A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Ana Iglesias Álvarez

Ana Iglesias Álvarez é Doutora en Filoloxía (2002) e licenciada con grao en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, pola Universidade de Santiago de Compostela.

Compaxina o labor como docente en secundaria e, ata hai uns meses, como profesora asociada na Universidade de Vigo, coa investigación no campo da Sociolingüística. Resultado deste labor son varios artigos publicados en revistas especializadas, como Verba, Cadernos de Lingua ou Estudios de Sociolingüística, así como a participación en diversos Congresos, de carácter nacional e internacional, e o libro publicado por Eds. Xerais, na colección Universitaria, baixo o título Falar galego: “no veo por qué”.

Nº1: outubro-decembro 2012

Ana Iglesias Álvarez
Actitudes e prexuízos lingüísticos en Galicia. A súa influencia nos usos

Tras unha aproximación teórica aos conceptos de actitudes e prexuízos lingüísticos, a autora analiza a súa presenza na nosa comunidade a partir dos datos achegados polo Volume III do Mapa Sociolingüístico de Galicia, publicado en 1996. O estudo dos prexuízos cara á lingua galega e os seus falantes, así como cara ao proceso de normalización e a reflexión sobre o peso destes na elección lingüística, reflicten que as actitudes respecto ao galego non son tan boas como se esperaban. Seguir traballando coas actitudes, pero tamén traballar a competencia lingüística e a presenza do galego en ámbitos asociados á modernidade e ao progreso son as propostas da autora para poder mellorar.


Versión en PDF


 

  1. INTRODUCIÓN

Os seres humanos estamos continuamente valorándonos a nós mesmos e, sobre todo, os demais. Temos actitudes sobre calquera cousa, incluso sobre aquilo do que non posuímos un coñecemento directo. Probablemente todos os lectores deste relatorio teñan unha opinión formada sobre os Estados Unidos, aínda que quizais só uns poucos visitasen este país  algunha vez e, neste caso, a gran maioría unicamente durante unhas breves vacacións. Isto non nos impide, non obstante, expresar xuízos valorativos sobre os Estados Unidos e tamén sobre os estadounidenses. Todos utilizamos nos nosos discursos cotiáns os termos actitudes, prexuízos, opinións, estereotipos, etc. e dispoñemos dun coñecemento, como mínimo intuitivo, do seu significado. A pesar disto, ou precisamente por este motivo, son conceptos que con frecuencia se mesturan, intercambian e, en definitiva, non se empregan con precisión e rigorosidade. De aí que consideremos necesario partir dunha aclaración teórica dos mesmos, que nos permita aplicalos de xeito máis técnico, antes de pasar a analizalos desde un punto de vista práctico, na situación sociolingüística concreta que nos interesa: o contacto de linguas en Galicia.

Así, estruturamos este traballo en tres partes. Na primeira, fundamentalmente teórica, presentaremos os conceptos de actitude, prexuízo e estereotipo, nun intento de desfacer as ambigüidades que en moitos casos os rodean. A continuación, expoñeremos unha síntese das principais actitudes e prexuízos existentes na actualidade con respecto á lingua galega e aos seus falantes. Por último, levaremos a cabo unha reflexión sobre a capacidade de influencia das actitudes no comportamento e, en especial, no uso das linguas. Precisamente, o gran interese que espertan as actitudes débese á súa suposta capacidade de influír nas condutas, polo que se consideran unha das principais vías para chegar a modificalas. De todos os xeitos, en moitos casos tense sobrevalorado o seu poder de incidencia, polo que cómpre reformular o papel que realmente desempeñan.

  1. ACLARACIÓN TEÓRICA
    • Que son as actitudes?

Das dúas correntes teóricas existentes, a mentalista e a condutista, adscribímonos á primeira, que define as actitudes como un construto mental e, polo tanto, interno do individuo, que conduce a responder favorable ou desfavorablemente ante un obxecto dado. Dado que esta, e calquera outra definición de actitude, resulta demasiado ampla e, polo tanto, difícil de manexar na práctica, o mellor xeito de concretala é, na nosa opinión, analizar a súa estrutura. Calquera actitude está formada por tres compoñentes, que se caracterizan pola súa dimensión avaliativa ou valorativa, o que nos leva a expresalas sempre en termos de maior ou menor favorabilidade:

  • Unha compoñente afectiva, que inclúe os sentimentos de agrado ou desagrado que o obxecto da actitude esperta.
  • Unha compoñente cognitiva, formada polas crenzas positivas ou negativas en relación co obxecto actitudinal.
  • E unha compoñente conativa, que fai referencia á predisposición a actuar, por exemplo, de xeito colaborador ou non.

