Xosé Luís Janeiro Espiñeira
Xosé Luís Janeiro Espiñeira (Bugarín -Cerdedo- Pontevedra, 1962), licenciouse en Filoloxía Galega e en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e en Dereito pola UNED. Na actualidade é catedrático de Lingua galega e literatura no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, avogado do Ilustre Colexio de Pontevedra e profesor asociado na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Como xurilingüista, tense achegado ao binomio lingua e dereito, tanto desde o punto de vista xurídico como lingüístico. Arredor desta temática ten pronunciado diversas conferencias e publicado varios traballos críticos e recensións. Entre outros, pódense mencionar títulos como “A lingua das Administracións públicas”, “A reforma da LOPX e o seu virtual significado lingüístico: o artigo 231.4”, “Cooficialidade lingüística e tradución xurídica, dúas notables ausencias no ensino universitario do dereito”, “O universo xurídico en orde alfabética” ou “A fe notarial nunha linguaxe xurídica propia”.
Andrés Alonso Álvarez
Andrés Alonso Álvarez naceu en Ourense en 1962, onde leva desde o curso 1986-1987 adicado á docencia da disciplina de Lingua galega e literatura no ensino secundario, actualmente no IES Blanco Amor. Foi profesor invitado pola Universidade de Vigo nas disciplinas “Lingua Galega” e “Desenvolvemento das habilidades lingüísticas e a súa didáctica II” na Facultade de CC. da Educación de Ourense. Ten as licenciaturas de Filoloxía Hispánica e de Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, así como a de Dereito pola UNED. No ano 2004 doutorouse cum laude en Dereito na Universidade de Vigo coa tese Las lenguas y la Constitución de 1978. Ten participado como relator en cursos de lexislación lingüística para docentes. Dentro da súa investigación no terreo xurídico-lingüístico destaca a súa participación na VIII Conferencia internacional de linguas minoritarias (Santiago, 2002), no Boletín de la Facultad de Derecho de la UNED (2005) e na Revista de Llengua i Dret (2006).
Os autores
Nº4: outubro-decembro 2013
Andrés Alonso Álvarez
Xosé Luís Janeiro Espiñeira
O decreto 79/2010: Penélope e a lexislación lingüística
Este artigo constitúe a continuación doutro publicado no número anterior da revista. Os autores fan unha comparación entre o Decreto 124/2007 (D2007) e o actual Decreto 79/2010 (D2010) e rematan cun bocexo analítico das previsións lingüísticas da futura lei de educación, a LOMCE, cuxo parto está aínda por producirse.
Versión en PDF
1. USO DA LINGUA NA ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA
Este titular motiva o art. 2 do D2007 e mais o art. 3 do D2010. Nos dous casos temos tres alíneas que, se ás veces son bastante semellantes, noutras ocorre todo o contrario.
Na alínea 1 coinciden ambos decretos en postular o uso do galego como lingua habitual da Administración educativa; con “carácter xeral”, é dicir, non exclusivo. O castelán, como lingua oficial, tamén se pode usar, pero iso non impide a preferencia polo uso instrumental do galego, cando non supoña mingua dos dereitos de ninguén. A diferenza do actual decreto, o D2007 salientaba nesta liña de actuación “o persoal ao seu servizo”, poñendo énfase na obriga deste sector na iniciativa normalizadora, que se debía traducir nun uso xeral do galego por todos os empregados, non só por unha determinada sección ou grupo específico.
Un posible motivo de controversia pode ser se esta disposición afecta a todos os centros docentes. O Consello da Cultura Galega (CCuG), no se ditame 183/10, recollía unha preocupación que xa aparecera no ditame do Consello Consultivo de Galicia (CCoG) 366/2007: cómpre precisar o ámbito de aplicación desta norma, e así o reclamaba para todos os artigos do decreto. Na redacción do D2007 afectaba a “centros de ensino dependentes dela” [da Administración educativa de Galicia]. Stricto sensu, parecería referirse aos centros públicos e privados concertados. Lato sensu, todos os centros dependen, no sentido de subordinación, dos poderes públicos. O D2010 aclara a situación: só afecta aos centros “sostidos con fondos públicos”, así que non é preceptivo no ensino privado non concertado. O art. 2 do actual decreto sinala con carácter xeral que o seu ámbito de aplicación abrangue os centros privados pero, como vemos no caso que nos ocupa (e non é o único; véxase o referido aos equipos de dinamización lingüística), non é así para todo o seu articulado. O que entendemos é que onde non se faga precisión o ensino privado quedará incluído nas obrigas.
Na alínea 3 volvemos a ter esta diferenza, agora referida ao ámbito escolar interno. O D2007 establecía a normalización lingüístico-administrativa interna en todos os centros docentes, pois non poñía límite (“réxime interno dos centros docentes”). Mantense a rexouba cautelosa “con carácter xeral”. Isto implica que se prime o uso do galego para lograr a súa normalización, pero sen que isto supoña que sexa a lingua única, xa que os particulares poden utilizar a lingua da súa elección nas relacións cos centros educativos. O D2010 limita esta obriga aos centros de ensino sostidos con fondos públicos. Implica isto que os centros privados poidan evitar o uso do galego? Terían os proxenitores, na súa relación co centro, os mesmos dereitos lingüísticos que poden reivindicar ante a Administración?
En Cataluña, nalgúns centros privados, suscitouse esta controversia, pero nun sentido que polos nosos lares resultaría abraiante: algún proxenitores defendían o seu dereito a recibir as comunicacións relacionadas coa vida escolar dos seus fillos en castelán; o centro sempre lles contestaba en catalán. A Xustiza tivo que intervir. Todo partía do art. 73.1 da Lei Orgánica da Calidade da Educación (LOCE):
Os titulares dos centros privados terán dereito a establecer o carácter propio dos mesmos, respectando, en todo caso, os principios constitucionais e os dereitos recoñecidos a profesores, pais e alumnos.
Ese carácter propio, para o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, implicaría que non sería esixible o dereito a ser atendido en calquera das linguas oficiais, xa que a relación entre un centro docente non público (inda que concertado), constituiría unha relación entre particulares. Pero non opina así o Tribunal Supremo. Na súa sentenza do 09/12/2010 fai prevalecer esa relación no ámbito do servizo público da ensinanza. A Administración pública é a responsable última do servizo de educación que presta o centro. Dado que a relación entre centro docente e as familias é unha actividade máis do ensino; que o núcleo familiar se considera un elemento de colaboración esencial e necesario; que a sentenza do Tribunal Constitucional (TC) 31/2010 volve a insistir en que o castelán tamén debe ser lingua vehicular… non se pode obrigar, baixo o pretexto da normalización, a que as persoas responsables do alumnado non poidan utilizar na súa relación co centro o castelán, que tamén é lingua cooficial. Polo tanto, os pais e as nais teñen dereito non só a usar o castelán, senón a recibir neste idioma se así o requiren toda a documentación, oral ou escrita, que lles sexa dirixida polo centro escolar.
Ao noso entender, mutatis mutandi, todo o anterior resulta moi axeitado para defender o dereito á comunicación en galego en todos os centros, incluídos todos os privados. A Administración non debe permitir que un ámbito tan importante no desenvolvemento da personalidade e instrución das familias poida ser opaco ao noso idioma.
Na alínea 2 temos redaccións totalmente distintas. O D2007 non engade nada que non estea noutra normativa. Di que a consellería educativa e os centros dependentes dela usarán con carácter xeral o galego, o cal resulta redundante con respecto á alínea 1, e que neses documentos constará o topónimo da localidade na súa forma oficial. Isto último é unha obviedade, pois só faltaría que un documento público expedido en Galicia non cumprise co art.10.1 da Lei de Normalización Lingüística (LNL)… claro que, se cadra, pecamos de inxenuos.
O D2010 repara en algo que causara polémica e resalta o seu contido poñéndoo neste punto de “Administración educativa”, un dos primeiros do decreto:
As programacións e outros documentos didácticos das materias de lingua redactaranse, con carácter xeral, na lingua respectiva.
