Xaquín Loredo Gutiérrez
Licenciado en Psicoloxía e investigador do Seminario de Sociolingüística da RAG. É coautor de varias obras que pretenden investigar usos, competencias e actitudes da sociedade galega e tamén sobre o cambio de lingua, como por exemplo, a Situación do ensino da lingua e literatura galega na educación secundaria obrigatoria, Avaliación da competencia do alumnado da ESO en galego e castelán, o II Mapa sociolingüístico de Galicia ou O galego, segunda mocidade.
Nº6: Ano 2015
Xaquín Loredo Gutiérrez
Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A evolución da transmisión lingüística interxeracional do galego
Neste artigo, Xaquín Loredo ten como obxectivo, por unha parte, analizar a evolución da situación da lingua galega nas principais variables demolingüísticas (i.e. competencias lingüísticas, uso lingüístico habitual do galego, lingua inicial, lingua habitual) e, por outra parte, analizar o nivel de ruptura da transmisión interxeracional familiar do galego.
Versión en PDF
Para enviar valoracións do artigo ao autor:
sociolinguistica@academia.gal
1. INTRODUCIÓN
Os últimos datos demolingüísticos
dispoñibles sobre a situación da lingua galega foron publicados en decembro de
2014 (Instituto
Galego de Estatística. IGE, 2013). Estes resultados pertencen ao Módulo de galego da Enquisa de Condicións
de Vida das Familias (ECVF), enquisa que tamén se administrou en 2003 e 2008 (Instituto
Galego de Estatística. IGE, 2004, 2008). Os resultados do IGE-2013, ademais de ser os últimos datos
demolingüísticos existentes, permiten analizar a evolución da lingua galega
desde inicios do século XXI, xa que os resultados son comparables cos datos do
IGE-2008 e IGE-2003, e en menor medida, con outros estudos como o MSG-1992 (Seminario
de Sociolingüística da RAG, 1994).
Os estudos demolingüísticos do
IGE-2003, 2008 e 2013 non son as únicas investigacións dispoñibles para
analizar a situación do galego. Outra fonte de datos importante son os Censos
Lingüísticos de 1991, 2001 e 2011 (a partir de agora CL-1991,CL-2001, CL-2011).
Os Censos Lingüísticos preguntan sobre usos e competencias lingüísticas en
galego, utilizando dúas preguntas. A
pouca información achegada polos Censos Lingüísticos súplese polo nivel de
representatividade, xa que estas dúas preguntas fixéronselle a toda a poboación
en 1991 e 2001, e a unha mostra considerable en 2011 (207.942). O estudo sociolingüístico de maior
importancia en Galicia foi o Mapa Sociolingüístico de Galicia de 1992 (a partir
de agora, MSG-1992) caracterizado polo tamaño da mostra (38.897 enquisas) e
cuestionario administrado (148 preguntas).
A continuación do MSG-1992, o Mapa Sociolingüístico de Galicia de 2004
(a partir de agora, MSG-2004), foi criticado especialmente polo deseño da
mostra, dado que soamente contemplaba a poboación que puidese ser posible
obxecto de intervención (15-54 anos), xa que en 2003 o IGE acababa de
administrar outra enquisa coa mesma finalidade (González
et al., 2011; González, Rodríguez, Fernández, Loredo, & Suárez, 2006, 2008;
Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994, 1995, 1996). Por último, mencionamos os estudos sobre Conocimiento y uso de las lenguas en España (Siguán,
1994, 1999). Esta serie, composta por dúas investigacións realizadas
polo Centro de Investigacións Sociolóxicas, ten como ámbito de análise todas as
comunidades con lingua propia. A
diferenza substancial desta serie fronte ao resto é a capacidade para comparar resultados
de diferentes linguas (a partir de agora, CIS-1994, 1999).
Despois de que os medios de
comunicación desen conta dos resultados do IGE-2013, dunha forma moi sucinta, o
Seminario de Sociolingüística da RAG está realizando unha análise en
profundidade dos datos demolingüísticos dispoñibles ata o momento, centrándonos
nos resultados do IGE-2013. Esta análise
seguirá as liñas de estudos previos realizados polo Consello da Cultura para as
enquisas do IGE-2008 e IGE-2003 (Monteagudo,
Carballo, & Casares, 2011; Monteagudo, Lorenzo, Casares, Loredo, &
Suárez, 2005). Este estudo está
planificado para saír en dúas fases: a) A sociedade e o idioma (1992-2013); b)
A transmisión lingüística interxeracional.
Este artigo ten dúas partes
diferenciadas. A primeira parte ten como obxectivo analizar a evolución da
situación da lingua galega nas principais variables demolingüísticas (i.e.
competencias lingüísticas, uso lingüístico habitual do galego, lingua inicial,
lingua habitual). A segunda parte
destinada a analizar o nivel de ruptura da transmisión interxeracional familiar
do galego.
