A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Félix Etcheberria Balerdi

Félix Etxeberria Balerdi é doutor en Pedagoxía, Diplomado en Psicoloxía Clínica, catedrático de Ciencias da Educación na Universidade do País Vasco e catedrático Jean Monnet en “ Educación e construción europea”.
Foi director do posgrao “Educación e inmigración”, así como do posgrao e do curso de doutoramento “Europa, educación e sociedade”.

Ten realizado numerosas investigacións sobre bilingüismo e educación intercultural. Algunhas das súas publicacións son: ¿Trilingües a los 4 años? (Ibaeta, 2002), Sociedad multicultural y educación (Ibaeta. 2002), La educación en Telépolis (Ibaeta Pedagogia, 2001), Políticas educativas en la Unión Europea (Ariel, 2000), Bilingüismo y educación en el País del Euskera (Erein, 1999).

Nº1: outubro-decembro 2012

Félix Etxeberria Balerdi
O final dos modelos lingüísticos na escola do País Vasco

Neste artigo, o autor explícanos a evolución da ensinanza do  éuscaro dentro do sistema educativo do País Vasco e como se chegou ao sistema de modelos lingüísticos actuais. Unha análise dos diferentes cambios demográficos, históricos, dos datos estatísticos dos resultados da ensinanza actual na lingua minoritaria, e das contribucións das investigacións no campo da educación bilingüe do País Vasco, leva ao autor a considerar que o actual sistema de modelos está esgotado e a reflexionar sobre o futuro do ensino do éuscaro e en éuscaro.


Versión en PDF


 

1. INTRODUCIÓN 1

O País Vasco é un pequeno país de aproximadamente 2,5 millóns de habitantes que viven ao Suroeste dos Perineos, entre o Norte de España e o Sur de Francia. Histórica e culturalmente, o termo “País Vasco” inclúe a rexión vasco-española e a rexión vasco-francesa, pero por razóns políticas e administrativas, o País Vasco está dividido en tres territorios: dous encóntranse no Estado Español (a Comunidade Autónoma do País Vasco e a Comunidade Autónoma de Navarra); o outro territorio, o País Vasco Norte, encóntrase dentro do Estado Francés, sen ningún tipo de administración autonómica.

Neste texto analízanse algúns aspectos relacionados co bilingüismo e biculturalismo e as súas repercusións na educación destes territorios. Analízanse tamén algúns cambios demográficos e históricos e os efectos derivados da ensinanza nunha lingua minoritaria. Tamén se estuda a contribución das investigacións no campo da educación bilingüe do País Vasco.

Se  analizamos a realidade lingüística dos países de Europa, podemos comprobar que a maioría dos estados europeos ten máis dunha lingua ou cultura. Moitos estudos (Kuijpers, 1987; Killilea, 1994) indican que en moitos deses países o multilingüismo é unha realidade e que as linguas existentes nos ditos estados, coas linguas rexionais e/ou as linguas dos inmigrantes, constitúen unha riqueza cultural digna de estudo (Siguan, 1998). O País Vasco é un claro exemplo no que tres linguas –éuscaro, francés e castelán– coexistiron durante moito tempo e demostraron uns modelos sociais e educativos específicos.

 

A lingua vasca

A lingua vasca, éuscaro, é probablemente unha das máis antigas linguas de Europa e forma un dos máis importantes sinais de identidade da cultura vasca. Á chegada dos romanos, a única lingua pre-indoeuropea que existía en Francia era unha forma ancestral de éuscaro. Á súa vez, en España, o latín foi desprazando as outras linguas pre-indoeuropeas existentes, coma o ibero, sendo o éuscaro a única lingua que conseguiu sobrevivir. Aínda na Idade Media, o éuscaro era unha lingua falada en todo o territorio do País Vasco, ademais de Burgos e A Rioxa e nos Perineos, ata Cataluña.
Entre as linguas pre-indoeuropeas do Oeste de Europa, unicamente o éuscaro evitou a súa desaparición e conseguiu sobrevivir ata o presente, aínda que é certo que a lingua vasca perdeu peso e presenza durante algunhas épocas.
A falta dunha tradición literaria e o contexto social e político non favoreceron o desenvolvemento da lingua vasca e posteriormente os cambios ocorridos con motivo da  revolución industrial, coa forte inmigración de persoas doutras rexións de España, que non falaban o éuscaro, fixo retroceder este desenvolvemento nas áreas urbanas ao longo do século XIX e os dous terzos do século XX.

Durante o réxime de Franco, tras a Guerra Civil, non existiu recoñecemento oficial das linguas rexionais ao longo de catro décadas (1939-1978) ata a Constitución española. Ademais da Constitución de 1978, na Comunidade Autónoma do País Vasco existe un Estatuto de Autonomía (1979) e un Goberno Autónomo cun sistema educativo bilingüe que considera o éuscaro e o castelán como linguas obrigatorias en todos os niveis educativos. En Navarra existe tamén un Goberno Autónomo, aínda que con menos competencias, cunha Lei Foral (1982) e un relativo recoñecemento oficial da lingua vasca no sistema educativo. No País Vasco Norte, a Constitución Francesa recoñece soamente a oficialidade do francés e non existe ningunha forma de autogoberno.

 

Bilingüismo no País Vasco

Coñecemento do éuscaro por parte dos habitantes do País Vasco

A poboación maior de 16 anos do País Vasco, nos seus tres territorios, é de 2.589.600 habitantes. Segundo un estudo sociolingüístico levado a cabo nestes tres territorios (Goberno Vasco, 2006), o 71 % da poboación vive no País Vasco español, o 20 % vive en Navarra e o 9 % vive no País Vasco francés.

Por razóns históricas, políticas, demográficas e lingüísticas, soamente o 25,7 % dos habitantes falan o éuscaro (así como o castelán ou o francés, por suposto) e o  15,4% entende o éuscaro, mentres que o 58,9 % dos habitantes son monolingües casteláns ou franceses. Non hai apenas monolingües vascofalantes. Polo tanto, os únicos bilingües que existen no País Vasco falan tamén éuscaro.

Por territorios, o 30 % dos habitantes do País Vasco español fala éuscaro e o 18% entende a dita lingua, mentres que o 51 % é monolingüe castelán. En Navarra, soamente o 11 % dos habitantes fala éuscaro e o 7,6 % enténdeo, mentres que o 81 % é monolingüe castelán.  No País Vasco francés, o 22 % fala éuscaro e o 8,6 % enténdeo, pero o 69 % é monolingüe francés.

TÁBOA 1. COÑECEMENTO DO ÉUSCARO (%)  EN EUSKAL HERRIA

 

Euskal Herria

País Vasco Español

Navarra

País Vasco Francés

1991

2006

1991

2006

1991

2006

1991

2006

Fala éuscaro

22

25,7

25

30

9

11

26

22

Entende

7,7

15,4

16

18

10

7,6

9

8,6

Monolingüe español ou francés

70

58,9

58

51

81

81

64

69

Na táboa superior, se comparamos os datos de 1991 e os de 2006, podemos comprobar que o número de persoas maiores de 16 anos de Euskal Herria que saben éuscaro aumentou considerablemente, pasando dun 22 a un 26 %. Por territorios, no País Vasco Español, ou Euskadi, pasa dun 25 a un 30 %. En Navarra, os que saben éuscaro aumentaron lixeiramente, pasando do 9 ao 11 %. Polo contrario, no País Vasco francés, o número de persoas que fala éuscaro descende do 26 ao 22 %.

 

TÁBOA 2. TENDENCIAS NO COÑECEMENTO DO ÉUSCARO ENTRE A POBOACIÓN DE MÁIS DE 16 ANOS

Evolución da poboación de 16 e máis anos respecto ao éuscaro

 1991

2006

 

Total

Bilingües

Total

Bilingües

Diferenza

CAPV

1.741.500

419.200

1.850.500

557.600

+138.400

Navarra

420.700

40.200

508.900

56.400

+16.200

País Vasco Norte

208.900

69.100

230.200

51.800

-17.300

Euskal Herria

2.371.100

528.500

2.589.600

665.800

+137.300

Se atendemos ás cifras absolutas, observamos que o número de bilingües de 16 anos e maiores aumentou considerablemente no conxunto de Euskal Herria, gañando máis de 135.000 novos bilingües. A maioría deles viven na CAPV. Navarra viu incrementar lixeiramente o número de persoas que fala éuscaro, gañando cerca de 16.000 novos bilingües, mentres que o País Vasco francés perdeu cerca de 17.000 bilingües.

 

Uso actual da lingua vasca (1991-2006)

Xa indicamos que o nivel de coñecemento do éuscaro ou lingua vasca (quen fala e quen entende) é de aproximadamente o 41 % da poboación. Non obstante, conforme a diversos estudos (Siguan, 1994; C.I.S., 1999) o uso real do éuscaro na comunicación diaria dos habitantes do País Vasco é moito menor,  non chegando nin á metade de quen a coñece. É dicir, aproximadamente o 15 % dos habitantes do País Vasco utiliza a lingua vasca diariamente na súa comunicación.

Isto quere dicir que, a pesar do alto grao de apoio e prestixio que ten o éuscaro entre os vascos, o coñecemento real é baixo (41%) e o seu uso real é aínda moito máis baixo (15%).

