f Vicente Risco | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Vicente Risco

Ourense, 1884 - Ourense, 1963

Biografía

----

Vicente Risco

Ourense, 1884 - Ourense, 1963

Autoria: Xusto G. Beramendi

DOI: 10.17075/adg.2483

(Ourense, 1884- Ourense,1963)


Fillo dun avogado funcionario de Facenda que descendía dunha familia de administradores e corrixidores da casa de Alba en Castro Caldelas, cursou o bacharelato no Instituto de Ourense (1984-1899) e Dereito (1899-1906) en Santiago por imposición paterna. En 1907 emprégase na Delegación de Facenda de Ourense. A súa formación intelectual, basicamente autodidacta, desenvólvese neses anos mozos entre o faladoiro da Comisión de Monumentos e as lecturas dos filósofos vitalistas e irracionalistas, dos decadentistas franceses e ingleses, dos románticos alemáns e, mesmo, de ocultistas e teósofos, influencias que compartía cos seus amigos Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Arturo Noguerol, nunha apertura ás modas intelectuais máis en voga na Europa do momento, que resultaba insólita naquela cidade de provincias. Dende 1910 colabora en El Miño e traduce textos hindús, de Verlaine e doutras figuras das vangardas literarias. Insatisfeito coa vida de funcionario, en 1913 decide dedicarse á docencia, para o que fai os tres cursos da Escola Superior de Maxisterio en Madrid, e en 1916 gaña a cátedra de Historia da Escola Normal de Ourense, posto en que se xubilará en 1954.
En 1917 promove, con Arturo Noguerol e Florentino López Cuevillas, La Centuria. Revista Neosófica e pouco despois ingresa nas Irmandades da Fala, recrutado por Antonio Losada Diéguez. Nos seus artigos n’A Nosa Terra, Risco amósase axiña partidario dunha definición plenamente nacionalista das Irmandades. En febreiro de 1918, participa activamente na campaña electoral a prol da candidatura de Lois Porteiro a deputado polo distrito de Celanova. En novembro é un dos persoeiros principais da I Asemblea Nacionalista, realizada en Lugo, acto de nacemento do nacionalismo galego e da reivindicación dun Estado galego dentro da Federación Ibérica. Dende 1919 encabeza, con Antonio Losada, o sector das Irmandades contrario á participación nas eleccións e á alianza cos republicanos. Probablemente a eles se debe a elección do 25 de xullo como Día Nacional de Galicia na II Asemblea Nacionalista (Santiago, 1919). En 1920 pon en marcha a revista Nós, xunto con Losada, Castelao e Noguerol, e publica Teoría do nacionalismo galego, obra que o converte no maior teórico do movemento. Desenvolve o legado de Manuel Murguía para sentar o canon do concepto de nación galega, alicerce do programa das Irmandades, e insiste na necesidade de construír forzas políticas exclusivamente galegas para poder cumprilo.
A tensión entre a tendencia demócrata, con centro na Irmandade da Fala da Coruña, e a tradicionalista, encabezada por Losada e Risco, desemboca finalmente na escisión na IV Asemblea (Monforte, 1922). Dun lado fica a Irmandade da Coruña e algunhas afíns (Vilalba, Betanzos). Doutro, o resto de agrupacións que deciden cambiar o tipo de organización ?pero non o programa? para constituíren a Irmandade Nazonalista Galega (ING), da que Vicente Risco é nomeado Conselleiro Supremo. A traxectoria da ING é curta, por mor do golpe de Estado do xeneral Miguel Primo de Rivera en setembro de 1923, mais Risco ten tempo de ensaiar un tipo de organización xerarquizada e disciplinada que inicia unha certa recuperación de efectivos, que establece unha alianza co agrarismo de Basilio Álvarez e que practica o rexeitamento frontal do sistema da Restauración.
A instauración do réxime militar interrompe toda actividade política. Calvo Sotelo convence a Antonio Losada da conveniencia de colaborar co Directorio Militar, coa promesa de conceder a Galicia unha Mancomunidade como a que obtivera Cataluña en 1914. Risco, con moitas dúbidas, secunda a Losada e acepta ser deputado provincial de Ourense. Os dous promoven unha reunión das catro deputacións, que ten lugar en Santiago, para elaborar o proxecto de Mancomunidade. Pero a ditadura deriva axiña no camiño dun españolismo pechado que non admite a menor mostra de descentralización. Cando en 1925 é promulgado o Estatuto Provincial, que non deixaba oco a ningunha Mancomunidade, Risco e Losada dimiten dos seus postos e abandonan momentaneamente a política.
