Manuel González González
Manuel González González é catedrático de Filoloxía Románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, na que ocupou varios anos o cargo de vicedecano. Secretario da Real Academia Galega e membro numerario da mesma, onde dirixe os seminarios de sociolingüística e lexicografía. Nesta institución é vicedirector da revista Cadernos de Lingua.
Foi director do Instituto da Lingua Galega e de TERMIGAL (Servizo galego de terminoloxía técnico-científica), e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades.
É, asemade, membro do Comité de Redacción do Atlas Lingüistique Roman e do Consello científico de prestixiosas revistas especializadas.
Ten realizado múltiples investigacións e publicacións de Xeografía Lingüística e Dialectoloxía, Lexicografía, Fonética, Didáctica e Socilingüística. Nesta última disciplina, dirixiu a elaboración do Mapa sociolingüístico de Galicia e a actualización do Mapa sociolingüístico Galego.
Nº1: outubro-decembro 2012
Manuel González González
Evolución da situación lingüística en Galicia nos últimos quince anos
O artigo describe a situación do galego nos últimos 15 anos a partir dos datos achegados polo Mapa Sociolingüístico de Galicia (1992-1996), contrastados cos datos da Actualización do Mapa Sociolingüístico de Galicia de 2004, cos do Censo de poboación de 2001 e cos da Enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística do 2003. Revísanse cuestións como a situación da lingua inicial e a evolución da lingua habitual, segundo hábitat, nivel educativo, idade, ocupación; a evolución no dominio das destrezas lingüísticas; a situación do corpus do galego e fanse algunhas reflexións arredor do chamado "galego urbano".
Versión en PDF
1. Introdución
No ano 1992 tivo lugar un acontecemento decisivo para o coñecemento da situación sociolingüística do galego en Galicia, foi a decisión de realizar un Mapa sociolingüístico de Galicia. Este proxecto foi posto en marcha polo Seminario de sociolingüística da Real Academia Galega, e financiado integramente pola Xunta de Galicia. Os traballos para o Mapa sociolingüístico de Galicia (MSG-92) comezaron xa no mesmo ano 1992, e para someter a proba o cuestionario antes de acometer a realización das enquisas en todo o territorio levouse a cabo un estudo de proba sobre a Comarca de Ferrol, que foi publicado en 1993. No 1994 apareceu xa o primeiro volume do MSG-92, que leva por título Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia; no 1995, o segundo, dedicado á análise dos Usos lingüísticos; e no 1996, o terceiro, no que se analizan as Actitudes lingüísticas en Galicia. Trátase probablemente do estudo máis completo realizado nunca sobre a situación sociolingüística dun pais, cunha mostra de 38.897 entrevistas, entre a poboación maior de 16 anos residente en Galicia. Establecéronse 36 sectores, atendendo ao tamaño dos concellos e á porcentaxe de poboación ocupada nas distintas actividades económicas en cada un deles. Dentro de cada sector a mostra repartiuse de modo proporcional entre os concellos que o integran, e asignáronse cotas por grupos de idade e sexo.
O cuestionario consta de 148 preguntas, algunha con subdivisións, co que o número de variables obtido foi de 170, e pretende ofrecer unha fotografía na que aparezan reflectidos os elementos mais relevantes para o coñecemento da realidade sociolingüística do galego en Galicia:
a) Datos de identificación persoal do entrevistado: nome, lugar de nacemento e residencia, sexo, idade, profesión, estudos etc.
b) Competencia lingüística do entrevistado e da súa familia.
c) Historia (socio)lingüística do entrevistado: lingua inicial, lingua usada no ámbito escolar, lingua usada polos familiares máis próximos, etc.
d) Usos lingüísticos do entrevistado en distintas situacións: no medio familiar, cos amigos, no traballo, na Administración, etc.
e) Actitudes e prexuízos lingüísticos: sobre o uso do galego en diferentes espazos, sobre a utilidade do galego en relación co castelán, sobre o aumento do uso do galego, sobre os falantes de galego e de castelán etc.
f) Conciencia sociolingüística do entrevistado: lingua habitual da xente nova, futuro das linguas en Galicia, grao de uso do galego en diferentes momentos do último medio século etc.
g) Cuestións de control (algunhas cubertas polo entrevistador).
Os datos proporcionados por esta obra serán os que se tomen como punto de partida para examinar a evolución da situación sociolingüística ata a actualidade, e trataremos de poñelos en contraste cos ofrecidos pola Actualización do Mapa sociolingüístico de Galicia (MSG-04) para a que se realizaron as enquisas no ano 2004, e que está neste momento en proceso de publicación, e de maneira ocasional tamén cos proporcionados polo Censo de poboación de 2001 e pola Enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística do 2003.
Dada a importancia do contraste dos datos do MSG-92 e do MSG-04, convén sinalar algunhas diferenzas, sobre todo metodolóxicas, entre ambos os estudos, para poder facer unha interpretación mais correcta dos datos:
-
A primeira diferenza importante está no tamaño da mostra: no MSG-92 realizáronse 38.897 enquisas.O erro máximo da mostraxe para os datos de toda Galicia é de +/- 0,62%., e dun 3% para cada grupo, cun nivel de confianza do 95%). En cambio o tamaño da mostra do MSG-04 é considerablemente menor, con 9714 enquisas, cun erro máximo do 1.03% para os datos globais de Galicia, e un nivel de confianza do 95.5%).
- O universo obxecto de estudo no MSG-92 era toda a poboación maior de 16 anos; pola contra, no MSG-04 só se investiga o grupo de idade comprendido entre os 15 e 54 anos. Pareceu aconsellable introducir esta modificación, a pesar de que fai algo máis complexa a comparación dos datos, para centrarse nos grupos de idade nos que existe dinamismo lingüístico e que poden actuar como factores de cambio lingüístico.
- No MSG-04 préstase unha maior atención ás áreas urbanas e semiurbanas, onde se produce un maior dinamismo e unha maior complexidade sociolingüística, e por seren os lugares onde presumiblemente se vai xogar o futuro da lingua galega.
- No MSG-92 só se estudaba a situación da lingua galega no interior da Comunidade Autónoma de Galicia. No MSG-04 a investigación abriuse tamén á situación nas zonas de fala galega do occidente de Asturias, León e Zamora.
- No MSG-04 levouse a cabo unha lixeira redución do cuestionario, do que se eliminou algunha pregunta que non ofreceu resultados interesantes no MSG-92.
- Tamén se produciu un cambio importante no procedemento de realizar as enquisas: mentres que no MSG-92 as preguntas se facían sempre en galego, co que se podía exercer algún tipo de influencia no comportamento do informante a favor desta lingua, no MSG-04 utilizouse a lingua de preferencia do enquisado.
- Outro cambio significativo é que no MSG-04 non se investigan só competencias e comportamentos referidos ao galego, senón tamén referidos ao castelán e a outras linguas estranxeiras.
2. Lingua inicial
2.1. Importancia do estudo da lingua inicial
Tense dito ás veces que os datos referidos á lingua inicial non son demasiado importantes de cara á comprensión da situación social dunha lingua nin para examinar a súa fortaleza nin para deseñar a súa posible planificación. Din os que defenden esta visión que o que realmente ten transcendencia é o coñecemento lingüístico, e que o estudo da lingua inicial unicamente ten interese en canto é un factor que favorece un mellor coñecemento desa lingua, pero máis nada. Esta non deixa de ser unha visión simplista e miope: é verdade que xeralmente a lingua da que se ten un mellor coñecemento é a que se aprende na familia, isto é evidente. Pero a lingua inicial é tamén un factor determinante en alto grao do comportamento lingüístico, e neste feito radica tamén a importancia do seu estudo. Os que aprenderon unha lingua no seo familiar tenden a utilizala no futuro na maior parte das situacións comunicativas. Isto vese con toda a claridade nos datos do MSG-92, que mostran como o 81% dos que adquiriron o galego na familia son galegofalantes habituais (e a porcentaxe sobe ata o 94,8% dos que o adquiriron como primeira lingua). En cambio, só usa o galego habitualmente o 26% dos que o adquiriron cos amigos, e o 7,9% dos que o aprenderon na escola. Velaquí, a importancia da adquisición familiar dunha lingua.
2.2. Os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia (RAG) e da actualización do 2004
No ano 1992, segundo os datos do MSG, un 62,4% dos habitantes de Galicia maiores de 16 anos era galegofalante inicial, e só un de cada catro tivera como primeira lingua o castelán. A porcentaxe dos que aprendían simultaneamente as dúas linguas era aínda relativamente baixa (só un 11 por cento).