2. MÉTODO
2.1. MICRODATOS
Os
microdatos utilizados para realizar este estudo foron: IGE-2003, IGE-2008,
IGE-2013 e MSG-92, esta última soamente para análise de competencias. As bases de datos complementarias serán as
relacionadas co Censo Lingüístico: CL-1991, 2001 e 2011.
As
Figuras 1 e 2 presentan as características dos estudos mencionados e outras
investigacións demolingüísticas de carácter xeral realizadas en Galicia. A Figura 1 está centrada nos datos dos Censos
Lingüísticos e evidencia a diferenza entre os CL-1991 e 2001 fronte ao CL-
2011, os dous primeiros recollen toda a poboación obxecto de estudo mentres o
CL-2011 é unha enquisa de gran tamaño, en concreto de 207.942 persoas.
Figura 1. Censos Lingüísticos. Distribución por anos e tamaño da mostra
A Figura 2 presenta os principais estudos
demolingüísticos representados nun eixe de tamaño da mostra e ano da
administración da enquisa. As
investigacións presentadas son: Mapa(s) Sociolingüístico(s) de Galicia (MSG),
Enquisa(s) de Condicións de Vida do IGE (IGE), Conocimiento y Uso de las Lenguas en España do Centro de
Investigaciones Sociológicas (CIS) e, por último, a enquisa realizada polo
Observatorio da Lingua Galega (a partir de agora, OLG). Non se inclúe nesta relación investigacións
sociolingüísticas sectoriais porque non entran nos obxectivos deste traballo. (e.g. Ayestarán &
De la Cueva, 1974; Rojo, 1979).
Figura 2. Estudos demolingüísticos xerais. Distribución por
anos e tamaño da mostra*
2.2. MEDIDAS
Este
estudo analizará: a) as competencias lingüísticas autopercibidas, b) usos
lingüísticos do galego a través da pregunta do Censo Lingüístico, c) lingua
inicial, d) lingua habitual e, e) índice de transmisión lingüística
interxeracional do galego.
As
competencias lingüísticas autopercibidas en galego estudaranse desde dúas
perspectivas diferentes: a) datos do Censo Lingüístico onde soamente se
pregunta se se ten capacidade para entender, falar, ler e escribir e en galego;
e b) pregunta utilizada nos Mapas Sociolingüísticos e IGE onde se lle pide ao
enquisado que valore as súas competencias nunha escala de catro puntos (i. e.
nada, pouco, bastante, moito) nas catro destrezas. Para a exposición dos
resultados utilizarase o concepto de ‘dominio efectivo’, concepto que consiste
en sumar as alternativas ‘moito’ e ‘bastante’ (Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994).
O
estudo da transmisión lingüística familiar interxeracional realizouse a través
do Índice de Transmisión Interxeracional (ITI). O ITI provén da adaptación dun indicador utilizado en Cataluña (Fabà & Montoya, 2012; Miralles & Abat, 2011;
Torres-Pla, 2006). Este índice amosa o cambio lingüístico que se
produce entre a herdanza lingüística recibida polo individuo e a escollida para
os fillos, constituíndo unha das formas de medir a vitalidade dunha lingua (Torres-Pla, 2009). En Galicia, un índice destas características
foi utilizado no OBLG-2007 (Observatorio da lingua galega, 2007) e polo Seminario de Sociolingüística que
utilizou un indicador chamado ICEP
Este
traballo utiliza unha modificación do indicador proposto por Torres-Pla (2009) en dous aspectos:
a) este autor utiliza como unha das variables a ‘lingua falada cos pais’, aquí
utilizase a ‘lingua na que lle falaban os seus pais cando eran nenos’; b)
utiliza a %LAPa mentres aquí utilizamos a %LAPb, é dicir, soamente escollemos a
poboación con fillos. No seu artigo xustifica
que apenas existen diferenzas entre utilizar unha formula ou outra. En definitiva, para este artigo escóllese a
fórmula (2) fronte a (1) para o ITI.

%LAPa= porcentaxe dos que falaban a lingua
A cando eran pequenos de forma exclusiva ou predominante cos proxenitores.
%LAPb= porcentaxe dos que falaban a lingua
A cando eran pequenos de forma exclusiva ou predominante cos proxenitores e
teñen fillos.
%LAF= porcentaxe dos que falan a lingua A
de forma exclusiva ou predominante cos fillos.
O
resultado final é unha puntuación que oscila entre -1 e +1 que, por tanto,
permite xerarquizar as diferenzas de intensidade do avance ou retroceso dunha
lingua. Este índice levará por nome ITIGal.
