Xornada
Balboa, Macías e Viaño. Creación musical galega a finais do século XX
13 de marzo de 2024
Santiago de Compostela
16:30 horas
Inauguración
16:45 horas
Palestra
Creación musical galega a finais do século XX a través das figuras de Balboa, Macías e Viaño
María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, responsable do arquivo da Real Filharmonía de Galicia e profesora da Universidad Internacional de La Rioja
Lucinio Medel Iglesias, investigador e profesor de Música no IES Breamo de Pontedeume
Javier Ares Espiño, catedrático de piano do Conservatorio Superior de Música da Coruña
17:45 horas
Mesa redonda
Balboa, Macías e Viaño: poemas, cantigas e antistrofas
Maximino Zumalave, director de orquestra e membro da Real Academia Galega de Belas Artes
Miguel Anxo Fernán-Vello, poeta, autor teatral e editor
Roberto Oliveira, percusionista e investigador da figura de Macías
18:45 horas
Pausa
19:00 horas
Concerto de piano con obras de Manuel Balboa, Enrique X. Macías e Xan Viaño, a cargo de Javier Ares Espiño
MANUEL BALBOA
Manuel Balboa (A Coruña, 1958-2004) tivo unha formación interdisciplinaria na que se mesturaron as súas clases de pintura con Aurelio de Lombera, as súas colaboracións coa revista Monsalvat de Barcelona e os seus estudos musicais na Coruña e Madrid. Nesta última cidade contactou con algunhas figuras que foron decisivas na súa traxectoria: Humberto Quagliata, Daniel Stéfani, Pablo Sorozábal, Luis de Pablo, Cristóbal Halffter, Tomás Marco e Jean-Pierre Dupuy.
A listaxe de música incidental do compositor coruñés é moi ampla e abrangue múltiples obras feitas xunto con Francisco Nieva ou co Centro Dramático Galego. Na súa etapa como compositor de música cinematográfica foi moi relevante o seu contacto co director José Luis Garci e as tres películas en que traballaron xuntos: Canción de cuna (1994), La herida luminosa (1997) e El abuelo (1998).
No seu catálogo destacan títulos como: La memoria del viento, ópera de cámara nun acto, con textos de Álvaro Cunqueiro e do propio Balboa; El secreto enamorado, ópera que foi un encargo do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, ou Saturnal, unha encomenda da Real Filharmonía de Galicia que foi estreada o 29 de febreiro de 1996 no concerto inaugural desta orquestra, con Helmuth Rilling como director.
ENRIQUE MACÍAS
Enrique Xerardo Macías (Vigo, 1958-1995) foi un compositor autodidacta. Os que o coñeceron resaltan a súa personalidade irresistible, a súa vasta cultura e a súa inmensa curiosidade.
Participou de 1980 a 1984 nos cursos de verán de Darmstadt cunha bolsa de estudos do Instituto para a Nova Música. Foi compositor residente nos estudios de música electrónica da Radio Finesa en 1981 e na Academia de Música de Cracovia en 1982, así como compositor invitado do Instituto de Sonoloxía de Utrecht en 1985, do Grupo de Investigacións Musicais de París (INA/GRM) en 1986 e 1988 e no STEIM de Ámsterdam en 1988. Tamén traballou no Espazo Musical de París en 1988.
A súa obra obtivo incontables premios, tanto nacionais como internacionais, entre os que se atopan os da Tribuna Internacional Gaudeamus dos Países Baixos (1981 e 1984), o accésit do concurso da Joven Orquesta Nacional de España (1986), a mención de honra do Concurso Internacional de Composición «Fernando Pessoa» de Portugal (1985) ou os da Tribuna de Jóvenes Compositores da Fundación Juan March (1983 e 1987). Representou a España na Tribuna Internacional de Compositores da UNESCO (París, 1985) e recibiu encargos de entidades como Radio Nacional de España, Fundación Gulbenkian de Lisboa, Radio Finesa, Ministerio de Cultura de España, Círculo de Bellas Artes de Madrid, Festival Antidogma de Turín, Universidade de Santiago de Compostela, Radio France, Concello de Vigo, Orquestra Sinfónica de Galicia ou Festival Internacional de Canarias, entre outras.
XAN VIAÑO
Xan Viaño (Ferrol, 1960 - Vigo, 1991) foi un músico polifacético e en gran parte autodidacta, aínda que tivo contacto con compositores e músicos como Maximino Zumalave, Joám Trillo, Josep Soler, Luis de Pablo, Cristóbal Halffter, Tomás Marco, Daniel Teruggi ou Franco Donatoni. Destacan as súas facetas como profesor de instituto, director de coro, investigador e —quizais a máis coñecida e fecunda— compositor.
Na súa vertente compositiva trátase dun músico que, a pesar da súa temperá desaparición, conseguiu escribir unha importante obra que abranguía música coral; lieder; música solista para piano, órgano, violoncello ou violín; para cuarteto de corda; para agrupación de vento metal; para dúo de violoncellos música electroacústica, e, por suposto, obra orquestral. Dentro do traballo antes mencionado destacan obras como: Metamorfosis, gañadora do Premio de Composición Cristóbal Halffter; In memoriam G. C., un encargo de Tomás Marco, figura senlleira no mundo da composición; a obra para piano Visións serias, ou as obras orquestrais Nubens brancas, La nuit froide et sombre e Habbiamo fatto un bagno.
Hoxe a súa obra está gardada no conservatorio que leva o seu nome, o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol.
LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
ASISTENCIA
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións.