Xosé Luís Janeiro Espiñeira
Xosé Luís Janeiro Espiñeira (Bugarín -Cerdedo- Pontevedra, 1962), licenciouse en Filoloxía Galega e en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e en Dereito pola UNED. Na actualidade é catedrático de Lingua galega e literatura no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, avogado do Ilustre Colexio de Pontevedra e profesor asociado na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Como xurilingüista, tense achegado ao binomio lingua e dereito, tanto desde o punto de vista xurídico como lingüístico. Arredor desta temática ten pronunciado diversas conferencias e publicado varios traballos críticos e recensións. Entre outros, pódense mencionar títulos como “A lingua das Administracións públicas”, “A reforma da LOPX e o seu virtual significado lingüístico: o artigo 231.4”, “Cooficialidade lingüística e tradución xurídica, dúas notables ausencias no ensino universitario do dereito”, “O universo xurídico en orde alfabética” ou “A fe notarial nunha linguaxe xurídica propia”.
Andrés Alonso Álvarez
Andrés Alonso Álvarez naceu en Ourense en 1962, onde leva desde o curso 1986-1987 adicado á docencia da disciplina de Lingua galega e literatura no ensino secundario, actualmente no IES Blanco Amor. Foi profesor invitado pola Universidade de Vigo nas disciplinas “Lingua Galega” e “Desenvolvemento das habilidades lingüísticas e a súa didáctica II” na Facultade de CC. da Educación de Ourense. Ten as licenciaturas de Filoloxía Hispánica e de Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, así como a de Dereito pola UNED. No ano 2004 doutorouse cum laude en Dereito na Universidade de Vigo coa tese Las lenguas y la Constitución de 1978. Ten participado como relator en cursos de lexislación lingüística para docentes. Dentro da súa investigación no terreo xurídico-lingüístico destaca a súa participación na VIII Conferencia internacional de linguas minoritarias (Santiago, 2002), no Boletín de la Facultad de Derecho de la UNED (2005) e na Revista de Llengua i Dret (2006).
Os autores
Nº3: abril-xuño 2013
Xosé Luís Janeiro Espiñeira, Andrés Alonso Álvarez
A lingua galega no ensino: reflexións sobre o decreto 124/2007
Tempus fugit. Este artigo é froito dun Curso de especialización en planificación lingüística nos centros de ensino, celebrado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en Santiago de Compostela nos derradeiros meses do ano 2007, no que os autores participaron como relatores. Estaba destinado a formar parte das actas desta actividade pero, lamentablemente, estas non chegaron a saír do prelo. Coidamos de interese analizar o decreto que foi o cumio da lexislación pro galego, así que aquí o trasladamos, coas necesarias actualizacións despois do tempo decorrido. Enténdase, xa que logo, como unha ollada ao pasado como reflexión do presente. Un ulterior artigo analizará o actual decreto de 2010, o que explica certas ausencias na análise que vén a seguir.
Versión en PDF
O MARCO SUPRALEGAL DO DECRETO
O Decreto 124/2007, que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, constitúe un precipitado a partir de tres xeiras xurídicas fundamentais.
A primeira delas é o chamado “bloque da constitucionalidade”, a normativa lingüística máis importante, xerada pola Constitución española de 1978 (CE) e máis o Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 (EAG).
A segunda en rango normativo é a Lei de normalización lingüística de Galicia de 1983 (LNL), que concreta as disposicións anteriores, por forza demasiado xerais.
A terceira etapa está formada polos decretos de introdución do galego como lingua vehicular no ensino que foron aparecendo desde finais dos anos 80 do século pasado. Este chanzo xa significa claramente “estar metido en fariña”. A diferenza das tiradas anteriores, non hai aquí superioridade normativa con respecto ao Decreto 124/2007, que sería unha actualización destes.
Vexamos, a seguir, os elementos xurídico-lingüísticos que toda esta lexislación establece, limitándonos aos seus efectos no ensino.
Constitución española de 1978
Art. 3
1. O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala.
2. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.
3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
A declaración da oficialidade comporta que debe ser obrigatorio que esa lingua sexa unha das disciplinas do sistema regrado do ensino. Tamén permite, pero non obriga, que sexa lingua vehicular doutras materias. Para o castelán queda claro por ser lingua oficial do Estado e existir o deber de coñecela. Para as demais linguas, a certeza queda adiada ata a aprobación estatutaria, aínda que non faltan na literatura xurídica defensores da súa oficialidade ex constitutione1.
O art. 3.3 pode servir de aval para introducir nalgún tramo do sistema educativo, incluso obrigatoriamente, unha disciplina de estudo dunha das linguas de España que non sexan oficiais nunha determinada Comunidade autónoma. O ensino debe comportar un enriquecemento intelectual universal, pero a partir dos valores culturais propios e, neste sentido, non resulta discriminatorio a obriga de estudo dun idioma da terra. Dependendo dos contextos poderá ser cuestionable, como prescribir o ensino dunha ou outra lingua estranxeira, pero non conculca legalidade ningunha.
Estatuto de autonomía de Galicia de 1981
Art. 5
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
O garantido anteriormente pola Constitución para o castelán queda asegurado tamén para o galego coa confirmación da súa oficialidade. O dereito a coñecer os idiomas oficiais, en semellante contexto, tamén dá pulo á súa introdución na ensinanza. Salientamos o do contexto porque doutro xeito sería unha verdade de pé de banco (quen non ten dereito a coñecer calquera idioma?). Ademais, o concepto de lingua propia permite unha especial atención ao galego no ensino. As medidas de discriminación positiva tamén virán avaladas polo desexo de normalización do noso idioma que pregoa a alínea 3, coa limitación da 4.
Art. 27
No marco do presente Estatuto correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva das seguintes materias […]
20. A promoción e o ensino da lingua galega.
Parece lóxico que esta competencia sexa autonómica, pensando ademais no feito de que, correlativamente, pode existir unha competencia exclusiva de normalización lingüística, aceptada por parte da literatura xurídica2 e por algunhas sentenzas da sinuosa xurisprudencia do Tribunal Constitucional3.
A Lei de normalización lingüística de Galicia de 1983 consagra a oficialidade do galego en todos os niveis educativos (art. 12.1), así como o modelo de conxunción lingüística.
Art. 13.3
Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas diferentes.