Lingua inicial no MSG-92
A situación mudou considerablemente desde aquela, e no ano 2004 atopámonos cuns datos considerablemente distintos. Dentro da poboación de 16 a 54 anos, só un 20,6% ten exclusivamente o galego como lingua inicial; e pola contra, aumenta substancialmente, ata un 36.2 % , o número dos que teñen exclusivamente o castelán como primeira lingua. É verdade que crece dunha maneira extraordinaria o número dos que manifestan ter o galego e o castelán como linguas iniciais (o 25,9% con predominio do castelán, e o 15,1% con predominio do galego)

Distribución da lingua inicial en Galicia no MSG-04 (tramo 16-54 anos)
Cómpre ter en conta que os resultados das dúas gráficas anteriores non son estritamente comparables, aínda que si indicativos, xa que se trata de datos referidos a franxas de idade non coincidentes: os de 1992 están referidos ao conxunto da poboación maior de 16 anos*, e os de 2004 unicamente ao sector comprendido entre 16 e 54 anos.
Pero podemos ver unha evolución da situación moi ilustrativa, e case totalmente fiable, se examinamos exclusivamente o sector de idade comprendido entre 16 e 54 anos nos dous estudos. Se nos restrinximos a esta franxa de idade o resultado é o seguinte: neste período de tempo diminuíu do 51,2% ao 20,6% a porcentaxe da poboación que ten o galego como lingua inicial; e, pola contra, incrementouse do 13,6% ao 36,2% a dos que teñen exclusivamente o castelán como lingua inicial. Tamén aumentou considerablemente o número dos que consideran que teñen como iniciais ambas as linguas (do 34,4% ao 41%).
Comparación da lingua inicial no tramo 16-54 anos no MSG-92 e no MSG-04
2.3. Correlación entre lingua inicial e outras variables no MSG-04
As variables coas que presenta unha maior correlación o ter como lingua inicial o galego son, por orde de importancia, a lingua da nai, a lingua do pai, o hábitat de nacemento, o nivel educativo, a idade e a ocupación.
Non nos pararemos a analizar a correlación, por outro lado esperable, entre a lingua inicial e a lingua dos pais: parece natural que a primeira lingua que adquire unha persoa, a non ser que viva unhas circunstancias moi especiais, tenda a coincidir coa lingua que utilizan a nai e o pai.
2.3.1. A lingua inicial nas cidades galegas
Máis interese ofrece a relación co hábitat de nacemento, e en xeral, podemos dicir que aínda hoxe o nacer nun medio rural é máis favorable a ter o galego como lingua inicial que o nacer nun medio urbano. Pero a situación tampouco é igual nas sete cidades galegas:
Lingua inicial nas sete cidades galegas (MSG-04)
O primeiro que se observa ao examinar a gráfica anterior é un claro predominio do castelán nas sete grandes cidades de Galicia, pero sobre todo en Ferrol e Vigo. Ferrol resulta a cidade máis castelanizada neste aspecto, pois preto do 70% da poboación con idades comprendidas entre os 15 e os 54 anos aprendeu a falar só en castelán. Sumando as opcións ‘só castelán’ e ‘máis castelán’ a proporción de persoas que adquiriron de maneira única ou preferente o castelán ascende ao 84,5%. Séguenlle no predominio do castelán como lingua inicial Vigo (o 54% de ‘só castelán’ e o 26,9% de ‘máis castelán’) co 80,9%, A Coruña (o 41% de ‘só castelán’ e o 36,4% de ‘máis castelán’) co 77,4%, e Pontevedra (o 45,4% de ‘só castelán’ e o 27,8% de ‘máis castelán’) co 73,2%.
Pola contra, as maiores proporcións de galegofalantes iniciais, sumando as opcións ‘só galego’ e ‘máis galego’, preséntanas: Lugo co 40% (o 23,1% de ‘só galego’ e o 16,9% de ‘máis galego’), Santiago co 35,1% (o 19,2% de ‘só galego’ e 15,9% de ‘máis galego’), e Ourense co 31% (o 13,9% de ‘só galego’ e o 17,1% de ‘máis galego’).
2.3.2. A lingua inicial segundo o nivel educativo
Se collemos os datos das enquisas do MSG-04 en canto á lingua inicial e os cruzamos na súa totalidade co nivel educativo, os resultados globais son os que se ofrecen na seguinte gráfica:
Lingua inicial segundo o nivel educativo no MSG-04
Aínda que estes resultados mostran perfectamente a tendencia xeral, non se poden valorar estritamente, xa que son o produto dunha mostra desequilibrada, xa que está feita sobre o conxunto da poboación entre 15 e 54 anos, e os de 15 anos aínda non tiveron posibilidade de realizar os niveis máis altos de estudo. Se consideramos que unha persoa normal debe ter finalizados os estudos universitarios aproximadamente aos 25 anos, podemos reducir a mostra ao sector de poboación con capacidade para adquirir calquera nivel de estudos, e analizar a situación no sector de poboación comprendido entre 26 e 54 anos. A comparación das dúas seguintes gráficas mostra perfectamente a evolución da situación entre os anos 92 e 2004.
Lingua inicial segundo o nivel educativo no MSG-92 (26-54 anos)