Contrasta coa art. 6.2 do D2007:
Nas programacións e outros documentos didácticos referidos á lingua castelá poderase utilizar esa lingua.
Hai que distinguir material informativo docente (“programacións e outros documentos didácticos”) de material de aprendizaxe (o que na lexislación aparece como “materiais” ou “libros de texto”). O primeiro ten un carácter interno importante, como control da Administración, e asemade cumpre cunha función informativa garantista de cara ao público, que neste caso serían o alumnado e os seus proxenitores. O segundo canalízase cara á recepción dos contidos polos discentes. O tratamento legal é distinto.
No caso do material informativo docente, o D2007 obrigaba a utilizar o galego para todas as materias, salvo para a de lingua castelá, na que era potestativo. O D2010 só establece a obriga respectiva para as disciplinas de lingua (enténdese que só as oficiais), así que tacitamente permite o emprego dunha o doutra para as restantes materias.
Para o material de aprendizaxe, o D2007 no art. 13.2 obrigaba ao emprego de materiais en galego para as materias que se impartisen neste idioma (tanto por obriga legal como por opción do profesorado, xa que o 13.1, ao que remitía, falaba de “áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega”), e quedaba o seu uso opcional para as restantes. O D2010 (que a “materiais” engade “libros de texto”) obriga ao uso do mesmo idioma que se utilice vehicularmente, tamén sen distinguir uso por obriga legal ou por opción persoal. Salienta que se promoverá a publicación de material na outra lingua e nas linguas estranxeiras. Isto é máis urxente para o galego, xa que para o castelán, inglés ou francés obteremos fácil acceso a material elaborado fóra da nosa terra. No caso da lingua galega esa publicación tería máis importancia aplicando o art. 12.3, referido á liberdade idiomática do alumnado. Nas materias nas que a lingua castelá é a vehicular docente, o discente podería ter máis azos para preferir o emprego do noso idioma tendo fornecemento instrumental abondo en galego. Pero invalidado este artigo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), moito tememos que ese material se encha de po nas bibliotecas.
2. O DEREITO Á LINGUA MATERNA
Igual que facía o D2007, o D2010 establece dous tramos diferenciados: por unha beira, educación infantil e, pola outra, educación primaria. Antes destes, no decreto de 1995 as etapas de educación infantil e a etapa de educación do 1º ciclo de primaria non tiñan tratamento diferenciado. Seguindo esta nova pauta, centramos a atención, xa que logo, na etapa da educación infantil strictu senso.
Reitérase aquí o concepto de “lingua materna predominante”. Predominante “entre o alumnado”, non predominante na familia, nin predominante na localidade, nin tampouco predominante na sociedade no seu conxunto. É dicir, predominante no ámbito educativo e só no alumnado. Obviamente, tampouco se ten en conta a lingua predominante do profesorado, nin falta que fai dado que o docente non pode argüír descoñecemento. Secasí, o decreto precedente tentaba frear o devalo no uso da lingua propia por parte da mocidade, a franxa de idade con menor porcentaxe de galegofalantes. Daquela, establecía que na etapa infantil naquelas contornas castelanfalantes o galego habería de usarse como mínimo tanto como o castelán. Para estes mesmos ámbitos, o decreto actual non aproveita a potencia normalizadora que pode acadar a escola como espazo receptivo para dar pulo á promoción de uso da lingua propia na etapa infantil.
A Constitución española, no artigo 148.1.17, di que as CCAA poderán asumir competencias: “no fomento da cultura e … do ensino da lingua da CA”. A Comunidade Autónoma de Galicia ten asumido esta competencia. Pero asumir unha competencia non é o mesmo ca exercela, a non ser que se acolla o “fomento” que pregoa a previsión constitucional cunha interpretación choqueira. O termo “fomento” ten, segundo o dicionario da Real Academia Galega, dúas acepcións: 1. Acción e efecto de fomentar; e 2. Pano quente, mollado en auga, leite etc., que se pon sobre unha inchazón, unha ferida ou un gran, para aliviar a dor. Se a norma que debe constituír a base esencial do fomento do ensino da lingua da Comunidade Autónoma non implica actuación positiva, a prol dela, a regulación só está a dar cumprimento ao fomento da segunda acepción.
Cando o fomento se emprega dun xeito impropio, pervertendo o sentido xenuíno do termo, chégase ao que eufemisticamente cumpriría chamar “fomento negativo”. Naturalmente, o fomento negativo do ensino da lingua da Comunidade Autónoma só pode levar aparellada a consecuencia do “crecemento negativo”. O que se está a ver, o crecemento negativo de galegofalantes, especialmente nas novas xeracións de nenos e nenas e, paseniño, de mozos e mozas. A este respecto é moi axeitada unha reflexión que se fai na presentación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega:
...en Galicia a presenza do galego nas garderías (hoxe escolas infantís) non chega ao 1% e son poucas as que respectan a lingua materna dos meniños, cando é a galega. Así que, para estes nenos, a lingua inicial non cadra necesariamente coa lingua materna. Mesmo podemos afirmar que estas novas xeracións non teñen lingua materna, que entran na vida sen lingua materna e con lingua de gardería ou, se se quere, con lingua inicial moitas veces distinta da lingua materna ou familiar. Se a isto lle engadimos que, en moitos casos, cando ese meniño regresa á casa, cuns pais cansos de traballar, encontran un televisor disposto a ofrecerlles horas de lecer maioritariamente en castelán, descóbrese unha das raíces de que a introdución do galego no ensino cadre paradoxalmente cun descenso do número de rapaces galegofalantes, maiormente nas vilas e cidades, fenómeno que empeza a aparecer no mundo rural.1
O apartado 2 do artigo 5º deste D2010 indica que “a lingua materna predominante do alumnado será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumno/a antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla”. Este apartado foi declarado ilegal por, entre outras, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia 1085/2012 -pendente da resolución do Tribunal Supremo-, porque vulnera o dereito fundamental á educación, conforme á CE 27.5: entende o Tribunal que a Administración non pode abdicar da súa potestade de ordenación xeral do ensino. Recolle a sentenza o parecer xa formulado no mesmo sentido pola sentenza do Tribunal Supremo do 28 abril de 2000. O dereito á participación efectiva dos sectores afectados non equivale a someter a votación un aspecto tan fundamental como a lingua a empregar na etapa da educación infantil.
En realidade, a opción volitiva dos proxenitores, subxectiva ab origine, non ten que coincidir forzosamente coa lingua materna do alumno, elemento puramente obxectivo. A consulta pode ser garantía do primeiro (e non sempre: que pasa se a parella non se pon de acordo?), pero non do segundo. Por iso a Administración non debe delegar neste asunto.
A CE, 27.3 confire aos pais e nais o dereito á elección na formación relixiosa e moral. Este dereito formúlase positivamente, de xeito explícito. Isto vén supoñer que tan só se confire o dereito á elección no ámbito da formación relixiosa e moral, non noutros ámbitos. A contrario sensu, non existe ningún dereito constitucional á escolla da lingua vehicular do ensino. Este mesmo artigo constitucional resulta conforme co declarado polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, entre outras pola xa remota sentenza do 23 de xullo de 1968. No fondo, a xurisprudencia está a seguir a liña interpretativa que vén marcada por unha resolución fundamental, a sentenza do Tribunal Constitucional 337/1994.
Nun principio, semella que non sería preciso afondar máis na análise dun precepto derrogado. Agora ben, dado que a resolución do TSXG está pendente do pronunciamento do TS, convén aínda facer algunhas reflexións sobre algúns aspectos da determinación desta “lingua materna predominante”.
Quen deteminaría a lingua materna predominante? A diferenza do D2007, que establecía que a “lingua materna predominante” sería determinada polo claustro, no D2010 establécese que “será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta”. Non se indica que órganos concretos do centro participarían na determinación.
