Bernardo Penabade
Bernardo Penabade Rei é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago, onde complementou estudos na especialidade de Filoloxía Hispánica. Simultaneamente, con Luís Poupariña, desenvolveu unha intensa actividade na comisión de cultura da Residencia Universitaria ‘Burgo das Nacións’, onde impulsou a convocatoria dun célebre Certame Literario que serviu para descubrir novos valores das nosas letras.
Desde 1985 mantivo colaboración artística no sector audiovisual coa empresa Imaxe Galega en traballos encargados pola TVG.
Actualmente exerce a docencia no IES Perdouro e colabora na iniciativa Modelo Burela, estratexia didáctica de referencia para a normalización das linguas minorizadas dentro do marco dun ensino multicultural.
Nº4: outubro-decembro 2013
Bernardo Penabade
Estratexias de implicación en normalización lingüística. Pedagoxía ao servizo da cohesión social
Bernardo Penabade preséntanos unha adaptación do relatorio que defendeu en xullo de 2013 no Forum Carballo durante a celebración do IXº Curso de Verán de Dinamización Lingüística titulado “Participación, Implicación e Traballo Colaborativo”, na que comparte con nós experiencias e metodoloxías de dinamización lingüística desenvolvidas en diferentes centros de ensino secundario, que tiveron como resultado a creación do proxecto Lingua viva.
Versión en PDF
A presente exposición é unha adaptación do relatorio defendido o 18 de xullo de 2013 no Forum Carballo durante a celebración do IXº Curso de Verán de Dinamización Lingüística titulado “Participación, Implicación e Traballo Colaborativo”, un evento organizado polo Servizo de Normalización da Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización e o propio Concello de Carballo.
Aproveito agora esta Letra miúda para entrar en comunicación e facerlla chegar a unha parte moi importante dos destinatarios finais: as familias do alumnado, mais tamén o resto de integrantes das comunidades educativas, moi especialmente o sector docente. Fágoo coa intención de que compartamos experiencias e metodoloxías encamiñadas a transmitir vitalidade ao idioma -patrimonio común-, todas elas resultado de 25 anos de traballo en condicións precarias en centros de ensino secundario de Ourense, Ortigueira e Burela; e en situación de grande adversidade nas localidades de Bueu e Viveiro. Oxalá sexa de utilidade para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe.
DESTINATARIOS
A presente exposición está especialmente dirixida:
1. Ás persoas sensibilizadas coa revitalización do noso idioma, téñano como primeira ou segunda lingua ou incluso para aquelas que -pola razón que sexa- aínda non chegaron a incluílo no seu repertorio de ferramentas de comunicación. Leva un especial cariño para as familias dos nosos alumnos e alumnas que, por chegaren doutras latitudes ou por naceren en ámbitos hostís, non se expresan en idioma galego, mais teñen a mellor das disposicións para que os seus fillos e fillas aproveiten esta oportunidade que lles ofrece o sistema escolar.
2. Ao persoal docente en escolas infantís, colexios de ensino primario e centros de ensino secundario. Alén de practicaren unha pedagoxía moi participativa -con alto rendemento tanto para as expresións oral e escrita; e moi útil para corrixir prexuízos que dificultan as aprendizaxes-, reforzan os vínculos entre escola e sociedade; e poden gañar puntos para o acceso á función pública, os concursos de traslados e o recoñecemento de sexenios.
3. Ao Colectivo de Traballadores/as da Normalización Lingüística, moi especialmente aos que traballan no ámbito municipal. Penso que resultará moi útil para aqueles/as que non dispoñen dunha praza fixa, senón que están itinerantes en función de contratos vinculados con subvencións. Permitiralles facer un magnífico traballo social ao tempo que incrementan os méritos para o seu currículo.
4. Ás asociacións cívicas (de veciños, culturais, xuvenís, parroquiais...), porque con este proxecto contribúen á recollida e catalogación do patrimonio colectivo e mesmo poden acceder a algún apoio económico das administracións públicas.
