Participa no Validatón para darlle máis futuro ao galego


O Instituto da Lingua Galega (USC) organiza o Validatón, un maratón de validación de fragmentos de voz en galego doados a Common Voice. Esta iniciativa, enmarcada no Proxecto Nós, está dirixida ao estudantado de todas as titulacións de Filoloxía e desenvolverase o vindeiro 19 de marzo de 2024 na sede do ILG, entre as 16:00 h e as 20:00 h. Todas as persoas interesadas deben inscribirse previamente cubrindo un formulario que estará aberto ata as 12:00 h do 15 de marzo. Haberá agasallos sorpresa para todas as persoas que validen, ademais dun premio de 100€ para o campión ou campioa.

Na páxina web do ILG tes toda a información sobre esta actividade.