Como se determinaría? Antes, co D2007, conforme datos fornecidos polo Mapa Sociolingüístico de Galicia, datos estatísticos oficiais e información achegada polos pais, entre outros criterios. Agora, a consulta ás familias constituiríase en clave: “de acordo co resultado dunha pregunta”2.
De calquera xeito, cómpre lembrar un principio básico para situar esta cuestión: a regulación do ensino do castelán corresponde ao Estado; a regulación do ensino da lingua propia corresponde á Comunidade Autónoma. Interesa en particular a este efecto a importante Sentenza 87/83 do Tribunal Constitucional. Evidentemente o ensino da lingua non se limita á impartición da materia de lingua, máxime cando por razóns históricas ben coñecidas se trata dunha lingua minorizada que vive nunha situación sociolingüística delicada.
Conforme coas sentenzas 195/89 e 19/90 do Tribunal Constitucional, nin o artigo 14 nin o artigo 27 da CE permiten elixir, nin menos esixir, o ensino na lingua que se prefira nin o centro que se desexe. Contrariamente, esta regulación do artigo 5 do D2010 -felizmente declarada ilegal- semella o froito espurio dunha calculada demagoxia contra a normalización lingüística, ademais dunha grave irresponsabilidade política lesiva para a defensa e promoción dos valores culturais propios.
Outro panorama ben diferente é o que pode derivar da aplicación da LOMCE neste tramo educativo. A idea de garantir a escolarización en castelán ao alumnado se os proxenitores así o solicitan, mesmo pagando con diñeiro público centros privados que oferten ensino só en castelán cando non haxa oferta pública ou concertada, ben podería levarnos a reclamar as mesmas garantías para a escolarización en galego. E a desconfianza que amosa pola atención individualizada en castelán3 suscita o mesmo comentario recíproco. Con toda seguridade, de se aprobar a LOMCE con este proxecto, haberá novos pronunciamentos xudiciais. Pero o caso é se haberá pronunciamentos novos.
3. O IDIOMA DO ALUMNADO
Moita polémica provocan as obrigas do alumnado. Vaia por diante que nas liñas a seguir reproducimos as nosas reflexións sobre este controvertido asunto que xa expuxeramos no artigo anterior4, con algún engadidos. Constitúe para os dous últimos decretos unha pedra de abalar.
Deixando á parte a materia de lingua e literatura galega, para non incidir no obvio, no D2007 nas restantes materias nas que o galego era obrigatoriamente vehicular, o alumnado tamén debería empregalo oralmente e por escrito, “con carácter xeral”. O que antes fora unha orientación daquela convertíase nunha obriga, coa rexouba de certa excepción para evitar ilóxicas rixideces e problemas legais. Isto suscitou certos reparos. É un dos puntos que motivou o ditame (nº 336/07) desfavorable desta lexislación por parte do Consello Consultivo de Galicia en 2007. Para o CCoG, cómpre diferenciar entre o deber de coñecemento do galego, resultado do deber de estudo desta lingua, e o deber de uso deste idioma, só esixible nas clases de lingua e literatura galega. A obriga de impartir materias en galego é lexítima
[...] mais o ámbito decisorio dispoñible para o regulamento esgótase no eido da impartición das materias, pois o uso da lingua como instrumento vehicular non está suxeito á avaliación directa nesas materias, e a imposición do seu uso a través dun mandato directo con reserva de excepción –non especificada por certo no texto do decreto- choca coa inexistencia dun deber estatutario ou legal de uso do galego, polo que os alumnos poden invocar o seu dereito ao emprego da súa lingua de preferencia entre aquelas que son oficiais.
Un problema podería ser a adaptación dos alumnos recentemente chegados de fóra de Galicia, mais para eses podemos inferir a exención de tal norma, como para os alumnos exentos da materia de lingua galega. Máis complexo sería o caso de discentes galegos que coñecendo ben a materia preferisen usar vehicularmente o castelán; resultaría violenta unha avaliación negativa da súa actitude se os coñecementos amosados na disciplina en cuestión son suficientes. O certo é que a LNL no seu art. 15 establece que “os profesores e os alumnos no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia”; o que, por pasiva, significa que nos restantes niveis educativos ese dereito á escolla non ten amparo legal.
A primeira sentenza (1084/2007) sobre o D2007 é de novembro dese ano. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) apoia a validez do art. 13, xa que cre que os obxectivos de normalización lingüística facultan os poderes públicos para esixir a utilización do idioma polo alumnado; iso si, coa matización “utilización con carácter xeral, e sen exclusivismos” (f.x. 3).
O D2010 establece no seu art. 12.3 a liberdade de opción por parte do alumnado. Retoma a recomendación (“débese procurar”), que non mandato, do Decreto 247/1995. Así que, agás para as clases de lingua e literatura galega, lingua e literatura castelá e linguas estranxeiras…
[…] o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo.
Recentes sentenzas destes últimos meses do TSXG resolven en contra da validez deste artigo. O Consello Consultivo de Galicia, no seu ditame (183/10) de 2010, non advertiu ilegalidade neste precepto. Pero si contou co voto particular desfavorable dun dos conselleiros, Gonzalo de la Huerga. Os seus razoamentos parecen inspirar a recente resolución xudicial. Poñendo como exemplo a sentenza 1286/2012 do TSXG, no seu fundamento xurídico 9, estas son as obxeccións:
En primeiro lugar, destaca a incoherencia que supón a conciliación dos dous tramos da redacción: debe procurarse que o alumno utilice a lingua na que se imparte a materia, porque se considera positivo, pero sen que iso carrexe a obrigatoriedade. Certo que non todo o desexable é impoñible, pero o ámbito escolar regrado invita máis a facer unha relación biunívoca desta asociación conceptual, e máis se se trata dunha situación de suxeición especial como a que se dá nun ensino non universitario, onde se supón que o alumno aínda non chegou a unha madurez persoal e intelectual (incluída a lingüística) que lle evite tutelas de diverso signo.
En segundo lugar, a xuízo do tribunal, se a lingua empregada no ensino non está condicionada pola liberdade de opción, de tal maneira que se pode impoñer un sistema de conxunción lingüística, non resulta lóxico outorgar dita liberdade ao alumnado, na expresión dos seus coñecementos na aula, nunha lingua que non é a establecida vehicularmente para a docencia dunha determinada materia. Se A (conxunción lingüística) non implica B (lingua vehicular do discente), entón A queda desvirtuado porque, como di Gonzalo de la Huerga, é “sacar cunha man o que se tiña posto coa outra”. E o modelo lingüístico escolar pode acabar sendo un tertius genus, un híbrido dos dous modelos tradicionais (conxunción lingüística e separación lingüística), o que non está previsto na lexislación.
En terceiro lugar, considera que é contrario ao fomento progresivo do galego no ensino que estipula a LNL, xa que deste xeito non se facilita a adquisición da destreza esixida na lingua propia. Apélase ao Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade do Parlamento Galego o 21 de setembro de 2004, pero non é equivalente, porque o PXNLG non se plasmou nunha norma con rango de lei. Pola contra, si o é a LNL. O alumno podería así eludir o coñecemento da terminoloxía técnica en galego, así como ocultar posibles deficiencias de expresión xerais. Todos entendemos (e aplaudimos) que empregue material multilingüe, pero imaxinemos que evita sistematicamente o uso e aproveitamento do soporte en galego. Semella como se tivese dereito a unha película subtitulada. Gonzalo de la Huerga salienta que se pon en poder do alumno unha decisión que debe atribuírse ao profesor, a quen corresponde a dirección e modulación do proceso educativo (tamén neste caso):
Privar a quen debe dirixir o proceso (que é quen sabe) do poder de decisión sobre este, e entregalo ao educando (que é quen debe aprender) é amais de non razoable, atentatorio ao dereito da educación.
Ao tribunal (como a este conselleiro do CCoG) non se lle escapa que neste caso hai un trato diferente coas linguas estranxeiras, respecto ás que se exclúe a liberdade de opción. Pero coidamos que a situación non é comparable. Deixando á parte a natural obriga ratione materia das clases de inglés e de francés, o emprego destas linguas para a transmisión vehicular doutras disciplinas ten un carácter voluntario (art. 21.1), o que non sucede no caso do emprego das linguas oficiais.