EXPERIENCIA DE VIVEIRO
Para nos metermos en ambiente, permitídeme que recupere as circunstancias en que desenvolvín o primeiro traballo estábel no ramo da docencia. Foi en Viveiro durante o curso 1989-90. Cheguei a un claustro formado por 49 compañeiras e compañeiros, dos que 4 éramos especialistas na materia de Lingua e Literatura Galegas. Dos restantes 45, só un do departamento de Xeografía e Historia utilizaba o noso idioma como instrumento didáctico e facíao, por certo, con moi boa fonética, mais cunha enorme carga de interferencias tanto no discurso oral como na expresión escrita.
A xefa de seminario, Pilar Sanmartín Alonso, fíxome un prudente diagnóstico. Foi sabendo de min, antes de me encargar a responsabilidade de preparar os futuros universitarios. Unha vez que percibiu empatía, que se sentiu acompañada na visión xeral sobre a situación do idioma, presentoume o panorama local: claustro pouco proclive para a normalización (5-44), dirección en consonancia coa maioría do claustro, algún alumnado con boas actitudes -mais sen fluidez en galego- e AMPA e unha pequena parte do alumnado en posicións integristas en favor da substitución lingüística e con rexeitamento para a docencia da materia de Lingua e Literatura Galegas. Pouco tardei en recoñecer esas actitudes; só o tempo que pasou antes de entrar na primeira sesión didáctica á que fun recibido co cualificativo de “otro hijo de puta”.
Reparemos no seguinte: 1) naquela altura, en 1989, a materia específica de Lingua e Literatura levaba case dez anos no sistema escolar; 2) todo o alumnado, teoricamente, era o primeiro que xa recibira ensino do noso idioma (como mínimo da estrutura gramatical) desde o momento da entrada na escola (1978-1989); 3) como mínimo en 3º de Bacharelato -cando foran alumnos/as de Pilar Sanmartín- tiveran o privilexio de recibir unha moi boa formación en contidos, transmitidos cunha estratexia didáctica moi motivadora; e 4) aínda así, resistíanse a que a Lingua e Literatura Galegas fose considerada unha disciplina normal, para a que había que facer algo de traballo e en cuxas aulas había que manter un comportamento correcto.
Nese contexto, a aprendizaxe non era significativa: o que se aprendía nunha semana esquecíase na seguinte. Non se lle encontraba sentido nin utilidade aos contidos. Iso xeraba descontento e ese descontento manifestábase nas aulas.
Por esa razón comezou a xénese dunha pedagoxía de intervención, encamiñada a transformar as condicións ambientais para favorecer a aprendizaxe escolar. Tratábase de: a procurar alianzas para desenvolver actividades de reforzo (coa xerencia do Teatro Pastor Díaz; coa Asociación Cultural Sementeira; coa Asociación Xuvenil San Cibrao de Vieiro; co Colexio Pastor Díaz; etc, etc); e programar estas atendendo a tres criterios: 1) sen recursos económicos; 2) co mínimo persoal específico; e, sobre todo, 3) con contidos especialmente orientados a traballar en ambientes adversos, con case total desgaleguización inicial da poboación infantil e cos sectores contrarios á normalización do galego moi ben organizados.
Durante 14 cursos académicos desenvolvemos esta pedagoxía activa en Viveiro, con alumnado moi pouco receptivo das localidades de Celeiro e o Vicedo; moi receptivo de Xove e Ourol; e con grande división de opinións no casco urbano e nas parroquias viveiresas. Os resultados foron alentadores. Conseguimos tres obxectivos importantes: a) evitar a desgaleguización dunha parte dos falantes iniciais (dos que é un exemplo o humorista Roberto Vilar); b) incorporar algúns neofalantes (como Séchu Sende); e c), sobre todo, coa axuda de uns e outros, neutralizar a acción dos opositores máis belixerantes.
LINGUA VIVA
No curso 2003-04 -dentro de pouco entraremos no décimo aniversario- adaptamos a metodoloxía a un contexto “a priori” diferente: o de Burela. Naceu así explicitamente o proxecto Lingua Viva, co mesmo espírito da experiencia de Viveiro, mais moi ampliado e secuenciado en 5 fases (catro delas novas): 1) recompilación–exposición de documentos, 2) divulgación audiovisual tanto dos materiais recompilados como do labor dos axentes, 3) implicación municipal para consensuar novas normas de uso social, 4) socialización do s modelos normalizados; e 5) aproveitamento económico desta riqueza patrimonial.
