A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Xaime Subiela Pérez

Xaime Subiela Pérez é investigador social e consultor público. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela, posgrao de especialización na Unión Europea e master de Cooperación Internacional pola USC.
Vicedecano do Colexio de politólogos/as e sociólogos/as de Galicia. Foi socio-fundador da empresa Cidadania na que participou na súa dirección estratéxica e comercial, e no desenvolvemento do traballo de investigación e consultoría entre 1998 e 2006 en temas relacionados coa participación cidadá, planificación estratéxica, normalización lingüística, desenvolvemento sustentable e coa cultura.

Participa habitualmente como docente en diversos masters no relacionado coa planificación pública e a participación cidadá, e como relator en diversos congresos do ámbito lingüístico e cultural, sendo autor de publicacións de referencia nestes campos.



Jorge Fente Balsa

Jorge Fente Balsa, licenciado en Socioloxía e membro da cooperativa Cidadanía, na que é director de procesos de traballo en equipo e de dinámica de grupos mediante metodoloxías participativas, así como de procesos de planificación e desenvolvemento estratéxicos e de intervención sociocomunitaria. É, asemade,  docente especializado nas áreas de Recursos Humanos e Organización.
Foi técnico de participación e coordinación do Plan de NL do Concello de Santiago (2001 e 2002) e coordinador do proceso de participación do plan de NL do Concello de Ferrol (2002 e 2003).

Nº1: outubro-decembro 2012

Xaime Subiela Pérez - Jorge Fente Balsa
Reflexións relativas á elaboración participativa dun marco de planificación lingüística dos centros de ensino

Para os autores, a normalización lingüística no ámbito do ensino debe ir dirixida cara á comunidade escolar no seu conxunto e cara ao funcionamento interno dos centros e a planificación lingüística que se faga neste ámbito debe empregar metodoloxías semellantes ás de calquera outro proceso de planificación. Ao longo do artigo, descríbense os pasos a seguir na elaboración deste plan que, segundo os autores, permitirá unha reflexión sobre a situación da lingua, racionalizar recursos e esforzos, maximizar resultados e implicar a todos os actores participantes.


Versión en PDF


 

1. INTRODUCIÓN

A dinamización lingüística considera o feito lingüístico como inmerso nunha realidade social determinada suxeita a cambio e a transformación permanentes. Neste sentido, a promoción dunha presenza normalizada do galego en todas as ordes da sociedade constitúe un proceso complexo que require dun esquema combinado e heteroxéneo de actuacións.

A planificación deste tipo de procesos parte dunha análise e diagnose que identifiquen prioridades de actuación, axentes implicados e factores que condicionan a súa “participación” na construción desa realidade lingüística. A partir de aquí, márcanse estratexias de concienciación e promoción do emprego da lingua que pretenden maximizar o seu impacto operando desde un marco planificado e integrado.

A dinamización lingüística desenvólvese, polo tanto, combinando a formación, a sensibilización, a investigación etc., nun deseño adaptado a unha realidade dada, a cal lle outorga, xa que logo, unha relevancia central á implicación consciente e activa  dos axentes sociais, buscando construír consensos desde os que garantir a promoción da lingua.

Neste sentido, o labor dos axentes que traballan a prol da normalización lingüística no ámbito do ensino (ENL, profesorado, outros axentes) ten fundamentalmente dúas dimensións claramente interconectadas: un traballo cara á comunidade escolar no seu conxunto e un labor interno cara ao funcionamento dos centros nos que desenvolven a súa actuación.

A elaboración dunha planificación para a promoción dunha presenza normalizada do galego nun centro escolar constitúe unha ferramenta central nunha estratexia de dinamización lingüística, na medida en que busca conformar unha estratexia integral e integradora que racionalice recursos e esforzos e pretende maximizar os seus resultados.

Seguindo o enfoque proposto na páxina anterior, a participación dos distintos elementos que compoñen a comunidade escolar é un factor central da sustentabilidade desta planificación, así como dos seus resultados e produtos resultantes (sobre todo, os proxectos lingüísticos de centro).

Neste sentido, a propia elaboración dun plan é, en si mesma, un acto de dinamización e promoción social da lingua. Non se trata só de contar cun documento final que guíe unha actuación integrada cunha perspectiva estratéxica, senón que, desde o momento mesmo en que se inicia a reflexión sobre a situación da lingua, xa se está intervindo nun sentido normalizador, dado que é o paso previo para asentar consensos que apoien liñas de actuación.

 

2. OS BENEFICIOS DA PLANIFICACIÓN

Planificar participativamente implica:

  • Determinar uns obxectivos e ordenar as accións e recursos dispoñibles para estas, buscando maximizar o seu impacto e resultados.
  • Ao redor desta pretensión, establecer un diálogo coa comunidade escolar que favoreza a súa implicación nas estratexias recollidas na planificación.
  • Activar sinerxías e recursos e imbricalos ao redor dunha serie de estratexias consensuadas para a promoción da lingua galega.