Rexéitase, xa que logo, o modelo de separación lingüística seguido en CCAA coma o País Vasco e Navarra. É unha organización escolar que ten a vantaxe de permitir aos pais escoller a lingua vehicular para o ensino dos seus fillos; mais tamén arrastra a desvantaxe de que os coñecementos finais da lingua minoritaria son pouco satisfactorios (o caso do modelo A nas CCAA citadas, onde o vasco só se emprega na materia específica de lingua e literatura). O modelo de conxunción lingüística suscita os aplausos e apupos contrarios. A sentenza do Tribunal Constitucional 334/1994 sancionou a súa constitucionalidade. Consonte ao seu fundamento xurídico 9, o deber de coñecemento do castelán do 3.1 CE non implica un dereito a recibir as ensinanzas só nese idioma, e o art. 27 tampouco establece un dereito a escoller un ensino só nunha das linguas oficiais. O que si resulta esixible é que o castelán non quede relegado á materia específica de lingua e literatura (f.x. 10). Cómpre tamén progresividade na implantación deste modelo, para evitar que o alumnado reciba ensinanzas nunha lingua incomprensible. Especial atención haberá que prestar aos discentes procedentes doutras CCAA, para non entorpecer por vía escolar o traslado dunha Comunidade a outra (o que conculcaría o art. 139.2 CE).
O terceiro chanzo lexislativo é o que desenvolve a LNL, do que constitúen exemplos para a antiga EXB e BUP o Decreto 135/1983 e mais a Orde do 1 de marzo de 1988, e para a ESO e bacharelato LOXSE o Decreto 247/1995, modificado polo 66/1997. Malia non poder detérmonos na súa análise4, a valoración do decreto actual esixiranos máis adiante referencias á lexislación inmediatamente anterior.
O GALEGO, LINGUA DE TRABALLO NA ADMINISTRACIÓN ESCOLAR
O artigo 2 do Decreto 124/2007 consagra a galega como lingua de traballo na Administración escolar. Non ten carácter exclusivo, como se deduce da rexouba “con carácter xeral” que aparece en cada alínea. Son os mesmos termos que empregaba o Decreto 66/1997, que adaptaba o Decreto 247/1995 ao veredicto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia: na súa sentenza 131/1996 estimaba que a exclusividade do galego na Administración educativa constituía unha discriminación respecto ao castelán, inaceptable polo noso ordenamento. A sentenza do Tribunal Constitucional 334/1994, f.x. 21, inspiraba esta doutrina. O decreto adáptase a estes ditados de tres formas:
- En primeiro lugar, uso xeral do galego por parte do persoal ao servizo da Administración. O uso do galego abrangue tanto a esfera interna (o propio centro educativo, as relacións coa Consellería de Educación…) como a externa (relacións con outras administracións galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galicia). É de difícil aclaración o remate da alínea 1, onde di “sen que iso supoña unha restrición dos dereitos do persoal docente”. Supoñemos que trata de diferenciar o traballo meramente administrativo do que ten un marcado carácter docente, pois se non constituiría un privilexio dos ensinantes con respecto ao resto de traballadores da Administración educativa.
- En segundo lugar, uso obrigado dos dous idiomas, para cumprir co establecido no artigo 36.3 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que reza así:
Os expedientes ou as partes dos mesmos redactados nunha lingua cooficial distinta do castelán, cando vaian surtir efectos fóra do territorio da Comunidade Autónoma, deberán ser traducidos ao castelán pola Administración Pública instrutora.
O Decreto 247/1995 establecía a redacción en galego das actuacións administrativas que se realizasen por solicitude da persoa interesada, “agás nos casos en que ela pida que se faga en castelán”. O decreto actual di que “se redactarán en galego os procedementos tramitados por petición dos interesados”. Intuímos que a diferenza estriba en que agora se salienta a necesidade de instrución en galego, salvagardando o dereito á recepción persoal da versión traducida ao castelán.
- En terceiro lugar, uso obrigado do castelán, para as comunicacións con outras Comunidades autónomas e cos órganos da Administración do Estado radicados fóra dos límites territoriais galegos.
Os obxectivos do decreto non se poden conseguir sen o alicerce que constitúe o coñecemento do idioma polos traballadores da comunidade educativa, independentemente de que sexan ou non docentes. Tres son as disposicións a ter en conta nesta cuestión:
- Unha de carácter xeral, que xa estaba incluída no anterior decreto de 1995. Trátase de estender o coñecemento activo e pasivo do galego a todo o persoal que dependa da Consellería de Educación. Aínda que a súa execución será gradual, estipúlase que se fixen prazos para evitar que todo quede nunca abstracción sen albiscar remate para o seu cumprimento. A alusión a que ese coñecemento vaia acompañado do referido a “aspectos sociolingüísticos do idioma” parece suxerir a importancia de que o uso do galego se incremente evitando con habelencia os posibles conflitos con sectores refractarios a esa extensión.
- Quere evitarse que o novo funcionariado se incorpore ás aulas cun coñecemento do idioma pouco axeitado para a súa docencia. Por iso, este colectivo realizará durante a fase de prácticas un curso de formación específico enfocado á súa especialidade. Lamentablemente, os cursos que se impartían ata agora eran moi xerais e unha persoa podía aprobalos sen coñecer nin migalla da terminoloxía específica da súa materia.
- A referencia aos traslados de funcionarios. O traslado non será posible para aquelas prazas nas que sexa preceptivo o uso do galego se non se demostra o seu dominio.
ÁMBITO ESPACIAL E TEMPORAL
O art. 1 do decreto di que é de aplicación obrigatoria para as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, de educación (LOE), o que abrangue todo o ensino non universitario: infantil, primaria, ESO, bacharelato, formación profesional, ensinanzas artísticas, ensinanza de idiomas, ensinanzas deportivas e educación de persoas adultas. A seguir, comentamos os avances con respecto á lexislación anterior.
Na educación infantil, no Decreto 247/1995 o ensino era na lingua materna predominante dos discentes, prestando atención á introdución da outra. No Decreto 124/2007, o mesmo se estipula para un contorno galegofalante. Se se trata dun contorno castelanfalante, o galego debe usarse na mesma porcentaxe có castelán. En todos os casos a lectoescritura debe partir do galego como idioma base.
Na educación primaria, o Decreto 247/1995 distinguía entre o primeiro ciclo e os restantes. Para o 1º ciclo persistían as condicións do ensino infantil; para o 2º e 3º ciclos, debían impartirse dúas áreas en galego, e especificaba que unha delas sería a de Coñecemento do medio. O Decreto 124/2007 establece o galego como instrumento de ensino de Coñecemento do medio, Matemáticas e Educación para a cidadanía.
Na ESO, o Decreto 247/1995 establecía o uso do galego para Ciencias sociais (xeografía e historia), Ciencias da natureza e, dentro das optativas, Ciencias medioambientais e da saúde e a materia ofertada polo centro. O Decreto 124/2007 estipula que deben impartirse en galego Ciencias da natureza (que abrangue bioloxía e xeoloxía, física e química), Ciencias sociais, (xeografía e historia), Matemáticas e Educación para a cidadanía.