Entre os obxectivos xerais da primeira fase da intervención Lingua Viva están: a) localizar, reunir e catalogar o patrimonio documental creado no ámbito do termo municipal; b) facer identificación dos axentes culturais que fan do idioma galego o instrumento de comunicación habitual; e c) elaborar un directorio que reúna información curricular e de contacto dos citados axentes.
Con esta intervención queremos facer: a) reforzo da aprendizaxe escolar (complemento dos contidos teóricos como as conferencias, excursións e intercambios); mais tamén b) transformación lingüística ambiental, con socialización do modelo de integración aglutinante.
Dez son áreas de actuación do proxecto Lingua Viva:
1. Comunicación comercial
2. Cerimonias
3. Necrolóxicas
4. Documentación notarial
5. Documentación laboral
6. Comunicación corporativa: comunidades veciñais de edificios; asociacións.
7. Actividades relixiosas: liturxia; administración parroquial.
8. Atención sanitaria.
9. Correspondencia privada.
10. Incorporación de neofalantes.
Con independencia de que sexa aplicado nas aulas de Lingua e Literatura, no ámbito dunha concellaría de Educación e Cultura, entre os fregueses dunha parroquia ou entre os integrantes dunha entidade sectorial (comercio, sanidade, xuventude...), o Proxecto Lingua Viva céntrase nunha metodoloxía activa, unha estratexia aglutinante e un proceso estábel. Isto significa que parte do práctico para chegar á reflexión teórica, que procura o concreto antes que o abstracto e que ofrece oportunidade de participación a toda a comunidade, aínda que non force ou obrigue a ninguén.
Estratexia aglutinante implica que se incida sempre no positivo, que se fomente a construción do modelo alternativo mais que a destrución do modelo vigorante. Noutras palabras: nas actividades Lingua Viva téndese a premiar e recoñecer méritos como estímulo para a incorporación de persoas que asuman as novas normas de uso; non se realizan críticas a outros traballos. Como exemplo, podemos comentar o panorama da comunicación comercial e empresarial en Burela. O Instituto Perdouro recolleu en imaxes numerosas mostras de expresión escrita da maior parte das case seiscentas entidades. Fixéronse fotografías das rotulacións dos nomes comerciais, dos escaparates e das rotulacións interiores; recolléronse folletos publicitarios, cartóns de visita, facturas, bolsas da compra, anuncios de xornais e radiofónicos. Mais na exposición pública só figuraron as 27 empresas ou comercios que utilizan dignamente o idioma galego. Poderíamos facer outra exposición moi divertida que recollese unha verdadeira antoloxía de disparates tanto nos nomes comerciais como nas comunicacións escritas, mais ese tipo de exposición sería disgregadora; tería adeptos e detractores; dividiría a comunidade. Por iso ficou como material para traballo interno; como identificación de obstáculos a superar.
Entendemos como proceso estábel o feito de que sexan permanentemente atendidos todos os campos. En momentos puntuais pódense facer programas específicos de dinamización (no sector comercial, na sanidade, no ámbito da comunicación mediática...), mais esas son actividades excepcionais. A primeira fase (o traballo de campo para facer recompilación e exposición documental) permite establecer as cifras de punto de partida e as actuacións posteriores incentivan o incremento do uso, mais tamén avalían a efectividade daquelas xa implementadas.
RAZÓNS DESTE LONGO PREÁMBULO
Fixemos este longo preámbulo porque nestes cese dez anos de intervención Lingua Viva recibimos determinadas desconsideracións especialmente preocupantes por viren de sectores cos que compartimos obxectivos. No momento da posta en marcha do proxecto, estábamos moi ben preparados para os ataques dialécticos dos grupos fundamentalistas empeñados en eliminar o galego, mais non o estábamos para asimilar o menosprezo de persoas comprometidas coa súa continuidade, e iso resultounos frustrante. Noutras palabras: como contábamos coa “leña” dos “ de fóra” e coa “empatía” dos “de dentro”, acabamos con certa desilusión.