Finalmente, destaca o art. 15 da LNL, que xa citamos máis arriba, para negar o dereito de opción lingüística no ensino non universitario.
A sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de autonomía de Cataluña (31/2010) permite algunhas reflexións sobre o noso asunto, mutatis mutandi, galego.
En primeiro lugar, cremos que o poder autonómico ten potestade para regular neste tema, pois ten competencia na educación e competencia na normalización lingüística. Inda que a traxectoria do TC sobre a titularidade desta competencia é sinuosa, o art. 143 do Estatuto de autonomía de Cataluña, que concede a exclusividade competencial ao poder autonómico na materia de lingua propia, non foi impugnado. Ademais, o TC reafirma que na regulación da proporción de uso das linguas no ensino a determinación da mesma e a súa posta en práctica corresponde á Administración autonómica. E tamén di que se hai trato de favor debe ser transitorio ata conseguir a normalización.
En segundo lugar, só existe un deber “individualizado e esixible” do coñecemento do galego; é un deber de natureza distinta ao que ten por obxecto o castelán. Pero para o caso que nos ocupa, non supón un atranco para o galego, porque estariamos ante “a imposición dun deber individual e de obrigado cumprimento que ten o seu lugar específico e propio no ámbito da educación”. A educación é unha actividade regrada. E lembra o dito na sentenza do máximo intérprete constitucional, STC/1994, f.x. 9:
Deste modo, o dereito á educación que a Constitución garante non conleva que a actividade prestacional dos poderes públicos nesta materia poida estar condicionada pola libre opción dos interesados da lingua docente. E por iso os poderes públicos –o Estado e a Comunidade Autónoma- están facultados para determinar o emprego das dúas linguas que son cooficiais nunha Comunidade Autónoma como linguas de comunicación no ensino, de conformidade co reparto competencial en materia de educación.
Por todo isto, é lexítima a obriga lingüística do alumnado. Pero non forzosa legalmente. Pensamos que a potestade da Administración autónoma permite a solución de 2007 e a de 2010. Cuestión distinta será a conveniencia, que non a legalidade, dunha ou doutra opción.
A doutrina do TSXG, dado que non pode contentar a todos, será obxecto de revisión polo Tribunal Supremo. Así que o asunto seguirá dando que falar.
Algúns sectores puxeron as campás a repicar coa resolución do TSXG, como un avance na defensa do noso idioma. Non compartimos tal entusiasmo. Por que? Reparemos en que, coa lexislación do 2010, o galego podía empregarse con total liberdade polo alumnado en todas as materias, salvo as obrigadas ratione materia; igual que o castelán. Agora, coa consecuencia lingua docente - lingua discente, o galego deixa de poder estar presente en todo o abano curricular, porque para as materias impartidas en castelán … haberá que empregar por forza este idioma. O ditame do Consello da Cultura Galega de 2010 sobre esta controversia concorda coa nosa reflexión:
[…] se dúas das destrezas constitutivas da competencia lingüística son a expresión oral e a expresión escrita, o único procedemento para conseguir, exercitar e demostrar o progreso na obtención desas competencias é usar o galego nas materias dadas nese idioma, e o castelán nas materias impartidas nestoutro idioma […] Por tanto, o uso, por parte do alumnado, do idioma en que se imparte cada materia debe ser a norma xeral, aínda que pode ser conveniente explicitar que esta norma debe ser aplicada de xeito gradual (ao longo do currículo), coma flexible, atendendo aos distintos contextos sociolingüísticos e ás condicións individuais de cada estudante.
Limitamos o uso dos dous idiomas, pero cal sae gañando? Algúns pensarán que a materia de ciencias sociais para o noso idioma resulta máis rendible ca outras, pero deste xeito a blindaxe do castelán refórzase cunha especie de segregación vehicular para parte do currículo. Se isto é unha vitoria, acáelle moi ben a cualificación de pírrica. Por outra banda, sen ánimo de deostar a obriga do educando neste asunto, non queremos deixar de apuntar que a opción da liberdade de escolla facilitaría enormemente o incremento legal da implantación do galego como lingua vehicular na aula, salvo que lle quitemos gran importancia ao
modus e animus operandi do profesorado. Desde logo, o freo á progresividade do galego quedaría sen argumentos incluso para alófonos, xa que o único obstáculo que podería atopar o alumno sería a pasiva recepción da explicación oral en galego, a cal non tería que supoñer ningún problema, dada a doada intelixibilidade dos dous idiomas.
4. ÁMBITO ESPACIAL E TEMPORAL
O ámbito de aplicación de ambos os dous decretos coincide, e abrangue todo o ensino non universitario: infantil, primaria, ESO, bacharelato, formación profesional, ensinanzas artísticas, ensinanzas de idiomas, ensinanzas deportivas e educación de persoas adultas.
A análise da educación infantil fixémola noutro apartado, xa que protagonizou gran parte da polémica non só pola súa lexislación en si, senón tamén pola forma de aplicala.
A seguir, facemos unha comparación entre os dous decretos (D2007 e D2010), no referente a número de horas lectivas semanais en cada etapa escolar que teñen que ser impartidas obrigatoriamente nun ou noutro idioma. Van entre parénteses. Excluímos aquelas materias nas que o idioma vehicular queda a criterio dos centros, e só facemos mención das que veñen marcadas pola lexislación. Naturalmente, os números poden variar duns centros a outros atendendo á súa oferta educativa. Pero os alicerces, é dicir, os decretos que establecen os currículos da educación primaria e da ESO en Galicia permítennos amosar uns datos obxectivos (cuantificación), así como suxerir a súa valoración (forzosamente subxectiva).
A) EDUCACIÓN PRIMARIA (Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia).
- EN GALEGO
D2007 D2010
Lingua galega (23) Lingua galega (23)
Coñecemento do medio (27) Coñecemento do medio (27)
Matemáticas (26)
Educación para a cidadanía (2)
Total horas: 78 Total horas: 50
- EN CASTELÁN
Lingua castelá (23) Lingua castelá (23)
Matemáticas (26)
Total horas: 23 Total horas: 49
Resultados:
- O galego redúcese de 78 a 50 horas. Baixa un 36%
- O castelán aumenta de 23 a 49. Sobe un 113%
- No D2007 había 101 horas de obriga idiomática, que se reducen a 99 no D2010, se cadra pensando máis en eliminar unha materia (Educación para a cidadanía) que por aspectos estritamente lingüísticos. Deste xeito, no D2007 nas materias de obriga idiomática o galego ocupaba o 77%, fronte ao 23% do castelán; no D2010 o galego é minimamente superior: un 50,5%, fronte ao 49,5% do castelán.
Decreto 124/2007

Decreto 79/2010
B) EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA (Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia).
- EN GALEGO (+ materia optativa)
D2007 D2010
Lingua galega (13) Lingua Galega (13)
Ciencias sociais (12) Ciencias sociais (12)
Matemáticas (15) Ciencias da natureza (7)
Ciencias da natureza (7) Bioloxía e xeoloxía (2+3)
Educación para a cidadanía ou
Educación ético-cívica (3)
Bioloxía e xeoloxía (2+3)
Física e química (2+3)
Total horas: 54+6= 60 Total horas: 34+3=37
- EN CASTELÁN
Lingua castelá (13) Lingua castelá (13)
Matemáticas (15)
Física e química (2+3)
Tecnoloxía (5+3)
Total horas = 13 Total horas: 35+6= 41
Resultados:
- O galego recúa de 54 a 34 horas. Baixa un 37%. Se contamos as posibles optativas, o balance inda é peor, pois o galego contaba con 6 posibles horas adicionais.
- O castelán sobe de 13 a 35. Increméntase un 169%. Se contamos as horas optativas inda sae máis favorecido, pois conta con 6 posibles horas adicionais fronte a 3 no idioma galego.