No ensino de adultos a novidade é total pois nada dicía a lexislación anterior. O Decreto 124/2007ordena un mínimo do cincuenta por cento da docencia en galego para os niveis máis básicos. Pero para os niveis da ESO e de bacharelato “as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas”. A excepción serían lingua castelá e as estranxeiras. Tamén as clásicas? Non parece que estea no espírito da lexislación inserilas no grupo anterior, pero a redacción incita á ambigüidade. Botamos de menos un razoamento sobre esta diferenza porcentual con respecto a outros ámbitos do ensino. O sector de máis idade autóctono ten un coñecemento popular do galego superior aos máis novos, pero xustamente o contrario no plano intelectual, pois non recibiron ensino ningún no noso idioma. Por outra banda, se pensamos na escolarización da inmigración esa porcentaxe precisaría dunha aclimatación temporal e pedagóxica. Tampouco queremos deixar de notar que, a efectos prácticos, o ensino de adultos está inzado de alumnado repetidor dos grupos matutinos tradicionais; estamos, xa que logo, aplicando unha regulación lingüístico-escolar distinta a alumnos que non teñen, en xeral, máis diferenza de idade ca uns poucos anos.
No caso do bacharelato, establécese porcentaxe sen delimitación de materias, en espera dun novo decreto regulador. Preténdese que o alumno reciba polo menos o cincuenta por cento da docencia en galego. Pero non especifica como facelo e, no entanto, mantense a vixencia do Decreto 247/1995, que aseguraba a galeguización, aproximadamente, dun terzo das disciplinas.
Temos ensinanzas onde a delimitación das materias a impartir en galego é cativa e terá que completar a lista a dirección do centro, seguindo o Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado polo Parlamento de Galicia no ano 2004. Trátase da formación profesional e das ensinanzas artísticas e deportivas. O Decreto 247/1995 falaba da formación profesional específica de grao medio e superior e establecía vagamente que se impartiría docencia en galego “nas áreas de coñecemento teórico-práctico que faciliten a súa integración socio-laboral”. O Decreto 124/2007, que tamén cita as ensinanzas artísticas e deportivas, establece un mínimo dun 50% da docencia en galego: obrigatoriamente nos módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral; o resto dos módulos profesionais queda a criterio da dirección, oídos os departamentos correspondentes. Para cumprir cos ditados do PXNLG, debe acadarse un mínimo do 50% da docencia en galego para “os ciclos formativos. Salienta o art. 11 que en todos os módulos se debe garantir que o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega. Este alicerce é moi importante para facilitar o futuro emprego do galego no exercicio das diversas ocupacións laborais; para tranquilizar certas reticencias, se cadra puido ser oportuno ter incluído esa mesma seguridade para o castelán, xa que o léxico profesional específico non sempre se adquire na rúa.
O decreto é de aplicación tanto nos centros públicos coma nos privados (por suposto, tamén nos concertados). A excepción serán os centros con proxectos plurilingües. A disposición adicional 3ª remite a unha futura lexislación sobre este tipo de centros, con dúas premisas: regulará as linguas vehiculares para cada materia; e garantirá a proporcionalidade entre as impartidas en cada un dos idiomas oficiais. Consideramos acertada a segunda medida, para evitar un posible vieiro de desproporción negativa do galego fronte ao castelán.
OBRIGAS IDIOMÁTICAS DE PROFESORADO E ALUMNADO
Non existe un dereito do docente á escolla da lingua vehicular na súa materia. Xa non existía no Decreto 247/1995, pois para as materias non afectadas especificamente polas súas disposicións establecía que se utilizase a lingua estipulada polo proxecto educativo do centro aprobado polo claustro e o Consello Escolar, procurando a paridade lingüística. Certo que isto non modificou o statu quo. Por iso a nova lexislación deixa menos marxe de manobra. Con todo, o Decreto 124/2007 establece unha tripla xerarquía:
- En primeiro lugar, obriga ratione materia: en galego as clases de lingua e literatura galega; en castelán, as de lingua e literatura castelá. As dúas materias deben ter o mesmo número de horas globalmente, non necesariamente no mesmo curso. O goberno central ten a competencia para poñer un mínimo de horas de lingua e literatura castelá (art. 149.1.30 CE), como o poder autonómico a ten para poñer as correspondentes horas en galego (art. 148.1.17 CE; art. 27.20 EAG), así como para a distribución horaria (art. 31 EAG).
- En segundo lugar, obriga específica por disposición do decreto. Este apartado sobe de maneira importante con respecto ao Decreto 247/1995, tanto cuantitativa como cualitativamente.
- En terceiro lugar, obriga polos ditados do claustro (art. 9.2) ou dirección (art. 11). Xa non se cita o Consello Escolar, o que por pasiva parece significar unha maior confianza no persoal escolar profesional fronte a outros sectores. Debido á súa excepcionalidade, só escapa desta regulación a materia de relixión, aludida como “a materia que a Lei orgánica de educación determina de carácter voluntario para o alumnado”, consonte coa disposición adicional 2ª da LOE.
Sobre o emprego do material en castelán ou en galego, podemos establecer algunhas distincións.
Vexamos as obrigas do profesorado. Nas clases de lingua e literatura galega e nas demais materias nas que se debe empregar o galego como lingua vehicular, os materiais estarán escritos no mesmo idioma, “con carácter xeral”. Nada se indica para as demais materias, pero haberá que diferenciar entre o material para usar na aula e aquel con repercusión fóra dela. Así, as programacións poden acollerse á categoría de documento administrativo e, atendendo á obriga de que estes, “con carácter xeral” (art. 2.2), estean en galego, pode implicar que todas as programacións didácticas sexan escritas en galego. Por pasiva isto é o que se entende cando o art. 6.2 permite a excepción do que acabamos de dicir para “as programacións e outros documentos didácticos” de lingua e literatura castelá. Isto resolve unha polémica que houbera polo feito de obrigar ao emprego do galego nas programacións desta disciplina. A programación ten un compoñente administrativo, pero tamén outro didáctico; un non debe desvirtuar o outro. Dadas as características da materia de lingua e literatura castelá, didacticamente parecía rexeitable tal imposición. Oxalá chegue o día en que a Administración reciba eses documentos tamén en linguas estranxeiras para materias como inglés ou francés. Para as restantes disciplinas que nun centro se impartan en castelán, non hai mingua didáctica pola obriga do emprego do galego; en calquera caso, non habería problema en fornecer a copia bilingüe. Desde un punto de vista groseiramente práctico, os programas informáticos de tradución automática están a facer este labor moi sinxelo e cómodo.
