Nós: De onte a hoxe

Nós: De onte a hoxe

Non é posible comprender Galicia e a súa cultura sen a xeración Nós e o rico legado que deixou. O Consello da Cultura Galega recolle neste especial contidos producidos pola institución que dan conta da vida, obra e impacto dun grupo de intelectuais que entenderon Galicia como un proxecto integral. O centenario, neste 2020, da fundación da revista Nós, voceiro dese grupo de intelectuais, é un bo motivo para repasar a súa herdanza.

Ao longo de 2020 incorporaremos ao especial novos materiais biográficos, documentais e de reflexión ao redor da revista Nós e a xeración que a ideou.

Álbum Nós

O Álbum Nós é unha colección dixital de biografías de persoas vencelladas dunha ou outra forma á revista Nós. Con esta iniciativa de carácter divulgativo, o Consello da Cultura Galega súmase neste ano 2020 ás conmemoracións polo centenario desta histórica cabeceira, un proxecto clave para a dignificación e modernización da cultura galega.

Ver Álbum Nós

  • Augusto María Casas Blanco

    Poeta vangardista, sendo mozo deu os seus primeiros pasos ao redor dos homes de Nós. Naceu en Ourense o 25 de xaneiro de 1906. Era irmán do escritor e axitador cultural Álvaro de las Casas, fillos ambos de Antonia Blanco Nieto e do avogado José Casas González. Entre 1916 e 1923, Augusto María estudou no instituto de Ourense onde cadra con profesores como Salvador Padilla, Joaquín Núñez de Couto, Marcelo Macías e, moi probablemente, con Ramón Otero Pedrayo que conseguira praza no centro como docente en 1921. Ao rematar o ensino medio, trasládase a Santiago de Compostela onde se licenciará en Dereito. Nos anos universitarios empeza a darse a coñecer como poeta en revistas e xornais, entre eles El Compostelano, Vida Gallega e El Pueblo Gallego. Con dezanove anos publica o seu primeiro libro, un poemario en castelán titulado Alma triste. Rosario de sonetos líricos (1925). Editado en Ourense con elegante portada de Julio Prieto Nespereira, reúne un feixe de composicións formalmente moi traballadas.
    Nos anos de formación en Compostela comparte angueiras culturais con mozos algo maiores ca el, entre os que lembrará con especial agarimo a Correa Calderón, Fermín Bouza Brey e Luís Amado Carballo. Compaxina os estudos cos faladoiros no café Español que frecuentaban Carlos Maside e Augusto Assía e con actos públicos como o que tivo lugar en marzo de 1926, no restaurante El Asesino, onde leu uns versos de homenaxe a Lois Tobío Fernández. Naquela alegre xuntanza estaban tamén Martínez López, Magariños Negreira, Filgueira Valverde e Bouza Brey.
    Apenas un mes antes, en febreiro de 1926, Augusto María ingresa no Seminario de Estudos Galegos coa lectura de «Festa no ceo e na terra», versos que, ben poucos meses despois, o 25 de xullo de 1926, aparecerán publicados no número 31 da revista Nós. Esta será a súa primeira colaboración coa senlleira publicación.
    Ese mesmo ano idea con Cándido Fernández Mazas, que acababa de regresar de París onde coñecera a Tristán Tzara, a colección Galaxia; segundo apunta Ricardo Carballo Calero, esta colección foi precursora da editorial do mesmo nome que iniciará a súa andaina nos anos 50. En Galaxia, cuxa dirección se localiza na propia casa familiar dos irmáns Casas Blanco, aparecerán tan só dous pequenos caderniños. Co número 1, a novela O Purgatorio de don Ramiro de Ramón Otero Pedrayo, asinada en xullo de 1926, e co número 2, Muiñada d´estrelas, unha breve narración en prosa de ton lírico, de Augusto M.ª. Ambos volumes, coidadosamente imprentados en La Región, aparecerán con debuxos de Xohán Rafael, pseudónimo do propio Fernández Mazás. No derradeiro dos exemplares anúncianse publicacións de Amado Carballo, Florentino López Cuevillas, Eugenio Montes e Vicente Risco. Infelizmente nunca chegaron a imprentarse.
    En 1927 trasládase a Madrid para preparar as oposicións que o habían converter en funcionario no Ministerio da Gobernación. Na capital, asiste aos famosos faladoiros sabatinos de Ramón Gómez de la Senra, no café Pombo. Coñece alí o ultraísmo e outros movementos vangardistas e comparte entusiasmo co seu veciño ourensán, tamén participante no faladoiro, Eugenio Montes, en cuxa homenaxe, no hotel Roma de Ourense, lerá uns versos en agosto de 1926, para felicitar ao culto profesor que acababa de gañar a cátedra do Instituto de Cádiz.
