A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Xosé-Henrique Costas

Doutor en Filoloxía Galega e profesor de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde exerce actualmente o cargo de vicerreitor de Extensión Universitaria. Académico correspondente da Real Academia Galega desde 2012,  forma parte do consello de redacción das revistas Anima+l, Estudios de Sociolingüística e Lingua e Dereito, e  é membro destacado da plataforma ProLingua.

Especialista no galego exterior, coordinou o proxecto de investigación Estudio lingüístico, etnográfico y antropológico del Val do Río Ellas (Cáceres).

Nº3: abril-xuño 2013

Xosé-Henrique Costas
O galego no Val do Ellas e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias

Neste artigo preséntase unha descrición da situación actual na que se atopa o galego do Val do Ellas, en Estremadura; analízanse os datos contraditorios sobre o “valego” que ofrece o recente 3º Informe sobre o cumprimento en España da Carta Europea das Linguas;  e compáranse os datos obtidos sobre usos lingüísticos do alumnado en 2011 cos de hai 15 anos, incidindo no abandono total que sofren as falas do Ellas por parte das  autoridades estremeñas.


Versión en PDF


 

A variedade de galego empregada polo 90% dos habitantes do Val do Río Ellas, do Val do Xálima ou dos Tres Lugaris, no noroeste da provincia de Cáceres, non ten recoñecemento estatutario por desexo expreso do PP e PSOE estremeños e españois, así manifestado no debate nas Cortes sobre o novo Estatuto de Autonomía de Estremadura de 2012, onde non foi aceptada unha morna proposta do BNG para que se recoñecese neste texto “A Fala” e o portugués de Estremadura. Tampouco ten esta variedade (“A Fala” oficialmente) nin unha lei ou norma concreta que o protexa, agás unha declaración de Ben de Interese Cultural que a nada compromete nin sobre a que se ten efectuado ningunha acción de protección.

Así e todo, o galego de Estremadura ou valego1 ten moita vitalidade na súa pequena comunidade e ten unha oportunidade valiosísima de normalización coa aplicación efectiva da Parte II da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) que prevé, por exemplo: a introdución do estudo da lingua como materia do curriculum escolar e na universidade estremeña; a entrada da lingua na administración local; a oficialización da toponimia urbana e rural nas formas autóctonas etc., independentemente de que as autoridades políticas e académicas estremeñas o consideren galego, portugués ou swahili e lle chamen fala, xalimego ou o que queiran. Coa CELRM na man todo iso é posible, e non hai administración ou tribunal que poida conculcar eses dereitos, porque derivan dunha norma europea que xa forma parte da materia constitucional española. O que ocorre é que a maioría das autoridades descoñecen esta lexislación e os que saben dela fan o imposible por que non se aplique.

O recente 3º Informe sobre o cumprimento en España da Carta Europea das Linguas (2012:1-6) http: //www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/PeriodicalReports/SpainPR3Part2_es.pdf é bastante contraditorio e melifluo verbo do galego exterior en xeral e do valego (galego do Val do Ellas) en particular. Nótase moito neste último informe o peso e a presión dos gobernos autonómicos no fornecemento de datos erróneos (cando informan, porque o normal é que calen e non informen, para desesperación dos expertos europeos) e, xa que logo, no resultado final, nótase a ausencia de información das autoridades estremeñas e a ausencia de compromiso das actuais autoridades galegas, pois no 2º Informe (2008) o galego exterior saía moito mellor parado ca nestoutro 3º Informe (2012).

Resulta chocante que este 3º Informe se refira ao galego do Ellas nunha ocasión como “Portuguese in the Jálama valley” (parágrafo 11) e posteriormente moitas veces como “Galician in Extremadura” (parágrafos 141,  171, 172, 173, 174, 175, 204 e 224), pero resulta inconcibible que se diga do “Portuguese in the Jálama valley” que “the use of Portuguese in the Jálama valley and Herrera de Alcántara has almost disappeared”(!!!) cando o índice de uso habitual das variedades locais supera o 90% dos case 5.000 habitantes do val. Nós coidamos que alguén lles proporcionou datos totalmente erróneos e non fixeron caso do informe documentado e actualizado sobre o galego exterior que lles proporcionou a Real Academia Galega ou a asociación ProLingua en xullo de 2011. Isto é: as opinións e informacións das autoridades pesaron excesivamente neste último informe, mesmo dubidamos de que o Comité de Expertos do Consello de Europa saiba que o seu “Portuguese in the Jálama valley” é o mesmo que logo denominan sempre “Galician in Extremadura”.

Efectivamente, o portugués autóctono falado por entre 4.000 e 6.000 persoas en Estremadura agoniza, por moito que as autoridades estremeñas introducisen con decisión nos últimos anos o estudo da lingua portuguesa en escolas e institutos e que hoxe 30.000 alumnos estremeños estuden portugués2 como segunda lingua estranxeira. Hai quince anos xa denunciaba Manuel J. Sánchez Fernández3 (1997:109) unha acelerada agonía do portugués estremeño que comezara nos anos 1940 cando se interrompeu a transmisión xeracional:
Los bilingües suelen ser de menor instrucción. La alfabetización (sólo en español) ha contribuido al sentimiento de inferioridad de los lusohablantes, y todo fue españolizado: las calles, las letras de la música popular, incluso los apellidos, y muchas veces de forma aberrante y hasta ridícula, cosa bien propia de la época franquista. Pocos oliventinos quedan ya con hipocorísticos portugueses (...). También la toponimia, en general fonéticamente españolizada y morfológicamente portuguesa.