Máis polémica provocan as obrigas do alumnado. Deixando á parte a materia de lingua e literatura galega, para non incidir no obvio, nas restantes nas que o galego é obrigatoriamente vehicular, o alumno tamén deberá empregalo por oral e por escrito, “con carácter xeral”. O Decreto 247/1995 dicía, de xeito máis tímido, “débese procurar”. O que antes era unha orientación agora é unha obriga, coa rexouba de certa excepción para evitaren ilóxicas rixideces e problemas legais. Isto suscita certos reparos. É un dos puntos que motivou o ditame (nº 336/07) desfavorable desta lexislación por parte do Consello Consultivo de Galicia (CCG) en 2007. Para o CCG, cómpre diferenciar entre o deber de coñecemento do galego, resultado do deber de estudo desta lingua, e o deber de uso deste idioma, só esixible nas clases de lingua e literatura galega. A obriga de impartir materias en galego é lexítima
[...] mais o ámbito decisorio dispoñible para o regulamento esgótase no eido da impartición das materias, pois o uso da lingua como instrumento vehicular non está suxeito á avaliación directa nesas materias, e a imposición do seu uso a través dun mandato directo con reserva de excepción –non especificada por certo no texto do decreto- choca coa inexistencia dun deber estatutario ou legal de uso do galego, polo que os alumnos poden invocar o seu dereito ao emprego da súa lingua de preferencia entre aquelas que son oficiais.
Un problema podería ser a adaptación dos alumnos recentemente chegados de fóra de Galicia, mais para eses podemos inferir a exención de tal norma, como para os alumnos exentos da materia de lingua galega. Máis complexo será o caso de discentes galegos que coñezan ben a materia pero que prefiran usar vehicularmente o castelán; resultaría violenta unha avaliación negativa da súa actitude se os coñecementos amosados na disciplina en cuestión son suficientes. O certo é que a LNL no seu art. 15 establece que “os profesores e os alumnos no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia”; o que, por pasiva, significa que nos restantes niveis educativos ese dereito á escolla non ten amparo legal.
A primeira sentenza (1084/2007) sobre o Decreto 124/2007 é de novembro dese ano. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) apoia a validez do art. 13, xa que cre que os obxectivos de normalización lingüística facultan aos poderes públicos para esixir a utilización do idioma polo alumnado; iso si, coa matización “utilización con carácter xeral, e sen exclusivismos” (f.x. 3).
Inevitablemente, para a reflexión actualizada desta cuestión, teremos que facer mención do decreto actualmente vixente, así como do último precipitado xurídico xurdido nestes recentes anos.
O Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario, establece no seu art. 13.3 a liberdade de opción por parte do alumnado. Así que, agás para as clases de lingua e literatura galega, lingua e literatura castelá e linguas estranxeiras…
[…] o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo.
Recentes sentenzas destes últimos meses do TSXG resolven en contra da validez deste artigo. O Consello Consultivo de Galicia, no seu ditame (183/10) de 2010, non advertiu ilegalidade neste precepto. Pero si contou co voto particular desfavorable dun dos conselleiros, Gonzalo de la Huerga. Os seus razoamentos parecen inspirar o recente fallo xudicial. Poñendo como exemplo a sentenza 1286/2012 do TSXG, no seu fundamento xurídico 9, estas son as obxeccións:
En primeiro lugar, destaca a incoherencia que supón a conciliación dos dous tramos da redacción: debe procurarse que o alumno utilice a lingua na que se imparte a materia, porque se considera positivo, pero sen que iso carrexe a obrigatoriedade. Certo que non todo o desexable é impoñible, pero o ámbito escolar regrado invita máis a facer unha relación biunívoca desta asociación conceptual, e máis se se trata dunha situación de suxeición especial como a que se dá nun ensino non universitario, onde se supón que o alumno aínda non chegou a unha madurez persoal e intelectual (incluída a lingüística) que lle evite tutelas de diverso signo.
En segundo lugar, a xuízo do tribunal, se a lingua empregada no ensino non está condicionada pola liberdade de opción, de tal maneira que se pode impoñer un sistema de conxunción lingüística, non resulta lóxico outorgar dita liberdade ao alumnado, na expresión dos seus coñecementos na aula, nunha lingua que non é a establecida vehicularmente para a docencia dunha determinada materia. Se A (conxunción lingüística) non implica B (lingua vehicular do discente), entón A queda desvirtuado porque, como di Gonzalo de la Huerga, é “sacar cunha man o que se tiña posto coa outra”. E o modelo lingüístico escolar pode acabar sendo un tertius genus, un híbrido dos dous modelos tradicionais (conxunción lingüística e separación lingüística), o que non está previsto na lexislación.
En terceiro lugar, considera que é contrario ao fomento progresivo do galego no ensino que estipula a Lei de normalización lingüística, xa que deste xeito non se facilita a adquisición da destreza esixida na lingua propia. Moitas voces apelan ao Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade do Parlamento Galego o 21 de setembro de 2004, pero non é comparable porque o PXNLG non se plasmou nunha norma con rango de lei. Pero si o é a LNL. O alumno podería así eludir o coñecemento da terminoloxía técnica en galego, así como ocultar posibles deficiencias de expresión xerais. Todos entendemos (e aplaudimos) que empregue material multilingüe, pero imaxinemos que evita sistematicamente o uso e aproveitamento do soporte en galego. Semella como se tivese dereito a unha película subtitulada. Gonzalo de la Huerga salienta que se pon en poder do alumno unha decisión que debe atribuírse ao profesor, a quen corresponde a dirección e modulación do proceso educativo (tamén neste caso):
Privar a quen debe dirixir o proceso (que é quen sabe) do poder de decisión sobre este, e entregalo ao educando (que é quen debe aprender) é amais de non razoable, atentatorio ao dereito da educación.
Ao tribunal (como ao conselleiro) non se lle escapa que neste caso hai un trato diferente coas linguas estranxeiras, respecto ás que se exclúe a liberdade de opción. Pero coidamos que a situación non é comparable. Deixando á parte a natural obriga ratione materia das clases de inglés e de francés, o emprego destas linguas para a transmisión vehicular doutras disciplinas ten un carácter voluntario (art. 21.1), o que non sucede no caso do emprego das linguas oficiais.
Finalmente, destaca o art. 15 da LNL, que xa citamos máis arriba, para negar o dereito de opción lingüística no ensino non universitario.
A sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de autonomía de Cataluña (31/2010) permite algunhas reflexións sobre o noso asunto, mutatis mutandi, galego.
En primeiro lugar, cremos que o poder autonómico ten potestade para regular neste tema, pois ten competencia na educación e competencia na normalización lingüística. Inda que a traxectoria do TC sobre a titularidade desta competencia é sinuosa, o art. 143 do Estatuto de autonomía de Cataluña, que concede a exclusividade competencial ao poder autónomo na materia de lingua propia, non foi impugnado. Ademais, reafirma que na regulación da proporción de uso das linguas no ensino a determinación da mesma e a súa posta en práctica corresponde á Administración autonómica. Se hai trato de favor debe ser transitorio ata conseguir a normalización.
