A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Miguel Moreira Barbeito

Miguel Moreira Barbeito (Ferrol, 1983) é doutor en Filoloxía coa especialidade de Lingüística. Recentemente, vén de publicar o libro Contra a morte das linguas. O caso do galego, editado por Xerais. A obra é resultado da súa tese de doutoramento dirixida pola escritora e profesora Teresa Moure. Nela, estuda un novo enfoque sobre a diversidade lingüística e advirte, entre outras cousas, da perda de falantes da lingua galega e enfatiza sobre a importancia de establecer pautas normalizadoras que garantan o porvir tanto deste coma dos outros idiomas do mundo.

Nº6: Ano 2015

Miguel Moreira Barbeito
Non normalizar unha lingua para a salvar?

Ante a situación dunha lingua en proceso de consolidación do seu estándar, Miguel Moreira lémbranos catro posibles actuacións reais, -non normalizar unha lingua para non a salvar, normalizar unha lingua para a salvar, normalizar unha lingua para non a salvar, non normalizar unha lingua para a salvar- para, a continuación, deterse na última e explicarnos como esta posibilidade, viable en linguas minorizadas como por exemplo o abadi (Papúa-Nova Guinea), resulta inviable no caso de linguas minorizadas occidentais cuxo contexto é totalmente diferente.


Versión en PDF


 

Un dos principios éticos que recollo na miña proposta de ética das linguas (vid. Moreira, 2014) é o seguinte: todas as linguas merecen por igual o desenvolvemento de medidas dirixidas á lexitimación destas nos seus territorios históricos, incluída a planificación lingüística, independentemente de calquera tipo de variábel, como pode ser o número de falantes que posúa ou se a lingua en cuestión conta ou non co apoio da administración. Porén, de nos situarmos perante unha lingua en proceso de consolidación do estándar, empregando un razoamento lóxico elemental, atopariámonos con catro posibilidades de actuación reais, que son as que seguen:

1. Non normalizar unha lingua para non a salvar. Esta estratexia antiecolóxica, no sentido de que permitir que unha lingua desapareza vai en contra do equilibrio ecolóxico da diversidade lingüística, foi e é a escollida polos representantes das linguas opresoras que se sitúan no polo prestixiado dos procesos de substitución lingüística; en tanto que ao seren conscientes dos beneficios que a normalización implica para garantir a supervivencia de numerosas linguas, obstaculizan esta vía de restitución das minorizadas. Este sería o caso, por exemplo, do lacandón en México ou o isconahúa en Perú, ambas as dúas linguas reducidas drasticamente nas últimas décadas, se é que non desapareceron xa, debido á presión exercida, neste caso, polo español, que avanza rapidamente acabando con estas pequenas comunidades lingüísticas, que ven como cada ano que pasa son menos as persoas quen de viviren na lingua propia do lugar en que moran.

2. Normalizar unha lingua para a salvar. Constitúe a única opción ecolóxica, a única alternativa verdadeiramente comprometida co desenvolvemento natural dunha lingua minorizada. Esta é a estratexia asumida pola ecolingüística, disciplina lingüística xurdida na segunda metade do século XX cuxo obxectivo principal é a conservación da diversidade, isto é, que pretende garantir o espazo que lexitimamente corresponde a cada lingua así como restituír as funcións lingüísticas usurpadas polas dominantes nos conflitos lingüísticos, contribuíndo así á conservación do equilibrio ecolingüístico. Por tanto, esta é a elección que debería ser aplicada nos procesos de substitución lingüística que na actualidade se manteñen vixentes en Occidente, ao entender que a plena normalización destas linguas nas súas comunidades históricas resulta imprescindíbel para a súa conservación ser efectiva. Estaríamos a falar, por exemplo, de situacións como as do saami, o occitano, o bretón, o catalán, o éuscaro ou o galego; todas linguas que non acadaron aínda a plena estandarización nos sus territorios de orixe, que non teñen garantida a súa supervivencia e que, por tanto, resulta necesario completar os respectivos procesos de normalización para que teñan deste modo unha oportunidade para seguiren a ser as linguas propias de cada unha das súas comunidades lingüísticas.

3. Normalizar unha lingua para non a salvar. Esta opción coincide co discurso do politicamente correcto. Consiste na aprobación de medidas triviais e non operativas que non conseguen cambiar a situación da lingua minorizada en cuestión; isto é, non supoñen progreso ningún, senón que contribúen a perpetuar a situación de desequilibrio entre ambas as linguas en conflito. Este modelo aproxímase ao elixido por diversas administracións públicas na actualidade, pois propoñen baleiras políticas lingüísticas con campañas que non comprometen a nada nin tampouco conseguen que a situación da lingua mellore en modo algún. Este podería ser tamén o caso das incontábeis linguas amerindias que padeceron un proceso de estandarización desde que comezou a colonización, mais a súa intención última non era perpetuar as linguas en cuestión senón que, moi ao contrario, procuraban a súa eliminación co obxectivo de contribuír á expansión económica da metrópole. De aí a célebre sentenza de A. de Nebrija, «a lingua é compañeira do imperio», e o seu anhelo por difundir un estándar do español a través da súa gramática que facilitase a conquista dos novos territorios. O obxectivo foi amplamente alcanzado, pois calcúlase que o 90% das linguas amerindias desapareceron tras a chegada de Colón a América.