Segundo outros estudos máis recentes entre os cidadáns vascofalantes (Goberno Vasco, 2006), nos que os entrevistados responden sobre o uso real que fan da lingua vasca, e comparando cos resultados que se veñen obtendo desde o ano 1991,  pódese apreciar un incremento no uso do éuscaro nestes catro ámbitos: cos nenos, cos amigos, cos compañeiros de traballo e cos profesores dos seus fillos.

Durante o período 1991-2006, no estudo realizado entre os vascofalantes do conxunto de Euskal Herria, pódese ver que o uso do éuscaro é do 15,3 %. Porén, se analizamos os resultados por territorios, vemos que na CAPV, no ano 1991, o uso da lingua era do 15,3 % e no 2006 subiu ao 18,6 %. En Navarra no ano 1991 era do 5,9 % e no ano 2006 do 5,6 %. Finalmente, no País Vasco francés hai un retroceso posto que no ano 1996 era do  13 % e no ano 2006 do 10,3 %. Polo tanto, hai un incremento de máis de tres puntos na CAPV, un descenso de tres décimas en Navarra e un descenso de tres puntos no País Vasco francés.

 

TÁBOA 3. EVOLUCIÓN DO USO DO ÉUSCARO.  POBOACIÓN DE 16 ANOS E MÁIS (%)

Evolución do uso do éuscaro por parte da poboación de 16 e máis anos

1991

2006

DIFERENZA

CAPV

15,3 %

18,6 %

+ 3,3

Navarra

5,9 %

5,6 %

- 0,3

País Vasco Norte

13 % (1996)

10,3 %

- 2,7

Euskal Herria

 

15,3 %

 

Noutros estudos tamén recentes (Olatz Altuna, 2007), levados a cabo mediante a gravación de conversacións espontáneas na rúa para analizar a presenza da lingua vasca no uso diario, e tendo en conta os datos obtidos na enquisa que se fai cada catro anos, 1989, 1993, 1997, 2001 e 2006, pódese demostrar que:

- A presenza do éuscaro é máis alta na Comunidade Autónoma do País Vasco (16,8 %), seguido de Navarra (6,6%), mentres que no País Vasco Francés é soamente do 4,6 %.
- Na CAPV o uso do éuscaro nas rúas aumenta entre 1991 e 2006, do 11,5 ao 16,8 %. En Navarra apenas hai variacións, do 6,5% ao 6,6  % e no caso do País Vasco francés hai un descenso no mesmo período, pasando do 6,5 % ao 4,6 %.

 

GRÁFICO 1. USO DO ÉUSCARO NA RÚA (1989-2006)



FONTE: Olatz Altuna (2007): Medición del uso del euskara en Euskal Herria. http://www.soziolinguistika.org

Se comparamos os resultados en canto ao coñecemento da lingua e ao uso que se fai da mesma na vida cotiá, poderemos concluír que o distinto comportamento e niveis de utilización do éuscaro son claramente diferentes segundo os territorios. Políticas lingüísticas diferentes conseguen diferentes resultados de coñecemento e uso da mesma lingua: o éuscaro. Polo tanto, lonxe de actitudes máis ou menos fatalistas ou voluntaristas respecto á conservación e desenvolvemento das linguas, nas distintas administracións nas que se fala éuscaro onde se apoia a lingua (País Vasco español), prodúcense avances; onde non hai apoios oficiais (País Vasco francés), a lingua retrocede.

 

2. EDUCACIÓN BILINGÜE

A Educación bilingüe no País Vasco 2

Xa indicamos que a orixe e desenvolvemento da educación bilingüe no País Vasco está intimamente relacionada co movemento de escolas en éuscaro (Ikastolas), especialmente na época que vai desde os anos 60 ata os 80. Á súa vez, o movemento de ikastolas responde a unha etapa de recuperación e auxe do movemento nacionalista e os últimos anos do goberno franquista. Desde hai 25 anos, a educación bilingüe afecta tamén ás escolas públicas e privadas. Na segunda metade deste século XX na CAPV e Navarra tiveron lugar unhas importantes transformacións respecto á ensinanza da lingua vasca, que se pode recoñecer en varios períodos ben diferenciados (Etxeberria, F. 1999):

a. O éuscaro prohibido (1936-1960)

Tras a guerra civil española, o período anterior aos anos sesenta caracterizouse por un monolingüismo escolar en castelán, no que a principal preocupación era conseguir que o alumnado se educase de modo uniforme, sempre dentro dos principios do Movemento Nacional, é dicir, da doutrina de Franco. É de destacar que durante a ditadura franquista existía unha política educativa, escolar e extraescolar, contraria ás linguas minoritarias ou rexionais e que se caracterizaba por pretender eliminar calquera risco, símbolo ou característica cultural que non fose a oficial. No País Vasco, este tratamento represivo cara á lingua vasca non se refería unicamente á escola, senón a todos os ámbitos da vida cotiá.

b. O éuscaro tolerado (1960-1976)

As ikastolas (escolas de éuscaro) que xorden nos anos 60 teñen unha clara compoñente de resistencia antifranquista. Comezan a utilizar a lingua vasca e a cultivar a cultura vasca dun modo clandestino, sen permiso, sen textos, sen instalacións adecuadas, sen ningún tipo de apoio que non sexa o dos pais decididos a defender a lingua dos seus avós. Non hai que esquecer que esta primeira etapa da historia das ikastolas é unha etapa de prohibición e de ilegalidade.

c. A eclosión da educación bilingüe (1976-1982)

Neste período, e tras a morte de Franco, ocorren varios feitos relevantes, como a aprobación da Constitución española (1978), o Estatuto de Autonomía do País Vasco (1979) e a publicación do Decreto de Bilingüismo (1979), que sentan as bases do futuro educativo no País Vasco. En 1982 publícase a Lei de normalización do éuscaro que recolle a oficialidade do éuscaro e do castelán e as pautas para a súa garantía.

d. O éuscaro, lingua oficial na ensinanza (1983-....)

O Decreto 138/1983 é o que regula o uso das linguas oficiais na ensinanza non universitaria do País Vasco e nel establécense as pautas e os criterios para facer que a lingua vasca e castelá sexan materias obrigatorias en todos os niveis da ensinanza primaria e secundaria. Tamén se ordena o uso das linguas oficiais seguindo a referencia dos modelos A, B, D, X e fíxanse as directrices para a formación do profesorado en éuscaro e os requisitos mínimos que deben reunir os ensinantes en lingua vasca. A partir de agora, ínstase aos profesores e editoriais a incluír nos seus programas os contidos e actitudes específicos que reflicten a peculiaridade do País Vasco: recoñecer e respectar a historia, cultura, a arte, o folclore, as tradicións, figuras ilustres, etc. A pesar dalgúns altibaixos, a situación actual é de total consolidación da ensinanza bilingüe.  

 

Nacemento e evolución dos modelos lingüísticos

As ikastolas xurdiron nun primeiro momento co obxectivo de responder á necesidade de “conservar” o éuscaro dos nenos vascofalantes. O alumnado castelanfalante, unha minoría ao principio, que acode á ikastola encóntrase inmediatamente nunha situación de inmersión lingüística. Era o modelo único en éuscaro.
Pero o extraordinario crecemento CUANTITATIVO dos anos 70 fixo que variase substancialmente a situación dos ditos centros e da educación impartida neles. Paralelamente ten lugar un cambio CUALITATIVO importante: non se trataba unicamente de ensinar en éuscaro a nenos vascófonos, senón que tamén era necesario ensinar a lingua vasca a unha gran masa de nenos que tiñan como lingua materna o castelán, co cal se iniciaba un proceso importante de recuperación lingüística.  

O alumnado foise “castelanizando”, ao igual cós pais. A uniformidade no tipo de alumnado, segundo a súa lingua materna, quedou rota, alcanzando en moitos casos proporcións do 50 %, e noutros maiores, para cada un dos tipos lingüísticos. Polo tanto, xa non se trataba soamente de “conservar” o éuscaro, senón de “recuperalo” por parte daqueles que o perderan, ou “adquirilo” por parte daqueles que nunca o coñeceran nas súas familias. O programa de inmersión lingüística para os alumnos vascófonos converteuse nun programa de “investimento” para os alumnos castelanfalantes.

A inercia do modelo único e os novos modelos lingüísticos

Non obstante, esta nova realidade e os cambios que estaban ocorrendo nas ikastolas non encontraron un eco suficientemente adecuado e chocaron coa inercia do modelo único, o da ensinanza exclusivamente en éuscaro. Será a finais dos anos 70 e comezos dos 80 cando a preocupación pola situación reinante nas aulas tome corpo con varios acontecementos de interese. Trátase da publicación de varios textos e documentos e o labor do Seminario de Sitges, no que tivo un papel fundamental, entre outros expertos, Miquel Siguán.

1. O primeiro documento que está na base do sistema vasco de ensinanza actual é o que se publicou en 1979, baixo o título de El lenguaje en la Educación preescolar y ciclo preparatorio. Vasco-castellano 3 formando parte dunha triloxía que o Ministerio de Educación e Ciencia da época dedicou a Cataluña, Galicia e o País Vasco. No texto, Aportación del MEC al Año Internacional del niño, colaborou un grupo de expertos vascos que sentaron as bases da futura política lingüística na educación da CAPV. Fundamentando as súas conclusións nos anteriores estudos sociolingüísticos realizados en Euskadi, o máis importante deste traballo é a proposta dun programa de lingua vasca diferente para o alumnado vascofalante e castelanfalante, que presenta por primeira vez a tipoloxía dos modelos lingüísticos na ensinanza bilingüe, que no seu momento se denominaron A, B, C e D. Con algúns lixeiros cambios, os modelos que na actualidade se seguen nos nosos centros dos tres territorios da CAPV, Navarra e País Vasco Francés son os mesmos que este grupo de expertos deseñou a principios dos 80.