Lingua inicial segundo o nivel educativo no MSG-04 (26-54 anos)
Os dous feitos máis rechamantes desta comparación son: o forte incremento dos que adquiriron as dúas linguas desde o momento inicial, e o notable descenso dos que adquiriron unicamente o galego. Este descenso, en relación cos que adquiriron unicamente o castelán, vese perfectamente na seguinte gráfica elaborada cunha escala de 1 a 4, onde o valor 1 se identifica co monolingüísmo en castelán e o valor 4 co monolingüísmo en galego.
Lingua inicial segundo o nivel educativo (26-54 anos). Valores medios
O retroceso na transmisión primaria do galego é perceptible en todos os niveis educativos, pero preséntase especialmente marcado no grupo dos que cursaron estudos de bacharelato.
2.3.3. Evolución da lingua inicial, segundo a idade, entre 1992 e 2004
Vénse repetindo, e con razón, que un dos principais problemas da lingua galega é o da ruptura da transmisión familiar, e este feito percíbese perfectamente na gráfica elaborada con valores de 1 a 4. Ata agora, historicamente, a transmisión familiar do galego veu diminuíndo sempre a medida que descendemos na escala de idade, por iso non é sorprendente que as porcentaxes máis elevadas de galegofalantes iniciais corresponden nos dous momentos sondados ao grupo de 45 a 54 anos (é dicir, ao grupo de maior idade comparado). Desta mesma tendencia é reflexo tamén o descenso dos valores do galego desde o 1992 ata 2004. Mesmo na xeración de maior idade, de 45 a 54 anos, pasouse dunha media de 2,56 no MSG-92, próxima xa que logo ao valor ‘galego’, a outra de 1,99 no MSG-04, situada no punto central, é dicir, no valor ‘as dúas’.
Pero, nesta gráfica observamos tamén un feito moi importante: por primeira vez na historia recente, nos datos do MSG-04, detectamos unha ruptura da tendencia descendente no tramo de 15 a 24 anos, é dicir, no sector máis novo da poboación estudado. Este é un feito moi importante, e temos que estar atentos á súa evolución futura porque, de confirmarse, significaría o inicio da recuperación da transmisión familiar do galego.
2.3.4. Lingua inicial segundo a ocupación
Segundo se pode observar na gráfica, a maior porcentaxe de galegofalantes iniciais, tanto se se considera a opción monolingüe (58,3%) como a suma desta coa de maioría galego (73,6%), atópase entre os ‘traballadores agrícolas e non cualificados non agrícolas’, dos que preto do 60% aprendeu a falar ‘só galego’ . Por outro lado, este é o único grupo profesional onde a maioría aprendeu a falar ‘só galego’ ou ‘máis galego’, pois no resto a suma destas dúas opcións non acada en ningún caso o 50%. Só os agrupados nas etiquetas ‘encargados’ (capataces e persoal encargado en actividades de servizos persoais) cun 46,6%, ‘t. cualific./semicualific.’ (traballadores cualificados e semicualificados) cun 44,8%, e ‘xerentes’ (propietarios e xerentes da hostalería, comercio e agricultura) cun 43,7% se aproximan a esa proporción.
A porcentaxe máis baixa de galegofalantes iniciais atopámola entre os ‘administrativos’ (persoal administrativo e similar) cun 28,3%.
A maior porcentaxe de transmisión do galego como lingua inicial aparece asociada aos grupos profesionais de menor dinamismo, o que fai desconfiar do seu futuro.
2.4. Algunhas conclusións da análise da lingua inicial
Á vista dos datos analizados, podemos salientar, como conclusións máis relevantes da evolución da lingua inicial nos últimos tempos:
a) Un forte retroceso da transmisión primaria da lingua galega entre 1992 e 2004.
b) Un avance do monolingüismo inicial en castelán e do bilingüismo inicial: o grupo máis numeroso é o de bilingües iniciais (41%).
c) Na actualidade, a adquisición inicial única ou preferente da lingua galega só é maioritaria entre os nados en localidades con menos de 10.000 habitantes e entre os residentes en localidades con menos de 5.000. Isto é preocupante tendo en conta a perda de peso da poboación rural, e deixa un panorama sombrío sobre o porvir do galego.
d) Existe un dato esperanzador, que indica unha certa recuperación de falantes iniciais de galego no grupo de menor idade. Cumpriría seguir a súa evolución no futuro para confirmar se constitúe un principio de recuperación da transmisión familiar do galego.
e) Aínda que é un feito que non nos paramos a analizar, cómpre salientar tamén o incremento de falantes iniciais doutras linguas, fenómeno que hai que explicar pola crecente presenza da inmigración e polo regreso de emigrantes galegos e dos seus descendentes.
f) Tendo en conta a importancia da lingua inicial no futuro comportamento lingüístico dos falantes, revélase como absolutamente necesaria a potenciación de medidas de apoio á transmisión familiar da lingua galega.
3. Coñecemento lingüístico
O coñecemento lingüístico é un parámetro que está estreitamente relacionado coa lingua inicial, aínda que non plenamente coincidente con esta, xa que o coñecemento dunha lingua pode adquirirse por moitos medios (a través da escola, grupo de amigos, autoaprendizaxe…). Pódese ter un bo coñecemento dunha lingua, sen que esta sexa a lingua inicial, pero é ben certo que adoita ser a lingua inicial aquela da que se ten mellor dominio.
3.1. O coñecemento do galego no MSG-92
O que caracteriza a situación no ano 1992 é, por un lado, o alto nivel de capacidade para entender o galego e para falalo, e o baixo índice de capacidade para lelo e, sobre todo, escribilo, tal como se pode ver na seguinte gráfica:

3.2. Evolución do coñecemento do galego nos últimos anos
Non merece comentario especial o índice da capacidade para entender o galego, que se aproxima á totalidade da poboación: máis dun 97% dos galegos son capaces de entender a lingua galega, tanto agora como hai quince anos.

Onde si que se produciron movementos é na capacidade de falar o galego e, sobre todo, na capacidade de lelo e escribilo.
En canto á capacidade para falar galego, se comparamos os datos do MSG-92 cos do Instituto Galego de Estatística do ano 2003, vemos que esta se incrementou lixeiramente, e pasou dun 86,4% no ano 1992 a un 89,39% no ano 2003. Pero a evolución foi espectacular na capacidade de ler, onde se pasou dun 45,9% a un 85,79%, e na capacidade de escribir, onde practicamente se duplicou a porcentaxe da poboación que sabe escribir en galego (pasouse dun lamentable 27,1% a un aínda pobre 53,24%).
Cómpre ter en conta que, aínda que estas cifras nos orientan sobre a evolución da situación, os datos non son estritamente comparables, xa que mentres que os do MSG-92 están realizados sobre unha mostra da poboación maior de 16 anos, os do IGE-2003 están referidos a un universo moito maior: o conxunto da poboación de 5 ou máis anos (é dicir, inclúen unha franxa de idade entre 5 e 15 anos, que non aparece nos datos do MSG-92).
Por iso, para examinar dunha maneira máis fiable a evolución, imos comparar unicamente o sector de poboación comprendido entre 16 e 54 anos, e ver cómo evolucionou entre o ano 1992 en que se realizou o MSG e o 2004 en que se realizaron as enquisas para a actualización deste Mapa sociolingüístico.
Comparación das competencias lingüísticas en galego entre
o MSG-92 e MSG-04 no tramo de 16-54 anos
Na gráfica anterior obsérvase perfectamente unha mellora na percepción da competencia en todas as destrezas, e de maneira moi especial nas lectoescritoras. Nunha escala de 1 a 4, a capacidade de entender incrementouse nese tramo de idade nun 0,22 , a de falar nun 0,18, a de ler nun 0,69, e a de escribir nun 0,88.
3.3. O coñecemento do galego e do castelán (MSG-04)
Na seguinte gráfica vemos, sobre unha escala de 1 a 4, unha autovaloración do coñecemento do galego e do castelán no MSG-04:

