• 100º Aniversario  da <cite>ABC del Partido de Corcubión</cite>
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
  • O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
  • A literatura galega da posguerra en Ámerica
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    A literatura galega da posguerra en Ámerica
  • O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
  • Memoria e voces femininas da diáspora galega
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Memoria e voces femininas da diáspora galega
  • O navío Santa Maria e a <cite>Operación Dulcinea</cite>
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
  • 150º Aniversario da <em>Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia</em>
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
  • Galicia onde todo retorna
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Galicia onde todo retorna
  • Outros destinos da emigración galega
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Outros destinos da emigración galega
  • A emigración galega a Europa
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    A emigración galega a Europa
  • No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
  • O exilio galego
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    O exilio galego
  • Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
  • A cultura galega alén mar
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    A cultura galega alén mar
  • As iniciativas educativas da emigración galega
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    As iniciativas educativas da emigración galega
  • Mulleres galegas na emigración
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Mulleres galegas na emigración
  • Vida social e tempo de lecer
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Vida social e tempo de lecer
  • Traballando en América
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Traballando en América
  • De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
  • <!--Historias de ida e volta-->Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
  • Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA
    Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
  • slidebg1
    HISTORIAS DE IDA E VOLTA

Historias de ida e volta

Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.

COLABORA CON ESTE PROXECTO

Os inicios do proceso migratorio: A viaxe

1. Os inicios do proceso migratorio: A viaxe

Entre 1850 e 1960 marchan cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. Os galegos, coma tantos outros pobos, deciden marchar da súa terra na busca dunha vida mellor e de novas oportunidades para facer realidade os seus soños. Pero emigrar non era tan doado. Precisaban, ademais de cartos cos que custear a viaxe, unha serie de permisos e documentos tanto para poder saír do país como para entrar na nova terra de promisión. Imos presentar os primeiros pasos dos e das protagonistas para preparar a partida e iniciar a viaxe.

Ver historia

<!--Historias de ida e volta-->Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba

2. Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba

Ningún visitante da Habana queda indiferente ante a visión do magnífico edificio do antigo Centro Gallego de La Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. Pero a grandeza dos nosos emigrantes na illa non foi só a súa construción senón tamén as decisións que foron aprobadas polos seus socios.
Foi creado en 1879 e ata o ano da súa desaparición como asociación en 1960, o Centro Galego levou a cabo un intenso labor educativo, a prol da alfabetización e formación dos seus socios e despois de toda a poboación habaneira, coa creación do Plantel educativo Concepción Arenal. Tamén destacou no ámbito hospitalario e asistencial, sendo propietario dunha das máis importantes organizacións sanitarias da illa, La Benéfica. Que dicir de todas as medidas tomadas para mellorar a vida cotiá dos galegos residentes na illa caribeña.
Con este especial preténdese difundir eses logros e lembrar o seu pasado como máximo referente da colectividade galega residente en Cuba, sen esquecer aos galegos e descendentes que alí viven e manteñen a pegada da cultura galega na illa.

Ver historia

De Galicia a América: A chegada a un novo mundo

3. De Galicia a América: A chegada a un novo mundo

Dende finais do século XIX e ata mediados do século XX, os galegos e galegas emigraron masivamente cara aos novos países americanos en proceso de industrialización (Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil e mesmo Estados Unidos). A súa emerxente economía, baseada na explotación dos recursos naturais e o desenvolvemento dunha nacente industrialización, precisaba abundante man de obra. Estes países promulgaron leis que propiciaban a chegada de inmigrantes, coas que pretendían poboar amplos territorios baleiros; pero a gran maioría dos galegos e galegas preferiron asentarse nas nacentes cidades, dedicados ao sector servizos, onde percibían máis posibilidades de mellorar laboral e socialmente, e mesmo chegaron a crear pequenas empresas, normalmente familiares. Esta última estratexia facía máis doada a acumulación de aforros e o retorno.
Outro dos factores para a saída masiva dos galegos e galegas cara ao novo mundo foi a influencia das cadeas migratorias: as redes familiares ou de amizade e veciñanza tiñan moita importancia á hora de que unha persoa quixese emigrar e tamén na elección do país de destino. Saber que ao chegar ían contar cun traballo ou axuda para atopalo foi un factor clave. A presenza galega foi esencial para a construción e modernización destes países de acollida.

Ver historia

Traballando en América

4. Traballando en América

A inmensa maioría das persoas que decidiron emigrar de Galicia cara a América procedían do mundo rural. Ao chegaren aos países de destino, lonxe de instalarse no campo, acabaron aveciñándose nas emerxentes cidades, que lles ofrecían maiores posibilidades de emprego e obter beneficios económicos a curto prazo. Dado o seu escaso nivel de formación, a maior parte desempeñou traballos pouco cualificados: operarios da construción, limpadores, fogueiros nos ferrocarrís, cargadores nos peiraos, choferes ou empregados no servizo doméstico, sen esquecer aqueles que seguiron preferindo o mar como medio de subsistencia. Destacaron no pequeno comercio de alimentación e na hostalaría, sendo habitual que os seus negocios familiares pasasen ás mans dos fillos ou sobriños reclamados á terra, retroalimentando deste xeito o proceso migratorio.
O obxectivo común era mellorar as súas condicións de vida e axudar as familias que permanecían en Galicia, pero non todos o lograron. A gran maioría viviu modestamente e algúns acadaron o éxito nos seus negocios, co conseguinte ascenso na escala social e económica.
Nesta ocasión amosamos algúns oficios desempeñados principalmente por homes. A muller galega tamén foi protagonista no fenómeno da emigración, realizando diversas ocupacións, ás que dedicaremos un especial monográfico máis adiante.