- O número de horas de obriga idiomática, con ou sen optativas, increméntase no D2010. No D2007, nas de obriga idiomática o galego ocupaba o 81%, fronte ao 19% do castelán ((82% fronte ao 18% coas optativas). No D2010, o galego ocupa un 49% fronte ao 51% do castelán; se contamos as optativas, a diferenza a favor deste último idioma agrándase: 47% fronte ao 53%.

Decreto 124/2007

Decreto 79/2010
Valoración:
- O castelán pasa a ser lingua vehicular obrigatoria, mentres que no D2007 só se impoñía na disciplina específica. Isto supón seguir o criterio do Tribunal Constitucional, que resolveu repetidas veces que non podía quedar relegada esta lingua a simple materia. O D2010 explícao así no seu limiar:
O Decreto 124/2007, do 28 de xuño, orientouse nomeadamente cara á obtención dunha competencia axeitada en lingua galega no ensino obrigatorio, sen o establecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias impartidas en lingua castelá, o cal podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía e aceptada por todos os galegos e galegas.
Pero impoñer esta paridade obstaculiza a normalización do idioma e dá por rematado o principio de progresividade da Lei de Normalización Lingüística. Dada a situación sociolingüística imperante, o castelán non necesita tanta protección, nin para o seu coñecemento, nin para a súa equiparación ao galego en moitos centros (sobre todo se non son públicos). Atendendo á doutrina xurisprudencial do Tribunal Constitucional debe garantirse a consideración do castelán como lingua vehicular, pero a porcentaxe que se establece dista de ser “mínima”. De cobizar a paridade, sería desexable deixala ao laisser faire dos centros, cuxa decisión non cremos que distase tanto da vontade social. Pero frear a progresividade do galego, non pola decisión interna da comunidade escolar, senón pola imposición lexislativa, non axuda nada a confiar na boa fe do executivo galego na súa actuación a prol da nosa lingua.
- Especialmente grave é a suposta paridade no ensino secundario, onde o redondeo faise a favor do castelán. Isto non constitúe unha apreciación subxectiva; lamentablemente, é pura matemática. Aquí non é xa que se free a progresividade do galego, xa non se trata de desleixo institucional, senón de clara oposición. Unha lexislación así semella máis unha protección legal do castelán fronte ao galego. As limitacións para a aplicación da lingua propia neste nivel do ensino, que se ven agravadas pola obriga idiomática do alumnado nas respectivas materias, lévannos a pensar que, de non mudar a situación, para a defensa do galego igual habería que avogar polo sistema de separación lingüística (tipo País Vasco) no canto deste sistema de conxunción que así non só non vale para mellorar, senón que dificulta manter a situación sociolingüística do momento, que xa non é para tirar foguetes.
- O galego é obrigatorio para as disciplinas do sector humanidades e biolóxico, mentres que o castelán o é para o ámbito científico máis técnico. Algúns critican esta decisión, pero quizais é o mal menor. Coidamos que o galego sae gañando con materias nas que o léxico empregado é máis rico, máis apegado á vida e ás conversas cotiás, e nas que o idioma propio pode utilizarse na literatura erudita (o que non pasa con matemáticas, física ou química, nas que nin o castelán ten prestixio fronte ao omnipotente inglés). De ser ao revés, seguramente os non entusiastas cara ao galego estarían máis satisfeitos, porque ademais no día a día das científico-técnicas parece máis doado tourear a lexislación. En todo caso, o debate sobre as materias “importantes” xa existía no D2007, ao que se acusaba por algún sectores de que apañaba todas para o galego.
Se o principio de progresividade parece rematar para o galego, comeza para linguas estranxeiras, particularmente o inglés. Así, no art. 21 do D2010 dise que a Administración fomentará a impartición de materias non lingüísticas en linguas non oficiais “de maneira progresiva”. Presenta as seguintes características:
- Esta progresividade ten un tope: ata un terzo do horario lectivo semanal. Este axuste polo número e non por materias resulta menos conflitivo socialmente, pero pode carrexar problemas organizativos e legais nos centros (permitimos a impartición dunha materia inda que se sobrepase unha hora?).
- Ten carácter voluntario. A imposición xeral, ao non tratarse de linguas oficiais e das que exista obriga de coñecemento fóra do ámbito lectivo, resultaría de dubidosa legalidade.
- Se afecta ás materias reguladas vehicularmente para o galego e o castelán, deberá procederse a unha nova redistribución destas no proxecto lingüístico do centro para manter o statu quo en cada curso. Isto suscita certos interrogantes. ¿Compénsanse coas materias non estipuladas polo decreto, senón polo proxecto lingüístico do centro? Ou inda máis: ¿está autorizado o centro para modificar a distribución establecida polo decreto, de maneira que a materia que se impartía en castelán pase a darse en galego ou viceversa? (sociais en castelán, matemáticas en galego…).
En fin, que eramos poucos e pariu … Outra preocupación máis para o galego no ensino; outra forma de evitalo. A arela políglota da Administración, en principio loable, corre o risco de vestir un santo espindo outro. Ese temor non se lle escapou ao Ditame do Consello Consultivo de Galicia sobre o D2010:
Ese máximo dun terzo do horario podería resultar desproporcionado con relación ao horario que se lle dispensa ás dúas linguas oficiais, e iso porque, se ben nunha comunidade autónoma na que só existise un idioma oficial sería asumible dende o punto de vista da proporción cualitativa a atribución dun terzo á impartición nunha lingua estranxeira de determinadas materias, non o é nunha comunidade autónoma como Galicia, que dispón de dúas linguas oficiais. Así […] pode supoñer un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais […]
Haberá que estar atentos, xa que logo, a que non sexa o galego o que sufra os posibles inconvenientes. É doado adiviñar que o castelán sorteará mellor as dificultades.
Facemos agora a análise doutros eidos escolares, que teñen como característica común unha menor precisión normativa a nivel de tutela lingüística.
No caso do bacharelato, os dous decretos coinciden na falta de delimitación vehicular de materias, pero presentan varias diferenzas. En primeiro lugar, esa concreción queda atribuída no D2007 a un vindeiro decreto regulador que non chegou a aprobarse; no D2010, corresponde esa tarefa a cada centro educativo, nun proceso que se renovará cada catro cursos escolares. En segundo lugar, cambia a precisión cuantitativa: no D2007 a porcentaxe de materias en galego non pode ser menos do cincuenta por cento do total; no D2010, non pode ser máis, xa que esixe o equilibrio vehicular das dúas linguas oficiais. De novo nos parece excesivo ese celo normativo pola paridade, e remitimos ao noso razoamento para a ESO, se cadra agora con máis razón por tratarse dun ensino non obrigatorio onde tal tutela ten menos xustificación.
Vexamos o referente á formación profesional, ás ensinanzas artísticas e deportivas. O D2007 tamén establecía un mínimo dun 50% da docencia en galego, adscribíalle algún módulo especificamente e outorgaba protagonismo decisorio á dirección do centro. O D2010 volve a establecer a obrigatoriedade da paridade encomendada a cada centro educativo. Como no caso do bacharelato, o D2007 inspírase no PXNLG, aprobado polo Parlamento de Galicia no ano 2004, do cal o actual decreto só se lembra no limiar. O que si consideramos acertada é a esixencia do D2010 de garantir o coñecemento polo alumnado do vocabulario específico nas dúas linguas oficiais; esa seguridade non existía para o castelán no D2007, e temos que pensar que o léxico profesional específico non sempre se adquire na rúa.