Entre 1925 e 1929, Risco dedica todas as súas enerxías á actividade intelectual: á revista Nós, a consolidar a sección de Etnografía do Seminario de Estudos Galegos, á produción literaria, a innumerables ensaios e artigos sobre filosofía da historia, arte e política. É un período en que a fecundidade e diversidade da súa produción acada unha magnitude extraordinaria. En 1929 négase a diluír o nacionalismo galego no experimento híbrido da ORGA e participa activamente, no ano seguinte, na reorganización do nacionalismo, nomeadamente nas provincias de Ourense e Pontevedra. É o principal impulsor da VI Asemblea Nacionalista (1930), que non consegue a reunificación total do movemento, pero si darlle un novo pulo en moitos lugares. Contribúe tamén con achegas doutrinais decisivas, entre as que salienta El problema político de Galicia. En maio de 1930 marcha a Alemaña, pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios, para estender os seus coñecementos de etnografía. A visión da grave crise sociopolítica centroeuropea provoca nel unha rotunda radicalización católico-dereitista, que se manifesta nas páxinas do seu Mitteleuropa.
En 1931, coincidindo coa chegada da República, Risco e Otero Pedrayo dirixen a unión de todos os grupos nacionalistas da provincia no Partido Nazonalista Repubricán de Ourense (PNRO) como instrumento para competir nas eleccións ás Cortes Constituíntes do 28 de xuño. Coligado cos radical-socialistas e cos da ORGA, o PNRO consegue un escano para Otero Pedrayo. Risco, tamén candidato, obtén uns resultados discretos. En novembro, en protesta polo carácter laico da Constitución republicana, asina o manifesto Afirmación católica dun grupo de nacionalistas. Era o anuncio da súa pertinaz oposición a case todo o que significaba a II República, menos á posibilidade de acadar a autonomía para Galicia. En decembro adhírese por carta á fundación do Partido Galeguista (PG), aínda que por primeira vez non está presente nun gran acontecemento do devir do nacionalismo.
No seo do PG, cunha maioría de prorrepublicanos, Risco vai perdendo ascendente. Retorna ás súas prédicas illacionistas no campo das alianzas en nome da pureza nacionalista. As súas teses prevalecen por derradeira vez en 1933 e o PG preséntase en solitario ás eleccións de novembro, co resultado de que, aínda aumentando os seus votantes en toda Galicia, perde os tres deputados que tiña. Isto, unido á actitude antinacionalista dos gobernos de centro-dereita que conxelan o proceso autonómico e ás persecucións que sofre o partido despois dos sucesos de outubro de 1934, convence a maioría dos galeguistas de que só hai futuro para a autonomía e para o propio nacionalismo galego nunha alianza coas esquerdas españolas que desprace as dereitas do poder en Madrid e culmine a tramitación da autonomía. Dirixido por Castelao e Bóveda, o PG establece unha alianza con Izquierda Republicana en 1935. Risco xa non asiste á IV Asemblea do PG (abril de 1935) e deixa que sexa Otero Pedrayo quen leve o peso da oposición a esa deriva do PG cara á esquerda. Pero a asemblea apoia a alianza, o que provoca a pequena escisión da Dereita Galeguista de Pontevedra. En febreiro de 1936, ante a entrada do PG no Frente Popular, Risco e un pequeno grupo de seguidores, entre os que non figura Otero, sae do partido para fundar a Dereita Galeguista, organización que non ten tempo de consolidarse antes do comezo da Guerra Civil. Non obstante, colabora na campaña do referendo do Estatuto de autonomía, realizado o 28 de xuño.
Nos primeiros días da sublevación militar, temendo represalias polo seu nacionalismo, abxura deste e apoia publicamente o novo réxime franquista. En 1937 participa na fundación de Misión, revista católica na que publica numerosos artigos belixerantemente antimarxistas, antidemocráticos, mesmo antisemitas, e, por suposto, enxalzadores do franquismo. O mesmo fará nas súas colaboracións case diarias en La Región. Rematada a guerra, vai temperando as súas posturas até deixar por completo os pronunciamentos políticos. Como nos anos da ditadura de Primo de Rivera, volve dedicarse exclusivamente á docencia, aos estudos etnográficos, á historia e á literatura. Segue a colaborar na prensa, probablemente para complementar os seus magros ingresos de profesor, pero con temas apolíticos.
En 1945, o desexo de cambiar de ambiente e a esperanza de mellorar a súa situación económica lévano a solicitar, e gañar, a cátedra de Paidoloxía e Organización Escolar en Madrid. Con sesenta e un anos, Risco marcha á capital esperanzado con triunfar no científico e no literario. Colabora en El Español, Pueblo e La Estafeta Literaria, e traballa no Centro de Estudios de Etnología Peninsular. Tamén publica libros da máis variada temática. Pero o triunfo non chega e, desilusionado, decide volver a Ourense no curso 1948-1949. Reincorporado á súa cátedra da Escola Normal, os últimos anos da súa vida discorren entre a docencia, o faladoiro do Café Roma, as colaboracións na prensa, sobre todo en La Región, e a escritura científica e literaria. Xubilado en 1954, morre o 30 de abril de 1963, pechando co final da súa vida o capítulo do primeiro nacionalismo galego, xusto antes de que se abrise o segundo co nacemento do Partido Socialista Galego e da Unión do Pobo Galego.