O coñecemento do galego e do castelán (MSG-04)
Cómpre salientar, en primeiro lugar, a diferenza considerablemente maior entre as capacidades para entender e escribir no galego ca no castelán. Mentres que no castelán a diferenza no grao de competencia respecto ás catro destrezas é escasa, no galego a distancia entre a capacidade de entender e a de escribir é aínda de 0,54 puntos, nesta escala de 1 a 4.
En todos os casos os valores das medias son superiores no castelán, pero a reducida distancia dos valores entre as dúas linguas, agás na escrita, indica a autopercepción dun elevado nivel de dominio bilingüe nas catro destrezas. De feito, todas superan amplamente o punto central da escala, oscilando entre o 3,14 da menos estendida, a escritura en galego, e o 3,89 da máis xeneralizada, a comprensión do castelán.
A diferenza máis notable entre as dúas linguas atopámola na expresión escrita, onde se rexistra unha distancia de 0,65 puntos en favor do castelán, mentres que o maior equilibrio atopámolo na comprensión oral que, cunha distancia de 0,21 puntos, evidencia a práctica simetría da comprensión nas dúas linguas.
O MSG-92 mostraba unha distancia de 69,4 puntos porcentuais entre a comprensión oral e a capacidade para escribir en galego. Os novos resultados indican unha considerable redución das diferenzas existentes entre ambas as dimensións da competencia (18,6 puntos porcentuais).
3.4. Dominio de destrezas lingüísticas e variables sociolóxicas e sociolingüísticas
3.4.1. Dominio de destrezas lingüísticas e idade
Deixando á parte o nivel de comprensión do galego, que é moi alto en todas as idades, no resto das competencias lingüísticas obsérvase nos datos do ano 1992 unha forte correlación coa idade: a maior idade maior capacidade para falar o galego, pero menor capacidade para lelo e, sobre todo, para escribilo. É o que se reflicte con toda claridade na seguinte gráfica: a capacidade de entender é independente da idade, a de falar descende nos máis novos, e a de ler e escribir aumenta nos máis novos.

Dominio de destrezas lingüísticas e idade (MSG-92)
Pero nos datos da actualización do MSG do ano 2004 desaparece o sentido invertido da liña de capacidade para falar (con maior valor a maior idade) en relación ás das capacidades de ler e escribir.(con menor valor a maior idade). Agora a correlación coñecemento de galego-idade segue sempre un mesmo sentido: a menor idade, maior capacidade para entender, maior capacidade para falar, maior capacidade para ler e maior capacidade para escribir. Nunha escala de 1 a catro, estes serían os datos:

Cales son os principais cambios no 2004 con respecto á situación do ano 1992?
a) No 2004 os que máis saben falar o galego non son xa os de maior idade, senón os de menor idade: as xeracións, canto máis novas, maior capacidade teñen para falar galego.
b) Se comparamos os datos da xeración máis vella do MSG-04 (é dicir, a de 45-54 anos) cos da de idade semellante no MSG-92, salta á vista un avance importantísimo nas capacidades lectoescritoras en galego. No ano 1992 de cada 2,6 persoas que sabían falar galego, só unha era capaz de lelo; e só unha de cada 6 persoas que sabían falar galego, era capaz de escribilo. Esa enorme distancia entre a capacidade para falar o galego e para lelo e escribilo, reduciuse drasticamente nos datos do ano 2004. Isto máis que ao propio proceso de contacto co galego no ámbito escolar, hai que atribuílo a un contacto co galego escrito en todos os ámbitos: nos medios de comunicación, na administración, na empresa etc.
c) Na xeración máis nova no ano 2004 as distancias entre as capacidades de falar, ler e escribir son practicamente insignificantes. E nas dúas xeracións máis novas estudadas, por primeira vez é maior o número dos que saben ler en galego que o dos que saben falar.
3.4.2. Dominio de destrezas lingüísticas e clase social
Cómpre comezar por advertir lixeiras diferenzas metodolóxicas neste aspecto entre o MSG-92 e o MSG-04. No MSG-92 para a clasificación dos entrevistados en clases sociais o principal factor que se tivo en conta foi o da situación económica (aínda que non só), e en todo caso os datos referidos á clase social non diferían substancialmente dos referidos á situación económica. No MSG-04 non se considerou o parámetro clase social, e traballouse directamente coa variable ‘nivel de ingresos”
No MSG-92 viuse que a capacidade de entender o galego era independente da clase social á que pertencese o individuo, pero, en cambio, a capacidade de falar galego diminuía a medida que se subía na clase social, e a capacidade de ler e escribir aumentaba segundo se subía na clase social. Estes feitos plásmanse nidiamente na gráfica seguinte:

Dominio de destrezas lingüísticas e clase social (MSG-92)
O mesmo que ocorría coa análise da correlación entre capacidade lingüística en galego e idade, tamén na correlación coa clase social ou o nivel de ingresos se produciron cambios substanciais entre o ano 1992 e o 2004.
En canto á capacidade de entender oralmente o galego, segue sen haber diferenzas notables segundo o nivel de ingresos, aínda que a medida que aumenta o nivel de ingresos tamén se incrementa lixeiramente a comprensión do galego.
No referente á capacidade de falar o galego, desapareceu a tendencia existente no ano 1992, segundo a que a maior status social menor capacidade para falar o galego. No ano 2004, a menor capacidade para falar o galego só se percibe claramente nos que posuían nese momento ingresos mensuais superiores aos 3000 euros.
Na capacidade para ler e escribir en galego, segue persistindo a correlación a maior nivel de ingresos maior capacidade para ler e escribir en galego, pero moitísimo máis atenuada ca no ano 1992. Mentres que na clase baixa, no 1992, só unha de cada tres persoas que sabía falar en galego era capaz de ler nesta lingua, e nin sequera un de cada 5 dos que falaban galego era capaz de escribilo, no ano 2004, entre as persoas de nivel económico máis baixo, unha parte moi importante das que saben falar galego, pode tamén lelo e mesmo escribilo.