Así, ante un compañeiro de orixe romanés na clase, os demais alumnos poden sentirse máis ou menos a gusto (ou indiferentes), pero é probable que só algúns sexan capaces de explicar os motivos dos seus sentimentos. Sen dúbida e aínda que sexa en moitos casos de xeito inconsciente, estes estarán en relación coas súas crenzas sobre os inmigrantes romaneses en Galicia, como por exemplo que a través deles podemos aprender unha nova lingua e cultura, isto é, que a súa presenza constitúe unha oportunidade de ampliar a nosa riqueza lingüística e cultural, ou que veñen contribuír ao crecemento económico do país co seu traballo, ou, no outro extremo, que os romaneses que chegan aquí non se integran na nosa sociedade e a maioría ademais veñen para dedicarse ao roubo organizado, ou que lles quitan o traballo aos galegos autóctonos ao admitir salarios máis baixos. En función de todo isto, os alumnos intentarán buscar a compañía e a amizade do compañeiro romanés ou, ao contrario, tenderán a evitalo e mesmo a importunalo, insultalo, etc.

Obsérvese que as tres compoñentes están estreitamente relacionadas pero, ao mesmo tempo, son susceptibles de diferenciarse. De feito, a súa distinción é necesaria se queremos comprender as actitudes en profundidade e traballar na superación das que consideramos negativas. Así, ante unha conduta de rexeitamento cara a un compañeiro, como por exemplo negarse a traballar en parella con el, debemos analizar en primeiro lugar se responde a unha motivación de tipo actitudinal e, en consecuencia, está baseada en crenzas e sentimentos negativos cara a el, conscientes ou non. No caso de que as crenzas se sitúen no nivel do latente, cómpre antes de nada sacalas á luz e facelas explícitas, para despois poder combatelas, analizándoas e buscando argumentos que as boten abaixo. Canto aos sentimentos, haberá que proporcionar información nova sobre o obxecto actitudinal que provoque empatía con este e sensacións agradables. Tras traballar as compoñentes cognitiva e afectiva, haberá que actuar sobre a conativa, isto é, a vontade de colaboración. Neste punto, resulta fundamental distinguir a intención de actuar da acción en si mesma. Se, por exemplo, un individuo de raza xitana nos para pola rúa para preguntarnos pola localización dun enderezo e nos negamos a axudarlle, aducindo motivos do tipo: “síntoo moito pero agora non me podo parar” ou “síntoo pero non son de aquí”, podemos pensar que esta reacción obedece a unha actitude negativa cara á raza xitana. Pero tamén é posible que en efecto teñamos moita présa ou que descoñezamos o enderezo indicado. Da mesma maneira, podemos amosar boa disposición a actuar de xeito participativo e que esta non se materialice na práctica. Así, podemos ter actitudes favorables cara á separación do lixo para a súa posterior reciclaxe e, polo tanto, se nos preguntan sobre a nosa actitude ante este tema, contestaremos que é positiva. Non obstante, existe a posibilidade de que na nosa vida cotiá non separemos, sen que isto implique necesariamente que mentísemos, pois pode haber certos motivos que nos leven a comportarnos de xeito contraditorio coas nosas actitudes. Por exemplo, se o punto de reciclaxe máis próximo á nosa casa dista tres quilómetros e nos vemos obrigados a desprazarnos esta distancia, pode parecernos un esforzo demasiado elevado. En cambio, a mesma persoa pode decidirse a separar se lle sitúan os colectores máis preto da casa, isto é, se lle facilitan o comportamento. En definitiva, nestes casos o motivo da falta de colaboración non radica tanto nas actitudes, senón noutro tipo de factores. Esta distinción entre intención de actuar e comportamento real é moi importante porque ás veces para modificar unha conduta non chega con traballar a mellora das actitudes relacionadas con ela, senón que é necesario tamén incidir sobre outros factores, en xeral externos ao individuo, que poden estar impedindo ou dificultando a realización da conduta.