En segundo lugar, só existe un deber “individualizado e esixible” do coñecemento do galego; é un deber de natureza distinta ao que ten por obxecto o castelán. Pero para o caso que nos ocupa, non supón un atranco para o galego, porque estariamos ante “a imposición dun deber individual e de obrigado cumprimento que ten o seu lugar específico e propio no ámbito da educación”. A educación é unha actividade regrada. E lembra o dito na STC/1994, f.x. 9:
Deste modo, o dereito á educación que a Constitución garante non conleva que a actividade prestacional dos poderes públicos nesta materia poida estar condicionada pola libre opción dos interesados da lingua docente. E por iso os poderes públicos –o Estado e a Comunidade Autónoma- están facultados para determinar o emprego das dúas linguas que son cooficiais nunha Comunidade Autónoma como linguas de comunicación no ensino, de conformidade co reparto competencial en materia de educación.
Por todo isto, é lexítima a obriga lingüística do alumnado. Pero non forzosa legalmente. Pensamos que a potestade da Administración autónoma permite a solución de 2007 e a de 2010. Cuestión distinta será a conveniencia, que non a legalidade, dunha ou doutra opción.
A doutrina do TSXG, dado que non pode contentar a todos, probablemente será obxecto de revisión polo Tribunal Supremo. Así que o asunto seguirá dando que falar.
Algúns sectores puxeron as campás a repicar coa resolución do TSXG, como un avance na defensa do noso idioma. Non compartimos tal entusiasmo. Por que? Reparemos en que, coa lexislación do 2010, o galego podía empregarse con total liberdade polo alumnado en todas as materias, salvo as obrigadas ratione materia; igual que o castelán. Agora, coa consecuencia lingua docente - lingua discente o galego deixa de poder estar presente en todo o abano curricular, porque para as materias impartidas en castelán … haberá que empregar este idioma. Limitamos o uso dos dous idiomas, pero cal sae gañando? Algúns pensarán que a materia de ciencias sociais para o noso idioma resulta máis rendible ca outras, pero deste xeito a blindaxe do castelán refórzase cunha especie de segregación vehicular para parte do currículo. Se isto é unha vitoria, acaelle moi ben a cualificación de pírrica.
O DEREITO Á LINGUA MATERNA
A diferenza do Decreto 247/1995, que incluía no mesmo apartado cá educación infantil o primeiro ciclo da educación primaria, o Decreto 124/2007 regula de xeito específico e á parte o uso da lingua na etapa infantil, que abrangue dos cero aos seis anos. Esta regulación presenta algunhas novidades, aínda que arranca cunha premisa que xa existía no decreto anterior: o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado. Mais, cal é esta lingua? O vello concepto sociolingüístico de lingua materna, hoxe cuestionable pola carga sexista que conleva e mais pola súa estreiteza semántica -ao se basear nun arquetípico modelo parental en creba polo xurdimento dun multiforme escenario con novas relacións de convivencia familiar ou de fogar-, compleméntase con outros criterios. Agora ben, cal é esta lingua materna predominante entre o alumnado? Terá que a determinar o claustro, “de acordo cos criterios establecidos no proxecto lingüístico. Para o establecemento da lingua materna deberán terse en conta, entre outros, os datos achegados polo mapa sociolingüístico de Galicia, os datos estatísticos oficiais e a información achegada polos pais” (art. 7.2). A enumeración dos criterios non é taxativa, tan só cita con carácter exemplificativo tres fontes, pero non exclúe outras, como poden ser as estatísticas obtidas nos propios colexios. Se a “lingua materna”, con todas as reservas e obxeccións que se lle poidan formular como etiqueta sociolingüística, é a lingua que debe usar o profesorado, a transcendencia da súa determinación é capital. E atribúese aos claustros a competencia en exclusiva. Cada centro educativo ten, pois, plena potestade normativa neste eido. Cada claustro. De cero a seis anos. Este órgano debe motivar a identificación conforme os criterios que estableza o proxecto lingüístico do centro. É, xa que logo, de suma importancia esta función identificadora e seleccionadora. Das dúas linguas concorrentes unha delas acada o carácter de lingua materna predominante e convértese na lingua da aula para a educación infantil. De primeiras, parece que esta atribución competencial tan atomizada e a pé de obra non se compadece ben cunha planificación xeral de política lingüística para o país; pero determinar a lingua materna desde instancias administrativas menos próximas, procedemento sen dúbida máis aséptico, pode resultar bastante máis lento e pecar de escaseza de reflexos para adaptacións urxentes.
Vexamos os datos fornecidos para algúns criterios que, entre outros, haberían de ter en conta os claustros dos colexios para determinaren a lingua materna predominante. Segundo o mapa sociolingüístico de Galicia coetáneo co Decreto 124/2007, só o 20,6% das persoas maiores de 14 anos que viven en Galicia aprendeu o galego como primeira lingua, mentres que o 36,2% comezou a falar en castelán5. Cal foi daquela a lingua materna predominante? Fronte a esta información sociolingüística publicada pouco se pode obxectar. Doutra beira, habería de terse en conta a información achegada polos pais e polas nais. Naturalmente. Agora ben, como se debería recoller esta información? Máis aínda, sería preceptivo obter esta información? Consideramos que si. Para poder tela en conta, habería que dispor algún xeito de participación dos proxenitores. Abondaría coa súa representación a este efecto por medio da ANPA legalmente constituída? Entendemos que non, en absoluto. A doazón de datos sociolingüísticos ten carácter persoal, indelegable e, por tanto, non pode ser obxecto de representatividade como se dun simple apoderamento para votar se tratase. As asociacións de nais e pais poden participar no proceso de obtención de datos, efectuando enquisas e promovendo a participación, pero non poden arrogarse ningunha cualificación especial para informar con valor de autoridade. De por parte, é ben coñecida a histórica negación da identidade galegofalante nunha ampla masa social onde aínda aniña unha diglosia inculcada a ferro. Polo tanto, un risco engadido é que a información familiar responda máis ao desexo ca á realidade; porén, esta non se vota nin se escolle, tan só cómpre coñecela e recoñecela. E, con estes vimbios, en tensión por forza de grupúsculos opostos á recuperación da lingua propia, debería o claustro “determinar” a lingua que mestres e mestras de educación infantil usasen nas aulas.
