Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 461 a 480 de 3707

O Álbum de Galicia suma a biografía de Blanca Jiménez Alonso

Blanca Jiménez Alonso (Ribadeo, 1926 – A Coruña, 2012) destacou polo seu labor a prol do patrimonio bibliográfico e documental galego, un compromiso que se traduciu na procura e achega de fondos para a biblioteca da Fundación Penzol. Posta en marcha grazas á doazón do seu marido, Fermín Penzol, traballou activamente para a institución, da que foi presidenta e presidenta de honra. Ademais, integrou o Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) como membro representativo da Fundación Penzol entre os anos 2002 e 2008. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o CCG, é da autoría de María Dolores Cabrera Iglesias e Patricia Arias Chachero.

Ler máis

Unha xornada analiza a galeguización da Igrexa no centenario do nacemento de Alfonso Zulueta

Igrexa e lingua na Transición é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) analizará, o vindeiro 23 de abril, os movementos e iniciativas a prol da galeguización da Igrexa neste período. A xornada é tamén unha homenaxe a figuras como Alfonso Zulueta de Haz, cando se fan cen anos do seu nacemento, quen tivo un papel destacado na tradución da Biblia ao galego. A cita, coordinada por Silvestre Gómez Xurxo, ten aberta a súa inscrición.

Ler máis

A presidenta recibe a visita institucional do delegado do Goberno en Galicia

A presidenta recibe a visita institucional do delegado do Goberno en Galicia

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), recibiu esta mañá a visita de Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia. No marco da xuntanza sentaron as bases para establecer unha colaboración permanente entre ambas as entidades. Ademais, o delegado asinou no Libro de honra da institución e destacou a visita ao “fogar da nosa lingua e da nosa cultura”.

Ler máis

A institución renovou a composición do seu Pleno

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou no serán deste xoves, 21 de marzo, unha sesión plenaria ordinaria na que se produciron cambios na súa composición. Nesta ocasión procedeuse a nomear os membros designados polas institucións que conforman o CCG e que ten lugar por quendas cada dous anos, en cumprimento da Lei de creación da institución e do seu regulamento. Ademais, abriuse e o prazo para a presentación de candidaturas na quenda de personalidades destacadas da cultura galega. Na sesión fíxose balance da actividade do primeiro trimestre e un avance da do segundo trimestre.

Ler máis

O Barómetro da cultura galega aprecia unha leve desaceleración do sector cultural en 2023

“A cultura está sufrindo unha minoración na súa velocidade de crecemento”, apunta o Barómetro da cultura galega 2024, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do último ano no noso país e que foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Håkan Casares Berg, presentaron en rolda de prensa os resultados deste informe, no que o 40 % das entidades enquisadas afirma que tiveron un 2023 mellor que o ano anterior. “Trátase dun proxecto importante da institución que comezou na pandemia e que permite ver a evolución do sector con información directa” afirmou a presidenta. Entre os resultados do estudo destaca que en 2023 aumentaron as dificultades para atopar profesionais cualificados e produciuse un descenso nas actividades realizadas para incrementar a presenza internacional (dous puntos menos). O sector volve suspender o apoio das diferentes administracións en materia cultural, aínda que mellora a puntuación do Goberno central e baixa a da Xunta.

Ler máis

Unha xornada analiza o cinema galego na Transición

“Cinema galego e Transición” é o título da xornada que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), coa colaboración do Cineclube de Compostela, organizan este 21 de marzo no Museo do Pobo Galego. A actividade, coordinada por Beli Martínez e José Manuel Sande, ten como obxectivo contextualizar a Transición, afondar en diversos aspectos vinculados coas producións cinematográficas da época e analizar como este período histórico se está a representar no cine galego contemporáneo. A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través das redes sociais do Museo do Pobo Galego. Os vídeos coas intervencións estarán tamén dispoñibles proximamente na hemeroteca do CCG.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 15 números da revista Airiños

A cabeceira Airiños foi o voceiro da asociación Casa de Galicia de Buenos Aires. Editada na capital da Arxentina, tiña como obxectivo informar sobre as actividades da institución editora. Tamén incluía colaboracións de tipo literario e cultural. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora neste mes de marzo catorce números da cabeceira publicados entre 1944 e 1955, mais un número extraordinario editado para conmemorar o 50º aniversario da asociación.

Ler máis

A entrada da actriz Cruz Comesaña incorpórase ao Álbum de Galicia

A actriz Cruz Comesaña (Vigo, 1960 – Madrid, 1989) iniciou unha prometedora traxectoria na escena teatral galega e estatal durante os anos 80, que se viu truncada polo seu prematuro falecemento. Ademais de actuar en varias montaxes, foi docente e desenvolveu labores de dirección teatral, un campo en que destacou por saber sacar o mellor de cada intérprete. O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega, suma hoxe a súa entrada da man de Ana Abad de Larriva. Así mesmo, actualízase a biografía que Antonio Reigosa escribiu sobre a tamén actriz de teatro Manuela Rey con novos documentos e materiais.

Ler máis

As conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística destacan a rendibilidade da lingua galega para o sector económico

“O uso do idioma galego na actividade comercial é moi rendible”, pois representa “un motor económico para as persoas propietarias e traballadoras” e tamén “para quen subministra produtos ou presta servizos complementarios na contorna”. Así o subliñan as conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita que o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza anualmente para reflexionar arredor da situación da lingua galega en diferentes ámbitos. O documento coas conclusións xa está dispoñible para a súa descarga no sitio web do CCG.

Ler máis

O CCG publica unha conferencia de Pedro Echevarría sobre o Negra sombra de Juan Montes

O Consello da Cultura Galega publicou hoxe no seu web unha nova entrega das Caligrafías Musicais, a serie de conferencias de expertos sobre o patrimonio musical galego que recupera fondos pouco coñecidos do Arquivo Sonoro de Galicia. Desta volta, incorpórase unha intervención do folclorista Pedro Echevarría Bravo, realizada en Ferrol en 1984, onde dá conta dos paralelismos entre Negra sombra, a composición musical de Juan Montes inspirada no poema de Rosalía de Castro, e a danza prima asturiana. A conferencia xa está accesible no web do Consello da Cultura Galega.

Ler máis

Asinado un acordo coa Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria para dixitalizar o seu arquivo

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e María Luísa Vidal Collazo, representante da Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, asinaron un acordo para a dixitalización e difusión dos fondos documentais da agrupación. Os materiais cedidos, entre os que figuran diferentes publicacións, revistas, folletos e cadernos de formación, constitúen unha importante fonte de documentación para o estudo do movemento feminista en Galicia.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza o legado das intérpretes galegas na diáspora

Con motivo da estrea en Galicia de Manuela Rey is in da house, obra teatral producida polo Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional São João, o Teatro Nacional Dona Maria II e o Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Intérpretes galegas na emigración e no exilio. Coordinada por Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, Cristina Domínguez Dapena e Fran Núñez, a cita terá lugar este venres, 15 de marzo (16:15 horas), no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Non haberá emisión en directo, pero gravarase a sesión e subirase posteriormente á hemeroteca do CCG.

Ler máis

O Álbum de Galicia suma a entrada de Pencha Santasmarinas

Pencha Santasmarinas (Santiago de Compostela, 1943–2019) dedicou a súa traxectoria vital e profesional ao servizo público. Foi unha activa militante a prol da defensa do territorio, do mar e dos dereitos das mulleres, un ámbito en que loitou por mellorar as condicións de vida de mariscadoras e redeiras. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é da autoría de Encarna Otero.

Ler máis

Victoria Quintero fala de xénero e patrimonio nunha nova sesión do ciclo Pensarmos

A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 14 de marzo (18:00 horas), unha nova sesión do ciclo Pensarmos. A antropóloga e profesora Victoria Quintero é a convidada nesta ocasión para reflexionar arredor das desigualdades de xénero que existen na esfera patrimonial. A cita, coordinada por Celia Pereira Porto, desenvolverase de xeito presencial na sede da institución, pero tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega dedica unha xornada aos compositores Manuel Balboa, Enrique Macías e Xan Viaño

Balboa, Macías e Viaño. Creación musical galega a finais do século XX é o título da xornada que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 13 de marzo (16:30 horas), na sede da institución. Nela, diversos especialistas analizarán a figura destes tres compositores. Inaugurarán a cita a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Cristina Domínguez Dapena. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais corporativas.

Ler máis

A nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural analiza os xacementos invisibles da Prehistoria

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 12 de marzo (17:00 horas), a 43º edición dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Baixo o título “Visibilizar o invisible. Que facer cos xacementos perecedoiros da Prehistoria en Galicia”, analizarase a problemática que rodea este tipo de patrimonio e debaterase arredor das posibles medidas que contribuirían á súa conservación e protección. Inaugurarán a xornada a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da actividade xunto con Rosa Benavides. A cita desenvolverase de xeito presencial na sede institucional, pero tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

Ler máis

Unha nova publicación analiza a obra "oceánica" de Martín Sarmiento desde múltiples ópticas

Unha nova publicación analiza a obra

"A figura do padre Sarmiento está presente nas actividades do Consello da Cultura Galega desde os inicios da institución", explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, durante a presentación hoxe do volume dixital Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento. Trátase das actas do Simposio Martín Sarmiento. De historia natural e todo xénero de erudición, e incorporan o traballo de doce expertos que abordaron a obra do intelectual galego desde diferentes ámbitos científicos. No acto de presentación participaron Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Henrique Monteagudo, editor da publicación.

Ler máis

A entrada do Colectivo María Castaña incorpórase ao Álbum de Galicia

O Colectivo María Castaña estivo integrado por seis profesoras de ensino medio. Mantivo a súa actividade entre os anos 1991 e 2001, durante os cales a agrupación desenvolveu un importante labor a prol da visibilización das mulleres na historia. Foi “un traballo común, que supuxo unha importante contribución e un avance para o ensino”, mais tamén para a procura “dun mundo máis xusto, igualitario e crítico”, no que se eliminase “a visión androcéntrica e patriarcal da historia da humanidade e de todas as súas manifestacións”. Así o indica Guillermina Domínguez Touriño, integrante do colectivo e autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

A mostra As xeracións do Monserrat inaugúrase esta tarde en Vigo

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, xunto co alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, e o secretario territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo, Fernando González Abeijón, inauguran esta tarde (ás 20:00 horas) na Casa das Artes a exposición As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. No acto participará tamén Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega. A mostra, comisariada por Xesús Fraga e con deseño de Pepe Barro, constrúe un relato do fluxo migratorio cara ao país británico a través de fotografías, documentos e obxectos pertencentes aos seus protagonistas. O proxecto expositivo poderá visitarse na cidade olívica ata o próximo 26 de maio.

Ler máis

Unha xornada analiza a representación da maternidade no cine e na literatura

No ronsel do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Ficcións da maternidade: entre imaxes e palabras. A cita terá lugar este xoves 7 de marzo (ás 16:15 horas), na sede da institución e contará coas intervencións de Álvaro Gago e Jaione Camborda, cineastas, e de María do Cebreiro e Yolanda Castaño, escritoras. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

Ler máis