Ver historia

Vida social e tempo de lecer

5. Vida social e tempo de lecer

Os ámbitos de sociabilidade dos galegos e galegas nos países de emigración xorden principalmente da necesidade de interacción con familiares, amigos e veciños. Os espazos máis íntimos, como o propio fogar ou lugares públicos (unha praza ou calquera paisaxe natural), representan escenarios onde se fortalecen as redes sociais primarias, tan necesarias para calquera persoa e máis aínda cando se atopa fóra do seu lugar de orixe.
Os emigrantes contaron ademais cun ámbito de socialización importante como grupo étnico a través da súa afiliación aos centros galegos e ás asociacións microterritoriais. Trátase de entidades societarias multifuncionais centradas no mantemento de símbolos, valores e costumes propios da nosa terra para preservar a propia identidade cultural no país de destino fronte ao colectivo nacional e a outros grupos estranxeiros que alí residen.
Neste especial presentamos unha serie de imaxes que reflicten diversas actividades realizadas pola poboación emigrante no seu tempo de ocio, imaxes que envían a amigos e familiares a Galicia para transmitir unha idea de éxito e de gozo da vida. Calquera actividade no lecer rompe coa rutina diaria de traballo e serve para estreitar lazos familiares e de amizades que, pola súa vez, axudan á integración na sociedade de acollida, aínda que coa terra natal sempre no pensamento.

Ver historia

Mulleres galegas na emigración

6. Mulleres galegas na emigración

O papel que a muller galega desempeñou no fenómeno migratorio do noso país é algo incuestionable. A emigración provocou numerosas transformacións na familia tradicional: as chamadas por Rosalía de Castro "viúvas de vivos" permanecen no país como responsables da economía familiar, do fogar e dos fillos, ... pero tamén están as mulleres que emigran cara a outros países en busca dunha vida mellor e se atopan con numerosas dificultades na súa integración, non só como inmigrantes senón tamén por problemas engadidos á súa condición de xénero.
No século XX a presenza feminina vaise incorporando gradualmente ao proceso migratorio. Emigran nas primeiras etapas reclamadas polos maridos, pais ou irmáns, e pouco a pouco a marcha vaise individualizando polas súas propias circunstancias persoais. Funcionan as "cadeas migratorias" e o reagrupamento familiar; non hai que esquecer que a muller se quería emigrar tiña que contar co consentimento paterno ou do cónxuxe.
Unha vez nos países de acollida, as galegas, debido ao seu escaso nivel cultural e profesional, empregáronse nos niveis máis baixos da escala laboral: no servizo doméstico, nos postos menos cualificados das fábricas, na hostalaría, no comercio e nos negocios familiares.
Pero coa emigración tamén tiveron a oportunidade de lograr a súa independencia, formarse, criar e educar os seus fillos nunhas sociedades máis modernas e abertas. E convertéronse en transmisoras da cultura galega e do amor a súa terra para as novas xeracións de galegas e galegos da diáspora.

Ver historia

As iniciativas educativas da emigración galega

7. As iniciativas educativas da emigración galega

O forte sentimento de compromiso e solidariedade dos e das emigrantes galegas coa súa terra de orixe provocou un envío constante de remesas que tiveron grande importancia para a modernización de Galicia. Un dos destinos principais destas remesas foi o eido educativo. O ensino converteuse, así, nun vehículo rexenerador e nun resorte de transformación social.
A intervención escolar dos ausentes realizouse en dúas modalidades: os filántropos indianos, que fixeron achegas económicas en forma de doazóns ou herdanzas testamentarias, que abranguían dende pequenas cantidades para contribuíren ao fornecemento de escolas ata importantes legados para a construción e o mantemento de centros educativos. E as asociacións microterritoriais (de ámbito municipal, parroquial ou aldeá) que se foron creando en América con finalidade instrutiva e que custearon a implantación, dotación e financiamento das chamadas "escolas de americanos". A maioría destas sociedades fundaron escolas laicas, gratuítas, con programas de estudos modernos, inspirados nos países de acollida. As modalidades de intervención escolar foron variadas: dende a construción de edificios de nova feitura (nos que se primou a funcionalidade pedagóxica e a hixiene) ou o arrendamento de locais, ata o envío de doazóns para a mellora das infraestruturas ou de materiais escolares. Estas accións funcionaron como resorte para a expansión da rede educativa na Galicia rural e como axente modernizador das aldeas e parroquias.
As imaxes que se amosan son un pequeno exemplo das numerosas escolas creadas pola nosa emigración, moitas das cales continúan a ser "templos do saber", ben como centros de ensino, ben como bibliotecas, centros socioculturais ou casas de cultura. Para saber máis pódese consultar As escolas da emigración e o catálogo da exposición Luces de alén mar do Consello da Cultura Galega.

Ver historia

A cultura galega alén mar

8. A cultura galega alén mar

A necesidade de sobrevivir cunha personalidade propia fai precisa a reivindicación dunha identidade cultural galega fronte ao crisol de culturas asentadas en América.
A difusión e defensa da cultura galega, tanto en América como en Galicia, pasa a ser un obxectivo prioritario para moitas das entidades de emigrantes. O envío de remesas de cartos para homenaxear a grandes figuras da nosa literatura, da nosa música, mesmo para axudas puntuais en caso de necesidade ou para fomentar a creación e mantemento de institucións culturais en Galicia como a Real Academia Galega ou a Universidade galega, é de todos e todas coñecido. Tamén dende América se impulsan e apoian iniciativas de carácter galeguista como as Irmandades da Fala ou o Seminario de Estudos Galegos.
Danse a coñecer ou publícanse as obras literarias nacidas no Rexurdimento: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal pasan a ser símbolos da patria; e mesmo numerosas asociacións de emigrantes van tomar o seu nome como homenaxe. E, ao tempo, algunhas das figuras máis destacadas da nosa cultura, como Curros, Ramón Cabanillas, Roberto Blanco Torres, Antón Villar Ponte, Eduardo Blanco-Amor, Ramón Suárez Picallo, entre outros, viviron en primeira persoa o proceso migratorio, e será en América onde crean e publican a súa obra.
Tras a Guerra Civil, América, coa chegada do exilio, convértese no baluarte cultural galego. Mentres Galicia estaba reprimida polo réxime franquista, obrigada ao silencio, as manifestacións culturais en galego frutifican en América –revistas, xornais, audicións de radio, editoriais, compañías de teatro, exposicións de arte, cine...–, o que provoca un renacemento da nosa cultura a partir dos anos 50. Figuras como Luís Seoane, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Manuel Meilán ou Lois Tobío vertebran a produción artística e cultural deses anos e inflúen nas novas xeracións.
Neste especial presentamos algunhas das iniciativas culturais que se fixeron dende América por e para a Galicia.