Como citar: Beramendi, Xusto G. : Vicente Risco. Recuperado o 22/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2483

Vicente Risco

Ourense, 1884 - Ourense, 1963

Autoria: Ricardo Gurriarán

DOI: 10.17075/adg.2483

O teórico do nacionalismo galego

Moi afeccionado ao esoterismo e á literatura de vangarda, tras fundar en Ourense a revista La Centuria acercouse ao galeguismo e converteuse no gran teórico do nacionalismo galego e nun intelectual brillantísimo, director da revista NÓS e da Sección de Etnografía e Folklore do Seminario de Estudos Galegos. A partir dunha viaxe de estudos a Alemaña en 1930, becado pola Junta de Ampliación de Estudios, pero sobre todo desde a sublevación militar de 1936 a súa ideoloxía fundamentouse nos principios dun catolicismo integrista e dun reaccionarismo social absoluto.

Vicente Martínez-Risco e Agüero naceu en Ourense no outono de 1884 no seo dunha familia procedente da fidalguía galega. Seu pai, funcionario de Facenda, nacera en Castro Caldelas porque toda a súa familia, avogados procedentes de Almansa, chegara ao Castro como correxidores e administradores da Casa de Alba. Neno feble e enfermizo estudou o bacharelato no Centro Provincial de Instrución e na Universidade de Santiago licenciouse en Dereito en 1906, tralo cal ingresou no corpo de funcionarios de Facenda na delegación de Ourense. Nesta época frecuentou a vida social e cultural ourensá, asistiu á tertulia da Comisión de Monumentos, afeccionouse ao esoterismo elitista, aplicouse na lectura das vangardas europeas, tanto en literatura coma en filosofía e comezou a publicar artigos nos xornais El Miño e Mi Tierra.

Incómodo co seu traballo de funcionario, en 1913 pediu excedencia e matriculouse na Escola Superior de Maxisterio de Madrid, na que foi alumno de Ortega y Gasset en Filosofía e de Luís de Hoyos en Etnografía. En Madrid tomou parte dos cenáculos literarios, especialmente na do Café Pombo que presidía o seu admirado Ramón Gómez de la Serna, á que tamén asistían vangardistas como Guillermo de la Torre e Rafael Cansinos Asséns. En 1916 regresa a Ourense como catedrático de Historia da Escola Normal, e ao ano seguinte promove La Centuria, unha revista neosófica e literaria na que Risco expuxo as súas ideas estéticas e na que tamén escriben Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas.