Do galego de Extremadura di o 3º Informe que ninguén achegou información sobre as accións tomadas polas gobernantes de Estremadura, información que lles fora requirida xa no 2º Informe e que polo de agora os expertos do Consello de Europa continúan sen coñecer.

Estremadura non respondeu, pero as autoridades españolas informaron –como medidas de fomento da lingua- da aprobación en 2008 da creación dun “Museo da Fala” en San Martiño de Trebello, cousa que non é certa. Aprobouse en 2008 a creación dun Centro de Estudos sobre a Fala e a Cultura dos Tres Lugares, pero sen consignación orzamentaria e sen que desde a tal teórica aprobación se movese un só papel nin se enviase un só sinal de que se seguía adiante co proxecto. E xa pasaron cinco anos.

Informaron as autoridades estremeñas de que hai paneis bilingües nas rúas e na sinalética viaria, pero iso non é ningún logro de ningunha medida de fomento da lingua por parte de autoridades estremeñas ou españolas, iso foi unha iniciativa local de cada un dos concellos, monolingüe en lagarteiro desde 1991 nas Ellas, bilingüe mañego/español desde 2000 en San Martiño de Trebello e bilingüe valverdeiro/español desde 2005 de Valverde, sen ningunha axuda nin apoio de ningunha administración exterior.

As autoridades recoñeceron que o galego en Estremadura está ausente dos medios de comunicación e que o seu emprego polas autoridades locais é “inexistente ou de menor importancia”. E as autoridades non informaron acertadamente, porque o valego emprégase esporadicamente en artigos en semanarios comarcais (Agatae, Sierradegatadigital.com...) e o seu emprego polas autoridades locais é relativo, xa que As Ellas e San Martiño o usan en avisos, bandos etc., aínda que non en impresos e documentación oficial porque, ao non existir coñecemento dunhas regras para a escrita, moitos funcionarios non saben como escribilo e non se atreven a facelo, pero o uso oral do valego nos concellos é a norma na atención ao público, por teléfono etc., e mesmo na maioría dos concelleiros e alcaldes nos plenos e comisións municipais.

No eido educativo, é indignante que as autoridades estremeñas informen de que o galego non se imparte nas escolas “con regularidade”, pero alegan que o proxecto “A fala na escola” pretende integrar o galego no currículo educativo, desenvolver novas ferramentas educativas, difundir a fala entre os máis novos etc., cando este proxecto foi dinamitado polas propias autoridades estremeñas hai 12 anos, no ano 2001. O Comité de Expertos pediu máis información sobre este proxecto pero non lle foi proporcionada, como non podía ser doutro xeito. Mais ocorre que o Comité de Expertos ignorou o dossier que lle achegou ProLingua en que se informaba de que no curso 2000/2001 se introduciu a fala só como “actividade extraescolar” nas tres escolas do val e que ao curso seguinte as autoridades retiraron a subvención para o “Taller de Lengua” (denominación oficial da actividade), co que nunca máis se volveu impartir.

Con este cadro sobre usos lingüísticos do alumnado que a seguir expomos, comprobamos por unha banda que iso que algúns chamaron “portugués do Val do Xálima” non é unha variedade en vías de desaparición e, pola outra, que é absolutamente inxusto, inmoral e anticonstitucional que o “galego de Estremadura” estea excluído do mundo escolar; por iso as autoridades evitan dar datos oficiais ou dan datos enganosos, para agochar a súa indiferenza, cando non a súa belixerancia:

Lingua dos alumnos

Na casa / Na rúa

Na escola

Na aula

Valego

63  %

59  %

2  %

Castelán

26,5 %

26,4 %

95 %

As dúas

10,5 %

14,6 %

2,2 %

Usos lingüísticos do alumnado do Val do Ellas (con datos tirados de Ramallo 20114)

 

Visto o cadro anterior, e recoñecéndomos que no ano 1999 se celebraron congresos e se editaron publicacións por iniciativa da Junta de Extremadura, non é de estrañar que as autoridades cubran agora o expediente para o pasado máis recente sobre ensino universitario e investigación sobre as falas informando simplemente de que houbo en 2007 un curso de verán en San Martiño de Trebello e que existe unha gran actividade de investigación lingüística sobre estas falas; polo menos teñen o decoro de recoñecer que isto non se fixo desde as instancias políticas estremeñas posto que ambas as accións foron iniciadas e levadas a cabo pola Universidade de Vigo, aínda que o curso de verán foi realizado en parcería coa Universidad de Extremadura (UNEX). Mesmo, supomos que de recheo, informan dun curso de verán “Curso intercomarcal rayano” en xullo de 2005 que “buscaba investigar sobre as pegadas na fala dos seus veciños portugueses”. Para nada. Este curso tratou temas de arte, xeografía e sociedade a ambos os lados da fronteira e foi celebrado en Cadalso, para nada se tratou nel de nada relativo ás falas ou á cultura do Ellas. En resumo e falándomos clariño: nos últimos 12 anos as autoridades estremeñas nada fixeron en favor das falas do Ellas.