4. Non normalizar unha lingua para a salvar. Esta última posibilidade implica crer en que é posíbel salvar unha lingua sen a normalizar. En efecto, poderíamos sinalar casos de linguas do mundo que sobreviven sen necesidade dunha política lingüística clara que as amparar, sen un programa de normalización estabelecido que recolla detalladamente as medidas necesarias para o completo desenvolvemento dunha lingua oprimida ou sen que se difunda socialmente unha variedade estándar entre a súa comunidade de falantes. Porén, o certo é que esta alternativa non sería viábel para todas as linguas do planeta, senón só para un reducido número delas cunhas características moi determinadas, como comprobaremos.

 

Vistas as catro posibilidades lóxicas de actuación perante a situación dunha lingua en proceso de consolidación do estándar, a continuación centrarémonos na última alternativa suxerida, isto é, non normalizar unha lingua para a salvar. Pois ben, en contextos afastados da realidade sociolingüística occidental existe unha gran cantidade de linguas que contan cun pequeno número de falantes, mais que, en contra do que podería parecer, se manteñen estábeis ao longo do tempo a pesar do avance das grandes linguas do mundo. Estas reducidas comunidades lingüísticas que manifestan unhas características moi diferentes daqueloutras propias de linguas europeas, conseguen subsistir por distintos motivos, un deles común á maioría delas é o mantemento dunha actitude respectuosa cara ao resto de linguas. Isto fai que convivan en harmonía coas demais linguas da súa contorna, o que garante ademais a supervivencia de todas elas. Outra característica común é a distancia con respecto dos grandes núcleos de poder e tamén dos seus intereses políticos ou económicos, o que fai que estes colectivos poidan vivir alleos á presión exercida polas linguas dominantes sobre, por exemplo, as minoritarias do continente europeo.

Por todo isto, nestes casos non se desenvolven maioritariamente programas de normalización lingüística para estas linguas, dado que as evidencias manifestan que non son necesarios, moi ao contrario, e cando se realizan, en moitas ocasións contribúen a acelerar a desaparición das linguas en cuestión, pois cométese o erro de pensar que resulta posíbel aplicar o modelo de planificación concibido para unha lingua como o francés ou o alemán nunha comunidade de tamaño reducido de América Central ou Sudamérica, mais non é así. Esta situación tende a repetirse con moita frecuencia, cando as necesidades dunhas e doutras distan en gran medida, sobre todo ao ter en conta que se trata de linguas tan diversas, en todos os sentidos posíbeis.

Pensemos agora, por exemplo, no caso do abadi, unha lingua de Papúa-Nova Guinea cunha comunidade de falantes de 4.300 persoas en lixeiro aumento que manifesta unha actitude positiva cara a ela en todos os tramos de idade. Unha lingua que desde hai tempo mantén un territorio e un número de falantes estábeis, cuxa transmisión interxeracional está plenamente garantida e cuxas funcións lingüísticas son desenvolvidas con normalidade polo seu conxunto de falantes; unha lingua, pois, que vive rodeada de comunidades similares en tamaño mais con linguas diferentes, nun estado de tolerancia recíproca.

Nun contexto como este en que as persoas de tribos veciñas que contan con linguas diversas conviven nunha situación de respecto mutuo as políticas lingüísticas carecen de sentido, de tal maneira que as persoas encargadas de administraren a comunidade do abadi poden non normalizar a lingua para a salvar, pois non necesitan difundir un estándar entre o seu colectivo de falantes, nin promover a lingua propia fronte a outras foráneas, tampouco cómpre fomentar o seu emprego entre as persoas de menor idade para garantiren a súa supervivencia, xa que se trata dunha comunidade monolingüe que non manifesta actitudes negativas cara a ela. É máis, para as linguas como o abadi os programas de normalización supuxeron moitas veces a súa extinción, pois estas linguas non subsisten cando se aplican procedementos concibidos para aqueloutras de Occidente. Isto foi o que aconteceu, por exemplo, cun gran número de linguas ágrafas ás cales os especialistas chegados doutras latitudes aplicaron a súa propia cosmovisión mediante a imposición do seu alfabeto, ou algún outro sistema de escritura, que rematou por destruír a lingua desa comunidade, que sobrevivira sen necesidade de contar con ningunha desas medidas, mais que, por seren as linguas ágrafas moito menos resistentes á penetración das linguas foráneas que aqueloutras que contan cun sistema de escritura, sucumbiron cunha alarmante rapidez. Estes procesos de aculturación concibidos en principio para melloraren a situación das linguas minoritarias, se ben é certo que en moitas ocasións foron desenvolvidas para facilitaren a dominación política e a evanxelización destas comunidades, como xa comentamos, supuxeron en verdade un dano irreparábel para a diversidade lingüística, motivando a desaparición dunha elevada porcentaxe das linguas do mundo.