Por influencia de Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas ingresaron nas Irmandades da Fala e Risco converteuse na figura máis representativa do nacionalismo ao que, cos seus artigos e ensaios en A Nosa Terra e Nós, dotou dun importante corpus teórico e doutrinal. Definiu a que el consideraba a Galicia esencial e eterna, baseada na terra, na raza, na organización social, na mentalidade e no sentimento. Sen sentir gran entusiasmo pola política, tivo unha actuación moi destacada desde a I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo en 1918, en 1919 presidiu a Irmandade da Fala de Ourense e na III asemblea de Vigo entrou a formar parte do Consello Permanente, pero por querer manter o nacionalismo galego fóra das contendas electorais e de alianzas cos partidos republicanos provocou a escisión do movemento que na IV asemblea de Monforte de 1922 se esgazou na Irmandade da Fala da Coruña, por un lado, e, por outro, a Irmandade Nazonalista Galega, fortemente centralizada e presidencialista, da que Risco ocupou, con poderes case omnímodos, o cargo de conselleiro supremo ata que desapareceu en 1924 como consecuencia da ditadura de Primo de Rivera. Desde esa data ata 1930 abandonou todo tipo de actividade política e centrouse no seu traballo teórico e cultural. Desta etapa é moi importante a súa participación como director da revista NÓS e no Seminario de Estudos Galegos, no que dirixiu a Sección de Etnografía e Folklore.

Ao percibir como próxima a fin da ditadura, en 1930 Risco participou nunha asemblea na Coruña que tentaba recompoñer as Irmandades e apoiou a creación dun partido político que acollese a todos os nacionalistas, pero poucas semanas despois partiu para Alemaña becado pola Junta de Ampliacións de Estudios para estudar Etnografía e Folklore. Da estadía europea Risco ía dando conta nas seccións “De Alemaña” e “Mitteleuropa” que enviaba á revista NÓS, nas que se mostra moi conservador, católico intransixente e inimigo da civilización moderna. O ascenso violento do nazismo e do comunismo exerceu nel unha grande influencia e produciulle unha involución ideolóxica tan forte que foi decaendo o seu compromiso nacionalista, sobre todo a raíz de non conseguir acta de deputado nas eleccións de xuño de 1931, ás que se presentou polo Partido Nazonalista Repubricán de Ourense. E como por motivos relixiosos estaba tan enfrontado coa República encabezou a corrente que se escindiu como Dereita Galeguista.

Trala sublevación militar de xullo de 1936 o mestre Vicente Risco claudicou e ofreceu a súa adhesión pública ao novo réxime, tanto durante como despois da guerra: Algo incomprensible nun home tan intelixente ao que os sublevados asasinaron a moitos dos seus discípulos e amigos: “Esa é unha cousa que a min me fai sufrir moito. Penso que foi por algo de timidez. Xa era vello, estaba débil. O home tiña medo pola familia. Seguimos tratándonos profundamente, pero sin falar deso. Pra nós seguiu sendo o mesmo”, deixou dito ao respecto o seu íntimo amigo Otero Pedrayo, que se mantivo digno e distante da nova situación.

Despois da guerra, liquidada toda actividade e marcado polos novos compromisos ideolóxicos, en 1945, con 61 anos, Risco decidiu buscar o éxito literario en Madrid. Colaborou en El Español, Pueblo e La estafeta Literaria e traballou no Centro de Estudos de Etnoloxía Peninsular, pero as súas expectativas quedaron frustradas e tres anos máis tarde regresou á Normal de Ourense, da que xa non se moveu ata xubilarse en 1954. Neses momentos cultivaba a literatura en castelán e concorreu ao prestixioso Premio Nadal en 1952 coa novela La puerta de paja, que despois de pasar en primeiro lugar case todas as votacións quedou relegada ao terceiro lugar, aínda que ao publicarse recibiu os eloxios unánimes de toda a crítica española.

Xubilado como catedrático, os traballos etnográficos ocupan a maior parte do seu tempo. Morreu na súa cidade natal o 30 de abril de 1963. En 1981 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.

Autor da biobibliografía: Xosé Ramón Fandiño Veiga

Como citar: Gurriarán, Ricardo : Vicente Risco. Recuperado o 22/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2483

Vicente Risco

Ourense, 1884 - Ourense, 1963

Autoria: Adrián Estévez Iglesias

DOI: 10.17075/adg.2483

O ourensán Vicente Martínez Risco y Agüero é unha das figuras máis destacadas da Xeración Nós. Está considerado un dos teóricos do nacionalismo galego



Estudou Dereito por libre na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1906. Acadou a praza de funcionario na delegación de Facenda de Ourense, e no faladoiro de Marcelo Macías coincidiu con outros intelectuais como Xulio Alonso Cuevillas (tío de Florentino López Cuevillas) ou Arturo Vázquez Núñez. Levábase tamén desde a infancia con Ramón Otero Pedrayo pois naceran no mesmo edificio con tres anos e medio de diferenza. Seguidor das vangardas literarias e filosóficas, a través dos decadentistas ingleses e franceses chegou ao ocultismo e o orientalismo, e estudou tamén o budismo e o teosofismo. En 1910 comezou a escribir no xornal local El Miño, onde empregaba pseudónimos como Rujú Sahib ou Polichinela. En 1913 comezou os estudos de Maxisterio en Madrid, onde foi alumno de José Ortega y Gasset e tratou a Ramón Gómez de la Senra e Luis Hoyos Sáinz. En 1916 regresou a Ourense xa como catedrático de Historia da Escola Normal, e por entón regresara ao catolicismo.