Ver historia

Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX

9. Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX

A crise económica de 1929 marca o punto final da emigración masiva cara a América. Tras a Guerra Civil e a pesar das medidas restritivas do réxime franquista, comezan de novo as saídas cara ao continente americano grazas á reactivación das cadeas e as redes migratorias existentes nos países tradicionais de acollida.
Isto obriga a que en 1946 o Goberno poña de novo en vigor a Lei de emigración de 1924. Nesta fase convive unha emigración de chamada xunto cunha emigración asistida e organizada en función das normas emanadas de organismos internacionais como o Comité Internacional para as Migracións Europeas (CIME) e as necesidades de man de obra dos países receptores, cos que se asinan convenios bilaterais.
Na década dos 50 e 60, catro países absorben a gran maioría dos e das emigrantes galegas cara a América: Arxentina, Uruguai, Brasil e Venezuela. Estes países vivían un momento de crecemento económico e de desenvolvemento industrial que demandaba obreiros cualificados e técnicos especializados, na construción e nas obras de infraestruturas, e traballadores agrícolas. Activouse así unha política selectiva que só permitía entrar nos países a todo aquel que fose reclamado ou levase un contrato de traballo. Numerosos familiares e veciños asentados alí envían cartas de chamada ou contratos laborais, facilitando, deste xeito, todo o proceso burocrático para poder emigrar. Nestas décadas, aínda que continúa o predominio da emigración masculina, hai un aumento considerable da feminina, resultado da política de reagrupación familiar.
Cómpre destacar a importancia de Venezuela como un novo destino a causa do seu rápido crecemento económico, baseado na explotación e exportación das súas grandes reservas petrolíferas, que estimulou a expansión doutras actividades industriais, a construción de infraestruturas e o desenvolvemento do sector servizos.
Nos anos finais deste período aparecen novos destinos en Europa (Alemaña, Francia, Suíza ou Inglaterra), que acabarán por convertese nunha nova realidade migratoria para os galegos e galegas, pero este proceso será analizado noutro especial.

Ver historia

O exilio galego

10. O exilio galego

Nos primeiros días da Guerra Civil, Galicia queda baixo o control dos sublevados. A represión foi durísima e o exilio converteuse na única saída para miles de galegos e galegas que padeceron persecución e cárcere. Fuxiron a Portugal ou a Francia, incluso cara a algúns países africanos como Tunes. Alí, salvo un pequeno grupo que encontrou acubillo, buscaron outros lugares que os acollesen.
En América atopáronse cun amplo conxunto de redes sociais orixinadas e consolidadas pola emigración anterior a 1936. Aínda que as políticas inmigratorias dos países non eran favorables á chegada dos exiliados (agás o caso de México), estas redes puideron facilitar os procesos de desprazamento e a súa inserción socioeconómica e cultural.
Os exiliados cunha cualificación intelectual e técnica superior puxéronse ao servizo dos países de acollida, traballando nas súas universidades e no desenvolvemento de sectores clave da economía, como o industrial, enerxético, manufactureiro ou mecánico. Isto sen contar cos centenares de artistas, escritores ou pintores que ingresaron no mundo académico e cultural, sobre todo en México, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos.
A influencia de intelectuais galegos asentados en Arxentina, como Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Lorenzo Varela e Rafael Dieste, entre outros, converteu Bos Aires no principal referente da nosa cultura nos anos 40 e 50; o mesmo pasou en Uruguai con Lois Tobío e Manuel Meilán, en México con Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo e Luís Soto ou en Estados Unidos con Emilio González López, José Rubia Barcia e José Otero Espasandín, por citar algúns dos casos máis coñecidos. Pero tampouco debemos esquecer a presenza dos exiliados e exiliadas anónimas que se dedicaron a refacer a súa vida e a garantir a súa supervivencia material.
O Consello da Cultura Galega organizou no ano 2001 un congreso para difundir o legado destes homes e mulleres e publicou un dicionario biobibliográfico que recolle as biografías dos exiliados e exiliadas máis recoñecidas pero tamén dos anónimos e as actas das xornadas.
Este especial é unha pequena mostra dos documentos e fotografías que o Arquivo da Emigración Galega conserva nos seus fondos para poñer en valor a súa memoria.

