Pencha Santasmarinas
Santiago de Compostela (A Coruña), 7/ 2/1943 - Santiago de Compostela (A Coruña), 31/3/2019A tecedeira de redes
Na súa formación déixase ver, desde os inicios, unha nidia vocación de servidora pública. Estudou Maxisterio, despois formouse na
Escuela de Instructoras Ruralesde Aranjuez, fundada pola Sección Femenina no ano 1951 e que dependía da secretaría xeral do Movemento. Completaría a súa formación en Estados Unidos cunha bolsa de estudos.
No ano 1968 aproba a praza de axente de economía doméstica nos Servizos de Extensión Agraria, con destino en Viveiro. Comeza así a súa andaina de traballadora ao servizo e formación das mulleres no rural. Asemade, enceta a súa militancia asociativa clandestina nos Comités de Axuda á Loita Labrega (Comisións Labregas) e a súa implicación na Asociación Cultural Sementeira de Viveiro.
Nos anos 1976 e 1977, xa na Transición e tamén en Viveiro, vai ser unha das dirixentes sociais nas loitas e mobilizacións contra a central nuclear de Xove, ao lado de compañeiras como Xosefa Díaz ou Lidia Pernas, entre outras.
Nestes anos da Transición milita politicamente no nacionalismo, sendo candidata en varias convocatorias electorais. A súa militancia na defensa do territorio e do mar fai que participe activamente nas mobilizacións contra os vertidos nucleares na fosa atlántica no ano 1982. Cómpre dicir que as loitas de Xove e dos vertidos nucleares foron vitorias que gañaron as xentes de Galicia.
No ano 1993 decide mudar, sempre no ámbito do servizo público, o seu espazo de traballo. Solicita o traslado á Consellería de Pesca, na área de Extensión Pesqueira, situada en Santiago de Compostela. O mar e o marisqueo serán entón as actividades onde Pencha centre a súa actividade laboral. Promove o I Encontro de Mulleres Mariscadoras en Vilagarcía en 1995, ao que seguirán outros moitos co obxectivo final de concienciar ás mariscadoras a pé da súa profesionalización como traballadoras do mar, cun oficio, cunha formación, cun salario recoñecido e cotizante na Seguridade Social e que, sendo profesionais precisan coidar as
leiras do marpara a súa produtividade. Neste traballo tan necesario, e asemade tan difícil, contou co apoio total dalgunha das mulleres que traballaban na Consellaría como Rosa Quintana, entre outras.
Este labor como servidora pública a prol da mellora das condicións de vida das traballadoras do mar tamén se ampliou ás redeiras, que non tiñan recoñecemento laboral nin dereitos e que, por iniciativa de Pencha, se asociaron conseguindo así dignificar e visibilizar un traballo imprescindíbel, feito maioritariamente por mulleres, para a pesca. Como recoñecemento de toda esta actividade profesional e de servizo público recibiu a Medalla Castelao no ano 2010.
Durante toda a súa vida, Pencha -máis aló de ser unha militante feminista- teceu redes con amigas, compañeiras de traballo, etc., e fixo do seu espazo vital na casa reitoral de Cora (A Estrada) unha ágora, un salón de encontros, palabras, xantares e autocoñecemento ao que lle dedicou o tempo por completo desde a súa xubilación. Cómpre sinalar que o acto da súa xubilación en Santiago de Compostela foi unha manifestación de amizade, cariño e recoñecemento a Pencha, ao seu traballo e ao seu xeito de estar no mundo.
Nunha entrevista que lle fixo a TVG, con motivo da concesión da Medalla Castelao, dicía:
A min, agora, só me interesa a causa dos dereitos das mulleres. E así foi: dedicou o seu tempo, do que xa dispuñía totalmente, ao seu crecemento interior, ao coñecemento e desenvolvemento da intelixencia emocional, ao coidado do territorio na súa casa de San Miguel de Cora e a partillar todos estes descubrimentos coas mulleres que ela chamaba “amigas e compañeiras” e, desde logo, a viaxar, outra das grandes paixóns de Pencha durante toda a súa vida.