    • A formación das actitudes.

Se o noso obxectivo é estudar as actitudes co fin de influír nelas, para modificar en última instancia comportamentos considerados negativos socialmente, a análise de como se forman resulta especialmente relevante, xa que os procesos de formación poden proporcionar algunhas claves sobre os mecanismos de cambio. A continuación, expoñemos as cuestións fundamentais con respecto á formación das actitudes:

  • Non son innatas, senón aprendidas.
  • Apréndense ao longo do proceso de socialización do individuo, no que a infancia e a adolescencia constitúen períodos críticos; precisamente os períodos de idade aos que pertencen os nosos alumnos.
  • Os principais axentes na formación de actitudes son: pais, profesores, medios de comunicación de masas (en especial a televisión) e grupo de iguais. Uns axentes van substituíndo aos anteriores a medida que o neno medra. Así, mentres na primeira infancia os pais e despois os profesores desempeñan un papel preponderante, este dilúese en gran medida na adolescencia, onde estes dous axentes pasan a ser case anulados en favor do grupo de iguais. Este cambio cómpre telo en conta á hora de traballar as actitudes nas aulas, pois non se pode manter o mesmo enfoque en todos os niveis educativos. Mentres nas primeiras etapas a influencia do mestre vai ser directa e ademais inevitable, en secundaria sería un erro por parte do profesor intentar modificar as actitudes directamente, xa que o resultado podería ser incluso o contrario do esperado. En lugar disto, é necesario recorrer a técnicas grupais, do tipo “tormenta de ideas”, “debates”, “dramatizacións”, “visionado de películas ou lectura de libros relacionados co tema”,  etc. Deste xeito, serán os mesmos alumnos os que vaian poñendo en evidencia as actitudes negativas dos compañeiros e buscando argumentos para botalas abaixo. Por suposto, neste tipo de actividades o profesor deberá desempeñar o papel de organizador e moderador, aínda que canto menos visible sexa a súa presenza mellor.
  • O discurso é o principal xeito de transmitir as actitudes. As nosas palabras agochan en todo momento elementos actitudinais, aínda que en moitos casos non sexamos conscientes deste feito. Dado que resulta imposible elaborar discursos ideoloxicamente neutros, a postura máis ética como profesores consiste, na nosa opinión, en non ocultar as actitudes persoais, senón facelas explícitas e deixalas o máis claras posible.
  • Por último, o papel da experiencia na adquisición das actitudes é menos relevante do que ás veces se cre. En efecto, dado que temos actitudes tanto sobre o que coñecemos directamente como do que temos referencias só “de oídas”, e ademais as nosas experiencias en primeira persoa son en principio bastante limitadas, resulta evidente que o contacto directo co obxecto da actitude non constitúe a maneira máis frecuente de adquirila, aínda que si a máis intensa. En efecto, se entre o noso alumnado atopamos un individuo especialmente reticente a modificar unha actitude, é probable que se deba a unha mala experiencia persoal. Por exemplo, seguindo co suposto do inmigrante romanés, que a súa familia sufrise o atraco dunha banda desta procedencia. Neste caso, a actitude será máis difícil de modificar e, ademais, haberá que aplicar outro tipo de estratexias para acadar o cambio.
    • Estereotipos e prexuízos.

Os prexuízos son un tipo de actitude, na que todos os seus compoñentes se manifestan en sentido negativo:

  • Compoñente cognitiva: estereotipo negativo.
  • Compoñente afectiva: sentimento de rexeitamento.
  • Compoñente conativa: tendencia a discriminar.