Por último, o ensino de adultos. Semella que este ámbito educativo está para facer experimentos, dada a súa menor repercusión mediática; de feito, as protestas por unha ou outra lexislación non reparan nel. Neste sentido, os dous decretos abusan da lexislación imperante a prol de galego, e establecen unha diferenza porcentual con respecto a outros ámbitos do ensino sen dar xustificación ningunha. O D2007faino por elevación, ao non garantir o uso vehicular de mínimos para o castelán nos niveis da ESO e de bacharelato (“as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas”). O D2010 faino por defecto, esquecendo a súa querida paridade e limitándose a expresar o desexo de que se asegure “que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais”. Esta indefinición podería facer viable que o galego volvese a quedar case sen uso vehicular. Resulta desproporcionado a todas luces se con isto se quere atender ás necesidades da poboación inmigrante (para a cal os dous decretos expresan a súa mellor vontade de adaptación). Pero ademais, a efectos prácticos, o ensino de adultos está inzado de alumnado repetidor do sistema presencial maioritario; estamos, xa que logo, aplicando unha regulación lingüístico-escolar distinta a alumnos que non teñen, en xeral, máis diferenza de idade ca uns poucos anos.
5. OS EQUIPOS DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA
A disposición transitoria primeira asenta un importante cambio de denominación. Non se trata dunha cuestión de simple nominalismo, ten relevancia semántica. Pérdese a noción de normalización, un concepto sociolingüístico claro que lamentablemente aínda ten razón de ser e moita necesidade de utilización nestes eidos. De feito, o Consello Consultivo de Galicia, no seu ditame 183/2010, de 11 de maio, propoñía ao goberno que sería mellor empregar o termo “normalización”.
No decreto de 1995 regulouse o Equipo de Normalización Lingüística. No D2007 engádese á de Normalización a noción de Dinamización. No D2010 faise desaparecer destes órganos aquela idea esencial e consubstancial de “normalización”.
Tampouco é simple nominalismo o exame do enunciado formal deste decreto. Este formúlase como Decreto para o plurilingüismo. Daquela, o obxectivo principal queda claro dende o frontispicio da propia definición normativa. A diferenza deste, nos anteriores decretos expresáronse desde a propia denominación obxectivos diferentes. No de 1995, tratábase de desenvolver a Lei de Normalización Lingüística para a súa aplicación ó ensino. O de 2007 definíase como articulado polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Sen ambaxes, desde a dición dos propios enunciados os fins que perseguen non poden agocharse en ningún caso.
Mención á parte merece tamén o ámbito de aplicación definido por este mesmo artigo 15 que regula os Equipos de dinamización da lingua galega. Segundo o seu teor literal, constituirase un equipo de dinamización da lingua galega “nos centros sostidos con fondos públicos”. Prodúcese aquí unha mingua respecto ao ámbito xeral do propio D2010, que é de aplicación “en todos os centros docentes sostidos con fondos públicos, así como nos privados” (art. 2). Pola súa parte, no D2007 a regulación dos Equipos de normalización e dinamización lingüística abranguía un ámbito máis amplo: “nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria”.
6. O PROXECTO LINGÚÍSTICO DO CENTRO
A regulación do proxecto lingüístico de centro inaugúrase co D2007. O D2010 mantena. Non obstante, modificouse a composición da comisión que ha de redactar o proxecto: no D2007 formaban parte da comisión profesorado doutras linguas e máis o/a coordinador/a do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), dando por feito que a coordinación do Equipo seguramente había ser docente de lingua galega -o cal pode ser o máis probable, pero non necesariamente certo-. Na regulación actual, a composición da comisión redactora do proxecto lingüístico do centro está constituída polos xefes dos departamentos de linguas e mais o coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG). Polo menos formalmente, non se preclúe a posibilidade de que a coordinación do equipo corresponda a profesorado de calquera materia.
Reparemos tamén noutro importante cambio: o D2007 referíase xenericamente a “compoñentes dos departamentos das outras linguas”, é dicir, calquera profesor/a de lingua, sen discriminar xerarquicamente; no D2010 refírese especificamente a “os xefes/as dos departamentos de linguas”. Non se conta, logo, coa disposición de vontade persoal nin coas diferentes sensibilidades, simplemente atribúese a encomenda a quen detén a xefatura de departamento, quizais excluíndo a participación na comisión de profesorado especialista en sociolingüística ou con maior implicación no equipo de dinamización da lingua galega.
Con esta composición, a comisión nomeada debe acometer agora as máis transcendentais funcións: decidir a lingua vehicular en primaria, en secundaria e no bacharelato; determinar as medidas de apoio lingüístico en todas as etapas; especificar os procedementos para que o alumnado acade a competencia lingüística axeitada; definir obxectivos e acción para o “fomento” da lingua. Nada menos. Agora ben, o problema non reside tanto na elevada carga de traballo que supón senón na delegación competencial de relevantes funcións reguladoras que se deixan ao pairo dunha voluntarista actuación.
Temos que reiterar aquí as obxeccións que xa opuxemos neste aspecto á regulación do proxecto lingüístico establecida polo D2007. Autocitándonos, “a encomenda é de tal magnitude e alcance que máis semella unha fuxida da Administración das súas propias competencias ca unha leal cesión de corresponsabilidade aos centros educativos. Non existe verdadeira autonomía sen medios. E sen tempo axeitado, sen formación específica, sen especial autoridade nin potestade, sen o distanciamento necesario para unha planificación cabal e sen contar coa lexítima participación de todo o claustro”5, unha comisión de profesorado -precisamente o profesorado non afectado (o de linguas)-, ten que decidir e regular. Pero non se poden transferir responsabilidades sen máis, atribuíndo amplos poderes normativos de transcendente consecuencia sen ao tempo dotar de medios. Autonomía sen recursos non é outra cousa máis ca desleixo institucional.
Feito o traballo pola comisión así nomeada en cada centro, establécese por este D2010 un procedemento de control menor có que estaba previsto polo D2007. En ambos, o proxecto debe ser aprobado polo Consello Escolar. Este é un control interno, previo. Cumprido este trámite, debe remitirse aos servizos de inspección cada catro cursos –no D2007 cada ano-. Tamén se prevé agora a remisión anual dunha Addenda na que debe constar: o resultado da pregunta en infantil –xa non coa eficacia e transcendencia prevista-; información sobre modificacións na impartición de materias en lingua(s) estranxeira(s); información do feito (é dicir, memoria) e información do que se vai facer (é dicir, programación). Desaparece coa regulación actual outro control externo máis, o atribuído á Administración educativa, e que tiña por obxecto que en virtude dos resultados obtidos se fose adecuando a planificación xeral.
Así e todo, o máis significativo desta nova regulamentación non é a mingua cuantitativa de control, por se tratar en xeral dun control máis formal que de vixilancia efectiva do cumprimento. O realmente significativo é que este decreto estableza que os servizos de inspección velarán para que o contido do proxecto lingüístico se axuste “a este decreto e ao desenvolvemento da Lei orgánica de educación” (sic). Que o proxecto lingüístico se axuste ao D2010 e á Lei Orgánica de Educación (LOE) parece axeitado, pero a omisión de calquera referencia á Lei de Normalización Lingüística é neste punto flagrante. Tan só máis adiante se cita a LNL como guieiro no que se refire á competencia lingüística propia de cada nivel e etapa, para asegurala “nas dúas linguas oficiais de Galicia”6. Semella que a preocupación principal do decreto é garantir a paridade idiomática. Pero tratándose dunha norma autonómica habería de estar máis orientada cara á defensa e promoción do propio e menos mediatizada pola teima encirrada por algúns mentideiros que decote ven o castelán ameazado. No corpo normativo deste decreto subxace o sofisma da busca da paridade e da presunta liberdade. Pero non hai tal. Nin é xusto nin é garante de equidade o feito de tratar por igual, sen discriminación positiva, dúas realidades que nin son iguais nin están en condicións de igualdade.
7. A EXENCIÓN
En materia de exención – exención “da cualificación das probas de lingua galega”, igual que xa tiña corrixido o D2007 aquela desafortunada dición do Decreto 79/1994 que versaba sobre “exención da materia”- atópanse diversas mudanzas.
Dunha beira, este novo decreto amplía o ámbito persoal de aplicación da exención: fronte a 4º da ESO e bacharelato que era o ámbito da anterior normativa, na actual este ámbito abrangue toda a ESO, o bacharelato e mesmo o 3º ciclo de primaria. Dende logo, esta amplísima extensión da exención cara ao nivel de primaria non ten moita razón de ser, agás que no futuro as “reválidas” da LOMCE así o xustifiquen.