Durante o período da súa enfermidade, esta rede de amigas e amigos, compañeiras de traballo, etc., devolveulle a Pencha todos aqueles fíos tecidos por ela para acompañala e afrontar o que ía vir, o final da súa vida. E, aínda hoxe, todo ese tecido de amizades sente o silencio e o baleiro da orfandade por Pencha e garda na memoria a esa muller de luz, de vida, con todas as cores do arco da vella, tecedeira de redes e pescadora de soños.
Bibliografía
Marugán Pintos, Begoña (2004): E colleron ese tren: profesionalización das mariscadoras galegas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos.
Otero Cepeda, Encarna e Ruiz Padrón Cepeda, Luis (2022): Mulleres en Compostela. Santiago de Compostela: El Patito Editorial.
Pascual Hernansanz, Alicia (2020): Blanco sobre azul. La formación de la mujer al servicio de la España rural 1951-1980). Madrid: Doce Calles.
Rodríguez, Ángel; Martins, Victoria (2011): Digna rabia, película documental producida pola Universidade de Vigo e a Asociación de Memoria Histórica do 36 de Ponteareas.
Torna, Cilia (18 de abril de 2017): «No 40 aniversario da marcha antinuclear de Xove», Nós diario.
Como citar: Pencha Santasmarinas. Publicado o no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3630. Recuperado o 28/02/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Artigo de Pencha Santasmarinas sobre a profesionalización da mariscadoras galegas. Ver Documento. Artigo
Santasmarinas, Pencha: «Proceso de profesionalización das mariscadoras galegas», Andaina: revista do Movemento Feminista Galego, 54 (2010), 24-28.
Fonte: Andaina / Dialnet.com https://dialnet.unirioja.es/
Laura Gómez Lorenzo e Nanina Santos Castroviejo entrevistan a Pencha Santasmarinas na revista Andaina. Ver Documento. Artigo
Gómez Lorenzo, Laura; Santos Castroviejo, Nanina: «Pencha Santasmarinas: entrevista», Andaina: revista do Movemento Feminista Galego, 54 (2010), 29-34.
Fonte: Andaina / Dialnet.com https://dialnet.unirioja.es/
Análise da situación do colectivo dedicado ao marisqueo feita por Pencha Santasmarinas. Ver Documento. Artigo
Santasmarinas, Pencha: «Ten futuro o marisqueo?», Revista Galega de Economía, 15-1 (2006), 245-250.
Fonte: Repositorio Minerva. USC.
http://hdl.handle.net/10347/19401
Artigo de Pencha Santasmarinas sobre a discriminación sexista no Servizo de Extensión Agraria. Ver Documento. Artigo
Santasmarinas, Pencha: «[Máis de 15 anos de loita das empregadas de extensión agraria]», Andaina. Revista do movemento feminista galego, 11 (1987), 6.
Fonte: Arquivo particular de Encarna Otero.
Pencha Santasmarinas escribe sobre a arte popular como recurso económico na Revista galega de estudios agrarios. Ver Documento. Artigo
Santasmarinas, Pencha: «A arte popular como recurso económico e patrimonio cultural», Revista galega de estudios agrarios, 10 (1984-1987), 211-216.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«Pencha, activista da amizade incondicional», lembranza de Pencha Santasmarinas escrita por Xoán Lópèz Facal. 2021 . Ver Documento. Artigo
Fonte: Arquivo persoal de Encarna Otero.
Este capítulo achega información sobre a creación da
Escuela Nacional de Instructoras RuralesOnésimo Redondo de Aranjuez, na que Pencha Santasmarinas recibiu formación. Ver Documento. ArtigoPascual Hernansanz, Alicia: «Creación de la Escuela Nacional de Instructoras Rurales Onésimo Redondo». En Pascual Hernansanz, Alicia: Blanco sobre azul: la formación de la mujer al servicio de la España rural (1950-1980). Aranjuez: Doce Calles, 2020; 71-89.
Fonte: Arquivo persoal de Encarna Otero.
Tese de doutoramento de Patricia Martínez García na que se menciona especialmente a Pencha Santasmarinas. Ver Documento. Libro
Martínez García, Patricia: Empoderamiento femenino en contextos de gobernanza. Análisis de las experiencias de las trabajadoras de la pesca en Galicia y Euskadi. Bilbao: Universidad del País Vasco, 2016.