Os prexuízos baséanse, polo tanto, en estereotipos e estes son útiles para o coñecemento humano e incluso imprescindibles. De aí a afirmación popular de que todo prexuízo contén unha parte de verdade. Se preguntamos polo perfil social típico dun galegofalante, seguro que a resposta maioritaria sería algo semellante ao seguinte: persoa de idade e do ámbito rural. Quen así respondese non estaría demostrando necesariamente ter prexuízos cara ao galego, senón simplemente dispor dun coñecemento adecuado da realidade sociolingüística de Galicia, pois, tal como indican os estudos realizados, o uso do galego redúcese drasticamente a medida que diminúe a idade e o hábitat se fai máis urbano. En calquera caso, o que acabamos de facer é unha xeneralización e como tal supón unha simplificación, pero esta é a única maneira que o ser humano ten de abranguer a complexidade do mundo que o rodea. Tecnicamente, este proceso denomínase categorización e dá lugar á formación de estereotipos, isto é, a división do mundo en clases en función de diversos criterios e a atribución a cada clase dunha serie de características. Así, en función do xénero, dividimos o mundo en dous grupos, homes e mulleres, e a cada grupo aplicámoslle uns atributos. Se afirmamos que este xeito de organización mental é necesario para comprender o mundo, onde radica entón o problema dos prexuízos e por que temos que esforzarnos por combatelos? O problema reside en que parten dunha interpretación errónea dos estereotipos, por dous motivos:
- Os prexuízos supoñen xeneralizacións simplificadoras que non admiten excepcións, de xeito que ou ben se aplican as propiedades dun grupo a todos e cada un dos seus membros, ou ben as características dun individuo esténdense á totalidade do grupo de pertenza. É dicir, en lugar de concibir os estereotipos como o que son, tendencias máis ou menos maioritarias, interprétanse de maneira tallante e categórica. Ao non admitirse as excepcións, estas xustifícanse en clave negativa. No caso do galegofalante típico (estereotipo), o prexuízo xurdiría ao rexeitar a calquera galegofalante que non encaixase nese perfil, por exemplo unha rapaza nova que fale galego nunha cidade como Vigo. Para manter intacto o estereotipo, estes casos, excepcionais pero cada vez máis frecuentes, cárganse de connotacións pexorativas, do tipo: “se non é da aldea, seguro que fala galego para presumir de nacionalista, pero non é unha galegofalante auténtica, das de sempre”.
- Por outra parte, os prexuízos baséanse nunha percepción causal errónea, de xeito que as características dun grupo se perciben como inherentes a este e non debidas a unhas determinadas circunstancias históricas, sociais, políticas ou económicas, que constitúen sempre o motivo real da situación de inferioridade dun grupo determinado. Así, se os galegofalantes pertenceron tradicionalmente ás clases máis atrasadas cultural e economicamente, non é porque o feito de falar galego te faga pobre e ignorante, como se dunha enfermidade se tratase, ou porque o galego non sirva como lingua para dirixir unha empresa ou escribir unha boa obra literaria, senón porque o galego estivo marxinado da escrita e os usos formais durante séculos e, en consecuencia, da educación formal. Daquela os que estudaban eran os que dispoñían de recursos económicos e estudábase sempre o castelán e en castelán. Estas circunstancias, entre outras, provocaron a separación de linguas en función das clases sociais, así como a crenza de que para ascender socialmente (ser máis rico e/ou máis culto) era necesario abandonar o galego e falar o castelán. De feito, a extensión do castelán entre a poboación veu da man da xeneralización do ensino, entre outras causas.

Os prexuízos cumpren unha función defensiva, xa que se  utilizan co fin de xustificar e manter a posición dominante de certos grupos sobre outros (a oposición clásica NÓS fronte a ELES). De aí que os prexuízos se acentúen nas épocas nas que determinados grupos sociais intentan modificar o estado de cousas imperante. No caso que nos ocupa, o grupo dominante e privilexiado en Galicia foi tradicionalmente o dos castelanfalantes. Entre outros “privilexios”, estes podían manterse no monolingüismo toda a súa vida, mentres que eran os galegofalantes os que se vían obrigados a aprender e utilizar, polo menos en determinadas ocasións, a outra lingua, o castelán. Isto é o que se denomina bilingüismo asimétrico. A raíz da transición democrática e o inicio do proceso de normalización, os castelanfalantes senten ameazados os seus privilexios, véndose obrigados por primeira vez, por exemplo, a aprender a outra lingua da comunidade, o galego. De aí o rexeitamento ante calquera medida que implique a obriga de aprender a lingua tradicionalmente subordinada, o galego, ou ante medidas que supoñan unha perda de espazos para o castelán, lingua privilexiada durante séculos. Por este motivo, medidas como o aumento do galego no ensino provocan moitas máis reaccións adversas que outras, como engadir unha canle de televisión máis en galego. A primeira si implica un cambio non só a nivel social, senón tamén individual: estudar máis materias en galego e menos en castelán. En cambio, abstraerse da segunda resulta relativamente fácil; abonda con non conectar esa cadea.

