Fernando Blanco de Lema
Cée (A Coruña), 18/ 10/1796 - A Habana (Cuba), 5/4/1875Autoría: Darío Areas Domínguez
O filántropo que cambiou a historia educativa e cultural de Cee
En diez y ocho de octubre de mil setecientos nobenta y seis, Don Francisco Xavier Domínguez Medinilla Cura Vicario de la Villa de Ze y San Esteban de Lires su anejo bauptizé solemnemente, y puse los Santos Óleos aun Niño hijo lexitimo de Don Juan Blanco de Lema y Doña Josefa González vezinos de dicha Villa, nieto por su padre de Ambrosio Blanco y Benita de Lema, y por su madre de Don Manuel Suárez y Doña María Antonia González. Púsele nombre Fernando Manuel. Fue su padrino Don Fernando Blanco Clérigo Diácono que entendió lo que ha contrahído [...].
Esta é a partida de nacemento de Fernando Manuel Blanco de Lema extraída do Libro de Bautizados de 1796 da Parroquia de Santa María da Xunqueira de Cee.
Ninguén dos que alí estaban e presenciaron ese momento podían imaxinar que ese neno cambiaría, e de que xeito, o devir da historia da vila de Cee. A súa nenez distou moito de ser feliz. A precaria situación das vilas e aldeas do rural galego marcaba, sen lugar a dúbidas, os primeiros pasos dos cativos, e no caso que nos ocupa, o de Fernando Blanco de Lema, eses difíciles comezos víronse agravados por unha serie de acontecementos tráxicos que marcarían o seu futuro.
Antes de cumprir os dous anos faleceu o seu pai, feito que cortou de raíz os poucos ingresos económicos cos que contaba a unidade familiar. Figura clave nos seus primeiros anos de vida foi Fernando Blanco Giance, o seu curmán e padriño de bautizo, natural de Cee e cura en San Xoán de Mazaricos, quen non dubidou en axudar de forma desinteresada á súa tía Josefa, nai de Fernando Blanco, para poder sacar adiante aos seus cinco fillos. Pero a vida aínda lle gardaba máis sorpresas desagradables ao daquela pequeno Fernando Blanco de Lema.
Na madrugada do 13 de abril de 1809, durante os cruentos acontecementos da Guerra da Independencia, as tropas francesas masacraron aos chamados Defensores de Ponte Olveira, un nutrido grupo de veciños de distintas localidades da Costa da Morte, que alí se xuntaran para evitar o avance do exército napoleónico. Entre as vítimas estaba Fernando Blanco Giance, curmán e padriño de Fernando Blanco de Lema. As tropas francesas entraron en Cee e continuaron xustificando a sona de brutalidade que deixaran en toda Galicia, profanando e prendéndolle lume á igrexa de santa María da Xunqueira. Os veciños viron o desastre dende os montes próximos onde se agocharan. Seguramente dende eses montes ollou Fernando Blanco de Lema eses sanguinarios sucesos que habían de cambiar o rumbo da súa existencia.
Á temperá idade de trece anos emigra a Cuba, tomando nese momento a decisión máis dura da súa existencia, pois supoñía deixar atrás todo aquilo que estimaba e amaba: familia, amizades, veciñanza, terra en definitiva. Pero cando chegou a Cuba, sen dúbida, esa tráxica infancia fixera madurar o seu carácter. Fernando Blanco atopou unha sociedade de economía florecente que en nada se parecía á que acababa de deixar na súa amada Galicia.
Entrou a traballar nunha tenda de ultramarinos e, despois duns anos, co diñeiro aforrado, fíxose emprendedor. Dedicouse ao negocio da ferraxería, mantendo relacións comerciais cos EEUU grazas aos contactos que lle proporcionaba o seu curmán Bartolomé Blanco, emigrado en Nova York. Os beneficios que lle reportaban os seus negocios investíaos en accións de distintas compañías e bancos cubanos e norteamericanos, o que lle proporcionou grandes beneficios.
O dous de abril de 1875, cando contaba con 78 anos de idade, e tres días antes de morrer, fixo testamento ante o notario do distrito de Guadalupe da Habana. As dez follas que compoñen o testamento serían o piar no que se asentou boa parte do desenvolvemento educativo e cultural da vila da Xunqueira e a súa contorna.
No teniendo herederos forzosos, y pudiendo por consiguiente, disponer libremente de todos mis bienes, es mi última voluntad que con ellos se funde, en mi pueblo natal, un colegio de primera y segunda enseñanza, que se dará gratuíta hasta donde alcancen mis rentas, así consta na cláusula 15ª do dito testamento, cláusula que determinaría a construción do actual I.E.S. Fernando Blanco e da antiga Escola de Nenas, inaugurados en 1886 e 1887 respectivamente.