 

3. OS BENEFICIOS DA PARTICIPACIÓN: CONSENSO E CORRESPONSABILIZACIÓN

Na elaboración dunha planificación destas características é central o procedemento a través do cal se confecciona: o como. O procesode elaboración é un momento clave para que o produto resultante, o contido do texto final da planificación, sexa un instrumento útil de promoción da lingua galega.

Se o método elixido para conducir o proceso é capaz de implicar, desde un principio, os actores determinantes da normalización lingüística no centro, o plan terá maiores garantías de construción de consensos, que son centrais para a implantación final das estratexias que se definan. Estes consensos serán potencialmente moito máis custosos canto máis tarde se incorpore a participación ao proceso da planificación.

 

4. RECOMENDACIÓNS METODOLÓXICAS CARA Á ELABORACIÓN PARTICIPATIVA DUNHA PLANIFICACIÓN SOCIOLINGÜÍSTICA DO CENTRO

A elaboración dunha planificación sociolingüística para un centro segue o esquema clásico de calquera proceso de planificación: análise da situación de partida (diagnóstico) e formulación dun marco planificado de actuación como resposta a esta.

Neste sentido, asentarase na combinación de diferentes metodoloxías para a recompilación e análise de datos (tratamento de bases documentais, análise de fontes estatísticas, realización de enquisas, entrevistas etc.). Na medida en que pretenda facerse participativamente, a elaboración dun plan deberá contemplar, como eixe central do proceso, unha estrutura de espazos de participación (xornadas, obradoiros, cursos de formación etc.) que permitan a imbricación da comunidade escolar na análise, na identificación consensuada de prioridades de actuación e na súa translación a un esquema planificado de accións (a planificación propiamente dita).

Deste xeito, o proceso de elaboración desta planificación participativa seguirá os seguintes pasos xerais:

1. Definir claramente a natureza do proceso que se quere desenvolver e os seus obxectivos xerais (por exemplo, promover o uso do galego no alumnado dun centro escolar determinado etc., buscando a continuidade deste proceso a través da implicación de elementos centrais da comunidade escolar).

2. Identificar nun esquema secuenciado as metodoloxías que se van aplicar no proceso. Na medida en que se pretenda activar un proceso de participación, a análise de datos documentais, realización dunha enquisa, accións de sensibilización etc. acompañarán e fornecerán de contidos para o traballo a constitución de espazos que canalicen a participación dos axentes da comunidade escolar na análise da situación de partida, na identificación de actuacións que se van realizar, no seu desenvolvemento etc.

O proceso poderá iniciarse e pecharse cun plenario que reúna a todos os axentes da comunidade escolar, para presentar o proceso e a súa estruturación e para presentar e contrastar as súas conclusións finais. Ademais, este tipo de espazos poderá aplicarse para a presentación e contraste das conclusións que se establezan ao remate de fases intermedias (diagnóstico etc.).

Intermediamente, será necesario organizar distintos obradoiros de traballo que dean cabida a unha participación máis fonda e focalizada dos axentes implicados no proceso. Cada obradoiro podería centrarse nun perfil específico (profesorado, alumnado, pais e nais...), nunha temática determinada (funcionamento administrativo do centro, docencia...) etc.

3. Delimitar/Definir o escenario e a situación de partida. Logo de ter claro quen conforma o mapa de  “axentes” de relevancia para o proceso (a quen se dirixe, a quen lle afecta directa ou indirectamente), estudar as súas competencias, usos e actitudes lingüísticas, e esbozar o mapa de relacións que manteñen entre si. As características desta rede poden ser cruciais para transmitir as nosas propostas e para construír as diferentes implicacións.

Para isto, poderán realizarse distintas análises documentais combinadas con entrevistas a expertos informantes, aplicación de fichas para a observación (rotulación, interacción lingüística no centro, etc.) etc.

4. Realizar contactos/aproximacións iniciais a través da realización de entrevistas etc., con axentes relevantes para a nosa acción (alumnado, representantes da ANPA, profesorado...). Trátase de transmitir os nosos obxectivos e a nosa proposta de traballo (destacando o seu carácter aberto e participativo) e de recoller información de interese para orientar o proceso.

5. Implantación das metodoloxías seleccionadas previamente. No que toca á estrutura de espazos de participación, centraranse primeiro na análise da realidade que se pretende transformar (os espazos deben achegar, desde a diversidade de experiencias e ópticas neles presentes, unha ollada de carácter profundo e complexo). O traballo de análise debe permitir un grao suficiente de achegamento á situación que se pretende transformar; ás posicións de cada perfil; aos puntos comúns e diferenciais que existen entre elas. E, sobre todo, facilitar un mínimo consenso de por que é necesario o cambio e cara a onde debe ir este. O “momento” de análise debe permitir, ademais, un achegamento profundo e vivencial á situación, que faga posible que nas persoas participantes se asenten ideas para unha posible transformación desta.

A partir del, darase paso a unha fase de formulación participada de obxectivos e estratexias de cambio e mellora (implicación na planificación); segunda fase do traballo. Posteriormente, se é necesario e posible, poderá intentarse a definición dunha estrutura de actuacións, tamén participativa (implicación na execución).