    Nesa mesma altura, Augusto M.ª gaña un certame sobre música galega que se tiña organizado en Ourense cun xurado integrado por Salvador Padilla, Marcelo Macías, Jaime Pérez Colemán e Otero Pedrayo. Fíxose co segundo premio por un traballo titulado «Gaiola de leenda», o primeiro recolleríao Fermín Bouza Brey con «Civitas Aurea». O día 26 de xuño de 1927 celebrouse no Teatro Principal da cidade a gala de entrega de premios, actuou como mantedor Basilio Álvarez.
    Militante activo das vangardas líricas galegas e moi próximo ao grupo ourensán de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, Casas publica, en 1932, na editorial Nós que dirixía Ánxel Casal en Santiago de Compostela, o seu primeiro poemario en lingua galega, O vento segrel, coetáneo de Señardá (1930) de Aquilino Iglesia Alvariño, de Vieiros(1931) de Ricardo Carballo Calero ou de Mar ao norde (1932) de Álvaro Cunqueiro. O noso autor, membro do que se ten dado en chamar Xeración do 25 ou Xeración das Vangardas, converterase naqueles anos nun dos máis afervoados defensores do papel anovador dos mozos fronte ao traballo literario dos autores de máis idade. Este seu primeiro volume en galego, encadrado dentro do hilozoísmo, recorre efectivamente a técnicas vangardistas e contén imaxes innovadoras pero é, en conxunto, un poemario paisaxista redactado en versos e estruturas clásicas.
    En marzo de 1936, consolidada a súa fama como poeta e como xornalista, comeza a asinar unha sección de Crónicas Parlamentarias no xornal El País: diario republicano de la tarde. Tras o remate da Guerra Civil, en 1941, Augusto María Casas trasládase a Barcelona onde ocupa un posto de responsabilidade no Ministerio da Gobernación. En 1948 figura como un dos socios fundadores do Centro Galego daquela cidade, a cuxas instalacións acode con frecuencia e con cuxo presidente, o tamén poeta e escritor en galego Manuel Casado Nieto, mantiña unha estreita relación de amizade.
    A comezos de 1950 recibe, no porto de Barcelona, o seu irmán Álvaro que tras catorce anos fóra de España, desde o inicio da guerra, regresa, enfermo, desde Río de Xaneiro. Álvaro falecerá ao pouco de chegar, o 8 de marzo de 1950, e o seu irmán decide que os seus restos sexan trasladados a Sabucedo de Montes (Ourense) onde descansa na actualidade.
    Ese mesmo ano aparece Isa folla solta que vai polo río, no que o poeta abandona o vangardismo e se adscribe á estética saudosista. Nesa mesma liña está Cántigas da noite moza, tamén de 1950, publicado en Pontevedra, na colección Benito Soto, no que predominan o lirismo e o sentimentalismo. Doce anos despois aparecerá Alén, na colección Salnés da editorial Galaxia con prólogo de Ramón Otero Pedrayo. En 1965, na mesma colección, aparece Servidume da Treva, un feixe de poemas nos que predominan a angustia e o desamparo e nos que o saudosismo se volve máis acedo e escuro. Contén un poema dedicado a Cuñá Novás, precursor da chamada Escola da Tebra.
    En castelán, en verso, publicou Panal y flor (1927) con prólogo de Manuel Machado e unha escolma de poesía titulada Las mejores poesías de Rosalía de Castro. En prosa, asinou en 1950 un libro de relatos titulado La tierra del alma y otros cuentos e unha colección de biografías: Alí-Bey. Vida, viajes y aventuras de D. Domingo Badía (1943), El Papa Luna (1944), Alí-Bey el Abasí en Marruecos (1944) e Fray Junípero, el Apóstol de California (1949).
    Augusto María Casas Blanco faleceu en Barcelona o 22 de Nadal de 1973. Cinco anos despois, a súa viúva, Aurora Valpole, doa a biblioteca do seu home ao Centro Galego da cidade condal.
    Bibliografía

    Alonso Girgado, L., Fariña Miranda, M. (2003): «Limiar», en O vento segrel, A Coruña, Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Clemente, R. (1963): «Augusto Casas evoca sus tiempos de estudiante en Compostela», La Noche, 20/3.

