobresido.
    Pouco antes, en febreiro de 1932, fundara en Noia a organización xuvenil galeguista Ultreya. Un proxecto para formar mozos galeguistas que non tardaría en espallarse por toda Galicia. Apenas unhas semanas despois da súa fundación, formaban parte da organización uns 800 rapaces de entre 12 e 18 anos. Comezan entón as excursións por toda Galicia coa vontade de dar a coñecer e estudar a realidade da terra. De entre estas “xeiras”, probablemente a mais sonada fose o cruceiro polas Rías Baixas que os ultreyas realizaron entre o 1 e o 14 de xullo de 1932, do que se dá oportuna conta na revista Nós.
    En 1934, Álvaro de las Casas funda e dirixe Alento. Boletín de Estudos Políticos que desaparecería apenas un ano despois, en xuño de 1935, tras publicar un total de doce números, e colabora en El Pueblo Gallego e en Ser. Semanario gallego de izquierdas que dirixía Suárez Picallo.
    O alzamento de 1936 sorpréndeo en Noia e deseguido marcha a Portugal onde ten amigos que o protexen. Destituído como docente o 11 de agosto dese mesmo ano, a mediados de outubro participa en Porto nun acto anticomunista. Poucos días despois entrevístano na prensa e lembra, entre eloxios, a figura de José Antonio Primo de Rivera, mudando radicalmente o ideario defendido entre 1931 e 1935. En outubro de 1936 reedita, sensiblemente modificado e ampliado, Sulco e vento. Antes de rematar a Guerra trasládase a Bos Aires onde fundará con Mariano Medina del Río a editorial EMECÉ -eme de Medina e ce de Casas-. Dedica a súa vida a cursos, conferencias e viaxes. En xaneiro de 1950 pronuncia a súa derradeira conferencia, titulada «Esencia, presencia e potencia de España» e ditada en Brasil, país desde o que regresará a España. Faleceu en Barcelona, onde o recibira o seu irmán Augusto María, ao pouco de chegar, o 8 de marzo de 1950.
    Obra en galego

    Ensaio Verbas aos Mozos Galegos (1933) A Illa de Ons (1935)
    Poesía Sulco e vento (1931) Escolma de cantigas (1934)
    Prosa Ladaíña (1927) Xornadas de Sebastián Albor (1931) Na labareda dos trópicos (1939)
    Teatro O Xardín do Castelo de Vidre (1926) A Morte de Lord Sataüler (1929) Pancho de Rábade. Vía Crucis en Seis Estaciós (1930) Tres conversas: O Tolo da Lastra, A Gavilla, Dente de Ouro (1930) O Outro (1930) Mátria (1935) Teatro dos Nenos (1936) Rechouchío (1936) Mitin (1936)

    Bibliografía

    Alonso Montero, Xesús (2003): «Sobre o escritor Álvaro de las Casas: o seu estraño exilio no 36 e a silenciada segunda edición do libro de poemas Sulco e vento (1931; 1936)», Madrid, Madrygal, n.º 6, pp. 7-20. Cuquejo Enríquez, María (2004): «Limiar», en Sulco e Vento. A Coruña: Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Diéguez Cequiel, Uxío B. (2003): Álvaro de las Casas. Biografía e documentos. Vigo: Galaxia. Otero Pedrayo, Ramón (1997): O libro dos amigos. Vigo: Galaxia; pp.203-206.

Documentos sonoros do ASG


Escoita conferencias, homenaxes e entrevistas a membros da Xeración Nós.

Publicacións do CCG


Unha selección de publicacións do CCG sobre a Xeración Nós.

Roteiros

Coñece Galicia a través das súas letras
Castelao en Pontevedra

Roteiro Castelao en Pontevedra

Este roteiro percorre a cidade máis querida por Castelao, onde desenvolveu boa parte da súa actividade cultural e política.

Castelao no Barbanza

Roteiro Castelao no Barbanza

Praias, monumentos, castros e espazos vitais definen este roteiro pola banda sur, a arousá, da comarca do Barbanza, onde Castelao pasou os seus primeiros anos.

Otero Pedrayo no rural ourensán

RoteiroOtero Pedrayo no rural ourensán

O señor de Trasalba foi un grandísimo coñecedor das súas terras natais, entre o Ribeiro, a Serra Martiñá e os ríos Miño e Barbantiño. Este itinerario permítenos coñecer escenarios de enorme valor histórico e etnográfico vinculados a don Ramón.

Carballo Calero, entre a academia e a creación

RoteiroCarballo Calero

Entre a academia e a creación.