A Fundación Antonio Fraguas Fraguas convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a décimo terceira edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, que ten como obxectivo alentar entre a comunidade escolar a investigación sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico de Galicia. Un capítulo do traballo deberá tratar algún aspecto lingüístico (toponimia, antroponimia, léxico, fraseoloxía...) relacionado co tema proposto. Poden participar todos os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia que impartan ensinanzas de educación primaria, ESO ou bacharelato. Outorgarase un premio de 7.000 euros para o traballo gañador en cada unha das dúas modalidades: ensino primario e ensino secundario. O prazo de presentación de candidaturas remata o 1 de xuño de 2024.
Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.