  • José María Calviño Mariño

    Apaixonado republicano e comprometido galeguista, mantívose sempre fiel ás súas ideas José María Calviño Mariño naceu o 29 de agosto de 1892 na parroquia de Figueroa, no concello de Cerdedo. Era fillo de José Calviño Cabada e de María Dolores Mariño Beiro. Con pouco máis de dezasete anos, en 1909, emigrou á Arxentina e quizais foi naquel verán, antes de embarcar, cando coñeceu a Sofia Casanova e tivo a oportunidade de asistir á Semana Tráxica de Barcelona. Ao seu regreso, apenas un ano despois, aceptou un traballo como camareiro no Hotel Palace da Coruña, onde servía ás mesas de Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, María Guerrero ou Margarita Xirgú. Mozo inquieto e con vontade de aprender, ao saír de traballar asistía, no Kiosco Alfonso, ao faladoiro que presidía Rof Codina ao que tamén acudían Lustres Ribas e Blanco Torres. Alí trabou amizade con Álvaro Cebreiro e con Antón Villar Ponte e coñeceu ás principais figuras da Xeración Nós -Vicente Risco, Otero Pedrayo- e, segundo afirmaba, mesmo a García Lorca a quen admirou ata o final da súa vida. Asistiu á Asemblea Nacionalista de Monforte os días 18 e 20 de febreiro de 1922 onde parece que, na polémica entre cultura ou política, elixiu a liña defendida por Vicente Risco pois apenas uns meses despois forma parte da Irmandade Nacionalista Galega. Curiosamente, a finais de 1922, o seu nome aparece na delegación do pequeno grupo da cidade da Coruña onde, como é ben sabido, a maioría dos membros das Irmandades tiñan optado pola liña política. A ING da Coruña, encabezada por Antón Villar Ponte, inclúe tamén os nomes de Álvaro Cebreiro, Alfredo Canalejo e o do avogado Xosé Calviño Domínguez. Entre o 18 e o 19 de marzo de 1923, cando se celebra a V Asemblea das Irmandades, desta vez na Coruña, Calviño forma parte dunha minoría obreirista que promove un movemento cara ao proletariado urbano. Xunto a el están Xaime Quintanilla, César Parapar e Ramón Villar Ponte. Nalgún momento dos anos 20 debeu preparar unha oposición á carteiro urbano e conseguir unha praza en Lalín, onde se fai amigo íntimo do administrador de Correos, Antonio López Varela. Nestes anos coñeceu a Esclavitud Moure Moure coa que casa a comezos do mes de novembro de 1928, en Ourense. nunha cerimonia, na igrexa de Santa Eufemia do Norte, oficiada polo líder agrarista Basilio Álvarez, quen, ao rematar, pronunciou un discurso en galego. O padriño de voda foi Vicente Risco e asinaron como testemuñas Ramón Otero Pedrayo e Cuevillas. O matrimonio tivo varios fillos, entre eles María Dolores e Ángeles, afillada de Ramón Otero Pedrayo. Pese á familiaridade que parece unilo ao cenáculo fundador da revista Nós, ata onde sabemos, nunca publicou nela. Cómpre aínda así, deixar constancia de que no número 12 da senlleira publicación, aparecido o 25 de agosto de 1922, o nome de José María Calviño figura na lista dos socios de número da sociedade Nós ao lado dos de Pedrayo, Arturo Noguerol, Risco, Castelao, Losada Diéguez, Ramón e Antón Villar Ponte, Leonardo Rodríguez e Francisco Lamas. En 1931, José María Calviño, apoia desde as páxinas de El Pueblo Gallego, nas que colabora con asiduidade como corresponsal de Lalín, o «Manifesto del Comité Organizador de la Agrupación Lalín al servicio de la República», un coidado texto asinado o 15 de abril dese ano polo industrial Alfredo García, o médico Fernando Lalinde del Río, os avogados Manuel Mosquerol e Alfredo García e polo oficial de Correos Andrés Iglesias. Neste explícito texto inclúense unha ducia de postulados entre os que figuran: contribuír á consolidación do réxime republicano, “esvaecer equívoco de incompatibilidade entre a República e o sentimento relixioso, defender os principios e normas esencialmente favorables aos problemas do agro e mais o compromiso de espertar o sentimento de personalidade rexional cooperando coas entidades galegas que actúan neste sentido. Parece pois que Calviño, lonxe xa da Coruña, secunda a adscrición dos irmáns Villar Ponte ás organizacións agraristas. O 23 de xaneiro de 1934, participa na fundación do grupo lalinense do Partido Galeguista. Xunto a el están Manuel Noguerol, Xaime Arias, Xesús Iglesias Surribas, Siro García Guitián, Fernando e Plácido Goianes. Ánxel García, Luís Perez, Luis Villaverde, Salvador García, Celso Carrón, Xosé Otero (Laxeiro). Apenas un ano despois, incorpórase o mestre Xesús Golmar Rodríguez que en 1934 estaba destinado en Vilalba. Apartado de Correos durante a guerra, en xuño de 1940 concédeselle o reingreso tras unha excedencia voluntaria, obtendo destino en Vigo. Moi pronto consegue traslado ao Carballiño onde dedica ás súas forzas ao estudo do patrimonio local e, na medida do posible, a dinamizar a vida cultural da vila. En 1951 aparece á fronte de Ambiente. Órgano semanal de Acción Católica do Carballiño (1951-1954?). Unha coidada publicación que saía os domingos e incluía bastantes artigos en lingua galega e sobre a cultura e o patrimonio da contorna. Aínda que é unha revista de marcado carácter relixioso, en absoluto allea, naturalmente, ás ideas políticas propias do momento, a publicación ofrece certo pluralismo. Mostra do que dicimos é un artigo de Calviño, «Grata noticia. Nuestro idioma en la Universidad»; publicado en 1953, no número 81, no que saúda e loa o emprego do galego en ámbitos formais e cultos. Entre os colaboradores de Ambiente podemos destacar os nomes de Ramón Otero Pedrayo, Fariña Jamardo, José Luís López Cid, Ferro Couselo, Ángel Sevillano, Bautista Álvarez ou Pedret Casado, entre outros moitos. Nestes anos escribe tamén para o xornal ourensán La Región