Explicámonos. As primeiras críticas xurdiron no mesmo momento en que se debateu o texto da Planificación Lingüística Municipal. A fricción produciuse por unha cuestión de orientación entre “planificación lingüística” (con atención á formación plurilingüe) e “normalización lingüística” (centrada exclusivamente no idioma galego); e a seguir intensificouse no momento en que apareceu publicamente o audiovisual Modelo Burela, de Matías Nicieza. Neste caso o descontento estivo motivado pola inclusión de entrevistas a representantes de todas as forzas políticas con presenza na corporación municipal.
Mais, alén destas acusacións de renuncia aos principios do galeguismo, o programa de actuación Lingua Viva foi descualificado na súa vertente transformadora ao centrarse nas funcións lingüísticas básicas (segundo a terminoloxía de Txepetx) en vez de o facer no relacionado coa función institucional. Desta maneira, identificouse pexorativamente a intervención global con determinadas actuacións sectoriais con expresións como “menuda normalización se vai facer cos convites dos casamentos”, “que importancia teñen os recordatorios de comuñóns?” ou “pretenden normalizar o galego na notaría! Tempo perdido”.
Neste contexto, fago unha chamada a seguir a exposición sen prexuízos, tendo en conta que estamos nunha comunidade en que as campañas de persuasión dos últimos anos non foron tan intensamente efectivas como para non cuestionarmos o seu rendemento.
UN EXEMPLO DE ACTIVIDADE DE DINAMIZACIÓN
Pensemos nunha persoa que chega a un lugar descoñecido e que desexa entrar en contacto con outras persoas que valoren o galego como primeira lingua (no sentido de lingua de uso intencional). Se quere ter unha panorámica global -non mediatizada por grupos de opinión-, recomendámoslle que non pregunte a ninguén en particular. Así evita valoracións apriorísticas sobre os falantes e cálculos que poden pecar de exceso de optimismo (“aquí úsase moito; todo o mundo o fala”) ou de pesimismo (“aquí iso non se leva; o galego non o usa case ninguén”).
A nosa proposta é moito máis simple. Mentres toma un refresco, pode botar man da rede e consultar as cifras do censo do concello en que pretende facer a dinamización. Unha vez que as teña, debe facer unhas operacións faciliñas e conseguirá unhas cifras aproximativas que lle presentan en panorámica como está a situación. Non se trata duns resultados definitivos; trátase só dunha orientación.
No seguinte gráfico recollemos varios concellos da área xeográfica de Carballo e indicamos as cifras do seu padrón de habitantes segundo o censo de 2011. Se reparamos nas tres últimas columnas, ofrecemos:
- unha estimación apriorística dos primeiros interlocutores cos que entrar en contacto (entre o 0'1 e o 0'3% do censo).
- outra estimación do número de persoas vinculadas ao termo municipal, que poden colaborar nun proxecto de normalización lingüística colaborando na organización de eventos e -sobre todo- servindo como axentes referenciais para a normalización (entre o 0'8 e o 1%).
- o colectivo de persoas máis receptivas e con disposición para se incorporaren ao proceso. Son as primeiras destinatarias dos servizos de motivación para o uso e de asesoramento en cuestións técnicas (entre o 3 e o 5%).
CONCELLO |
HABITANTES |
Primeiros interlocutores |
Axentes de normalización |
Atención preferente |
Cerceda |
5392 |
05 a 10 |
43-54 |
162-270 |
Coristanco |
6974 |
7 a 14 |
56-70 |
210-350 |
Dubra |
4313 |
4 a 8 |
34-43 |
129-216 |
Laracha |
11337 |
11 a 22 |
90-113 |
340-567 |
Malpica |
5948 |
6 a 12 |
48-60 |
180-300 |
CARBALLO |
31358 |
31 a 62 |
250-313 |
940-1568 |
Ponteceso |
6068 |
6 a 12 |
48-60 |
180-300 |
Sas |
5219 |
5 a 10 |
42-52 |
157-261 |
Santa Comba |
10241 |
10 a 20 |
82-102 |
307-512 |
Tordoia |
4168 |
4 a 8 |
33-41 |
125-208 |
Para evitar dar paus de cego, recomendamos seguir este procedemento:
1.- Visitamos os cemiterios das diferentes parroquias do concello. Limitámonos a tomar fotografías dos textos intencionalmente redactados en galego e facemos unha observación atenta:
1.a) A indicación da titularidade. Son casos moi especiais. Hai moi poucos. Entre todas as parroquias dos concellos de que temos información, unicamente encontramos media ducia deles.