Ver historia

No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina

11. No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina

En setembro de 1921, hai agora cen anos, fundouse en Bos Aires a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, por iniciativa de varios dirixentes da colectividade galega (Antón Alonso Ríos, Manuel San Luis, Enrique Rodal e Joaquín Folgar Lema), nunha reunión para loitar contra o caciquismo. Xa dende as primeiras xuntanzas para a súa constitución prevaleceu o ideario socialista e agrarista dos seus promotores e o compromiso a prol dos sectores sociais galegos máis desfavorecidos.
O 24 de setembro realizouse un congreso constituínte no que se integraron doce das numerosas sociedades parroquiais e comarcais que existían en Arxentina. O 30 de outubro aprobaron a súa primeira Carta orgánica cunha declaración de principios, baseados en textos do Partido Socialista Argentino. En 1927 estaban federadas 40 sociedades, con 5000 socios.
Co tempo xurdiron diverxencias ideolóxicas entre dous sectores da Federación, o que levou en 1929 á súa separación en dúas entidades: a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, de ideario agrarista e galeguista, e a Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, de orientación socialista. A Guerra Civil española provocou a súa reunificación; a nova institución (Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina (FSG) reunía 40 asociacións con máis de 10.000 afiliados. En xaneiro de 1937 creou unha organización propia de axuda e apoio á República española: a Agrupación Gallega de Ayuda al Frente Popular Español, que impulsou un importante movemento de solidariedade e axuda económica á república e aos refuxiados.
A Federación funcionou como un organismo político que traballaba por e para Galicia, sen esquecer os aspectos relacionados coa integración social dos emigrantes. Xa no século XXI, centra a súa actividade cultural na creación do Museo da Emigración Galega (MEGA) como museo, biblioteca e centro de investigación e difusión da emigración galega en Arxentina.
Para conmemorar o seu centenario, o Arquivo da Emigración Galega publica este especial, amosando parte da documentación e do arquivo fotográfico dos seus fondos, para recoñecer e difundir o seu labor de compromiso na defensa dos galegos de aquí e de acolá.

Ver historia

A emigración galega a Europa

12. A emigración galega a Europa

A partir de 1959, en Galicia produciuse unha inversión de correntes migratorias, ao abandonarse paulatinamente o tradicional desprazamento de poboación cara ao continente americano. Diríxese maioritariamente cara a aqueles países europeos que se atopaban en pleno desenvolvemento industrial e tecnolóxico e que precisaban man de obra estranxeira. Mentres que noutras zonas de España o corte do fluxo migratorio cara a América foi máis radical, o caso galego presentou un período en que se producían correntes simultáneas cara aos dous continentes. Os destinos elixidos foron principalmente Alemaña, Suíza, Francia e Holanda, seguidos do Reino Unido e Bélxica. A procedencia dependía do ano pero en xeral, Ourense foi a provincia protagonista dos fluxos cara a Europa. Entre 1959 e 1973, preto de dous millóns de españois emigraron cara a Europa. As estatísticas utilizadas na maioría dos estudos proveñen do Instituto Español de Emigración (IEE). Estas, loxicamente, non se axustan á realidade de xeito estrito pois habería que atender á emigración non asistida.
A nivel xeral fálase dunha emigración masculina pero a tendencia era variable dependendo do destino, ano e maneira de entrar en cada país receptor. Moitas mulleres galegas incorporáronse á corrente migratoria clandestina e integráronse en nichos de traballo nos que a súa man de obra cobraba un papel dominante. Homes e mulleres desenvolveron a súa actividade produtiva nos sectores secundario e terciario maioritariamente. Non todos os países seguían dinámicas idénticas en canto á acollida, contratación, dereitos laborais ou protección socio-sanitaria.
A integración dos e das emigrantes nos destinos europeos estaba suxeita ás dificultades derivadas das diferenzas culturais, como por exemplo o idioma. Ademais, incluso a distribución espacial e características das vivendas dos traballadores estranxeiros impedían dalgún modo a interacción social coa sociedade de acollida e, mesmo, a propia reagrupación familiar. O grao de integración nas novas sociedades foi relativo, agás os que non chegaron a retornar ou formaron parellas mixtas. Ás veces a liña que separaba as relacións sociais no traballo era moi difusa, xa que se trababa de compañeiros, amigos e mesmo veciños á vez, polo que compartían espazos comúns tanto no ámbito público coma no privado. O tempo de ocio en numerosas ocasións era cambiado por horas extraordinarias de traballo, co fin de incrementar os aforros no menor tempo posible.
A partir de 1973 o mercado de traballo dos principais países de acollida quedou afectado pola crise do petróleo e a conseguinte desaceleración económica. A man de obra estranxeira viu minguadas as posibilidades de traballar e, inclusive, afrontou a rescisión de contratos laborais antes do tempo previsto. A pesar de todo, tras o retorno de protagonistas da emigración exterior continental dos anos 60, non se chegou a romper por completo o vínculo inherente ao propio proceso migratorio. Boa proba diso son os movementos migratorios que se están a producir na actualidade. Moitos dos descendentes dos que foron pioneiros repiten hoxe os mesmos destinos, pero cunha formación académica superior, que lles permite desenvolver traballos máis cualificados.
Neste especial pretendemos ofrecer unha visión xeral do que era a vida cotiá dos emigrantes galegos durante os anos 60 e 70 nos destinos continentais de maior prevalencia.