3. RESULTADOS
3.1. OS COÑECEMENTOS LINGÜÍSTICOS
A
finalidade deste apartado é analizar os coñecementos lingüísticos en galego da
poboación galega. Por coñecemento lingüísticos entendemos a capacidade para
entender e ler –habilidades receptivas- e a capacidade para falar e escribir
–habilidades produtivas- que teñen os galegos de cinco ou máis anos na lingua
propia. As medidas que se van utilizar
caracterízanse por ser autoavaliacións en relación a uns criterios propios,
criterios que son descoñecidos polos investigadores (Solé, 2008)
Os
resultados do Censo Lingüístico sobre as competencias lingüísticas dos galegos
indican que case a totalidade da poboación comprende oralmente esta lingua,
incluso na produción oral, a porcentaxe de persoas que se autoavalían como
competentes para falar en galego é lixeiramente superior ao 90% (Figura
3). A análise evolutiva das competencias
orais desde 1991 ata 2011 indica que o número de persoas que comprenden a
lingua galega aumentou en máis de 100.000 persoas e, case en 30.000 os
enquisados que poden falalo. Centrándonos na capacidade lectoescritora, esta habilidade aumentou
considerablemente en dez anos (1991-2001, non hai datos de 2011), xa que a
porcentaxe de persoas que teñen a capacidade para ler e escribir en galego
aumentou cerca de vinte puntos (Figura 3).
Figura 3. Competencias lingüísticas dos galegos (%)
Fonte: Datos do Censo de Poboación e
Vivendas de 1991, 2001 e 2011*.
Poboación: Poboación de 5 ou máis anos
*Os
resultados das habilidades lectoescritoras do Censo Lingüístico galego de 2011
non están dispoñibles
A
evolución do ‘dominio efectivo’ das competencias en galego (Figura 4) nas
persoas de 15 ou máis anos, 16 ou máis no caso do MSG-1992, está caracterizada
por unha estabilidade nas competencias orais, tanto activas como pasivas, con
datos semellantes ao do Censo Lingüístico.
A poboación cun dominio efectivo nas competencias de comprensión escrita
case se duplicou entre 1991 e
2003.
A
partir dese momento, en ‘porcentaxes totais’, sufriu
un certo estancamento.
Figura 4. Evolución do ‘dominio efectivo’ das
competencias lingüísticas en galego desde 1992 a 2013 (%)
Fonte: Mapa Sociolingüístico de Galicia
1992 e Enquisa de condicións de vida das familias 2003, 2008 e 2013.
Poboación: Galegos/as de 15 ou máis anos no
IGE (2003, 2008, 2013) e galegos/as de 16 ou máis anos no MSG (1992).
A
figura 5 presenta o dominio efectivo dos galegos nas destrezas expresivas,
tanto orais coma escritas, segundo a idade, en 2013 (IGE-2013). Os resultados indican unha continua evolución
positiva na destreza escrita a medida que a idade dos enquisados é menor. Esta
tendencia pódese resumir en que un 16,85% das persoas maiores de 75 anos teñen
a capacidade efectiva para escribir en galego, mentres nos de 15 a 19 a porcentaxe aumenta ata un
92,17%. De feito, a figura 5 reflicte un
fenómeno de inversión entre dominio efectivo escrito e oral. Este efecto consiste en que, mentres nos
maiores de 75 anos hai unha distancia de 80,64 puntos entre as persoas cunha
capacidade para falar en galego fronte as persoas que son capaces expresarse
por escrito, nos tramos de idade máis nova (i.e. 15-19, 20-24) hai unha
porcentaxe lixeiramente superior de persoas que son capaces de expresarse por
escrito en galego fronte as que son capaces de expresarse oralmente (i.e. 15-19
anos: 3,58%). Esta tendencia xa se
percibía no tramo de 10 a
14 anos do Censo Lingüístico de 2001 e aquí as diferenzas eran incluso maiores
(i.e. 7,37 puntos).
Figura 5. Dominio efectivo na expresión oral e escrita en galego segundo a idade.2013 (%)
Fonte: Enquisa de condicións de vida das
familias 2013.
Poboación: Galegos/as de 15 ou máis anos.
3.2. AS LINGUAS EN
GALICIA
3.2.1. O CENSO LINGÜÍSTICO
A
primeira aproximación ás linguas en Galicia facémola a través dos datos de
utilización do galego recollidos nos Censos Lingüísticos (Figura 6). A principal conclusión que se pode tirar da
comparación dos resultados de 1991 e 2001 é a existencia dunha certa
estabilidade na utilización do galego.
Resumindo, nesa década, un millón e medio de galegos indicaban utilizar
‘sempre’ a lingua galega e oitocentas facíano ‘ás veces’. A diferenza correspóndese co número persoas
que sinalaban que ‘nunca’ utilizaban o galego , xa que a súa cifra duplicouse
neses dez anos. Hai que sinalar que o CL-1991 ten unha porcentaxe importante de
casos perdidos ( 5,36%).
Os
datos de utilización do galego, despois da ‘relativa’ estabilidade entre 1991 e
2001, sufriron unha involución importante, as persoas que sinalaban que
utilizaban ‘ás veces’ galego superaron en número ás persoas que indicaban que
‘sempre’ falaban galego. En definitiva, este último grupo perdeu máis de
270.000 falantes monolingües en galego.
Figura 6. Uso da lingua galega en 1991, 2001 e 2011 (N)
Fonte: Datos do Censo de Poboación e
Vivendas de 1991, 2001 e 2011.
Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos
*Censo de Poboación e Vivendas de 1991. Alternativa ‘non
consta’: 142.166 persoas (5,36%)
3.2.2. A LINGUA INICIAL
Os
datos recollidos na última enquisa do IGE acerca da variable lingua inicial ou
lingua que aprendeu a falar cando era neno (Figura 7) indican que en 2013 os
galegos de 5 ou máis anos aprenden a falar maioritariamente en galego (40,86%),
seguidos a dez puntos polos castelanfalantes iniciais (30,88%) e, a pouca
distancia, polos bilingües iniciais (25,26%).
A análise da evolución dos resultados, tendo en conta os datos do
IGE-2004, IGE-2008 e IGE-2013, indica que a poboación con lingua inicial
‘galego’ vai diminuíndo progresivamente mentres aumenta a porcentaxe de persoas
que aprenden a falar nas dúas linguas.
Figura 7. Lingua inicial en 2003, 2008 e 2013 (%)
Fonte: Enquisa de Condición de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013.
Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos.
Utilizando
de referencia para a análise os valores absolutos, os resultados da lingua
inicial (Táboa 1) indican que os bilingües iniciais duplicáronse nos dez anos transcorridos
entre 2003 e 2013 (54,1%), pola contra os galegofalantes iniciais descenderon
un 21,79%. Os castelanfalantes iniciais
apenas sufriron variación (+2,19%).
Analizando
aos galegofalantes iniciais por tramos (i.e. 2003-2008 e 2008-2013) percíbese
unha aceleración progresiva da perda de falantes (2003-2008:-112.604;
2008-2013: -180.791). A situación dos
castelanfalantes iniciais foi cambiante nesta década. O primeiro tramo reflectía que estas persoas
diminuían (-73.045), mentres, pola contra, estes últimos anos o seu número
aumentaba (+90.074). Esta oscilación
entre o primeiro e segundo período temporal tamén está presente nos bilingües
iniciais: aumento en 2003-2008 (+181.345) e redución do aumento no segundo
tramo (+48.159).
Táboa 1. Lingua
inicial da poboación galega de 5 ou máis anos, en valores absolutos. Anos 2003,
2008 e 2013
|
A |
B |
C |
2003-2008 |
2008-2013 |
2003-2013 |
|
2003 |
2008 |
2013 |
B-A |
(B-A)/A % |
C-B |
(C-B)/B % |
C-A |
(C-A)/A % |
As dúas |
421.798
|
603.143
|
651.302
|
181.345
|
42,99%
|
48.159
|
7,98%
|
229.504
|
54,41%
|
Galego |
1.346.716
|
1.234.112
|
1.053.321
|
-112.604
|
-8,36%
|
-180.791
|
-14,65%
|
-293.395
|
-21,79%
|
Castelán |
779.140
|
706.095
|
796.169
|
-73.045
|
-9,38%
|
90.074
|
12,76%
|
17.029
|
2,19%
|
Outras |
41.720
|
63.104
|
77.178
|
21.384
|
51,26%
|
14.074
|
22,30%
|
35.458
|
84,99%
|
TOTAL |
2.589.375
|
2.606.453
|
2.577.969
|
17.078
|
0,66%
|
-28.484
|
-1,09%
|
-11.406
|
-0,44%
|
Fonte: Elaboración
propia. IGE, Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2003, 2008 e 2013.
A
representación gráfica dos resultados de lingua inicial das series do IGE
utilizando valores absolutos (Figura 8) permite observar visualmente a súa
evolución. A maiores, represéntase a
liña da tendencia de evolución dos datos ata 2016.
O
IGE estimaba que en 2003 existían 1.346.716 persoas que aprenderon a falar ‘en
galego’, cifra que se foi reducindo aceleradamente ata chegar en 2013 ao millón
de persoas (1.053.312). As previsións
indican que a partir de 2015 esta cifra será inferior ao millón de
persoas. Estímase que o número de
bilingües iniciais en 2015 acadará o número de 700.000 persoas.
Sen
realizar unha estimación en firme da evolución dos castelanfalantes iniciais,
todos os datos indican que o número será superior a 796.169. A pregunta que se nos presenta é se entre 2013
e 2018 o número de falantes iniciais ‘en castelán’ aumentará na mesma medida,
menos ou máis que entre 2008 e 2013 (12,76%). Asumindo
unha tendencia igual que entre 2008 e 2013, en 2018 o número de castelanfalantes
iniciais en 2018 será arredor de 900.000, moi próximo ao número de
galegofalantes iniciais.
Figura 8. Evolución da lingua inicial da poboación galega de 5 ou máis anos desde
2003 a 2013, en valores absolutos. Previsións de evolución a 2016.*
Poboación: Galegos/as
de 5 ou máis anos
Fonte: Enquisa de Condición de Vida das
Familias, 2003, 2008 e 2013.
3.2.3. A LINGUA HABITUAL
A
lingua habitual dos galegos entre os anos 2003 e 2013 evolucionou en
porcentaxes xerais a favor do castelán.