O Instituto Fernando Blanco converteuse no motor educativo e cultural de Cee e da comarca. Foi un centro modélico no seu tempo, contando cun innovador proxecto pedagóxico, adaptado e equiparable aos máis avanzados institutos da súa época. Este instituto por instalacións, por material didáctico e por profesorado, estaba considerado dos máis importantes do país, con todo o que iso supuxo para a veciñanza, que sempre viu nel o lugar no que xurdían múltiples iniciativas que tiñan o firme propósito de contribuír ao progreso educativo, cultural, social e económico da vila. Con 135 anos xa ás súas costas, o dourado soño de Fernando Blanco de Lema segue moi vivo, como podemos comprobar no día a día.
Polo que respecta á antiga Escola das Nenas é, dende o ano 2001, a sede do Museo Fernando Blanco, onde está exposto parte do material didáctico e artístico adquirido a finais do século XIX para o Colexio-Instituto, e no que se poden ver dende unha das principais coleccións de material científico de Galicia ata lenzos do gran retratista Federico de Madrazo.
A finais do século XIX contar con dous centros educativos destas características só estaba ao alcance das grandes cidades, e grazas a eles a veciñanza puido ter acceso a un ensino de altísima calidade e totalmente gratuíto que, de non ser polo amor infinito do fundador pola súa vila natal sería unha verdadeira utopía. Galicia en xeral, e Cee en particular, ten e terá sempre unha débeda impagable co altruísmo e xenerosidade dos fillos que, obrigados, deixárona atrás, pero que sempre, sempre, levárona no corazón.
Bibliografía
Saavedra Rey, Salvador et al. (1996): Educación e patrimonio. A herdanza dunha Fundación. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Rey , Enrique; Castro, Antonio (1974): «Historia de la Fundación Fernando Blanco», Compostellanum, XIX.
Como citar: Areas Domínguez, Darío : Fernando Blanco de Lema. Publicado o 29/11/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27587. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Reprodución dun artigo escrito por Baldomero Cores Trasmonte na revista Alborada, editada en Bos Aires. O autor fai unha reseña completa sobre a vida de Fernando Blanco de Lema e a súa pegada eterna na vila de Cee.
«Proyección eterna de Fernando Blanco de Lema», La Noche: único diario de la tarde en Galicia cite>, 11358 (14 de agosto de 1957), 9 e 10.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.
Pequena reseña sobre Fernando Blanco de Lema e descrición da súa obra filantrópica.
«Un gran filántropo y su hermosa obra»,Vida Gallega: ilustración regional, 423 (30 agosto de 1929), 9.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.
O Sr. Muñoz Garde, gobernador civil da provincia da Coruña, é acompañado polas autoridades de Cee e Corcubión ata as instalacións da Escola de nenas e o colexio-instituto Fernando Blanco. O director espuxo a orixe e desenvolvemento dos centros educativos e a importante figura do seu benfeitor, Fernando Blanco de Lema.
«El gobernador de Cee preside la inauguración del curso en el
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.Colegio Blanco», El ideal gallego: diario católico, regionalista e independiente, 3339 (24 de outubro de 1928), 1 e 2.
Representacións teatrais e musicais no colexio-instituto Fernando Blanco (1907)
«La Fundación Fernando Blanco de Lema en Cée», Galicia: revista quincenal ilustrada, 30 (15 de outubro de 1907), 12.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.
A redacción de El Eco de Galicia resalta a figura do filántropo Fernando Blanco de Lema. Ademais, acusa recibo da Memoria (curso 1900-1901) do, entón chamado,
Colexio de Santa María de Cee, hoxe IES Fernando Blanco.«D. Fernando Blanco de Lema», El Eco de Galicia: órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud-Americanas , 365 (10 de decembro de 1901), 3.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.
Testamento de D. Fernando Blanco de Lema
Fonte: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Fundación Fernando Blanco de Lema
Fonte: Fundación Fernando Blanco de Lema
http://museofernandoblanco.org/es/inicio/ [2022-11-27]
Fernando Blanco de Lema no proxecto de recuperación do legado educativo da emigración: As escolas da emigración (AEG)
Fonte: As escolas da emigración: un proxecto do Arquivo da Emigración Galega
http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/?promotor=Blanco+de+Lema+y+Suarez+PrietoF2Fernando+M. [2022-11-27]