  • Xosé Filgueira Valverde

    Investigador e escritor, colaborador de Nós, é considerado o último polígrafo das letras galegasNaceu en Pontevedra o 28 de outubro de 1906. No instituto da súa vila natal foi alumno de Losada Diéguez, Castelao e Sobrino Buhigas. Co primeiro comeza a asistir a faladoiros, e en 1923 xunto con outros alumnos da Universidade de Santiago de Compostela funda o Seminario de Estudos Galegos. Licenciouse en Dereito en 1927 e en 1928 comezou a traballar como profesor no Instituto de Pontevedra. Deu clase en Lugo entre 1935 e 1940, cando regresou á súa vila natal, e dirixiu o instituto desde 1946 até a súa xubilación en 1976. Dirixiu tamén, desde 1942, o Museo de Pontevedra, do cal participara na súa creación xa en 1927.
    No SEG dirixiu a sección de Historia da Literatura, até o desmantelamento da mesma en 1936. En 1935 comezou a preparar unha escolma da poesía galega, co propósito de que estivese feita para 1937, centenario do nacemento de Rosalía. A escolma, acompañada dunha enquisa para múltiples autores, foi editada en 2008 co título Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada. En 1925 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega na que ingresa como académico de número en 1941, ocupando a cadeira de Casto Sampedro.
    Foi membro do Partido Galeguista, organización que deixou en 1934 xunto con outros militantes de Pontevedra, para ao ano seguinte formar Dereita Galeguista, partido que apoiou o Estatuto de Autonomía de 1936. Logo da guerra civil formou parte de comisións de depuración do profesorado, e animou a Otero Pedrayo para que solicitase a reposición da súa cátedra, da que fora deposto. En 1959 Filgueira Valverde foi nomeado alcalde de Pontevedra, cargo que ocupou durante nove anos. Durante a súa etapa na alcaldía procurou a conservación da zona vella da vila.
    Dirixiu o Instituto Padre Sarimiento entre 1971 e 1981, formou parte do primeiro padroado do Instituto da Lingua Galega e presidiu a Casa Museo de Rosalía de Castro. Foi o primeiro Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, no primeiro goberno de Xerardo Fernández Albor. Presidiu o Consello da Cultura Galega entre 1991 e 1996, substituíndo no cargo a Ramón Piñeiro. Recibiu numerosos recoñecementos, como a Medalla Castelao, o Premio Trasalba ou o doutoramento honoris causa polas Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.
    O seu primeiro artigo na revista Nós apareceu no número 21, do 15 de setembro de 1925, con continuación no número seguinte. O texto fala de Ero de Armenteira, o fundador do mosteiro de Santa María, e vén sendo un extracto do traballo lido por Filgueira Valverde no Seminario de Estudos Galegos o 24 de novembro do ano anterior: a cantiga CIII das Cantigas de Santa María, tema sobre o cal faría tamén a súa tese de doutoramento, dirixida por Armando Cotarelo Valledor e defendida en 1935. Sobre a lenda de Armenteira escribiu outro artigo, aparecido nos números 25 e 26 da revista.
    Xa no número 37, de xaneiro de 1927, incluíuse o artigo «A paisaxe no Cancioneiro da Vaticana», de novo un extracto do traballo presentado no Seminario de Estudos Galegos. No número 92 (agosto de 1931) publica «Sobre as cantigas de Martín Codax», falando dun estudo do profesor José Joaquim Nunes.
    No número 31, de xullo de 1926, aparece o relato «O paspallás», que aparecería publicado en 1971 no volume Quintana viva. Nos números 44 (agosto 1927), 54 (xuño de 1928) e 82 (outubro de 1930) publica varios contos baixo o título «Artistas aldeáns», recuperados tamén en Quintana viva. No número 48 (decembro de 1927), na sección «Os homes, os feitos, as verbas», escribiu o breve texto «Encol dos primeiros moimentos galego-portugueses».