Os monolingües en castelán aumentaron desde o 19,56% en 2003 ao 25,95%
en 2013 (Figura 9).
Figura 9. Lingua habitual dos galegos en 2003, 2008 e 2013
Poboación:
Galegos/as de 5 ou máis anos
Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das
Familias, 2003, 2008 e 2013
No
resto de alternativas, a comparativa complícase, xa que na enquisa de 2003
semella que os enquisados utilizaron criterios diferentes para realizar as súas
escollas bilingües ou monolingües. Esta
primeira serie do IGE obtén unhas cifras de monolingüísmo significativamente
máis avultadas que nas enquisas de 2008 e 2013, incluso que na enquisa do
MSG-1992. Tratando de minimizar esta distorsión
comparouse galego (i.e. só galego, máis
galego) fronte a castelán (i.e. só castelán, máis castelán). Os resultados sobre a evolución do uso da
lingua galega indican un descenso progresivo que oscila desde o 61,2% en 2003
ata un 50,9% en 2013 (Figura 7).
Como mencionabamos, a
evolución dos resultados de lingua habitual dos anos 2003, 2008 e 2013 difiren
significativamente. En cifras xerais, os
monolingües habituais en galego diminuíron un 29,08%, diminución que recaeu no
tramo de 2003-2008, mentres o número de bilingües nesta lingua en cifras totais
aumentou (8,81%), aínda que, analizándoo por tramos, entre 2003-2008 case se
duplicaron (45,75%) fronte ao sucedido entre 2008-2013, que diminuíron un
25,35%. O número de persoas que falaban
habitualmente en castelán aumentou un 31,15% entre 2003-2013, aumento que se
focalizou nos últimos anos (2008-2013).
Táboa 2. Lingua habitual da poboación galega de 5 ou
máis anos en valores absolutos. Anos 2003, 2008 e 2013.
|
A |
B |
C |
2003-2008 |
2008-2013 |
2003-2013 |
|
2003 |
2008 |
2013 |
B-A |
(B-A)/A % |
C-B |
(C-B)/B % |
C-A |
(C-A)/A % |
En galego |
1.112.670 |
779.297 |
789.157 |
-333.373 |
-29.96% |
9.860 |
1.27% |
-323.513 |
-29.08% |
Máis galego |
471.781 |
687.618 |
513.325 |
215.837 |
45.75% |
-174.293 |
-25.35% |
41.544 |
8.81% |
Máis castelán |
484.881 |
583.880 |
563.135 |
98.999 |
20.42% |
-20.745 |
-3.55% |
78.254 |
16.14% |
En castelán |
506.322 |
521.606 |
664.052 |
15.284 |
3.02% |
142.446 |
27.31% |
157.730 |
31.15% |
Outras |
13.005 |
28.622 |
29.536 |
15.617 |
120.08% |
914 |
3.19% |
16.531 |
127.11% |
TOTAL |
2.588.659 |
2.601.023 |
2.559.205 |
12.364 |
0.48% |
-41.818 |
-1.61% |
-29.454 |
-1.14% |
Fonte: Elaboración
propia. IGE, Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2003, 2008 e 2013.
Para
analizar a evolución dos usos lingüísticos habituais en Galicia desde
2003 a
2013 e facer unha
proxección a curto prazo, escolléronse as alternativas de ‘galego’ (i.e. só
galego e máis galego), ‘castelán’ (i.e. só castelán e máis castelán) e
‘outras’. Desta forma expóñense os
resultados dunha forma máis clara e ao mesmo tempo que se aumenta a fiabilidade
dos resultados.
A
figura 10 indica que o número de persoas que falan galego diminuíu desde máis
de 1.580.000 en 2003 a
arredor de 1.300.000 en 2013, mentres o número de castelanfalantes aumentaba en
máis de 200.000 persoas nesa mesma década.
Simplificando, o galego segue a ser lingua maioritaria en 2013, aínda
que cunha pequena diferenza de 70.000 falantes co castelán. As previsións indican que 2015 será o punto
de inflexión para a lingua galega e esta pasará a ser a lingua minoritaria en
Galicia. Este proceso de perda de
falantes podería acelerarse aínda máis pola falta de masa social galegofalante
nos tramos máis novos e en contextos urbanos.
Figura 10. Lingua habitual da poboación galega de 5 ou máis anos, en valores absolutos. Anos
2003 a
2013. Previsións de
evolución a 2015.
Poboación:
Galegos/as de 5 ou máis anos
Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das
Familias, 2003, 2008 e 2013
3.3. A TRANSMISIÓN
LINGÜÍSTICA INTERXERACIONAL (ITIGAL)
Os
resultados do ITIGal resumen a situación de cambio interlingüístico entre a
herdanza lingüística recibida dos pais e a herdanza lingüística transmitida
polo individuo. A situación que se
desprende dos datos do IGE-2008 e IGE-2013 é un índice de transmisión
lingüística cara ao galego negativo (véx. Figura 11). A transmisión familiar interxeracional do
galego está mediatizada por unha significativa introdución do castelán. O ITIGal no IGE-2008 indícanos que a presenza
do galego no contexto familiar vai diminuíndo (-0,14), presenza que segue a
diminuír no 2013 (-0,16).