Ver historia

Outros destinos da emigración galega

13. Outros destinos da emigración galega

Cando escoitamos falar da emigración galega sempre pensamos nos destinos tradicionais como: Arxentina, Cuba, Brasil, Venezuela ou Uruguai e, no caso de Europa: Suíza, Alemaña, Reino Unido ou Francia. Pero como hai galegos e galegas ata “na lúa” parafraseando a coñecida canción, este especial vai dedicado a eses países de acollida nos que, se ben a presenza dos galegos non destacou a nivel cuantitativo, si o fixo pola importancia cualitativa adquirida en determinados sectores produtivos da súa economía.
A chegada de emigrantes galegos a países americanos sen tradición migratoria vén dada por diversos motivos, entre os que se atopa a existencia de cadeas migratorias durmidas. Xa a finais do século XIX e principios do XX, en varios destes países viviu unha pequena colectividade galega que conseguiu un certo éxito social e económico, pero que por circunstancias políticas ou económicas, mesmo climáticas e sanitarias, non chegou a constituírse nun foco de atracción para a nosa emigración. Esas cadeas, nun novo contexto, foron reactivadas por circunstancias puntuais como a necesidade de man de obra en determinados sectores produtivos en auxe.
Así, podemos destacar a emigración galega a Panamá, país que xa a comezos do século XX contou con traballadores galegos para as obras de construción da súa canle, onde deixaron unha pegada transcendental que marcou o seu protagonismo dentro do grupo de man de obra europea. Nos anos 50 e 60, o Istmo volveu ser considerado como un destino atractivo, para os galegos e galegas que na súa maioría procedían da comarca do Carballiño e de Forcarei ou da Estrada, entre outros lugares. Chegaron a ese país nun momento de auxe auspiciado pola influencia estadounidense reflectida na súa economía e na xestión desa gran vía de comunicación interoceánica. Outro caso singular foi o dos e das veciñas da Costa da Morte, que neses mesmos anos emigraron cara á costa peruana. O reagrupamento familiar foi unha vía de consolidación e integración da colectividade nestes países.
A emigración asistida por parte do Goberno español das décadas dos 50 e 60 tamén levou a que moitas galegas e galegos optasen por probar fortuna en países descoñecidos para eles, cunha lingua e unha cultura totalmente alleas, como é o caso de Canadá ou Australia.
Neste especial o AEG amosa fotografías e documentos que moi amablemente foron cedidos por algúns dos seus protagonistas.

Ver historia

Galicia onde todo retorna

14. Galicia onde todo retorna

O feito migratorio en Galicia é un elemento inherente á súa identidade cultural. Sería imposible entender a actualidade contemporánea da nosa comunidade sen ter presente este fenómeno. Se atendemos ás cifras oficiais ‒sen ter en conta a emigración clandestina–, cabe lembrar que entre 1810 e 1970 se estimou unha partida cara ao exterior de 2.250.000 emigrantes, que colleron distintos rumbos co fin de probar sorte e construír futuro. Coa crise do petróleo, a partir de 1973, a emigración masiva chegou á súa fin e deu paso á chamada emigración de retorno, tanto desde os principais receptores do continente americano como desde os países europeos que brindaron oportunidades de superación a milleiros de galegas e galegos.
Neste especial tócanos atender ao que nun principio parecía a última etapa dun proceso pechado, pero o certo é que, unha vez iniciado o ciclo, nunca conclúe por completo. Experiencias e afectos nacidos na emigración son transferidos dunha xeración a outra para continuar impregnando a identidade desa “Galicia Exterior” que se leva dentro, aínda que o retorno sexa un feito que forme xa parte do noso pasado.
Non debemos esquecer que retornar significa emigrar de novo aínda que, ás veces, os propios emigrantes non teñan plena conciencia diso. Unha gran maioría non ten dúbida da súa decisión de regresar á terra, incluso antes de emprender a súa aventura migratoria. Canto máis duradeira sexa a estancia no país de destino, máis se complica o retorno, por moi desexado que este sexa. Moitas persoas marcharon soas e voltan con toda unha familia formada no estranxeiro. Os seus fillos e netos, nacidos na sociedade de acollida, chegan a Galicia cheos de ilusión, en idades ás veces complicadas e cunha identidade híbrida.
O proceso de retorno parece menos duro que cando os e as emigrantes partiron cara a países descoñecidos por primeira vez, pero non sempre é así. Cando saíron de Galicia eran mozos e mozas cunha capacidade de adaptación social máis flexible. Cando volven, en moitos casos, xa non son tan novos e chegan con costumes adquiridos doutra cultura, outro clima, outros olores, sabores e sons. A natural comparativa en situacións cotiás entre "alá" e "aquí" faise unha constante que dura bastante tempo, o que non quere dicir que o desexo de regresar ao que consideran “o seu lugar” se desvaneza, pois a morriña é un sentimento que sempre prevalece.

Ver historia

150º Aniversario da <em>Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia</em>

15. 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia

Neste ano celébrase o 150 aniversario fundacional da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana. O Consello da Cultura Galega, con este especial, quere conmemorar esta efeméride coa difusión de parte dos fondos documentais da sociedade que se conservan no AEG e poñer en valor o seu legado a prol da colectividade galega asentada en Cuba.
A creación desta lonxeva entidade respondeu a unha crecente demanda e necesidade dos integrantes da colonia galega na illa, cada vez máis numerosa no último terzo do século XIX, que reclamaban unha solución para os milleiros de emigrantes que, por problemas de saúde ou de falta de traballo e recursos económicos, se vían abocados á indixencia e ao desamparo. Para evitar que se convertesen nun problema de orde pública ou que quedasen no máis completo abandono, un pequeno grupo de emigrantes de gran renome no sector das finanzas, o comercio ou a empresa, secundados por numerosos compatriotas solidarios, decidiu agruparse e crear unha sociedade benéfica seguindo o exemplo da colectividade catalá, que en 1840 creara a Sociedad de Beneficencia Catalana.
Así, o 31 de decembro de 1871 fundouse a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (en diante SBNG). No seu primeiro regulamento definíase como unha institución benéfica, caritativa, protectora e asistencial, con tres prioridades básicas: socorrer con doazóns mensuais os paisanos galegos desvalidos e que estaban sen traballo, facilitarlles asistencia sanitaria en caso de enfermidade e asumir a repatriación para os que tivesen que retornar. Co paso do tempo as súas actividades iranse ampliando no campo cultural e de axuda mutua, sendo moi importante a construción dun gran panteón no cemiterio Colón da capital cubana, onde descansan miles de socios da entidade.
Os fundadores pretendían tamén dignificar o papel dos galegos e galegas na illa ante os cubanos e os emigrantes doutras nacionalidades. Comezan, así, a reivindicar a cultura galega como algo distintivo, organizando festivais de música, conferencias e homenaxes a grandes escritoras como Rosalía de Castro, Virginia Felicia Aubert ou Juana Mª de Vega, ás que nomearon como socias de honra da sociedade. Anualmente, cada 25 de xullo, celebraban a festividade do Día de Galicia cunha gran festa e un desfile polas rúas habaneiras.
Ao longo do século XX o prestixio da entidade mantívose na colectividade. A SBNG estivo moi vinculada ao Centro Galego da Habana, en cuxo palacio dende 1922 pasou a ocupar un despacho, onde aínda hoxe atende, na medida das súas posibilidades, as necesidades dos e das socias. As circunstancias tras a revolución cubana cambiaron e os seus bens foron expropiados, pero a entidade permaneceu activa, conservando e xestionando o panteón social e mantendo a chama de Galicia nas súas actividades.