En 1917 fundou co avogado Arturo Noguerol e con López Cuevillas a revista literaria mensual La Centuria, subtitulada Revista neosófica, publicada en castelán (agás un poema de Noriega Varela) e que durou sete números. Nese mesmo ano ingresou nas Irmandades da Fala, da man de Antón Losada Diéguez, e comezou a publicar no voceiro A Nosa Terra e mesmo a participar en mitins, así como na Primeira Asemblea Nacionalista. Nese ano publicou o artigo “Teoría do nacionalismo galego”, que desenvolverá no libro do mesmo título editado en 1920.

En xuño de 1920 asistiu a unha xuntanza en Pontevedra con Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez co obxecto de crear unha revista monolingüe sobre a cultura galega. Castelao propuxo que se chamase Nós, sendo Risco o director literario e Castelao o director artístico. Acordouse que se editase na imprenta ourensá de La Región, e Arturo Noguerol encargouse de constituír unha sociedade mercantil para facer viable o financiamento. No outono de 1921 o Grupo Nós constituíuse como sociedade.

Tras a Cuarta Asemblea Nacionalista, de 1922, Risco abandonou as Irmandades da Fala e creou a Irmandade Nazonalista Galega. Nun primeiro momento colaborou coa ditadura de Primo de Rivera, iniciada en setembro de 1923, pensando que sería unha oportunidade para desmontar o sistema caciquil, e aceptou un posto de deputado provincial por Ourense co obxecto de crear unha mancomunidade, como en Cataluña. En xaneiro de 1923 a Irmandade Nazonalista retomou a edición da publicación brigantina Rexurdimento, e despois tivo como voceiro oficioso o xornal Galicia, de Valentín Paz Andrade. A Irmandade Nazonalista cesou a súa actividade cara a 1926, e en 1929 Risco regresou ás Irmandades da Fala e a escribir n’A Nosa Terra.

Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do que dirixiu a sección de etnografía e folclore, dúas disciplinas ás que lles prestou atención ao longo de toda a súa vida.

Un dos obxectivos de Nós era dar pulo á literatura galega. Risco cultivou a narrativa desde o relato Do caso que ll’aconteceu ó doutor Alveiros (1919), pezas curtas publicadas en Céltiga e Lar como A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, a novela O porco de pé (1928), ou relatos que viron a luz na revista Nós, como “Dedalus en Compostela”. Tamén publicou unha peza de teatro, O bufón d'El-Rei. Drama en catro pasos (1928).

O 23 de febreiro de 1929 ingresou na Real Academia Galega, a proposta de Manuel Martínez Murguía, Eladio Rodríguez González e Manuel Lugrís Freire, co discurso Un caso de licantropía, que foi respondido por Ramón Cabanillas.

En 1930 realizou un curso de etnografía na Universidade de Berlín. Nos catro meses alí vividos, narrados nas crónicas enviadas a Nós e posteriormente recollidas en Mittleuropa (1934), deveu cara a unha ideoloxía máis conservadora e católica.

En 1931 foi un dos fundadores do Partido Nazonalista Republicán de Ourense, polo que saíu elixido Ramón Otero Pedrayo como deputado nas eleccións a Cortes Constituíntes celebradas o 28 de xuño. En outubro dese mesmo ano participou no manifesto de afirmación católica asinado por un grupo de galeguistas protestando polo que entendían como unha persecución do réxime republicano contra a igrexa.

En outubro de 1935 foi elixido membro do executivo na III asemblea do Partido Galeguista, se ben daquela xa había fortes desavinzas. Tras a adhesión do Partido Galeguista á Fronte Popular en 1936 Risco integrouse en Dereita Galeguista, que se constituíra en maio de 1935. Con todo, participou de forma activa na campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia.