Malia este inicial punto de partida pouco esperanzador nunha norma que había ter por obxecto regular, prima facie, o uso e promoción do galego, este decreto presenta, secasí, unha cláusula de salvagarda: “O profesorado de educación infantil terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia (...). No caso de contornos castelanfalantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá”. Esta garantía de peche supón unha novidade respecto ao anterior decreto que cómpre saudar positivamente. O Plan xeral de normalización da lingua galega non prevé nada para este tramo educativo. Agora ben, a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificada polo Estado español en setembro de 2001 (BOE 15 setembro 2001) compromete a “prever unha educación preescolar asegurada nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas”.
Dentro das destrezas da competencia lingüística básica hai elementos intelectuais que nacen na escola e non no fogar, e esta regulación preocúpase de que neste terreo o noso idioma sexa opera prima: “Fomentarase a adquisición da lectura e da escritura en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e co profesorado”. Trátase, xa que logo, de adquirir ou mellorar a competencia lingüística do alumnado por medio da lectura e da escritura. Aínda que nada se di da competencia oral, haberá que entendela tacitamente comprendida, e mesmo como meta final dunha progresiva aprendizaxe da lectoescritura en galego nunha etapa educativa conformadora da primixenia identidade idiomática.
De calquera xeito, cómpre aclarar unha vez máis que este dereito á lingua materna non pode ser interpretado como o dereito á lingua que os pais e as nais queiran escoller para o ensino. Así o ten manifestado, entre outras, a sentenza do Tribunal Supremo do 21 de outubro de 2009 que nega a un pai o presunto dereito a que o seu fillo reciba clases integramente en lingua castelá nun determinado centro de Vigo. Nin se apreza vulneración do artigo 14 da Constitución española que proscribe a discriminación por razón de lingua nin tampouco conculcación do artigo 3 que constitucionaliza a cooficialidade lingüística. Nin sequera se pode inferir aquel pretendido dereito á escolla polos proxenitores da lingua vehicular de ensino do disposto polo artigo 27.1 da Constitución. Antes pola contra, razoa o TS que “a discriminación produciríase precisamente no caso de que a Administración autorizase o pretendido polo recorrente, no sentido de permitir que, a criterio do peticionario, se puidera cursar un determinado tipo de estudo con esquecemento ou marxinación dunha das linguas concorrentes.” (f.x. 3)
Semellante teor doutrinal confirma o da sentenza do 21 novembro de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao resolver o recurso interposto pola Asociación Gallega para la Libertad de Idioma (AGLI) contra o Decreto 124/2007 que presuntamente lesionaría os dereitos fundamentais de liberdade e igualdade, ao preferir unha lingua e excluír a outra como vehicular da ensinanza. Vén lembrar este tribunal que o dereito consagrado no art. 27 da Constitución española non inclúe, como elemento necesario, que a educación deba ser impartida nun ou noutro idioma, sendo instrumentos idóneos para ela calquera dos oficialmente recoñecidos. Esta é, obviamente, unha análise fundamentada con criterio xurídico. Diferentes poderían ser, naturalmente, outras valoracións baseadas en criterios de natureza política.
OS EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA E O PROXECTO LINGÜÍSTICO DO CENTRO
Aínda que en liñas xerais se mantén a mesma regulación e obxectivos cá establecida no Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria (Decreto 324/1996, do 26 de xullo. DOG 09-08-96), ao que o Decreto 124/2007 remite en relación a competencias, nomeamento e cesamento, introdúcense, así e todo, algunhas novidades que convén ter en conta.
En primeiro lugar, na constitución do equipo de normalización lingüística, os membros seguen a ser nomeados pola dirección do centro, pero interveñen órganos diferentes na súa nominación: xa non é a comisión de coordinación pedagóxica senón o claustro quen debe propor o profesorado; e son as asociacións máis representativas do alumnado, en vez da xunta de delegados, as que propoñen o alumnado; ademais, establece que se tenderá a unha composición equilibrada de mulleres e homes e, á vez, non limita o número de membros (antes, tres profesores, tres alumnos e un membro do persoal non docente). Tamén equipara, en dereitos administrativos e económicos, o coordinador do equipo de normalización lingüística coas xefaturas dos departamentos didácticos.
Finalmente, o decreto espertou novas expectativas –axiña frustradas- ao proclamar, xenericamente, que os equipos de normalización lingüística “contarán co apoio técnico necesario e os centros terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego”.
Unha novidade respecto ao decreto de 1995 constitúea o proxecto lingüístico do centro. Trátase dun documento que veu a se integrar no proxecto educativo do centro. Debe redactalo unha comisión do profesorado designada polo equipo directivo, órgano ao que, polo tanto, se lle atribúe a función do impulso e dinamización, se ben logo de oír a comisión de coordinación pedagóxica, en audiencia preceptiva, pero non vinculante. Na composición desta comisión redactora deben ter -conforme a dicción do artigo 14- especial relevancia o equipo de normalización lingüística e os compoñentes dos departamentos das outras linguas. No primeiro caso, o emprazamento que se fai ao equipo de normalización e dinamización lingüística ha de entenderse tan só referido ao profesorado integrante, con exclusión implícita dos demais membros dos equipos que pertenzan aos colectivos do alumnado e do persoal de administración e servizos. Doutra beira, resulta curiosa a implicación dos “compoñentes dos departamentos das outras linguas”, alusión que obviamente deixa fóra aos compoñentes dos departamentos de lingua galega, quizais supoñendo que este profesorado xa participa de xeito natural por vía do equipo de normalización e dinamización lingüística. Esta presunción, porén, afástase dunha idea cabal da normalización lingüística como tarefa compartida e común que non debe recaer de xeito exclusivo no profesorado de lingua galega. Doutra beira, a preferencia xenérica manifestada cara ao profesorado de linguas, en xeral, connota unha tópica e trasnoitada visión dicotómica ciencias-letras. Aplicando con rigor tales criterios de composición, podería encargarse da redacción do proxecto lingüístico do centro unha comisión integrada só por aquel sector do profesorado que precisamente vai ficar menos afectado directamente polas determinacións do proxecto: os membros do equipo de normalización lingüística -presuntamente profesorado de lingua galega- e mais os compoñentes dos departamentos das outras linguas. Podería falarse, así, dunha comisión técnica, pero que adoecería xeneticamente dun notable déficit de participación dos principais afectados.
