O primeiro Centro de Estudos Galegos en Asia xa é realidade


O pasado 19 de setembro de 2024 tivo lugar a inauguración oficial do Centro de Estudos Galegos na Universidade de Woxsen, o primeiro destas características en Asia. O centro bota a andar grazas a un acordo de colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e estará dirixido polo profesor Anik Nandi, gran coñecedor da realidade sociolingüística de Galicia. Entre as súas funcións están a promoción de intercambios científicos e docentes entre institucións galegas e da India e a difusión das creacións culturais galegas no país asiático.

Ademais do propio director do centro e diferentes profesores da Universidade de Woxsen, no acto inaugural participaron tamén o embaixador de España na India, Juan Antonio March Pujol; o director do Instituto Cervantes de Nova Delhi, Óscar Pujol Riembau; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.