Pola contra, situémonos agora no caso dunha lingua diferente, unha lingua asentada no epicentro do imperialismo lingüístico, onde as linguas dominantes oprimen as minorizadas que procuran un espazo propio, unhas linguas que, como o occitano, o gaélico irlandés ou o galego, se atopan nunha situación de desequilibrio e para as cales as estratexias pasivas de normalización son contraproducentes. Oceanía parece estar agora moito máis afastada e a súa posibilidade de non actuación como ferramenta para conservar linguas resulta manifestamente inviábel, pois en Occidente a realidade é moi diferente e as linguas minorizadas nos seus propios territorios históricos non sobreviven se carecen do apoio de, entre outros, a administración encargada da súa protección. É por isto que a alternativa lóxica non normalizar unha lingua para a salvar carece de aplicación nas linguas oprimidas de Europa, en tanto que o único resultado que consegue é contribuír a difundir en maior medida as linguas opresoras en cada proceso de substitución lingüística.

Neste contexto, a alternativa de non normalizar unha lingua para a salvar pode ser interpretada de dous modos: en primeiro lugar como inxenua, se aínda houbese marxe para a inxenuidade hoxe en día, pois fica claro que nunha situación de desequilibrio lingüístico entre a lingua propia oprimida e a foránea dominante, o feito de non promover a lingua minorizada implica necesariamente apoiar a opresora, xa que a pasividade nun contexto de inxustiza supón sempre favorecer o opresor, ou o que é o mesmo, qui tacet consentire uidetur. Esta é a idea á cal Cameron (1995) se refire ao retomar a obra de Hall (1950), Leave your language alone, que implicaba que o conxunto de falantes abandonase a lingua á súa sorte avanzando, a lingua e a súa propia comunidade de falantes, en direccións irreconciliábeis, ao valorar ao mesmo tempo en maior medida, como sucede no caso do galego, a espontaneidade que o compromiso coa variedade estándar. Isto é debido a que a parella descritivismo/prescritivismo foi tradicionalmente analizada de forma nesgada, de tal xeito que o segundo termo se relaciona coa imposición, eliminación da diversidade e homoxeneización, ao esquecer que o prescritivismo resulta necesario nos procesos de recuperación das linguas minorizadas, pois a promoción do estándar consolida a unidade do colectivo e dificulta a intromisión das linguas foráneas. Ademais, de acordo con Cameron (1995), o prescritivismo e a planificación lingüística son conceptos distanciados dentro da lingüística teórica, mais que realmente as súas características os achegan máis do que os separan. Doutra banda, en segundo lugar, a alternativa non normalizar unha lingua para a salvar pode ser interpretada tamén como interesada, pois non deixa de ser unha frutífera vía con que contribuír á desaparición da lingua recesiva dun modo que pode pasar socialmente desapercibido.

Esta idea non é en absoluto orixinal, senón que está presente en moitos dos sectores onde a defensa e promoción da lingua propia deberían constituír o obxectivo principal. Mais, a cuestión avanzou notabelmente nesta dirección en contextos como o galego, onde o proceso de substitución lingüística se atopa na actualidade nun estado moi evolucionado, até o punto de que a transmisión interxeracional da lingua propia non se está a producir e, por tanto, a súa supervivencia non está garantida. Do mesmo modo, non só a administración, senón tamén o conxunto de falantes do galego manifesta unha actitude despreocupada cara a ela, ao ignorar que a súa falta de compromiso limita as posibilidades para superar o conflito lingüístico en que se atopa. A estratexia non normalizar unha lingua para a salvar callou perfectamente na propia comunidade de falantes do galego, tanto é así que provocou nela o que Sanmartín Rei (2009) denomina como «esquirolismo non normativo» ou «imposto de coloquialidade» que o galego está obrigado a afrontar. Con estes conceptos a autora refírese ao feito de que semella que non resulta necesario comprometerse con esta lingua, é máis, gran parte da comunidade de falantes manifesta unha actitude conscientemente contraria á normativa vixente, pois segundo ao seu criterio abonda con transmitir unha variedade deturpada,  chea de, por exemplo, castelanismo léxicos ou morfolóxicos, como podería ser o caso dos falsos tempos compostos, inexistentes na morfoloxía verbal do galego, que responden a un intento de adaptar a morfoloxía verbal do español a esta lingua dando como resultado un tipo de híbridos carentes de significado, e que, pola contra, maioritariamente non aparecen nas intervencións en español destas mesmas persoas, quen en moitas ocasións coinciden en interpretar ademais a substitución lingüística como algo natural, ao asumir erroneamente que todas as linguas desaparecen necesariamente nalgún momento.