  1. ACTITUDES E PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS EN GALICIA

No período democrático son moitas as investigacións que se centraron en analizar a situación sociolingüística do noso país e en case todas elas se dedica unha parte importante ao estudo das actitudes e prexuízos, proba da importancia que se lles concede a estes factores. Non obstante, nun principio a perspectiva metodolóxica era sempre a mesma, de xeito que tanto para a análise das actitudes lingüísticas, como dos usos ou a competencia, empregábase a mesma técnica de produción de datos, a enquisa, e polo tanto tamén idéntico procedemento de análise, as ferramentas estatísticas; en definitiva, o que se coñece como metodoloxía cuantitativa. Só recentemente comezaron a xurdir traballos que se aproximaban ás actitudes desde enfoques diferentes, nos que se empregaban outras técnicas, como o grupo de discusión ou a entrevista en profundidade, xa de corte cualitativo (véxase a bibliografía ao final do traballo). Esta distinción de tipo metodolóxica é importante porque os resultados que ofrecen uns e outros estudos son bastante diferentes. Imos analizar primeiro moi brevemente as principais conclusións dos estudos cuantitativos, para centrarnos a continuación nos cualitativos.

3.1. Perspectiva cuantitativa.

Neste punto imos utilizar os datos da investigación máis exhaustiva realizada ata o momento no noso país, o Mapa Sociolingüístico de Galicia, en concreto os do volume III (Seminario de Sociolingüística, 1996), centrado especificamente nas cuestións actitudinais. Seleccionamos dous gráficos que nos parecen suficientemente ilustrativos das actitudes recollidas a través deste tipo de estudos. No primeiro deles preséntanse os resultados da denominada “actitude lingüística xeral”, variable que aglutina diversas preguntas actitudinais sobre a lingua galega. Os valores de resposta van do 1 ao 5, de xeito que canto máis altos sexan, maior favorabilidade cara ao galego representan.




Dúas son as principais conclusións que se poden extraer destes gráficos:

  • As actitudes cara ao galego son en liñas xerais positivas, pois tan só nos grupos extremos, os maiores de 41 anos castelanfalantes, descenden lixeiramente por debaixo do 3.
  • Ademais, son bastante homoxéneas, é dicir, non hai grandes diferenzas entre os distintos grupos lingüísticos e sociais. As variables explicativas máis pertinentes son a idade e a lingua habitual, de xeito que as actitudes melloran a medida que diminúe a idade e aumenta o galego como lingua cotiá.