O proxecto lingüístico do centro, así redactado, sométese a varios graos de control: en primeiro lugar, ten que ser aprobado e avaliado polo consello escolar do centro educativo. Polo tanto, con carácter previo á súa aplicación pero sen fixación de prazo, o Consello Escolar debe aprobar o documento de proxecto redactado; posteriormente terá tamén que avalialo na súa aplicación e funcionamento. E, ademais deste control interno, o proxecto debe remitirse aos servizos de inspección nun prazo perentorio, antes do 30 de setembro, é dicir, xa iniciado o curso pero con anterioridade á remisión do proxecto educativo do centro do que o proxecto lingüístico forma parte. Os servizos de inspección teñen encomendada a función de control de adecuación dos proxectos á regulación do Decreto 124/2007 e ás disposicións emanadas da LOE. O propio decreto establece que “co fin de reparar as eivas detectadas en cada curso, adoptaranse as medidas que permitan dispor dos medios materiais e persoais precisos para corrixilas no curso seguinte”. Deste xeito, cabía esperar dos servizos de inspección unha especial dilixencia no exame dos proxectos lingüísticos e na implementación dos medios para a súa executabilidade. Finalmente, o apartado 4 do artigo 14 aínda imporía outro control externo máis, sen prexuízo do anterior, atribuído á “Administración educativa”. Trátase agora da avaliación dos proxectos e do seguimento dos resultados obtidos, mais en plural, no seu conxunto, como base de datos obxecto de análise para o desenvolvemento dunha axeitada planificación lingüística xeral que compete á Administración.
Como se pode constatar, son moitos os controis previstos e ben poucas as provisións de medios dispostos para a elaboración dos proxectos lingüísticos. Sen ningún apoio efectivo, tendo que ser asumido por equipos directivos e o profesorado implicado como unha carga burocrática máis, este instrumento de notable contido normativo, regulador do uso vehicular das linguas no ensino e, xa que logo, transcendente para a consecución da normalización lingüística dos centros educativos, queda ao pairo ameazado dun certo desleixo institucional. A encomenda é de tal magnitude e alcance que máis semella unha fuxida da Administración das súas propias competencias ca unha leal cesión de corresponsabilidade aos centros educativos. Non existe verdadeira autonomía sen medios. E sen tempo axeitado, sen formación específica, sen especial autoridade nin potestade, sen o distanciamento necesario para unha planificación cabal e sen contar coa lexítima participación de todo o claustro, unha comisión do profesorado do centro, designada polo equipo directivo, debería regular nada menos que: a) “as linguas que se deben empregar nas áreas, materias, módulos ou ámbitos de coñecemento distintos dos sinalados nos artigos 7º a 12º”; isto é, debe encher os baleiros deixados pola regulación do mesmo decreto; c) “os criterios para determinar a lingua predominante do contorno”. Sobre as vicisitudes e riscos desta importante determinación xa se advertiu máis arriba. Ademais destes dous apartados con valor normativo constitutivo, isto é, creador de dereitos e obrigas, no proxecto lingüístico debería tamén facerse constar: b) “as oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo, co fin de alcanzar o obxectivo xeral establecido na lei de normalización lingüística e na LOE no que afecta o fomento do plurilingüismo”. Medidas que por oportunas que resulten sempre estarán supeditadas á provisión dos medios materiais e persoais indispensables para o seu correcto e completo desenvolvemento. O profesorado, e especialmente o equipo directivo, coñece ben as restricións de persoal impostas pola Administración ante as solicitudes de profesorado para a implementación de medidas de apoio e reforzo; d) “As medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio das linguas poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle impartan.”. Non se trata xa de regular, senón tan só de constatar nunha memoria as medidas que se adoptaron tanto en beneficio do alumnado castelanfalante como do galegofalante cun insuficiente dominio da outra lingua cooficial que lles dificultaba seguir con aproveitamento as ensinanzas. Este precepto parece conter, logo, unha función informativa de actuacións que, en rigor, non corresponden nin ao equipo de normalización e dinamización lingüística nin á comisión redactora do proxecto lingüístico do centro.
A EXENCIÓN
Contén o Decreto 124/2007 importantes novidades respecto á regulación anterior da exención. No artigo 15 regula esta materia partindo cunha meridiana claridade xa dende a definición do obxectivo: “exención da cualificación das probas de lingua galega”, epígrafe que dista ben do enunciado “Decreto 79/1994, do 8 de abril, sobre exención da materia de lingua galega no ensino básico e medio” (DOG, 15/04/94). Só se trata, xa que logo –acertadamente- de exención da cualificación, non de exención da materia. O decreto de 1994 fora cuestionado pola sentenza 786/1997, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Lémbrese a súa infausta disposición que permitía “obter tamén a exención da materia de lingua galega aqueles alumnos con deficiencias, especialmente auditivas, que acrediten o grao de deficiencia, segundo o estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e declaren estar instalados na outra lingua oficial de Galicia”. Contra tal despropósito, razoou o TSXG : “(...) non alcanza a albiscar este tribunal qué razón, amparable xuridicamente, pode xustificar tal exención cando esta non abrangue outras disciplinas, mesmo de idiomas.” Desde logo, como punto de partida, a definición e eficacia da nova regulación achegada no ano 2007 sobre a exención –da cualificación, non da materia- xa supón en por si unha concepción máis respectuosa coa prédica constitucional da cooficialidade lingüística.
Tamén é significativa a mudanza do ámbito persoal da exención, reducido agora ao alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia nos cursos de cuarto da educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato, pero non nos cursos inferiores. Consideramos que esta limitación se axusta perfectamente ao espírito comprensivo do ensino obrigatorio, nivel no que existen abondas posibilidades de adaptación curricular e medidas de apoio e reforzo para que o alumnado poida ir integrándose na aula de lingua galega.
Chama moito a atención que a exención así concibida, e concedida por un tempo máximo de dous anos consecutivos, só se estenda ao alumnado “procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá”. Deste xeito, podería obter a exención quen proviñese do Bierzo leonés ou de Vegadeo, por exemplo, pero non tería exención quen chegase de Alemaña ou Suecia. Máis aínda, se comparamos hipoteticamente dúas situacións de inmigración internacional, o tratamento legal pode mesmo resultar paradoxal: os inmigrantes arxentinos terían dereito á exención, pero non así, por exemplo, os inmigrantes chineses, por procederen aqueles dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, fronte a estes últimos, os chineses, que non proceden dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, malia teren maiores dificultades de comprensión e aprendizaxe pola distancia interlingüística. Dende un punto de vista estritamente xurídico, de equiparación legal das linguas galega e castelá, a previsión normativa resulta na teoría irreprochable, por canto consagra unha consecuencia xusta da plena igualdade no tratamento cooficial das dúas linguas do ensino: non existe exención para a castelá e, daquela, tampouco para a galega.
O longo artigo 15, así como o seguinte, trata aspectos adxectivos, de carácter procedimental, relativos ás solicitudes de exención, as garantías fronte á denegación e as súas consecuencias, así como da posterior revogación da exención concedida. Cómpre saudar moi positivamente nesta novidosa regulación do ano 2007 a énfase que fai sobre a obriga de asistencia e aprendizaxe a que queda sometido o alumnado con obtención de exención da cualificación das probas de lingua galega.