2. O segundo documento que achega máis luz neste período é o que ofrece a Revista JAKIN (núm. 19-20, 1981) de carácter monográfico que, intentando superar esta inercia da institución escolar, recolle diversas críticas á continuidade do modelo lingüístico único, centradas principalmente na detección por parte do profesorado dunha serie de problemas cada vez máis evidentes (Torrealday 1981) 4.

 

Os problemas do bilingüismo nas ikastolas

A preocupación xeneralizada do profesorado e responsables educativos provocou a necesidade de analizar a situación respecto ao tema “cómo euscaldunizar aos alumnos castelanfalantes nas ikastolas”. Un grupo de responsables de varios centros reuníronse en marzo de 1981 para intercambiar coñecementos e propostas, facendo elevar o nivel de conciencia sobre os cambios que estaban ocorrendo nas ikastolas. As principais conclusións que se extraeron foron as seguintes:

  • O crecemento extraordinario do alumnado de orixe castelanfalante orixina que nalgunhas ikastolas se lles escolarice en grupos diferenciados, aínda que co mesmo modelo totalmente en éuscaro. O ensaio resulta un fracaso esmagador, o alumnado castelanfalante non consegue o nivel esperado.
  • Como consecuencia do anterior, o alumnado castelanfalante estase convertendo en “alumnado problema” e suxeitos de fracaso escolar.
  • Obsérvase un descenso xeneralizado no uso do éuscaro como medio de comunicación escolar.
  • Faise cada vez máis difícil o poder atender debidamente e eficazmente ao alumnado castelanfalante.
  • Hai un gran desconcerto xeneralizado nas ikastolas e cada centro intenta resolver a situación pola súa conta, evidenciando a urxencia dun plan común e profundo.

 

Estábase creando a conciencia de que o alumnado castelanfalante tiña unha problemática distinta á que habitualmente se presentaba nas ikastolas. Pensábase que non se lle respondía de maneira satisfactoria, á vez que se vía con temor a “castelanización” xeral do ambiente.  

3. O terceiro feito significativo en canto ao cambio de rumbo na política seguida nas aulas é a participación no debate dalgúns expertos e colectivos cataláns, agrupados arredor do Seminario anual do ICE de Barcelona, liderado por Miguel Siguán, que celebrou no ano 1979 as súas actividades no País Vasco, en Zarautz, e que recolleu as súas achegas no libro titulado La problemática del bilingüismo en el Estado español. 5

Este intercambio arredor do Seminario de Sitges permitiu unha aproximación ás experiencias de inmersión canadense e catalá e un mellor coñecemento doutras fórmulas e modelos de escolarización bilingüe. A participación de expertos estranxeiros (Fishman, Cummins, Mackey, Bourhis, Titone, Baker, Gorter, etc) en materia de bilingüismo e educación enriqueceu o debate durante moitos anos. Froito desta cooperación foron as novas estratexias mediante as cales o alumnado castelanfalante, iniciando a escolarización en castelán, comezaba de maneira gradual a utilizar o éuscaro, diferenciando a lingua e o profesor, agrupando ao alumnado segundo a súa orixe lingüística, etc.

Finalmente, en 1983 ten lugar a publicación do Decreto 138/1983 do Goberno Vasco, que regula o uso das linguas oficiais na ensinanza non universitaria da Comunidade Autónoma do País Vasco e establece as pautas e os criterios para facer que a lingua vasca e castelá sexan materias obrigatorias en todos os niveis de ensinanza primaria e secundaria. Tamén se ordena o uso das linguas oficiais seguindo a referencia dos modelos A, B, D, X e fíxanse as directrices para a formación do profesorado en éuscaro e os requisitos mínimos que deben reunir os ensinantes en lingua vasca.

 

Por que os modelos lingüísticos?

O paso dun modelo único de inmersión cara aos modelos diferenciados xustificouse porque, por un lado, obedecía a razóns psicopedagóxicas, posto que se empezaba a ter en conta que o cambio da lingua materna á escolar debía ser gradual, seguindo as teorías de superación de etapas de Piaget. Era unha teoría que podía xustificar a crecente preocupación pola situación do alumnado castelanfalante nas ikastolas.  

Por outra parte, érase consciente de que soamente unha minoría do profesorado, o 5% nos anos 70, estaba cualificada para impartir a docencia en éuscaro. Se a ensinanza en lingua vasca se estendese a todo o alumnado, tería sido materialmente imposible a implantación do dito plan por falta de profesorado vascofalante.

E, finalmente, a actitude dos pais e nais cara á ensinanza en éuscaro non era todo o favorable que é na actualidade, co que o modelo D totalmente en éuscaro enfrontaríase coa oposición dun número importante de familias. Razóns psicopedagóxicas, organizativas e didácticas e de democracia escolar facían necesaria a reestruturación do modelo único en varios modelos diferenciados e de intensidade crecente no emprego do éuscaro.

 

Os catro modelos lingüísticos en educación

Co fin de responder ás diferentes situacións socioculturais, á motivación das familias, á realidade das distintas zonas sociolingüísticas, á preparación do profesorado e a outra serie de factores, a educación bilingüe no País Vasco preséntase en catro niveis ou modelos de intensidade, variando desde o uso mínimo da lingua ata unha utilización instrumental dela ou aprendizaxe en éuscaro.

TÁBOA 4. OS CATRO MODELOS LINGÜÍSTICOS NA ESCOLA

MODELO LINGÜÍSTICO

SIGNIFICADO EN CANTO Á UTILIZACIÓN DAS LINGUAS

MODELO A

Toda a ensinanza realízase en castelán. O éuscaro é unha materia máis.

MODELO B

As dúas linguas son utilizadas como vehículo de aprendizaxe, aproximadamente nun 50 %.

MODELO D

Toda a ensinanza realízase en éuscaro. O castelán é unha materia máis.

MODELO X

Toda a ensinanza en castelán, sen ningunha hora de ensinanza en éuscaro. En Navarra denomínase MODELO G.

Estes catro modelos xorden cun enfoque psicopedagóxico definido e coa idea básica de que a lingua materna é a que se debe utilizar para iniciar calquera tipo de aprendizaxe, incluído o das outras linguas. Polo tanto, o modelo D era o máis adecuado para os/as nenos/as vascofalantes, o modelo B era o indicado no caso de que o alumnado tivese coñecementos das dúas linguas, e finalmente o modelo A era o destinado ao alumnado que non tiña ningunha ou escasa noción do éuscaro, como é o caso dos itinerantes, transeúntes, etc.

Porén, a evolución da implantación dos modelos demostrou que non se seguiu ese criterio á hora de escolarizar os/as nenos/as, senón que os pais se inclinaron polos modelos máis intensivos, é dicir, polo modelo B e D. Esta situación demostra unha gran confianza dos pais no sistema educativo e unha alta motivación para aprender o éuscaro.  

 

GRÁFICO 2. MATRICULACIÓN EN PREESCOLAR  SEGUNDO MODELOS     1982 – 2008

 

Ao longo dos últimos 25 anos, a evolución dos modelos lingüísticos foi moi significativa. Se no curso 1982-83 o alumnado matriculado no modelo A era a maioría (36 %), no curso 2008-09 a matrícula no dito modelo é soamente do 5 %, mentres que o modelo D pasou do 23 % en 1982 ao 70 % no 2008.

 

3. O FINAL DUNHA ETAPA

Xa vimos que por razóns de tipo demográfico, pedagóxico, profesional, didáctico, de dereitos humanos e outros argumentos, a principios dos anos 80 levouse a cabo unha transformación profunda da ensinanza en éuscaro nos centros ikastolas do País Vasco. Vinte e cinco anos despois, temos que confesar que o sistema dos modelos respondeu a unha época, pero que na actualidade está desfasado e superado. Moitos cremos na necesidade dun novo sistema para superar as dificultades que estaban xurdindo e cando a ensinanza do éuscaro se xeneralizou a todos os centros escolares, públicos e privados, o argumento da cualificación lingüística do profesorado adquiriu un peso definitivo: non era posible escolarizar en éuscaro a todos os nenos e nenas do País Vasco, sinxelamente porque non existía o profesorado formado para esa enorme tarefa.  

A situación cambiou dunha maneira significativa e moitas persoas próximas ao mundo educativo e expertos no tema do bilingüismo escolar levamos xa un tempo defendendo que non se pode seguir mantendo o sistema de modelos lingüísticos. As razóns son moitas:

1.- Investigación. Ao longo dos últimos 30 anos realizáronse cerca de 50 investigacións sobre a ensinanza e o éuscaro, o que supón unha proporción moi alta en comparación con outros países. Segundo esas investigacións, as dúbidas e problemas que se debatían nos anos 70 tiveron adecuada resposta con estes traballos. Xa sabemos cómo se aprende máis e mellor o éuscaro. Xa sabemos tamén que, polo feito de aprender en éuscaro, non existe ningún tipo de prexuízo na aprendizaxe doutras materias como as matemáticas, as ciencias ou o inglés. Sabemos que non supón ningún tipo de problema engadido o feito de aprender en éuscaro.  