En efecto, todos os estudos cuantitativos chegaron á conclusión de que as actitudes cara ao galego eran positivas e que ademais estaban a mellorar aínda máis nas novas xeracións, resultado, polo tanto, que invitaba ao optimismo. Porén, o problema residía en que estas boas actitudes non se reflectían nun aumento do uso do galego, senón máis ben o contrario, o uso da lingua propia seguía a descender na xuventude. Isto poñía sobre a mesa o problema, xa comentado, da relación entre as actitudes e as condutas, pois, en contra do esperado, semellaban seguir camiños diverxentes. En calquera caso, estas conclusións cómpre matizalas. En primeiro lugar, máis que actitudes positivas, o que se detecta, se nos paramos a analizar os gráficos con maior detalle, son actitudes neutrais ou indiferentes. Así, no gráfico que recolle a “actitude lingüística xeral”, é certo que as respostas a penas baixan do 3, pero por outra parte tampouco acadan o valor 4, a non ser o grupo situado no extremo máis favorable: os máis novos monolingües en galego. É dicir, a gran maioría das actitudes se sitúan entre o 3 e o 4 e lembremos que o 3 representa precisamente a indiferenza. Isto mesmo queda corroborado polo seguinte gráfico exposto, xa que aquí a resposta maioritaria é a que defende a igualdade das dúas linguas, o que implica non decantarse por ningunha delas e escoller, polo tanto, a opción máis neutra. Se consultamos outros estudos actitudinais cuantitativos, todos redundan na mesma liña. Esta nova lectura dos datos lévanos a reflexionar sobre a propia natureza deste tipo de estudos, xa que en xeral contestamos ás enquisas como se dun exame se tratase, intentando ofrecer unha imaxe positiva de nós mesmos. Así, a nivel actitudinal o que se recolle nas enquisas non son tanto as actitudes internas dos individuos, senón as actitudes que están ben consideradas socialmente nunha época e cultura determinadas, isto é, o que se deu en chamar “politicamente correcto”. Polo tanto, cómpre analizar e interpretar os resultados cuantitativos sobre as actitudes desde este punto de vista. Neste sentido, ofrecen unha información fundamental que demostra os cambios producidos a raíz da fin da ditadura e a chegada da democracia, pois hoxe en día non é aceptable socialmente realizar afirmacións explícitas contra a lingua galega, como por exemplo que se trata dunha lingua inferior á castelá, e isto, sen dúbida, supón un avance moi importante con respecto a épocas pasadas, aínda que, por suposto, insuficiente. Por último, a diverxencia detectada entre as actitudes e os usos lingüísticos débese tamén a que estes non dependen só daquelas, senón que, como xa comentamos, pode haber outros factores que inflúen no comportamento e que poden ter incluso máis peso ca as propias actitudes. Nesta cuestión centrarémonos no último epígrafe.

    • Perspectiva cualitativa.

Neste epígrafe recorremos aos principais traballos cualitativos realizados ata o momento (Kabatek 2000, Iglesias 2003, Seminario de Sociolingüística 2003). Partindo deles, chegamos á seguinte clasificación dos prexuízos lingüísticos aínda existentes na actualidade:

A) PREXUÍZOS CARA Á LINGUA GALEGA E OS SEUS FALANTES.

  1. Prexuízos relacionados coa propia capacidade lingüística en galego (falta de coñecemento ou competencia):
    • Castelanfalantes: Non son capaz de falalo (utilizo castelanismos, cambio ao castelán) ® castrapo.
    • Galegofalantes: Non o falo ben (utilizo castelanismos) ® castrapo.
    • Castelán e galegofalante: Non sei falar o galego normativo.

Conclusión: ‘Os galegos non sabemos falar o galego.’

  1. Caracterización pexorativa do galego normativo:
    • O galego normativo é artificial.
    • As normas están cambiando constantemente.
    • Hai distintas normativas (nin os expertos se poñen de acordo).
  1. Caracterización pexorativa do galego:
    • Galego = lingua rural, de pobres e ignorantes, ruda, fea e non válida para a escrita nin a cultura  ® Vello prexuízo, hoxe superado?
    • Galego = lingua rural, de xente maior, non válida para os tempos modernos e o progreso.

Excepción: neofalantes e profesionais da lingua.
Conclusión: O galego é a lingua marcada socialmente e o castelán é a lingua neutra.

    • Galego = lingua pouco útil ® íllanos do exterior; carece de valor no mercado laboral; non xera riqueza. Fronte a ela, o español e, en maior medida, o inglés son linguas máis útiles (tópico da lingua universal).
  1. Caracterización pexorativa dos neofalantes (non se adaptan ao perfil social tradicional de galegofalante):
    • Falan o galego normativo, que é artificial (distínguense perfectamente dos galegofalantes de sempre pola variedade de galego que usan).
    • Falan galego por necesidades profesionais.
    • Falan galego para presumir, porque está de moda.
    • Falan galego por exhibicionismo ideolóxico.

Conclusión: O galego é a lingua marcada ideolóxica e politicamente (o castelán é a lingua neutra). ‘Se falas galego nunha cidade, ou es do bloque ou profe de galego.’

  1. Consecuencias:
    • A primeira palabra en castelán. A norma de cortesía establece o uso do castelán cos descoñecidos, coa xente de fóra, cos clientes, etc.
    • O que ten que cambiar de lingua é o galegofalante. Non se aceptan as conversas bilingües e non se contempla que sexa o castelanfalante o que se adapte ao galego.
    • É unha perda de tempo estudar galego. Ese tempo aproveitaríase mellor estudando outras linguas.