Finalmente, o artigo 17 subliña a obriga que ten de cursar lingua galega o alumnado anterior á incorporación desta materia ao sistema educativo e que decida seguir estudando na actualidade. Con isto non se fixo máis que pór negro sobre branco para a materia de lingua galega o que non precisa de ningunha aclaración cando se trata doutras materias, por obvio; isto é, simplemente, que o alumnado que teña deixado os seus estudos e quere retomalos ten que se acomodar ao plan que estea en vigor no tempo de proseguilos.
A VIXILANCIA DO CUMPRIMENTO
O artigo 21 deste Decreto 124/2007 que estamos a analizar atribúe aos servizos de inspección unha importante función para o seu desenvolvemento e aplicación: a do control do cumprimento. Obviamente a inspección debe inspeccionar, pero a redacción normativa mesmo parece ir máis alá e establece que os servizos de inspección “velarán para que en todos os centros educativos se cumpra a normativa vixente sobre normalización lingüística”. Onde ten que velar a inspección? O ámbito de aplicación xa está definido no propio decreto, polo que resultaría innecesario redundar niso. Así e todo, lémbrao. Non só ten que velar nos centros educativos, tautoloxía xa inútil, senón, máis aínda, “en todos os centros educativos”. A énfase suxire unha sutil alusión a “todos” aqueles centros tradicionalmente pouco receptivos á lexislación en materia lingüística.
Para os supostos de incumprimento, a inspección debe propor ás delegacións provinciais medidas correctoras. Sería interesante que se desen a coñecer os incumprimentos para que, sen prexuízo doutras responsabilidades, os proxenitores e titores legais puidesen escoller con criterio.
Moi importante tamén, ademais de acertada, nos parece a previsión establecida pola disposición adicional cuarta do decreto: “Nos plans de avaliación dos centros educativos e nos plans de avaliación da función directiva terase en conta o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no uso e normalización da lingua galega”. Desta maneira, é todo o centro, e en especial o equipo directivo, o que queda corresponsabilizado do cumprimento. Ninguén se pode sentir á marxe das consecuencias da aplicación desta nova regulación legal, que deixa de ter unha dimensión individual –o profesorado de determinadas materias- ou parcial –o labor dos equipos de normalización- para afectar a cada centro educativo como un todo orgánico suxeito de deberes.
Finalmente, complétase esta vontade lexislativa de control coa disposición adicional quinta, que somete os resultados da aplicación do decreto a unha avaliación do goberno. Refírese a unha avaliación periódica anual, de carácter xeral, na que non só se deben analizar as incidencias producidas por incumprimentos ou disfuncións senón tamén aquelas derivadas dunha desaxeitada ou insuficiente previsión legal. De xeito que o “Goberno de Galicia” (sic) –suponse logo que desde calquera Consellería, pero en especial Presidencia e Educación- desenvolva regulamentariamente o decreto para acadar un mellor cumprimento “e adaptación dos seus obxectivos”. O fin que se di perseguir é “achegarse gradualmente á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias”. Lembremos tan só a este efecto que esta Carta, de 1992, ten status de Convención internacional, por tanto de obrigado cumprimento para os Estados asinantes, que decidiron adherirse libremente e cun determinado grao de compromiso ás súas previsións. O Estado español ratificou esta Carta cunha vontade maximalista no ano 2001. O tempo foxe, inexorablemente, e con el pareceu fuxir aquel obxectivo de achegamento gradual á plena aplicación da Carta pregoado polo Decreto 124/2007.
Referencias bibliográficas
- Alonso Álvarez, A. (2002): “A constitucionalización do ensino bilingüe”, VIII Conferencia internacional de linguas minoritarias: 335-343 (Santiago: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria).
- Bouzada, X. / Fernández Paz, A. / Lorenzo, A. (2003), O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000). Volume II. Educación (Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela).
- Cobreros Mendazona, E. (1990): “La distribució de competències entre l´Estat i les Comunitats Autònomes en matèria lingüística”, Autonomies, 12: 205-217.
- González González, M.. (coord.), Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004 (2007) (Real Academia Galega, A Coruña).
- González González, M., “Evolución da situación lingüística en Galicia nos últimos quince anos”, A letra miúda, nº 1, 2012. [http://www.coordinadoraendl.org]
- Lexislación da lingua galega (2001) ( Xunta de Galicia, A Coruña)
- Milian i Massana, A. (1983): “Les llengües espanyoles diferents de la llengua castellana als Estatuts d´Autonomia”, Revista de llengua i dret, 1: 79-88.
- Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) (Xunta de Galicia, Santiago de Compostela).
- Solozabal Echavarria, J.J. (1999), “El régimen constitucional del bilingüismo. La cooficialidad lingüística como garantía institucional”, Revista española de derecho constitucional, 55: 11-41.
- Vernet i Llobet, J. (1992): “La regulació del plurilingüisme a l´Administració espanyola (1977-1990)”, Revista de llengua i dret, 18: 155-179.
1 A Constitución republicana postergaba a outras leis do Estado a oficialidade das linguas non castelás. Na Constitución de 1978 moitos estudosos consideran que aparece recoñecida tal oficialidade, polo que os Estatutos de autonomía o único que deben delimitar é o seu alcance, mais non a súa existencia. Milian i Massana 1983: 80; Vernet i Llobet 1992: 163.
2 Cobreros Mendazona 1990: 209; Solozabal Echavarria 1999: 36.
3 Tan tortuosa que unhas veces fala de competencia lingüística concorrente entre Estado e CCAA (STC 56/1990); outras, de competencia autonómica ( STC 74/1989);e noutras ocasións, non existe norma competencial senón un principio reitor(STC 147/1996). En liñas posteriores faremos referencia á última fornada do alto tribunal.
4 Para os dous primeiros, Alonso Álvarez 2002: 340-342.
5 Véxase: ”Resulta patente o retroceso global da transmisión primaria da lingua galega experimentado no período 1992-2004. (...) Actualmente, só unha quinta parte da poboación galega con idades comprendidas entre os 15 e os 54 anos se declara monolingüe inicial en galego, mentres que algo máis da terceira parte é monolingüe inicial en castelán”, en MSG 2007: 63. Ademais deste avance do monolingüismo inicial en castelán –e do bilingüismo inicial- tamén se fai fincapé no aumento, por efecto da inmigración, do monolingüismo inicial noutras linguas. Sobre este contido pódese consultar Bouzada, X./ Fernández Paz, A. / Lorenzo, A. 2003. Para unha actualización desta información pode consultarse o artigo de Manuel González, “Evolución da situación lingüística en Galicia nos últimos quince anos”, publicado no número 1 desta mesma revista A letra miúda, outubro-decembro 2012.