Tal e como se dicía anteriormente, en ambas as “fases”, o traballo poderá apoiarse (e apoiar) noutras técnicas (enquisas, análises documentais etc.), así como nun apoio técnico, de ser este posible.
Os espazos de participación deben traballar, polo tanto, en dous niveis; a consecución dun nivel de produtividade e, paralelamente, a construción dun clima de cooperación. A metodoloxía de traballo nestes debe ser clara, comprensible e motivadora, mantendo graos de flexibilidade que permitan a incorporación de novas ideas e liñas de acción que poidan xurdir da evolución do traballo.

Cómpre ser transparente neste sentido e é esencial garantir que a natureza do traballo é comprendida polas persoas que interveñen nestes espazos. Trátase de que asuman os obxectivos xerais que se pretende conseguir, así como o xeito de traballo; non tanto de que coñezan, desde o principio, os produtos finais, que serán definidos ao longo do proceso.

Os espazos de participación son ferramentas de creatividade que marcan o seu propio ritmo en función das características dos seus integrantes e da metodoloxía aplicada para o traballo. A participación debe posibilitar creatividade e resultados que, pola súa vez, produzan nova creatividade e novos resultados, nun proceso de asociación de ideas, a medida que se constrúa un clima de cooperación e confianza. Cómpre, neste sentido, desenvolver unha velocidade de traballo axeitada e axustada ás posibilidades de implicación gradual das persoas participantes.

De xeito xeral, a motivación dos participantes poderá reforzarse na medida en que:

  • Crean na utilidade do traballo que realizan os espazos de participación e na coherencia do proceso de planificación no seu conxunto.
  • Crean na utilidade do traballo que realizan persoalmente nestes espazos.
  • Obteñan satisfaccións derivadas dos resultados xerais do proceso de planificación, así como do seu traballo persoal (identificación cos resultados, reforzamento da súa posición social, autoimaxe, establecemento de sinerxías e posibilidades de cooperación con outros axentes etc.).

De xeito xeral, a produtividade poderá reforzarse na medida en que:

    • Non se force o ritmo de traballo dos espazos máis alá das súas posibilidades (os participantes deben sentir que poden dar o que se demanda).
    • O traballo dos espazos aborde un proceso dimensionable do que se visualice un inicio, un posible resultado final e uns resultados intermedios (é imprescindible que as persoas que participan non se sintan atadas a un proceso escravizante de reunións interminables sen resultado palpable).
    • Se apliquen técnicas e metodoloxías que, a modo de catalizadores, dinamicen as enerxías dos participantes e contribúan a que o grupo alcance unha produción (estamos a falar das matrices DAFO, da técnica da árbore de problemas, do Philips 66 etc.; técnicas que se atoparán en calquera manual de dinámica de grupos).

De xeito xeral, o clima de cooperación e comunicación requirido para unha participación activa poderá construírse:

  • Traballando o coñecemento entre as  persoas participantes.
  • Debatendo ideas, evitando a súa asociación a persoas, e non tanto posicionamentos.
  • Resolvendo construtivamente os pequenos “chispazos” e conflitos que poidan xurdir nos debates.

O grao de participación nos espazos e no proceso depende, en último extremo:

  • De que os seus obxectivos afecten/vinculen os participantes.
  • De que as persoas que participan se sintan “competentes” para participar no que se lles propón (isto é fundamental; a ninguén lle gusta sentir que “non pinta nada”...).
  • Que asuman as responsabilidades que se deriven da participación concreta no proceso (se o grupo decide “levar traballo para a casa”, que sexa consecuente coa súa decisión...).
  • Que se produzan sinerxías “visibles”, desde a integración, a cooperación e o compromiso dos integrantes.
  • De que se busque, esencialmente, o consenso, a través da toma en consideración de todos os participantes. Isto require dun traballo coidadoso de facilitación por parte das persoas que coordinen os espazos.

No que toca aos obradoiros de traballo (non tanto aos espazos de tipo plenario, aínda que son recomendacións válidas para o seu desenvolvemento metodolóxico na medida en que establezan tamén pequenos grupos de traballo nalgún momento), cabe propoñer as seguintes cuestións:

  • Deben ter un “tamaño” operativo, co fin de facilitar a xeración do clima de comunicación e confianza desexado.
  • Pero, ao mesmo tempo, deben estar integrados por persoas que coñezan ou sexan relativamente capaces de conectar con todos os sectores da comunidade escolar nos que se centra o obradoiro. En último extremo, débese contar co perfil de participantes axeitado para a tarefa que vai ter encomendada o grupo.

Finalmente, e a modo conclusivo, hai que incidir en que o método exposto define, basicamente, un proceso secuenciado en fases que pretenden construír:

  • Unha participación directa de persoas representativas ou socialmente estratéxicas para a dinamización (búscase o que cada un poida ou queira achegar).
  • Unha base social (xerada, entre outros, desde os participantes cara a fóra) para o proceso dinamizador e os seus resultados, en definitiva, apoio.

 

 

Xaime Subiela Pérez
Jorge Fente Balsa (Cidadania, S. Coop. Galega)

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976