Doutra beira, na causa da exención segue a manterse a procedencia doutras comunidades autónomas, como na anterior regulación, e simplifícase o tratamento cando a procedencia é dun país estranxeiro. O D2007 concedía a exención para o alumnado procedente dun país estranxeiro con lingua oficial castelá. Suponse que se facía para igualar xuridicamente o tratamento do alumnado non castelanfalante. Se non obtiñan exención de lingua castelá, tampouco tiñan dereito á exención de lingua galega. No plano xurídico, supoñía a plena aplicación da cooficialidade lingüística. Na práctica, así e todo, podía implicar o paradoxo de conceder a exención para quen viñese de Vegadeo ou do Bierzo, pero non para quen viñese da China. Co D2010 a exención concédese a quen proceda doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro. Dun país estranxeiro calquera, tanto ten que sexa de Rusia como de Chile. Sen dúbida, esta universalización da exención ao alumnado procedente de calquera país estranxeiro pode resultar máis doada de comprender e dende logo máis sinxela de aplicar.
A duración da exención da cualificación da materia é por dous cursos e implica a obriga de asistir ás aulas “como medio de integración lingüística”. Esta obriga de asistencia resulta correcta, pero manifestamente insuficiente para acadar unha cabal integración. Cumprirían medidas de apoio, aulas de inmersión e outros medios escolares e extraescolares que facilitasen a inmersión lingüística e a integración das persoas inmigrantes, e non só do alumnado, tamén a dos demais membros das familias inmigrantes.
8. A VIXILANCIA DO CUMPRIMENTO
Tampouco semella cuestión carente de significado, non é –unha vez máis- simple nominalismo a análise da letra e o espírito que emanan do D2010 cando establece no artigo 20 que os servizos de inspección velarán para que en todos os centros educativos se cumpran “as disposicións previstas neste decreto”. No anterior decreto establecíase que os servizos de inspección velarían para que en todos os centros educativos se cumprise “a normativa vixente sobre normalización lingüística”. Fronte a esta visión sistemática, comprensiva do ordenamento xurídico como un todo orgánico, o actual decreto tan só mira cara ao seu propio embigo, referíndose ás “disposicións previstas neste decreto”, abeirando o conxunto da normativa sobre a normalización lingüística.
Desapareceu tamén coa chegada desta última regulación a norma admonitiva que contiña a disposición adicional 4ª do D2007: “Nos plans de avaliación dos centros educativos e nos plans de avaliación da función directiva terase en conta o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no uso e normalización da lingua galega”. Non require de ulteriores comentarios. Anúlase a norma que prevía que se tería en conta para a avaliación dos centros e da función directiva o grao de cumprimento dos obxectivos de normalización.
Finalmente, na disposición adicional 5ª do D2010 prevese unha avaliación dos resultados da súa aplicación e tamén se compromete a que a Consellería desenvolva cantas disposicións fosen precisas co fin de achegarse gradualmente ao marco “dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias”. A regulación da impartición de materias non lingüísticas en lingua estranxeira farase mediante Orde, segundo a disposición adicional 1ª. Queda, polo tanto, por ver como se van conxugar nun mesmo sistema estes dous obxectivos xenéricos de ensino plurilingüe (Decreto) e asemade normalizador (Carta).
9. A ORDENACIÓN LINGÚÍSTICA DA LOMCE
O goberno aprobou, nunha data tan suxestiva como o 17 de maio, o proxecto da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, LOMCE, que modifica a LOE de 2006. Está pendente de aprobación polo poder lexislativo español. A composición parlamentaria permite vaticinar que sairá adiante, xa veremos se mudando moito ou non. Analizaremos, a seguir, o seu ideario lingüístico, que innova o que ata agora tiñamos por costume.
A lei establece tres tipos de materias: materias troncais, específicas e de libre configuración autonómica. No primeiro caso está a materia de Lingua castelá; no último a “Lingua cooficial e literatura”. A terminoloxía non é, de entrada, moi oportuna para unha equiparación na valoración lingüística.
Para pasar ao curso seguinte os alumnos non deben suspender máis de dúas materias. Excepcionalmente, pasarán con tres que non poden sersimultaneamente Lingua castelá e literatura e mais Matemáticas. A estes efectos, a materia Lingua cooficial e literatura terá a mesma consideración que a materia Lingua castelá e Literatura. Neste sentido, afecta por igual suspender unha ou outra. O mesmo acontece para poder afrontar o exame preceptivo para obter os títulos da ESO e de Bacharelato. Pero a equiparación non pasa de aí.
Para presentarse ás probas selectivas, o resultado de Lingua castelá e literatura é ineludible, por ser troncal. Para a disciplina da nosa lingua
[…] en relación con aqueles alumnos que cursen Lingua Cooficial e Literatura, só se computará unha materia no bloque de materias de libre configuración autonómica, con independencia de que os devanditos alumnos poidan cursar máis materias do referido bloque.
A redacción é tan lamacenta que parece dar a entender que podería non contar Lingua galega e literatura, de aceptarmos o troco con outra materia deste apartado. Afortunadamente, a disposición adicional trixésimo novena elimina ambigüidades: a efectos de promoción e avaliación, a disciplina de “Lingua cooficial” sempre conta; o que impide a súa existencia é que se valore para isto calquera outra materia de libre configuración autonómica.
A gran desigualdade está nas “reválidas”. A materia de Lingua galega e literatura non entra nas probas para obter os títulos da ESO e de Bacharelato. Sociolingüisticamente esta medida vai ser moi grave para o noso idioma. Parecerá menos importante que o inevitable castelán. Tamén provocará unha menor esixencia: o castelán non se aprobará tan facilmente, pois a proba posterior, que a diferenza da actual Selectividade é vital para acadar a titulación, non invitará a “regalos”; no caso do noso idioma, invértase todo o anterior.
Na disposición adicional trixésimo oitava, titulada Lingua castelá, linguas cooficiais e linguas que gocen de protección legal, aparecen tamén disposicións salientables.
1. As Administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos a recibir as ensinanzas en castelán, lingua oficial do Estado, e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios.
Semella ter a función de marco xenérico, pero provoca unha chea de interrogantes. Significa acabar co sistema de conxunción lingüística (“ensinanzas en castelán”)?, reforzar o sistema de separación lingüística (“e nas demais linguas oficiais”)?, ou só garantir que o castelán sexa lingua vehicular mínima? Todo apunta a isto último.
4. Nas Comunidades Autónomas que posúan, xunto ao castelán, outra lingua oficial de acordo cos seus estatutos, as Administracións educativas deberán garantir o dereito dos alumnos a recibir as ensinanzas en ambas linguas oficiais, programando a súa oferta educativa conforme aos seguintes criterios:
a) Tanto a materia Lingua Castelá e Literatura como a Lingua Cooficial e Literatura deberán impartirse nas linguas correspondentes.
Parece obvio, pero non está de máis que a lei fundamental de educación sancione isto, como garantía ante un posible desleixo autonómico. Se cadra, ¿estamos ante unha intromisión nas competencias autonómicas, entre as que estaría a do estudo da lingua propia? ¿Ou podemos interpretar esta disposición como o punto de partida do respecto ao plurilingüismo por parte do Estado no seu conxunto?
b) As Administracións educativas poderán deseñar e implantar sistemas nos que se garanta a impartición de materias non lingüísticas integrando a lingua castelá e a lingua cooficial en cada un dos ciclos e cursos das etapas obrigatorias, de maneira que se procure o dominio de ambas linguas oficiais polos alumnos, e sen prexuízo da posibilidade de incluír linguas estranxeiras.
Permite o sistema de conxunción lingüística, así como o modelo do D2010 (“sen prexuízo da posibilidade de incluír linguas estranxeiras”). Reparemos en que só fala do ensino obrigatorio. Que pasa con Bacharelato?