Para dicilo brevemente, o alumnado que estuda no modelo D, aprende os contidos tan eficazmente como o resto de alumnado, e que non ten máis problemas persoais, de intelixencia ou doutro tipo. Sabemos tamén que o alumnado do modelo D obtén bos resultados nas probas de selectividade e que non ten problemas para estudar as carreiras en lingua vasca. Todo son vantaxes para o alumnado que estuda en éuscaro (Etxeberria, F., 2005). Sabemos, polo contrario, que o alumnado do modelo A non consegue aprender éuscaro ao nivel elemental. A investigación e a experiencia persoal confírmanolo día a día.

Un último exemplo de investigación en materia de bilingüismo escolar témolo no estudo realizado a nivel europeo. A Consellería de Educación do Goberno Vasco fixo públicos en 2005 os resultados do nivel de éuscaro do alumnado do sistema educativo vasco (ISEI-IVEI, 2005). Os datos son preocupantes, posto que superaron as previsións que moitos facían ao respecto.

Esta proba, oral e escrita, realizárona 1.191 alumnos e alumnas de 4º curso de ESO, 16 anos. É o equivalente á proba de inglés “First Certificate”, é dicir, mide o nivel medio de dominio da lingua. Comparando co éuscaro, é un nivel inferior ao título EGA.

Segundo os datos estatísticos do G.V. (EUSTAT, 2004), o alumnado de ESO escolarízase conforme aos modelos lingüísticos do seguinte modo: modelo A, 29%; modelo B,  24 %; modelo D, 47 %. Segundo a Consellería de Educación, ningún alumno do modelo A foi capaz de superar a proba, no modelo B conseguiuno un 27,5 % e no modelo D un 57,2 %.


TÁBOA 5. RESULTADOS DA PROBA DE ÉUSCARO POR MODELOS ENTRE O ALUMNADO DE 4º CURSO DE SECUNDARIA (DBH/ESO)

ALUMNADO DA C.A.P.V. POR MODELOS E NIVEL DE ÉUSCARO. 4º CURSO  ESO

MODELO

% DE ALUMNADO
EN CADA MODELO

ALUMNADO POR MODELO QUE SUPERA A PROBA

A

% 29

% 0

B

% 24

% 27,5

D

% 47

% 57,2

TOTAL

% 100

% 34

Fonte: ISEI-IVEI (2005): Euskararen B2 maila. Derrigorrezko irakaskuntzaren amaieran (DBH4). Eusko Jaurlaritza. Vitoria-Gasteiz.

Cantos son en total os estudantes que superan o nivel da proba? Para coñecer este dato debemos ter en conta os resultados e a proporción de estudantes en cada modelo. No modelo D (47%), os que superan a proba suman o 27 % do total do alumando, mentres que no modelo B (24 %) os que aproban son o 7 % do total. Xa dixemos que ningún alumno do modelo A pasa o nivel. Polo tanto, unicamente un 34 % (27+7) do total do alumnado dos tres modelos consegue resultados satisfactorios e o 66% dos mozos e mozas de 4º de ESO queda por debaixo. Tras 13 anos de escolarización, polo menos, en lingua vasca, a maioría dos estudantes non consegue superar a proba, ou o que é o mesmo, non domina o éuscaro. Entre outras conclusións que poden extraerse dos numerosos traballos de investigación realizados arredor da educación bilingüe no País Vasco, podemos destacar as seguintes (Etxeberria, 2005):

  • Os resultados académicos do alumnado da CAPV superan en case todas as materias á media do Estado español. Polo tanto, podemos afirmar que o bilingüismo escolar non parece prexudicar ao rendemento académico dos escolares vascos.
  • Non hai diferenzas significativas entre os resultados académicos obtidos polo alumnado do modelo A e os do modelo D en canto ás matemáticas, lectura, ciencias e resolución de problemas.
  • En canto á aprendizaxe do éuscaro, o alumnado do modelo D é o que obtén os mellores resultados.

 

2. Lexislación. A lexislación europea é clara desde o ano 1992, tras a aprobación da Carta Europea das Linguas Rexionais e/ou minoritarias 6, que no seu artigo núm. 8 respecto á ensinanza di que o compromiso requerido afecta desde a ensinanza preescolar ata a Universidade e a educación de adultos, así como á formación do profesorado. Fundamentalmente pídese que os estados membros lles ofrezan aos seus cidadáns unha destas variantes de educación na lingua rexional ou minoritaria:

  • Toda a educación.
  • Unha parte substancial da educación.
  • Que sexa unha parte integrante do currículo.
  • Algunha destas variantes, polo menos ás familias que o soliciten.

Así mesmo, no apartado “G” do artigo 8 sobre a ensinanza pídese tamén tomar os medios necesarios para a ensinanza da historia e a cultura relacionada coa lingua rexional ou minoritaria.

Vemos, polo tanto, que o Consello de Europa recomenda a ensinanza na lingua rexional ou minoritaria como opción prioritaria.

No que respecta á lexislación relativa á Comunidade Autónoma do País Vasco, ofrecémoslle ao lector unha síntese na que se poden apreciar as principais normas legais en materia de educación bilingüe. Desa síntese pódese concluír que se o sistema educativo non avanzou máis no tema do desenvolvemento do éuscaro na ensinanza non universitaria pode que non sexa por impedimentos de tipo legal, senón por outros problemas: fundamentalmente a libre opción das familias, a falta de profesorado cualificado en éuscaro, as carencias en material e textos escolares, a falta de consenso político e outro tipo de circunstancias.   

TÁBOA 6.  LEXISLACIÓN ESPAÑOLA E VASCA SOBRE BILINGÜISMO E EDUCACIÓN

SÍNTESE DA LEXISLACIÓN ESPAÑOLA E VASCA SOBRE BILINGÜISMO E EDUCACIÓN

TEXTO LEGAL

PRINCIPAL CONTIDO 

Constitución (1978)

Artigo 3º
1.- O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala.
2.- As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus estatutos.

LOGSE (1990)

Artigo 1: desígnase como un dos obxectivos “A formación no respecto da pluralidade lingüística e cultural de España”.
Artigo 4: “Os contidos básicos das ensinanzas mínimas en ningún caso requirirán máis do 55% dos horarios escolares para as comunidades autónomas que teñan lingua oficial distinta do castelán, e do 65% para aquelas que non a teñan”.
Artigo 14: indícanse as áreas obrigatorias para a educación primaria, entre as que destacamos “Lingua castelá, lingua oficial propia da correspondente Comunidade Autónoma e Literatura”.

LOE  (2006)

Artigo 6.3: “Os contidos básicos das ensinanzas mínimas requirirán o 55% dos horarios escolares para as Comunidades Autónomas que teñan lingua cooficial e do 65% para aquelas que non a teñan”.
Artigo 17e: Obxectivos da Educación Primaria. “Coñecer e utilizar de maneira apropiada a lingua castelá e, se a houbese, a lingua cooficial da comunidade Autónoma e desenvolver hábitos de lectura ”.

Estatuto de Autonomía  (1979)

Artigo 6:
1.- O éuscaro, lingua propia do Pobo Vasco, terá como o castelán, carácter de lingua oficial en Euskadi, e todos os seus habitantes teñen o dereito a coñecer e usar ambas as dúas linguas.
2.- As institucións comúns da Comunidade Autónoma, tendo en conta a diversidade sociolingüística do País Vasco, garantirá o uso de ambas as dúas linguas, regulando o seu carácter oficial, e arbitrarán e regularán as medidas e medios necesarios para asegurar o seu coñecemento.
3.- Ninguén poderá ser discriminado por razón da súa lingua.

Lei de normalización do éuscaro (1982)

 

Título preliminar: “a lingua propia do País Vasco é o éuscaro e as linguas oficiais na Comunidade Autónoma do País Vasco son o éuscaro e o castelán”.
Título I, artigo 5: “todos os cidadáns do País Vasco teñen dereito a coñecer e usar as linguas oficiais, tanto oralmente como por escrito.”

Decreto 138/1983, polo que se regula o uso das linguas oficiais.

1.- A ensinanza do éuscaro e do castelán serán materias obrigatorias en todos os centros dos niveis non universitarios.
2.- O uso das linguas oficiais farase tomando como referencia os modelos A, B e D.

Decreto de Deseño Curricular do Goberno Vasco (1992)

Artigo 4: … entre as capacidades que a Educación Primaria debe contribuír a desenvolver nos alumnos e alumnas, encóntrase a de “Comprender e producir mensaxes orais e escritas en castelán e en éuscaro, atendendo a diferentes intencións e contextos de comunicación”.

Lei da Escola Pública Vasca (1993)

Artigo 18: O éuscaro e o castelán estarán incorporados obrigatoriamente aos programas de ensinanza que se desenvolvan na Escola Pública Vasca, de cara a conseguir unha capacitación real para a comprensión e expresión oral e escrita, nas dúas linguas, de tal maneira que polo menos poidan utilizarse como linguas de relación e uso ordinarios.