Dominio de destrezas lingüísticas e nivel de ingresos (MSG-04)
3.4.3 Capacidade para falar o galego segundo a lingua das clases en primaria e secundaria
As persoas que cursaron a maioría ou practicamente todas as materias en galego declaran ter maior capacidade para expresarse oralmente neste idioma, como se reflicte na seguinte gráfica:
Capacidade para falar o galego segundo a lingua das clases en primaria e secundaria
Isto que parece obvio, e esperable, demostra a importancia que ten a utilización do galego como lingua vehicular, non só para facilitar o uso desta lingua, senón tamén para facilitar o seu coñecemento.
3.4.4. Dominio da capacidade para falar o galego en función de adquirilo na familia no MSG-04

Se examinamos os datos da seguinte gráfica observamos unha diferenza de 0,69 puntos nesta destreza entre quen o adquiriu na familia (= 3,52) e aqueles que non o fixeron (= 2,83).
É claramente constatable que a adquisición do galego na familia contribúe a falar a lingua con maior facilidade, pero tamén a falar a lingua con maior seguridade.
3.4.5. Determinantes sociolingüísticos, sociolóxicos e educativos da capacidade para ler o galego
Aplicando a proba Anova Oneway / T de Student, as variables que revelan unha maior influencia na distribución da capacidade para ler en galego son, seguindo a orde de importancia de maior a menor, as seguintes:
- - A lingua habitual [F=196,827 (p<0,001)],
- - A lingua inicial [F=132,169 (p<0,001)],
- - A idade” [F=119,107 (p<0,001)],
- - A lingua das clases en secundaria [F=89,699 (p<0,001)],
- - A lingua das clases en primaria [F=70,515 (p<0,001)],
- - Os estudos realizados [F=42,084 (p<0,001)],
- - Hábitat de residencia [F= 26,396 (p<0,001)],
- - Se aprendeu galego na familia [T=-21,046 (p<0,001)],
- - Se aprendeu galego na escola [T=15,073 (p<0,001)],
- - Hábitat de nacemento [F= 9,523 (p<0,001)], e
- - Os ingresos [F=5,165 (p<0,001)].
Despois da lingua habitual e da lingua inicial as variables coas que máis correlaciona a capacidade para ler o galego son a idade e a lingua das clases en secundaria e primaria. Por iso nos imos deter un pouco na súa análise
3.4.6. Dominio da capacidade para ler o galego segundo a idade no MSG-04
A media da destreza na lectura aumenta a medida que se descende na escala de idade, como pode verse na seguinte gráfica:
Os individuos con idades comprendidas entre os 15 e os 34 anos, que na maior parte dos casos recibiron docencia de lingua galega, ou mesmo a cursaron desde primaria ou EXB, conforman o grupo de idade coas puntuacións máis altas nesta destreza.
No grupo de maior idade (‘de 45 a 54’) os valores das medias decaen progresivamente ata 3,11: 0,47 puntos por debaixo da do grupo máis novo.
Estes datos demostran de maneira palpable que se produciu unha mellora das competencias lectoras en galego na poboación escolarizada a partir da implantación do galego no ensino.
3.4.7. Dominio da capacidade para ler o galego en función da lingua das clases en primaria e secundaria no MSG-04

A docencia maioritaria en galego favorece que esta capacidade mellore e que se acaden valores próximos ao 4, o máis alto, como era de esperar dunha función instrumental que se adoita adquirir na escola.
Aínda naqueles casos nos que se recibiron todas as clases en castelán (ou ben noutras linguas) a competencia percibida nesta destreza non descende do valor 3 da escala.
3.4.8. Influencia das variables sociolingüísticas, sociolóxicas e educativas na distribución da capacidade para escribir o galego
No tocante á capacidade para escribir en galego, as variables que presentaron unha maior relación nos cruzamentos foron, por esta orde:
- - A lingua habitual [F=-212,975 (p<0,001)],
- - A idade [F=199,051 (p<0,001)],
- - A lingua inicial [F=170,223 (p<0,001)],
- - A lingua das clases en secundaria [F=64,528 (p<0,001)],
- - A lingua das clases en primaria [F=60,063 (p<0,001)],
- - Os estudos” [F=36,701 (p<0,001)],
- - O hábitat de residencia [F=28,073 (p<0,001)],
- - Se aprendeu galego na familia [T=-21,837 (p<0,001)],
- - Se aprendeu galego na escola [T=-18,66 (p<0,001)],
- - O hábitat nacemento [F=7,04 (p<0,001)]
- - O nivel de ingresos [F=3,328 (p<0,001)]
3.4.9. Dominio da capacidade para escribir o galego segundo a lingua inicial e habitual no MSG-04

Na gráfica anterior vese que existe unha asociación entre a maior presenza do galego -como lingua inicial e habitual- e un maior dominio da escrita nesta lingua.
De novo, as diferenzas na capacidade para escribir en galego entre monolingües en castelán e en galego son ben perceptibles, tanto por lingua inicial coma habitual.
3.4.10. Capacidade para escribir o galego segundo a súa aprendizaxe na familia e/ou na escola
Capacidade para escribir o galego segundo a aprendizaxe na familia e na escola
Resulta salientable o elevado valor que alcanza a media desta destreza en quen ‘aprendeu a falar en galego preferentemente na familia’ (= 3,45) ou ben simultaneamente na ‘familia e na escola’ (= 3,45).
Pola contra, aprender o galego por vías diferentes á familia e á escola implica un considerable descenso da capacidade para escribir en galego: o valor da media descende de 3,45 a 2,17, segundo a percepción dos suxeitos enquisados.
3.4.11. Dominio da capacidade para escribir o galego segundo a idade
Dominio da capacidade para escribir o galego segundo a idade no MSG-04
Na capacidade para escribir acentúase a importancia da idade .Os individuos con idades comprendidas entre os 15 e os 34 anos, que xa cursaron polo menos a materia de lingua galega desde a primaria/EXB, superan claramente a media xeral nesta destreza. As xeracións máis vellas (‘de 45 a 54 anos’), que tiveron unha escasa ou ningunha escolarización en galego, amosan unha media inferior: rexístrase unha diferenza entre o grupo dos máis vellos e o dos máis novos de 0,67 puntos
3.4.12. Dominio da capacidade para escribir o galego en función da lingua das clases en primaria e secundaria
Capacidade para escribir o galego segundo a lingua das clases en primaria e secundaria no MSG-04
O alumnado que recibiu as clases unicamente en castelán obtén as puntuacións máis baixas nesta destreza, inferiores ao valor medio da escala.
As puntuacións obtidas por este grupo son inferiores ao valor medio da escala, o que indica unha competencia deficitaria nesta destreza.
3.4.13. O dominio das catro destrezas nas cidades.
O dominio das catro destrezas nas cidades no MSG-04
Na gráfica anterior compáranse os valores das medias nas catro destrezas no ámbito urbano. Destaca, por unha banda, a cidade de Ferrol polas medias significativamente máis baixas, inferiores en máis de medio punto en relación á media máis elevada nas capacidades para entender, ler e escribir. Esta diferenza chega a ser aínda máis avultada na capacidade para falar (0,75 puntos).
Ourense presenta as medias máis altas na capacidade para entender, falar e escribir, neste caso compartida con Santiago.
Santiago é a que obtén as mellores medias nas destrezas que requiren unha formación máis académica, é dicir, as lectoescritoras. As restantes cidades presentan puntuacións medias máis homoxéneas en todas as destrezas, con leves diferenzas entre elas.
Estes resultados van claramente asociados aos obtidos pola distribución da lingua inicial nas diferentes cidades. A menos galeguizada en canto á lingua inicial, Ferrol, rexistra tamén os peores valores na competencia en galego.
4. Lingua habitual
- Distribución da lingua habitual en Galicia (MSG-04) e a súa evolución desde o ano 1992