Tras o alzamento nacional, en 1938 publicou diversos artigos en La Región en apoio ao bando sublevado. Entre 1940 e 1948 residiu a Pamplona e Madrid, e publicou diversos estudos etnográficos en lingua castelá. Regresou a Ourense, volveu publicar algún traballo en galego e traduciu á nosa lingua a novela La familia de Pascual Duarte de Camilo José Cela, se ben seguiu escribindo en castelán o resto da súa produción literaria, chegando a ser finalista do Premio Nadal en 1952 coa novela La puerta de paja. En 1961, animado por amigos como Otero Pedrayo e Fernández del Riego, publicou coa editorial Galaxia o volume Leria, unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios redactados entre 1920 e 1955.

Finou en Ourense en 1963, e foi soterrado no cemiterio de Vilanova, en Allariz.


  • Referencias

    • OBRA

      • Obra en galego

        • Narrativa

          • Do caso que ll’aconteceu ó doutor Alveiros (1919)
          • O lobo da xente (1925)
          • A velliña vella (1925)
          • A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925)
          • A Coutada (1926)
          • Os europeos en Abrantes. Epopeia en prosa (1927)
          • O porco de pé (1928)
          • Dedalus en Compostela (1929)
          • O señor feudal (1930)



        • Teatro

          • O bufón d'El-Rei. Drama en catro pasos (1928)



        • Ensaio

          • Teoría do nazonalismo galego (1918)
          • Nós, os inadaptados (1933)
          • Mitteleuropa. Impresiós d'unha viaxe (1934)
          • Leria (1961)
          • Doutrina e ritual da Moi Nobre Orde Galega do Santo Grial (1997)



        • Etnografía

          • Etnografía e folkore de Melide (1933)







      • Obra en castelán

        • Narrativa

          • El enviado (1911)
          • La puerta de paja (1953)



        • Ensaio

          • El problema político de Galicia (1930)
          • Psicología del librepensador (1937)
          • Satanás, biografía del diablo (1947)







    • BIBLIOGRAFÍA

      • Casares Mouriño, Carlos (1981): Vicente Risco. Vigo: Galaxia.
      • Lugrís Pérez, Ramón (1963): Vicente Risco na cultura galega. Vigo: Galaxia.
      • Risco, Antón (1978): Pensamento de Vicente Risco. Lugo: Alvarellos.
      • VV.AA. (2013): Quen é Vicente Risco? Allariz: Fundación Vicente Risco.





Como citar: Estévez Iglesias, Adrián : Vicente Risco. Recuperado o 22/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2483

Obra de Vicente Risco

«Prosas de Risco: Leonardo Coímbra en Madrid» / «Ante la pizarra»

Artigo de Vicente Risco sobre a estancia madrileña de Leonardo Coimbra, nunha páxina que entre outras pezas tamén inclúe o escrito titulado «Ante la pizarra» de Ben-Cho-Sey datado en 5/2/1922.