Ver historia

O navío Santa Maria e a <cite>Operación Dulcinea</cite>

16. O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea

O navío de pasaxeiros Santa Maria foi o transatlántico portugués máis soado a nivel internacional do século XX. Pertenceu á frota de buques da Companhia Colonial de Navegação (CCN). Este paquebote de luxo foi construído en Bélxica en 1953 e transportou pasaxeiros durante vinte anos, a maioría deles eran emigrantes galegos, españois e portugueses. Realizaba a ruta regular entre Europa e América do Sur, con escala tamén na costa de Florida (EUA). As súas características técnicas e servizos especiais —semellantes ás do seu homólogo, o buque Vera Cruz— non foron as que fixeron que tivese tanto alcance mediático. Malia o prestixio que tiña, sendo o único navío de pasaxeiros portugués que mantiña unha liña de conexión regular entre Portugal e os Estados Unidos, o seu verdadeiro protagonismo obedece a unha acción armada desenvolvida a bordo no mar Caribe na mañanciña do 22 de xaneiro de 1961, bautizada como Operación Dulcinea. Esa acción armada, que derivou no secuestro do Santa Maria, foi cometida por un grupo de activistas políticos galegos e portugueses, fundadores da agrupación denominada DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación / Direção Revolucionària Ibérica de Libertação). Este movemento pretendía crear unha corrente de opinión pública internacional contraria aos réximes ditatoriais vixentes nos dous Estados ibéricos, o salazarista e o franquista. Tentaba desencadear un fenómeno de converxencia política e apoio capaz de derrubar ambas as dúas ditaduras. Ao mesmo tempo, procuraba a liberación dos territorios colonizados por España e Portugal no continente africano. Na captura do buque participaron 24 membros do DRIL. A operación estivo principalmente encabezada polo excapitán portugués Henrique Galvão e dous galegos: Xosé Velo Mosquera, que foi quen concibiu gran parte desta, e o excomandante da Mariña de guerra da República española Xosé Fernández Vázquez, máis coñecido como comandante Soutomaior.

Ver historia

Memoria e voces femininas da diáspora galega

17. Memoria e voces femininas da diáspora galega

O pasado día 8 de marzo celebrouse, un ano máis, o Día Internacional da Muller. Aínda hoxe, en pleno século XXI, é preciso continuar coa loita polos dereitos da muller. No mundo actual, tan convulso, continúan, desde os países máis desfavorecidos, os desprazamentos de homes e mulleres para sobrevivir ou en busca dunha vida mellor. Neste especial, o Arquivo da Emigración Galega (AEG) quere dar a coñecer a experiencia migratoria das galegas que no pasado século protagonizaron a diáspora cara a outros países.
Elas emigraron, ben xunto cos seus pais, homes ou fillos, ou ben soas, na busca de novas oportunidades laborais, económicas e de liberdade. En América e nos países europeos industrializados traballaron, formáronse e integráronse nunhas sociedades que lles ofrecían máis posibilidades de acadar os seus soños. Nun proceso tan longo no tempo e tan espallado no espazo, a súa situación foi dispar, pero amosaron o seu pulo e loita para mellorar a súa situación, reunir uns aforros, formar unha familia, educar os seus fillos..., sen esquecer a súa terra natal e os que aquí quedaron. Sempre co pensamento posto nun retorno a Galicia que en moitas ocasións non lograron.
Hoxe toca darlles visibilidade a algunhas desas protagonistas que no seu tempo acadaron sona pola súa traxectoria vital e profesional, pero que non son suficientemente recoñecidas. Son galegas –nacidas en Galicia ou na emigración– que, por amor a terra, defenderon a nosa cultura e identidade fóra das nosas fronteiras e llelas transmitiron ás novas xeracións. Foron escritoras, xornalistas, artistas, educadoras, científicas... ou esposas e compañeiras de vida de intelectuais e políticos galegos que destacaron grazas ao seu apoio.
Con elas homenaxeamos a todas as mulleres galegas emigrantes ou exiliadas. Recuperar a súa memoria e difundila na nosa sociedade é unha das tarefas do AEG. A quen lle interese coñecer máis información sobre elas ou sobre outras moitas mulleres salientables pode consultar na web do CCG o Álbum de Galicia.