1.b) As diferentes lápidas e inscricións. Debemos observar atentamente todas as unidades e todos os soportes. Hai casos que permiten visualizar a evolución normalizadora (por exemplo: a base antiga está en castelán e unha placa correspondente a unha reutilización está en galego; as primeiras lápidas teñen inscricións en castelán e as máis recentes en galego...) e de consolidación do estándar (nas máis recentes redúcense as interferencias).
2.- Feitas as fotografías, procedemos ao primeiro traballo social seguindo as seguintes pautas:
2.a) Buscamos unha persoa que nos poda identificar as familias e inclusive que nos poda aventurar a quen correspondeu a iniciativa. Normalmente, son moi valiosas as informacións que nos transmiten (por esta orde): 1) as persoas que atenden os cemiterios; 2) os sacerdotes (no caso de que leven xa un certo tempo na localidade); 3) quen teña ou tivese cargos de representación nas asociacións de veciños; 4) comerciantes.
2.b) Aproveitando a información do primeiro informante, entramos en contacto coas persoas promotoras dos textos. Trátase de avaliar tanto as circunstancias en que foron editados (iniciativa propia; suxestión externa; creación propia; encarga...) como as reaccións ambientais (a acollida dos círculos próximos -familia e amizades- e do público xeral -veciños, clientes...-).
3.- Se continúa con forza, pode continuar o proceso. A preparación dunha exposición é unha boa maneira de socializar a documentación recollida. O acto de inauguración será unha moi boa ocasión para:
3.a) Visualizar unha panorámica das iniciativas normalizadoras feitas nas parroquias do termo municipal (identificar axentes e contidos, situar datas...).
3.b) Localizar outra documentación do ámbito familiar (celebracións, correspondencia, compravendas, testamentos; partillas...) ou inéditos de carácter literario ou ensaístico.
3.c) Avaliar a recepción social das iniciativas anteriores para ter en conta erros e acertos das actuacións normalizadoras.
No caso da didáctica, estas actividades facilitan a reorientación da estratexia de ensino, moi especialmente dos Equipos de Normalización, que tenden a programar actividades destinadas exclusivamente ao público escolar e con orientación recreativa (festas dos ciclos estacionais; excursións; espectáculos...) e teórica (conferencias). Son actividades que volatilizan os recursos económicos (que supoñen pouco para os convidados e moito para o orzamento do equipo -que actualmente non supera os 800 euros anuais-) e que contribúen moi escasamente a fidelizar/estabilizar no uso lingüístico.
No caso de concellos sen Servizo de Normalización Municipal, esta estratexia didáctica dos centros de ensino abre a colaboración a familias e entidades sociais, como mínimo no referente a orientación (modelos) e asesoramento técnico para a edición de textos. Non se trata de suplantar a oferta municipal. Ao contrario: trátase de abrir o camiño para que se cree, o que ás veces se acaba facendo aínda que non sexa máis que para neutralizar as iniciativas educativas.
CONVITE
Quero aproveitar a parte final desta exposición para estender colectivamente (ao alumnado e as súas familias, ao profesorado en xeral e, particularmente, a equipos directivos e seminarios de Linguas e Literaturas), o convite á participación no proxecto Lingua Viva quer na formulación global quer nalgunha das súas actividades específicas.
Para facilitar a colaboración ofrecemos toda a documentación xerada nas experiencias de Burela, O Vicedo e o Valadouro. Tanto os formularios de recollida como os textos derivados da investigación, as notas de prensa (convocatorias, noticias e reportaxes), as cartas e os cartaces anunciadores están dispoñíbeis para calquera persoa interesada no formato dixital co obxectivo de aproveitar o traballo xa feito, de xeito que se dispoña de máis tempo para a súa adaptación e mellora.
Na medida en que ofrecemos os nosos recursos, tamén agradecemos que se nos sexa comunicada a implementación noutros lugares. Ese é o destino do formulario que figura no anexo final.