Fonte: La Zarpa (11/2/1922) vía Galiciana

Obra sobre Vicente Risco

Bibliografia selecta sobre Vicente Risco

A) SELECCIÓN DE ESCRITOS DE VICENTE RISCO

. "Preludio a toda estética futura", La Centuria, Ourense, n.º 1, (xuño 1917), p. 14-18; n.º 2, (xullo), p. 17-18; n.º 3, (agosto), p. 12-17; n.º 5, (outubro), p. 19-21; n.º 6, (novembro), p. 16-17; n.º 7, (xullo 1918), p. 20-21.
. Las Tinieblas de Occidente. Ensayo de una valoración de la civilización europea [1918], ed. de Manuel OUTEIRIÑO, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 1990.
. Do caso que lle aconteceu ô Dr. Albeiros, A Coruña, Tip. El Noroeste, 1919.
. Teoría do nacionalismo galego, Ourense, Imp. La Región, 1920, [ed. crítica de Justo BERAMENDI, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 2000]
. "Galiza e os partidos polítecos hespañoes", Rexurdimento (ING) , n.º 3, (febreiro 1923), p. 6-7.
. "A Galiza e o voto en Cortes. A arela mínima do nazonalismo galego", Rexurdimento (ING), n.º 7, (xuño 1923), p. 1.
. A trabe d’ouro e a trabe d’alquitrán, A Coruña, Lar, 1925.
. O lobo da xente, A Coruña, Lar, 1925.
. A Coutada, A Coruña, Lar, 1925.
. Elementos de Metodología de la Historia, A Coruña, Nós, 1928.
. O porco de pé, A Coruña, Nós, 1928.
. O bufón d’El Rei, A Coruña, Nós, 1928.
. El problema político de Galicia, Madrid, Compañía Iberoamericana de Publicaciones, 1930.
. "Nós, os inadaptados", Nós, n.º 115, (25-VII-1933), p. 115-123.
. "Folklore de Melide" e "Estudo etnográfico de Terra de Melide", en Terra de Melide, Santiago de Compostela, Seminario de Estudos Galegos, 1933.
. "Manuel Murguía", Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, VI, (1934), p. IX-XLVI.
. "Nacionalismo galego", Alento, n.º 1-2, (xullo-agosto 1934), p. 4-8; n.º 3, (setembro), p. 36-40; n.º 5, (novembro), p. 84-86; n.º 6, (decembro), p. 123-126; n.º 7-8, (xaneiro-febreiro 1935), p. 157-163. Tamén en A Nosa Terra, n.º 351, 353, 354, 355, 361, 363, 364, 365, 366, 367, (do 6-X ao 25-V-1935).
. Mitteleuropa, Santiago de Compostela, Nós, 1934.
. "Ensayos sobre el marxismo", Misión, n.º 20, (1-XII-1937), p. 10-11; n.º 21, (15-XII), p. 10-11; n.º 23, (15-I-1938), p. 10-11; n.º 24, (1-II), p. 10-11; n.º 25, (15-II), p. 8-11; n.º 26, (1-III), p. 9-13.
. El sentido espiritual de la Historia, Ourense, Suplemento de Misión (Biblioteca de Misión), 1937.
. Psicología del librepensador, Ourense, Suplemento de Misión (Biblioteca de Misión), 1937.
. "Estudios sobre el judaísmo", Misión, n.º 40, (1-X-1938), p. 9-11; n.º 41, (15-XI), p. 10-11; n.º 42, (1-XI), p. 9-10; n.º 43, (15-XI), p. 9-11; n.º 44, (1-XII), p. 9-11.
. Historia de los judíos desde la destrucción del Templo, Madrid, 1944.
. Satanás. Biografía del diablo, Madrid, Libros y Revistas, 1947.
. Historia de Galicia, Vigo, Galaxia, 1952, (Manuales de Galaxia)
. La puerta de paja, Barcelona, Planeta, 1953.
. El Libro de las Horas, Ourense, Gráficas Tanco, 1961.
. «Etnografía. Cultura espiritual», en R. OTERO PEDRAYO (dir.), Historia de Galiza, Buenos Aires, Nós, 1962, v. 1.
. Mitología cristiana, Madrid, Editora Nacional, 1963.
. Orden y caos, Madrid, Escelicer, 1968.


B) PRINCIPAIS ESTUDIOS SOBRE VICENTE RISCO

BEIRAS TORRADO, Xosé M., «Vicente Risco e nós. Notas pra unha leria», Grial, n.º 20, (abril-xuño 1968), p. 162-183.
BERAMENDI, Justo G.: Vicente Risco no nacionalismo galego, Santiago de Compostela, Edicións do Cerne, 1981, 2 v.
. De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2007.
BOBILLO, Francisco: Nacionalismo gallego. La ideología de Vicente Risco, Madrid, Akal, 1981.
CASARES, Carlos: Vicente Risco, Vigo, Galaxia, 1981.
CONGRESO Vicente Risco (Ourense, 18-21 outubro 1995), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1996.
FERNÁNDEZ, Carlos: O vento do espírito. De Vicente Risco a Ramón Piñeiro, Vigo, Galaxia, 2000.
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé: Vicente Risco. Mestre de mestres, Ourense, Deputación de Ourense, 2015.
LEZCANO, Arturo: Vicente Risco, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1996.
LORENZANA, Salvador (F. Fernández del Riego): «O galeguismo ideolóxico de Vicente Risco», Grial, n.º 63, (1979).
LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: «Don Vicente Martínez Risco y Agüero», Boletín de la Real Academia Gallega, XXX, n.º 351, (decembro 1969), p. 261-265.
LUGRÍS, Ramón: Vicente Risco na cultura galega, Vigo, Galaxia, 1963.
OTERO PEDRAYO, Ramón: «Lembranza do mestre Vicente Risco», Boletín da Real Academia Gallega, n.º 351, (1969), p. 266-270.
RISCO, Antón: La obra narrativa de Vicente Risco, Ourense, Caixa Ourense, 1987.
RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, M.: «Risco e o pensamento filosófico», Grial, XXI, n.º 80, (abril-xuño 1983), p. 131-141.
RUBIDO, Bieito, (ed.): Vicente Risco. O mestre sempre vivo, A Coruña, La Voz de Galicia- Fundación Vicente Risco, 2003.
TORRES QUEIRUGA, Andrés: «Vicente Risco entre a ortodoxia e o galeguismo», Encrucillada, n.º 8, (1984), p. 415-432.
VARELA, José Luis: «Vicente Risco (1884-1963). In memoriam», Arbor, (xuño 1963), p. 128-137.
VENTURA, Joaquin: O nacionalismo kármico de Vicente Risco, Santiago de Compostela, Laiovento, 2000.