Figura 11. A transmisión lingüística
do galego (ITIGal) en 2008 e 2013 (%)
Poboación: Galegos/as
con fillos/as.
Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das
Familias 2008 e 2013
Os
índices de transmisión interxeracional presentados ata agora non permiten
afondar na evolución do ITIGal, soamente permite comparar a situación de 2008
coa de 2013. A Figura 13 analiza a
evolución deste índice utilizando o ano de nacemento como variable
evolutiva. Os resultados indican que, en
maior ou menor medida, a ruptura da transmisión interxeracional do galego está
presente desde os nados nos anos trinta e ata os nados na década dos noventa. O ITIGal desde os anos trinta situouse nunhas
cifras próximas ao -0,15 e foi a partir dos anos setenta cando esa ruptura
interxeracional aumentou a cifras arredor do -0,20 ata principios dos anos
oitenta. Desde finais dos anos oitenta ata finais dos noventa, os datos non son
concluíntes por varias causas: a) idade dos enquisados; b) pouca
representatividade da mostra de persoas con fillos desas idades. Non obstante, un resultado que se pode
extraer, tendo en conta os problemas de validez destes datos, é que os índices
son inferiores aos acadados nos nados na década dos setenta e principios dos
oitenta, aínda que haberá que realizar máis análise para confirmar estes
resultados.
Figura 2. Evolución
da transmisión interxeracional do galego (ITIgal) por ano de nacemento.
Diferenzas entre os resultados dos ITIgal dos nados con idade media entre 1935
e 1981 (ITIgal_axustado) e os nados con idade media entre 1986 e 1996
(ITIgal_desaxustado)
Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das
Familias 2013
4.
CONCLUSIÓNS
A
sociolingüística galega avanzou moito no ámbito demolingüístico en Galicia
desde 1992 grazas ao pulo que lle proporcionou o Mapa Sociolingüística de
Galicia. Na actualidade, conta cunha
serie de enquisas demolingüísticas (i.e. González et al., 2006; Instituto Galego de
Estatística. IGE, 2004, 2008, 2013; Observatorio da lingua galega, 2007;
Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994) que lle permiten
realizar unha radiografía da evolución sociolingüística en Galicia desde 1992
ata 2013, incluso se poden realizar proxeccións ata principios do século XX
utilizando a variable idade e variables sociolingüísticas non dependentes do
contexto actual (i.e. lingua inicial, lingua que se falaba cos pais cando era
pequeno) ou predicións de futuro (i.e. Seoane, Casares, Monteagudo, & Mira, n.d.). De forma
complementaria, os Censos Lingüísticos proporcionan unha información importante
para complementar a radiografía da situación do galego, especialmente cando se
quere realizar un estudo cunha representatividade a nivel concello ou comparalo
cos datos doutras comunidades con lingua propia.
Os
niveis de competencia lingüística autopercibida en galego poden valorarse como
bos, tanto nas destrezas comprensivas como expresivas. A porcentaxe de comprensión oral do galego
aproxímase ao 100% e a proporción de enquisados que indican que poden falar
galego están próximas ao 90%. As proporción
de persoas con destrezas escritas suficientes en galego son inferiores ás
orais, especialmente cando se valora a expresión escrita, onde as cifras xerais
se aproximan ao 60% da poboación. A comprensión escrita acércase ás cifras das
destrezas orais (84,78%). A evolución das destrezas lingüísticas indica
unha estabilidade nas destrezas orais desde 1992 e un comportamento desigual
nas destrezas escritas. A comprensión
escrita aumentou significativamente de 1992 a 2003, sufrindo a partir dese ano unha
certa paralización do dominio efectivo da poboación, quedando en porcentaxes
próximas ao 85% do total. A porcentaxe
de persoas cunha capacidade para expresarse en galego por escrito aumentou
axustándose a unha pendente que se vai suavizando co transcurso do tempo,
acercándose na actualidade a porcentaxes próximas ao 60%.
Enfocando
o estudo das competencias lingüísticas por idade, o panorama sociolingüístico é
revelador. O dominio da expresión
escrita evoluciona na enquisa do IGE-2013 desde un 16,85% na poboación de
maiores de 75 ata un 92,17% nos rapaces de 15 a 19 anos. De feito, atopámonos cun dato
significativo, nos maiores de 75 hai un 80,64% da poboación que sabe falar en
galego pero non sabe escribir, pola contra, hai un 3,58% da poboación de entre
15 e 19 anos que indica ter un dominio efectivo para escribir en galego, pero
considera que non ten a destreza suficiente para falalo. Esta circunstancia non é única dese tramo de
idade, ese mesmo perfil repítese entre os que teñen entre 20 e 24 anos e
confirmábase con datos do Censo Lingüístico de 2001.
