Polas súas características e finalidades, agrupamos a maior parte dos materiais especiais nestas tres categorías:
Documentación gris
Documentos non editados, distribuídos por canles non convencionais, de carácter técnico: informes, proxectos, memorias... Ofrecen información sobre os distintos procesos asociados á planificación de actividades, cursos ou programas.
Ephemera
Carteis, adhesivos, dípticos, bolígrafos, camisetas, pins, globos, mistos, etc. Todo tipo de materiais, presentados en múltiples formatos e soportes, que se empregan principalmente en campañas de dinamización lingüística.
Mediateca
Recursos sonoros, audiovisuais, programas informáticos, videoxogos, manuais ou cursos de galego en soporte dixital. A mediateca está en proceso de revisión co obxecto de proceder á dixitalización dos formatos obsoletos.
Podes acceder ao fondo, con cita previa, a través do servizo de consulta en sala. A maiores, ofrecemos periodicamente seleccións documentais en liña de carácter temático, elaboradas como parte do noso compromiso de difusión das iniciativas normalizadoras da lingua galega. Suxerímosche que coñezas algo máis dos materiais especiais do CDSG visitando De ducia en ducia pola lingua.