ANEXOS
1.- DOCUMENTACIÓN XERAL
FICHA TÉCNICA |
TITULAR DO DOCUMENTO |
Sra. Nilda (empregada en Calzados Tomás) |
Teléfono: 982 58
(particular) |
End. Electrónico:
Non ten |
LOCALIZADOR(A) |
Antía Ben González |
Teléfono: 629 67 |
End. Electrónico: |
DOCUMENTO |
Recordatorio Comuñón |
Data: maio de 1974 |
Protagonista: Mª Paz Campo
Axente textual: José Campo |
OBSERVACIÓNS:
1) Podería ser o primeiro recordatorio feito en galego por unha persoa de Burela
2) A impresión fíxose en Gráficas Breogán de Foz
3) Mª Paz Campo é profesora no CEIP da Ponte do Porto
4) José Campo é Garda Civil. Está retirado e vive en Foz. |
2.- DOCUMENTACIÓN FUNERARIA
FICHA TÉCNICA |
Nome e apelidos da persoa que fai a revisión |
|
Datos de contacto |
Telf: |
Correo electr.: |
Data da revisión: |
OBSERVACIÓNS:
|
PARROQUIA |
TOTAL GALEGO |
TOTAL INSCRICIÓNS |
|
|
|
|
|
|
3.- O EXEMPLO DE CARBALLO (por xentileza de Nel Vidal, en revisión realizada no mes de xuño de 2013)
PARROQUIA |
TOTAL GALEGO |
TOTAL INSCRICIÓNS |
Aldemunde |
0 |
|
Ardaña |
|
|
Artes |
5 |
971 nichos, dos cales están ocupados, e teñen inscrición, arredor do 75% |
Berdillo |
1 |
|
Bértoa |
6 |
Hai 478 panteóns, cada un con 4 nichos (en total, 1.912 nichos, máis algún no chan). Ocupados e, polo tanto, con inscrición, están algo máis da metade |
Cances |
2(1) |
164 panteóns
656 nichos |
Entrecruces |
|
|
Goiáns |
1 |
16 + 62=78 panteóns
616 nichos |
Lema |
0 |
150 + 89= 239 pant.
956 nichos |
Noicela |
|
|
Oza |
4(1) |
94+72+74= 240 p.
960 nichos |
Razo |
4 (3)
1 CORPORATIVO |
233 panteóns
932 nichos |
Rebordelos |
|
|
Rus: Alburín + Igrexa |
0+2 |
|
Sísamo |
6
1 Corporativo |
164 panteóns
656 nichos |
Sofán |
1 + 3 |
En Sofán, á parte do que está no chan, hai cando menos, un panteón con tres inscricións en galego. |
Vilela |
|
|
Carballo |
18 unidades
13 familias (pantéons) |
|
4.- CUESTIONARIO E RESPOSTAS DE TERESA LORENZO (Xentileza de Alba García Pico)
Cuestionario
a) Como foi o paso a poñer escrita en galego a inscrición?
Foi de forma natural, xa que queriamos que fose na nosa lingua.
b) Ademais desta, tedes outras mostras de galego escrito (escrituras, publicidade, contratos...)?
Non temos máis documentos en galego.
c) Sodes lectoras/es en galego? Se é así, cales foron as vosas primeiras lecturas nesta lingua?
Actualmente leo pouco, pero cando podo si que leo en galego.
d) Escribides normalmente en galego? Se é así, que factores influíron para isto?
Escribo habitualmente en galego, no galego que aprendín de meus pais.
e) Poderiades explicar en que ambiente se redactou o texto da lápida?
En ambiente familiar.
f) Fixarádesvos para iso nalgunha outra lápida en galego que houbese anteriormente?
Non, foi tomada a decisión sen ter en conta nada máis.
Biografía da impulsora
Chámome Teresa e nacín en Recaré hai 64 anos. Os meus pais naceron tamén no Valadouro, nas parroquias de Santa Cruz e Recaré.
Eu pasei practicamente toda a miña vida na parroquia de Recaré, sendo criada na lingua de meus pais, o galego.
Empecei a escola aos 5 anos para prepararme para a primeira comuñón. Ía a Santo Tomé con dona Mercedes, da que gardo moi bos recordos. A educación e os libros eran en castelán, incluso o trato con ela fora da escola era en castelán. Alí estiven ata os 14 anos que saquei o certificado de estudos primarios.