A normativa anteriormente citada, en síntese, defende que os alumnos e alumnas da Comunidade Autónoma do País Vasco teñen dereito a coñecer as dúas linguas ao terminar a súa escolarización, e con algunhas variantes, este dereito constátase tanto nos textos legais estatais coma nos autonómicos. Non cabe, polo tanto, dubidar de cáles son as circunstancias nas que o noso alumnado estuda as dúas linguas. Para dicilo máis claro, se a nova Lei Orgánica de Educación 7 dispón como obxectivo educativo en Primaria, Artigo 17.e: Obxectivos da Educación Primaria. “Coñecer e utilizar de maneira apropiada a lingua castelá e, se a houbese, a lingua cooficial da Comunidade Autónoma e desenvolver hábitos de lectura”: como garantir ese obxectivo da nova Lei de Educación?

Aténdonos exclusivamente á normativa do ano 1983 e a do ano 1993, podemos afirmar que non se chegou a cumprir. Seguindo estes textos legais, o Decreto de 1983 sobre os modelos lingüísticos, prevía que no modelo A, “nos niveis superiores da ensinanza primaria, poderán estudarse algunhas materias en éuscaro, sempre e cando os alumnos teñan a competencia lingüística suficiente”.

Por outra parte, a Lei da Escola Pública Vasca de 1993 (Goberno Vasco, 1993), indicaba no caso do modelo A que “O éuscaro será utilizado, polo menos, como medio para o uso e as relacións habituais na escola”.
Se estes dous supostos non se cumpren, por que temos que seguir mantendo un sistema de modelos que non garante o dominio do éuscaro ao terminar a ensinanza primaria?

3. Outras experiencias. Tras a aprobación da Lei de normalización lingüística en 1983, (Lei de 18 abril, 7/1983), da Generalitat de Cataluña, a partir do exemplo das escolas de Canadá e desafiando aos modelos tradicionais, introduciuse o Programa de inmersión lingüística co fin de garantir a competencia nas dúas linguas, tamén para o alumnado castelanfalante. Posteriormente, en 1998, aprobouse a Lei de política lingüística, que introducía certos cambios na anterior norma 8. Esta lei foi debatida e levada aos tribunais en varias ocasións, pero finalmente foi aceptada en todas as instancias.  

A Lei de política lingüística de Cataluña (1/1998, 7 de xaneiro), en relación á ensinanza, di o seguinte:

Artigo 20.  A lingua de ensinanza.
        1. O catalán, como lingua propia de Cataluña, tamén o é da ensinanza, en todos os niveis e as modalidades educativas.
        2. Os centros de ensinanza de calquera grao han de facer do catalán o vehículo de expresión normal nas súas actividades docentes e administrativas, tanto as internas como as externas.

Artigo 21.  A ensinanza non universitaria

1. O catalán utilizarase normalmente como lingua vehicular e de aprendizaxe na ensinanza non universitaria.  
2. Os nenos teñen o dereito a recibir a primeira ensinanza na súa lingua habitual, xa sexa esta o catalán ou o castelán. A administración garantirá este dereito e porá os medios necesarios para facelo efectivo.  
3. A ensinanza do catalán e do castelán terá garantida unha presenza adecuada nos plans de estudo, de maneira que todos os nenos e nenas, calquera que sexa a súa lingua habitual ao iniciar a ensinanza, poderán utilizar normalmente e correctamente as dúas linguas oficiais ao final da educación obrigatoria.
4. Na ensinanza postobrigatoria, a administración educativa fomentará políticas de programación e docencia que garantan perfeccionar o coñecemento e o uso das dúas linguas para que todos os mozos adquiran a bagaxe instrumental e cultural propia desta ensinanza.
5. O alumnado non será separado en centros nin en grupos diferentes por razóns da súa lingua habitual.
6. Non se pode expedir o título de graduado en educación secundaria a aquel alumno que non acredite que ten os coñecementos orais e escritos do catalán e do castelán propios desta etapa.
7.  A credencial do coñecemento do catalán non pode ser esixida no caso de alumnos que estivesen dispensados de aprender durante a ensinanza ou unha parte dela, ou que cursaran a ensinanza obrigatoria fóra do territorio de Cataluña, nas circunstancias que o Goberno da Generalitat establecerá por regulamento.
8. O alumnado que se incorpore tardiamente ao sistema educativo de Cataluña recibirá un soporte especial e adicional de ensinanza do catalán.

A política lingüística catalá está avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña e tamén polo Tribunal Constitucional, e incluso polo Consello de Europa, nun informe do ano 2005.

Este enfoque, desde a perspectiva da C. A. do País Vasco, equivalería á aplicación do modelo D, é dicir, facendo que a ensinanza sexa en lingua vasca, coa materia de lingua castelá. Vai máis alá a lei catalá, porque defende que o alumnado non poderá ser separado en función da súa lingua habitual e que, para obter o título de graduado en secundaria, o alumnado debe acreditar os correspondentes coñecementos das dúas linguas.

Se os partidos políticos, que ao parecer non poñen en cuestión o fondo da Lei de política lingüística 1/1998, o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, o Tribunal Constitucional e o Defensor do Menor, entre outros, aceptan como boa a política lingüística do programa de inmersión na escola catalá: cal é a razón para que o mesmo modelo non poida ser aceptado no País Vasco?

4. Pedagoxía. A principios dos anos 80 valorábase de modo especial o respecto cara á lingua materna á hora de escolarizar aos nenos. Invocando a declaración de principios da UNESCO en 1953 9 e seguindo os criterios dalgúns expertos (Siguan e Mackey, 1986; Piaget, Titone, 1976) en bilingüismo escolar, foise decantando a opción de escolarizar ao alumnado na lingua familiar, é dicir, en castelán aos castelanfalantes. O principio pedagóxico de comezar a escolarización na lingua materna é algo a ter en conta, pero na aprendizaxe das linguas existen tamén outros factores que deben ser tidos en consideración: a metodoloxía adecuada, a motivación das familias, a formación e entusiasmo do profesorado, o prestixio e o estatus da lingua na sociedade, etc. (Baker, 1998).

Posteriormente, autores como Mackey suxiren valorar en maior medida a motivación do profesorado, a motivación social e a dos pais. No caso do éuscaro, os condicionantes anteriores teñen un gran peso e debido a iso moito alumnado que ten unha lingua materna distinta aprenderon o éuscaro dun modo satisfactorio. Teñamos en conta, a modo de exemplo, a gran resposta que teñen as convocatorias de apoio á escola en éuscaro, tanto no caso da escola pública vasca como nas ikastolas, mugak gaindituz, kilometroak, korrikak, etcétera. 10

Seguindo no terreo do non formal, con implicacións na lingua vasca, encontramos unha riqueza extraordinaria de actividades, programas, organizacións, revistas locais, grupos, clubs, festas e un longo etcétera que permite afirmar que a animación sociocultural e o apoio popular ao éuscaro é algo sempre presente na nosa sociedade. Estamos falando das campañas de éuscaro, das colonias de verán, dos grupos de tempo libre, dos grupos de dinamización do éuscaro, dos Euskal Txokos e das festas relacionadas coa ensinanza en éuscaro.

Cada verán, cada fin de semana, miles de nenos e mozos do País Vasco participan en actividades de tempo libre e programas que teñen como obxectivo central fomentar ou estimular o uso do éuscaro. Moitas destas actividades dependen de iniciativas de voluntariado e doutras entidades privadas e nelas participan gran número de mozos que desenvolven actividades no mundo socio-educativo.  

Temos, polo tanto, unha gran cantidade de iniciativas locais, voluntarias ou profesionais, cunha enorme riqueza de actividades que aproveitan o tempo libre para estimular a aprendizaxe e utilización do éuscaro e para reforzar a motivación, creando situacións vivenciais interesantes a nenos e mozos, co fin de ofrecer espazos “naturais” para o emprego da lingua vasca. Estas experiencias veñen desenvolvéndose desde hai moitos anos e continúan estendéndose tanto por promotores particulares como polas institucións locais, concellos, deputacións, etc.  

A televisión en éuscaro supuxo un fito fundamental no proceso de desenvolvemento da motivación e estímulo para o uso do éuscaro como vía de información e de entretemento, facendo da lingua vasca unha lingua máis normal.  
Esta motivación extraescolar e o empurre popular en apoio do éuscaro e a súa utilización na ensinanza exerce un influxo potente. De modo que os modelos que estaban orientados a determinado tipo de alumnado (vascofalantes, castelanfalantes e intermedios) funcionaron na práctica dun modo distinto, posto que o alumnado castelanfalante se incorporou ao modelo que preferiu, A, B, ou D, sen seguir os criterios que supostamente foran deseñados para eles. A motivación social, o prestixio social, ten tal vitalidade que moitas familias castelanfalantes encontran unha gran motivación para superar os condicionamentos lingüísticos e facer fronte ao desafío de estudar en éuscaro. A pesar da aparente contradición, pódese escolarizar en éuscaro aínda sendo de familia castelanfalante.

5. Material didáctico. Na actualidade, ao contrario do que ocorría nos anos 70, existe abundante material para a ensinanza do éuscaro e en éuscaro, tanto como lingua primeira como lingua segunda. Diversas editoriais ofrecen os seus textos para a ensinanza en cada un dos modelos, con abundante material de todo tipo. No relativo á metodoloxía, tamén existen pautas máis elaboradas para a ensinanza-aprendizaxe do éuscaro como segunda lingua. A formación do profesorado na ensinanza de linguas é máis completa que hai 20 anos. Finalmente, existe abundante material complementario para apoiar a ensinanza en éuscaro, así como a incorporación das novas tecnoloxías ao terreo do éuscaro ou á inversa. 11

Ao principio (1982) os apoios ían dirixidos á produción de libros para a ensinanza; posteriormente fóronse incorporando ao programa EIMA a produción de material audiovisual (1984), a de software (1985) e finalmente existe un programa destinado a axudar aos grupos que se dedican á produción de material en  éuscaro (1995).