Ver historia

O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica

18. O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica

Galicia débelles moito a aqueles ilustres filántropos que un día marcharon cara a América. Cun futuro ás veces incerto, lograron saír á boia fóra da súa terra natal e desenvolveron todas as potencialidades e talentos persoais. O feito de facer grandes fortunas era un signo de éxito, pero máis aínda o de compartir inxentes cantidades do seu capital coa comunidade de procedencia. Un dos exemplos máis salientables de acción filantrópica en Galicia foi o representado por José García Barbón y Sola. Era un verinés nacido o 30 de marzo de 1831, na parroquia de Santa María a Maior. Dos seus pais, Victorio e Manuela, pouco se sabe. Ao parecer o pai era un comerciante asturiano asentado en Verín e a súa nai unha traballadora do establecemento.
Coma tantos rapaces da época, José García Barbón emigra sendo apenas un adolescente. A illa de Cuba sería o seu destino, alí desembarca en 1844 con tan só 13 anos de idade. A súa figura non se pode entender se non se fai referencia ao papel representado polo seu tío Luciano, responsable en boa medida do que sería un futuro florecente durante a súa etapa migratoria na Habana. Luciano García Barbón foi quen reclamou ao seu sobriño José. Na Habana brindoulle o apoio que precisaba para desenvolver unha carreira que estaría chea de éxitos financeiros. A súa traxectoria empresarial conseguiu alcanzar un ritmo vertixinoso, pero iso non lle impedía sacar tempo para ocuparse dos asuntos da colectividade galega na illa. Participou, así, na primeira comisión directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (1872) e foi socio impulsor da fundación do Centro Galego da Habana. Os historiadores relatan que obtivo notable recoñecemento na organización masónica cubana. Sempre estaba pendente dos máis necesitados e axudaba aos paisanos e paisanas que atravesaban crúas e penosas situacións.
En 1884 retorna a Verín, con 53 anos cumpridos e moitas gañas de continuar co seu labor social intenso e altruísta, a favor da súa comunidade de orixe. Unha proba diso atopámola na construción do Colexio San José de Verín, a reconstrución da igrexa parroquial, do santuario dos Remedios e moitas máis obras benéficas.
Trasladouse a Vigo en 1894, xunto á súa irmá Carlota, viúva e con catro fillos. Debido a que José García Barbón rexeitaba todo alarde de publicidade, houbo numerosas actos benéficos que pasaron desapercibidos. A Cocina Económica, a Casa de Caridad, o Hospital Elduayen, asilos e numerosos particulares debíanlle gratitude pola protección prestada.
As obras máis salientables levadas a cabo na cidade olívica foron a construción da Escola de Artes e Oficios, xunto á adquisición e recuperación do Teatro Rosalía de Castro. Tamén regalou o terreo para a construción do Asilo del Niño Jesús e contribuíu para edificar as Escuelas Salesianas del Arenal.
Foi un home de negocios ata que a morte o sorprendeu. O afamado Hotel Balneario de Cabreiroá e as augas do mesmo nome, internacionalmente recoñecidas, foron froito da súa creación, xunto á empresa de ómnibus e a Electra de Verín. José García Barbón faleceu o 7 de marzo de 1909 e deixou un legado que hoxe perdura e que debemos trasladar ás novas xeracións.

Ver historia

A literatura galega da posguerra en Ámerica

19. A literatura galega da posguerra en Ámerica

Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. A súa condición de galeguista e de exiliado en México foi determinante na súa obra. Coma el, moitos e moitas galegas, escritores, xornalistas, poetas, mestres, artistas... tiveron que fuxir da represión durante a Guerra Civil e tras a derrota da República. Como homenaxe a todos eles, este especial mostra algunhas das obras máis destacadas da nosa literatura creada e/ou editada no continente americano.
Na posguerra a literatura galega mantívose vixente grazas á colectividade emigrada e aos intelectuais exiliados que conseguiron acubillo alén mar. Bos Aires converteuse no principal centro da actividade editorial en galego e as e os escritores e poetas galegos alí asentados difundiron as súas ideas de loita a prol da defensa dos ideais republicanos e galeguistas nas revistas e libros que se publicaban. Un dos seus referentes foi Luís Seoane, que destacou pola súa actividade emprendedora na creación de editoriais e na publicación de varias revistas como Galicia Emigrante. Traballou, xunto con outros exiliados como Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, José Otero Espasandín, Xosé Núñez Búa, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos ou Ramón Suárez Picallo, na defensa e afirmación da identidade cultural galega. Contaron co apoio da colectividade emigrada como Ramón Rey Baltar, Eduardo Blanco-Amor, Emilio Pita, Manoel D. Varela Buxán, Antón Zapata, Avelino Díaz e tantos outros, que contribuíron nesta tarefa coas súas obras e o seu compromiso. Tamén hai que destacar a grande influencia que tiveron Castelao e a súa obra como símbolo e guieiro do galeguismo tras a guerra.
Outro foco cultural galego de relevo deuse en México, arredor da Irmandade Galeguista e o grupo Saudade, que editou a revista homónima. Destacaron polo seu labor cultural os poetas Florencio Delgado Gurriarán, Ramón Cabanillas e Luís Soto, que crearon, xunto co xornalista Ramiro Illa Couto, a revista Vieiros. En Montevideo instaláronse intelectuais de gran valía como Lois Tobío, Miguel Vázquez Valiño, Pedro Couceiro, Arturo Carril ou Eduardo Dieste, moitos deles participaron no Padroado da Cultura Galega, que realizou un destacado labor editorial. En Caracas pódese citar a Xosé Velo, Silvio Santiago ou Celso Emilio Ferreiro; na Habana, a Xerardo Álvarez Gallego ou Fuco Gómez, e nos Estados Unidos, a Ernesto Guerra da Cal, Ramón Martínez López, José Rubia Barcia e Emilio González López, por citar algúns dos máis coñecidos.
Co paso dos anos as relacións entre a Galicia do exterior e o grupo de intelectuais do chamado “exilio interior” vanse facendo máis estreitas e fluídas. Aínda que con diferenzas ideolóxicas, primou o interese na defensa da nosa cultura e a amizade de moitos deles. En América publicábanse obras en galego que estaban prohibidas ou censuradas aquí; dende alí chegaban remesas que impulsaban iniciativas culturais e publicacións de revistas e obras literarias.