Fonte: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Goberno de España.
https://www.mapa.gob.es/
Pencha Santasmarinas é unha das participantes nas Xornadas sobre a historia das Comisións Labregas-Sindicato Labrego Galego. Ver Documento. Artigo
Fonte: Sindicato Labrego Galego
sindicatolabrego.gal
Investigación de Begoña Marugán sobre a profesionalización das mariscadoras galegas, na que se fan numerosas referencias a Pencha Santasmarinas. Ver Documento. Libro
Marugán Pintos, Begoña: (2002): Y cogieron ese tren…. Profesionalización de las mariscadoras gallegas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2004.
Fonte: Arquivo persoal de Encarna Otero.
Pencha Santasmarinas participa na Semana Cultural sobre Vida Comunitaria, celebrada en Santa María de Cabanas, coa conferencia La mujer en el campo. Ver Documento. Artigo
«Semana cultural Santa María de Cabanas», El Progreso, 19871 (24 de xuño de 1971), 19.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Mil e unha Penchas, libro de homenaxe a Pencha Santasmarinas. Ver Documento. Libro
Fonte: Arquivo persoal de Encarna Otero.
Ficha de Pencha Santasmarinas en Mulleres de Compostela, unidade didáctica para ESO e Bacharelato editada por El Patito Editorial.. Ver Documento
Fonte: El Patito Editorial.
https://www.elpatitoeditorial.com/
Ligazóns de interese
«Así viviron as redeiras a crise do Prestige:
Fonte: Galicia confidencial.Simplemente non existiamos aos ollos do Estado», información en Galicia confidencial, (18 de novembro de 2022)
https://www.galiciaconfidencial.com/
Lembranza de Pencha Santasmarinas no programa Paseando por Compostela con mulleres, de Radio Ateneo, emitido o 15 de decembro de 2021
Fonte: Radio Ateneo do Ateneo de Santiago.
https://ateneodesantiago.gal
«Un Castelao para Pencha», artigo de Antón Luaces na edición dixital de La Opinión, (29 de xuño de 2020)
Fonte: La Opinión
https://www.laopinioncoruna.es
Lorenzo Fernández Prieto lembra a Pencha Santasmarinas no artigo «Pencha: unha desas mulleres», en La Voz de Galicia, (2 de abril de 2019)
Fonte: La Voz de Galicia
«Falece ‘Pencha’ Santasmarinas, unha das referentes da loita de Xove», información de Cilia Torna en Nós diario, (1 de abril de 2019)
Fonte: Nós diario
https://www.nosdiario.gal
«Adeus a 'Pencha' Santasmarinas, alma da loita contra a nuclear de Xove», noticia en Praza.gal, (29 de abril de 2017)
Fonte: Xornal dixital Praza.dal
https://praza.gal
O número 7 do Boletín informativo: Red Española de Mujeres en el Sector Pesquero recolle a contribución de distintas mulleres, entre elas Pencha Santasmarinas, (outubro de 2016)
Fonte: Ministerio de Cultura, Pesca y Alimentación.
https://www.mapa.gob.es/
«Cinco séculos máis para acadar a igualdade efectiva de xénero», información de M. del Río sobre o documental Digna Rabia no Diario da Universidade de Vigo (21 de marzo de 2011)
Fonte: DUVI. Diario da Universidade de Vigo
https://www.uvigo.gal
Entrada biográfica de Pencha Santasmarinas na Galipedia
Fonte: Wikipedia.
https://gl.wikipedia.org
Acceso en liña a Mulleres de Compostela, unidade didáctica para ESO e Bacharelato editada por El Patito Editorial.
Fonte: El Patito Editorial.
https://www.elpatitoeditorial.com/
Videos
Entrevista a Pencha Santasmarinas no programa Galegos da TVG, (2 de abril de 2019)
Fonte: TVG / YouTube.com
Encarna Otero fala sobre Pencha Santasmarinas na canle Mulleres en Compostela, (9 de decembro de 2022)
Fonte: Mulleres en Compostela / YouTube.com
A nova do falecemento de Pencha Santasmarinas no Telexornal TVG, ( 2 de abril de 2019)
Fonte: TVG / YouTube.com
Artigos Pencha Santasmarinas
SANTASMARINAS, P. (2/1987) [Sexismo na administración pública] | Andaina. 1ª época (11), 6.