Tamén recibín catequese para prepararme para a confirmación. Era impartida na Igrexa parroquial por seminaristas en galego. Non recordo se tiñamos libro de catecismo, pero se o había era en castelán. As misas eras impartidas en latín, co que ninguén entendía nada, a participación da comunidade era en latín, cando o sabiamos, e se non en castelán.
Aos 16 anos fun aprender a coser ao Taller de costura de Alicia en Recaré. Aquí o idioma usado era o galego, xa que era a lingua materna das que alí estabamos.
Aos 18 anos fun aprender Corte e Bordado a Coruña, as clases impartíanse en castelán, pero eu seguín usando a miña lingua, o galego.
E hoxe sigo falando galego, o galego que eu aprendín de meus pais e que lles ensinei aos meus fillos.
Biografía de Josefa Lorenzo
Josefa Lorenzo Ourol naceu en Marcurín, parroquia de Recaré de O Valadouro, no ano 1926. Foi unha dos nove fillos de “Cortiñas”.
Filla de labregos, quedou orfa de nai bastante nova. Aínda que se adaptaba bastante ben aos traballos da terra, aprendeu o oficio de costureira, oficio que primeiro facía percorrendo as casas en compañía da “mestra”, e que despois facía ela soa acompañada dunha pequena máquina de coser que levaba debaixo do brazo por toda a zona.
Foi unha muller que a pesar de ter dificultades para realizar o seu oficio porque lle custaba coller as medidas, debido a que puido ir pouco á escola, soubo superar estas barreiras para realizar con éxito o seu traballo.
Á morte de seu pai e xa maior, enfrontouse á emigración xunto con dúas irmás e unha sobriña. Naqueles momentos levaban arrendadas bastantes terras e as rendas que tiñan que pagar ao amo eran elevadas. Emprenden así unha nova etapa en Barcelona ata que decide volver a Ferrol, zona con bastante traballo.
Foi sempre coñecida como a costureira de “Cortiñas” e moi apreciada por todos os que a trataron, tanto a nivel persoal, como profesional.
Morreu aos 72 anos en Ferrol, pero foi enterrada na súa parroquia de orixe, Recaré, a onde sempre estivo moi vinculada.
5.- UN EXEMPLO DE CARBALLO (contacto realizado a través do correo electrónico)
Cuestionario
a) Como foi o paso a poñer escrita en galego a inscrición?
Moi sinxelo, foi unha decisión miña e compartida con toda naturalidade por parte da familia. Fíxose a necrolóxica, os recordatorios, a misa, todo en galego.
Ademais non existe nesta decisión ningunha causa de convicción política nin nada parecido. En galego por naturalidade.
b) Ademais desta, tedes outras mostras de galego escrito (escrituras, publicidade, contratos...)?
Sempre que se fai algo si, o meu propio nome está galeguizado por sentenza xudicial, cando se tiña que facer así, tramitación de escritos , etc. Sempre que vaia dirixido a persoas que entendan o galego.
c) ¿Sodes lectoras/es en galego? Se é así, cales foron as vosas primeiras lecturas nesta lingua?
Si, sobre todo en libros, xa que na prensa escrita brilla o galego pola súa ausencia. Memorias dun neno labrego, O principiño.
d) Escribides normalmente en galego? Se é así, que factores influíron para
isto?
Si, ningún, a mesma realidade de escoitar e falar galego na familia. Ter en conta que a hora de estudar, por exemplo no meu caso e do meu irmán non existía o galego como materia.
e) ¿Poderiades explicar en que ambiente se redactou o texto da lápida?
En ambiente familiar, quixemos facerlle un recordo persoal de cariño e lembranza en nome de todos os que o querían e apreciaban, non só da familia.
f) Fixarádesvos para iso nalgunha outra lápida en galego que houbese anteriormente?
Non, xa que no campo santo de Carballo a verdade é que penso que non hai moitas, polo menos que nós víramos, foi unha decisión familiar.