“O Comité de Expertos non recibiu ningunha información sobre cursos de galego para os non falantes en Estremadura”; “Non foi achegada ningunha información no terceiro informe periódico”; “No terceiro informe non foi achegada tal información”; “O Comité de Expertos careceu de información sobre medidas tomadas polas autoridades e alentou ás autoridades a achegaren esta información” etc. Este tipo de declaracións é esaxeradamente abundante ao longo de todo o 3º Informe referido ao galego de Estremadura. As autoridades fan oídos xordos, non colaboran e non informan, porque non teñen nada sobre o que informar e porque se informan recoñecerían pública e notoriamente a súa calculada e propositada inactividade na protección do galego en Estremadura.

A Conclusión 4ª e derradeira á resolución adoptada por todos os asistentes ao Curso de Verán “A Fala de Xálima” (San Martiño de Trebello, 12 de xullo de 2007), organizado conxuntamente polas universidades de Extremadura e Vigo, era diáfana cando demandaba:

4º.- Instamos ás autoridades estremeñas á aplicación inmediata nos tres concellos da Parte II da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e, en determinados ámbitos como o educativo e o administrativo, a aplicación do articulado da Parte III.

Desde aquela xa van alá seis anos e nada se moveu, agás o rexeitamento estatutario á presenza de calquera mínima referencia ao galego e ao portugués de Estremadura. 

A comunidade galegófona do Ellas é moi pequena, apenas 5.000 persoas en tres concellos, pero teñen unha porcentaxe de uso habitual moi alta, mesmo entre a xente nova, e unha querenza polas súas falas que xa quixeramos unha pouca aquí en Galicia. Por iso coidamos que é difícil que aquí teña lugar un proceso de substitución lingüística como o operado entre nós e si, en troques, é un perigo máis real o proceso de hibridización lingüística perfectamente constatable na fala dos máis novos, hibridización atribuída á ausencia da fala na escola e nos usos oficiais e, tamén, á constatación dun aumento significativo dos usos informais bilingües, cousa inimaxinable hai quince ou vinte anos cando comezamos a investigar neste val. Hai 15 anos as porcentaxes de uso eran ben elevadas:

 

VALVERDE

AS ELLAS

S.M. de TREBELLO

Saben falar valego

97 %

100 %

100 %

Fálano a cotío

88 %

98 %

94 %

Entre home e muller

93 %

100 %

98 %

Entre home e fillos

76 %

99 %

85 %

Entre muller e fillos

73 %

98 %

82 %

Os fillos aos pais

73 %

92 %

75 %

Cos veciños

91 %

100 %

95 %

No traballo

69 %

93 %

91 %

Os nenos entre eles

78 %

97 %

84 %

 

Desde hai quince anos á actualidade, as porcentaxes que descenderon un promedio dun 10% son as dos usos dos fillos cos pais e dos nenos entre eles, isto é: nos usos familiares e sociais dos máis novos, que foi onde medrou a alternancia valego/castelán.

Encantaríame poder viaxar ao Ellas con media ducia deses acérrimos defensores do bilingüismo en Galicia para que comprobasen o que alí sucede e opinasen cal sería o tipo de bilingüismo e liberdade lingüística que aplicarían eles alí, onde unha lingua alóctona falada por unha minoría foránea5 (entre un 8 e un 10% da poboación: mestres, gardas civís, viaxantes, persoal sanitario-asistencial etc.) é lingua (h)única nas escolas, na administración, na sanidade, na escrita etc. Polo pronto, viaxo frecuentemente ao Ellas con alumnado afectado de enfermidades tan frecuentemente galegas como o autoodio e a diglosia e a miña experiencia dime que volven a Galicia curados para sempre. A terapia neste sanatorio lingüístico funciona, pero a este ritmo de castelanización non sei por canto tempo.

Linguas de Estremadura: castelán (verde), galego do Ellas (azul) e portugués (vermello).


 

1 Valego é o neoglotónimo proposto para incluír conxuntamente as falas valverdeira, lagarteira e mañega. Todas tres forman o valego, a Fala do Val do Ellas, Val de Xálima ou d’Os Tres Lugares.

2 Temos que celebrar o nacemento en 2008 da asociación oliventina “Aquem Guadiana”, apoiada polo goberno estremeño, que organiza cursos de portugués e reivindica a cultura portuguesa de Olivença desde unha óptica polo de agora esencialmente culturalista.

3 Sánchez Fernández, J. (2001): “Apuntes para la descripción del portugués hablado en Olivenza”, en Revista de Extremadura 23, pp. 109-125.

5 No Ellas a falar castelán chámanlle “falar carabineiro”, e non é necesaria explicación ningunha.

 

 

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976