Por todo isto, resulta necesario eliminar estes prexuízos, concienciar a sociedade da importancia que ten a súa intervención activa no proceso e difundir socialmente un modelo de lingua de calidade co obxectivo de alcanzar a plena normalización de, neste caso, o galego no seu territorio histórico. Porque as linguas non son simples instrumentos para nos comunicarmos as persoas, senón que constitúen potentes mecanismos con que interpretamos o mundo e con que construímos a realidade dun modo particular e único en cada caso. Por este motivo cando as persoas pertencentes á comunidade de falantes do galego nomean con palabras foráneas, por exemplo, as partes do seu propio corpo, están a asumir como propia unha cosmovisión allea, un modo imposto de interpretaren o que son que non se corresponde coa súa forma de analizaren a realidade que anula, ademais, a súa identidade colectiva.

Doutra banda, conscientes, pois, da necesidade de normalizar unha lingua para a salvar, cando menos no contexto das linguas europeas, o certo é que por fracasar cunha determinada política lingüística ou por non conseguir esta os resultados esperados, non cómpre pensar que xa está todo perdido e que non hai solución para a lingua en cuestión. Analogamente, a urxente necesidade de normalizar unha lingua non pode motivar que se apliquen modelos de planificación lingüística concibidos para outros contextos simplemente por conseguiren os seus obxectivos con outras linguas. Resulta necesario ter tamén en conta que todo proceso de planificación lingüística implica, en primeiro lugar, abstracción, pois todos os estándares responden a un proceso de elaboración e, en segundo lugar, a elección dunha variante lingüística concreta, o que exclúe ao mesmo tempo o resto de variedades lingüísticas, de igual maneira que o fai a escritura, a imprenta ou calquera outro elemento xerarquizador das linguas. De acordo con García Negro todos os procesos dunha planificación lingüística teñen que procurar alcanzar o monolingüismo social na lingua propia, isto é, o estado paradigmático de normalidade de todas as linguas, definido de acordo con esta autora en cinco puntos:

  • ubicuidade, toda lingua ten que estar presente en todos os contextos da súa sociedade;
  • omnifuncionalidade, toda lingua está capacitada para desenvolver calquera función lingüística;
  • autosuficiencia, toda lingua é plenamente autónoma e non necesita apoiarse noutras para evolucionar;
  • flexibilidade perante calquera soporte, as linguas son plásticas, isto é, permeábeis a calquera formato, de aí que sexan igualmente competentes para o desenvolvemento da vangarda científico-tecnolóxica, cultural ou de calquera outro tipo;
  • interclasismo, toda lingua normalizada manifesta variedade interna por medio de rexistros, ou marcadores lingüísticos determinados polo lugar ou a clase social, entre outros; con todo, a propia lingua non pode ser un indicador de clase social por si propia, sempre e cando estea normalizada.

Necesariamente a normalización de calquera lingua minorizada debería cubrir estes cinco campos co obxectivo de conseguir o estado que lexitimamente lle corresponde a toda lingua no seu territorio. Mais para iso, no caso das linguas minorizadas de Occidente, debería ofrecer un papel preponderante a varios campos fundamentais, como a importancia da consolidación do estándar por medio da difusión dunha lingua de calidade e a presenza como lingua vehicular no sistema educativo, entendido como unha ferramenta normalizadora fundamental para alcanzar o pleno desenvolvemento das funcións lingüísticas propias de cada lingua.

Recapitulando, coa intención de dar resposta á pregunta inicial, a estratexia non normalizar unha lingua para a salvar poder ser efectiva en contextos determinados, como no caso do abadi e outras linguas similares que non deben afrontar no día a día a presión exercida polas linguas dominantes nos procesos de substitución lingüística. Pola contra, resulta notabelmente prexudicial no caso das linguas minorizadas de Occidente, que sistematicamente desaparecen cando as administracións encargadas da súa protección as deciden abandonar á súa sorte.

 

 

Referencias bibliográficas
Cameron, D. (1995): Verbal hygiene, London/New York, Routledge.
Moreira Barbeito, M. (2014): Contra a morte das linguas. O caso do galego, Vigo, Xerais.
Sanmartín Rei, G. (2009): Nos camiños do entusiasmo. Calidade de lingua e planificación, Vigo, Xerais.

 

 

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976