Bibliografía específica sobre Vicente Risco elaborada por Xusto Beramendi. 2017

| Procedente do Irmandades da Fala

Referencias bibliográficas

- BEIRAS, Xosé Manuel "Vicente Risco e Nós. Notas para unha leria" , Grial, nº 20.
- BERAMENDI, Justo G. Vicente Risco no nacionalismo galego , Edicións do Cerne, Santiago.
- CARBALLO CALERO Historia da literatura galega contemporánea , Galaxia, Vigo.
- CASARES, Carlos Vicente Risco , Galaxia, Vigo.
- LUGRÍS, Ramón Vicente Risco na cultura galega , Galaxia, Vigo.
- OTERO PEDRAYO, Ramón A novelística de Vicente Risco , Grial, nº 37.

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Vicente Risco nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Nós (1920-1936) .
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN; DIRECCIóN LITERARIA;

Artigos Vicente Risco

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Vicente Risco nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1934) Antoloxía nacional. Os inteleituas finiseculares. Galicia [Bs As 1930]. 2ª época (349), 3.
Mencións: Ramón Cabanillas ; Vicente Risco ; Antonio Noriega Varela ; Ramón Otero Pedrayo ; Castelao ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (9/1950) Galicia cada treinta días (mayo). Ronsel. Galicia [Bs As 1926]. (450), 27, .
Mencións: Álvaro Cunqueiro ; José Díaz Jácome ; Carlos Martínez-Barbeito ; Vicente Risco ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (3/1951) Galicia cada treinta días (febrero). Ronsel. Galicia [Bs As 1926]. (455), 6, .
Mencións: Francisco Bellot ; Manuel Curros Enríquez ; Xosé Filgueira Valverde ; Vicente Risco ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (5/1952) Galicia cada treinta días (diciembre). Ronsel. Galicia [Bs As 1926]. (465), 8 .
Mencións: Xosé María Álvarez Blázquez ; Manuel María ; Vicente Risco ; Ramón Otero Pedrayo ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1958) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (499), 6 .
Mencións: Álvaro Cunqueiro ; José Díaz Jácome ; Carlos Martínez-Barbeito ; Vicente Risco ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1962) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (523), 11 .
Mencións: Ánxel Fole ; Vicente Risco ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1963) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (529), 15 .
Mencións: Ricardo Carballo Calero ; Álvaro Cunqueiro ; Rafael Dieste ; Francisco Fernández del Riego ; Celso Emilio Ferreiro ; Vicente Risco ; Sebastián Martínez-Risco ; Ramón Otero Pedrayo ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1963) Noticiario Gallego. Galicia cada sesenta días. Galicia [Bs As 1926]. (530), 13 .
Mencións: Ricardo Carballo Calero ; Rosalía de Castro ; Vicente Risco ; Francisco Vázquez Saco ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (5/1963) Vicente Risco en la cultura gallega. Lugo. (239), 1.
Mencións: Vicente Risco ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (6/1970) O sentimento da terra. Galicia [Bs As 1926]. (573), 23 .
Mencións: Vicente Risco ; Ramón Otero Pedrayo ; Castelao ;

Libros do ccg sobre Vicente Risco

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Vicente Risco nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Pr´o catálogo da léngoa galega.
Homenaxe ó 70 aniversario do Seminario de Estudos Galegos
1993 | Vicente Risco, Autoría.
Libro