Ver historia

O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa

20. O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa

Na serie de especiais de Historias de ida e volta que vimos desenvolvendo desde o Arquivo da Emigración Galega (AEG), presentamos a continuación a vixésima entrega, dedicada á figura de Pedro Murias, emigrante destacado pola súa acción filantrópica no eido educativo, que repercutiu directamente sobre a súa comunidade de orixe e que segue vixente no tempo.
Fillo do matrimonio formado por Xoán e Casimira, Pedro Murias y Rodríguez naceu o 20 de maio de 1840, na parroquia da Devesa, concello de Ribadeo (Lugo). Coma tantos outros galegos, emigrou a América con tan só 16 anos de idade. Cuba sería o destino elixido, no que lle esperaba un futuro próspero e florecente. Alí descubriu un mundo cheo de posibilidades, que lle permitiron desenvolver o seu talento como home de negocios, e mesmo chegou a ser unha figura distinguida no sector da industria do tabaco, un dos motores máis importantes da economía da illa. Se atendemos aos seus inicios, vemos que foron comúns ao resto dos emigrantes galegos procedentes de familias humildes, que seguían os pasos dalgúns familiares predecesores na aventura migratoria.
A súa vida, coma un lenzo en branco, foise enchendo de coñecementos e experiencias que nada tiñan que ver coas anteriormente vividas no seu lugar de orixe. Na Habana iniciouse no mundo tabaqueiro como aprendiz de oficio nos “chinchales” ‒talleres artesáns con poucos operarios‒, ata se converter nun experto torcedor de tabaco. Durante os anos oitenta do século XIX, na capital había máis de cen establecementos comerciais de tabaco e cigarros, con marcas acreditadas a nivel internacional. Pedro Murias chegou a ser fabricante e propietario de varias desas marcas, que formarían parte da gran manufactura de exportación por excelencia (La Meridiana, La Devesa, Pedro Murias etc.). Ademais de ser propietario de grandes extensións de terra dedicadas ao cultivo de tabaco, minas de ferro e cría de gando, Pedro Murias diversificou os seus investimentos en diferentes sectores como, por exemplo, o transporte marítimo costeiro, o ferrocarril, inmobiliario, fabricación de cervexa e xeo, prensa e actividades financeiras vinculadas cos seguros e a banca.
A figura de Pedro Murias non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado deixado na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino pioneiro, co claro obxectivo de achegar o adianto agrícola a toda a comunidade. Trátase dunha escola que levaría o seu nome, Escola Agrícola Pedro Murias. A parte do seu capital hereditario destinada á construción da dita escola consta, con todo detalle, no testamento pechado outorgado con data do 22 de maio de 1892. Este adiñeirado benfeitor devesán faleceu na Habana o 9 de novembro de 1906, solteiro e sen descendencia directa.

Ver historia

100º Aniversario  da <cite>ABC del Partido de Corcubión</cite>

21. 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión

O 26 de agosto de 1922 un grupo de emigrantes naturais dos concellos do partido xudicial de Corcubión que residían en Bos Aires reuníronse para constituír unha asociación con fins agraristas e instrutivos. Liderados por Antonio Díaz Novo, Manuel Areas Blanco, Ricardo Montero, Benigno Vieites, Domingo Traba, José Quintáns Pazos e Casto M. Insua, entre outros, fundaron a Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión. A importante colectividade integrada polos e polas emigrantes de Corcubión, Cee, Fisterra, Vimianzo, Muxía, Dumbría, Camariñas e Zas acudiu á chamada dos fundadores e asociouse en gran número á nova entidade, que chegou a contar con máis de 5000 socios na década dos 50, o que nos dá conta da súa importancia no ámbito da colectividade galega en Arxentina.
A defensa e a loita pola modernización da terra que os vira nacer e que tiveran que abandonar en busca de oportunidades foron sempre parte das súas prioridades. A súa unión serviu tamén para acadar protección e apoio mutuo ante as vicisitudes que se lles presentaron no país de acollida: a partir dos anos 30, os socios gozaron de servizos gratuítos de asesoramento legal, asistencia médica e farmacia ou socorros económicos puntuais para os máis desfavorecidos. Sobre todo destaca a súa contribución á educación dos nenos e nenas da comarca, algo esencial para o seu porvir laboral e económico. Na asemblea de socios de xuño de 1929 apróbase un ambicioso plan para construír nove centros escolares, un en cada concello do distrito e o noveno en Bos Aires. Sobre este tema pódese consultar a web As escolas da emigración, que o Consello da Cultura Galega publicou hai uns anos. A ABC chegou a inaugurar catro escolas, pero o seu proxecto educativo freouse polo estalido da Guerra Civil.
Nas páxinas do seu voceiro social, a revista Alborada, creada en 1925 e que hoxe continúa a publicarse, temos ampla información das actividades culturais, benéficas e recreativas levadas a cabo ao longo deste século de existencia.
Na actualidade o seu presidente, Carlos O. Ameijeiras Miñones, continúa co labor dos seus predecesores no cargo e visita a miúdo a terra dos seus antepasados para difundir a memoria histórica da asociación. Na conmemoración do seu centenario, o Consello da Cultura Galega publica este especial para manifestar o seu recoñecemento e parabéns a todos e todas as socias desta lonxeva institución por todo canto ben fixeron pola súa terra e desexarlles unha próspera andaina no futuro.

Ver historia

Axúdanos a recuperar o patrimonio documental

Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega Campaña de recollida das coleccións particulares dos nosos emigrantes.

Erro: Comproba os campos!
Arquivo da Emigración Galega

Carolina García Borrazás: +0034 881 995 148
Teresa García Domínguez: +0034 881 995 143
aemigracion@consellodacultura.gal


As imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitos deles proceden de coleccións particulares que a cidadanía puxo á disposición da sociedade a través do Consello da Cultura Galega; teñen un gran valor informativo e incrementan o coñecemento sobre os procesos migratorios en Galicia.

Instrucións para colaborar