6. Profesorado. En 1975, a situación non era a que existe en 2009. Naquel momento, o profesorado euscaldún, cualificado para impartir as clases en éuscaro era do 5% aproximadamente, mentres que na actualidade, o profesorado preparado para a ensinanza en lingua vasca, nos centros públicos, supón cerca do 80% (Eusko Jaurlaritza, 2006). Nos centros privados esa porcentaxe encóntrase arredor do 60-65 %.  Vexamos a porcentaxe de profesorado titulado en éuscaro, nos centros públicos.

TÁBOA 7.  PROFESORADO CUALIFICADO EN  ÉUSCARO EN CENTROS PÚBLICOS (%)
 

Nun tempo relativamente curto, trinta anos, pasamos do 5 % ao 80 % de profesorado con titulación para impartir as clases en éuscaro. Hoxe podemos afirmar que existe suficiente número de profesores e candidatos a profesores como para poder cubrir a docencia totalmente en éuscaro, con cualificación necesaria para ensinar en lingua vasca.    

 

7. Evolución dos modelos

GRÁFICO 3.  MATRÍCULA EN EDUCACIÓN INFANTIL 1982 – 2008

 

A situación a principios dos anos 80 mostrábanos que o modelo D e B representaban cada un deles un 25 %, o modelo X cerca do 20 % e o modelo A (entón maioritario) un 35 %. A partir da aplicación do Decreto de 1983 e a posta en marcha oficial dos modelos, a maioría do alumnado escolarizado no modelo castelán (X) pasa a engrosar as aulas do modelo A, aínda que rapidamente se inverte a tendencia e o alumnado do modelo A comeza a descender dunha maneira continuada.  

Seguindo a evolución dos últimos 26 anos, o modelo A (en castelán) pasou do 48% no curso 1983-84, ao 5 % no curso 2008-09, na Comunidade Autónoma do País Vasco (Goberno Vasco, 2008). A matrícula para o curso 2008-09 foi do seguinte modo: modelo A (5 %), modelo B (24 %), modelo D (70 %) e modelo X (0,5 %).
Por diversas razóns (éxito, prestixio, estatus, experiencia, motivación, etc.) moitas familias elixen os modelos máis intensivos en éuscaro. Socialmente, na práctica, o modelo A está sendo abandonado, e todo parece indicar que o será moito máis co paso do tempo, ata desaparecer. As familias parecen ter claro que o modelo A  non produce resultados satisfactorios en canto á aprendizaxe do éuscaro e sinxelamente tenden a non tomalo como opción educativa. O modelo B, mixto, tende a permanecer constante arredor do 25 %.


8. O perigo da división social. Constatamos nas nosas investigacións e nas doutros expertos (Etxeberria, 1995; Elzo, 2002) 12, que a existencia de dous modos de escolarización, éuscaro e castelán, especialmente na ensinanza secundaria, supón un gran lastre para a convivencia no centro. A diferente escolarización destes dous colectivos humanos parece ter algunha influenza na presenza de dúas mentalidades, dous grupos distintos: vascofalantes e castelanfalantes, e que as actitudes e os prexuízos entre ambos os colectivos veñen motivadas en certa medida polo tipo de modelo lingüístico empregado na aula. Nunha sociedade ameazada pola división social non parece conveniente a práctica de dous modelos diferenciados na escola.  

De feito, na lexislación catalá sobre educación e lingua (Lei de normalización lingüística de 1983 e Lei de política lingüística de 1998) 13 especifícase que o alumnado non será separado en función da súa lingua habitual. Esta circunstancia é valorada como positiva por todo o espectro social e político catalán, así como polos tribunais Superior e Constitucional. Se o argumento é válido na sociedade catalá, cremos que é igualmente defendible na sociedade vasca.  
Desde un punto de vista intercultural, de integración das diferenzas e da defensa da convivencia entre culturas e linguas, a presenza de alumnado de distintas orixes debe ser contemplada como un elemento de integración escolar e social. É o enfoque máis aceptado no caso da escolarización de alumnado inmigrante. Do mesmo modo, defendemos que o alumnado estea xunto nas mesmas aulas, nun único modelo, como unha vía para unha maior integración e como un modo de evitar a creación de dúas mentalidades ou dúas comunidades.  

Somos conscientes de que o modelo lingüístico vai asociado nalgúns casos a un currículo cultural diferente, facendo que unha porcentaxe significativa de familias vexan con reticencia o modelo D por razóns extralingüísticas. Isto require un debate, xa iniciado 14, en relación aos contidos, valores e actitudes que deben ensinarse nas nosas escolas. Será necesario poñerse de acordo neste tema curricular e definir consensuadamente qué contidos e valores deben formar parte do currículo escolar e, dese modo, cada vez terá menos argumentos a defensa de modelos diferenciados de intensidade na ensinanza do éuscaro.  

9. Escolarización e integración de alumnado inmigrante.  Á hora de integrar socialmente o alumnado inmigrante, o sistema dos modelos lingüísticos na escola supón un mecanismo máis de selección e de marxinación. O modelo A, en moitos casos, estase convertendo no lugar de escolarización dos grupos marxinais. Na actualidade, nalgunhas escolas, o modelo A escolariza xitanos, inmigrantes, alumnado en risco e, en xeral, aos que teñen algún tipo de dificultade social e económica, converténdose nunha especie de gueto ao que acode o alumnado en proceso de marxinalización.  
Esta é a estatística da escolarización do alumnado inmigrante segundo o modelo lingüístico:

TÁBOA 8. ALUMNADO ESTRANXEIRO E TOTAL, SEGUNDO MODELO LINGÜÍSTICO. CAPV, 2005-2006.


Fonte: Goberno Vasco, Departamento de Educación, Universidades e Investigación, 2006.

Existe un fenómeno de inversión nas porcentaxes de alumnado inmigrante e a totalidade e a partir destes datos podemos constatar que o alumnado inmigrante se escolariza no modelo A nunha proporción dobre á que o fai a globalidade do alumnado nas escolas vascas. Do mesmo modo, soamente un 22,8 % do alumnado inmigrante escolarízase no modelo D, mentres que máis do 51 % do total de alumnado faino nese modelo.

 

Por que o alumnado inmigrante elixe en maior proporción os modelos A e B?

Non existe un só factor influínte e ademais, determinadas variables teñen maior forza nuns sitios e menos noutros. Hai moitos elementos en xogo. Nalgúns casos predominan os desexos da familia, noutros o descoñecemento. Ás veces é o interese do propio centro escolar o que prevalece sobre outros factores, porque teñen pouco alumnado ou porque teñen demasiada matrícula. Nalgúns casos son os responsables municipais ou educativos os que orientan, paradoxicamente, ao alumnado inmigrante ao citado modelo A. Sempre parece haber unha razón ou máis para que o alumnado inmigrante acabe decantándose polos modelos máis castelanfalantes (Zapata, M. 2005; Septien, J.M., 2006; Etxeberria, 2006) 15. Moitas das razóns para optar polo modelo A son extralingüísticas, obedecendo ás vantaxes que proporciona un determinado centro en canto a servizos, proximidade, economía, etc. Cremos que é necesario ter en conta todo isto á hora de asesorar as familias inmigrantes para que tomen en consideración o feito de que, sen un coñecemento do éuscaro, os seus fillos correrán o risco de caer nun grao maior de marxinación. Que ocorrerá dentro de dez ou vinte anos cos nenos e nenas que non aprendan éuscaro? Que tipo de integración escolar e social estamos construíndo?

10. Inglés temperán. Actualmente, a ensinanza do inglés a idade temperá estendeuse dun modo xeral. Os nenos e nenas comezan a estudalo aos 4 anos, como lingua estranxeira. Esfórzanse por ensinalo de modo intensivo, co fin de que a súa aprendizaxe sexa práctica e instrumental (Aliaga, 2001; Garagorri, 2000).

Á parte das consideracións sobre a conveniencia da ensinanza do inglés precoz, cando somos unha das poucas experiencias mundiais nese terreo, temos unhas circunstancias nada favorables, o peso das modas e da competitividade entre os colexios para captar alumnado (Etxeberria, F., Ruiz Bikandi, U. 2002) 16, existen dentro deste programa algúns aspectos que poden servir para argumentar a necesidade de abandonar o actual sistema de modelos e avogar polo modelo D.

Unha das grandes preocupacións dos defensores deste tipo de programa de aprendizaxe precoz da lingua estranxeira é que poida converterse en vehículo de ensinanza para determinadas materias, polo menos na ensinanza secundaria. Que pasará aos 14 anos cando o alumnado teña que cursar algunhas materias en inglés? Os promotores da iniciativa chaman a atención sobre os risco de poñer en marcha programas con moita ilusión que logo poden acabar en frustración, “hai unha demanda grande a favor da educación trilingüe precoz, está de moda e véndese moito, pero para que esa renovación sexa proveitosa é necesario cumprir unha serie de condicións de organización e xestión, por iso defendemos o plurilingüismo precoz, pero non de calquera maneira”. 17

Hai un recoñecemento expreso de que a ensinanza dunha lingua debe cumprir varios requisitos, entre os que hai que subliñar que a súa utilización pase de ser pasiva a ser activa, é dicir, que a dita lingua sexa utilizada como vía para a aprendizaxe doutras materias e como uso cotiá. Se non se consegue esta condición, dificilmente pode motivarse ao alumnado para que esa lingua pase a converterse en lingua de ensinanza na etapa secundaria. Son os mesmos argumentos que utilizamos para a defensa do modelo D e o rexeitamento ao modelo A, porque este modelo non garante o uso normalizado do éuscaro e non serve para que o alumnado, nin sequera na etapa secundaria, poida utilizar a lingua vasca como vía de ensinanza.