Distribución da lingua habitual en Galicia (MSG-04)
Os datos do ano 2004 mostran que o castelán acada os valores máis altos de uso. O 61,1% exprésase habitualmente en castelán: o 25,5% de maneira exclusiva, e o 35,3% de xeito maioritario).
Pola contra, só o 38,4% se expresa só ou maioritariamente en galego (o 15,8% de maneira exclusiva, e o 22,6, de maneira preferente). O uso doutras linguas é anecdótico, ao redor do 0,5%.
Estes datos supoñen un cambio copernicano con respecto ao ano 1992. A situación no ano 1992 era case inversa á actual: o 68.6 % manifestaba que nas súas interaccións usaba só ou predominantemente o galego, e só o 31.4% dicía usar só ou maioritariamente o castelán.
No 1992 unha porcentaxe relativamente alta da poboación, un 38.7% , declarábase monolingüe en galego, e só un 10.6% monolingüe en castelán.
Como xa advertimos anteriormente ao referírmonos á lingua inicial e ao coñecemento lingüístico, os datos globais do MSG-92 e do MSG-04 non son estritamente comparables, porque a poboación sobre a que está feita a mostra é distinta, pero non hai dúbida de que son indicativos da tendencia existente neste período. O que si son totalmente comparables son os referidos ao tramo de idade comprendido entre os 16 e 54 anos, que é o que se reflicte na seguinte gráfica:
Evolución da lingua habitual na poboación de 16 a 54 anos desde 1992 ata 2004
Na análise desta gráfica obsérvase con toda claridade que na poboación entre 16 e 54 anos se produciron certos cambios realmente importantes como:
- Un forte retroceso do monolingüísmo en galego: nada menos que 14,5 puntos, que son os existentes entre o 30,5% do ano 1992 e o 16% do ano 2004.
- Complementariamente, produciuse un amplo avance do monolingüísmo en castelán, cun incremento de 12.1 puntos.
- Parece que o bilingüismo se mantén, pero tamén cunha suba de “máis castelán” de 9,3 puntos, e unha baixa de “máis galego” de 7.6 puntos.
- Variables sociolingüísticas e sociolóxicas con influencia na lingua habitual
As variables que presentan unha maior correlación coa lingua habitual son, de maior a menor, as seguintes: lingua inicial, capacidade para falar galego, hábitat de nacemento, hábitat de residencia, capacidade para falar castelán, conciencia nacional, nivel de estudos, lingua das clases en primaria, lingua das clases en secundaria, a idade, a definición da Comunidade Autónoma, a ocupación, a autopercepción “ser galego”, a orientación política e o xénero. Examinemos algunhas das máis importantes:
4.3.1. A lingua habitual segundo a lingua inicial

A maior fidelidade lingüística dáse nos bilingües iniciais (especialmente nos que adquiriron máis castelán –73,5%-, contra o 63,5% dos que teñen como lingua inicial “máis galego”).
Nos monolingües iniciais o mantemento é algo menor na opción de galego (55,5%) ca na de castelán (58,8%).
O maior cambio de lingua prodúcese nos que adquiriron outras linguas (non galego nin castelán). Isto é totalmente natural, porque nunha sociedade que se expresa habitualmente en galego ou en castelán, os que falan unha lingua distinta destas dúas terán que adoptar necesariamente unha delas para poderse comunicar.
Se un falante tivo como lingua inicial unha lingua A e se expresa habitualmente nunha lingua B quere dicir que se produciu nalgún momento da súa vida un cambio lingüístico. E resulta importantísimo observar cales son as tendencias e orientacións que seguen estes cambios.
O cambio de lingua oriéntase maioritariamente cara ao bilingüismo, excepto nos que teñen como lingua inicial unha lingua distinta do galego e do castelán. Neste caso o cambio prodúcese case sempre directamente cara ao castelán.
Obsérvase que o bilingüismo inicial favorece máis o castelán ca o galego. Isto percíbese en dous feitos: a) dentro dos bilingües iniciais, mantense en maior medida a opción bilingüe con predominio do castelán; b) o paso dunha opción bilingüe a outra é máis frecuente nos que adquiriron máis galego ca nos que adquiriron máis castelán (18,7% / 11,3%).
A tendencia a abandonar o monolingüísmo é algo superior nos monolingües iniciais en galego ca nos monolingües iniciais en castelán.
É importante salientar tamén que o cambio dos que adquiriron outras linguas ao castelán indica que o contorno social favorece máis a adquisición do castelán.
Tamén é fundamental preguntarse por que se produce o cambio, cales son as súas principais motivacións. Podemos sinalar, entre as principais motivacións que inducen a que unha persoa nun determinado momento da súa vida tome a decisión de cambiar de lingua habitual, as seguintes:
1) O contacto co galego durante a etapa escolar —non tanto coa materia ‘Galego’ coma cos compañeiros que o usan habitualmente— repercute nun aumento sostido do seu uso.
2) Tamén teñen moito peso as razóns ideolóxicas: hai castelanfalantes habituais que toman conciencia de que a lingua deste país é o galego e deciden adoptala como a súa nova lingua de instalación, En moitos casos decídense a dar este paso pola necesidade de lle dar visibilidade aos trazos máis característicos da súa identidade, entre os que a lingua ocupa sen dúbida o primeiro lugar. Hai outros que deciden dar este paso pola necesidade de preservar o futuro do galego, lingua que consideran ameazada e que é necesario revitalizar mediante o seu uso habitual.
3) Outro factor de moita importancia no cambio de lingua, ben sexa a favor do galego ou a favor do castelán, é o cambio na composición da rede social. Estes cambios na composición da rede social poden producirse por moitos motivos, pero quizais os momentos máis importantes sexan:
- - O inicio dos estudos no nivel de Secundaria e na entrada na Universidade, cando como consecuencia do cambio de centro, e ás veces mesmo de cidade, se entra en contacto con novas persoas coas que se mantén un contacto diario.
- - A incorporación ao mundo laboral, momento en que con frecuencia as esixencias do traballo ou o ámbito no que se desempeña impulsa á utilización do galego en moitas persoas que antes eran falantes habituais de castelán. Tampouco faltan exemplos nos que o momento de incorporación ao mundo laboral induce a un abandono do galego ou polo menos a unha diminución do uso do galego, en caso de empresas que teñen como norma explícita ou implícita que a lingua de traballo é o castelán, e miran cando menos con prevención os traballadores que utilizan a lingua galega. Afortunadamente cada día son menos numerosos os casos deste tipo.
4) Tamén teñen importancia no cambio de lingua a favor do galego motivos de carácter conxuntural, derivados do proceso de institucionalización do galego e da súa implantación na vida pública.
4.3.2. A lingua habitual segundo o hábitat de residencia
MSG-92 MSG-04
Na comparación destas dúas gráficas obsérvanse como principais tendencias as seguintes:
- A estabilidade do uso monolingüe en galego no urbano e a forte caída no rural.
- O importante avance do monolingüísmo castelán na cidade, aínda que tamén no rural.
- A notoria perda de “máis galego” nos hábitat intermedios e a considerable suba de “máis castelán”.
Dentro da relación da lingua habitual co hábitat merece un tratamento especial a análise da situación da lingua habitual nas cidades
En todas as cidades predomina claramente o uso do castelán como lingua habitual. Especialmente grave para o galego é a situación de Ferrol cun 57,5 % de monolingües habituais en castelán ao que hai sumar outro 27,5% de falantes que usan maioritariamente esta lingua. Tamén é moi grave a situación en Vigo, na Coruña e mesmo en Pontevedra. O número de persoas que están predominantemente instaladas no castelán é moi parecido en Vigo e na Coruña, e algo menor en Ferrol. Pero existe unha diferenza non desprezable entre Vigo e A Coruña: en Vigo existe unha porcentaxe de monolingües en castelán moito maior ca na Coruña, onde predominan máis os comportamentos bilingües con predominio do castelán.
As cidades que presentan unha situación máis favorable para o galego nos usos lingüísticos son Santiago e Lugo, seguidas de Ourense a unha distancia xa considerable.
4.3.3. Distribución da lingua habitual por idade
Na gráfica anterior obsérvase un forte retroceso do uso do galego conforme descende a idade: sumando só galego e máis galego, a perda é de 23,8 puntos. Este descenso é máis acusado na opción monolingüe, que pasa do 23,4% no grupo máis vello ao 12,4% no máis novo.
É claramente perceptible tamén o acusado aumento dos usos do castelán ao baixar a idade:
O bilingüismo con predominio do castelán medra 14,4 puntos, do 26,3% ao 40,7%;
O monolingüísmo en castelán aumenta case 10 puntos, do 19,8% ao 29,6%.
Detéctanse dous cambios de tendencia no grupo de idade máis novo:
- A estabilización da perda de galegofalantes: do grupo 25-34 anos ao 15-24 a perda é de 1,6 puntos fronte á de 10,4 puntos entre o grupo de 35-44 anos e o de 25-34 anos.
- Un lixeiro incremento nas dúas modalidades do monolingüismo (a do castelán 1,2 puntos, e a do galego 0,6).
Se comparamos a evolución da lingua habitual segundo a idade no MSG-92 e no MSG-04, no tramo comprendido entre os 16 e os 54 anos, o primeiro que se constata é un uso significativamente menor no uso do galego no ano 2004 en todos os tramos de idade (véx. Gráfica)