    No número 62 (febreiro de 1929) aparece «A eirexa pre-románica de Francelos», onde narra a visita feita o 12 de agosto de 1927 ao templo situado no concello de Ribadavia, xunto a Manuel Gómez Moreno e Florentino López Cuevillas, ao abeiro da Junta de Ampliación de Estudos. O número 71 da revista Nós foi unha homenaxe a Losada Diéguez, falecido en 1929, e Filgueira Valverde, que fora alumno del no Instituto de Pontevedra, colaborou co texto «Unha lección de Lousada Diéguez».
    No número 75 da revista publica «Dúas notas». Dunha banda, un texto sobre a biblioteca do bispo tudense Manuel Lago González (1865-1925), a quen en 1973 lle habían adicar o Día das Letras Galegas, e doutra, escribe sobre o arqueólogo estadounidense Arthur Kingsley Porter (1883-1933).
    No número 79, baixo o epígrafe «Estampas composteláns», escribe o artigo «A duquesa de Chevreuse en Santiago», falando do paso de Marie de Rohan pola vila en 1638.
    A última colaboración de Filgueira Valverde en Nós é o artigo «Cancioneiriño de Compostela», unha escolma de cantigas e poemas onde se fala da cidade do apóstolo, desde a lírica medieval até a actualidade. Apareceu como separata exenta no nº 103 de Nós, en xullo de 1932, con continuación no número seguinte, e recuperou o tema co libro Cancioneiriño novo de Compostela (1969). Obra A obra de Filgueira Valverde é moi extensa, especialmente a nivel científico e divulgativo. Abrangue campos diversos como a biografía, a historia da arte, a arquivística, bibliografía, a edición ou a etnografía, ademais de varias obras sobre a súa cidade natal. Entre 1979 e 1996 publicou a serie Adral, nove volumes que inclúen 616 artigos de temática relacionada con Galicia escritos para a prensa. Se ben a obra de Filgueira Valverde se centrou na investigación, sendo novo cultivou tamén a creación literaria: Os nenos (narrativa, 1925. Edicións Lar) O vigairo (narrativa, 1927. Lar) Quintana viva (narrativa, 1971. Galaxia) Agromar (teatro, 1936) 6 canciones de mar “in modo antico” (poesía, 1941)

    Bibliografía

    Alonso Montero, Xesús (2015): Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual. Vigo: Xerais. Real Academia Galega (2015): Boletín da Real Academia Galega. Número 376. Valle Pérez, Carlos (ed.) (2007): Xosé Filgueira Valverde. 1906-1996. Un século de Galicia. Museo de Pontevedra.

Documentos sonoros do ASG


Escoita conferencias, homenaxes e entrevistas a membros da Xeración Nós.

Publicacións do CCG


Unha selección de publicacións do CCG sobre a Xeración Nós.

Roteiros

Coñece Galicia a través das súas letras
Castelao en Pontevedra

Roteiro Castelao en Pontevedra

Este roteiro percorre a cidade máis querida por Castelao, onde desenvolveu boa parte da súa actividade cultural e política.

Castelao no Barbanza

Roteiro Castelao no Barbanza

Praias, monumentos, castros e espazos vitais definen este roteiro pola banda sur, a arousá, da comarca do Barbanza, onde Castelao pasou os seus primeiros anos.

Otero Pedrayo no rural ourensán

RoteiroOtero Pedrayo no rural ourensán

O señor de Trasalba foi un grandísimo coñecedor das súas terras natais, entre o Ribeiro, a Serra Martiñá e os ríos Miño e Barbantiño. Este itinerario permítenos coñecer escenarios de enorme valor histórico e etnográfico vinculados a don Ramón.

Carballo Calero, entre a academia e a creación

RoteiroCarballo Calero

Entre a academia e a creación.