B) PREXUÍZOS ASOCIADOS CO PROCESO DE NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA e as medidas para manter e potenciar o galego que del se derivan.
Neste apartado, non podemos esquecer que os obxectivos de calquera proceso de normalización lingüística son: aumentar o número de falantes e os ámbitos de uso da lingua e, en relación con isto, mellorar o seu prestixio.

  • O galego estase impoñendo e isto atenta contra a liberdade individual e o dereito á elección de lingua.
  • A imposición do galego estase levando a cabo sobre todo no sistema educativo e no ámbito laboral.

Conclusión: A marxinación do castelán e a discriminación dos castelanfalantes en Galicia.

  • Prexuízos cara a outras comunidades bilingües con políticas lingüísticas máis intensas e decisivas, en especial Cataluña e Euskadi.

4.  O PESO DAS ACTITUDES NA ELECCIÓN LINGÜÍSTICA

Nas comunidades bilingües, os individuos atópanse ante a alternativa de escoller a lingua ou linguas que van utilizar na súa vida cotiá. Poden decantarse por falar unha delas de xeito exclusivo, ou ben empregar unha nuns determinados contextos e outra noutros. Pero a cuestión é: trátase realmente dunha elección libre? Escoller libremente significa dispoñer de dúas opcións en igualdade de oportunidades. Non obstante, en Galicia hai moitos factores que nos empurran a utilizar unha lingua e non outra. Pensemos no exemplo hipotético dun rapaz de 16 ou 17 anos, castelanfalante, pertencente a unha familia tamén castelanfalante e residente no ámbito urbano. Supoñamos que ten moi boas actitudes cara ao galego. Resultaríalle moi fácil instalarse nesta lingua (de xeito exclusivo ou maioritario) e ser consecuente así coas súas actitudes?
En realidade para levar a cabo este comportamento, tería que salvar uns cantos obstáculos. En primeiro lugar, falar unha lingua é un comportamento rutineiro, que temos interiorizado. Así, calquera cambio de lingua implica, de entrada, romper co hábito de levar toda a vida falando unha lingua diferente. De aí que resulte máis fácil empezar a falar unha lingua distinta con alguén que coñecemos por primeira vez que con amigos e familiares, cos que xa está consolidada unha lingua de relación (no noso exemplo, o castelán). Ademais, en principio na nova lingua sentirémonos menos competentes e, polo tanto, terá que pasar algún tempo ata que adquiramos a mesma fluidez e soltura que na nosa primeira lingua. Por outra parte, polo menos ata o momento, o sistema educativo non conseguiu cumprir o obxectivo establecido polo artigo 14. 3. da Lei de normalización lingüística: que os alumnos acaden o mesmo nivel de competencia en galego ca en castelán. Neste sentido, evidentemente resulta máis fácil decantarse por aquela lingua na que se ten maior competencia. En segundo lugar, a cidade non ofrece ámbitos de uso que animen a falar o galego. Todos os espazos que integran o contorno do noso suxeito hipotético terán probablemente o castelán como lingua predominante: o barrio (a veciñanza), a escola, os centros comerciais, os medios de comunicación (televisión, prensa, radio, internet), o cine, a música, etc. De novo, semella máis doado escoller como lingua habitual a maioritaria no contorno cotián. Por último, se un individuo empeza a falar unha lingua allea ao seu grupo de amigos, por exemplo, está desmarcándose dalgún xeito do grupo e isto pode provocar reaccións de rexeitamento por parte dos outros membros. Lembremos que nestas idades o desexo de integración grupal é moi poderoso. Obsérvese, por último, que no caso do ámbito rural a situación non é a inversa, é dicir, neste contexto algúns factores si favorecen o uso do galego, pero hai outros, sobre todo os relacionados cos medios de comunicación, que non varían e, polo tanto, seguen priorizando claramente o castelán.
En definitiva, un rapaz que intente falar galego na cidade vai ter que realizar un esforzo extra, cousa que non ocorre no caso do castelán (lingua non marcada) e, desde este punto de vista, non podemos falar dunha elección libre, senón condicionada por toda unha serie de presións. De aí que, por moi boas que sexan as actitudes, en moitos casos estas non cheguen a traducirse nun uso real da lingua, pois os outros factores acaban por neutralizalas.