Evolución da lingua habitual segundo a idade (tramo de idade 16 a 54 anos)
Outra diferenza moi importante é a que se observa na evolución no tramo de menor idade: mentres que no MSG-92 no paso do grupo de idade de 25-34 anos ao de 16-24 se producía un descenso moi forte no uso habitual do galego, no MSG-04 mantense practicamente o mesmo nivel de uso habitual desta lingua entre estes dous grupos de idade.
4.3.4. Lingua habitual segundo a idade nas sete grandes cidades

Lingua habitual por idade nas cidades galegas (MSG-04)
Na gráfica anterior percíbese un dato relativamente positivo para a lingua galega que cómpre salientar: o ritmo de diminución do uso do galego freouse de maneira moi importante na xeración máis nova estudada. Mentres que nas xeracións de maior idade o ritmo de perda de galegofalantes era unha verdadeira sangría, no paso do grupo de idade de 25-34 anos ao de 15-24, esta sangría descendeu moito, e nalgunha cidade, como Santiago ou Ourense, mesmo conseguiu deterse. As dúas cidades que maior porcentaxe de galegofalantes perderon no grupo máis novo de idade son Lugo e Ferrol.
Se temos en conta a evolución nas cidades nos últimos 40 anos, vemos que todas perderon unha porcentaxe moi importante de falantes neste período. En termos porcentuais foi Ourense a que máis galegofalantes habituais perdeu, seguida de Pontevedra, Ferrol, Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago. Pero, atención!, isto non quere dicir que Ourense sexa a cidade na que menos porcentaxe da poboación fale galego, senón na que máis diminuíu nos últimos corenta anos; e, a pesar diso, é das que manteñen actualmente aínda unha maior porcentaxe de galegofalantes habituais.
Mirando cara ao futuro é interesante ver cal é a porcentaxe de galegofalantes habituais no sector máis novo da poboación estudado (o tramo de 15-24 anos) nas sete cidades galegas, segundo o MSG-04. A cidade que presenta unha porcentaxe maior de galegofalantes neste sector de idade é, con moita diferenza, Santiago de Compostela, seguida a bastante distancia de Lugo, Ourense, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ferrol. Santiago é, pois, a cidade na que, sen ningunha dúbida, o galego presenta neste momento unha situación máis sólida.
5. A saúde do corpus
Á hora de analizar a situación dunha lingua hai que atender aos aspectos relacionados coa normalización do se status (nivel de coñecemento, uso, actitudes etc.), pero tamén é moi importante ver cal é a saúde do seu corpus.
5.1. A situación do corpus
O galego nunca gozou dun corpus tan elaborado e tan codificado coma na actualidade: está dotado de Normas ortográficas e morfolóxicas cun nivel de aceptación polo conxunto da sociedade cada vez maior, conta con Gramáticas descritivas dun nivel moi digno, dispón de vocabularios ortográficos, dicionarios monolingües e bilingües e un número crecente de vocabularios terminolóxicos que o capacitan para poder ser utilizado sen grandes atrancos na maioría das situacións comunicativas, mesmo naquelas de alto nivel de especialización. Pero, a pesar de contar con todas estas ferramentas que, en teoría, facilitarían a utilización desta lingua dunha maneira correcta, o galego nunca se utilizou cun nivel de calidade tan baixo nin cun nivel de contaminación tan alto.
E este feito supón un perigo real para o futuro da lingua. Ninguén discute que cómpre normalizar o status do galego e estender o seu uso, iso é incuestionable. Pero tamén é necesario velar pola calidade da lingua, porque as linguas morren porque as deixan de falar os seus potenciais usuarios, pero tamén desaparecen por desfiguración do seu corpo, a través dun proceso de “patoisización”. Este perigo convértese en moito maior nas situacións de contacto de dúas linguas cun status desigual que están moi próximas estruturalmente, como é o caso do galego e do castelán, ambas as dúas linguas da mesma familia románica, e continuadoras do latín hispánico. É dicir, linguas pouco distanciadas.
Ao longo da historia, sempre houbo algúns préstamos dunhas linguas a outras, e algunhas interferencias lingüísticas, pero habitualmente tratábase de préstamos necesarios para cubrir algunha lagoa da que carecía a lingua receptora, e que viñan enriquecer esta última. Estas interferencias lingüísticas habitualmente non desfiguraban significativamente a personalidade da lingua interferida. Cando o número de préstamos innecesarios se fixo maior que a capacidade de dixerir da lingua receptora e cando as interferencias se multiplicaron sen control, o resultado foi a perda da personalidade da lingua que os sufriu, e a súa progresiva conversión nun “dialecto” ou nun “patois” da lingua forte que lle servía de teito. Este é un perigo real que corre o galego con respecto ao castelán, se non lle poñemos couto á avalancha de interferencias do castelán que penetran no seu esqueleto en todos os niveis: no fonético-fonolóxico, no morfosintáctico e no léxico.
5.2. O perigo do chamado “galego urbano”
O galego urbano é unha variedade de galego que é a vía de expresión dun número crecente de falantes, maioritariamente urbanos, que teñen na súa maioría o castelán como lingua materna. A existencia dunha variante deste tipo non debería ter connotacións negativas, pero tenas e con razón, xa que se trata dunha variante fortemente deturpada, caracterizada por unha perigosa castelanización da fonoloxía, da sintaxe e da fraseoloxía, pero tamén dunha maneira moi notable da morfoloxía e do léxico.
Cales son as características lingüísticas máis definidoras deste novo galego urbano? Vexamos algunhas das máis importantes:
a) No plano fonético:
- A indistinción do timbre das vogais galegas de abertura media.
- A non pronunciación do n velar.
- A realización como i da conxunción e.
- A despalatalización do “x”.
- O apego á grafía e á segmentación do castelán no caso de contraccións e amálgamas: ao, para o, de unha, en outro...
- A entoación sobre todo na modalidade interrogativa con tonemas finais ascendentes.
- b) Na morfosintaxe:
- O uso incorrecto do xénero: *a sangue, *a leite, *o cor, *o fraude, *o sida... O problema convértese case en cómico, cando aparecen solucións do tipo de: o alma, o área, o aula...