Biografía de Luís Arán Eirín
O noso pai Luís Arán Eirin naceu o 14 de outubro de 1931, na Rúa do Sol en Carballo. Fillo do latoeiro (picheleiro) José María Arán España, da parroquia de Oza, e de María Eirin Barreiro da parroquia de San Xoán, o comerciante Luís foi o décimo segundo de trece irmáns. Criouse na casa familiar da Rúa do Sol cos pais e irmáns e foi á escola. Como na casa familiar tiñan unha tenda de bazar e tamén na parte traseira un taller rexentado polo seu pai, dedicábanse á montaxe de instalación de auga, de soldaduras e canalóns para cubertas, así como á confección de todo tipo de moldes de folla de lata.
Tamén acudían a todas as feiras da comarca con un posto ambulante, no que el axudaba.
Luís, ao rematar a educación básica, comezou como aprendiz de ebanista, para máis tarde dedicarse a este oficio. Unha vez casado con Blandina Rodríguez García, nacida o 18 de agosto de 1937 na parroquia de San Bieito de Golmar, na Laracha, en 1963 tiveron o seu primeiro fillo, Luís Ramón Arán Rodríguez, e en 1964 o segundo, José María Arán Rodríguez.
Neste ano 1964, o matrimonio marcha para Alemaña, deixando o seu fillo Luís Ramón na casa dos avós paternos e a José María na dos avós maternos.
Na Suíza, o emigrante galego Luís Arán Eirín estivo traballando na montaxe de carpinterías de madeira e, máis tarde, entrou a traballar na factoría de Mercedes Benz, onde estivo até o seu regreso. A súa dona, traballou nun hospital como axudante.
Mentres eles estaban na emigración, o seu cuñado, Claudio Gallego Vicente, estáballe a supervisar a construción dunha casa unifamiliar, nos terreos que mercaran na rúa Travesía Vázquez de Parga, núm. 9, en Carballo, cos cartos que estaban a gañar na emigración. Cando a casa estivo rematada, retornaron e instaláronse cos fillos no seu novo fogar. Foi só tres anos despois, en 1967.
Luís Arán Eirín exerceu a profesión de ebanista na carpintería dos irmáns Pereira en Carballo durante outros tres anos (entre 1967 e 1970) e, máis tarde, comezou a traballar na fábrica de mobles Blasco S.A., no polígono industrial de Sabón en Arteixo, onde rematou o seu período laboral prexubilándose en 1984.
Como home servizal, ao ser moi coñecido en Carballo, sempre tiña chamadas de veciños para facer pequenos arranxos nas casas. Eran cousas pequenas: mobles aos que lles rompeu unha pata, aquelas cerraduras que non funcionaban, cousas así; porque el non sabía dicirlle que non á xente.
Luís sempre foi un home alegre. Contaban na casa de seu pai que, onde se escoitaba estoupar un “foghete” nas festas, alí estaba el, bailador, home namorado de festas e verbenas.
De mozo, entre os compañeiros de troula tiña o alcume de “paripa”. Xa de casado, o seu mundo foi a familia. Acompañado da dona e os fillos, saía pasear e tomar o chocolate con churros, cear nos locais de hostalería da época e os domingos visitar o pai, os irmáns Pepe e Maruja e súa sobriña Chicha, que quedaron na casa familiar.
Sempre foi un home de casa e de vida san. Non fumaba e bebía uns vasos de viño esporadicamente. Os domingos, antes de comer, gustaba de ir tomar o café ao seu bar de referencia, o San Cristóbal, para xogar algunha partida cos amigos.
No ano 2009 detectóuselle a enfermidade de alzhéimer, que o mantivo na súa casa até o día da súa morte, o 1 de abril de 2013.
Está soterrado no camposanto municipal de Carballo e na súa lápida figura a seguinte inscrición:
D. LUIS ARAN EIRIN
FINOU O 1 DE ABRIL DE 2013
AOS 81 ANOS
D.E.P.
Sobrevivirá a túa imaxe na memoria de todos os que te quixeron.
OUTRAS REFERENCIAS
1) Visualización da primeira fase do Vicedo:
2) Explicación do proceso na Universidade da Coruña
3) Vídeo da xornada de dinamización sobre os epitafios.
4) Aplicación no Valadouro.
5) Exposición xeral.