Institucións, entidades culturais e centros educativos preparan o Día de Rosalía


Institucións, entidades culturais e centros educativos do país están a organizar diferentes actos para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra anualmente cada 23 de febreiro, data do nacemento da autora que se converteu nun dos principais símbolos da lingua e a cultura galegas.

A Fundación Rosalía de Castro organizou para este 2025 un programa de actividades que se desenvolverán en Padrón e Santiago de Compostela ao longo de toda a xornada do 23 de febreiro. O acto institucional central terá lugar no Panteón de Galegos Ilustres, ás 11:00 h, cunha lectura de poemas rosalianos, música e degustación do Caldo de Gloria.

Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) tamén celebrará entre o 21 e o 23 de febreiro diferentes actos na Coruña, Vigo e Lugo, ademais do seu acto central conmemorativo que terá lugar o sábado 23 de febreiro, ás12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres, no que se fará unha lectura pública de fragmentos da obra rosaliana e mais do Manifesto da AELG, asinado este ano por Marga do Val. No web da AELG podes consultar o programa completo de actividades conmemorativas, tanto as propias coma as organizadas por outras institucións ou entidades culturais.