Se aceptamos que a ensinanza do inglés precoz non pode realizarse “de calquera maneira”, porque do contrario se hipotecaría a súa continuidade e utilización vehicular na ensinanza secundaria: como podemos aceptar que a ensinanza do éuscaro se realice “de calquera maneira”, tal e como se fai actualmente no modelo A?

11. Evolución Política. Durante moitos anos, os partidos políticos defensores de “manter o modelo A tal e como está” tiveron unha representación aproximada do 40%, (eleccións 2004), pero as familias da CAV elixen o modelo A soamente nun 8 %, o que indica que o debate, en lugar de ser lingüístico, tivo lugar no plano político.  
No ano 2005 o Parlamento Vasco, co voto favorable de todos os grupos, excepto o Partido Popular, aprobou unha iniciativa que insta á Consellería de Educación a modificar a normativa en materia de ensinanza e cambiar os modelos lingüísticos do sistema educativo vasco antes de febreiro de 2007 para “garantir” a aplicación das dúas linguas oficiais por parte do alumnado.

En novembro de 2005, o grupo parlamentario “Socialistas Vascos Euskal Sozialistak” presentou unha proposición non de lei para debater no pleno do Parlamento Vasco, co fin de dar un tratamento trilingüe á Educación Vasca. Nesta proposición deféndese a apertura dunha convocatoria dirixida aos centros públicos para que “inicien un tratamento lingüístico sobre a base dun só modelo mixto e flexible con presenza variable das dúas linguas, éuscaro e castelán, aplicadas en diferentes momentos e en diferentes partes do currículo”. Nesta convocatoria indícase tamén que se deberá “contar co consentimento do profesorado do centro e co asentimento das familias”. Ademais, contemplarase “tamén a presenza curricular do inglés”.

Lamentablemente, a proposta aprobada polo Parlamento Vasco, en novembro de 2005, para instar ao Departamento de Educación a deseñar un novo sistema que supere os actuais modelos lingüísticos, A (castelán), B (mixto) e D (éuscaro) e a presentalo para febreiro de 2007, non deu os seus froitos. En marzo de 2007 presentouse un borrador denominado “Marco para a Ensinanza e Aprendizaxe das linguas na CAPV”, pero por diversas razóns, o proxecto de lei non viu a luz ata setembro de 2008. Por outra parte, á vista da falta de apoios, o Departamento de Educación decidiu a finais de setembro retirar a proposta e preparar outra, flexibilizando algúns aspectos, coa esperanza de contar con máis adhesións. A nova proposta realizouse en novembro do mesmo ano, pero tampouco parece contar cos suficientes votos e probablemente terá que esperar á próxima lexislatura de 2009.

 

Cambiar os modelos  ou transición “suave”?

Analizando os últimos anos da matriculación da ensinanza infantil, compróbase que o alumnado do modelo A no curso 2003-04 representaba o 8,3 %, mentres que no curso 2008-09 son o 4,8 %. No mesmo período de tempo, o alumnado do modelo D pasou do 61,9 % ao 70,2 %, e os do modelo B pasan do 29,2 % ao 24,4 %. Polo tanto, en menos de 10 anos parece que o transvase do alumnado do modelo A e B ao modelo D suporía na práctica a desaparición do modelo A e a configuración dun sistema dual: o modelo D co 80 % e o modelo B co 20 %.

TÁBOA 10.  MATRÍCULA EN EDUCACIÓN INFANTIL 2003-2008, SEGUNDO MODELOS


Á vista desta tendencia da matriculación infantil cabe facerse a pregunta sobre cál é a vía máis idónea para conseguir que o alumnado estea nos modelos que teñen algunha opción de euscaldunizar realmente aos nenos e nenas. Cambiar o sistema de modelos conforme ao proxecto da nova lei? Deixar que de modo natural, en menos de 10 anos, a realidade sexa similar á que pretende a nova lei? A primeira opción parece a máis lóxica á vista das investigacións e resultados en éuscaro. Por outra parte, é indubidable que a segunda opción espertaría menos reticencias entre quen pensa que non se lle respecta o dereito a elixir a lingua de escolarización. Cal é a opción máis prudente e adecuada?

 

O Novo Decreto de 2010 do Goberno Vasco

A Consellería de Educación (PSE) do Goberno Vasco presentou en 2010 o novo Marco Educación Trilingüe, “…cun propósito claro: superar o sistema de modelos…” e para iso propón que as tres linguas, castelán, éuscaro e lingua estranxeira se deberán utilizar, como mínimo 5-6 horas semanais. É a nova Educación Trilingüe que se apoia nunhas bases, como mínimo, discutibles.

 

Bos resultados?

Na proposta afírmase unha e outra vez que o sistema bilingüe “deu bos resultados”, que o noso sistema educativo “culminou de maneira exitosa ….. a extensión do éuscaro na nosa educación”, e parece que os éxitos son definitivos, posto que asegura que “…soubemos resolver de forma exitosa un proceso de tal envergadura e complexidade…”.

De verdade pódese defender que estamos conseguindo bos resultados? É indubidable que o éuscaro avanza na educación, pero a existencia dun 33 % do alumnado global que non supera o nivel inicial de éuscaro non permite afirmar que o tema estea resolto. Se temos en conta o alumnado do modelo A, co 85 % que non supera o nivel inicial de éuscaro, podemos asegurar xusto todo o contrario: temos un grave problema educativo.  

 

Novo marco de Educación Trilingüe?

Saber inglés é importante para unha parte do alumnado, non imos poñelo en dúbida. Pero o que todos os nenos e nenas do País Vasco deben dominar ao terminar a escolaridade é o éuscaro e o castelán. Non coñezo ningún experto en linguas e en educación que defenda que cunha lingua débil, o éuscaro, debamos introducir unha lingua estranxeira a idades temperás. Non coñezo ningunha experiencia en Europa, con linguas tan diferenciadas como as nosas, que aplique este modelo trilingüe aos 4 anos.  

Sabemos que o currículo semanal desenvólvese en 25 horas lectivas e que se subimos as horas do inglés das 2,5 actuais ás 5 horas, como mínimo, propostas: a quen lle quitamos tempo? A outras actividades que se poden desenvolver en éuscaro. É dicir, o éuscaro baixará máis aínda, diluirase, debilitarase máis.  

Desde a Consellería de Educación afírmase que non vai haber “unha desviación dos obxectivos marcados para as nosas dúas linguas oficiais ou unha mingua dos esforzos e medios para logralos”. Pero isto mesmo é outra mensaxe contraditoria, se reparamos en dous aspectos. Primeiro, os obxectivos para as nosas dúas linguas están marcados na Lei de 1993, que di que todos os alumnos e alumnas deben dominar o éuscaro e castelán ao acabar a súa escolarización. Como vai conseguir iso? A clave está no segundo aspecto, “non vai haber unha mingua de esforzos” (pero tampouco van aumentar), polo que imos seguir como estabamos ou peor, porque o inglés vai quitarlle horas ao éuscaro. Como imos superar o actual sistema de modelos? Como imos pasar ese listón? Por debaixo.  


Europa

A proposta do Marco Trilingüe quere facernos ver que o das tres linguas por igual é algo que encaixa con Europa. Pero as institucións europeas deixaron ben claro coa Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias de 1992, que as linguas minoritarias deben ser protexidas e aseguradas.

Se un dos obxectivos finais da educación é que o alumnado domine as dúas linguas, é evidente que tratando as dúas linguas por igual non se chega a esa  meta. Así o entendeu o Parlamento Europeo que aprobou unha resolución a favor do multilingüismo en 2009, cos votos en contra do PP, para defender un maior apoio ás linguas minoritarias.  

 

Consello Escolar de Euskadi

Coa proposta do Marco de Educación Trilingüe non se teñen en conta as recomendacións do Consello Escolar de Euskadi, de decembro de 2009. Nese Ditame, o Consello insiste unha e outra vez en que se “explicite unha mensaxe positiva de atención preferente cara ao éuscaro”, e recorda que “hai que superar o actual sistema de modelos, pois non garante resultados ao conxunto do alumnado…” e considera fundamental proporcionar os recursos legais, organizativos, humanos e materiais necesarios, dentro e fóra da escola, para alcanzar os obxectivos respecto ao éuscaro.  

Na proposta da Consellería, polo contrario, non aparece ningunha destas referencias do Consello Escolar de Euskadi.

 

Galicia ou Cataluña?

En Cataluña fanse as cousas doutra maneira. A Lei de Educación de Cataluña, baixo o mandato do presidente Montilla, defende que o alumnado non poderá ser separado nin por centros nin por grupos en función da súa lingua. Ademais, a norma blinda a inmersión lingüística catalá e resolve o debate da inclusión dunha terceira hora de castelán nos seis cursos de Primaria. Nada de aumentar a 5-6 horas o castelán e moito menos o inglés.  