As Administracións educativas determinarán a proporción razoable da lingua castelá e a lingua cooficial nestes sistemas, podendo facelo de forma heteroxénea no seu territorio, atendendo ás circunstancias concorrentes.
Segue autorizando o percorrido do sistema de conxunción lingüística ao longo destes decenios. O número de materias nun ou noutro idioma non ten que ser igual nin nas Comunidades autónomas nin dentro de cada unha. A determinación é de competencia autonómica.
c) As Administracións educativas poderán, asimesmo, establecer sistemas nos que as materias non lingüísticas se impartan exclusivamente na lingua cooficial, sempre que exista oferta alternativa de ensinanza sostida con fondos públicos na que se utilice a lingua castelá como lingua vehicular nunha proporción razoable.
Nestes casos, a Administración educativa deberá garantir unha oferta docente sostida con fondos públicos na que o castelán sexa utilizado como lingua vehicular.
Volvemos a unha redacción ambigua. Por unha banda, podemos considerar que estamos ante un reforzo do visto anteriormente autorizando o sistema de conxunción lingüística, sempre que o uso vehicular do castelán quede minimamente garantido (“nunha proporción razoable”), tal como estipula o Tribunal Constitucional. Pero tras o punto e á parte volvemos a encontrarnos co sistema de separatismo lingüístico electivo. Toda esta indefinición está provocada pola situación en Cataluña, onde hai sectores que se queixan da falta de utilización vehicular do castelán. Por iso, o goberno central aseguraría o cumprimento da lei e pasaría posteriormente os gastos á Comunidade Autónoma reticente.
Os pais ou titores legais terán dereito a que os seus fillos ou pupilos reciban ensinanza en castelán, dentro do marco da programación educativa. Se a programación anual da Administración educativa competente non garantise oferta docente razoable sostida con fondos públicos na que o castelán sexa utilizado como lingua vehicular, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, previa comprobación desta situación, asumirá integramente, por conta da Administración educativa correspondente, os gastos efectivos de escolarización destes alumnos en centros privados nos que exista dita oferta coas condicións e o procedemento que se determine regulamentariamente, gastos que repercutirá á devandita Administración educativa.
Esta disposición pode suscitar moitos comentarios sobre os problemas de competencia, tanto no sentido estritamente xurídico como na acepción normal da palabra. Pero primeiro cómpre dilucidar a que sistema lingüístico se refire. E inda que comeza como aludindo ao sistema de separación (“ensinanza en castelán”), cremos que o máis importante na redacción está no adxectivo “razoable” que aparece despois. En realidade, o sistema de separación lingüística, por propia definición, xa garante o ensino en castelán; cabe unha preferencia pola Administración autonómica dun modelo fronte ao outro, pero as solicitudes dos proxenitores non se poden ocultar. Pola contra, no sistema de conxunción, a familia non escolle a proporción lingüística, e esta admite máis facilmente a intervención do lexislador, ata o punto de bordear, ou rebordar, a legalidade constitucional. Por iso aquí a acción do goberno central sobre as disposicións autonómicas cobran sentido. O problema é que o goberno do Estado debe protexer a doutrina constitucional, que defende o uso vehicular do castelán, pero constitúe un abuso que se arrogue o dereito a interpretar cal é a proporción “razoable”. Sobre todo cando esta pode estar moi mediatizada por grupos de presión moi heteroxéneos que exciten medidas populistas que acaben dinamitando o sistema de conxunción lingüística. O recurso a centros privados para paliar a insatisfacción tampouco axuda á tranquilidade: no canto de estar o recurso ao servizo do problema, pode estar o problema ao servizo do recurso.
A tutela (e acción) do goberno central persistirá mentres non se considere que a Administración autonómica garante “os dereitos lingüísticos individuais dos alumnos”, e engade
A estes efectos, non se considerarán axeitadas as medidas que supoñan a atención individualizada en castelán ou a separación en grupos por razón da lingua habitual.
A doutrina xurídica xa declarou que a atención individualizada en castelán non pode ser un sucedáneo do uso vehicular. Así evitamos “boísmo pedagóxico” e unha minusvaloración da identidade cultural do alumnado. A sentenza do Tribunal Supremo do 16/12/2010 insistía en que o sistema de atención individualizada é algo ben distinto do dereito a recibir a educación na lingua habitual, e advertía das consecuencias pedagóxicas e os efectos psicolóxicos dimanantes da aplicación de tal modelo. No tocante ao segundo punto, a prohibición da separación en grupos por razón da lingua habitual aparece recollida na lexislación autonómica de conxunción lingüística. A Lei 1/1998 de política lingüística de Cataluña rexistra expresamente no seu art. 21.5 a prohibición da separación por centros ou grupos. A nosa LNL, no seu art. 13.3, prohibe a separación en centros, e só autoriza a separación en grupos con carácter excepcional.
Ademais do castelán e das linguas oficiais, a LOMCE establece unha terceira categoría.
6. Aquelas Comunidades Autónomas nas que existan linguas non oficiais que gocen de protección legal ofertaranas, no seu caso, no bloque de materias de libre configuración autonómica, nos termos que determine a súa normativa reguladora.
Refírese ao bable, aragonés… Estarían, como as cooficiais, no mesmo bloque de materias de libre configuración autonómica, pero non terían o tratamento destas de cara a aprobar o ciclo. En todo caso, remite a unha disposición posterior, que sería de carácter autonómico.
Na disposición adicional trixésimo novena da LOMCE insístese en que a nota de Lingua galega contará igual que a de Lingua castelá… como tamén se reitera o dereito de exención, este último regulado pola Administración autonómica, a mesma á quen lle corresponde establecer o temario e as probas da Lingua cooficial:
Corresponde ás Administracións educativas competentes concretar os criterios de avaliación, os estándares de aprendizaxe avaliables e o deseño das probas que se apliquen a esta materia, que se realizarán de forma simultánea ao resto das probas que compoñen as avaliacións finais.
Se as indefinicións provocaban inquietude, esta última afirmación máis. Resulta insultante, por obvia: nesta materia os exames serán canda as outras materias! En fin… que pasen os xornalistas e que coman coas persoas.
1 PXNLG, Xunta de Galicia, 2006, páx. 22
2 Segundo comunicado do Secretario Xeral de Política Lingüística, “a nova instrución sobre a lingua predominante do alumnado que curse a etapa de educación infantil a determinarán os centros educativos valéndose do proxecto lingüístico de centro. A devandita decisión resolverase atendendo a varios factores, tal como o resultado da pregunta sobre a lingua materna que os respectivos centros lles formularán aos proxenitores ou titores legais dos nenos e nenas no momento en que estes comecen o primeiro ensino no sistema educativo galego. Alén diso, os centros tamén considerarán a realidade sociolingüística do contorno no que estean radicados tendo en conta, en todo caso, a garantía dunha presenza equilibrada das dúas linguas cooficiais da nosa Comunidade Autónoma como vehiculares do ensino e tamén que o alumnado deberá adquirir competencia lingüística tanto en galego coma en castelán.” Cfr. http://www.edu.xunta.es/web/node/10244
3 “[…] A estes efectos, non se considerarán axeitadas as medidas que supoñan a atención individualizada en castelán […]”. (Disposición adicional trixésimo oitava da LOMCE). Sobre isto volveremos máis adiante.
4 Janeiro Espiñeira, X.L./Alonso Álvarez, A.: A lingua galega no ensino: reflexións sobre o decreto 124/2007 A letra miúda. Revista de sociolingüística para o ensino, nº 3, abril-xuño 2013.
5 Janeiro Espiñeira, X.L./Alonso Álvarez, A.: A lingua galega no ensino: reflexións sobre o decreto 124/2007 A letra miúda. Revista de sociolingüística para o ensino, nº 3, abril-xuño 2013.
6 “Sen prexuízo do previsto na epígrafe 4 deste artigo, a Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia, como establece o artigo 14.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística” (Cfr. art. 14.5 do D2010)