- A formación incorrecta dos plurais:finales, papeles , israelíes, baladíes...
- O uso dos tempos compostos: xa o había feito.
- Eliminación de alternancias vocálicas nos verbos: subo, subes ; sigo, sigues...
- Formas verbais tomadas do castelán do tipo creen, lees… no canto das galegas cren, les.
- Ausencia de infinitivo conxugado.
- Perífrase ir + a + infinitivo.
- Complemento directo introducido por “a”...
- Construcións pronominais cortarse o pelo, lavarse as mans.
- Colocación incorrecta das formas átonas do pronome persoal.
Este novo galego urbano é un modelo de galego cada vez máis instalado en grupos sociais de prestixio: antes o poder convidaba á sociedade a incorporarse ao castelán, agora o poder ofrécelle á sociedade un modelo lingüístico que lle vende como galego, pero que en realidade ten un efecto nefasto:
a) Está deturpando o propio galego, atacando elementos fundamentais do seu sistema lingüístico e achegándoo perigosamente ao castelán
b) Está xerando un complexo de minusvaloración da variedade auténtica propia de moitos galegofalantes, que ven como a súa variante lingüística segue sen ter valor social, porque non é a propia dos que están instalados no poder
Converteuse nun modelo de aceptación social e asociado ao progreso, que foi adoptado por unha parte importante dos que posúen o poder real ou simbólico no noso país. E aínda resulta máis grave que se estea estendendo tamén a falantes que teñen o galego como lingua materna, e que consideran que esta variedade lles dá un maior prestixio social. Están aparecendo xa as primeiras xeracións que teñen esta variedade de novo galego urbano como lingua materna.
Resulta perigoso tamén porque é un fenómeno tipicamente urbano ou periurbano. Aínda que se poida atopar algún caso illado no medio rural (normalmente en persoas que ocupan algún posto de relevancia social, como o mestre ou o médico, onde ten unha especial vitalidade é nas cidades, e non debemos perder de vista que é no medio urbano, nas cidades, onde se está xogando o futuro da lingua galega.
Moitos son os responsables da extensión desta modalidade desvirtualizada do galego. Habería que sinalar, entre outros:
a) Unha parte importante da nosa clase política: falan con descaro nos medios de comunicación nunha variedade que nalgúns casos mesmo non se sabe a que lingua pertence.
b) Os medios de comunicación social, sobre todo as radios e as televisións. Non hai moito tempo un comentarista dun medio público comentaba, verbo dun futbolista, que este acabara no fútbol inglés, grazas á intervención dun “follador” daquel país que lle fixera un seguimento desde moi novo. Este “follador” non é senón o castelán “ojeador” (derivado de “ojear”, formado a partir de “ojo”), que nada ten que ver co cast. hojear (formado sobre “hoja”), a partir do que o noso comentarista formou este pseudogaleguismo *follador.
c) Unha relaxación na vixilancia da calidade lingüística en lugares simbólicos. Non é admisible que na actualidade sigan aparecendo, por exemplo, anuncios nos medios de comunicación con incorreccións que fan saltar as alarmas. Mesmo unha publicación como o Diario de sesións do Parlamento de Galicia, que debería ser modélica polo valor simbólico que ten, está inzada de frases como: En todo caso, lles quero recordar e lles volverei... ; Me houbera gustado que estivera presente o señor conselleiro, etc. etc.
d) Estou convencido de que un sector tan importante como é o do profesorado, que dunha maneira consciente ou inconsciente está actuando como modelo de prestixio dos nosos rapaces durante moitos anos, ten tamén unha responsabilidade non pouco importante na socialización desta variante deturpada do galego.
Algunhas conclusións
Non hai ningunha dúbida de que nos últimos quince anos se produciron avances importantes no status do galego: o galego ten maior presenza na administración, na política, no sistema escolar, na sanidade pública etc. A lingua galega tamén perdeu en boa parte o estigma de lingua subordinada, de lingua propia da clase baixa, de xente inculta, de lingua unicamente válida para a comunicación informal pero non para os ámbitos formais. O galego hoxe é lingua que se estuda e é lingua estudada, que conta con gramáticas, dicionarios, cun corpus desenvolvido que permite a súa utilización practicamente en calquera situación comunicativa.
Pero o galego tamén presenta no día de hoxe puntos débiles moi preocupantes, como a perda de transmisión na familia, que é o principal responsable da perda de monolingües iniciais galegos, a diminución fortísima da porcentaxe de falantes habituais, ou a perigosa falta de calidade lingüística dun sector dos falantes moi importante (novo galego urbano) por ser probablemente o sector máis dinámico e máis innovador da sociedade, e o que en boa medida marca as pautas e os modelos sociais . Hai, con todo, unha luz para a esperanza manifestada sobre todo en feitos como: o freo da diminución da transmisión familiar da lingua galega na xeración máis nova, o freo da diminución da porcentaxe de falantes desta lingua nos tramos de idade máis baixos, e o aumento realmente moi importante da capacidade para falala, lela e escribila.
Seguimos nesa situación de encrucillada, na que son necesarias políticas activas de normalización do status, que leven progresivamente á recuperación para o galego de espazos sociais que nunca debeu abandonar como lingua propia de Galicia, que nos define como pobo e que é vehículo de expresión dunha cultura milenaria. Pero tamén é necesario un esforzo de mellora da calidade lingüística dun sector importante da nosa sociedade, mellora á que deben contribuír decisivamente a escola, os medios de comunicación, pero tamén as persoas e institucións que actúan como modelos sociais, e que polo tanto exercen unha función mimética nunha parte importante da sociedade.
É evidente que o non presentar límite superior de idade leva consigo uns valores moito máis altos para o galego, porque na poboación de maior idade a única lingua que se lle transmitiu no seo da familia foi na maioría dos casos o galego.
Manuel González González
Universidade de Santiago e RAG