5. CONCLUSIÓNS

O estudo das actitudes resulta moi complexo, debido ao seu carácter interno e, polo tanto, non observable directamente. Por este motivo, para acceder a elas é necesario recorrer a diferentes técnicas metodolóxicas e abordalas, así, desde distintos puntos de vista. A pesar disto, durante bastante tempo as investigacións limitáronse a cuantificalas, ofrecendo unha visión necesaria pero limitada, que, ademais, tendía a sobrevalorar o seu poder de influencia. Unha vez pasado o primeiro momento de optimismo entusiasta, provocado polos bos resultados acadados (boas actitudes que melloraban a medida que diminuía a idade), púidose comprobar que en realidade os estudos cuantitativos amosaban maioritariamente unha actitude neutra ou indiferente ante o galego, isto é, non se manifestaban actitudes negativas pero tampouco especialmente positivas. Por outra parte, os estudos cualitativos, que permiten acceder en maior medida ás actitudes internas dos individuos, demostran que moitos dos tradicionais prexuízos se manteñen na actualidade, aínda que nalgúns casos reformulados e adaptados aos novos tempos. Por exemplo, desde hai séculos se asociaron os galegofalantes coas clases baixas e o mundo rural e, en consecuencia, coa incultura e a pobreza, o que levou a tachar a lingua galega de inculta e propia de paletos. Na actualidade este prexuízo suavizouse en certa medida, en parte grazas a unha certa revalorización do ámbito rural, pero o prexuízo continúa expresado noutros termos. Hoxe o castelán é a lingua asociada ao progreso e a modernidade, valores en alza, mentres que o galego queda relegado ao tradicional e enxebre. Pero non só se manteñen en maior ou menor medida os prexuízos de antes, senón que a raíz do proceso de normalización e o intento de recuperar usos e falantes para o galego, xorden prexuízos novos asociados a este proceso, como por exemplo os relativos aos neofalantes ou ás medidas de normalización a favor do galego. En definitiva, as actitudes non son tan boas como parecían e, polo tanto, cómpre traballar moito aínda para melloralas e superar os prexuízos. Pero ademais, o éxito ou fracaso do proceso de normalización non se pode facer depender unicamente da cuestión actitudinal, elemento importante, sen dúbida, pero en absoluto suficiente, senón que se deben traballar outros factores tamén determinantes, como a competencia lingüística ou a presenza do galego nos ámbitos relacionados hoxe en día coa modernidade e o progreso, en definitiva, co prestixio (por exemplo os medios de comunicación de masas, cada día máis poderosos). En última instancia, isto redundaría á súa vez nunha mellora actitudinal.

 

Referencias bibliográficas

1. Estudos empíricos:

1.1. Perspectiva cuantitativa.

Censo de poboación e vivenda (2001).
ECVFG - IGE (2003).
Rei Doval, G. (2007): A lingua galega na cidade no século XX. Unha aproximación sociolingüística (Vigo, Xerais).
Seminario de Sociolingüística (1996): Actitudes lingüísticas en Galicia (A Coruña: Real Academia Galega).

1.2. Perspectiva cualitativa.

Iglesias Álvarez, A. (2003): Falar galego: ‘no veo por qué’ (Vigo: Xerais).
Kabatek, J. (2000): Os falantes como lingüistas (Vigo: Xerais).
Seminario de Sociolingüística (2003): O galego segundo a mocidade (A Coruña: Real Academia Galega).

2. Ensaios:
Freitas Juvino, María Pilar (2008): A represión lingüística en Galiza no século XX, (Vigo: Xerais).
Freixeiro Mato, X. R. (1997): Lingua galega: normalidade e conflicto (A Coruña: Laiovento).
Moure, T. (2005): Outro idioma é posible. Na procura dunha lingua para a humanidade (Vigo: Galaxia).
Sende, S. (2007): Made in Galiza (Vigo: Galaxia).
Tusón, J. (1997): Mal de linguas. Arredor dos prexuízos lingüísticos (Santiago de Compostela: Edicións Positivas).

 

Recoméndase o documental Linguas cruzadas, dispoñible en Internet.

 

Ana Iglesias Álvarez
Universidade de Vigo

 

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976