Desde a Consellería de Educación do Goberno Vasco prefiren o modelo galego ou o navarro, os dous do PP. En xaneiro deste ano 2010, o goberno galego do PP de Feijoo propuxo un plan de reforma coas tres linguas por igual (galego, castelán e inglés ao 33 %) e recibiu o rexeitamento dunha boa parte da comunidade galega, que non se deixa enganar coa aparencia de “modernidade” e de utilizar o reclamo do inglés para diluír o galego na ensinanza. Ao igual que en Galicia, haberá que preguntarse se non chegou o momento de reclamar, nas tres linguas, máis protección para a lingua debilitada en Euskadi:

  • Euskarak babes gehiago behar du.
  • El euskara necesita más protección.
  • Basque Language needs more protection.

 

 

Bibliografía

Aliaga, R (2001): Ingelesaren sarrera goiztiarra eskola publikoetan. Conferencia no curso de verán “Educación trilingüe en el País Vasco”.
Altuna, Olatz (2007): Medición del uso del euskara en Euskal Herria. www.soziolinguistika.org
Aristi e outros, (1979): El lenguaje en la Educación preescolar y ciclo preparatorio. Vasco-Castellano. M.E.C. Madrid.
Azurmendi, M.J. and Martinez de Luna, I. (eds): 2006): The case of Basque. Past, Present and Future. Soziolinguistika Klusterra. Donostia-San Sebastian.
Baker, C. (1998): Fundamentos de Educación bilingüe y bilingüismo. Ed. Cátedra. Madrid.
Cenoz, Jasone (Ed) (2008): Teaching Through Basque. Achievements and Challenges. Multicultural Matters. Clevedon. UK.
C.I.S. (1999): Estudio sobre el bilingüismo en las Comunidades Autónomas. Centro de Estudios Sociológicos. Madrid.
CONSEIL DE L`EUROPE (1992): Charte européenne des langues regionales ou minoritaires. Strasbourg.
Elzo, J. (2002): Los jóvenes vascos. Fundación Santamaría. Deusto.
Etxeberria, Felix (1997): Bilingualism and Biculturalism in the Basque Country. In Educational Review. Vol. 49, nº 2.
Etxeberria, F. (1999): Bilingüismo y educación en el País del Euskara. Erein. Donostia.
Etxeberria, F.; Ruiz Bikandi, U. (2002): ¿Trilingües a los 4 años? Ibaeta Pedagogía. Donostia.
Etxeberria, F. (2004): 40 años de educación bilingüe en el País del euskara. Revista de Educación. Nº 334. Mayo-Agosto. M.E.C. Madrid.
Etxeberria, F. (2005): Elebitasuna eta hezkuntza euskararen herrian. Erein. Donostia.
Etxeberria, F. (2006): Ikasle etorkinak eta euskara. Jakin Aldizkaria. 154. zenbakia.
EUSTAT (2004): Estadística de la enseñanza. Instituto Vasco de Estadística. Vitoria-Gasteiz.
Gardner, Nick (2000): Basque in Education in the Basque Authonomous Community. Goberno Vasco. Bilbao.
Garagorri, X. (2000): “Eleaniztasun goiztiarrari bai baina ez edonola”. En IV JORNADAS INTERNACIONALES DE EDUCACIÓN PLURILINGÜE. Nuevos caminos para la enseñanza plurilingüe. Eusko Ikaskuntza. Ikastaria Cuadernos de Educación nº 11. Donostia.
Goberno Vasco (1993): Ley de la Escuela Pública Vasca. Servicio Central de publicaciones. Goberno Vasco. Vitoria.
Goberno Vasco (2006): IV Encuesta Sociolingüística. Vitoria-Gasteiz. www.euskadi.net
HIK-HASI (1999): Euskal Herriko baliabide pedagogikoen gida. Xangorin. Donostia.
ISEI-IVEI (2005): Euskararen B2 maila. Derrigorrezko irakaskuntzaren amaieran (DBH4). Eusko Jaurlaritza. Vitoria-Gasteiz.
KILLILEA (1994): Informe da Comisión de Cultura, Xuventude, Educación e Medios de Comunicación sobre as minorías culturais e lingüísticas da Comunidade Europea. Parlamento europeo.
KONTSEILUA (1998): Euskararen Unibertso Jardunaldiak. Donostia.
KUIJPERS, W. (1987): Dictame sobre as linguas e culturas das minorías rexionais e étnicas na Comunidade. Parlamento Europeo.
Lambert, W. eta Tucker, G. (1972): The bilingual education of children: The St. Lambert experiment. Rowley, Mass: Newbury House.
Lambert, W. (1981): Un experimento canadiense sobre desarrollo de competencia bilingüe: programa de cambio de lengua hogar escuela. In Revista de Educación. Educación y Bilingüismo. M.E.C. Madrid. Nº 268. pp. 167-177.
Septien, J.M. (2006): Mugarik gabeko eskola. Ikasle etorkinen irakaskuntza Araban. Ararteko. Vitoria-Gasteiz.
Siguan-Makey (1986): Educación y bilingüismo. In Santillana/UNESCO. Madrid.
SIGUAN, M. (1994b): Conocimiento y uso de las lenguas en España. Centro de Investigaciones Sociológicas. Madrid.
Titone, R. (1976a): Bilingües a los tres años. Kapelusz. Madrid.
Titone, R. (1976b): Bilingüismo y educación. Fontanella. Barcelona.
Torrealday, J.M. (1981): Elebitasunaren auzia ikastoletan. JAKIN Aldizkaria. Zk. 19-20. Donostia.
UNESCO (1953): Emprego das linguas vernáculas na ensinanza. París.
UNESCO (2003): A Educación nun mundo plurilingüe. París.
Varios (1980): La problemática del bilingüismo en el Estado español. I.C.E. Universidad PaísVasco.
Zapata, M. (2006): Etorkinak eta hizkuntza-ereduak. Hasierako Diagnostikoa. Kontseilua.

 


Felix Etxeberria         
Euskal Herriko Unibertsitatea 
fetxeberria@sc.ehu.es


1: A bibliografía en inglés sobre este tema pode ampliarse cos seguintes títulos:

Azurmendi, M. J. and Martinez de Luna, I. (eds.) (2006): The case of Basque. Past, Present and Future. Soziolinguistika Klusterra. Donostia-San Sebastian.
Cenoz, Jasone (Ed) (2008): Teaching Through Basque. Achievements and Challenges. Multicultural Matters. Clevedon. UK.

2: A partir deste momento, cando falemos do País Vasco referirémonos exclusivamente á Comunidade Autónoma do País Vasco, ou Euskadi, que é dos tres territorios o que mellores condicións reúne en relación á conservación e desenvolvemento da lingua vasca. No caso de Navarra, a situación é moito menos favorable, aínda que con certos riscos positivos. No País Vasco francés o panorama respecto á lingua vasca é dramático, posto que nin sequera está recoñecida como lingua oficial. 

3: Aristi e outros, (1979): El lenguaje en la Educación preescolar y ciclo preparatorio. Vasco-Castellano. M.E.C. Madrid

4: Torrealday, J.M. (1981): Elebitasunaren auzia ikastoletan. JAKIN Aldizkaria. Zk. 19-20. Donostia.

5: Varios (1980): La problemática del bilingüismo en el Estado español. I.C.E. Universidade do País Vasco. Bilbao.

6: Europako Kontseilua. Strasbourg, 1992, XI, 5

7: LOE, 2006. www.mec.es

8: http://www6.gencat.net/llengcat/legis/cat/lpl_cap3.htm

9: UNESCO (1953): Emprego das linguas vernáculas na ensinanza. París.

10: www.ehige.org, www.korrika.org

11: www.katalogoa.org, www.hezkuntza.net, www.ikastola.net, www.hikhasi.com

12: Elzo, J. (2002): Los jóvenes vascos. Fundación Santamaría. Deusto.
         Etxeberria, F. (1995): Análisis de las actitudes y comportamientos culturales de los alumnos de Enseñanza Media del País Vasco. Investigación financiada pola Universidade do País Vasco.

13: http://www6.gencat.net/llengcat/legis/cat/lpl_cap3.htm

14: Na actualidade existen dous proxectos para definir o que vai ser o currículo escolar vasco.

15: Septien, J.M. (2006): Mugarik gabeko eskola. Ikasle etorkinen irakaskuntza Araban. Ararteko. Vitoria-Gasteiz
Zapata, M. (2006): Etorkinak eta hizkuntza-ereduak. Hasierako Diagnostikoa. Kontseilua
Etxeberria, F. (2006): Ikasle etorkinak eta euskara. Jakin Aldizkaria. 154. zenbakia.

16: Etxeberria, F.; Ruiz Bikandi, U. (2002): ¿Trilingües a los 4 años? Ibaeta Pedagogía. Donostia.

17:Garagorri, X. (2000): “Eleaniztasun goiztiarrari bai baina ez edonola”. En IV JORNADAS INTERNACIONALES DE EDUCACIÓN PLURILINGÜE. Nuevos caminos para la enseñanza plurilingüe. Eusko Ikaskuntza. Ikastaria Cuadernos de Educación nº 11. Donostia.

 

*Artigo traducido do orixinal en castelán.

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976