Este
artigo afondou no estado da situación das linguas en Galicia a través dos
Censos Lingüísticos e os datos da serie do IGE-2003, 2008 e 2013. Utilizouse a pregunta de usos lingüísticos do
Censo de Poboación e Vivenda para ter un visión xeral da situación desde 1991
ata 2011 e as dúas variables sociolingüísticas (i.e. lingua inicial, lingua
habitual) para estudar a evolución neste século. O primeiro resultado de importancia
proveniente do Censo Lingüístico fai referencia á existencia dun certo período
de estabilidade entre 1991 e 2001, aínda que con algunhas oscilacións no número
de falantes dunha ou outra opción. As
grandes diferenzas están centradas entre os anos 2001 e 2011. Neste intervalo temporal, a lingua galega
perdeu un total de 311.294 de falantes monolingües, manténdose un número
importante de persoas que nunca falaron esta lingua (287.837).
O
IGE-2013 indica que a lingua inicial maioritaria dos galegos segue a ser o
galego (40,86%), seguida polo castelán (30,88%) e as dúas (25,26%). Por si
mesmos, estes resultados seguen a ser favorables cara á lingua galega, o
problema xorde cando se analiza a súa evolución desde 2003 a 2013. No transcurso
destes dez anos, o número de persoas que sinalan o ‘galego’ coma a súa lingua
inicial diminuíu un 21,79%, en contrapartida ao número de persoas que sinalaban
‘as dúas’ que aumentou un 54,41%.
Os
resultados de lingua habitual do IGE-2013 confirma os datos de usos do Censo
Lingüístico. A lingua utilizada
maioritariamente polos galegos de 5 ou máis anos en 2013 era o galego, a
porcentaxe total de galegofalantes (i.e. só galego, máis galego) era dun 50,9%,
a diferencia era de arredor de 70.000 falantes.
Seguindo a mesma tendencia que a lingua inicial, nestes dez anos
(2003-2013) o número de monolingües en galego diminuíu un 29,08%, mentres
aumentaba un 31,15% o número de monolingües en castelán. Destacamos como dato positivo que o número de
bilingües en galego aumentou un 45,75% nos primeiros anos (2003-2008). Unha das conclusións máis importantes que se
poden extraer dos resultados analizados é que a lingua galega deixará de ser a
lingua maioritaria de Galicia en 2015 (ano en curso), se seguen as tendencias
observadas.
Despois
das conclusións anteriores, resulta evidente que en Galicia existe unha ruptura
da transmisión lingüística interxeracional.
O problema que se suscitaba cando decidimos introducir a análise deste
construto era: de que calibre? Os
resultados indicaron que a ruptura interxeracional oscilaba entre un 14% no
IGE-2008 e un 16% no IGE-2013, ruptura centrada nos monolingües en galego e nas
persoas que naceron na década dos 70.
En
definitiva, as principais conclusións que se poden tirar deste artigo son que
mentres os resultados das competencias autopercibidas lectoescritoras en galego
son positivas, os datos sobre a lingua habitual e inicial empeoraron. As
previsións para a lingua habitual indican que o castelán será a lingua
maioritaria dos galegos en 2015 e que arredor do ano 2020, os galegos deixarán
de aprender maioritariamente en galego para aprender maioritariamente en galego
e castelán. Respecto da transmisión interxeracional,
sinalamos que a maior ruptura produciuse nos nacidos na década dos anos setenta,
circunstancia que estamos sufrindo nestes momentos xa que esa xeración está
inmersa en pleno proceso de transmisión lingüística da seguinte xeración.
Referencias
bibliográficas
Abrams, D., & Strogatz, S. (2003).
Linguistics: Modelling the dynamics of language death. Nature, 424,
900. Retrieved from http://www.nature.com/nature/journal/v424/n6951/abs/424900a.html
Ayestarán, M., & De la Cueva, A. (1974). Las familias
de la provincia de Pontevedra en 1974. Sevilla, Instituto de Ciencias de
la Familia. Sevilla: Instituto de Ciencias de la Familia. Retrieved from
http://scholar.google.es/scholar?q=Las+familias+de+la+provincia+de+pontevedraa&btnG=&hl=en&as_sdt=0,5#2
Fabà, A., & Montoya, B. (2012). La transmissió
lingüística intergeneracional del català al País Valencià. Una perspectiva
territorial. Caplletra. Revista Internacional de Filologia, 53(0214-8188),
211–231. Retrieved from
http://www.raco.cat/index.php/Caplletra/article/view/267984
González, M., Rodríguez, M., Fernández, A., Loredo, X., &
Suárez, I. (2006). Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004. Lingua inicial.
Santiago de Compostela: Real Academia Galega. Retrieved from
http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/e33883ec-666e-4944-a634-4acc80ac4ad6
González, M., Rodríguez, M., Fernández, A., Loredo, X., &
Suárez, I. (2008). Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004: Usos lingüísticos
en Galicia. A Coruña: Real Academia Galega. Retrieved from
http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/9940f4f1-a5fb-40f6-b931-0dd909515150
González, M., Rodríguez, M., Pereiro, A., Loredo, X., Suárez,
I., & Salgueiro, E. (2011). Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004:
Actitudes lingüísticas en Galicia (Vol. III). A Coruña: Real Academia
Galega. Retrieved from
http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/fa7b8451-080f-4d0e-89f8-1d2dda863feb
Instituto Galego de Estatística. IGE. (2004). Enquisa de
Condicións de Vida das Familias. Coñecemento e Uso do Galego. Ano 2003.
Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellaría de Economía e Facenda.
Instituto Galego de Estatística. IGE. (2008). Enquisa de
Condicións de Vida das Familias. Coñecemento e uso do Galego. IGE.
Retrieved from
https://www.ige.eu/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?idioma=gl&codigo=0206004
Instituto Galego de Estatística. IGE. (2013). Enquisa de
Condicións de Vida das Familias. Coñecemento e Uso do Galego. Ano 2013.
Santiago de Compostela: Instituto Galego de Estatística (IGE).
Mira, J., Seoane, L. F., & Nieto, J. J. (2011). The
importance of interlinguistic similarity and stable bilingualism when two
languages compete. New Journal of Physics, 13(3), 033007.
doi:10.1088/1367-2630/13/3/033007
Mira, J., Seoane, L. F., & Paredes, A. (2010). Can two
languages coexist within the same community of speakers ? Contributions
to Science, 6(1), 21–26. doi:10.2436/20.7010.01.79
Miralles, A. M. i, & Abat, B. M. (2011). La transmissió
lingüística del català: estat de la qüestió i avaluació analítica. Treballs
de Sociolingüística …, 21(: 0211-0784), 95–103. Retrieved from
http://130.206.88.107/revistes224/index.php/TSC/article/viewArticle/53852
Monteagudo, H., Carballo, P., & Casares, H. (2011). O
idioma galego na sociedade: a evolución sociolingüística 1992-2008.
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Monteagudo, H., Lorenzo, A., Casares, H., Loredo, X., &
Suárez, I. (2005). A sociedade galega e o idioma. A evolución
sociolingüística de Galicia (1992 - 2003). Santiago de Compostela: Consello
da Cultura Galega.
Observatorio da lingua galega. (2007). Situación da lingua
galega na sociedade Observación no ámbito da cidadanía. Santiago de
Compostela: Xunta de Galicia. Presidencia. Secretaria Xeral de Política
Lingüística. Retrieved from
http://www.observatoriodalinguagalega.org/?q=node/25&Bl=1
Rojo, G. (1979). Aproximacion actitudes linguisticas
profesorado EGB en Galicia. Santiago de Compostela: Instituto de Ciencias de la
Educación, Universidade de Santiago de Compostela.
Seminario de Sociolingüística da RAG. (1994). Lingua
inicial e competencia lingüística en Galicia: compendio do volume I do mapa
sociolingüístico de Galicia. A Coruña: Real Academia Galega.
Seminario de Sociolingüística da RAG. (1995). Usos
lingüísticos en Galicia: compendio do II volume do mapa sociolingüístico de
Galicia. A Coruña: Real Academia Galega.
Seminario de Sociolingüística da RAG. (1996). Actitudes
lingüísticas: compendio do volume III do mapa sociolingüístico de Galicia.
A Coruña: Real Academia Galega.
Seoane, L. F., Casares, H., Monteagudo, H., & Mira, J.
(n.d.). A evolución do bilingüismo en Galicia : proxeccións a longo prazo
por áreas xeográficas.
Siguán, M. (1994). Opiniones y Actitudes. Conocimiento y
Uso de las lenguas en España. Madrid: Centro de Investigacións
Sociológicas.
Siguán, M. (1999). Opiniones y Actitudes no 22
Conocimiento y Uso de las Lenguas. Madrid: Centro de Investigacións
Sociológicas.
Solé, J. (2008). Enquesta d ’ usos lingüístics de la
població 2008 : anàlisi. Volum I . Les llengües a Catalunya :
coneixements , usos ,transmissió i acctituds lingüistics. Barcelona:
Generalitat de Catalunya. Departament de Cultura. Direcció Generel de Política
Lingüística.
Torres-Pla, J. (2006). Enquesta sobre els usos lingüístics
a Andorra 2004. Llengua i societat a Andorra en els inicis del segle XXI.
Barcelona: eneralitat de Catalunya, Secretaria de Política Lingüística.
Torres-Pla, J. (2009). La transmissió lingüística familiar
intergeneracional: una proposta de model d’anàlisi. In I. Vila & F. X.
Moreno (Eds.), Estudis de demolingüística: Actes de la Primera Jornada de
Demolingüística de la Xarxa CRUSCAT (pp. 23–37). Barcelona: Institut
d’Estudis Catalans. Retrieved from
http://publicacions.iec.cat/repository/pdf/00000062%5C00000078.pdf
Nota do autor:
A
correspondencia relacionada con este artigo pode ser enviada á Biblioteca de
Galicia, soto -1. Monte Gaias. 15707. Santiago de Compostela.
Contacto:
sociolinguistica@academia.gal